Tras 20 anos de presidencia de Érguete
Baixo Miño, José A. Uris Guisantes deixa a dirección deste colectivo
José
Antonio Uris Guisantes é unha persoa moi coñecida, e recoñecida, na
Guarda pola súa implicación en temas sociais, por ter sido, tamén,
concelleiro da Corporación da Guarda polo PSdeG e presidente da
Agrupación Cultural Guardesa cando se fundou este colectivo en 1982.
Chegou a hora do relevo e José Antonio Uris Guisantes que presentou a
súa demisión como presidente de Érguete Baixo Miño.
Uris, falar de Érguete supón falar
tamén de 20 anos da vida de José Antonio dedicados a este proxecto. Por
que xurdiu Érguete Baixo Miño?
No ano 83, e ata os 90,
comprobo que hai unha demanda, que ía en aumento, de xeringuillas que me
fai reflexionar. Por outras circunstancias, entro por aqueles anos en
contactos con Mari Carmen Avendaño, en Vigo, cidade na que se fundara
Cedro, organización coa que tamén entro en contacto. Teñamos en conta
que nos anos 84-85, o uso e abuso da heroína no Baixo Miño era enorme. Á
farmacia na que traballaba, e mesmo á miña casa, acudían personas que
necesitaban axuda, que lles prestaba a título individual. Con outras
persoas tratamos de informanos sobre esta problemática. Inicialmente só
podíamos aportar apoio moral, porque outra cousa non tiñamos. Xunto con
Tonino Torrón, Mª Jesús Darriba, María José, e outras persoas máis,
falamos e decidimos facer unha convocatoria pública, no antigo colexio
Rodríguez Sinde, con asistencia masiva, na que tamén participou Mari
Carmen Avendaño e un psicólogo de Cedro, Jorge Cabrera. Daquela asamblea
xurdiu, en xuño de 1990, unha xestora da que me nomearon presidente.
Desde aqueles primeiros anos de
loita e concienciación dun fenómeno de consecuencias nefastas, sobre
todo para a xuventude, como estamos agora?
No Baixo Miño, nos vinte
e sete anos que levo neste tema, polo tanto antes de se fundar Érguete,
nunca faltou a droga, e os consumidores habituais ou esporádicos, tiñan
acceso á mesma. A heroína, no Baixo Miño, volve a ser consumida, sobre
todo polos que superan os corenta anos. É unha situación de
preocupación, ou de fustración, porque despois de tanto loitar, de
tantas manifestacións, de tantas capturas e apreixamentos, dos millóns
gastados, de anuncios, a droga segue presente no día a día da sociedade.
Pero o máis triste é que
esta sociedade, na que vivimos, mira para outro lado. A droga importa
cando afecta á propia familia.
Algunha vez se sentiu Uris
ameazado?
Si, si. O meu teléfono
fixo hai 19 anos que non figura na guía telefónica, porque a través del
e nos momentos que houbo que loitar contra narcotraficantes afincados no
Baixo Miño, e que incluso me custou unha querella por inxurias, e
fun felicitado pola xuíza, non deixaba de recibir ameazas.
Cales foron os momentos máis
“felices” de Uris como presidente de Érguete?
Pois un deses momentos
foi cando ACIGU me nomeou Guardés do Ano, o primeiro recoñecemento que
me fixeron. Logo veo o da Agrupación Cultural Guardesa. Pero quizais o
máis emotivo foi cando o grupo de amigos íntimos, e por sopresa,
nocturnidade e alevosía, encabezados por José Manuel Domínguez Freitas,
Pedro Borrajo, Victoriano Rodríguez, Chechu, o meu antigo xefe na
Farmacia, as miñas compañeiras de profesión, etc., me deron por sopresa
unha homenaxe nunha cea amañada co gallo da miña xubilación.
Houbo, tamén, momentos delicados
en Érguete. Fálenos deles.
En Érguete tivemos que
soportar unha pequena escisión creándose outra asociación que
desapareceu aos poucos anos. Aparte da loita contra o narcotráfico, que
foi moi dura, outros momentos duros foron por cuestións económicas, que
aínda arrastramos, o mesmo que outras asociacións. O local no que nos
reunimos carece das mínimas condicións hxiénico sanitarias, e cando
chove, mete auga estragando o material que temos. Os cambios de Goberno
tamén nos afectan. Cada catro anos temos que volver comezar coas
cuestións burocráticas porque cambian as directrices; cambian ás persoas
especializadas e cambian os plans, e diminúen as subvencións.
Tamén me decepcinou a
falta de voluntarios dispostos a colaborar cos labores de Érguete.
O 31 de decembro, Uris deixou a
presidencia de Érguete. Se buscamos motivos para rematar esta etapa,
cales mencionaría?
Levo dous anos
reflexionando e cheguei á conclusión de que, logo de vinte anos ao
fronte de Érguete, preciso tempo para min, para dedicar a miña familia.
Ademias veño arrastrando, e cada vez con maior intensidade, un problema
de cadeira que me impide facer as cousas que ata agora realizaba,
impedíndome estar ao tanto da situación e dedicación á asociación. Pero
sobre todo é que eu non vou eternizarme aí. Teño 67 anos; levo vinte
anos oficialmente presidindo Érguete, pero desde 83 traballando neste
ámbito.
Cantas veces se
convocaron eleccións á presidencia non se presentou ninguén. Como digo,
como é un cargo sen retribución, que aínda te saca cartos do peto, que
tes que facer viaxes, etc., non anima a coller a presidenica a ninguén.
Quizais se fose remunerado...
Ben, e así as cousas, hai xente
dispota ao relevo?
Conto con María José
González Lomba, e outros membros da directiva que confirmaron que non
dimitirán, e tamén as dúas traballadoras sociais, que forman parte da
asociación, para seguir tirando. Eu xa lles dixen que con toda a dor da
alma, se non aparece ninguén e eles non queredes continuar, pechamos a
Asociación. Estou convencido que eso non sucederá.
Por onde pasará, trala demisión, a
relación de Uris con Érguete?
Vou seguir colaborando,
doutro xeito, pero seguirei colaborando porque me une un cariño especial
coa asociación, unha amizade profunda cos que están.
E para rematar, xa, sabemos que
José Antonio Uris Guisantes é unha persoa moi activa. A que dedicará o
seu tempo libre desde xaneiro?
Seguirei colaborando con
galiciasuroeste, que me encanta o traballo que se fai desde esa páxina.
Estou preparando distintos traballos. Seguirei indagando na nosa
historia local, da que son un namorado; visitando, na medida que poida,
os arquivos. Pasearei pola Ruta das Cetáreas, pola Senda Litoral, polo
Monte Trega... seguirei tendo a vida ocupada, pero agora mesmo, o tema
físico estame impedindo esa mobilidade que quixese.
Xaneiro, 2011