|
|
Mercado da Torre, en Caminha
Reportaxe: Agustín Ferreira
Coma cada terceiro
domingo de mes, dende o pasado 15 de maio, Caminha abrirá novamente as
portas ao denominado “Mercado da Torre”, feira de antigüidades e
coleccionismo, que se pode ver e, por suposto, mercar os máis variados
obxectos, no Centro Histórico de Caminha, na Praça Gulbelkian e arredores.
Esta feira pode ser,
ao mesmo tempo, o pretexto para visitar esta vila. Coma se dun museo ao
aire libre se tratase, veremos dende os obxectos máis correntes e, noutro
tempo cotiás, aos máis insólitos; dende obxectos que podemos adquirir por
menos dun euro aos que custan máis de mil; dende os que nos transportan á
nosa época de nenos ata moito máis atrás, da época dos nosos avós. Se somos
curiosos e nos atraen os vellos utensilios e pezas, pasaremos, de seguro, un
par de horas nesta feira que xa comeza o domingo pola mañá.

Obxectos de todo tipo e
tamaño que van dende aquelas vellas e grandes chaves dos portais ata
palanganas, soportes de cables eléctricos, teléfonos, etc.

Se alguén necesita unhas
zamancas, agora que entramos no outono, no Mercado da Torre, pode conseguir
algunha xeitosiña e con anos de experiencia.

Daquelas vellas cervexas
“El águila negra” e “La Estrela de Galicia”, tal vez só queden estes vellos
envases, un bo detalle para os nostálxicos das tabernas.

Coleccionistas de reloxos,
aquí hai cantidade e, posiblemente calidade, e prezos moi dispares desde
aqueles que podemos considerar asequibles a case calquera peto, a pesares da
crise, ata outros un “pouco subidos de tono”.

Obxectos caros, caros,
temos algúns, como estes dous recipientes tasados polo vendedor en 1.500
euros a parella, case nada, pero deben merecer este prezo porque estivemos
moi atentos durante un tempo e…, si eran moi solicitados ata que…, lle
dicían o “santo”.

E este anxo, unha
marabilla que a nós tamén nos entusiasmou. Tamén moi solicitado, pero xa
estaba vendido, foi mercado por uns ingleses a un prezo que …, non nos quixo
dicir o vendedor, pero posiblemente superaba os 2.000 euros de nada.

Case que un autoretrato.
Aproveitamos para vernos reflectido neste espello, coma quen non quere a
cousa.

Metros e metros de stands
ao longo de varias rúas e na praza Gulbenkian. Merece a pena deterse aínda
que, ao final, un xa non sabe o que viu. Por certo, convén levar algúns
euros de máis, non vaia ser que logo nos arrepintamos. Un antollo a veces
podemos permitirnos.

E para rematar, se alguén
precisa un “sinxelo” dormitorio para a súa habitación ou para agasallar a un
amigo, aquí temos todo un luxo. |
|
Doazón Libros aá Asoc, Veciños de Amorín
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|