www.galiciasuroeste.info

Lembranzas do barrio da Guía

Por José A. Uris Guisantes

seguinte

 

Co motivo da próxima festividade relixioso-profana da chamada Virxe da Guía preparei un pequeño traballo sobre as lembranzas de neno relacionadas co evento é co entorno do barrio de Ribadavila.

 

 

Ermida da Guía a comezos do século XX. Fotografía tirada polo fotógrafo profesional Mariano Jiménez Hueto

------------------------------------------

Podemos apreciar que o solo era de terra e  as prantas das fabas (nos dicimos freixóns) a secar no chan. Eiquí, segundo me contaba miña avóa que faleceu aos 101 anos, secaban tamén millo; os mollos das pallas do millo cos que facían medas (que eran como pequenas cabanas con buratos entre elas por onde xogabamos os rapaces de ambos sexos) e argazo, deixando carreiros para poder camiñar entre uns e outros productos. O esterco das cadras de cabalos, vacas  e porcos era tirado de mañanciña e trasladado para as leiras, pois estaba prohibido por unha Ordenanza municipal telo na praza maís dunha hora.

 

A capela ou  ermida na honra da Nosa Senhora da Guía data de tempo inmemorial. Algúns autores afirman que foi construída arredor da metade do século XVI, lembrando as penalidades que pasaban os camiñantes que se dirixían a Oia-Baiona-Vigo e viceversa, daquela verdadeiros camiños intransitables a meirande parte do ano.

 

Nas miñas pesquisas en acadar datos da nosa historia atopei documentos de antes e despois de 1600 onde se fala do barrio de Cimadavila, lugar onde se atopaba a ermida da virxe. Anos máis tarde o nome derivou en Ribadavila (Sobrelavilla en castelán).

 

 

Procesión da Virxe da Guía en 1935. Arriba á esquerda estrada de Baiona-A Guarda e as casas da familia Gándara Álvarez  Os Manuelóns, comerciantes e políticos conservadores. Lembro a, Eduardo; Manuel; Norberto; Ramón Mª; Perfecto; María; Adoración e Purificación. Pode contemplarse como a actual prazoleta de  San Bernardo era un simple estercoleiro. Fotografía da familia Guisantes Rabelo.

-----------------------------

 

Un neno sempre lembra sucesos e detalles durante toda a súa vida, vénme á memoria cando os maiores nos levaban a velar ós mortos (non deixaban solos aos rapaces e nas noites de inverno falababan de mortos, do inferno, da Santa Compaña etc.), relatos e vivencias que quedaron, nos anos da fame corenta/cincuenta, gravados para sempre, sen que os maiores se decatasen que non debían facelo, eran anos de oscuridade e silencios...

 

Lembro un velatorio que de cando en vez me sobe á memoria é foi a impresión que me deu cando chegabamos a sala onde estaban velando a unha moza dentro do cadaleito aberto é a seu fillo recén nacido, tamén finado no parto a domicilio. Ambolos dous de branco, a moza semellaba unha virxe e o neno un anxo, creo lembrar que era da familia dos Perretas. A casa estaba na actual rúa/ Largo, preto da Laxe Grande. Endexamais esquecín  esas imaxes e a ledaíña constante de …rogaz por ella…

 

 

A Cruz das Loucenzas dende onde se aprecia unha panorámica do Barrio de Ribadavila. Como se ve a cruz está inclinada á dereita e ninguén sabía o porqué. Hoxe por mor dun accidente de tráfico volveron a repoñer a cruz pero non respetaron a historia, sendo reposta totalmente erguida sen saber o motivo. Fotografía cedida por Manuel Gándara Fariñas.

------------------------------------------

 

Son mellores as lembranzas festivas, de xogos e de veciños/as que xa non están. Como  as festividades da Virxe da Guía, as bandas de música, as orquestras, a solta tradicional  do globo de papel no día 8 de setembro, o quiosco de pedra para a música no centro da praza, etc, etc.

 

Contos e vivencias de personaxes como, Cineca, Cambriola, Américo, Victorino, Arsenio Álvarez do carro, Silverio Sobrino e súa esposa Concepción Rodríguez, Marítimo, Casimiro panadeiro, O Canexa, Rafael Lomba Totó, Carranchiña,  As Zampanas, As Telvinas, Ventura da cruzada casado con Estrella, Federico Casillas, Ramón Caelo, Manuel O Callóo, Bina e Oliva as rosquilleiras, Sevilla, Antonia da Jía, Manolo Manula, don Ermelindo Portela, o crego don Cándido, Suso Ferreiro, Alfonso Nené, Pepe O Sordo, Tía Erundina, Guimaré O Mascato, tía Morganiza, As Reinitas,  Juan Barbosa Peixefrito, Serafín Cobal, Alejandrina a feiranta, Manolo Taboleta, Eladia Rolán, José Mª Rolán o sastre, Os Lombita, Quique Demiño, Pepe Vieira, A Pascuala, Juan O Pexeto, O Croa, Xirico, Os Piñeiros, As do Calvo, Os Santiagons, Marcial Villa, Marcialiño, Aguinaldo vello, Fina Taboleta, Fina Pendeja e seu pai Juan, O Pisotes, Faustino, tía Marina santeira e seu irmán Pepe Santeiro, O Coira, Bernardo Sol de Cádiz, señorita Paloma Espinosa, Quico Forza Viva, As Saúlas, Carlitos o barrendeiro, As Lanchonas nai e filla, O Parrulo, O Pinicheiro, O Cañarte, O Jaxo, Manuel Glez Otero o municipal, O Traste, Juanito Español o municipal, Junío Peniza, Joaquin Estevez o electricista, o barrendeiro Chapandá, O fotógrafo Costiñas, Otero o sastre, a tía Zarapeja, tío Pacífico o sastre e practicante amateur, tía Rosenda esposa de Juan o Pendejo, Antonio e Agustín Os Uxas, Conrado Martin Rey, o barbeiro Claudio Pazos, Guillermo Gila, Nina telefonista, o mestre don  Víctor Touriño, o profesor Conci, O Judas, Juan Barga, Os Cerepes, As Cambonas, Antonio O Baba, Jaime Baz, o carpinteiro Ricardo Rguez Franco, Joaquin Álvarez c...de ouro, tía Paca e seu esposo Agustín, Salvador ou Vador dos Muchachos, Gumersindo Salinas e súa esposa dona Maruja Picón, A Envenenada, tía Leonor e seu esposo Benigno da tenda, Manuel Gervasio Taboleta  poxador no día da Virxe da Guía, María e Sara As Ganchellas, A tía Cotonesa, as irmásm Maruja e Filomena As Menas, Fernando Pérez Palomo Andaluz, Francisco O Farruco, Manuel Álvarez Pájaro Pinto, Ñeñé, tío Simón, Lalito, os fillos do tío Pacífico moi trastes por certo, Julio e Jaime Piñeiro, Sindo, Toniño Sobrino, Antonio Vicente Pitusa, a costureira Luísa Peniza, Santiago o  barbeiro, A Pintanexa,  Manuel O Gina municipal e súa esposa María Guisantes costureira na prazoleta da Guía; Laureano Fajar o Cambón e súa esposa Concepción salcidos, o zapateiro Manuel Álvarez O Carranchiña,  Carmen esposa de Avelino Álvarez O Cambriola, Américo Alfonso, Marino Guisantes o xastre,  tía Piñeira e súa escoliña, etc.etc.. Todas/os excelentes e humildes personas do barrio.

 

Había varias tradicións na festividade relixiosa-profana da virxe da Guía, unha era a tirada do globo de papel pegado con engrudo (fariña de trigo ou cebada mesturados con auga), logo cortaban tiras cadradas e iguais de papel de seda, un aro de madeira e dous arames cruzados onde no centro colocaban unha estopa de algodón ben atada con arames máis finos que ía empapada de gas oil. Dous membros da comisión de festas (enriba do soportal da porta de entrada a casa dos Tafonas) prendían lume na estopa é unha vez o globo tiña bastante calor o soltaban  e comezaba a subir e subir ca ledicia dos nenos e maiores ata perderse ó lonxe. Esta tradición rematou en 1948/49, primeiro porque algunhas veces o globo prendía lume no monte e segundo porque non había quen seguiran ca tradición.

 

Exemplo dunha rifa  vendida  para axuda das festas da Guía en 1948. Nese ano rifaron unha bicicleta de señora. Un dos presidentes mais lonxevos da mordomía da Guía  foi José Mª Salcidos Sobrino.

---------------------------------

Outras lembranzas  foron as de xogar na praza da Guía con piso de barro (salón dicían) ao fútbol, ás bolas (de barro, logo de vidro e de aceiro), pión, canga-terreno, o pañuelo, aba, una-memula, escondite por detrás da capela e calexóns, tamén por medio das medas de palla, postas a secar na praza, a cachiza, pero sobre de todo ao fútbol, primeiro con pelotas de trapo, logo de goma e máis tarde de coiro en competencia cos rapaces da praza de San Bernardo, os vidros das ventás das casas veciñas tiñan que os pagar as familias, recibindo a cambio unha malleira.

 

Tamén xogabamos na prazoleta de San Bernardo a que lle decían praza dos porcos, debido a que os días de mercado viña un camión especialmente preparado para transportarlos, logo baixaban uns poucos e os rodeaban cun redondel feito de cordas e estacas cravadas no chan. Tiñan moita clientela sobre de todo no mes de outubro.

Alí tamén aparcaba o carro tirado por un cabalo do tío Daniel que viña e volvía a Oia, recollendo de paso clientela en Portocelo os martes e sábados.

 

Dende a parte superior da casa dos Tafonas soltaban o globo pola tardiña de tódolos oitos de setembro ata 1949/50. Fotografía de Ramón Vicente Aisa

---------------------------

 

Quiosco da música na praza da Guía en 1948. Fotografía da familia Vicente Aisa de Madrid pero oriundos do barrio de Ribadavila

------------------------------------------

[…] Agustín Alonso Sobrino, mayor de edad, soltero, propietario, natural y vecino de esta Villa, á V atentamente recurre y dice: Que a sus expensas tiene proyectado la construcción de un kiosco fijo en la Plazuela de la Guía, con arreglo al adjunto plano, obra que al parecer del que suscribe, hermoseará aquel lugar, y al efecto. Suplica á la digna autoridad de V tenga a bien concederle su superior autorización y que por la Comisión correspondiente se señale sitio para la construcción de que se trata. Es gracia que espera alcanzar de la bondad de V. La Guardia Junio 23/1924. Fdo: Agustín Alonso Sobrino. El Contratista: Vicente Vicente Rolán.

 

Plano ou croquis do quiosco de pedra instalado na Praza da Guía en 1924 a escala 3%.

----------------------

 

Este quiosco de pedra fora doado por don Agustín Alonso Sobrino dos Follatos, emigrante en Puerto Rico. A acta de entrega  ao Concello…   …que deseoso de que no le resulte gravoso al mismo Ayuntamiento, hace entrega del Kiosco a la Mayordomía de la Virgen de La Guía, con objeto de que se conserve y repase cuando sea necesaria la obra generosamente construida y donada por el Sr Alonso.

 

Los demás comparecientes Sr. Gómez Portela, Álvarez Portela y Alvarez Gómez, en representación de dicha Mayordomía, aceptan agradecidos la entrega de la obra de que se trata, y se comprometen no sólo á la conservación y restauración sinó á evitar que se depositen en el Kiosco, fuegos artificiales  ó cualquier otras cosas que puedan deteriorarlo.

 

La Mayordomía cuidará además de la limpieza y aseo del Kiosco, impidiendo que se depositen frutos ni yerbas, ni ropas, ni ningún otro objeto que no sea, relacionado con las exigencias o servicios de los festejos que están á cargo de la Mayordomía.

 

A fe de que los representantes de la Mayordomía puedan cumplir con los compromisos que contraen en este acto, recurrirán a la Alcaldía cada vez que haya de castigarse á quien ó á quienes causaren perjuicios á la obra ó la utilizaran para fines distintos de aquel para el que ha sido ejecutada. Fdo. El Alcalde. Manuel Álvarez Vicente; Agustín Alonso Sobrino; Manuel Benito Gómez Portela; Generoso Álvarez Portela y Anselmo Álvarez Gómez.

 

Debido á falta de espacio para poder celebrar os bailes paganos na praza da Guía os mordomos acoden ao alcalde e Corporación municipal co fin de que autoricen a demolición do quiosco sen parar en mentes no deber de preservar o noso patrimonio histórico artístico. Así en sesión do 29 de abril de 1949 a Corporación presidida por don Ermelindo Portela Gómez (nativo do barrio) aproba súa demolición… Presentes: Norberto Gándara Alvarez (do barrio), Manuel Martínez Español (Polís) y Rafael Salcidos Sobrino (do barrio).

 

Demolición del Kiosko de música de la Plaza de La Guía.- Se lee instancia de José Mª Salcidos Sobrino como Mayordomo de la Cofradía de la Santísima Virgen de La Guía, solicitando autorización para demoler el Kiosko de cemento armado de la propiedad de aquella entidad, situado en el centro de la Plaza. La Corporación por unanimidad acepta la solicitud…

 

Finalmente o quiosco onde varias xeneracións de nenos do barrio de Ribadavila xogabamos e onde no oco debaixo poñían ovos as galiñas da tía Concepción Álvarez Telvina, que servían para matar a fame dos nenos máis pobres… pasou a historia…. Uns anos máis tarde levaríase a termo a ampliación da praza ca cesión feita por miña avoa e outra cesión obrigatoria ca construción da casa de Ricardo Rodríguez Franco aló polo 1955.

 

A esquerda cabanón da miña avoa Antonia Rodríguez Álvarez, antes de ser retranqueado voluntariamente, co fin de ampliar a praza. A esquerda do cabanón a nova casa de Ricardo Rodríguez Franco. O fondo á dereita a casa da familia das Tafonas. Fotografía de José A. Uris.

--------------------------------------

 

Tamén a lembranza da chegada de auga potable ao barrio ca inauguración da Fonte dos Campos, obras aprobadas en sesión do 6 de maio de 1950

 

…el barrio de Sobre la Villa, por no disponer de agua potable los numerosos habitantes de aquel barrio, aprovechándose  la sobrante de la de los Casás, elevándola por medio de un grupo motobomba a un depósito que se construirá sobre el lavadero a la altura suficiente, para salvar desniveles del terreno y encañándola convenientemente hasta el punto céntrico donde habrá de instalarse la aludida fuente en el barrio indicado… …las obras a ejecutar asciende a 45.618 pesetas… …a la empresa constructora de esta Villa, Moreira y Cia S.L...

 

Inauguración da Fonte dos Campos  no veran de 1958 polo alcalde don Ermelindo Portela Gómez e outras autoridades provinciais, locais, e cargos de Falanxe. Fotografía de Ramón Vicente Aisa.

 

Posiblemente moitas persoas lembran que no verán había grandes colas para recoller auga en baldes de cinc, de madeira ou en tinas e cubos aos que se lles puña dentro unha berza para que non calduxasen.

 

Nese mesmo ano serían inauguradas as Casas Baratas de Fedorento, oficialmente Viviendas Sociales en el Barrio de Santa Tecla de la Obra Sindical del Movimiento, así como a traída de auga potable dende Os Casás, unha das primeiras en levarse a cabo na Guarda. En 1960 serían construídas outras cincuenta vivendas mais en Sub Campo e Marouco de Pallas. Algunhas de Sub Campo e caseque todas en Marouco de Pallas foron mercadas por madrileños, ourensáns e comerciantes guardeses, debido a que quedaban lonxe do centro do pobo e os traballadores non tiñan tempo entre chegar a comer a unha do meo día e voltar ó traballo ás dúas da tarde.

 

Ano de 1960, despois do retranqueo do cabanón de miña avoa. Pódese contemplar o lugar onde se colocaban os palcos para as bandas de música é o púlpito preparado para a homilía, así como os autofalantes de Radio Reparación (Marcial Villa). O fondo a dereita Casa dos Tafonas, dende a cal, uns anos antes soltaban o globo de papel. Fotografía propiedade de José A. Uris Guisantes.

 

Outra das grandes tradicions da Guía foi durante moitos anos a construcción do arco de loureiro na entrada a Praza da Guía, tradición que se perdou arredor de 1960/62. Os artífices eran os mestres carpinteiros do barrio (Jaime Baz, Benito Guisantes, Gumersindo Álvarez e outros), axudados polos mozos que se encargaban de traer o loureiro da zoa de Centeares e montar o arco. 

O fondo podemos ver o arco de loureiro e a chegada da procesión da Virxe da Guía en 1950. Os marinos que coñezo son, a dereita, José Benito Guisantes Rodríguez e a esquerda a Martín Guisantes Portela, mordomos  da  virxe e ó final a Banda de Música de Tabagón. Fotografía de Ramón Vicente Aisa.

 

 Era un espectáculo ver subir o arco e como os mozos puxaban polas cordas para poñelo ergueito e firme. Velaí como dúas importantes tradicións (confección e solta do globo de papel e construcción e exposición durantes as festas do arco de loureiro) fóronse ó queixón do esquecemento

 

A dereita casa de Concepción Álvarez e Américo Alfonso, ó lado a casa en construcción de Antonio Vicente Pitusa arredor de 1962/63. Lembro con cariño as cancións que o tío Américo (natural de Camposancos, de oficio serrador en Serrerías del Miño SA) cantaba debaixo da ventá á tía Concepción cando nos sábados cobraba a paga e viña cun vasiño dos de baixa dos Ignacios. Boleros e tangos… que tempos aqueles!!

 

Arsenio Álvarez Sobrino  nas Festas de Primaveira en 1964 co cabalo Lindo

---------------------------

 

Nos anos 1949 a 1962 o chan da praza era -como dixen- de barro e nos días de festa debía ser regado, polo que a comisión de mordomos encargaba a Arsenio Álvarez Sobrino (Arsenio do carro, tirado polo cabalo Lindo) o transporte de auga  en bocoys dos que se usaban para o viño de baixa é de alta dos Ignacios, cunha capacidade de mais/menos de 500 litros. Debía regarse pola mañá para que logo na festa o barro estivese seco, sendo a finalidade que non se levantase polvo co vento norte tan frecuente no mes de setembro. Arsenio era natural do Castro, casou cunha moza da Guía, Mercedes Vicente Vicente, filla de Casimiro Vicente Peniza e Mª Vicente Rolán, donos da Casa de Baños La Iniciadora sita na praia de Aldramán (nome árabe que siñifica la orilla perdida, segundo escribíu don generoso Álvarez Seoane).

 

Fotografía dos irmáns de Arsenio: Jorge; Francisco; Arsenio e José (Xé o municipal) Álvarez Sobrino, naturais do Barrio do Castro. Fotografía cedida por Mercedes Vicente Vicente, esposa de Arsenio

---------------------------------------

 

Ano de 1960. familia de Américo Alfonso e Concepción Álvarez. Fotografía cedida por Loli Vicente Alfonso

---------------------------------

No día grande da Guía e arredor da unha da madrugada eran tirados os castillos de lucería ou monifates, tipo dos que tamén eran tirados nas Festa do Monte. Antes tería lugar a secular Puja de Frutos y Donaciones para el culto a la Virgen... que remataba arredor das nove da noite, para máis tarde celebrar a festividade relixiosa-pagana cunha grande tirada de bombas de palenque e foguetes de distintos estralos que atronaban durante trinta minutos o barrio.

 

Distínguíanse na aportación para a festividade da Guía os irmáns Alonso Sobrino Os Follatos e seus sobriños os irmáns Portela Alonso fillos do tío Calloo. Pese a que fai anos circula que outros veciños afincados na República Dominica contribuiron e contribúen  con bastantes cartos a estes eventos, nada máis falto de verdade, como poden atestiguar os antiguos membros da Comisión de Festas e os que saíron este ano. Hoxe os que contribúen son os veciños e o pobo guardés en xeral.  

 

Gervasio Manuel Lorenzo Taboleta, foi poxador inimitable durante moitos anos na festividade  da Virxe da Guía. Festividade que sempre se celebrou no 8 de setembro ata que fai anos a trasladaron para outros días se cadra en diario. Este traslado causou unha escisión no seo da Comisión de Festas e Maordomía. Tamén chegou a ser festividade local varios anos. Fotografía de Agustín Ferreira Lorenzo Tin.

---------------------------------------

 

O amigo da adolescencia, Carlos Sobrino (q.e.p.d.) ca imaxe da virxe da Guía en 1962. Fotografía de José A. Uris Guisantes

------------------------------

 

Despois da procesión do 8 de agosto de 1963. Arriba á dereita, Bel Baz Coello Salmerón; Julio Piñeiro; Generoso Álvarez  Sito; Antonio Martínez. Abaixo, José A. Uris; José Mª Salcidos é Rafael Lomba Alonso. O fondo a casa das Tafonas e portal onde se soltaba o globo de papel. Fotografía de José A. Uris.

-------------------------------

 

Roque Álvarez Portela e Loli Vicente Alfonso na Praza da Guía. Don Roque como lle chamabamos os rapaces do barrio tamén aportaba cartos dende San Juan de Puerto Rico para a festa e a virxe. Casou e finou en San Juan aló por 1980/81. Era outro execelente nativo do barrio. Fotografía cedida por Loli Vicente Alfonso.

 

seguinte

Continúa mañá...

por José A. Uris Guisantes