PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

As Misións Pedagóxicas en Galicia durante a Segunda República: a biblioteca itinerante da escola de Goián

 Xosé M. Malheiro Gutiérrez

Nenos de castela, asistindo a unha función de guiñol

.

As Misións Pedagóxicas naceron en 1931 como unha firme iniciativa do goberno da Segunda República para intentar democratizar a educación nunha sociedade que tiña con baixos niveis de escolarización, até ese momento, a máis de medio millón de nenos e nenas, e para a erradicación do analfabetismo, un dos retos máis ambiciosos que marcaba a súa política social. O Decreto subscrito polo Ministerio dicía textualmente:

 

Se trata de llevar a las gentes, con preferencia a las que habitan en localidades rurales, el aliento del progreso y los medios de participar en él, en sus estímulos morales y en los ejemplos de avance universal, de modo que los pueblos todos de España, aún los apartados, participen en las ventajas y goces nobles reservados hoy a los centros urbanos.

La República estima que es llegada la hora de que el pueblo se sienta partícipe en los bienes que el Estado tiene en sus manos, y deben llegar a todos por igual, cesando aquel abandono injusto y procurando suscitar los estímulos más elevados. De esta suerte podrá abreviarse la obra siempre lenta que la educación pública va logrando mediante la aplicación de recursos conocidos, cuyo influjo se irá acentuando cada día.[i]

.

A actividade que recolle o Decreto, publicado na Gaceta de Madrid o día 30 de maio de 1931 apenas mes e medio despois de instaurarse o novo réxime pretendía desenvolverse en tres áreas diferentes: en primeiro lugar, o fomento da cultura xeral mediante o establecemento de bibliotecas populares, fixas ou itinerantes, onde se organizaran lecturas e conferencias públicas, audicións de música e exposicións de coleccións de pintura e sesións de cine con intención educativa. En segundo lugar, a orientación pedagóxica das escolas existentes, organizando visitas aos centros e celebrando Semanas ou Quincenas pedagóxicas, excursións cos mestres e os rapaces para amosarlles a súa utilidade educativa, etc., e por último, a educación cidadá, celebrando  reunións onde se afirmaran os principios democráticos, acompañadas de conferencias e lecturas nas que se explicara á xente diversas cuestións relacionadas coa estructura do Estado, a divulgación cívica e a participación na actividade política en xeral.

 

Esta extensión democratizadora foi, para os gobernos da Segunda República, un dos resortes fundamentais para transformar o país, e para resolver esa necesidade sentida que reclamaban as xentes máis humildes. Unha iniciativa certamente interesante, pero que foi criticada, en ocasións, por proxectar un certo paternalismo cara o mundo rural, ao tempo que se daba a entender unha certa correlación entre cultura e contexto: o mundo urbano é “culto” e o mundo rural “inculto”, sen percatarse de que tería sido mellor establecer canles de interacción e intercambio , porque o mundo rural gozaba doutra “cultura” que o mundo urbano tamén necesitaba recuperar (ou aprender). De todos modos, ninguén nega o seu valor naquel momento, cando grupos voluntarios de intelectuais, artistas, científicos, profesores e estudantes universitarios, achegaban ás zonas ailladas do Estado exposicións de arte, copias de grandes cadros feitas por pintores do momento, charlas, representacións teatrais breves, gramófonos para escoitar música clásica e popular ou películas, para o que era necesario transportar pesados grupos electróxenos. Entre ese grupo de voluntarios destacan, en Galicia, o escritor Rafael Dieste, o profesor Otero Espasandín, o poeta e dramaturgo Lugrís Freire, ou o director da Misión Biolóxica de Galicia Cruz Ángel Gallástegui, ademais dos inspectores de ensino Roxelio Pérez González e Manuel Díaz Rozas. Todos eles traballaban aquí baixo a coordinación do Consello Universitario de Primeiro Ensino[ii].

Traslado do Museo itinerante desde O Pindo a Corcubión

.

Pero a acción que habían realizar as Misións Pedagóxicas sería esencialmente directa e a curto prazo, pois outras medidas, planificadas a medio e longo prazo, ocupáronse de construir escolas e formar mestres. Por exemplo, un decreto de 23 de xuño de 1931 sinalaba que facían falta 27.151 escolas, e que se propoñía dotar de inmediato 7.000 prazas novas de profesores[iii], e así os anos seguintes ata cubrir na súa totalidade as necesidades existentes.

 

O Padroado das Misións trataba, en cambio, de organizar visitas que en determinadas ocasións podían durar varios días, levando cine e gramófono, dando conferencias, facendo reunións cos mestres, etc. E un dos eixes fundamentais dese amplo proxecto de educación popular era o programa de bibliotecas escolares. Tal e como explicaba Manuel Bartolomé Cossío, profesor da Institución Libre de Enseñanza e presidente das Misións Pedagóxicas, a súa finalidade era rachar o illamento cultural que se producía nos lugares máis afastados, e o seu fundamento a xustiza social que reparaba esta falta de atención por parte dos poderes públicos baixo a Monarquía. Por iso, as bibliotecas públicas que pouco a pouco se foron repartindo polas escoliñas rurais do Estado, afirmaba Cossío, axudaban a reducir o descoñecemento e mesmo a indiferencia da xente cara os libros, “pues el problema no consistía únicamente en que los campesinos consiguieran descifrar los signos escritos, sino en despertar el amor a la lectura”. Deste xeito, o presidente das Misións Pedagóxicas quería lograr que ata nas aldeas máis afastadas do territorio español, maioritariamente rural, os textos de lectura da poboación deixasen de ser, exclusivamente, os catecismos e os calendarios.

 

Outro conto

Nese marco de educación popular e laica, como detallan Otero Urtaza e Porto Ucha nas súas respectivas obras, as Misións Pedagóxicas realizaron un interesante programa tamén en Galicia. Desde Ribadeo á Guarda e desde Xinzo a Malpica. No Baixo Miño programáronse diferentes conferencias pedagóxicas na Guarda e no Rosal en 1932, e destináronse seis bibliotecas populares, que se repartiron do seguinte xeito: A Guarda, Guillarei, Goián, Malvas, San Salvador de Tebra e Tomiño[iv].

.

A Biblioteca que o Padroado das Misións pedagóxicas instalou en Goián era de carácter itinerante, e ubicouse na “Escuela Hispano-Americana Goyanesa”. Esta escola nacional fora creara pola Sociedad de Obreros Agricultores da parroquia, e sostida co apoio dos tomiñeses residentes en New York ―a quen debe o seu nome― agrupados na Unión Hispano-Americana Goyanesa. Como aconteceu en moitas outras vilas de Galicia desde principios do século XX, os emigrantes en América colaboraban coas respectivas sociedades agrarias na creación de escolas para tratar de paliar esa necesidade sentida de instrucción que acuciaba ao mundo rural. As sociedades agrarias e as sociedades de emigrantes anticipáronse, deste xeito, ao papel  que máis tarde asumirían os gobernos republicanos a través das Misións Pedagóxicas. E un exemplo foi o da escola de Goián.

 

A “Escuela Hispano-Americana Goyanesa” nacía en decembro de 1914, logo de que a Inspección de primeiro ensino de Pontevedra aprobara a súa creación, e nomeara mestre da mesma a Pío Pardiñeiro Gallego[v].

 

Moitas veces, os americanos sufragaban todos os gastos, desde a construcción do edificio até o salario do mestre, como ocorreu por exemplo coa veciña “Aurora del Porvenir”. Pero no caso da escola Hispano-Americana Goianesa, o sindicato e a sociedade de emigrantes habilitaron un primeiro local, seguramente alugado, que cederon ao Estado para que instalara alí a escola nacional. Por iso, neste caso, o mestre Pío Pardiñeiro viña nomeado directamente pola propia Inspección provincial de primeiro ensino.

 

Alí transcurriron as clases desde 1914, até que o sindicato, contando novamente coa axuda dos emigrantes, ergueu un edificio de nova planta onde se instalaron senllas aulas de nenas e de nenos, e as dependencias da propia sociedade agrícola. Un local, hoxe xa moi reformado, pero que todo o mundo identifica como A Sociedade. E tal e como informaba o xornal Correo de Galicia de Buenos Aires, en marzo de 1928:

 

Han empezado a funcionar en los locales recientemente construidos por la Sociedad de Obreros Agricultores las escuelas nacionales de niños número 1 y 2. He aquí un hecho trascendental para el porvenir, al que muchos no dan la merecida atención. Los agrarios goyaneses, ayudados por unos cuantos emigrados en Nueva York, que dieron para las obras más de seis mil reales, sientan un precedente que nos llena de fe. Juzgamos preciso registrar, subrayando nuestras palabras, este breve comentario, que dice mucho de cuantos han intervenido en esa obra, que coloca a la veterana colectividad de nuestra villa a ver expulsándolos totalmente de la sociedad, para allanar de estorbos el camino de su labor.[vi] 

Ficha de préstamo da Biblioteca itinerante de Goián (arquivo Eliseo Alonso, que debo á amabilidade de Alicia Alonso)

No mes de abril de 1930 a sociedade agraria recibiu da colonia goianesa en Norteamérica un lote de 122 libros de diferentes autores, para formar parte da biblioteca social que ía ser inaugurada no local escolar o Primeiro de maio dese ano[vii]. E no verán de 1932, o Padroado das Misións Pedagóxicas, completando seguramente a infraestructura que xa existía, inaugurou alí unha das doce bibliotecas itinerantes creadas por esta institución na provincia de Pontevedra ese ano.

 

A Biblioteca itinerante de Goián foi solicitada pola corporación municipal presidida por Daniel Calzado ao Presidente do Padroado das Misións pedagóxicas a través da Inspección de Primeiro Ensino, e esta informou favorablemente acerca das condicións nas que se organizaba a escola e das aptitudes e cualidades do seu mestre, para que fose aceptada a solicitude. Esta biblioteca, como todas as que promoveu o Padroado das Misións Pedagóxicas, comprendía un lote de cen volumes, ademais de follas para forrar os libros, indicacións para o seu coidado e conservación e talonarios para efectuar os préstamos.

 

Os libros estaban divididos en dúas seccións, unha destinada á veciñanza e outra aos alumnos e alumnas da escola. A primeira, formada por lecturas para adultos, incluía unha selección de autores universais, como Dikens, Tolstoy ou Victor Hugo, e algúns clásicos españois, como Cervantes, Quevedo ou Pérez Galdós. Como complemento incluíase un diccionario enciclopédico, un atlas e algunhas obras de xeografía e historia de España, iniciación á natureza e cadernos de arte.

A outra sección estaba formada por lecturas para nenos, cunha colección de contos clásicos dos irmáns Grimm, de Andersen, Hofmann; adaptacións de obras mestras da literatura como Homero e Dante; aventuras novelescas e autores contemporáneos. Tamén se incluían lecturas científicas, xeográficas e históricas, destinadas a completar os labores da clase[viii].

 

A Biblioteca itinerante inaugurouse no mes de xullo de 1932 cun acto oficial no que participaron diversas personalidades. Daniel Calzado, alcalde de Tomiño na altura, aproveitou a ocasión para salientar o valor pedagóxico da lectura, tanto para os alumnos das escolas miñotas como para o resto da veciñanza, agradecendo o labor cultural que o Padroado estaba a desenvolver na comarca. Naquel acto participou, ademais, Antón Alonso Ríos, mestre da escola “Aurora del Porvenir”, tamén fundada por emigrantes, neste caso de Río de Janeiro e Buenos Aires. Alonso Ríos, que puxera a funcionar unha rede escolar de ensino primario na que se agrupaban  varias escolas de emigrantes espalladas pola provincia[ix], pronunciou un discurso en galego, dando “suxerencias valiosísimas no que atinxe ás lecturas e a súa aplicación“[x].

Xosé M. Malheiro Gutiérrez

 

Notas:


[i] OTERO URTAZA, E.: Las Misiones Pedagógicas: Una experiencia de educación popular. Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1982, p. 23.

[ii] COSTA RICO tamén dedica un apartado do seu libro Escolas e Mestres. A educación en Galicia: da Restauración á Segunda República. Santiago, USC/Xunta de Galicia, pp. 315-318, a esta cuestión.

[iii] Ibid., p. 22. Véxase tamén, sobre o labor do Padroado de Misións Pedagóxicas en Galicia a obra de PORTO UCHA: La Institución Libre de Enseñanza en Galicia. Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1986, en particular o Capítulo VIII dedicado a esta cuestión, pp. 361-392.

[iv] PORTO UCHA, A.: Op. Cit., p. 540.

[v] “De Goyán”. La Voz del Tecla nº 196, 1915.

[vi] “Goyán”. Correo de Galicia, 4/3/28, p. 10.

[vii] Heraldo Guardés, nº 1367 e 1368. (Tomado de: VILLA ÁLVAREZ, J. M.: Sindicalismo no Baixo Miño (1930-1936). A Guarda, Concello da Guarda/CCOO, 2002, p. 24).

[viii] LUZURIAGA MEDINA, L.: Bibliotecas escolares. Madrid, Publicaciónes de la Revista de Pedagogía, 1934, p. 19.

[ix] Entre as que se incluían as da Sociedad Hijos de Silleda e Pro Escuela en Bandeira, tamén de Silleda; Unión del Partido de Lalín, Asociación Pro Escuela en Moraña, Nueva Era de Vilanova, de Vedra; Unión y Progreso de San Julián de Sales, de Vedra; Mutualista y Pro escuelas del Distrito de Caldas ou a Unión Galaico-Americana do concello do Pino, na provincia da Coruña.

[x] “Goyán”. Galicia nº 274, 26/8/1932, p. 6.