15/11/2011

     

    

Inauguración da sede de Un Máis

Reportaxe: Beti Rey

   

A Asociación Un máis dará acollida aos pais de nenos con trastornos do especto autista

O pasado sábado tivo lugar a inauguración oficial da sede Asociación Un Máis que reúne a pais, nais, familiares e amigos de persoas con trastornos do espectro autista. A sede está situada na rúa Párroco Rodríguez Vázquez nº5. A asociación creouse o ano pasado a raíz das necesidades que un conxunto de familias foron atopando tras o diagnóstico dos seus fillos con trastornos do espectro autista. Na creación deste colectivo tiveron o  apoio de BATA que traballa a nivel profesional con persoas afectadas por TEA.

A Asociación parte inicialmente con cinco familias coma socias fundadoras, e dan xa cobertura a nenos diagnosticados non só en Tui senón tamén en Salceda, Tomiño, Vincios, e Vigo. Indican que a tónica habitual é que 1 de cada 150 nenos é diagnosticado con autismo. Como exemplo citaban que só no núcleo urbano de Tui teñen coñecemento de 6 nenos autistas.

Na inauguración da sede do pasado sábado, Ana Rodríguez, socia fundadora de Un Máis, explicaba que o obxectivo do acto era celebrar o feito de contar cun espazo dende o que promover o coñecemento e sensibilizar sobre o autismo.

Explicaba que as áreas nas que se manifesta o autismo son dificultades na linguaxe e a comunicación, dificultades na relacións sociais, e intereses restrinxido se repetitivos, puntos que se poden superar coa correcta estimulación. Tamén manifestaba que os autistas son “loitadores natos que se esforzan a diario” indicando que “a realidade do autismo hai que asociala á superación, ao esforzo, á nobreza, ao cariño e a sensibilidade”. 

Montserrat Mon, presidenta de Un Máis, moi emocionada, explicaba as actividades que teñen previsto levar a cabo, como chegar a converterse nun punto de acollida para as familias de nenos recen diagnosticados.

Falaba tamén da implantación de sistema de comunicación a través de pictogramas en distintos espazos lúdicos coma por exemplo a biblioteca, xa que facilita moito a comunicación aos nenos autistas. Tamén queren organizar talleres para a capacitación dos profesionais, pais e nais, ou persoas con esta necesidade de formación, así coma colaborar coa elaboración de recursos nos centros educativos,e  actividades propias xa cos nenos. Marcan tamén en vermello a celebración do Día Mundial de concienciación sobre o Autismo o 2 de abril, e de forma máis cercana no tempo farán unha festa de Nadal.

            No acto interviron tamén Carmen Márquez, coordinadora da Unidade de Diagnóstico de BATA e Nacho Rey, presidente de BATA e coordinador do servizo de emprego.

            Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez,  e a concelleira de Servizos Sociais, Raquel Lorenzo, amosaron o apoio total do Concello, ao tempo que resaltaron a labor feita polos pais de esforzo e sacrificio para levar adiante este proxecto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Presentación do poemario "Maruxía" de Koki

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com