PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

Continuación (vén da anterior)

Antón Alonso Ríos e as “Escolas Especiais de Economía Rural”

 

Un dos instrumentos imaxinados polo mestre silledán para evitar o desterro americano era unha rede escolar de ensino laico[29] que desde as terras de Deza, a través de Hijos de Silleda, debía irradiar a súa luz ao resto de Galiza. Máis adiante, a Federación semellou ser un bo instrumento. E o inicio desa rede potencial materializouse en tres centros de ensino. O 5 de decembro de 1912[30] inaugúrase o de Freixeiro, na parroquia de Laro. Máis tarde, cara o ano 1917 creouse o segundo no lugar de Penadauga, en Escuadro. Por último, en 1921 adquiríuse o terceiro edificio no Marco, en Siador, que tempo despois, logo dunhas reformas, inaugurouse como a Escola nº 3. En 1928, coincidindo co XX aniversario da entidade, as tres escolas foron batizadas respectivamente como “Rosalía de Castro”, en memoria da insigne poeta galega; “Bernardino Rivadavia”, o primeiro presidente democrático da República Arxentina que amosou ademais unha especial sensibilidade cara a educación popular, e “Francisco Giner de los Ríos”, fundador da Institución Libre de Enseñanza.

 

En 1929, a entidade trasdezá nutríase coas achegas de 600 socios en Bos Aires e de 60 máis que se aglutinaban nunha Subcomisión constituída en Montevideo. Isto permitía a escolarización de 479 rapaces[31] e estaba en proxecto a creación dun cuarto centro que só chegou a establecerse provisionalmente. Esta rede escolar, á que virían sumarse as escolas doutras sociedades federadas contaba cunha inspección técnica propia[32], tratando de dar coherencia e uniformidade ao modelo escolar.

 

Alonso Ríos pensaba nese momento nun centro modelo de experimentación agropecuaria para o estudio de métodos de cultivo modernos e selección de cría de gando. Desde alí coordinaríase a actividade das granxas escolares que paulatinamente acondicionaría cada unha das escolas por todo o país. E algún tempo despois, logo de implantarse a Segunda República, comeza xa a falar do que el denominaba as “Escolas Especiais de Economía Rural”[33], onde formar ao moderno labrador. Interviñan neste proxecto de ámbito galego as entidades mencionadas cos seus respectivos centros escolares[34], o Concello de Silleda, achegando 8.000 pesetas, a Deputación de Pontevedra coa mesma cantidade e a Misión Biolóxica, dependente da Xunta de Ampliación de Estudios de Madrid. 

 

As Escolas Especiais de Economía Rural deberían formar á xente do campo para evitar a emigración, retendo en Galiza  ese potencial humano tan necesario para a rexeneración social e o desenvolvemento económico. Como era de xustiza. Sen embargo, foi un proxecto que nunca chegou a desenvolverse: a rebelión militar de 1936, a Guerra Civil e a dictadura franquista puxeron o punto final cando aínda era un esbozo.

 

A Sociedade Aurora del Porvenir pro Instrucción

 

Alonso Ríos embarcou desde Arxentina en maio de 1931. Logo de pasar o verán nunha intensa campaña política pola xeografía galega aceita o posto de director da escola miñota. Será alí onde reflexione máis intensamente sobre os problemas educativos do agro galego, que plasmará nunha serie de artigos, publicados en El Pueblo Gallego ata 1936.

 

A Aurora del Porvenir nacía baixo a iniciativa dun grupo de amigos e veciños de Tomiño residentes en Río de Janeiro, que acostumaban reunirse no establecemento “Torrefação e moagem do café Dois Irmãos”, propiedade de José e de Evaristo Domínguez Souto. Alí, domingo tras domingo, entre sacas de café e maquinaria, organizaban reunións informais para ampararse, espantar saudades ou intercambiar novas da terra, traídas por algún familiar ou veciño recén chegado.

 

Nunha desas ocasións, o 24 de maio de 1912, alguén propuxo crear unha asociación para xuntar cartos e levantar en Tomiño a escola ideal onde deberían terse instruído no seu momento, evitando así, mediante o antídoto da educación e a cultura, a súa emigración forzosa. Aquela idea inicial arraigou entre os presentes, e a partir dese momento decidiron plasmala nun proxecto solidario, sendo o seu fin principal custear un centro capaz de impartir instrucción gratuíta aos fillos dos socios e en xeral a todos os nenos sen recursos[35].

 

As primeiras xestións comezaron de contado. Cumpría difundir a iniciativa entre a comunidade emigrante e, asemade, redactar uns estatutos. A asemblea fundacional celebrouse aquel primeiro de setembro, e pouco despois constituiuse en sociedade denominada Aurora del Porvenir pro Instrucción[36]. Case de xeito parello naceron as subcomisións de Bos Aires, San Paulo e Santos. Uns anos máis tarde, en 1933, uníuse a de Lisboa[37]. Os fundadores de Aurora del Porvenir tiñan esperanza no futuro. Tamén pensaban nunha nova escola, un proxecto de novos menceres onde formar aos rapaces e rapazas do rural para un tempo novo, lonxe das tebras do pasado; un espacio para a cultura, capaz de desterrar definitivamente a desigualdade e a falta de oportunidades.

 

As clases inícianse en 1923 nun espacio cedido de xeito provisional pola Sociedad de Obreros y Agricultores de Figueiró y Estás no seu local, hoxe desaparecido. En setembro dese ano inaugúrase o primeiro curso cun brillante acto cultural[38]. O material de ensinanza, segundo informaba o xornal vigués Galicia[39], “é abundante e de excelentes condicións pedagóxicas, e o persoal estará formado por un director e os profesores necesarios para graduar o ensino”[40]. Participaron personalidades da vida académica, social e política da provincia. Eladio Ferreiro, director do colexio de Gondomar financiado pola Unión Hispano Americana Pro Valle Miñor defendeu no seu discurso a misión redentora do ensino; Enrique Lobit Callejas, recén nomeado director da escola “Aurora del Porvenir” resaltou os aspectos pedagóxicos do proxecto miñoto; Paz Andrade, director de Galicia, citaba a Joaquín Costa referíndose á “fame de pan, fame de instrucción e fame de xustiza, os tres coeficientes da libertade que padece España”. Rematouse o acto cun chamamento á mocidade e ao seu sacrificio a prol da redención da patria, e os flamantes alumnos recén matriculados cantaron o Himno Galego[41].

 

Alí en Estás, onde o proxecto escolar comezou a funcionar provisionalmente, conseguíu consolidarse gracias á doazón dun acaudalado indiano orixinario daquela parroquia. Abdón Alonso Alonso[42], residente na cidade de Peirópolis,  en Brasil, achegou en 1929 a cantidade de 35.000 pta.[43], que xunto co acumulado pola entidade ata ese momento permitu erguer un soberbio edificio, construido no lugar de Telleira de San Bento[44]. A escola gozou dunhas modernas instalacións, con espacios para o estudio, a práctica de deportes e un campo de experimentación agrícola, segundo os criterios pedagóxicos máis avanzados. Accedíase por unha avenida denominada “Do Agrarismo”, construída a expensas de Daniel Calzado[45], a través dun pórtico de entrada que tamén financiou Abdón Alonso. A escola funcionou no seu novo emprazamento entre 1930 e 1936.

 

A finais de 1931[46] o mestre dezán, recén chegado de Bos Aires, acepta o ofrecemento  para dirixir aquel proxecto. Regresara a Galiza xunto con Suárez Picallo, enviado pola FSG para colaborar na campaña autonomista[47]. Como afirma Bieito Alonso,

 

“a petición viña da man de Francisco Rodríguez Otero, secretario do xulgado e representante municipal na Asemblea autonómica da Coruña, pero Alonso Ríos xa coñecía a existencia da sociedade tomiñesa en Bos Aires e tamén sabía da fundación das escolas ‘Aurora del Porvenir’, que estaban incorporadas á rede de inspección da FSG.[48]

 

A Aurora interrompeu a súa actividade tras o levantamento militar, deixando sen aulas a un plantel que superaba o centenar de rapaces[49]. Antón Alonso Ríos, que naquela altura alternaba os labores de director do centro coa súa acta de deputado nas Cortes da República[50], foi a primeira víctima da intolerancia desatada polos acontecementos políticos.

 

—¡Ya cogieron a Alonso Ríos! ¡Por fin cayó el gran zorro!.

Estas exclamacións cheas de gozo vesánico e outras polo estilo, con variantes faunísticas pexorativas, escoitámolas en Tui durante meses, dende  mesmo 26 de xullo de 1936, día en que as tropas sublevadas entraron na cidade, logo de vender a resistenda das forzas militares e civís leais á República. A noticia da captura do bravo líder agrarista era lanzada a todo pulmón pola histeria enrabexada e femias en estado de inconsolábel soltería e un certo dubidoso varón con faldas.[51]

 

Malia salvarse dunha morte segura no momento inmediato da sublevación, “el indesable Alonso Ríos, Diputado marxista de lo más acentuado”[52] tivo que fuxir a pé polos montes de Tebra. Iniciaría así un desterro que desde o Baixo Miño levaríao ata a serra do Candán, no norte da provincia, agachado baixo a identidade do ficticio xornaleiro portugués Afranio do Amaral[53], padecendo durante os tres anos da guerra incontables calamidades. De alí a Arxentina, pasando antes por Portugal e Marrocos. En Lisboa permaneceu oculto na casa do seu amigo Enrique Blanco, tomiñés republicano dono do Restaurante Royal. Enrique utilizaba o establecemento para agachar a moitos veciños que fuxían da represión e agardaban alí, durante un tempo, antes de poder embarcar cara ao exilio[54]. Na súa casa estivo Alonso Ríos ata pasar a Marrocos, onde conseguiría embarcar pouco despois para Bos Aires. O 13 de marzo de 1939 escribía ao seu amigo Blanco desde Casablanca ―“As cousas van moi ben, inda moito millor do que eu esperaba. No primeiro barco despacharei a encomenda”―, revelándolle en clave, para non comprometelo, o anuncio dun pronto embarque.

 

Unha sorte parecida á de Alonso Ríos correron os mestres doutras escolas de emigrantes por toda a xeografía galega[55]. Por exemplo, o seu compañeiro Tomás Peiteado, contratado por Hijos de Silleda na escola “Rosalía de Castro” de Laro foi mandado prender e condenado a morte. Conseguíu salvar a vida, pero xa nunca máis voltaría a ocupar a súa praza como mestre nacional, gañada antes de ser contratado pola Sociedade dezá. Igual sorte lle esperou a Severiano González Tábora, tamén de Silleda, a quen lle pecharon para sempre as portas das escolas dezás.

 

Logo da Guerra Civil a Aurora, como así é coñecida, foi clausurada por  impartir unha ensinanza “laica y tendenciosa”[56] ―acusando aos seus dirixentes de tramar “todas las campañas políticas, antiespañolas que en los últimos tiempos hemos padecido, llegando a ser el verdadero cuartel general de la revolución comunista en el término de Tomiño”[57]―,  e a través da Organización Sindical pasou ao Ministerio de Instrucción Pública, servindo desde entón á dictadura franquista. Unha sorte parecida correron as escolas laicas de Silleda, A Bandeira, San Pedro de Vilanova en Vedra, ou Moraña. A escola da Bandeira, por exemplo, que só funcionaba como Biblioteca Popular naquela altura, foi asaltada e os seus enseres destruídos. Os libros foron queimados e só poideron salvarse aqueles que, casualmente, os veciños mantiñan nas súas casas gracias ao servicio de préstamo.

 

Pero en todas elas levouse a cabo unha interesante e fructífera experiencia ata o ano 36. Na escola de Tomiño ―”que con el pretexto de la cultura e instrucción de los niños, fue siempre centro de propaganda socialista, antipatriótica, anticristiana y masónica”[58]― e no resto dos centros educativos da FSG primaba a calidade educativa reflectida no seu ideario pedagóxico, a valía profesional dos seus profesores[59] a quen se esixía títulación oficial e recoñecida solvencia, e a dignificación docente. O que adoito non acontecía nas escolas rurais públicas anteriores á Segunda República, sumidas a miúdo na desidia profesional e o abandono administrativo.

 

Os propios alumnos e alumnas plasmaron a súa experiencia educativa en diferentes exemplos, onde deixaron constancia das ensinanzas recibidas[60]. Entre as materias que se impartían figuraban “Gramática, Aritmética, Geografía, Historia, Geometría práctica, Morfología geométrica con abaliación [sic] de áreas y volumes [sic], Historia Natural, y ligeras nociones de Física y Química”[61], poñendo énfase na súa aplicación práctica como estímulo da propia aprendizaxe, tal e como aseguraba unha alumna en 1935:

 

Temos unha escola grande e bonita, máis bonita que tódal-as outras, onde se xoga a reo, onde mestres que non baten e xogan con nós coma se foran nosos irmáns apréndennos a facer un fato de cousas, algunhas bonitas coma o dibuxo e as labores, e outras raras, coma o análisis e os angos, mais que todas chaman o sentido.[62]

 

As escolas “Aurora del Porvenir”, “Rosalía de Castro”, “Berbardino Rivadavia”, “Francisco Giner de los Ríos”, e tantas outras, formaron parte dunha obra colectiva desgraciadamente perseguida  polos poderes locais durante a dictadura de Primo de Rivera[63], e finalmente interrompida tras o inicio da Guerra Civil. As primeiras  víctimas, os mestres e representantes legais dos promotores, foron obxecto de purgas e persecucións; tamén os centros, padecendo a destrucción dos seus enseres e material didáctico; a rapiña e confiscación dos edificios, pasando a seren reconvertidos para beneficio do novo réxime a partir de 1936. E foi así porque na meirande parte daquelas escolas latexaba con forza a doctrina laicista defendida por Ferrer Guardia na súa Escola Moderna, o modelo de educación integrada na natureza que proclamaba Fröebel, ou a influencia dunha das correntes máis avanzadas do panorama educativo como era a Institución Libre de Enseñanza de Giner de los Ríos, ou, en fin, o combate ás oligarquías caciquís mediante a educación como medio para superar a miseria, que promovía Joaquín Costa (“Despensa, escuela, y siete llaves al sepulcro del Cid”) . Todo isto inquietaba sobremaneira aos que non querían cambios.

 

Esas persecucións, condeas e demais estorsións que padeceu o movemento societario de corte progresista e os seus proxectos educativos reflicten a calidade humana dun grupo de homes que, malia verse forzados a emigrar –“Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo, escribía Castelao, e outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da vida”[64] non se esqueceron dos que quedaban na terra, excluídos de xustas oportunidades de educación e de mellora persoal e colectiva.

 

Convén ter en conta, ademais, a influencia ideolóxica, o poder de convocatoria e a vontade de organización dun colectivo de intelectuais republicanos[65] entre os que se contaba o mestre silledán, capaz de mobilizar a unha comunidade inmensa: o labor dos emigrados, escribía Alonso Ríos, “debe encamiñarse, indiscutiblemente, a favorecer a solución dos problemas económicos polo único camiño aberto a ese labor, é dicir: promovendo estados de opinión que orienten ao pobo e o impulsen a acometer  e a persistir na súa acción ata que a acción colectiva se lle faga familiar e resulte para el ‘o seu modo de actuar’, así como hoxe o é o modo individual. E para lograr isto, o modo máis eficaz e a escola, sempre que á súa función docente se lle saiba imprimir verdadeira influencia social”.[66]

 

Entre todos demostraron de forma palpable que o galego, lonxe do clásico estereotipo que o identifica como un ser conservador e reacio a calquer cambio foi, ao contrario, capaz de asimilar sen dificultade os valores democráticos dos modelos sociais alá onde iniciou unha nova vida como emigrante. Capaz de implantar na súa terra, por propia iniciativa e a costa do seu peculio, proxectos que sintetizaban de forma pragmática aqueles valores e ideais experimentados empíricamente en Alén Mar. Capaz, en definitiva, de ter transformado aquela sociedade,  de contar cos instrumentos adecuados. 

 

[1] Do seu texto “Emigración” recollido na edición Narracións e outras prosas. Vigo, Galaxia, 1993, p. 117.

[1] PEÑA SAAVEDRA, V.: Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia. Vol. I, Santiago, Xunta de Galicia, 1991, pp.188-189.

[1] “Educación agraria. Las escuelas creadas por las asociaciones de emigrados”. El Despertar Gallego, 17/11/19.


[28] Foi un feito denunciado en numerosas ocasións desde diversos medios. “Creo un delito de leso galeguismo preparar aos nenos para a emigración. Iso, nin é patriótico, nin merece aplauso. Eses nenos que se instrúen nas escolas fundadas polos galegos de América son o zume da árbore de Galicia. É un deber evitar que emigren. É un deber destruír a lenda que se ten forxado nas súas cabezas do Edorado de América”, Vésaxe: CARBALLO ROMERO, J.: “Pedagogía y emigración”. Nova Galicia, 4/2/16.

[29]  Un ensino “baseado na razón que ancauza a intelixencia dos nenos cara o gran libro, sempre aberto para quen sabe comprendelo, que se chama Natureza”. Vésaxe, “Sociedad Hijos de Silleda”, El Despertar Gallego, 17/12/26;  "Hijos de Silleda". Boletín informativo nº 24. Bos Aires, 1983, p. 1.

[30] “La escuela de los Hijos de Silleda”. Suevia, 8/3/13.

[31] “Sociedad Hijos de Silleda”. Correo de Galicia, 27/6/26.

[32] Luciano Folgar Monteagudo, mestre na escola “Francisco Giner de los Ríos” desepeñaba os labores de inspección nas escolas da Sociedade e pouco a pouco ampliou o seu ámbito de traballo, ata facerse cargo tamén da inspección dos centros de Lalín, Vedra e Moraña. Máis tarde sería o propio Alonso Ríos o encargado de realizar este labor, sendo ao tempo director da “Escuela de Instrucción Primaria y de Comercio”, da sociedade Pro Escuelas en Bandeira.

[33] “Sociedad Hijos de Silleda”. Galicia, 9/10/32.

[34] “Sociedad Pro Escuelas en Bandeira”. Galicia, 16/10/32.

[35] Estatutos y Reglamento [escolar] de la Sociedad. Río de Janeiro, Tip. Casa Vallelle, 1922, p. 3.

[36] Ibídem.

[37] Boletín de “Aurora del Porvenir”. A Guarda, Talleres tipográficos del Nuevo Heraldo, 1935, p. 3.

[38] “Tomiño. Inauguración de una escuela en Estás”. Galicia (Vigo), 30/8/23; “Galicia y América. Inauguración de una escuela de emigrados en Tomiño”. Galicia (Vigo), 2/9/23.

[39] “Tomiño. Nuevo grupo escolar”. Galicia, 9/8/23.

[40] Enrique Lobit Callejas, José Arés Sánchez e Antón Alonso Ríos foron, en etapas sucesivas, os respectivos directores da escola miñota.

[41] “Galicia y América. Inauguración de una escuela de emigrados en Tomiño. Un brillante acto cultural”. Galicia (Vigo), 2/9/23.

[42] Abdón Alonso Alonso, coñecido polas súas obras filantrópicas en Peirópolis (Brasil) e en Estás (Tomiño) a través da Fundação Peirópolis, contribuíu de forma providencial no seu momento para darlle ao proxecto escolar o pulo definitivo.

[43] Boletín de “Aurora del Porvenir”. A Guarda, Talleres tipográficos del Nuevo Heraldo, 1935, p. 3.

[44] Así aparece nunha comunicación remitida polo Presidente de Aurora del Porvenir  en Tomiño á Directiva Central de Río de Janeiro, con data 19 de xaneiro de 1930, achegada por Sandra González.

[45] Ademais de impulsor da sociedade Aurora del Porvenir e representante da mesma en Tomiño, foi un dos emigrantes que contribuíu á súa obra desde Bos Aires. Segundo o perfil biográfico elaborado por Rafael Martínez Calzado, naceu en Cristelos, en 1890. Partíu en 1911 cara á capital porteña, sumándose alí á colectividade miñota onde xa desde o principio tomou parte activa comprometido co movemento agrarista. De novo en Galiza, na década dos vinte, participa na fundación de varias sociedades de agricultores, estando presente na Federación Agraria Municipal de Tomiño e na Federación Xudicial Agraria de Tui. Na súa traxectoria política figura tamén o seu paso polo Concello miñoto como alcalde democrático en 1931. Desde ese organismo continuaría a apoiar o movemento agrarista local. Regresou de novo á Arxentina contra 1935, onde participou activamente en distintas organizacións políticas e culturais, como a Irmandade Galega, da que foi presidente; o Consello de Galiza creado por Castelao, ou na agrupación “Celta” do Centro Galego. Faleceu en Bos Aires, no sanatorio desta agrupación galega en 1972.

[46] Así consta nunha nota de Galicia, 25 de outubro de 1931: “O noso querido amigo Antonio Alonso Ríos, delegado da Federación e da Orga en Galicia, foi nomeado mestre-director da sociedade “Aurora del Porvenir”, sostida polos fillos de Tomiño residentes en España e Ultramar”.

[47] Tamén en Tomiño, como no resto de Galiza, estivo Alonso Ríos facendo campaña autonomista, acompañando a Álvarez Gallego, Suárez Picallo e Castelao en 1932. Véxase: Galicia, Bos Aires, 20/11/32.

[48] ALONSO FERNÁNDEZ. B.: Op. Cit., pp. 56-57.

[49] Boletín de “Aurora del Porvenir”. A Guarda,  Talleres tipográficos del Nuevo Heraldo, 1935, p. 12.

[50] “Las escuelas en Tomiño”. Nuevo Heraldo. A Guarda, 23/5/35.

[51] Segundo as palabras de Xosé María Ávarez Blázquez no prólogo do libro do propio ALONSO RÍOS O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1996, p. 11.

[52] Calificativos que aparecen un Informe emitido polo alcalde do Concello de Tomiño, Francisco Pino, á Xunta Provincial de Beneficencia, con data 4 de febreiro de 1938. Arquivo Histórico Provincial da Deputación de Pontevedra. Sección Ensino Primario-Beneficencia, c. 19.254.

[53] ALONSO RÍOS, A.: Op. Cit. Véxase tamén o traballo “Alonso Ríos na memoria”, Río. Revista Cultural Miñota, nº 2, outono 1998, elaborado por Sandra González Álvarez.

[54] O xesto de Blanco sería constantemente recordado e agradecido por Alonso Ríos durante a relación xa fraternal que mantiveron ao longo do tempo. Pode valer como exemplo a afectuosa dedicatoria dunha fotografía que lle envía algúns anos despois desde Bos Aires. “Pró irmán Enrique Blanco con unha forte aperta do seu agradecido amigo Antonio Alonso Ríos. Maio 18 de 1962”, que debo á amabilidade da filla de Enrique, Da. Elena Blanco.

[55] MALHEIRO GUTIÉRREZ, X. M.: A Escola da Bandeira. Unha nova escola en Galicia. 1909-1936. Bandeira, Asociación Cultural Vista Alegre, 2000, pp. 145-147.

[56] Informe remitido ao Gobernador Civil de Pontevedra polo alcalde de Tui o 1/9/36. Arquivo Histórico Provincial da Deputación de Pontevedra. Sección Ensino Primario-Beneficencia, c. 19.254.

[57] Íbidem.

[58] Misiva enviada polo cura de Sta. María de Tomiño, Serafín Martínez, ao Gobernador Civil de Pontevedra, o 2 de decembro de 1936. Arquivo Histórico Provincial da Deputación de Pontevedra. Sección Ensino Primario-Beneficencia, c. 19.254.

[59] Respecto á Aurora del Porvenir, El Heraldo Gallego informaba en decembro de 1926 que tiña sido nomeado director da escola da Sociedade en Estás “el culto y laborioso maestro D. José Ares Sánchez”. No seu currículum figuraba a experiencia adquirida no Colexio Dequidt da Coruña, superando unha selección á que concorreran máis de cincuenta candidatos. Vésaxe, El Heraldo Gallego, 25/12/26. Máis tarde sería contratado Antón Alonso Ríos, presentando como aval un expediente brillante, unha amplia experiencia docente en Arxentina, unha demostrada capacidade organizativa e sobre todo unha gran calidade humana. O mesmo ocorría en Silleda e no resto de entidades.

[60] Así o describía, por exemplo, o exalumno José Fernández Pousa referíndose a un experimento realizado con tintura de iodo en 1927: “En Ciencias físico-naturais temos estudiado o iodo, que nos foi amosado polo noso Director nun frasquiño. Preséntase en escamiñas de cor violácea, que o noso profesor disolveu en alcohol, e vimos enseguida a tintura de iodo que tanto usamos. Nós non podiamos supoñer que aquelas escamiñas disoltas en alcohol fose esa tintura que nos é tan coñecida”. Paulina Domínguez, pola súa parte, contaba cómo noutra ocasión chegaron a realizar un sorprendente experimento aos ollos infantís, consistente no revelado dunha placa fotográfica: “Vimos na cámara oscura o desenvolvemento dunha imaxe nunha placa de vidro recuberta dunha película de xelatina impregnada de bromuro de prata, substancia sensible á luz, por iso toda a escola estaba a oscuras, alumeados só por unha luz vermella. Cuns reactivos químicos que o noso director había puxera previamente nunha cubeta onde sumerxíu a placa que estaba completamente branca, foi aparecendo unha imaxe negra nuns sitios e branca noutros. Cando nos fixamos vimos que o que na realidade era branco aparecía negro na praca, e o negro branco. Por iso, dixo o noso director, esta proba chámase negativa”. Véxase, Boletín de la Escuela Práctica bajo los auspicios de la Sociedad Aurora del Porvenir Pro-Instrucción. Tomiño, nº 4-5, agosto-setembro de 1927.

[61] Estatutos y Reglamento [escolar] de la Sociedad. Río de Janeiro, Tip. Casa Vallelle, 1922, p. 4. Nótese, como dato anecdótico, a influencia do idioma portugués do Brasil na redacción e traducción do presente texto.

[62] “La llegada de don Abdón Alonso Alonso a Tomiño”. Nuevo Heraldo. A Guarda, 25/5/35, p. 5, que debo á amabilidade de Eliseo Alonso.

[63] Mentres Hijos de Silleda soportaba acusacións de “herejes y judíos, de protestantes y anarquistas” (El Despertar Gallego, 18/8/29); en Forcarei deixaban de montarse “varias bibliotecas porque han sido perseguidas las personas que se relacionaban con nosotros [a Sociedad de Residentes de Forcarei en el Plata]” (El Despertar Gallego, 18/1/25). En San Pedro de Vilanova, Vedra, o alcalde negouse reiteradamente a firmar o expediente de apertura da escola “República Argentina” en 1926; máis tarde chegaron as amenazas ao mestre con levalo preso se seguía dictando clase, para rematar multando aos pais dos alumnos. A escola foi clausurada coa disculpa de non reunir as condicións esixidas. Sen embargo “si consentía en colocar en la aula de clases en retrato de Alfonso XIII y un crucufujo, se autorizaría el funcionamiento de la escuela”. ( “Vilanova, Vedra. La persecución de la escuela República Argentina”, El Despertar Gallego, 20/11/1927; tamén “El próximo Congreso y la Inspección Técnica Escolar”, El Despertar Gallego, 18/1/30  ). Na Bandeira, concello de Silleda, o cura Manuel Vilariño “pronunció un furioso sermón contra los emigrados ‘impíos y descreidos’ que levantaban el edificio escolar (...) pero los pacientes feligreses, con mucho disimulo fueron despareciendo hasta dejar al señor cura furioso como un energúmeno, berreando a las paredes y a los santos, afirmando ‘más vale quedarse burro toda la vida  que educarse en una de esas escuelas de protestantes’” (Vésaxe: “¡Tambien en Moalde!”. (El Despertar Gallego, 5/8/28.). Son só algúns exemplos daquela persecución implacable, e esperpéntica, que acarreou dramáticas consecuencias aos que as padeceron directamente.

[64] Do seu texto “Emigración” recollido na edición Narracións e outras prosas. Vigo, Galaxia, 1993, p. 117.

[65] PEÑA SAAVEDRA, V.: Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia. Vol. I, Santiago, Xunta de Galicia, 1991, pp.188-189.

[66] “Educación agraria. Las escuelas creadas por las asociaciones de emigrados”. El Despertar Gallego, 17/11/19.