28/02/2011

     

    

Presentación candidatura BNG A Guarda

 

            Entre os aplausos das case 170 persoas que asistiron ao acto de presentación do candidato nacionalista á Alcaldía da Guarda Xan Lois Lomba Alonso, foi recibido Guillermo Vázquez, portavoz nacional do BNG, no salón de actos do Centro Cultural. Na primeiras bancadas, entre outros, estaban os candidatos ás alcaldías de Tui, Laureano Alonso, e do Rosal, Alberte Alonso, así como practicamente a totalidade dos compoñentes da lista do “Bloque” ás eleccións municipais do 22 de maio.

                Presentou o acto Hortensia García, responsable da Muller do BNG e nº 2 na candidatura, quen dixo que o proxecto do BNG  é un proxecto comprometido con Galicia e coa Guarda, para engadir, noutro momento, que o Partido Popular renuncia a un maior autogoberno para Galicia dende a Xunta e a unha maior soberanía financeira coa que impulsar a nosa economía, sinalando tamén que o PP predica austeridade á hora de investir en benestar social, e que foi quen de desmantelar o Sistema Galego de benestar, construído polo nacionalismo no seu paso polo goberno, pero que non ten reparos en gastar millóns de euros en visitas papais ou en eliminar os libros en galego das escolas. Máis interesado, xa que logo, en aniquilar a nosa identidade como pobo que no benestar social dos galegos e as galegas.

            Tamén criticou ao Partido Socialista, tan socialista, dixo, que lle dá miles de millóns de euros á banca privada ao tempo que baixa os salarios públicos e impulsa a reforma das pensións máis regresiva da nosa historia; que pretende privatizar as caixas de aforros, para entregarlle os aforros dos galegos e as galegas aos mesmos banqueiros que crearon a crise económica que estamos a padecer.

Hortensia García Sinalou que o BNG é indispensábel nos gobernos municipais para promover un modelo alternativo de loita contra a crise, para levar adiante unha fiscalidade local progresiva, para potenciar os servizos públicos dende os concellos, para defender a nosa identidade, para xestionar os recursos municipais con racionalidade, eficacia e eficiencia para poñelos ao servizo do benestar dos veciños e veciñas, sempre baixo uns valores políticos de ética, transparencia e participación cidadán.

Guillermo Vázquez

O portavoz nacional do BNG, sinalou na súa intervención que esta formaicón política está comprometida con Galicia, co seu idioma, coa súa cultura, cos seus sectores produtivos básicos, co seu sistema financieiro autónomo, coa sanidade pública. E tamén comprometido coa súa maioría social, cos asalariados, cos autónomos, cos pequenos e medianos empresarios, cos pensionistas, cos parados e cos mozos.

Ante a crise económica, e sobre todo social, que nos afecta, pediu unha reflexión sobre Galicia “ou se está con Galicia e coas súas maiorías ou se está co centralismo, coa gran banca e as grandes corporacións”. E algúns, engadiu mencionando ao Partido Socialista e ao Partido Popular, “están co centralismo, coa gran banca e coas grandes corporacións, quedamos nós, o BNG e o po bo galego que somos os que temos que estar cos intereses deste país”.

Referiuse aos importantes beneficios que obtén a banca e as grandes empresas, e quen sofre as consecuencias e os agobios son as pequenas e medianas empresas, os autónomos que non atoparán solución nin acobillo nestas políticas que se están practicando.

No noso país, continuou, temos a desgracia de sufrir a acción combinada de dous gobernos: do goberno central e do goberno da Xunta e como se non nos chegasen as actuacións do goberno do PSOE aquí atopámonos cun goberno do Partido Popular, presidido polo señor Núñez Feijoo, “que poderán dicir os seus aduladores, que os ten, o que queiran; e poderán dicir os tituleiros mediáticos ao seu servizo o que queira, porque os ten, empezando pola Radio Televisión de Galicia, pero é un presidente absolutamente fracasado e apenas leva dous anos no goberno”.

Centrándose no presidente da Xunta, Guillerme Vázquez recordou que foi Núñez Feijoo quen dixo que ía resolver a crise en 45 días, e neste momento a realidade é que en Galicia aumenta galopantemente o paro sendo, entre todas as comunidades autónomas de España, a que perde máis emprego: 245.000 parados rexistrados. “E cando ao señor Feijoo se lle pregunta sobre qué pensa facer para rsolver esta cuestión, el responde que non ten competencias. E a pregunta que temos que facermos é se non ten competencias ou el non é competente”, cualificando a resposta do presidente de falta de respeto a Galicia, aos parados, aos seus cidadáns e chamándolle ““unha alma en pena”,

Como un presidente, seguiu o portavoz nacional do BNG, é incapaz de defender os intereses de Galicia como o demostra co tema da privatización da Caixa de Aforros, e puxo como exemplo a negociación que sobre as caixas, levou a cabo Cataluña con Zapatero, porque Núñez Feijoo esperaba por “don Mariano, e Mariano non está para estas cuestións; Mariano nunca estivo para estas cuestións de Jalisia. Mariano, como sabedes, aínda que Fraga llelo recomendou, aínda non foi capaz de dicir unha palabra en galego”.  

O canon da auga, que van ter que retirar obrigados polo BNG e miles de galegos, e a política de amnistía para os grandes infractores urbanísticos, estiveron no discurso do portavoz nacional do BNG, quen tamén se referiu “á política de comprar candidaturas, como está a facer o señor Louzán, de apoiar o transfuguismo. Pero qué política quererá levar o Partido Popular aos concellos e ás deputacións?”, entidades estas que teñen que desaparecer, para dar paso a unha nova estructura administrativa.

Outras referencias do discurso de Guillerme Vázquez tiveron que ver co Decreto do Carbón, que levará a milleiros de traballadores ao paro, un sector pesqueiro acosado por cuotas, normas e decisións que o levan á bancarrota; un sector financieiro autónomo en perigo de privatización, con un sector lácteo sen defensa política algunha, que trae como consecuencia o despoboamento do rural; un sector naval que segue, como pasa en ASTANO, sen poder construír buques; un complexo conserveiro posto contra as cordas por un acordo entre a Unión Europea e Papúa Nova Guinea, que obriga ás nosas conserveiras a competir en condicións de desventaxa.

Fixo, finalmente, un chamamento ao domingo, 13 de marzo a estar presentes, ás 12 do mediodía , en Santiago de Compostela “á que esperamos que acudan múltiples asociacións, para dicir alto e claro, ‘non’ ás políticas que están facendo o goberno central e o gobenro da Xunta, e para dicirlles tamén, alto e claro, que si queremos un futuro para este país. Queremos, e podemos e o conquistaredes, a pesar deles. O conquistardes!”

Xan Lois Lomba Alonso

            Na súa intervención Xan Lois Lomba Alonso afirmou que o BNG representa o compromiso e a alternativa á política das formacións que lle deron as costas aos traballadores, aos pequenos e medianos empresarios d aos pensionistas.

Falou das oportunidades que posúe o concello da Guarda con referencias ao patrimonio natural e cultural que hai que poñer en valor, mencionando o Monte Sta. Trega, o esteiro do Miño e a fachada atlántica capaces de dinamizar A Guarda, para crear un importantísimo polo de atracción económico e turístico nesta esquina de Galicia.

Afirmou que o BNG, desde a oposición defendeu o ferry e alertou á sociedade guardesa de que nin o Goberno do Estado nin a Xunta de Galicia tiñan interese en manter este servizo, e acusou ao alcalde, e ao seu grupo, de votar en contra dunha moción presentada polo BNG en defensa do Ferry.

Pediu o dragado do río que non poña en perigo a súa gran riqueza natural, e que permita que os peixes suban a desovar, e emprazou ao alcalde a sumarse ao BNG na defensa do ferry e na defensa do río.

No tocante ao porto da Guarda, considerou unha infraestrutura imprescindíbel a súa mellora para que o sector pesqueiro artesanal poida seguir desenvolvendo á súa actividade con todas as garantías, sendo a día de hoxe unha das poucas alternativas xeradoras de emprego, porque, dixo, apostar polo mar é apostar polo futuro.

Criticou a creación dunha Concellaría do Mar que nestes catro anos non presentou á sociedade guardesa nin unha soa iniciativa a prol do porto.

Da Praza de Abastos dixo Can Lois, que é unha oportunidade para a potenciación do comercio, un escaparate e punto de referencia na venda de produtos de calidade, e que debe ser capaz de revitalizar toda a zona. Neste sentido, o candidato do BNG asegurou que o Goberno municipal non foi capaz de escoitar nesta lexislatura nin aos comerciantes nin ao BNG.

            As críticas á Xunta do PP partiron da decisión de suprimir, parques industriais como o da Guarda-O Rosal e Tomiño, coa diferencia, explicou, que neste  último concello, encabezado polo BNG, implicaron a todo o pobo e ás formacións políticas, a asumir á súa responsabilidade, de modo que hoxe Tomiño vai ter polígono empresarial.

Do PXOM. Afirmou que está paralizado polo alcalde e o seu equipo de goberno e que en catro anos non se avanzou nada, a pesar de ser a promesa central do Alcalde e do seu grupo nas pasadas eleccións municipais.

            Pediu un xerador de espazos para vivendas sociais, con dotación de zonas verdes, que  protexa os recursos naturais e paisaxísticos, e que reserve espazos para dotacións deportivas, de lecer, culturais, sociais e escolares.

Considerou Xan Lois coma unha das urxencias máis importantes a ordenación do tráfico e correxir a falta de aparcamento, sendo imprescindible afrontar a saída sur do porto, para desconxestionar todo o tráfico e para que baixar ao porto non sexa misión imposíbel para os autobuses.

En cultura recordou que cando o BNG gobernaba na Xunta, deixou preparado o Plan Director do Monte Sta. Trega, agochado agora polo PP nalgún caixón, un plan, engadiu, que era unha oportunidade para poñer en valor todo o patrimonio que atesoura o monte e convertelo nunha fonte de riqueza non só para A Guarda, senón para toda a Comarca.

Ao mencionar a publicación de 36 páxinas distribuída polos socialistas, Xan Lois Lomba, asegurou que incorporaron como propias iniciativas do BNG no goberno da Xunta, coma o Programa Xantar na Casa, ou os locais de ensaio que hai no antigo Sinde, que son unha realidade grazas ao esforzo que se fixo dende o BNG na localidade e desde a Vicepresindencia da Xunta ostentada polo BNG.

Trala súa intervención, Xan Lois Lomba, chamou ao conxunto de persoas que, o 22 de maio, formarán parte da candidatura nacionalista na Guarda polo BNG.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

Acción Costeira

no Forum

Gastronómico de Girona

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com