PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

Castelar Piedra Pérez

Castelar Piedra homenaxeado pola Agrupación Musical da Guarda durante o Concerto de Santa Cecilia

Mercedes Ferreira Blanco e Castelar Piedra Pérez

  

            Hoxe sábado, 6 de decembro de 2008, Castelar Piedra recibirá a homenaxe dunha banda que viu nacer e coa que colaborou; coa que percorreu rúas, coa que acudiu a concertos, e á que se entregou vocacionalmente. Por eso hoxe esa mesma banda vai recoñecer, ao ‘avó’ dos músicos da Agrupación Musical da Guarda, o seu esforzo e a súa entrega a este proxecto xoven no que tamén teñen cabida xente menos moza, como Castelar Piedra, que foi –que segue a ser- exemplo para os mozos e mozas desta formación musical, por moito que o homenaxeado se empeñe en dicir que non merece tal distinción; seguro que cando así o fan máis de corenta instrumentistas, é porque Castelar Piedra teno merecido.

 

O músico Castelar Piedra

Castelar Piedra lembra os seus comezos musicais sendo moi neno, nunha casa na que os sons mesturábanse co aire que se respiraba, pois o seu pai, o recordado Pablo Piedra, director da Banda de Música de Tabagón, exercía de mestre con moitos rapaces e xoves que tiñan aspiracións musicais. Pablo Piedra, malia ter poucos estudos, posuía, di o seu fillo, unha vocación moi grande.

            A afección pola música semellaba estar nos xens. Un tío de Pablo, Manuel González Grova, fora quen fundara a Banda de Música de Tabagón, e pertencía á familia dos “Jaiteiros” (Manuel do Jaiteiro, a Gervasia do Jaiteiro), porque os antergos xa tocaban a gaita.

           

            Castelar Piedra, que posúe moi boa memoria, lembra con nostalxia aquel primeiro instrumento que soplou: a trompa, pero distinta da que se pode ver nunha banda de música da actualidade. Era unha trompa, explica, de estilo portugués, pequeniña.

            Ten, Castelar, unha data especial na memoria, que conserva desde os doce anos: a primeira vez que desfilou coa Banda de Música de Tabagón: 15 de xaneiro de 1943, acudindo a romaría de San Amaro, en Camposancos (A Guarda), daquela coa mencionada trompa.

            Pero a trompa á portuguesa non atopa acomodo no neno Castelar e recibe o que será o seu instrumento de toda a vida e co que o vemos desfilar polas rúas ou soprando nun concerto. No teito, colgado, medio esquecido, atesouraba as notas musicais un saxo que ninguén soplaba. Pablo Piedra colleu o saxo, arranxouno como puido, despertou as notas que nel se escondían, e Castelar tivo o seu propio instrumento que hoxe mantén como reliquia e con moita nostalxia, compañeiro e testemuña dos seus primeiros andares musicais.

            Castelar Piedra naceu en 1930, foi un neno da posguerra con poucas posibilidades escolares. O mestre, marchara para a guerra e pasaron os anos sen instrucción académica “malamente chegamos aprender a ler e escribir”. Só despois do ano corenta, xurdiron novas posibilidades escolares. Como tantos nenos, con once, doce anos, comeza a traballar, iniciándose co seu pai, como canteiro e albanel.

            No Servizo Militar, no Ferrol, aproveitaron o coñecemento que tiña como canteiro para realizar algunhas obras, ata que, por influencia de Celso da Palloceira, parente do pai, daquela director dunha entidade financieira, os mandos coñecen que Castelar é, ademais de picapedreiro, músico. Aquela impensada recomendación permitiulle a Castelar integrarse “nunha banda de música impresionante”: a do Rexemento de Infantería Mérida 44, de Ferrol.

Casa con Mercedes Ferreira Blanco e chegan os fillos: Beatriz, Pablo e Conchi. O traballo é moito, pero os ingresos non abondan. Traballa na fábrica das Cachadas onde gaña 1.000 pesetas ao mes, e xorde a posibilidade de marchar a Valladolid, con mellor futuro: 9.000 pesetas mensuais, aínda que hoxe lamenta non haber atendido a alternativa que lle ofrecía, uns anos antes, cando aínda eran mozo solteiro, o primo de seu pai, antes mencionado (Celso da Palloceira): marchar para Alemaña. Fronte a decidida postura da que entón era a súa noiva, e hoxe a súa dona, Mercedes, disposta a emigrar ao centro de Europa, Castelar non se atreveu a dar ese paso.

            Os anos en Valladolid foron anos de mudez musical; non había tempo para dedicarlle a aquela afección, e coformábase con solfexar mentalmente. O traballo como asalariado, primeiro, e como autónomo, máis tarde, non lle deixaba oco para coller o saxofón barítino. Deberon transcorrer corenta anos para que aquel verme musical, que se agochaba no seu maxín, espertase con máis gañas se cabe. Quizais xogou a favor que unha neta, María Santos Piedra, comezase acudir a Escola Municipal de Música, e el animouse tamén, aos seus sesenta e oito anos, a recrear notas. Acudiu a unha Escola de Música privada e, posteriormente, á Escola Municipal de Valladolid. Lembra con agradecemento ao mestre de saxofón barítino que tivo nesta Escola porque “eu aprendín máis nun mes con el que en toda a miña vida”. A Banda de Laguna del Duero, poboación próxima a Valladolid, descubre ao músico xubilado e invita a Castelar a integrarse na banda. Máis tarde, cando se inicia a formación da Banda de Música de La Flecha, de Arroyo de la Encomienda, tamén reclaman ao músico galego para que forme parte do proxecto onde tamén chegou a tocar a neta, de modo que ten que compaxinar a súa presenza en ambas formacións, sendo Castelar, por idade “el abuelito”.

            Cando decide retornar a Galicia, Castelar Piedra incorpórase as bandas do Rosal e da Guarda, aínda que nos primeiros anos non de forma continuada, pois a muller, Mercedes Ferreira, aínda non conseguira a xubilación, o que motiva longas tempadas do matrimonio en Valladolid. Ao instalarse definitivamente entre o Rosal e A Guarda, Castelar Piedra convírtese nun músico máis da Agrupación Musical da Guarda pola que ten unha especial sensibilidade dado que cando entrou a formar parte dela a maior parte dos seus compoñentes eran aínda moi nenos e puido velos crecer físicamente e musicalmente. Volvía ser, na Agrupación Musical da Guarda “o avó”. Entre tantos rapaces, o músico Castelar di que “me sentía emocionadísimo”, pero tiña aquel temor de ser un estorbo no medio daqueles xoves músicos, e de cando en vez manifestaba esa inquedanza. Sempre había alguén disposto a correxir ese pensamento e a facerlle entender que estaba errado, que era un home querido na Banda. Cando Castelar fala dese afecto que lle dispensaban os xoves da Agrupación Musical da Guarda ten que sacar a gafas e limpa os ollos aos que asoma, por momentos, a emoción.

            Aínda que saxofonista, por ‘imposición’, primeiro, e vocacional, logo, ten Castelar predilección tamén por outro instrumento: o bombardino, que era o instrumento que tocaba o seu pai. El mesmo, durante un verán ao regreso da mili, tívollo nas súas mans porque o saxo barítono xa estaba nos beizos doutro músico, así que Castelar amoldouse ao bombardino de Pablo Piedra, que, como di, “andaba por alí aparcado”.

Castelar foi coleccionando parituras, son moitos os sons perfectamente coordinados os que saíron do ‘barítono’ e é difícil para este músico veterano elixir, agora mesmo, unha peza. Coa axuda de Mercedes, consigue nomear dúas: o vals “Lágrimas sentidas” e “Muñequita linda”.

            Castelar coida ter cumpridos “os meus soños coas posibilidades que tiña; pero non os cumprín como quixera, porque desexaría ter mellores estudos para ter maiores posibilidades”. Malia a unha operación que o apartou da Agrupación Musical da Guarda hai xa algúns meses, non o apartou da música, que seguirá dun ou doutro xeito soando nalgún recuncho da casa onde vive, en Couselo (O Rosal).

            A continuidade musical da familia parece que poida rematar con Castelar. Se ben unha filla, Conchi, animouse a tocar o piano, as esperanzas musicais estaban postas na neta María, e aínda que Castelar Piedra abriga optimismo, a súa muller, Mercedes, observa máis dificultades para esa continuidade pois os estudos de María reclámanlle unha maior dedicación.

            Quen sabe….

Decembro, 2008