PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

ANTÓN ALONSO RÍOS: UNHAS NOTAS SOBRE EMIGRACIÓN, AGRARISMO E ESCOLA RURAL*

 

Xosé M. Malheiro Gutiérrez

A emigración galega que se espallou polo continente americano durante máis de tres séculos, fíxoo para solventar, no plano individual, unha serie de carencias que desde aquí non era doado satisfacer. E malia ser un fenómeno de raíz socioeconómica, deixou nesta terra abundantes testemuños que abarcan todos os ámbitos da sociedade fancéndoo, en si mesmo, un capítulo complexo da historia recente de Galiza. Dentro desa complexa e variada urdime de vínculos e efectos, trataremos aquí os relacionados coa intervención educativa que, de modo exemplar, víuse dar no contexto galego[1]

Alonso Ríos e Castelao en Bos Aires, anos corenta. (Cortesía de Elena Blanco)

  xa desde os primeiros anos do século XX[2] a través das chamadas sociedades de instrucción de ámbito microterritorial[3]. Centrarémonos na figura de Antón Alonso Ríos e nos seus proxectos educativos desenvolvidos nas comarcas de Deza e Baixo Miño, que a rebelión militar, a partir do 18 de xullo de 1936, segaría de forma dramática.

Este mestre de ascendencia asturiana naceu na parroquia de Cortegada, en Silleda, en 1887. Realizou estudos de Maxisterio na Escola Normal de Santiago, baixo a tutela do seu protector e tamén silledán Vicente Fraiz Andón[4]. En América pertenceu a esa élite de emigrantes que representaron a voz e a conciencia de Galiza a prol da súa emancipación. No eido político, despregou unha intensa actividade ligada ao movemento agrario e galeguista: foi enviado a Galiza, xunto con Suárez Picallo, como representante da Federación de Sociedades Galegas (FSG); presidíu a Asemblea para o estudio do Anteproxecto do Estatuto, e a Federación Galega de Tui; foi membro do Consello Directivo Provisional da Federación Provincial Agraria de Pontevedra, candidato a deputado pola mesma Federación en 1933, e deputado por Pontevedra, tamén pola citada Federación, na candidatura da Fronte Popular nas eleccións de 1936. No eido educativo, prestou un inestimable apoio como asesor pedagóxico ás sociedades de instrucción fundadas por emigrantes desde Bos Aires; e tamén desenvolvendo labores de mestre e inspector das escolas de Silleda, Lalín e Tomiño entre 1931 e 1936.

 

Alonso Ríos decidíu emigrar a Bos Aires en 1908, atopando de contado traballo como ensinante. Alí gañou o afecto de boa parte da colonia, onde era considerado “hombre modesto, talentoso y de una pieza; maestro que ejerce su ministerio por su saber, por su honradez y por la bondad de niño grandote que atesora su alma gallega”[5].

 

O movemento societario e o desenvolvemento agrario

.

En liñas xerais, as asociacións que os emigrantes galegos comezaron a fundar desde os primeiros anos do século XX procuraban, no seu conxunto, mellorar a situación das súas respectivas parroquias ou concellos a través de diferentes intervencións. Moitas veces non ían máis alá do arranxo de infraestructuras básicas camiños, fontes, lavadoiros, pontes que facilitaban a vida cotiá dos conveciños; outras, tiñan por obxecto plans máis covizosos, relacionados co que hoxe denominaríamos o desenvolvemento comunitario dos que permanecían no lugar de orixe, onde a indefensión cultural daba a man á falta de democracia e de tecido cívico, abeirándose a outras carencias, das que se aproveitaba o caciquismo político[6], provocando o desterro americano. “O caciquismo e o clericalismo ¡nunca me cansasarei de repetilo! son as dúas grandes pragas, os dous eternos azoutes que hai que combatir. Representan o privilexio e a arbitrariedade; e, por principio, temos que manternos sempre fronte a eles. Se nono facemos así, teremos sido inconscientes, teremos claudicado”[7]. Deste xeito sintetizaba o mestre dezán a súa loita, en 1923.

 

Para Alonso Ríos, o campo galego ofrecía posibilidades para permanecer alí con dignidade, pero cumpría que os futuros campesiños recibiran unha educación axeitada ao contorno rural, pero asentada sobre unha base científico-tecnolóxica. Só desde esta perspectiva sería posible transformar e elevar o nivel de vida dun país que, malia o inicio so século XX, permanecía ancorado no Antigo Réxime en moitas das súas manifestacións. Así o expresaba en 1927:

           

¡Hai que levar ao pobo galego un xerme de vida cidadá, que arraigue na mente e no corazón da infancia! ¡É indispensable orientar á nenez con métodos prácticos cara ao cultivo científico da terra, e encamiñala a unha intelixente producción e explotación da riqueza gandeira! ¡Imponse difundir o cooperativismo como medida de emancipación económica! E en todo isto, a Escola Moderna está chamada a desempeñar un papel fundamental ao que, hoxe por hoxe, as nosas escolas son allenas casi en absoluto. Mal podemos, pois, sentir cumpridas as nosas aspiracións.[8]

 

A través da prensa periódica e dos seus discursos cheos de enerxía, animaba ao colectivo emigrante que co paso do tempo devira capaz de situarse nunhas determinadas coordenadas xeográficas, culturais e políticas alén o Atlántico, e gozaba, por tanto, dunha certa visión de perspectiva respecto da realidade deixada na parroquia natal― a aproveitar a prosperidade individual para promover o necesario desenvolvemento económico, cultural e político en Galiza tendo como referente o contexto americano, no seo dunha sociedade libre, republicana, democrática e aconfesional: “debemos cifrar as nosas aspiracións en levar a España os principios consagrados pola Constitución arxentina, con excepción de un só. O que establece un privilexio para a relixión católica, pois a xustiza esixe que se estableza para todos os credos a máis completa igualdade”[9].

 

Dese xeito, moitas sociedades de emigrantes convertíronse no instrumento capaz de promover as máis variadas iniciativas para acopiar recursos materiais e canalizar remesas económicas. E fíxose desde unha perspectiva sociopolítica moi concreta, onde a educación ocupaba o primeiro plano das prioridades como vía de acceso á información e, en consecuencia, de reflexión crítica, de toma de conciencia e de organización cívica cara unha paulatina mellora social entre os desfavorecidos do medio rural. Como afirma Núñez Seixas, “o obxectivo implícito da instrucción había ser contribuír á rexeneración individual do labrego, facelo conscente dos seus dereitos e preparalo para loitar pola súa emancipación, capacitalo para acción colectiva e así dar cabo ó caciquismo e fanatismo relixioso que invalidarían ata entón os seus dereitos democráticos”[10]. Ou, dito doutro modo polo portavoz da Comisión Provisoria pro Escuela-Tomiño durante unha reunión da delegación de Bos Aires, a finais de 1912:

 

¡Querer é poder! E polo tanto debemos dunha vez e polos nosos propios medios, evitar que os nenos de hoxe reciban esa nefasta ensinanza rutineira que desde hai 200 anos impera nas desmanteladas e calamitosas escolas do Estado. A nosa dignidade de homes debe sentirse ferida ao ver cómo se tapa todo horizonte ao neno cun veo pantasma e se lle prepara só para ser masa disponible para fins de púlpito e de caciquería. Nos tempos que corremos, e coa amarga experiencia da desvantaxe desastrosa de tan deplorables principios, ¿debemos permanecer inmóbiles? Non, señores, porque seriamos cómplices  da máis vil iniquidade, posto que os pobos sen instrucción son incapacitados e escravos.[11]

 

Neste sentido, tiña tamén presente Alonso Ríos que o sostemento de escolas, tan necesario dentro dunha estratexia de emancipación social a longo prazo, debía complementarse co apoio explícito e permanente alí onde cada sociedade exercía a súa influencia, expresado de variadas formas: “a través da carta suxestiva ao amigo, a nota de protesta ao alcalde, a enérxica observación ao cacique, o estímulo á veciñanza instándoa a manterse coa fronte ergueita, decíndolle que sacuda a súa alma agobiada polo peso dunha escravitude de séculos”[12].

 

Pero o problema estructural da sociedade galega, identificado en parte coa súa necesidade de desenvolvemento social e económico, non podía contemplarse á marxe dunha profunda reforma dun sistema educativo, abandonado á súa sorte polas instancias gubernativas e completamente alleo ás necesidades reais. Así o puña de manifesto Manuel F. Figueredo en 1926, denunciando a escasa sensibilidade do réxime de Primo de Rivera cara ao ensino primario: “Desde o 1857 [data de aplicación da Lei Moyano] transcorreron sesenta e oito anos case perdidos para o ensino. Os pobos seguen sen escolas, as escolas sen material; non hai un plan racional adaptado ás necesidades de cada rexión e de cada localidade.[13]

 

Tamén Alonso Ríos preguntaba: “¿Qué demanda a nosa sociedade na orde educacional? En primeiro lugar a piqueta. A piqueta que non deixe pedra sobre pedra, desde o Ministerio de Instrucción Pública ata a última escola rural. A escola oficial e non oficial, non só non cumpre unha misión formativa da personalidade do neno, senón que atenta contra esa personalidade, a deforma e envilece, e ademais conspira contra os designios da nosa nacionalidade”[14]. Só mediante a educación nos máis novos no contexto real do país podería mudar unha situación endémica, rematar definitivamente coa sangría migratoria e asentar aquí ese potencial humano que embarcaba sen remedio cara América. Non en van invertíronse moitas enerxías educando[15] e concienciando á colectividade galega de Alén Mar a través da prensa[16]; ou financiando ao movemento agrario que clamaba polas necesarias reformas estructurais[17] ―que o mestre dezán sustentaba na ”abolición dos foros, a honradez administrativa e a equidade nas cargas públicas”[18]; ou creando escolas como a que promoveron as sociedades Hijos e Silleda ou Aurora del Povenir desde Arxentina ou Brasil respectivamente, como veremos. Alí tentábase aplicar un sistema de ensino laico, racionalista; fundamentado na práctica escolar desde planteamentos técnicos e científicos, para dar ao futuro agricultor un status profesional, como xa acontecía noutros países de Europa e de América:

 

O agricultor precisa da gramática e da aritmética para soster a súa correspondencia, comerciar cos seus productos e manter a economía dos seus negocios; precisa da química para comprender a aplicación e os efectos dos abonos; precisa  da física e da mecánica para saber empregar e dirixir as máquinas e os instrumentos agrícolas, e precisa da hixiene e da mediciña veterinaria para coidar e atender aos animais de labor e de renta. Ademais, como todos os homes, e moito máis como todos os homes que viven en sociedade, precisa de nocións de dereito e de moral.[19]

 

Eran centros que tentaban correxir as carencias padecidas polos inmigrantes galegos na súa infancia, orixinando toda sorte de dificultades no seu posterior destino. Aínda así, malia a precariedade, axiña asimilaron na diáspora unha nova cultura baseada no asociacionismo e a participación cívica; no respecto á libertade de conciencia e a súa libre manifestación pública. Mediante a relación que facilita o mundo do traballo, coñeceron a existencia de centros de alfabetización e educación de adultos promovidos polos sindicatos obreiros, socialistas ou anarquistas, aos que se foron afiliando; tamén auspiciados polas organizacións gremiais ás que pertencían, ou a través das entidades mutualistas de carácter étnico que os acollían na súa arribada. Foi alí, a meirande parte das veces, onde completaron a instrucción que non lograran acadar na aldea. Ademais, mediante a escolarización dos seus fillos coñeceron tamén novos xeitos de facer ensino público. E decidiron organizarse para poñer todo iso en práctica na súa terra.

 

Dese xeito, tratouse de artellar un modelo de ensino integrado no contorno rural, adaptado ás necesidades da comunidade campesiña mediante un currículo onde primaban os contidos relacionados cos adiantos na producción agropecuaria. E, como indica Costa Rico, “a miúdo, o centro de ensinanza non pasaba de ser unha humilde escola, medianamente dotada, alí onde antes nada houbera. Aínda que en, en moitas outras ocasións, o centro ou ‘plantel’ era, en efecto, un importante e moderno espacio cultural e educativo”[20], como aconteceu en Silleda, na Bandeira ou en Tomiño; onde tamén participaba a poboación adulta, para quen se programaban clases nocturnas e se creaban bibliotecas populares, tratando así de mitigar o efecto amordazante da incultura.

 

Compre dicir que ese movemento societario que fixo agromar nunha activa intervención escolar durante o primeiro tercio do século XX careceu, en moitas ocasións, dunha liña ordenada e coherente[21], cando non contradictoria. Foron infinidade de factores, como sinalan algúns autores,  os que contribuíron a isto. Estaban relacionados coas naturais diferencias político-ideolóxicas, coa falta de experiencia ou, simplemente, cos distintos obxectivos que cada unha defendía.

 

Diráse que, a este respecto, ata agora os resultados teñen sido nulos. Contestamos que estamos no comezo da acción, que as entidades de emigrados e as súas escolas son aínda un ensaio vacilante sen conciencia das súas posibilidades, sen ter tido tempo nin enerxías máis que para poder manterse no medio da indiferencia dos máis, defendéndose a duras penas dos obstáculos cos con que sempre tropezan as súas iniciativas alá en galiza e forcexeando sen tregua contra a súa propia inexperiencia.[22]

 

Alonso Ríos, sen embargo, sendo consciente desa realidade, abogou sempre pola confluencia de toda a colonia emigrada nun proxecto común. Con esa idea contribuíu á fundación da Federación de Sociedades Gallegas, “chamando a atención de toda a colectividade e convidando alistarse nas súas filas como organismo de loita, desenvolver as súas forzas e preparar a emancipación do pobo galego”, ademais de alumear outras iniciativas, como veremos, e de manifestar explicitamente o seu desexo de crear desde América un gran proxecto educativo para Galiza:

 

As escolas son a obra máis atinada, de máis inmediatos resultados e maiores proxeccións para o futuro que podemos realizar os emigrantes por medio nas nosas asociacións. (...) Estamos no comezo desa acción, as entidades de emigrados e as súas escolas son aínda un simple ensaio vacilante  sen conciencia das súas posibilidades. (...) Pensemos o que será labor da escola cando un plano xeral a dirixa, e teña ao seu servizo un persoal idóneo; cando a acción docente rebase o limitado recinto da escola e se faga sentir na asociación agraria, no mitin, na conferencia, no folleto, na prensa, e na conversación de cada día... Entón non poderá repetirse que o labor das escolas de emigrados sexa allea á solución dos problemas económicos. O labor dos emigrados ten que encamiñarse a favorecer a solución dos problemas económicos... promovendo estados de opinión. Para lograr isto, o medio máis eficaz é a escola, sempre á súa función docente se saiba imprimir verdadeira influencia social.[23]

 

Tratando de conquerir esa sintonía procurouse, cara a 1926, a colaboración da Institución Libre de Enseñanza, a fin de conducir de xeito coherente e homoxéneo o labor educativo das sociedades federadas. Implicaba unha inspección escolar desde a ILE, ademais de asesoramento e orientación do profesorado mediante clases periódicas, de acordo cos seus principios pedagóxicos[24] para asegurar o regular funcionamento das que se foran creando así como da provisión de persoal docente.[25]

 

Ese modelo de escola que tan ben concebiron as sociedades Hijos de Silleda e Pro Escuelas en Bandeira ―e máis tarde Unión del Partido de Lalín― nas terras de Deza, Aurora del Porvenir no Baixo Miño ou Nueva Era de Vilanova en Vedra ―onde Alonso Ríos intervíu activamente como asesor, como mestre, como inspector escolar e como director―, debía contribuír con eficacia á mellora das condicións de vida da súa comunidade mediante os coñecementos adquiridos coas prácticas agrícolas en campos de experimentación e hortas escolares. Pero era preciso que o ciclo educativo quedara pechado aquí, evitando que unha nova xeración abandonara Galiza, perdendo outra oportunidade para a rexeneración do país:

 

É nese terreo, cremos nós, onde as Sociedades de América teñen que sementar, tratando de encauzar o seu labor cun criterio intelixente e atendendo sempre á realidade e ás posibilidades favorables con que se poida contar. Porque se nos parece algo antoxadiza a pretensión de que saian das escolas de aldea peritos mercantís en vez de expertos agricultores, non deixa de parecernos unha equivocación lamentable a de auspiciar e pagar unha educación que prepara aos nenos dos labradores coa idea de que sexan bo elemento para a emigración. É preciso recoñecer que na orde educativa, Galicia necesita outra cousa.[26]

 

Isto, que foi considerado un “mal necesario” por moitas outras entidades[27] ―e, consecuentemente, tamén, expresado na prensa galega de América[28]― non figuraba como un obxectivo dos casos que aquí tratamos, malia ter que asumir que unha parte do seu alumnado optase tamén pola vía do desterro.

 

Continúa na siguinte



* Artigo publicado na Trabe de Ouro. Revista Galega de Pensamento Crítico, nº 53, xan-feb-mar/2003.

[1] COSTA RICO afirma, sen embargo, que no  foi un rasgo exclusivo da emigración galega: “emigrantes doutras Comunidades hispanas, en particular tamén procedentes das terras que forman a cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria, Euzkadi), participaron nun similar proceso, anque, o fenómeno acadou no caso galego unha maior intensidade e mesmo algúns rasgos singularizadores. Vésaxe:”Ignacio Ares de Parga e ‘As escolas dos Americanos’ en Galicia”. Pontevedra. Revista de estudios provinciais, nº 15, 2000, pp. 145-156.

[2] A primeira entidade en fundarse sería a Alianza Aresana de Instrucción, na Habana en 1904; en Bos Aires foi "La Concordia", de naturais de Fornelos da Ribeira, en abril de 1904. Véxase: NÚÑEZ SEIXAS, X. M.: “A parroquia de alén mar: Algunhas notas sobre o asociacionismo local galego en Bos Aires (1904-1930). Semata. Ciencias Sociais e Humanidades, 1999, p. 356.

[3] Segundo a terminoloxía acuñada por PEÑA SAAVEDRA.

[4] Vicente Fráiz Andón. (Silleda, 1850-Compostela, 1919). Exerceu o maxisterio en Silleda  durante os primeiros anos, para trasladarse máis tarde á Habana. Alí realizou o doutorado en Filosofía e Letras ao tempo que desenvolveu unha intensa actividade cultural. De regreso, fixa a súa residencia en Compostela, onde gaña a praza de Director da Escola Normal. Desde alí organiza o Certame Pedagóxico de 1906 e o Congreso Nacional de Ensino Primario en 1909. Fraiz Andón publicou un número importante de obras relacionadas co ensino e colaborou en diversas publicacións pedagóxicas.

[5] “Homenaje al profesor A. Alonso Ríos”. Céltiga, 25/2/27. Definía Blanco Amor, por outro lado, ao mestre dezán como un exemplo fecundo de austeridade e como guía de mocidades ás que logrou sacar do vergoñento marasmo colectivo e arroxou, con amplio ademán de sementador, en medio da áspera loita redentora. Véxase: BLANCO AMOR, E.: “Antonio Alonso Ríos y la juventud gallega”. El Despertar Gallego, 20/3/27. Alonso Ríos representou, segundo Bieito Alonso , o modelo de intelectual comprometido co movemento societario e a causa agrarista, demostrando a súa infatigable capacidade como organizador de masas e integrador de vontades dispersas entre os emigrados. Véxase: ALONSO FERNANDEZ, B.: Antón Alonso Ríos. Biografía. Crónica dunha fidelidade. Santiago, Edicións Laiovento, 1994.

[6] COSTA RICO, A.: Art. cit. 1999.

[7] ALONSO RÍOS, A.: “Carta abierta”. El Despertar Gallego, 4/2/23.

[8] El Despertar Gallego,  9/10/27.

[9] El Despertar Gallego, 2/3/24. Eran as súas palabras, expresadas durante un mitin celebrado no Centro Republicano Español contra Primo de Rivera, condenando a deportación de Unamuno a raíz da súa crítica ao dictador e á monarquía. 

[10] NÚÑEZ SEIXAS, X.M.: “A parroquia de Alén Mar: Algunhas notas sobre o asociacionismo local galego en Bos Aires (1904-1936). Semata. Ciencias Sociais e Humanidades, vol. 11, 1999, p. 375.

[11] “Pro-Escuela en Tomiño (Pontevedra). Nova Galicia, 1/12/12.

[12] ALONSO RÍOS, A.: “Señor Presidente, no los comprometa”. El Despertar Gallego, 18/3/28.

[13] F .FIGUEREDO, M.: “Cruzada cultural por la escuela”. El Eco de Galicia, 10/5/26.

[14] ALONSO RÍOS, A.: “Dos posiciones del SEG ante el presente”. El Pueblo Gallego, 11/9/35.

[15] Onde Alonso Ríos participa activamente desde a súa chegada a Bos Aires. Faino como asesor de varias sociedades; máis tarde, como cofundador da Federación de Sociedades Gallegas. Tamén, en 1925, como educador dando clases gratuítas, na propia Federación, de correspondencia, aritmética e contabilidade, todos os luns, mércores e venres.

[16]  Ademais, foi director do xornal El Despertar Gallego, e articulista habitual na prensa periódica galega na emigración.

[17] A relación entre sindicatos agrarios e asociacións de emigrantes é constante e estreita: “A gran expansión do agrarismo non confesional nestes anos debe ser posta en relación co papel desenvolvido polos indianos. Certamente emigrados retornados, con maiores e menores experiencias nas loitas sociais das áreas urbanas en que maioritariamente se instalaron, tiñan desempeñado un papel fundamental na difusión de novas ideoloxías nas súas parroquias de orixe e no nacemento do societarismo campesiño”. Véxase, HERVÉS SAYAR, E.: “El movimiento agrarista”, en Historia de Galicia. Vigo, Faro de Vigo, 1991, p. 856. Véxase tamén NÚÑEZ SEIXAS, X. M.: Emigrantes, caciques e indianos, Vigo, Edicións Xerais, 1998. Tamén afirma  Manuel IGLESIAS que “o apoio dos emigrantes é fundamental na formación do agrarismo, e cando este movemento se fortalece e pasa á intervención na política municipal iniciando a loita anticaciquil, recibe tamén o apoio das sociedades de emigrantes. Créanse diversas entidades de apoio como o Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda en Bos Aires ou o Comité Progresista Anticaciquil del Distrito de La Estrada en Cuba. Alonso Ríos intervén de forma habitual desde as páxinas de El Despertar Gallego corrixindo e criticando as desviacións do ideal agrarista en sociedades e persoas”. Vésaxe, IGLESIAS RODRÍGUEZ, M.: “Os emigrantes e a transformación social na comarca de Deza (1910-1936)” en MALHEIRO GUTIÉRREZ, X.M. (coord.): Fomento de la Instrucción Gallega. Vigo, Ir Indo, 2002. No caso de Aurora del Porvenir, por exemplo, esta escola comeza as súas clases nun local cedido pola Sociedad de Obreros y Agricultores de Figueiró y Estás.  .                                                                                          

[18] ALONSO RÍOS, A.: El Despertar Gallego, 3/12/22.

[19] DE BARES, P. S.: “La escuela y el campo”. El Despertar Gallego, 20/6/26.

[20] COSTA RICO, A.: Art. cit. 1999, p. 145.

[21] PEÑA SAAVEDRA afirma que “agás determinados acordos puntuais que tiveron un carácter máis testemuñal que práctico e efectivo, cada corporación procedeu de maneira autónoma sen acomodarse ás directrices dun plan unitario, producto do consenso entre todas ou sequera a maioría das institucións”. Vésaxe, “As sociedades galegas de instrucción: Proxecto Educativo e realizacións escolares”. Estudios migratorios, nº 1, decembro de 1995, pp. 18-19. Como indica NÚÑEZ SEIXAS, “algúns observadores contemporáneos laiaban xa dende a primeira década do século o fenómeno da dispersión asociativa e organizativa das colectividades galaicas, e atribuía aquéla a causas tópicas, coma o individualismo ou o espírito particularista característico dos galegos. Mais, atinadamente, tamén sinalaban como causa o anceio de ‘predominio persoal y de mando’, cando non as ‘grandes vanidades’ que se agacharían ‘tras esas pequeñas sociedades en que se divide y se extenúa nuestra colectividad’”. Vésaxe, NÚÑEZ SEIXAS, X.M.: Art. Cit., 1999.

[22] ALONSO RÍOS, A.: “Educación agraria: las escuelas creadas por las asociaciones de emigrados”. El Despertar Gallego, 17/11/29.

[23] ALONSO RÍOS, A.: “Educación agraria: las escuelas creadas por las asociaciones de emigrados”. El Despertar Gallego, 17/11/29.

[24]  “Sociedad Hijos de Silleda”, El Despertar Gallego, 17/12/26.

[25] ALONSO RÍOS, A.: “Creación de una sección Cultural en nuestra federación”. El Despertar Gallego, 1/5/27.

[26] “Temas del agro gallego. Las sociedades de emigrados y la instrucción en el campo”. Céltiga, nº 25, 10/1/26.

[27] Como por exemplo acontecía coa Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo Hijos del Ayuntamiento de Trabada, que tiña como un dos obxectivos “Promover la verdadera enseñanza elemental moderna, útil, práctica y preparatoria para la vida agrícola, industrial y comercial, del hogar y de emigrantes”. Vésaxe, Reglamento, Habana, 1922.

Continúa na siguinte