www.galiciasuroeste.info

 

José Álvarez Álvarez (Pepe) e as súas tellas

Por Agustín Ferreira

 

    Este pequeno artigo tíñao escrito dende hai algo máis de tres anos, pero, por uns ou por outros motivos, quedou esquecido entre mil e unha cousas das que un arquiva no seu ordenador. Así que, remexendo polas diferentes carpetas na procura dunha determinada fotografía, din con el, boteille unha ollada, e decidín que xa era hora de sacalo á luz.

 

Pepe amosando unha das tellas que, segundo me dixo, foran inventadas e feitas por el hai xa moitas décadas.

 

      Atopeime con Pepe o día 15 de novembro de 2007, cando regresaba dunha incursión que fixera pola Xunqueira (de Salcidos). Subía eu, en dirección á estrada polo camiño de acceso á mesma, case que fronte ás Cachadas. Pepe estaba na súa finca –situada á dereita do inicio do camiño- e, logo dos pertinentes saúdos, iniciamos unha conversa que comezou coa pregunta de se estaba a ver os salgueiros pois, segundo me contou, a chuvia dese verán “debía ser ácida” porque lle queimou algunhas árbores e algunhas cepas. De seguido pasou a falarme de como mataba o tempo na súa finca, segundo me dixo, de 8.000 metros cadrados. Invitoume a pasar ao interior da mesma e mostroume o que alí tiña, entre outras cousas, frutais. Tamén me amosou o seu chiringuito, que estaba  moi ben coidado, onde pasaba bastante tempo, sobre todo de verán. Pepe e eu xa  nos coñeciamos de anos atrás, non recordo exactamente dende cando, pero posiblemente de cando a loita contra un determinado complexo hostaleiro; non o sei. O feito é que a conversa dese día, por certo moi interesante e entretida, iniciouna el cando me viu chegar.

 

    Do que me contou, dou paso a continuación.  

 

   Pepe tivo unha telleira chamada “Telleira das Cachadas”, que estaba ao lado da “Telleira do pobo”, a primeira que houbo na zona e que contaba con 25.000 metros; a “Telleira das Cachadas” fora a segunda que houbera na zona e logo viría a de Lomba. Esa telleira herdáraa do seu bisavó, Amancio Álvarez, alcumado  “O Capitán”, que tivera tamén unha telleira en Redondela de 13.000 metros cadrados así coma un terreo alugado en Nigrán. A “Telleira das Cachadas”, pasou de seo bisavó ao seu avó, Francisco Manuel Álvarez Portela ata que logo, chegou a Pepe.

 

As curiosas tellas de Pepe coas costelas lonxitudinais

 

   Pepe estivera ao fronte da telleira ata mediados da década dos 70 do século pasado. Díxome que na década dos 60 inventou a tella “con dúas costelas”,  que tiña a vantaxe de que asentaba perfectamente sen balancear e das que conserva tres exemplares, que mos mostrou e que gardaba no seu “garito”.

 

   Seguiu a contarme máis cousas, por exemplo, que a cerámica das Cachadas cocía inicialmente con leña, pero logo pasou ao carbón. Cando se empezou a utilizar este elemento, os resultados acadados non eran os esperados, pois non se conseguía que o material fabricado saíse co “vidrado” tan característico como era a cor castaña escura, que se conseguía botándolle sal, segundo me dixo.

 

    Un día Pepe, visitando a Ricardo, que era o propietario da fábrica, e que se atopaba enfermo, espetoulle:

 

-Eu sei por que non se produce o vidrado e ti tamén.

-Pois eu non o sei.

 -Como que non o sabes? Parece mentira que unha persoa coma ti, no se dea conta. Ti o sabes!

-Pois non.

-Imos ver. O carbón produce máis temperatura que a leña. Se baixamos esa temperatura á mesma que a da leña o problema está resolto.

 

   Ricardo deulle ordes para que fose a fábrica e lle dixese ao encargado o que tiña que facer. Pero dado que Pepe non era "nadie" na fábrica, entroulle como mellor puido ao encargado para que non se sentise ofendido e, en efecto, levouse a cabo o proceso con total éxito.

 

   E seguiu contándome.

 

     Pepe dirixiu algunhas obras traballando con Serafín Sabariz, a pesares de que non era albanel. Tivo intervención directa na construción da capela do colexio novo das HH Carmelitas; coa construción dunha casa que hai en Mougás, pasando o restaurante o Peñasco cara ó monte; cunha casa en Malteses, próxima ao Gran Sol, logo de pasar a do Troski...

 

    Demos por rematada a nosa longa conversa dicíndome que en decembro dese ano, 2007, cumprirá 84 anos. E a mín dábame envexa coa memoria e o desparpallo co que explicaba as cousas. E cando estaba a piques de continuar o meu camiñar, aínda me dixo que na súa casa tiña un banco de carpinteiro que é unha marabilla, pois inventara todo un artiluxio para traballar a madeira, e que quere ensinarmo noutra ocasión que estemos xuntos. Díxenlle que estaría encantado, pero dende aquela non volvemos coincidir, polo que quedei sen ver e saber cousas dese banco de carpinteiro, cousa que hoxe, relembrando este artigo, dáme bastante noxo, pois de seguro que me contaría as súas interesantes experiencias.

 

Amosando como ían dispostas as tellas.

 

Disposición das tellas. Os “nervios” impiden o balanceo das mesmas

 

 

Pepe cunha das das tellas feitas por el