|
|
Mércores, 31 de agosto de 2011 O concello de Tomiño organiza unha observación astronómica na fortaleza de san Lourenzo de Goián O Concello de Tomiño organiza “Noite de Estrelas en San Lourenzo” , actividade enmarcada dentro do proxecto “Descubrindo as nosas Fortalezas”. O evento consistirá nunha observación astronómica cuxa cita é este sábado día 3 de setembro ás 23h00 na propia fortaleza. Para poder participar nesta actividade totalmente gratuíta é preciso inscribirse ou ben a través do mail descubrindofortalezas@gmail.com ou a través do teléfono 622 051 640. A observación correrá a cargo dun especialista no tema que durante aproximadamente unha hora nos adentrará no mundo da astronomía. A actividade está pensada para un máximo de 20 participantes. Esta actividade forma parte da diversidade de actividades organizadas dentro do proxecto Descubrindo as nosas Fortalezas cuxo obxectivo é difundir e por en valor a fortaleza de San Lourenzo de Goián e o seu entorno. As modalidades para as visitas guiadas son percorridos a pé, en bicicleta ou en canoa nos que previamente hai que estar inscritos. O pasado fin de semana foron tres as visitas organizadas. Unha en bicicleta e dúas en canoa. Os responsables dos percorridos comentan que xa foron 91 os participantes no que vai de edición e que xa hai 25 persoas inscritas para o mes de setembro. O pasado ano 2010 foron 162 as persoas que visitaron o forte. Para máis información pódese visitar o enderezo http://descubrindoasnosasfortalezas.blogspot.com A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mostra a súa satisfacción polo “enorme éxito da actividade que de xeito sinxelo e didáctico teñen mostrado o noso patrimonio a tantas persoas. Esta é unha tarefa importante para o goberno municipal xa que permite valorizar o noso pasado sen perder de vista o futuro Ademais esta actividade ten un aliciente xa que non se limita a propia fortificación senón que abarca o seu entorno que ten igual de importancia.”
Martes, 30 de agosto de 2011 Inauguración da Escola Infantil “Mi primer paso” en Tomiño Hoxe, martes, ás sete da tarde terá lugar a inauguración da Escola Infantil “Mi primer paso” no campo da Feira en Tomiño. A Escola comeza ofrecendo 30 prazas para nenos e nenas de 0 a 3, e en breve van ampliar as instalacións ata os 41 cativos. O centro ofrecerá servizo de comedor e abrirá de 7.30 a 19.30h. Destaca no mesmo a incorporación de novas tecnoloxías nas actividades cos nenos, de bits de intelixencia, e do inglés coma terceira lingua. Toda a información sobre esta Escola Infantil está en www.miprimerpaso.es
Venres, 26 de agosto de 2011 Citas hoxe en Tomiño Ás dez desta noite sae da Casa do Concello de Tomiño unha nova visita nocturna aos petróglifos do Monte Tetón organizada polo Concello tomiñés. Hoxe remata a décimo terceira Semana Cultural Virxe Peregrina. O grupo de pandereteiras “Cacharela” de Taborda será o encargado de pechar esta programación ás nove e media da noite. A Asociación de Veciños de Taborda remata esta noite as proxección de cine ao aire libre que organizou ao longo deste mes. Hoxe ás dez van proxectar “Planet 51”.
Xoves, 25 de agosto de 2011 XX Trofeo Festas da Virxen Peregrina en Estás Organizado polp Baixo Miño C.F e Asociación Xuvenil Buraco do Frade, coa colaboración de Churrasquería Novo Arroio e Transportes Moure, o sábado, 27 de agosto, coincidindo coas festas na honra da Virxen Peregrina en Estás vaise disputar no campo do Castillo o trofeo de ditas festas que acada a súa vixésima edición no fútbol masculino. Enfrontaranse os conxuntos do Baixo Miño C.F-Entienza C.F ás 17.00 horas, e a III edición en fútbol feminino entre os conxuntos do FC Tomiño Femenino-Goián C.F Femenino ás 19.00 horas.
Proxección de “Ice Age” no Ciclo de cine ao aire libre en Tomiño A Praza da Mina de Tomiño acolle ás dez desta noite a proxección da película Ice Age dentro do ciclo de cine que organiza o Concello de Tomiño. En caso de choiva a proxección será na Casa da Cultural.
Música coral hoxe na XIII Semana Cultural Virxe Peregrina A música coral é hoxe a protagonista na XIII Semana Cultural Virxe Peregrina de Estás. Ás 21.30h actúan a Coral Polifónica e a Coral Infantil de Tomiño.
Mércores, 24 de agosto de 2011 Este domingo roteiro en canoa no proxecto Descubrindo as Nosas Fortalezas O proxecto descubrindo as nosas fortalezas continúa coas visitas guiadas á fortaleza de San Lourenzo en Goián. Este domingo, 28 de agosto, está previsto un roteiro en canoa ás 17.30h. Terá tres horas de duración As próximas citas xa programadas son o sábado 3 de setembro, ás 17.30h, o roteiro en bicicleta que ten un custo de 5€. E o venres, 7 de setembro, haberá un roteiro á pe ás once da mañá no que están xa cubertas todas as prazas. Neste verán participaron xa máis de 60 persoas neste proxecto de Descubrindo as Nosas Fortalezas. Lembramos que ofrecen tres roteiros, un a pé, outro en bicicleta e outro en canoa. Os grupos deben ter un mínimo de dez persoas e un máximo de 25. Os interesados poden acadar máis información en http://descubrindoasnosasfortalezas.blogspot.com ou no teléfono 622 051 640.
Martes, 23 de agosto de 2011 Prosegue a XIII Semana Cultural Virxe Peregrina en Estás Prosegue a Semana Cultural da Virxe Peregrina en Estás. Hoxe ás nove e media da noite está prevista a actuación do grupo de teatro xuvenil do Centro Cultural de Estás coa obra “En clave de humor”.
A Deputación entrega 22.000 euros a distintas asociacións do concello de Tomiño dentro do Plan de Acción Comunitaria O deputado Pablo Baquero fixo entrega de cinco subvencións a distintas Asociacións sen ánimo de lucro do concello de Tomiño dentro do Programa de Acción Comunitaria (PAC) por valor de 22.000 euros. As axudas están destinadas a realizar melloras en espazos sociais e adquirir equipamentos. O deputado provincial Pablo Baquero fixo entrega de cinco subvencións dentro do PAC. A primeira delas foi para a Asociación Veciñal e Cultural San Vicente de Barrantes por unha contía de 12.000 euros para realizar unha obra no pavillón da parroquia. A segunda axuda foi para a Asociación de Veciños de Amorín por un importe de 1.000 euros para compra de material informático. A mesma axuda e concepto foi para a Asociación polo Saneamento en Tomiño. En cuarto lugar, a Asociación de Veciños do Carregal recibiu 5.000 euros para mellorar as beirarrúas no Parque Público do Carregal. Por último, a Comunidade de Usuarios de Vilachán recibiu unha axuda de 3.000 euros para mellora da rede de abastecemento da rede xeral de auga. O deputado resaltou a importancia de manter estas axudas nun contexto económico complicado para poder seguir mantendo a cohesión social e seguir potenciando o asociacionismo. “Atravesamos por un momento complexo no que as administracións contamos cada vez con menos recursos. A Deputación está a realizar un gran esforzo para manter estas axudas que contribúen á mellora dos servizos públicos, dos espazos comúns e que fomentan o asociacionismo”, explicou Pablo Baquero.
Venres, 19 de agosto de 2011 Os socialistas tomiñeses propoñen homenaxear ás traídas veciñais O xoves, 18 de agosto, o portavoz municipal presentou unha moción no rexistro do Concello para que o acto cívico que se vén celebrando dende hai catro anos nas Festas do Alivio, sirva este ano de homenaxe a tódalas persoas que fixeron e fan posible que a maioría dos veciños conten con auga nas súas casas. Na moción, Santiago Vergara argumenta que, diante da incapacidade das administracións para dar un servizo básico, son os propios veciños os que se organizan e xestionan o acceso á auga. Para os socialistas o traballo das directivas das traídas veciñais non ten o recoñecemento que merecen as persoas que dedican o seu tempo, esforzo e, ás veces, o seu diñeiro a dar un servizo indispensable para a maioría dos veciños e veciñas de Tomiño. O portavoz socialista lamentou a oportunidade perdida coa nova Lei de Augas da Xunta de Galicia para facer un recoñecemento expreso da personalidade das traídas veciñais como xestores da auga, sen considerar que unha grande parte dos galegos e galegas son usuarios do servizo que prestan. Santiago Vergara afirma que “a Consellería de Medio Ambiente só menciona ás traídas veciñais para establecer o cobro do canon da auga, sen considerar ningún tipo de medidas de colaboración para dar un mellor servizo.” Os socialistas esperan ter o apoio de tódolos grupos municipais para aprobar unha moción que será tratada no próximo pleno, previsiblemente na última semana de agosto.
Mañá comeza a XIII Semana Cultural Virxe Peregrina en Estás A XIII Semana Cultural Virxe Peregrina comezará, en Estás, o 20 de agosto e rematará o día 26, organizada polo Centro Cultural, Social e Deportivo de Estás. O sábado, día 20, ás 21 horas a xuventude terá unha cita con “Pollera Pantalon” (Ska Funk). O domingo, día 21, ás 12 do mediodía inaugúrase a exposición de pintura e escultura ”D’Pau e Papel”, de Iria Moure e Ifnacio Moure. A partir do luns, e ata rematar a Sema Cultural, as propostas comezarán ás 21.30 horas, tendo lugar o luns, día 22, a actuación do Grupo de Play Back da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns. O martes, día 23, será o grupo de Teatro Xuvenil Centro Cultural de Estás quen levará ao escenario “En clave de humor”. O mércores, día 24, o grupo de teatro San Fins de Rebordáns escenificará “O cego de Fornelos”. O xoves, día 25, ofrecerá un concerto a Coral Polifónica Infantil de Tomiño. E o venres, día 26, será o Grupo de Pandereteiras “Cacharela” de Taborda o protagonista da xornada. Nesta porposta cultural colaboran a Mancomunidade de Montes de Estás e o Concello de Tomiño.
Cine en Taborda A Asociación de veciños de Taborda continua co ciclo de cine ao Aire Libre. Ás dez desta noite van proxectar a película “Marmaduke”.
Xoves, 18 de agosto de 2011 O concello de Tomiño remata as obras de saneamento nas parroquias de Vilaméan, San Salvador e Santa María de Tebra A concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño comunica a tódolos veciños e veciñas das parroquias de Vilaméan, San Salvador e Santa María de Tebra que posúen contrato de saneamento con Aqualia que poden comezar a facer uso do servizo. A alcaldesa, a través dun Bando Municipal nas distintas parroquias. comunicou aos veciños a entrada en funcionamento nestas tres parroquias do Val de Tebra. As obras de saneamento do colector Cereixo-Tebra iniciáronse en febreiro do 2010 e invertíronse máis de 2.200.000 euros. O Concello de Tomiño e Augas de Galicia con fondos europeos foron as promotoras do proxecto. As obras tiveron unha dobre actuación, por un lado creouse unha rede de saneamento de augas residuais, e por outro lado, recuperause patrimonio etnográfico coa rehabilitación dun muíño, coa restauración da ponte de Hospital e co acondicionamento da área recreativa do río da Pedra. O goberno local agradece a colaboración dos veciños e veciñas que sufriron as obras durante os meses que estas duraron, pero entende que o esforzo de todos e todas pagou a pena para ter acceso a un servizo tan importante.
Feira de Oportunidades de ADETO na fin de semana A rúa A Guarda de Tomiño acolle este sábado e domingo unha Feira de Oportunidades e exposicións organizada por ADETO, a Asociación de Comerciantes de Tomiño. Abrirá os dous días de dez da mañá a dez da noite. Manuel Riveiro, presidente de ADETO, explicaba no programa “Día a Día de verán” da Radio Municipal de Tui que haberá preto de vinte postos de roupa, calzado, perruquería e outros comercios. O obxectivo é liquidar os stocks do comercio asociados. Sinalaba o presidente dos comerciantes tomiñeses que por parte dos asociados teñen todos os anos a demanda de realizar unha feira coma esta para liquidar stocks. A participación na feira é gratuíta para os asociados a ADETO, podendo participar tamén outros comercios de Tomiño non asociado aboando unha cota simbólica. Os interesados dispoñen de tempo ata mañá para anotarse nas oficinas de ADETO. Coincidindo coa feira tamén haberá inchables para nenos, e o sábado actuará o grupo de aerobic de Figueiró e o domingo está prevista outra actuación. Por outra parte Manuel Riveiro facía un balance moi positivo das actividades que están desenvolvendo este verán. Amais agora ADETO ten en vigor a campaña “Eu tamén reciclo”, e dispoñen de convenios con distintas empresas con condicións vantaxosas para os asociados. Amais seguen traballando na formación continua dos asociados. Outra das iniciativas que teñen sobre a mesa é un serán para terceira idades. Explicaba o presidente de ADETO que para desenvolver estas iniciativas dependen sempre das subvencións ás que poden ter acceso. No eido positivo salientaba o incremento no numero de asociados a ADETO.
Mércores, 17 de agosto de 2011 O concello de Tomiño promove as súas fortificacións co proxecto “descubrindo as nosas fortalezas” O Concello de Tomiño promove o coñecemento das fortificacións do municipio a través de roteiros a pé, en bicicleta ou en canoa, no proxecto “Descubrindo as nosas fortalezas”, pensado para grupos que queiran coñecer as fortalezas dun xeito didáctico e ao mesmo tempo disfrutando da natureza. Para elo póñense en práctica tres modalidades: unha Rota a pé, gratuíta, cunha duración aproximada de 75 minutos, percorrendo o sistema de fortificacións ao abeiro do río Miño. Unha segunda propostas: Rota en bicicleta, cun prezo de 5 euros, e unha duración de 3 horas. A terceira alternativa e a Rota en canoa, por 9 euros, cunha duración aproximada de 3 horas. As rotas pódense facer nos meses de agosto e setembro en grupos de 10 ou 20 persoas. Para máis información pódese consultar na páxina Http://descubrindoasnosasfortalezas.bolgspot.com, e as inscricións realizaranse no mail descubrindofortalezas@gmail.com ou no teléfono 622 051 640. O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Uxío Benítez, explicou que “a actividade tivo moito éxito o ano pasado e en vista das demandas decidimos voltar a ofertala. O seu formato permítenos promover o noso patrimonio tan rico e tan particular sen esquecernos da presenza do río” A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa parte, avanzou que “se trata dunha actividade lúdica pero cun contido cultural importante. É un xeito pedagóxico de tomar conciencia do noso patrimonio e de difundilo entre os veciños e veciñas“.
Amorín honra á Virxe da Agonía con festas esta próxima fin de semana A vindeira fin de semana celébranse en Amorín as Festas na honra á Virxe da Agonía. Esta festa, ten a súa orixe, no ano 1846. Así, no Libro de Contas dos Santos, no folio 45 dice: “Nuestra Señora de la Agonía. Esta devoción se erigió de nueva en el dicho año de cuarenta y seis en que la sirvió de Mayordomo, Silvestre Domínguez”. Este ano os maiordomos que serven á Virxe, corresponden a Carregal e son Manuel Salgueiro e José Carlos Estévez, Hai algo que diferenza a estas festas doutras da comarca: as Carrozas. Cada ano, o tradicional desfile de carrozas, feitas polos propios veciños, mostran o gran traballo, dedicación, ilusión e horas de sono, que lle botan as máis de 50 persoas que, dende un mes antes da festa, traballan cada noite para ese día. Este ano 2011, estanse a facer oito carrozas: 3 no barrio da Rotea, 4 no barrio do Outeiro, e 1 no barrio de Baceiro. Nunha desas carrozas, vai a Raíña das Festas e as súas damas de honra. Este ano, a raíña é Estefanía Rodríguez, coas súas damas Verónica Silva e Diana Hermida, recibirá a coroa da súa predecesora, a raíña das festas no 2010, Lidia Ruiz. Os anunciadores da festa serán o grupo de Bombos Muinenta de Sobrada, o venres dia 19, que recorrerá os barrios onde se están a facer as carrozas. O sábado día 20, darase inicio oficial ás Festas 2011, as 08 da mañá, coa tradicional tirada de bombas de palenque. Pola tarde, as 20 horas, terá lugar o primeiro desfile de carrozas. Para acompañalas ata o Torreiro de Festas, irán o Grupo Virxe do Alivio, en colaboración co Concello de Tomiño, e o grupo de Bombos Muinenta de Sobrada. Pola noite, a verbena será amenizada, a partires das 22.30 horas, polas orquestras Compostela e D´Tacón. O domingo día 21, fará a súa entrada, a banda de música Agrupación Musical de Belesar, cun pasarrúas polo recinto da festas. As 12.30 horas, celébrase a Misa Solemne con homilía e procesión. Nesta procesión, sae o carro da Virxe, onde van os anxiños. Este ano son Laura Rodríguez e Saray Almeida. Pola tarde, o último desfile de Carrozas, as 19 horas. E pola noite, verbena a cargo da banda de música Agrupación Musical de Belesar e o grupo Aramio. A Comisión de Festas, presidida por Carlos Maceira, xunto con todas as persoas que o acompañan neste labor, Custodio Gonçalves, Noelia González, Gloria Barbosa, Telmo Vila, Manuel Filgueiras, Telmo González, Rubén Martinez e Carlos Martinez, queren invitar a todos os veciños da comarca, a compatir estas festas en Amorín, na honra á Virxe da Agonía 2011.
Venres, 12 de agosto de 2011 O concello de Tomiño abre o prazo de incrición no Programa Clara destinado a mulleres en proceso de inserción social e laboral O Concello de Tomiño abre o prazo de inscrición no Programa Clara para mulleres en proceso de inserción social e laboral. Este programa tivo unha primeira edición o pasado ano rematándose con éxito ao conseguir insertar 8 mulleres de 20 que formaban parte do proxecto. O Plan Clara é un programa subvencionado polo Instituto da Muller e o Fondo Social Europeo. Programa pioneiro que ten como fin promover o acceso das mulleres aos seus dereitos sociais e económicos facilitando a súa inserción social e laboral. Para acadar este obxectivo xestionaranse diferentes accións encamiñadas a favorecer o acceso a un posto de traballo. Entre esas accións destacan as sesións formativas para desenvolver a asertividade, mellorar a autoestima ou itinerarios personalizados para a busca activa de emprego. Todo este conxunto de accións levarnse a cabo dende unha perspectiva de xénero. As mulleres interesadas en participar no programa poden achegarse a Escola Obradoiro de Goián (Baixada ao Regatiño 8) ou no propio Concello en horario de mañá (08h00 a 14h00). Coa nova sinatura do programa o Concello de Tomiño, dende a área de igualdade, pretende dar continuidade ao traballo iniciado o pasado ano renovando deste xeito o seu compromiso co emprego e coa igualdade de oprotunidades entre mulleres e homes. A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou “a importancia deste tipo de proxectos para o Concello de Tomiño. Son programas fundamentais dende a perspectiva de calidade de vida das mulleres. É un traballo que non se ve pero que existe e ten demostrado que deixa pegada”.
Feira de Oportunidades en Tomiño A Asociación de Comerciantes de Tomiño, ADETO, informa que o 20 e 21 deste mes vai realizar unha Feira de Oportunidades e exposicións. Será en horario de dez da mañá a dez da noite na rúa A Guarda de Tomiño. Tanto o sábado como o domingo haberá actuación á tardiña, e inchables para os nenos. Os comerciantes interesados en participar deben porse en contaco con ADETO á maior brevidade posible.
Xoves, 11 de agosto de 2011 O concello de Tomiño pon en marcha, hoxe mesmo, o seu cine de verán A concellería de Cultura de Tomiño programou un ciclo de cine ao aire libre coa proxección de dúas películas de animación e dúas comedias, que terán como datas os xoves que restan de agosto e o primeiro de setembro ás 22 horas, alternándose a pantalla entre a Praza do Seixo e a Praza da Mina co fin da súa dinamización. Hoxe mesmo proxectarase, na praza do Seixo, a comedia Unha parella de tres con Owen Wilson e Jennifer Aniston, película dirixida por David Frankel. A segunda proxección terá lugar o xoves 18 de agosto tamén na Praza do Seixo. Neste caso trátase dunha animación dirixida a tódolos públicos, Kung fu panda. Na praza da Mina terán lugar as dúas seguintes sesións, a do 25 de agosto e do 1 de setembro. A película do último xoves de agosto é unha coñecida animación, Ice Age, e a do primeiro xoves de setembro será a comedia, Carlitos e o campo dos soños. Todas as sesións se trasladarán en caso de choiva á Casa da Cultura. O Concelleiro de Cultura, Xosé María Regueiro, sinalaba que “o cine de verán ao aire libre favorece a dinamización do centro de Tomiño. Ademais é unha oferta para toda a familia que agardamos que responda as súas demandas”.
Tu Menú gaña un dos premios Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais convocados polo MARMO próximo 13 de outubro a empresa Tu Menu de Tomiño recibirá en Madrid, no Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino un dos galardóns da segunda edición dos Premios Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais convocado por este Ministerio. Estes premios concédense a proxectos desenvolvidos por mulleres que leven a cabo modelos de negocio que persigan una xestión sostible dos recursos ruraies, así como explorar novos xacimientos de emprego. Tu Menú recibirá este galardón dotado con 25 mil euros. Tu Menú Goián S.L. é unha xoven empresa de comidas preparadas do concello de Tomiño, que ata o de agora se dedicaba á venda de pratos cociñados na tenda situada nas súas propias instalacións. Agora está a diversificar a súa proposta de servizos de cara a ofertar servizos de catering de todas as clases e tamaños, tanto en actos puntuais de carácter lúdico, familiar ou empresarial, como ao servizo diario de alimentación a comedores escolares e outras colectividades en toda a provincia de Pontevedra.
Martes, 9 de agosto de 2011 Os Teixugos participaron no campionato de España de infantís en Ponts Informa Rosa Fernández.- O pasado sábado, 6 de xullo, celebrouse na localidade catalá de Ponts o Campionato de España de Infantís co que se prchou a tempada 2011 de Slalom a nivel nacional. Os Teixugos acudiron cos cinco infatís cos que conta neste momento: David, Claudia, Marina, Brais e Manuel. Ao final do día non se conseguiu ningunha medalla para o club tomiñés, pero os nenos e nenas deixaron o pavillón ben alto, xa que case todos puntuaron grazas os bos tempos obtidos. Destacar a 4ª e 5ª praza obtidas en K1 Infantil B por Manuel Ochoa e Brais Castro respectivamente, quedando os seus tempos a moi poucos segundos dos gañadores. Na puntuación final por clubs o Club Deportivo Miño acadou o quinto lugar, sendo o club galego mellor clasificado. O mérito dos Teixugos e moito pois compite con vascos e cataláns que contan nas súas comunidades con canles adaptadas a este deporte e cunha lexislación a nivel ríos moito menos estrita que a galega, que só parece respectar os dereitos das compañías hidroeléctricas. A nivel económico tamén están motísimo mais respaldados, tanto por patrocinadores como polas súas respectivas federacións. A vindeira cita será en Dumbría onde se celebrará a 5ª Copa Galega de Promoción de Slalom. Pódense ver as fotos premendo AQUÍ
Semana Deportiva – Verán 2011, no Pavillón Multiusos de Sobrada O Club Deportivo Monteferreiros, de Sobrada, organiza a III Semana Deportiva no Pavillón Multiusos da parroquia que comezou o pasado sábado. Para esta semana teñen programado o "III Torneo de Verán de Tenis de Mesa". Vaise celebrar hoxe martes, mércores e xoves ás sete da tarde no Pavillón Multiusos. O prezo de inscrición é de 3 €, podéndose formalizar chamando aos teléfonos 687 05 43 19 ou 617 88 97 49. Tamén pode facerse por correo electrónico en c.d.monteferreiros@gmail.com
Luns, 8 de agosto de 2011 O concello de Tomiño, incluído no programa europeo “Xuventude en acción”, desenvolverá un curso sobre intercambios xuvenís a nivel europeo O Concello de Tomiño ven de ser incluido no programa europeo “Xuventude en Acción” dentro do cal se desenvolverá un curso internacional sobre como facer intercambios xuvenís que leva por nome Europas nas fronteiras. Serán dende a Oficina de Información Xuvenil dende onde se xestionará o proxecto, “Europes on the borders”. Foi a Axencia Nacional Española (Ministerio de sanidade, política social e igualdade) a que aprobou ao Concello de Tomiño o proxecto destinado a mozo e mozas de 18 a 25 anos procedentes de Estonia, República Checa, Letonia, Eslovenia, Portugal e Tomiño e programa de formación e actividades están previsto para setembro. O curso centrarase nunha formación básica do programa Xuventude en Acción, focalizándose en intercambios e iniciativas xuvenís, coa clara intención de formar a mozos e mozas en proxectos de zonas fronteirizas e presentalos na convocatoria de febreiro do 2012. Mediante esta actividade promóvese a creación dunha rede de organizacións en zonas da fronteira, as máis delas pertencentes a zonas eurorrexión, coa intención de realizar proxectos en común no futuro, como intercambios de grupos de mozos e mozas. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de mocidade, Eva Martínez, mostraron a súa satisfacción polo aprobación do proxecto. A Alcaldesa, Sandra González, incidiu que “a importancia deste curso internacional radica na formación que se lle dá a mozos e mozas para que tomen conciencia e valoricen a grande ventaxe a peculiaridade que supón vivir nunha fronteira e as vantaxes de intercambio que iso pode supoñer para o futuro”.
Sábado, 6 de agosto de 2011 Doazón da copia dun plano de 1730 á Asociación Veciños de Amorín A Asociación Veciños de Amorín, vén de recibir un cuadro, no que aparece enmarcado o plano do antigo forte de Amorín, situado no lugar denominado “O Castillo”. Trátase dunha copia do plano gardado no arquivo do Exército, do ano 1730. Esta doazón, foi feita polo arquitecto e historiador vigués Jaime Rodríguez Garrido. O cadro, quedará exposto na Casa dos Mestres de Amorín.
Semana Deportiva – Verán 2011, no Pavillón Multiusos de Sobrada O Club Deportivo Monteferreiros, de Sobrada, organiza a III Semana Deportiva no Pavillón Multiusos da parroquia, que comezará hoxe sábado, 6 de agosto, coa “III Andaina do Furnia ao Miño”, saíndo ás 09.00 horas dende o Pavillón. O domingo, 7 de agosto, terá lugar a “III Marcha en bici de monte”, por Sobrada, pasando por Tomiño e regresando a Sobrada. A saída está sinalada para as 10.00 horas, dende o mesmo Pavillón de Sobrada. O martes, mércores e xoves (días 9, 10 e 11 de agosto), celebrarase o "III Torneo de Verán de Tenis de Mesa" no Pavillón Multiusos, comezando ás 19.00 horas. O prezo de inscrición é de 3 €, podéndose formalizar a inscrición chamando aos teléfonos 687 05 43 19 ou 617 88 97 49. Tamén poderá facerse por correo electrónico en c.d.monteferreiros@gmail.com
Xoves, 4 de agosto de 2011 O concello de Tomiño pon en marcha este sábado o “Tomibús” A Concellería de Seguridade e Trafico do Concello de Tomiño, que dirixe Olga Orduña, pon en funcionamento o servizo de transporte nocturno “Tomibús” que xa se iniciará este sábado día 6 de agosto. Este servizo vén a sustituir o antigo servizo de Noitebús, que puxera en marcha a Xunta de Galiza en colaboración cos concellos e que o ano pasado decidiu suprimir. Debido ao éxito e resultados do Noitebús, durante os seus anos de funcionamento, e ante a supresión do servizo por parte da Xunta, o concello de Tomiño decidiu tomar a iniciativa e apostar polo “Tomibús”, un servizo só financiado polo Concello e que terá unha taxa de 4 € por viaxe, ida e volta. O “Tomibús” consiste nun autobús que transportará as mozas e mozos á Guarda os sábados á noite, saíndo de Tebra ás 23,45 horas os sábados, pasando por Vilameán, Hospital, Taborda, Piñeiro, Sobrada, Tomiño, Estás, Figueiró e Goián co obxecto que a mocidade non colla o coche e así evitar accidentes. O servizo estará en proba durante este mes de agosto e se funciona ben e segue existindo demanda prolongarase no tempo. Ademais, este mes de agosto con motivo das festas do monte da Guarda e en previsión da afluencia de mozos e mozas ao evento, haberá servizo de xoves a sábado. Segundo a Concelleira de Tráfico, Olga Orduña, “trátase dunha petición de mozos e mozas de Tomiño, pero tamén dos seus pais, que prefiren que os seus fillos viaxen seguros nun transporte colectivo, tendo en conta a alta siniestralidade nas estradas secundarias as fins de semana”. A Alcaldesa de Tomiño manifestou a súa confianza nos bos resultados do “Tomibús”. E coida que “o Tomibús é unha aposta do goberno local co trasporte público nocturno que nos ten demostrado que é eficaz e necesario xa que reduce considerablemente os riscos de accidentes entre a mocidade”.
IV Festival folclórico Virxe do Henar en Taborda Este venres celébrase en Taborda o IV Festival folclórico Virxe do Henar organizado pola Asociación Cultural Cacharela. A partir das 21.30h van actuar os grupos os Penediños do Porriño, As Garatuxeiras da Forna de Budiño, o grupo de baile e gaitas San Xoán de Paramos, a Xeración do Chupito de Tomiño, e Cacharela de Taborda.
Cinema ao aire libre en Taborda, Tomiño O torreiro de Taborda acolle ás dez desta noite a proxección da película “Madagascar”. Está organizada pola Asociación de Veciños de Taborda.
Rematou o Ciclo e Cine no Torreiro A Asociación Veciños de Amorín, rematou o II Ciclo de Cine no Torreiro con gran afluencia de público. Proxectáronse tres películas destinadas aos máis cativos que acudiron acompañados dos seus pais ao Torreiro de Amorín, ao aire libre. Os títulos que se visionaron foron “G-Force, licencia para espiar”, o día 16 de xullo; “Avatar”, o dia 23 de xullo, e “Como entrenar a tu dragón”, o dia 30 de xullo. Mentes se disfrutaba das películas, os rapaces comeron palomitas de balde que a Asociación Veciños de Amorín deu a todos, e os maiores puideron tomar café. Desde a Asociación Veciños de Amorín agradecen a colaboración do Concello de Tomiño e de MR Dixital.
Mércores, 3 de agosto de 2011 O concello de Tomiño organiza unha recepción aos nenos e nenas saharawis O Concello de Tomiño ofreceu unha recepción aos nenos e nenas chegados do Sáhara, para pasar os dous meses de verán en fogares da localidade. Tomiño foi un concello pioneiro no que a esta actividade se refire, xa que hai máis de 20 anos que recibe a cativos procedentes dos campos de refuxiados instalados en Arxelia. Este ano son tres nenos e unha nena procedentes do campamento de Dahla, e que repiten a experiencia xa viñeron con anterioridade a Tomiño. A alcaldesa, Sandra González, deulles a benvida organizando unha recepeción e agradecendo públicamente aos pais e nais que os acollen na súa casa este xesto. Sandra Alonso enfatizou que é “unha acción louvable que tomiñeses e tomiñesas se involucren de xeito directo e claro cunha causa como a do Sáhara. Son familias que lle dan unha oportunidade a estes nenos cuxa experiencia sen dúbida influirá no seu futuro”.
O Partido Popular de Tomiño convoca o Congreso de Novas Xeracións para o mes de setembro O Secretario Xeral do Partido Popular de Tomiño, Esteban González Miranda, presidiu o pasado luns, 1 de agosto, a Xunta Local de Novas Xeracións na que se convocou o II Congreso de Novas Xeracións de Tomiño que terá lugar o venres, 2 de setembro, na Casa da Cultura de Tomiño baixo o lema "Avanzamos Xuntos". Ante unha numerosa asistencia de afiliados, González Miranda destacou a presenza de novas caras que asistiron por primeira vez a unha Xunta Local de Novas Xeracións dando as grazas pola decisión de afiliarse a Novas Xeracións e de pasar a formar parte do Partido Popular de Tomiño. Pola súa parte Paula Romeu, portavoz municipal, animou ós xóvenes a “participar e dar continuidade a Novas Xeracións con ilusión de futuro seguindo o exemplo do Comité precedente”. Así mesmo o secretario xeral dos populares tomiñeses, Esteban González Miranda, aboga porque este Congreso sexa o pistoletazo de saída de cara ás Eleccións Xerais do próximo mes de novembro animando a todos os asistentes, e ó candidato a presidir a nova formación de Novas Xeracións de Tomiño, Pedro Fernández Figueroa, a traballar conseguindo una gran mobilización e a non perder nunca a ilusión polo proxecto que no seu conxunto representa o Partido Popular.
A iniciativa Descubrindo as fortalezas ofrece visitas guiada a pé, en bicicleta e en kaiak A Concellería de Urbanismo e Patrimonio de Tomiño organiza por segundo ano visitas guiadas ao Forte de San Lourenzo de Goián durante os meses de agosto e setembro. Hai tres modalidades camiñando, en bicicleta e en kaiak. Nas mesmas combínase a visita a un patrimonio cultural con actividades deportivas tal e como explicaba, na RMT, Hugo Lage, responsable destas visitas. Tras o éxito do ano pasado, con máis de 150 persoas, vólvese organizar a actividade para grupos de entre 10 e 25 persoas, sendo posible adaptar as datas segundo os horarios dos grupos. O prezo das visitas é de 5 euros para bicicleta e 9 no caso da canoa, sendo gratuítas as visitas a pé. Durante as visitas no só se coñece o Forte de San Lourenzo, senón que tamén se aborda o Sistema de Fortificacións do Baixo Miño e a creación da fronteira. As visitas en bici e canoa tamén percorren outras fortificacións, como o caso de Lovelhe, ou lugares onde antigamente había algún forte ou torre (Nosa Señora da Concepción, Forte de Chagas ou Torre dos Ratos). Comentaba Hugo Lage que os resultados da primeira edición foron moi bos, con máis de 160 persoas, e incluso algunhas que repetiron. O 45% dos participantes en 2010 fixo o percorrido en kaiak. Remataba Hugo Lage convidando a disfrutar desta experiencia con natureza, patrimonio, e historia. Para máis información e inscricións pódese consultar o blog do proxecto http://descubrindoasnosasfortalezas.blogspot.com, enviar un correo electrónico a descubrindofortalezas@gmail.com ou no 622 051 640.
27 persoas participaron na ruta en bicicleta e kayak polas beiras e o río Miño O sábado 30 de xullo, a Asociación Veciños de Amorín, organizou unha actividade para pequenos e maiores, en torno ao río Miño, no que participaron 27 persoas. Saíndo do Parador de Tui, cruzaron a ponte internacional en bicicleta e, pola ecopista, foron ata Freitas, onde substituírona s bicicletas polos kayaks, descendendo polo río ata Valença. Baixaron no embarcadoiro do Parque de Nosa Senhora de Cabeça e, aquí mesmo, houbo un xantar colectivo, onde participaron máis de cincuenta persoas. As fotos pódense ver en: http://www.terramino.org/galeria-amorin-2011?album=4&gallery=37
XVI encontro de bandas de música en Goián O vindeiro venres, día 5 de agosto, terá lugar o "XVI encontro de bandas de música" ás 21:00 horas na praza da igrexa de Goián. Na presente edición participarán a banda de música de Sanxenxo, a Banda de música de Salcedo e a banda anfitriona, a agrupación musical de Goián. É unha oportunidade para disfrutar da musica que ofrecerá as mencionadas bandas a todos os presentes neste encontro que cumpre dezaseis anos.. |
|
|