|
Deputado autonómico, concelleiro en Porriño e alcalde da Guarda: José Luis Alonso Riego despídese da vida política
Remata unha etapa máis da súa vida. ¿Pensou vostede algunha vez que chegaría a ser alcalde do seu pobo? Creo que a todos nos fai ilusión ser alcalde do pobo que a un o viu nacer, pero eu nunca pensei nelo; cumprín outros obxectivos como ser deputado autonómico, pero nun momento determinado pediume o presidente do Partido que viñese aquí, e vin de candidato, e o que ían ser só catro anos, ao final convertéronse en oito, pero non máis que eses oito. Sempre digo que na política non se deberían superar os oito anos.
Deputado autonómico, concelleiro en Porriño e alcalde. ¿Qué cargo lle deu máis satisfacións? Imos ver. Son cargos totalmente distintos. Fun deputado autonómico nunha época histórica moi importante porque eu fun deputado na primeira lexislatura, que foi cando comezou a funcionar a autonomía, e hai cousas que me marcaron entón como, por exemplo, a chegada dos restos de Castelao a Galicia e que se soterrasen no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, foi unha cousa que me marcou, como me marcou tamén a constitución do primeiro Parlamento, do primeiro Goberno Autonómico… e esas cousas nunca se borrarán da miña memoria; pero como non, ser alcalde do pobo dun e tratar, con acertos e fallos, porque na vida pública non todos son acertos, tratar de que os seus veciños e os seus concidadáns mellorasen a calidade de vida, que foi o que tratei, foi outra das grandes ilusións. Sempre se di que a persoa aspira ao posto de alcalde do seu pobo; pois ben, eu o fun, e creo que é unha honra, pero insisto, ser deputado, deixoume moi marcado. Eu sempre fun e tiven unha tradición de galeguista, defensor da nosa terra, do noso pobo.
Logo de sete anos como alcalde, ¿cal foi a súa obra imposible? A obra imposible, e que me vou con pena de que non se estea executando, porque o ano próximo circularíamos por ela, é a vía de alta capacidade. Eu pelexei moito por esa vía, e creo, ademais, que houbo unha xenerosidade dos alcaldes que son moito máis prexudicados que nós, o caso do Rosal e Tomiño, e eu convencinos para que apoiasen esta iniciativa; e contei co apoio de don Manuel Fraga Iribarne, e voume con pena porque hoxe circular entre Tui e A Guarda é unha penuria auténtica, cada vez hai máis tráfico, e Deus te libre no verán ou que leves diante camións. Esa é a frustración de marchar sen ver empezada esa obra, que xa non se pode demorar, porque penso que os tempos que non se recuperan, é malo para nós.
¿De cal se sinte máis orgulloso? Hai dúas obras. A depuradora de augas, que marcou a mellora da calidade de vida dos nosos concidadáns e, logo, conseguir traer á Guarda, e asinar un convenio coa Xunta de Galicia, para o Xeriátrico, que a parte dos postos de traballo que xenera, e dos que estamos tan necesitados, o luxo con que foi feito e o convenio asinado coa Xunta para o sesenta por cento das prazas concertadas, éncheme de satisfacción.
¿Qué erro non voltaría cometer? A touro pasado, un recoñece que comete moitos erros, e eu cometinos, porque non son ningún deus, son unha persoa humana e me equivoco. Se hoxe tivese que pactar un novo goberno, nas anteriores eleccións creo recordar que me faltaron 18 votos para a maioría, faríao doutra maneira, seguramente, porque as experiencias indican moitas cousas, e hai cousas que un non debería volver repetir. Por conseguinte, como un aprende deses erros, un faría doutra maneira as cousas.
Vista a experiencia, ¿o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra? Evidentemente
¿Pasan factura política os pactos con independentes? Pois poida ser que si, que haxa pasado. Houbo un cambio de candidato, agora mesmo o PSOE goberna na Xunta e en Madrid, e queiras ou non, o mesmo que cando o PP gobernaba en Madrid e gobernaba aquí o señor Fraga, pois sempre hai un interese na correlación de forzas apoiando sempre a quen goberna. Na Xunta gobernan os socialistas, tamén en Madrid, e sempre axuda a quitar maiorías ou listas máis votadas, e tamén pode ser que recibíramos algún castigo, digamos, polo pacto de goberno, que se rompeu, aproximadamente, un ano antes das eleccións
¿Houbese sido outra a súa xestión de ter gobernado cunha maioría? Nunca se sabe. As minorías, o problema que teñen, é sacar os presupostos, hai que sacar proxectos, obras... e iso, hoxe, é difícil. Cando un partido obtén maiorías non ten disculpa de que non poida facer o seu programa de goberno. Cando non se ten maioría o programa de goberno que un quere levar a cabo, ten que contar cun socio e ese socio pode, ou non pode, estar de acordo e eso trunca posibilidades do que quixeras facer.
¿Sabe que entre os guardeses quedou a incógnita do pacto secreto entre vostede e Fariñas no que se barallaron, e seguen aí, cuestións de toda índole? Non houbo ningún pacto secreto, porque o que se asinou na primeira lexislatura está por escrito e non hai ningunha cousa especial. Tratábase de repartir unhas concellarías para eles e outras eran nosas, e na segunda lexislatura xa non se firmou ningún pacto, porque se o houbese eu o diría tranquilamente, non teño nada que ocultar.
Para rematar, ¿cómo lle gustaría ser recordado? Desexaría ser recordado como unha persoa que traballou polo ben dos seus veciños, que tratei de mellorar a súa calidade de vida, axudar no que puiden á xente do pobo da Guarda, e me marcho con luces e con sombras, como todos os políticos porque quen diga que todos son luces, é malo, porque todos nos equivocamos, e eu me equivoquei, seguramente, moitas veces. Aquí houbo un alcalde que foi unha persoa honrada, unha persoa austera que traballou sen ningún interese particular, porque non tiña nada que defender meu, e os que dicían que eu viña aquí a recalificar un terreo dunha fábrica, non dicían a verdade. Vin a servir aos meus veciños e marcho coa tranquilidade de facer o labor que puiden, a que souben e, moitas veces, a que me deixaron. Xuño, 2007 |
|
|