22/04/12

     

    

Trilho dos Canos de Auga

Viana do Castelo

 

 

            Un cento de sendeiristas participaron na 3ª Andaina organizada polo concello da Guarda, desde a Concellaría de Patrimonio que dirixe Javier Crespo, promotor destas iniciativas que programou tamén os distintos percorridos. Nesta ocasión (21 de abril) seguiuse o Trilho dos Canos de Auga, en Viana do Castelo, contando para elo coa colaboración de Miguel Costa, arqueólogo e técnico superior da Cámara de Viana do Castelo.

        No aparcamento de Santa Luzia os sendeiristas foron “recibidos” por unha copiosa chuvia que non desanimou aos participantes. Chubasqueiros, capas e paraugas, serviron de acubillo para protexerse da auga. Unha hora máis tarde practicamente deixou de chover.

        Parte da ruta realizouse camiñando sobre os canos que, como explicou Miguel Costa, dan abastecemento á cidade de Viana. Trátase dunha obra pública, realizada no século XIX, en bloques de granito en forma de prisma cadrangular, que foron perforados para realizar, interiormente, unha canle. Na parte superior ábrese un oco que serve para eliminar as raíces que crecen no interior e poden obstruír o paso de auga. De feito esas “colas de raposo” podían verse a ámbolos dous lados da canalización.

        A ruta transcorre por sendeiros de terra, pedra solta, enlousados e asfalto. Pásase, tamén, como explicou o guía, pola aldea medieval de San Mamede, hoxe con novas construccións e restos das antigas. San Mamede, dixo Miguel Costa, é santo “veterinario” e á súa procura acuden con animais para ser bendecidos, o que semella unha tradición como a que en España se realiza con San Antón.

        No traxecto hai lugares estratéxicos desde o que descubrir panorámicas da cidade de Viana.

        Transcorre a ruta, xa na parte final, a carón do Castro de Santa Luzia, con vistas que recordan ás do Monte Santa Trega. E remata no mesmo lugar da saída: a contorna da basílica-mirador de Santa Luzía, aproveitando o parque existente para xantar. Preto das 14.30 horas iniciouse o regreso á Guarda.

        A anécdota veo, nesta ocasión, ao “descubrir” nunha zona de bosque, restos dun rito “de bruxería”: velas, comida, flores e unha botella...
 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Amorín:

Curso

de cociña

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com