PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

 

ANACOS DE HISTORIA

O ARGAZO <> Alga de Mar <> Estiércol del Mar

por José Antonio Uris Guisantes

seguinte

 

Detalle curioso dun selo das Festas do Monte.

Este traballo vai dedicado a todos aqueles homes e mulleres que laboraron arreo na recollida de argazo e corta de alga de mar, persoas que tratei persoalmente e que deixaron media vida nas pedras e no mar.

 

Barda de argazo na Ribeira nos anos cincuenta (facilitada por informaticagranada.com) Fotografía coincidente co parachoivas, canasta, cesto de bimbio e cabalo cargado de argazo para levalo á leira

Falo do Angel Rodríguez González tío Simón, xunto os fillos Moncho, Manuel, Angel, José e Generoso; de Benito Mauri González. Pisotes” con súa compañeira Marina González de la Concepción dos Santeiros; Julio Mauri González, “Julio” e muller; Manuel Martínez, “Talarucas”, a súa filla, Rita Martínez A Papaña”, José González  “Carrín” e súa muller  Rosa Adrover, José Pacheco Guimaré. “Mascato”. e súa compañeira Concepción Pérez Baz “A Morganiza”; María Martínez, filla do tío Talarucas e muller de Gregorio Guisantes “Jorito”; Os Petas do Castro, Os Tiroletes do Castro,  máis un longo etc., de persoas das que agora non lembro os seus nomes. Na Marina destaca sobre maneira Oliva Vicente Rodríguez Xoliba, unha traballadora nata, moitas das veces menosprezada por persoas con cerebro de formiga, finou a idade de 69 anos un mes de febreiro de 1986...

O Mascato estivera de mariñeiro varios anos no barco do armador Rodrigo Pacheco Lomba,O Coxo”, e logo dedicouse á pesca de polbos, venta de piñas e “jallos”, e recollida de argazo, axudado polos catro fillos[1] e dúas fillas, máis a súa muller, secaban o argazo enrolaban e logo vendían para os labregos por feixes.

Á esquerda antigos tendais de argazo en Fedorento. Ao fondo a praia de Fedorento e As Penizas. Fotografía de José A. Uris Guisantes 2008. Sería ideal un paso peonil de madeira paralelo a estrada dende esta rampa que se adiviña, así como a desaparición da defensa metálica perigrosa e antiestética

[1] Antonio, Pepe e Luís

.........................................................................................................................

Lembro que a comezos dos anos cincuenta o tío Mascato recolleu a dous mariñeiros na zoa da Pedra dos Corvos (Fedorento) a resultas de que a gamela onde andaban ao argazo rompeu contra as pedras por un golpe de mar. Unha muller que alí andaba ao argazo deu  aviso (era a hora de comer) ao barrio de Ribadavila e todos en masa acudimos ao lugar (eu tiría uns 10 ou 11 anos). Cando chegaron os veciños/as xa estaba o tío Mascato atendendo aos dous mariñeiros, un deles Bernardino Lomba Muíños, de alcume “Curritos” faleceu afogado, mentres que o seu irmán Agustín Lomba Muíños “Gardel”[1] puido salva-la vida gracias a axuda de José Pacheco Guimaré “Mascato” e un fillo. A gamela era “Brígida” que viña sendo o nome da muller de Bernardino.

Lembro tamén que o afogado foi levado no camión de Puga, dende a casa do tío Pepe “Cineca” na Guía. O que se salvou foi trasladado á casa da tía Josefa Alonso sita na Fonte dos Campos (rúa Calvario) que viña sendo a muller do tío Antonio Pena “UXA”. Este suceso e os traballos daquelas persoas que trataban de axudar aos náufragos quedoume gravado para sempre, non digamos as facianas do afogado e do que se salvou.  

[1] Fillos do tío Civil e da tía Adela da Cruzada, irmáns doutro gameleiro histórico “O Rubiales”.

----------------------------------------------

Todos con clamoeiros, ou se a barda era grande, con cabóns e ganchas. As gamelas “a plan” cheas de argazo ou de sojas da costa de Agudela[1] (Judela)<>Area Grande[2]<>Fedorento[3], despois de rozar con fouces..

Xurdíu este traballo que hoxe presento, a raíz de que oubera problemas entre unha persoa da zona de Fedorento e os paisanos e paisanas que recollían e secaban o argazo ou xerés na explanada de cemento fronte As Penizas, ao borde da estrada que vai á praia da Area Grande.

Interveu a Policía Local e incluso a Garda Civil, tratando de que deixaran de usa-la zoa para o secado do xerés e argazo e non molestasen ao paisano. A propia Garda Civil, presuntamente, ameazara aos argaceiros/as con abrir expediente, chegando o anterior alcalde D. José Luís Alonso Riego a asinar unha autorización entregada aos recolledores de argazo co obxeto de que non os molestase ninguén.

Pois ben, despois de consultar arquivos, facer preguntas aos técnicos, á propia Consellería de Pesca, Concello, ler Decretos e Ordes, máis un longo etc., estou en condicións de escribir que ninguén pode impedir que os/as recolledores/as de argazo e xerés poidan estendelo nesa explanada – ou en calquera outro lugar - alí  fóra do camiño, onde non impida o paso de persoas ou vehículos.

[1] J.L.Lomba Alonso. Topónimo que significa “pequena punta” (acuta >aguda,punta, Acutella>Agudela

[2] J.L.Lomba Alonso: Topónimo= arena+ grandis/e >grande

[3] J.L.Lomba Alonso. Topónimo=foetore>fedor, que cheira mal. (Argazo de arribación podre).

...........................................................

Cuestión que respectaron, coa salvedade de que antes non limpaban a zoa e agora si que dá espedita de resto de argazo, pero isto é unha cuestión secundaria, porque o concello ten tódalas competencias para facer limpar a zoa aos usuarios/as e ninguén máis se pode subrogar esas funcións.

A Garda Civil carece de competencias na materia sobre recollida de argazo nas pedras do mar praias erc., ou no secado do mesmo, sendo ilegal levantar calquera atestado sobre o asunto, e non digamos ameazar con abrir atestados ou expedientes se non retiraban o argazo. Existe un dereito comunal, inmemorial e consuetudinario que se debe respectar, outra cousa é a comercialización do xerés na que pode entrar Facenda para recabar o IVA ou a Seguridade Social para esixir un contrato de traballo ou inscrición no Réxime de Autónomos, face-la declaración do IRPF, etc.,etc.

Normalmente as persoas que se dedican á recollida de xerés están xubiladas e a sociedade – en xeral – é tolerante e fai a vista gorda...

Recollido na Lei 2/2006 do 14 de xuño (DOGA nº 124).

Artículo 1. 1. Las fuentes del Derecho Civil de Galicia son la Ley, la costumbre y los principios generales que integran e informan el ordenamiento jurídico gallego. Recollido na Lei 2/2006 do 14 de xuño (DOGA nº 124).

2. La costumbre regirá en defecto de ley gallega aplicable.

3. En defecto de ley y costumbre gallegas, será de aplicación con carácter supletorio el Derecho Civil General del Estado, cuando no se oponga a los principios del ordenamiento jurídico gallego.

A Lei 6/1993 de 11 de maio, de pesca de Galicia (DOGA nº 101, de 31 de maio de 1993),  no Título III, artigo 74, establece que a recollida de Argazos pode realizarse libremente. A Consellería de Pesca, non controla a recollida de Argazos que é LIBRE.

Carmen Martínez Álvarez da Cruzada, alcumada A Capada. (Fotografía de Antón Ferreira Lorenzo)

Cargando o carro de bois a base de gancha, nos anos cincuenta na zoa de Chan do Conde<>Convento. Poida ser a derradeira parella de bois da Guarda. (Foto facilitada por comercial@informaticagranada.com)

Artículo 3. El Derecho Civil Gallego tendrá eficacia en el territorio de la comunidad autónoma. Se exceptúan los casos en que, conforme al derecho interregional o internacional privado, hayan de aplicarse otras normas.

Engadindo este autor que a recollida de argazo e un dereito inmemorial (do común dos veciños) que vén dende a Idade Media - polo menos-, o igual que os montes comunais ou montes en man común.

O concello é o encargado da limpeza das praias, das rúas, dos camiños etc, de establecer Ordenanzas sobre secado, os lugares onde pode levarse a cabo o secado, obrigas dos usuarios, etc.

Co obxecto de que non se ocupen os lugares de paso dos vehículos ou peóns, se limpe a zoa, e se existe putrefación do argazo obligalos a retiralo. Aínda que cando hai grandes bardas de argazo en Fedorento soe estar moitas semanas podrecendo na praia por non haber quen o recolla.

Ningún comerciante fóra da súa porta ten dereito a nada, salvo a zona da porta de entrada que debe estar espedita. No tocante a aparcadoiros de vehículos é o Concello quen debe autorizar unha concesión administrativa a quen o solicite, pagando o que corresponda, e argumente a necesidade de facelo, dende ese momento os argaceiros/as deben buscar outro lugar para poder estender o argazo ou o xerés.

Se a zona pertenece a Portos de Galicia[1] ou á Demarcación de Costas<>Xefatura do Servicio Provincial de Costas de Pontevedra, deben ser estes organismos os que tramiten a concesión administrativa, cunhas salvagardas sobre zona de salvamento e zona marítimo terrestre.

Que pasaría se de pronto ducias de paisanos/as chegaran, como antigamente, a Fedorento e a Ribeira para recollida do argazo e fixeran ducias de montes na explanada das Penizas para logo cargalo en carros e cabalerías?.  

[1] Ente público dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Adminstra 122 portos e instalacións portuarias de Galicia.

...................................................................................

Polo tanto ningún comerciante ten dereitos sobre a vía pública e moito menos a capacidade de ser xuíz e parte; para iso está o concello respectivo e as normas ou Ordenanzas.   

O resto dos Organismos oficiais terán competencias, ante incumprimentos pertencentes a seu ámbito de actuación, tal como a corta ou raspado de algas, imposición de vedas, fiscalización, etc.

O argazo[1], cando o galego soamente se falaba nas casas dos máis pobres, era chamado oficialmente Alga de mar ou Estiércol del mar, ao igual que nos documentos e actas dos concellos, Deputacións, Gobernos Civís, erc, nos que foi obrigatorio o uso do idioma galego en actas, escritos, escolas, etc, a penas fai 25 anos, tamén se chamaba Batume do mar e Panelo[2].

Así pasaba e recollían as actas do Ayuntamiento Constitucional de la Guardia[3] y su Jurisdición durante séculos, pois para os máis profanos na materia as parroquias de O Rosal estaban integradas na Guarda dende tempo inmemorial, ata que en 1847 se segregaron formando o Ayuntamiento Constitucional del Rosal. O mar do Rosal era a costa de Portecelo onde chegaba a xurisdición da Guarda antes de 1847.

[1] Tamén Ceba ou Vazo.

[2] D. Eladio Rodríguez González. Diccionario Enciclopédico Gallego – Castellano.

[3] Durante centos de anos escribíase la Guardia con minúscula. O igual que o escudo da Guarda era co barquiño con velas.

.............................................................................................

Barrio da Marina en 1931, comezo da rúa Malteses, fronte a Efectos Navales  La Nacional de D. Antonio LombaO Afónico”, podemos ver un burro que descargara a carga de leña; obsérvase, á esquerda, a proa dunha gamela. Hoxe esta prazoliña chámase de José Mª Lomba, o topónimo é O Eirado. Antes fora praza del Almirante Topete, dende a Revolución de1868, coñecida como La Gloriosa.

..................................................

Temos datos de que en 1571 o bispo de Tui[1] e o seu Cabildo Catedralicio eran donos do Señorío de la Guardia y su Jurisdicción, pola carta que escribe ao Rei Felipe II... que desde la Guardia a Puente Sampayo son puertos de mar y los que allí viven se mantienen de la pesca, navegación y trato del mar..., entre o tratado de mar, estaba a recollida de argazo, polo que o bispo cobraba diezmos.

En 1649 co obxecto de saber con exactitude os límites das  parroquias de Oia e da Guarda fixeron unha Delimitación Parroquial, medida que facilitaba poder cobra-los diezmos á igrexa e os arbitrios ao Concello, chaman a atención varios topónimos que lemos na acta do asunto:

Pasaxe de Viscobo; Campo da Guelle; Campo do Couto; Penal Bello; Casal da María; Picouto de Costoyas; Castelo do Frade; Río Cobo; Guellas; Serro do Can; Outeiro de Borbén; Campo Darjela; Outeiro das Pacenzas; Cabaniñas da Zevedo; Marco de Peralta; Porto de Sollás; Cova da Loba; Teixugueiras; Marcos da Calzada; A Rosaria; Laxe da Aurora; Laxe da Jrama; etc.

[1] Don Diego de Torquemada que tomara posesión en 1564 e cesou en 1582.

........................................................................

Podemos apreciar a esquina do prazoletiña de Chan do Conde[1], ou Praza da Leña[2, lugar onde durante moitos anos se vendían sacos de piñas, feixes de jallos ou leña troceada. Fotografía de Daniel Baz publicada en www.galiciasuroeste.info.

[1] Debe decirse Chan do Conde porque fora propiedade do Conde de Priegue. Non ten nada que ver coa familia Ozores Sotomayor, fundadores do Convento benedictino da Guarda.

[2] Porque esquí era onde se vendían os feixes de leña, cargas de leña ou sacos de piñeiros.

.......................................................

Na memoria dos rapaces que percorríamos o barrio mariñeiro aló polos anos corenta, que tiñamos familiares mariñeiros, quédanos aquel arrecendo a argazo, os montes á beira da estrada descargados por fillos e mulleres dos gameleiros, daquelas gamelas acougadas de argazo ata os toletes, os máis pequenos recollendo camaróns que saltaban do monte..., que se comían crudos, os montes de argazo, que chegaban dende a tenda de Tolina do Valladeiro ata as mesmas portas do Convento. 

Un feixe de argazo debía ter arredor de 12 ou 14 rolos, segundo o tipo de argazo e volume.

Os rapaces cos barquiños de folla de lata[1] xogando na Ribeira por entre as pernas dos argaceiros con algunha caída que outra ao esvarar no argazo... e aquel olor especial que tiña o argazo fresco... as voces, gritos, risas, ruídos, molladuras...

[1] Feitos de latas do Aceite Carbonell e La Española.

.............................................................

Argaceiras e argaceiros na Ribeira con clamoeiros, rapaces curiosos e no fondo gamelas dedicadas á recollida de argazo co arrastrón. Esta fotografía é unha Postal que vendía Luís Cadilla González no Bazar Cadilla - anos cincuenta -. Posiblemente da súa autoría.

-------------------------------------

Os paisanos coa gancha botando o argazo dentro do carro, os mariñeiros poñendo o arrastrón[1] a secar, as varas dos clamoeiros <> cramoeiros, trueiros ou trueles -, movéndose como se estiveran escribindo con longas plumas grosas na auga... os paisanos espallando o argazo enriba do carro co cabón[2], as mulleres traendo o xantar ou a merenda, grolos de viño tinto “do país”, co obxecto de aproveita-la maré, as mariñeiras poxando os montes do argazo “rejateando”, os vellos mariñeiros vendo o panorama dende a Parediña, ou dende a tasca do Jaula, do Valladeiro, do Roxo, da Naranja... e nós os rapaces, despois da escola, saltando por meo das gamelas varadas e dos montes do estiércol del mar.

[1] Como se dicía na Guarda. Rastro oficialmente para o argazo, ou camarón con malla máis pequena.

[2] Ferramenta dos labregos semellante a un angazo ou inciño<>anciño pero máis forte e con catro dentes longos, empregábase para o esterco e para o argazo.

.........................................................

Cabalos, burros e bois eran a forza motriz para tirar das cargas pola rúa Concepción Arenal adiante ata Salcidos, O Castro, A Gandra, Rosal etc. Chegando aos anos cincuenta/sesenta o argazo cargábase en pequenos camións[1], e anos máis tarde xa chegaron os tractores

Barda de argazo na Ribeira nos anos cincuenta. Dúas mozas  con cestos de argazo á cabeza, para facer os montes e logo cargalo en cabalerías ou carros. comercial@informaticagranada.com

-----------------------------------------

Cabalos, mulas, burros e carros dos labregos de Salcidos, do Castro, da Gandra, do Rosal, cargando e carrexando durante días e noites o argazo para as leiras; tiña este un cheiro especial a limpo, a mar, que soamente os que viviron aquilo poden dar fe. Nalgunhas épocas do ano tamén fedía moito, porque xa foran estercadas as leiras e non tiñan demanda. O igual que pasa nestes anos en Fedorento cando hai barda de argazo e ninguén o retira. Soamente interesa o xerés para vender e facer uns cartos.

Unha gamelada de argazo debía ter uns 8 ou 10 feixes, segundo o volume e tipo de argazo, arredor duns 90 ou 100 rolos.

 A botella era arrincaca das pedras cunha fouce, sendo a zona onde máis abondaba nas pedras do praia do Muiño[2] e Punta Barbela[3] en Camposancos, sendo empregada na ceba de porcos, mesturada con fariña berzas e patacas, ou simplemente con restos de comidas.

As mulleres e homes por ducias cos clamoeiros[4] na man, recollendo da auga o argazo, facendo montiños nas pedras, que logo trasladaban con cestos aos montes de cada cal. O temporal...  choiva por riba das costas... o socheo.. do que debían de escapar daquelas pedras... os portos da Ribeira, Ribeiriña, Cangrexal, Robaleira, Robaleiriña, Covelo, Caneiro, Fontenla[5] O Carreiro, Porto Ladrón, nas Casetas, A Morea, Os Caldeiros[6], Goeira, Seixal, O Portiño, As Chabolas, O Penedo, Santa Catalina, etc.

[1] Un deles era o famoso Mistol.

[2] J.L. Lomba Alonso. Topónimo. molinu>moinu> muíño/muño. Preto desta praia existía un muíño movido polo vento.

[3] J.L.Lomba Alonso. Topónimo precéltico BAR= depresión, costa, desnivel, rocha. Tamén do latín BARBA= verdello, alga que semella a barba.

[4] Tamen ganapán ou truel, vara longa e forte cun aro de madeira forte ou ferros e un anaco de rede forte en forma de saco, máis grande para os homes e pequeno para as mulleres.  

[5] No porto de Fontela era onde se lavaban as tripas dos porcos.

[6] Fronte a depuradora da Guarda.

..........................................................................

Segundo o historiador local D. Juan Domínguez Fontela a Fonte de Santa Catalina (Catarina en galego), que dá nome a este portiño de rochas, xunto a unha pequena capela estaban antes entre o Trega e a Cal, nunha zoa onde había unha leprosería coñocida como A Malata. No seculo XVII edificouse a actual capela de San Queitano[1] e foi incorporada ao culto a virxe Santa Catarina. Hoxe Santa Catarina abrangue o citado portiño, a fonte e  zona entre A Canteira, San Queitano e As Casetas ou Avda. Fernández Albor.

Existe un suceso histórico transmitido de pais a fillos sobre a imaxe de San Queitano, recollido polo escritor local D. Angel Luís Troncoso Alonso no Libro La Guardia, El Rosal y Oya no que relata que a primeiros do seculo XX estando de párroco D. Francisco Pimentel fora posto a pescar cunha cana no muelle alto e un letreiro nas costas cun escrito contra o citado párroco.

Por miña conta investiguei e non atopei nada relacionado con este suceso. D. Francisco Javier Pimentel Chapela chegou á Vila da Guarda a exercer de párroco na parroquia de Santa María da Asunción procedente de Ponteareas, o día 5 de xaneiro de 1905 as 12.30 da maña, pasando a residir na Casa Parroquial sita na rúa Méndez Núñez.

[1] A primitiva capela data do seculo XII dedicada a San Queitano, clérigo fundador de hospitais para enfermos incurables.

...........................................................................

O bispo enviouno á Guarda porque Pimentel estaba enemistado co poliíico ponteareano Santurnino Álvarez Bugallal[1]. Unha vez chegado á vila guardesa tamén se enfronta co pobo por diversas causas, entre elas polo costume de celebra-las festas populares como viñan facendo dende sempre, pero foi o Enterro da Sardiña,  organizado pola Sociedade Recreo Artístico Guardés con críticas e sátiras contra os políticos e contra a igresia.

Así nos Carnavales<> Entruido de 1907, D. Fco. Pimentel Chapela procede a denunciar á Xunta Directiva do Recreo diante do Sr. Alcalde D. Severiano Martínez Núñez (que había dado permiso oficial) e do Xulgado de Instrucción e 1ª Instancia de Tui.

O disgusto foi grande pero a verdade parece que resplandeceu e Pimentel perdeu, dende ese ano gañouse a inemistade dunha grande parte da xente traballadora, por iso creo que debeu ser entre finais de 1907, comezos de 1908 cando puxeron a San Queitano  coa cana de pescar no peirao guardés. 

[1] Politico conservador e cacique foi deputado en 1869.Senador pola provincia de Ourense de 1884 a 1885. Ministro de Gracia y Justicia de 2-12-1875 a 7-5-1879 e de 9-12-1879 a 8-2-1881. Dominou politicamente Ponteareas e logo 81 concellos. Un fillo estudou no Colexio dos PP. Xesuítas na Pasaxe, atopándoo de bachiller en 1882. 

........................................................................................

Copia da esquela carnavalesca de 1907 editada por orden da Comisión del Entierro de la Sardina, saída do seno da sociedade local Recreo Artístico Guardés.

--------------------------------------------------------

Galeguiñas recollendo argazo na Ribeira. Ao fondo O Cangrexal. Postal de Luís Cadilla González cedida por Xosé Mª González Alonso.

Argaceiros e argaceiras en plena faena cos clamoeiros, cada monte tiña o seu dono, incluso marcas (unha pedra, dúas...), os familiares ían carrexando con cestos ou con cabalerías dende a orilla ata outro lugar, antes de que subira a maré. Podemos ver que tamén no Cangrexal (á esquerda) se collía argazo, lembrar A Parediña, debaixo do balcón da casa pintada de branco primeira a esquerda, chamada Casa de  Corona de Vigo. Fotografía de Luís Cadilla González.

Argaceiras e argaceiros de Ribadavila, Solanas, Salcidos, O  Castro, dispuñan dos Portos de Fedorento, As Penizas, Porto Ladrón, Os Inferniños e A Gudela. Nestas zoas xa secaban o argazo debido a que había espazo suficiente para elo, en Marouco de Pallas, nas mesmas Penizas, debaixo das Loucenzas, Sucampo, O Portiño, zona do Matadoiro,etc.

Era un espectáculo ver como extendían o argazo, e logo de seco enrolaban en mollos que cargaban en carros e cabalerías, incluso como na Marina había familias enteiras que se dedicaban á venta de argazo seco durante todo o ano, e o gardaban en cabanóns, ben apiñados os mollos.

O argazo máis popular recollido nas pedras era a flor de maio que viña sendo unha mestura de varias familias de algas mariñas.

seguinte