Índice

www.galiciasuroeste.info

 

 

Os  Chanfreiros  do Barrio de A Cruzada (A Guarda)

 

Por José A.Uris Guisantes

O primeiro “Chanfreiro” foi José Ventura Rodríguez Martínez[1] (1) casado con Dolores Álvarez (2), tiveron os seguintes fillos/as:

Matilde Rodríguez Álvarez (3), casada con Joaquín Rodríguez Franco; Avelina Rodríguez Álvarez (6), casada con Agustín Pérez López (5);  Avelina Rodríguez Álvarez (6); Manuel Rodríguez Álvarez (7), casado con Manuela Cividanes; Margarita Rodríguez Álvarez (8); Oliva Rodríguez Álvarez (9); Manuela Rodríguez Álvarez (10), casada con Antonio Álvarez Álvarez (11); Serafina Rodríguez Álvarez (12); casada con Generoso Sobrino (13); María Sobrino Rodríguez (15);

Os fillos de Agustín Pérez López (5) e Avelina Rodríguez Álvarez foron:

José Pérez Rodríguez (16); Francisco Javier Pérez Rodríguez (17); Celia Germana Pérez Rodríguez (18); Serafina Pérez Rodríguez (19).

Manuel Rodríguez Álvarez.Copia de Xurxo González Rodríguez.

Manuel Cividanes. Copia de Xurxo González Rodríguez.

Os fillos de Manuel Rodríguez Álvarez (7) da Cruzada e Manuela Cividanes da parroquia de Salcidos foron, Adelaida Rodríguez Cividanes e Dolores Rodríguez Cividanes, nacidas en Salcidos.

Adelaida Rodríguez Cividanes. Copia de Xurxo González Rodríguez.

Dolores Rodríguez Cividanes. Copia de Xurxo González Rodríguez.

Adelaida Rodríguez Cividanes casaría con Avelino Rodríguez da Silva, natural de Barcelos (Portugal) de profesión alfareiro/oleiro, tiveron os seguintos fillos/as: Celia, Manuela, Josefina, Avelina e Avelino Rodríguez Rodríguez , todos eles falecidos.

Segundo escribiu e publicou o guardés Xurxo González Rodríguez “Xurxo Chirro” o parecer poida ser que proveña da palabra portuguesa “chanfro” (chafrán). Por miña parte investiguei que a palabra “chafrán” (chaflán) provén do francés “chanfrein” que significa o mesmo que razoa Xurxo “cara dun corpo sólido que se obtén cortando por un plano unha esquina do mesmo”.

Atopei que en 1840 un José Ventura tiña na Cruzada un Taberna e venta de xabón, sería Xurado polo Barrio e incluso chegaría a rexedor (concellal) por esas data de 1840/1850.

Estaban relacionados por lazos familiares cos oleiros da Cruzada Jacinto, Julián e Luís Álvarez, pois Dolores Álvarez, esposa de José Ventura Rodríguez era irmán dos mesmos.

Atopei a estes oleiros nun documento de 1876 sobre a Relación de Fabricantes  e Industriales de La Guardia:  

Jacinto Álvarez. Fabricación de Cacharrería en La Cruzada desde 1834 con 1 caballo. Fabricación de 120 docenas de piezas anuales, con 1 hombre. Valor 15 ptas.

Julián Álvarez. Fabricación de Cacharrería en La Cruzada desde 1834 con 1 caballo. Fabricación de 120 docenas de piezas anuales, con 1 hombre. Valor 15 ptas.

Luís Álvarez. Fabricación de Cacharrería en La Cruzada desde 1834 con 1 caballo. Fabricación de 120 docenas de pieza anuales, con 1 hombre. Valor 15 ptas. (Entre outros mais que figuran no documento)

Jacinto Álvarez en 1887 pagaba Foros ao Marqués de Bendaña por “heredades de la Vega de Paraños” (A Sangriña). En 1805 Jacinto era dono dunha Taberna polo que o Concello pasa a cobrarlle o “Impuesto sobre consumo de Vinos”. Posiblemente súa irmán Dolores Álvarez e esposo José Ventura Rodríguez quedarían ca Taberna e Abacería “y venta de jabón”.

En 1844 atopei outra Taberna “y venta de jabón” a nome de Josefa Ventura Álvarez, que puidera ser filla de José Ventura Rodríguez e Dolores Álvarez, pero non indica o lugar onde estaba a Taberna.

Por outra parte a familia de Avelino Rodríguez da Silva e Adelaida Rodríguez Cividanes pasan a vivir na rúa Claudio López, hoxe rúa Ireira. Avelino, cando non atopaba traballo na bisbarra como oleiro (alfarero) emigra o Brasil en estadías longas e cada vez que tornaba a vila guardesa Avelina quedaba preñada, pero en 1936 Avelino falece debido a diabete, tendo que vender unha casa para poder sufragalos gastos de médico e medicinas, tiña 52 anos.

Comezo da rúa Claudio López, hoxe rúa Ireira

A viúva tivo que sacar adiante a familia con cinco fillos pequenos (Celia, Manuela, Josefina, Avelina e Avelino), a maior con 16 anos, polo que acorda abrir unha pequena pensión no domicilio familia Pensión Ireira.  Todo elo coincide ca guerra incivil que trouxo un sen fin de desgrazas a moitas familias do noso pobo. De seguido a familia colócase do lado dos perdedores, mentres van acontecendo as sacas de presos, paseos, agochados, rapas de cabelos, tragos de aceite de rícino, fusilamentos, miseria, etc, etc, as fillas deben poñerse a traballar duramente no servizo doméstico e tamén no domicilio familiar.

Pero volvamos á familia “dos da Ireira”, como dicía Josefina aos 14 anos foi servir a casa de Angelita que tiña o encargo de levar peixes ao Campo de Concentración de Presos de Camposancos, o igual que outras pescantinas: Josefina, dentro das súas obrigas, lavaba a roupa dun militar da prisión e o mesmo tempo, sen saber Angelita, lavaba a roupa dun preso. Lembro que o Campo de Concentración foi aberto en outubro de 1937 e estivo en operativo ata 1942.

 

Josefina Rodríguez Rodríguez da Ireira

 

Celia pola súa banda, despois de axudar a nai nos labores da casa familiar, ía lavar á Fonte da Ribeira roupa de varios presos, a pranchaba e recosía seus calcetíns, o igoal que súa irmán Manuela, que lavaba moita mais roupas de presos e soldados. Nos sábado Manuela carrexaba na cabeza unha banastrilla para entregar a roupa preparada e recoller outra, ó mesmo tempo facía recados e traslababa mensaxes orais dos mesmos ás familias dos presos..

 

Os presos confeccionaban toda crase de utensilios con material que conseguían de veciñas/os de Camposancos e da Guarda, varias das cales tamén lavaban a roupa e levaban moitas veces alimentos que non tiñan na prisión. Manuela lembra que lle encargaban trozos de rodas das bicicletas cas que confeccionaban pisos para sandalias e zapatos, cola de zapateiro, cera, cabos, agullas, botóns, coiro, barallas, dominós, cornos de animais cos que facían aneis, pentes, pulseras, etc., anacos de táboas de madeira fina para facer xolleiros, caixiñas para gardar documentos, follas de afeitar, xabóns, brillantina, tinta, papel de escribir etc.etc.

 

Avelino Rodríguez Rodríguez da Ireira.

 

Os domingos ían Celia, Manuela e Josefina de visita aos presos, acompañando a familiares directos ou ben solas, levando papei de fumar, tabaco e papel de escribir, as cartas non podía pasalas porque estaban moi vixiladas e polo tanto todas debían pasar a censura. A irmá menor Avelina era pequena e quedaba na casa ca nai o igoal que seu irmán Avelino o que de cando en vez era o acompañante das irmás no ir e vir da Ireira ao Pasaxe.

 

Na Casa da Ireira pararon moitas familias de presos de catro a cinco días, debido a que non lles daban máis permiso as autoridades franquistas. Alí pararon familiares de Cantabria; Asturias; León; Cataluña; Pais Vasco; Madrid, etc.

 

Avelina, máis nova, comezou a traballar no Hotel Pazo Santa Tecla de don José Ramón Sobrino Arias. Nos anos cincuenta cando  Camilo Pérez  e Laura Castro abren o Hotel-Restaurante O Muiño pasa a traballar  como empregada ata a xubilación, conta Josefina que estaba tan apreciada pola famila Pérez Castro que ata que faleceu sempre lle traían un agasallo por Nadal.

 

 “A Fonte dos Chanfreiros” na rúa San Queitano. Esta fonte foi construída en 1955 baixo unha doazón de 20.537,10 pesetas do emigrante en Puerto Rico Tomás Rodríguez Rodríguez, o Concello soamente tivo que “aportar 678,52 ptas por dirección de la obra y 458,41 ptas por honorarios del Aparejador”

[…] D. Tomás Rodríguez Rodríguez, natural de esta Villa, con residencia en San Juan de Puerto Rico y actualmente en esta localidad, se le había propuesto la construcción, por su cuenta, de una fuente y conducción de agua en un trozo de terreno público, inmediato al camino denominado de La Cal…” “…cuya construcción viene a cubrir una necesidad sentida por el vecindario de aquella zona, que carece de agua potable en el lugar” “…haciendo constar en acta el agradecimiento de la Municipalidad al referido donante, por el gesto de altruismo que supone la instalacións del servicio  que tan desinteresadamente propone, autorizándole para el comienzo de las obras hasta su ultimación…

 A fonte foi chamada “Dos Chanfreiros” preto do chafrán que se forma entre a Baixada da Cal (onde estaba a Taberna/Tenda de O Canal) ca rúa San Queitano.

Cruceiro e Fonte da Cal a comezos do século XX. Postal de Mariano Jiménez Hueto.

Tanto a fonte como os tanques de lavar a roupa non foron cubertos ata os anos 1920/21. O cruceiro que data de 1762 foi encargado polo matrimonio da Cruzada, José Cividanes López e Isabel Peniza Rodríguez, ambos fillos de Domingo Cividanes e María López e de Juan Peniza e Ursula Rodríguez.

Foron seus parentes José Benito, Juan Antonio e Manuel Español López. Os dous primeiros emigrante en Guatemala de onde chegaron con unha importante fortuna, establecéndose José Benito na Coruña e Juan Antonio en O Pasaxe de Camposancos onde montou un gran negocios de exportación/importación que continuaría seu único fillo Domingo Antonio Español López, alcalde e concellal o que en 1875 vendería todalas propiedades aos xesuítas españois, quenes fundarían o Colegio Apostol Santiago.  Manuel Español López emigrou, foi capitán graduado do exército, recadador de contribución, dono dun “Molino de agua” sito no lugar que ocuparía o antiguo Varadero da Ribeira, deputado provincial e “Caballero del Manto de Cristo”, falecería na súa casa do Barrio da Marina, esquina entre o comezo da rúa A Roda e rúa do Porto, a dereita da Fonte da Riveira, no baixo está a Tapería “El Puerto Guardés”.

______________

[1] Célula personal nº 19