A Guarda cumpriu, unha
edición máis, o Voto penitencial de Santa Trega, celebración relixiosa á que só
acoden os varóns en cumprimento dunha promesa feita hai máis de seis séculos,
segundo a tradición, por mor dunha seca que asolou a comarca e se prolongou no
tempo.
Menos de medio centenar de
homes, e algún rapaz, iniciaron ás 20.30 horas o percorrido no Cancelón subindo
pola estrada que leva ao cume do Trega, uns 3,5 quilómetros, rezando o Rosario
coas reflexións procedentes, polo párroco da Visitación de Santa María a Isabel,
Camposancos, Ángel Soliño. Á altura da Casa Forestal, substituíuse o rezo do
Rosario polo Vía Crucis meditado. Desde aquí, e ata a ermida, sumáronse unha
trintena máis de asistentes.
Ás 21.45 horas os
asistentes ao acto procesional chegaron a última cruz do Vía Crucis. No exterior
xa agardaba a imaxe de Santa Trega, entregando Ángel Soliño, a testemuña da
dirección dos rezos e plegarias ao párroco da Guarda, Jesús García Villadóniga,
acompañado polo crego do Rosal, Isaac Penelas.
Tralas confesións,
iniciouse a Misa oficiada por Jesús García. Ao seu remate, os asistentes bicaron
a reliquia de Santa Trega e recibiron un bolo de pan símbolo do xexún que hai
máis de seis séculos mantiveron os veciños das sete parroquias da Foz do Miño.
Outra forma de ver a reportaxe
