PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

EDIFICIO DO ANTIGO COLEXIO DE SAN XOSÉ

DA HH. CARMELITAS DA CARIDADE NA GUARDA

.

Xurxo González Rodríguez

A construcción deste predio débese a unha iniciativa persoal da veciña da Guarda: Dona Vicenta Rodríguez Cachada. Unha muller caritativa e de bo corazón que, mesturando a filantropía cunha ampla caridade cristiá, tivo a extraordinaria sensibilidade de intentar aliviar parte das consecuencias do desarranxo económico-social que, a finais do século XIX, había na vila da Guarda. Unhas diferencias notabeis dentro da comunidade mariñeira que, segundo testemuños da época, caracterizábase pola “súa fonda pobreza e total incultura”. O interese da benfeitora concretouse en emendar a deficiente educación que recibían os nenos e nenas guardesas coa contrucción dun colexio.

Dona Vicenta Rodríguez Cachada.

O seu nome verdadeiro era Vicenta Rodríguez Fernández, filla Juan Rodríguez e Rosa Fernández. Segundo unha vella costume familiar se lle coñecía polo alcume ou xentilicio de “Cachadas”, razón pola cal a propia Dona Vicenta, usou e firmaba contemplándoo como segundo apelido. Casou con Felipe Gándara Martínez, tiveron un fillo que emigrou para Puerto Rico, mais, ao pouco tempo, finou. A súa falla de descendencia a levaría a ser unha señora pródiga en abondosos actos de caridade que, ao final, cristalizaría no desexo de construír un colexio de balde para os nenos. Materializar esta arela tamén foi posíbel grazas a fortuna que herdou dos seus caudalosos irmáns que tamén finaron prematuramente na antilla de Puerto Rico. Dona Vicenta finou no ano 1893, aos 63 anos, mais, meses antes, asesorada polos seus confesores, xa tiña afianzado a empresa pola que sería lembrada polos guardeses.

A Fundación

As xestións para conseguir o soño de Dona Vicenta correron pola conta do Padre Modesto Fernández, Rector do Colexio dos Xesuítas, persoa que guiaría os pasos da fundación creada para tal efecto. Este sacerdote é quen, dilixentemente, vai facer as xestións para a creación do colexio; primeiro contactou coa Casa dos Xesuítas en Valladolid para que lle deran permiso para falar coa Casa-nai das Irmáns Carmelitas e, despois, informarlles a estas sobre a vontade da moribunda:

“ahora la persona que quiere hacer esa fundación, se halla muy delicada de salud, y le urge hacer testamento: como no tiene herederos forzosos (...) quiere dejarles a ustedes por herederas universales de unos veinte mil duros en las condiciones siguientes:

1. Que establezcan un Colegio-escuela, en que se dé instrucción gratuita a las niñas pobres (...).

2. Que dicho Colegio-escuela se establezca precisamente en la villa de La Guardia (...).

3. Que si ustedes no viesen inconveniente (...) se encargaran de cuidar algún enfermo (...).

4. Que después de ser nombradas ustedes herederas, no pudieran por cualquier motivo encargarse de esta fundación, queden con la obligación grave de conciencia de ceder todo lo heredado a otra Congregación Religiosa, que quiera encargarse de dicho colegio”[1].

O testamento.

A congregación Carmelita aceptou rapidamente a proposición. Unhas présas que viñan dadas por incorporar todas as variantes que fixeran falta no testamento de Dona Vicenta. Nel se di:

“nombro heredera de mis bienes (...) a la Superiora que dirija la congregación de las Madres E.T. de Nuestra Señora del Carmen en Vitoria (...) con la obligación de establecer un Colegio-escuela donde se dé gratuita las instrucción de niñas pobres de esta villa de La Guardia”[2].

O edificio.

O 16 de xaneiro de 1894 tomaron posesión dos bens as HH. Carmelitas e o 20 de marzo dese ano fundaron o colexio baixo a advocación de San Xosé. Nun principio moraron na casa da benfeitora mais consideraron necesario construír un edificio de nova planta para o Colexio. Elixiron unha das fincan de Dona Vicenta que recibía o nome de “El Castillo” debido a que se encontraba nas proximidades dunha antiga fortificación militar. Segundo consideraban as freiras o edificio do colexio se iría erguendo por partes na medida en que se fora tendo os cartos.

A primeira sede do colexio foi provisional na casa do Cruceiro que tiña Dona Vicenta., o 16 de abril comezaron as clases mais, daquela, xa se tiñan as aspiracións depositadas na construcción do novo colexio:

“ aquella casa no reunía las condiciones para establecer en ella un Colegio en toda forma (...) los albaceas (...) con acuerdo con la Madre General decidieron levantar la planta de un nuevo colegio (...) en uno de los sitios má céntricos y mejor acondicionados de la población (...)”[3].

A obra iniciouse no ano 1896, desenvolvéndose a toda présa, erguéndose conforme aos planos que realizou o xesuíta Padre José María Ojea, profesor de debuxo do Colexio da Pasaxe. No conxunto arquitectónico destaca o deseño da fachada; un corpo central, o que está baixo a espadaña, que lembra a solucións decorativas neo-mudéxares (a semellanza da arquitectura madrileña da época) e os corpos laterais destacan polas seu altos fiestras parellas as que tiñan os pazos franceses. O mestre de obras foi Don Teodoro Sabaríz Pérez, natural de Camposancos, director dunha escuadrilla de obreiros procedentes, na súa maioría, de Portugal. Non se levaban nin as ¾ partes da obra e o edificio xa entrou en servizo. A data do traslado da congregación foi o 12 de xullo de 1896.

O novo edificio.

Cando as HH. Carmelitas estiveron a punto de cumprir un século da súa chegada á Guarda, víronse na necesidade de construír un novo edificio. Novos tempos, novas necesidades, sobre todo debido o incremento da natalidade nos anos setenta. Unha tendencia demográfica que motivou que moitos edificios das institucións pedagóxicas da localidade ficaran obsoletas. O antigo colexio de San Xosé quedou moi pequeno, sen capacidade de albergar centos de alumnos, sen patios e cunha entrada que daba a unha rúa con elevado tráfico. A finais dos setenta, concretamente en 1979, a congregación comprou terreos na freguesía de Salcidos, no lugar chamado Currás. En setembro de 1980 inaugurouse un novísimo edificio con todas as comodidades e con patios de recreo e canchas de deporte.

Situación actual do edifico vello.

O antigo edificio do Colexio San Xosé, no que estiveron as freiras desde 1896 ata 1980, foi motivo dun progresivo abandono. É unha propiedade marcada pola súa orixe, por ser froito dos designios dunha fundación benéfica (ver punto 4º dos estatutos) e porque, ao ter  máis de cen anos, pode chegar a considerarse como Ben de Interese Cultural (BIC). As HH. Carmelitas, coa pretensión de sufragar o máis axiña posíbel os gastos da nova sede, vendérono a moi baixo prezo a un comerciante guardés. Para poder construír nos numerosos metros cadrados que posúen o edificio e a finca tense que dar o beneplácito por parte do Concello da Guarda e, aínda así, conforme as leis de Patrimonio, terase que respectar a actual fachada do edificio co corresponde prexuízo que iso supón para a intención de construír vivendas.


[1] Tamuxe, Xoan M., Goyás Manuel M. e Vicente, Antonio M.: Cien años de presencia de las HH. Carmelitas de la caridad en La Guardia, A Guarda, 1994, p.8.

[2] Ídem, p.10.

[3] Ídem, p.15.