PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

Álvaro de Cadaval

 apuntes para unha biografia

 por Rafael Sánchez Bargiela

No claustro do Colexio de Fonseca, sede histórica da Universidade de Compostela, exite unha longa inscrición conmemorativa da creación deste centro universitario polo arcebispo Compostela Alonso de Fonseca, labor que foi rematada polo arcediano Lope Sánchez de Ulloa. Unha inscrición que curiosamente aparece asinada polo seu autor: “Cadaval hec”. No texto deste gravado figura a frase que foi o lema do quinto centenario da universidade de Santiago: “Gallaecia fulget”, Galicia brila.

O autor deste texto é Alvaro de Cadaval Valadares e Soutomaior, un dos máis insignes humanistas que tivo Galicia ao que por mágoa non se lle ten concedido o lugar que lle corresponde na historia da nosa literatura. Tampouco os tudense témonos gabado deste ilustre fillo da nosa cidade que permanece nun inxusto esquecemento.

Alvaro de Cadaval, nace en Tui, e así o afirma nalgunha oportunidade, cara o ano 1505. Na nosa cidade vivían os seus pais Juan de Cadaval, escudeiro, e María Alvarez Barnosa que residían na rúa da Zapatería (un tramo da actual Rúa Lorenzo Cuenca ou de Abaixo). Era o menor de cinco irmáns: Francisca, que casou con D. Antonio Pereira de Caldas e Castro, cortesano portugués que tiña a súa casa nobre en Arcos – Randufe (un dos fillos deste matrimonio será outro destacado escritor Francisco de Caldas Pereira e Castro), Isabel que foi monxa, Eitor ou Hector, que finou moi novo e Pedro que cos seus tres matrimonios logrou acadar a casa de Cadaval de Nigrán e o morgado de Matamá.

Está en discusión a condición fidalga deste Cadaval, pois de feito Alvaro de Cadaval solicitará posteriormente a Felipe II o recoñecemento deste privilexio. Con todo a posición familiar non sería modesta, pois os seus pais serán soterrados na capela de San Andrés na Catedral tudense. Esto explicaría que, sen ser eclesiástico, realizase estudios universitarios e acadase un excepcional coñecemento e dominio da lingua latina. 

Poucos investigadorese teñen estudiado a figura de Alvaro de Cadaval: foi, como case sempre, Florez o primeiro de apuntar o seu nome, continuado polo historiador tudense Francisco Avila y Lacueva. Na actualidade salientan os traballos de Julio Francisco Ogando Vázquez, Manuel C. Díaz y Díaz ou Jose Garcia Oro.

Desta escaseza derivan numerosas dúbidas na súa biografía, da que apuntamos algúns datos: posiblemente estudiou na universidade de Salamanca, onde obtería o grao de mestre, ao parecer en Artes. No ano 1542 é contratado pola Universidade de Santiago, cicáis como apunta Díaz y Diaz, pola sua especial relación con Lope Sánchez de Ulloa, reitor do Colexio de Santiago. Desempeñou a cátedra de Gramática ao longo de vinte anos con diversas prorrogas; unha das súas últimas actuacións foi no outono de 1571, cando recibiu o encargo de pronunciar a oración da festa de San Lucas. Un acto que foi a despedida da súa relación intensa, e ás veces, dificultosa coa Universidade galega.

Pero Alvaro de Cadaval tivo unha intensa relación con Portugal, onde tratou de ser o aio e mestre do infante Don Antonio, fillo de Don Luis de Portugal. Foron moitas as estadías en terras lusitanas, onde se publicaron todas as súas obras, onde acolleuse á protección do Cardeal-Infante Don Henriqueen Lisboa ou logo do bispo de Porto, Don Rodrigo Pinheiro.

Exerceu tamén a docencia, probablemente como preceptor en Ourense, Braga e Viana do Castelo. Logo da súa xubilación enfermou ata a súa morte no barrio de Mazarelos de Compostela o 10 de marzo de 1575, deixando no seu testamento a súa intención de ser soterrado na Catedral de Tui, desexo que non lle foi cumplido. Morreu moi humildemente, como acredita o inventario dos bens deixados á súa morte, onde salientan máis de oitenta libros. Ainda que non casou tivo varios fillos con Lucía Pose de Castroverde, un deles, ao que recoñeceu, Juan de Cadaval e Soutomaior, capitan real en San Xoán de Caaveiro.

Pese a que a súa producción literaria, básicamente poética, é mais ampla fóronlle publicadas nove obras todas en Lisboa. Un dos seus proxectos de maior interese, para o que presentou un completo memorial a Felipe II, foi a elaboración dun estudio titulado “Descripción e xeografía de Galicia” con información mesmo gráfica.

“Cadaval Gravio Calydonio Tydense” é o nome co que asina as súas obras e no que fai referencia a súa terra natal: Gravio, polos grovios que tiñan a Tui por capital, Calydonio, pois Calydon era o reino de Tydeo fundador de Tui, e Tydense pola súa cidade.

De Rafael Sánchez Bargiela, publicado no “Faro de Vigo”