PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

CINE AVENIDA (1943-2005):

 A ÚLTIMA MIRADA

 

 Xurxo González Rodríguez

Licenciado en Historia da Arte

Crítico de cine

17.03.2005

 

INTRODUCCIÓN

Non cabe dúbida, que a invención do cinematógrafo marcou definitivamente a evolución da sociedade contemporánea. Nos máis de cen anos de vida o cine converteuse nun elemento fundamental da nosa existencia. O cine é o tronco de onde saen todas as polas do que se dan en chamar o “audiovisual”. A imaxe animada correspóndelle unha serie de significacións que van máis aló do seu contido figurativo e que actúa como un amalgamador con multitude de caras culturais: artístico, comunicación, urbanístico, entretemento, ideolóxico, narrativo, tecnolóxico, sociolóxico,… E todas estas multifuncións conflúen fisicamente no edificio onde se pon en práctica esta actividade próxima ao ritual, estou a falar do “cine”.

 

O CINE E A GUARDA

Foi o fotógrafo José Selier o primeiro en traer o cinema a Galicia, concretamente á Coruña, en 1896. Un ano despois xa chegara a Vigo e a Tui, onde os guardeses que alí se achegaran xa poderían gozar do novo invento. A data da primeira representación na Guarda non vén recollida en ningunha fonte consultada. Mais pódese pensar que sería nos primeiros anos do século XX, xa que se sabe da existencia de varios cinematógrafos ambulantes que percorrían a comarca. Esta actividade facíase no interior de barracóns provisionais ou nos locais comerciais das principais rúas das vilas. As primeiras novas certas sobre o cine na Guarda, ponnos en contacto coa fotografía, co estudio fotográfico Casa Taboa, famoso pola súa colección de estereoscopias. Familiar do fotógrafo dese estudio foi o empresario Adolfo Builla, creador da primeira sala cinematográfica fixa na Guarda: o Teatro-Cine Ideal. A existencia deste establecemento lévanos a situalo nos últimos anos dos vinte e primeiros dos trinta, finando ante as novas esixencias derivadas da chegada do son. Trala paréntese da Guerra Civil, A Guarda retomaría a súa afección polo cinema coa construcción no ano 1943, da sala que marcaría o rumbo cultural da vila e á que é protagonista deste informe, o Cine-Teatro Avenida. Unha illa de esperanza e ilusión en tempos de penuria e carencias. Outra sala de cine que tivo unha breve existencia foi o cine Salón Parque, un local que viu a luz na década dos 50 e que tiña unha actividade híbrida, combinando a exhibición con bailes e banquetes. A Guarda alcanzaría o seu cumio cinematográfico cunha segunda sala a finais da década dos setenta, o Cine Alvi, fundado en 1979 por Arturo Alonso Sousa. Esta sala sería a primeira en sucumbir ante o empuxe desleal, de primeiro a televisión, despois o vídeo e, agora, o dvd. Actualmente a única sala que sobrevive é o Cine-Teatro Avenida albergando exhibición comercial e a programación do Cineclube Poleiro.

 

O EDIFICIO

O edificio do Cine-Teatro Avenida está emprazado na rúa Galicia facendo esquina coa Rúa Ramón Sobrino. Un asentamento magnífico nunha das zonas máis céntricas da Guarda. A superficie do inmoble é grande acorde coas dimensións do predio. O deseño do edificio foi realizado polo arquitecto vigués Antonio de Cominges no ano 1943. Segundo o expediente que existe no Arquivo do Goberno Civil, baralláronse dous proxectos para a realización da fachada do cine; un que era máis arriscado arquitectonicamente e o que ao final se realizou. O que se desestimou era un proxecto arquitectónico moito máis sobrio, cunha forte compoñente moderna e racionalista, coa consecuente depuración nas súas liñas.

       Deseño da fachada actual                         Deseño da fachada desestimado

.

A fachada que ao final se fixo ten unha dobre porta baixo a viseira, dando paso a unha serie de fiestras. A esquina do piso inferior está cortado en chafrán para aproveitar a perspectiva do espectador que se achegue polo seu flanco esquerdo. Os vanos do primeiro piso enfatizan a liña central que continúa coa alta espadala enmarcada cunha serie de molduras quebradas, deixando un tímpano onde se sitúa un escudo con listóns. Unha vez traspasado a porta hai un pequeno recibidor onde se sitúan as billeteiras. Unha segunda porta dobre nos leva cara o interior propiamente dito. Na entrada están os servizos e o gardarroupa. Hai unha escaleira que nos leva á platea cun corredor que rodea a cabina. Ao patio de butacas pódese chegar por dúas portas situadas nas esquinas. O interior é amplo, cunhas butacas atravesadas por un corredor central. Existe unha porta de emerxencia situada no lado esquerdo, onde tamén se emprazan os baños e os camerinos. O escenario é ancho acorde para as instalacións teatrais. A decoración do interior da sala está perfilada con molduras que veñen a enfatizar as ondulacións dunha platea que ten dúas prolongacións polos laterais. Unha estética acorde cunha estilización do Art Decó, unha configuración ornamental común na maioría dos cinemas que se construíron nos primeiros anos de posguerra.

Planta do patio de butacas

Corte transversal

TRAXECTORIA

O xerme do cine Avenida foi por medio da xuntanza entre tres homes de negocios da Guarda que se convertiron en socios para apoiar economicamente unha obra tan importante; Mariano Martínez Portela, Alfonso Martínez Peniza e Manuel Martínez Español. Este último foi o que se quedou ao fronte da explotación cinematográfica. Durante a década dos corenta debeulle ir ben os negocios porque asumirá o reto de establecer outro establecemento dedicados a celebrar espectáculos. Concretamente o Salón Parque sito no solar que formaba esquina entre as antigas rúas de Oliveira Salazar e Ezequiel Ordóñez. Un proxecto arquitectónico do ano 1950 que desta vez foi confiado ao arquitecto vigués Enrique Álvarez-Sala y Moris. Un edificio con reminiscencias máis clásicas, con pilastras con almofadas, aleiros nas fiestras e, incluso, cornixas rematadas con pináculos. No Salón Parque, a parte de proxeccións cinematográficas, combinaba as súas dependencias para organizar nelas bailes e banquetes.

Fachadas do Salón Parque

.

As funcións despoñíanse do seguinte xeito, o Avenida tiña tres días sesións (xoves, sábado e domingo) e o Salón Parque só tiña sesións dominicais. Debido a esta dualidade durante a década dos sesenta e setenta o cine Avenida pasou a denominarse como Gran Avenida. A principios da década dos 70, debido ao finamento de Manuel Martínez Español, o Cine Avenida cambiaría de titularidade, pasando a mans da súa filla Marcolina Martínez Álvarez. En 1985 o cine pasou a mans dunha veciña do Castro que se chamaba Flora Portela Lomba. O cine aínda sería motivo dunha venda a principios da década dos noventa, pasando a ser propiedade de Ana Mª Portela Lorenzo. Debido a esta transacción os novos propietarios consideraron oportuno unha profunda remodelación do edificio.

 

FUNCIÓNS

O Cine Avenida desenvolve actividades que van máis aló do simple entretemento. Comercialmente está configurada para proxeccións cinematográficas, sobre todo os fins de semanas, luns e días festivos. Tamén hai que dicir, que as súas paredes, acollen, desde fai cinco anos, as sesións do Cine-club Poleiro e, de cando en vez, algunha que outra función de teatro. Mais o interesante está no seu papel como foco dinamizador da cultura na vila da Guarda cubrindo uns déficits que posúe o concello. Deste modo convértese en sede de distintas entidades culturais locais para todo tipo de actividades: representacións, encontros, comicios, concertos, espectáculos,…

 

VALORES

Polo dito ata o de agora este edificio converteuse no emblema por excelencia da cultura na Guarda. Un patrimonio indispensábel para a vila que colabora decididamente na construcción dunha identidade como cidadán. Baixo o seu teito tamén se fomentou outros valores salientábeis como a creación, a democracia, a participación e a solidariedade. Un baluarte que, a pesar de ser privado, tivo unha decidida vocación de servizo público que habería, por todos os medios, que tratar de conservar.

 

SITUACIÓN ACTUAL

Con estupefacción se recibiu a nova de que o Cine Avenida vai pechar as súas portas no mes de marzo. Este fenómeno non é nada novo, xa que parece que é un proceso irreversíbel que cada vez se cobra máis víctimas: Cine Roxy no Porriño, Cine Plata e Multicines Centro en Vigo,… Todo xoga en contra dos establecementos que se dedican exclusivamente ao cine. Á competencia do vídeo e do dvd hai que sumar a “concentración pantallística” sobre todo en grandes centros comerciais. Ademais destas problemáticas intrínsecas ao mundo da imaxe hai que sumar as exteriores que son, sobre todo, as dos intereses inmobiliarios que fan moi probable o seu cambio de uso ou o seu derrube para a construcción de vivendas.

 

SINGULARIDADES A TER EN CONTA SOBRE O CINE AVENIDA

-          Ten un aforo de 404 butacas (segundo a última remodelación), sendo a cuarta sala máis grande de Galicia, despois do Cine Foz, o Teatro Ribadeo e o Salesianos de Vigo.

-          Por consecuente, ten unha ampla superficie de pantalla da que xa non poden gozar a maioría dos galegos.

-          Agora mesmo só hai dous cines na comarca do Baixo Miño: o Cine Avenida na Guarda e o Multicines Matrix en Tui.

-          Con estes baremos a comarca ten 0,4 cines por 10.000 habitantes que o sitúan dentro dos peores rexistros entre as comarcas galegas con cines, co consecuente baixón na calidade de vida e nas ofertas culturais.

-          Existe un desprazamento de poboación contrastado dos concellos limítrofes á Guarda e que non teñen cine. Ao non existir o Avenida produciríase un “exilio de ocio” aos cines máis próximos: Vilanova da Cerveira, Tui, Viana do Castelo ou Vigo, cos conseguintes prexuízos para outros sectores da economía guardesa como cafeterías, bares ou discotecas que tamén reciben a ese sector de poboación desprazada á Guarda para asistir ao cine.

Logo empresarial

POSÍBEIS XESTIÓNS

O Cine-Teatro Avenida non se pode declarar Ben de Interese Cultural dentro dos rexistros de antigüidade xa que non supera os cen anos, mais si se pode considerar con esa denominación se atendemos ás distintas significacións e funcións que proporcionou á vila da Guarda. A pesar de que esta declaración suporía algún tipo de protección habería que propor ás autoridades locais que tentasen adquirir o inmóbel. Dentro do noso contorno máis próximo existen abondosos exemplos onde o concello enxeriu este tipo de establecemento dentro do patrimonio municipal: en 1990 o Concello de Baiona comprou o cine Minicines Miramar para facer o Auditorio Municipal, en 1984 o Concello de Tomiño conseguiu o Cine Avenida para convertela (coa posterior reforma en 1994), na Casa da Cultura, desde 1959 o Concello de Mondariz-Balneario aluga os servizos do Cine-Sala Municipal e o Concello da Cañiza, postos nunha tesitura de salvagardar o cine na comarca, rexe o destinos do Cine Paradanta na Cañiza.

 

Tamén podemos recoñecer que o Cine-Teatro Avenida non ten futuro cun uso exclusivo de actividades cinematográficas, xa que as súas dependencias quedaron obsoletas en comparación cos minicines. A xestión ideal do Cine-Teatro Avenida sería que o Concello da Guarda se fixera co edificio e que se crease un padroado responsábel da súa xestión e programación como pasa con outros teatros-cines públicos das grandes cidades galegas. Sería interesante que o Avenida pedise axudas ao sostemento das salas rurais que concede a Xunta de Galicia, cousa que os seus propietarios non fixeron nos últimos anos. A programación tería que saber combinar actividades cinematográficas, teatro, concertos,… Dentro das sesións cinematográficas mesturaríanse as comerciais, con cineclubs, ciclos do CGAI,… Integrar ao Avenida dentro da rede itinerante do teatro galego independente ou dentro do circuíto de teatro subvencionado. E, por último, que o Cine Avenida fose escenario de concertos de música de distinta índole xa que, agora mesmo, convértese no escenario ideal para este tipo de actividades.

Cuño