24/09/2011

     

    

Romaría de Santa Trega (A Guarda)

 

O monte Santa Trega congrega a centos de romeus no día da patrona

 

A Guarda, onde o 23 de setembro foi festivo local, honrou a Santa Tecla, a protomártir do cristianismo que dá nome ao monte que congregou a centos de romeus tanto nas distintas misas que se celebraron desde as oito da mañá como nas poxas ou no xantar campestre.

Tamén, co alba, formáronse grupos de orantes que cumpriron o ritual das “estacións”, rezando o viacrucis e deténdose fronte a cada unha das catorce estacións que nun rosetón reproducen os principais momentos do calvario de Cristo.

Baixo unha espesa néboa amenceu a xornada, pero non foi motivo para que os guardeses, rosaleiros, e algúns portugueses quedasen na casa.

En coche ou a pé, os romeus cubriron os 3,5 quilómetos de estrada ou seguindo os atallos ata chegar á ermida para asistir aos oficios relixiosos cuxa misa principal, prevista para as once, comezou media hora máis tarde, concelebrada por sete sacerdotes acompañanando ao bispo da diocese, Luís Quinteiro Fiúza, con presenza dos alcaldes da Guarda e O Rosal, e membros da Garda Civil, entre outras autoridades.

O bispo recordou a figura de Santa Tecla, trazos biográficos dunha moza que escoitando  predicar a San Pablo, uniuse aos cristiáns e sufriu martirio. Puxo, Fiúza Quinteiro, á protomártir como modelo a imitar e pediu a súa intercesión para superar os aspectos negativos da vida.

Tras a Misa, saíu a procesión, levando distintas mulleres a imaxe da patroa e o bispo portando a reliquia de Santa Tecla: un fragmento dun óso enviado en 1950 á Guarda desde Tarragona, de onde é patroa Tecla. O grupo de giatas A Boalleira participou neste acto relixioso.

Na longa comitiva procesional non faltaron os traxes galegos, e nenos e maiores levaron tamén aqueles produtos e obxectos que entregaron a Santa Tecla para ser poxados.

Os romeus dispersáronse polo monte para o xantar. Algúns, poucos, preferiron O Montiño, a penas a douscentos metros do inicio da estrada de acceso ao Monte; outros acomodáronse en Chans, moitos situáronse na contorna do poboado galaico-romano, e outros, tamén nmerosos, buscaron o seu lugar no máis alto do monte.

Sobre a mesa os máis variados produtos: salpicón, empanadas, tortillas e algún marisco, por citar algúns dos produtos degustados, acompañados de viños brancos e tintos, véndose tamén abundantes botellas de “viño dá casa”. Sobremesas caseiras e elaboradas nas confeiterías, licores e cafés, conformaron unha saborosa e exquisita mesa.

E tras o xantar, houbo alternativas para todos os gustos: paseos polo monte, achegándose á Pedra Furada; outros preferiron xogar ás cartas, algúns botaron unha sesta e outros bailaron ao son das gaitas ou das pandereitas.

Aínda que en ocasións a néboa parecía querer irse abrindo luminosos claros, ás cinco e media, o que era espesa néboa conviriteuse en grosas pingas que motivou que a maior parte dos romeus abandonasen o cume ben para regresar aos fogares ou esperar a que cesase a choiva, cousa que non tardou en suceder, e dirixíronse ao Montiño, onde tería lugar a tradicional merenda-cea.           

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Visita de

Rafael Louzán

á Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com