PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

ANTERIORES

xaneiro-xullo                         agosto-decembro

 

Luns 31 de decembro de 2007

Heissel presentará o seu novo traballo discográfico a partir do 4 de xaneiro 

Un dos grupos de máis sona do Baixo Miño, Heissel, presentará, a partires do 4 de xaneiro, o seu novo proxecto musical coas xiras programadas, os nvos temas e o DVD que recolle a máis recente producción desta formación musical.

O 4 de xaneiro, a partires das 20.30h, Hessel abrirá o seu ano musical en Tomiño, na Casa da Cultura, coa proxeción do novo audiovisual da banda, un documental que recolle  algúns dos mellores momentos de Heissel desde a edición de “El lugar más feliz”.

O día 5, desde a 1.30h da madrugada, Heissel estará na sala Space, da Guarda, presentando ao seu novo baixista, e o 10 de xaneiro visitará la Fábrica de chocolate, en Vigo.

             A entrada á Casa de Cultura é gratuíta, para os concertos dos seguintes días poden adquirise as entradas anticipadamente (4 euros) no Café Amadeus (Tui), Versus (Tomiño) e Art Café (A Guarda). El precio en taquilla será de 6 euros. Más información en www.heissel.com

 

Xoves, 27 de decembro de 2007

A Escola de Canteiros restaurará imaxes relixiosas de templos da diócese de Tui- Vigo

A Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra colaborará na restauración de imaxes relixiosas dos templos da diócese Tui-Vigo, según acordaron hoxe, nunha xuntanza mantida no Pazo Provincial, o presidente da deputación pontevedresa, Rafael Louzán, e o Bispo de Tui-Vigo, José Diéguez Reboredo.

A Escola de Canteiros da Deputación xa vén levando a cabo un intenso labor na recuperación, restauración e rehabilitación de diversos elementos do Patrimonio, tanto da arquitectura civil como relixiosa. Ó longo do pasado ano, restaurou cruceiros deteriorados de diversos concellos da provincia, construíu imaxes relixiosas para a Confraría de Baiona ou a Asociación de Músicos de Pontevedra, elaborou unha aldea rural en pedra, que se instalou no Concello de Meis, e está a elaborar outros conxuntos escultóricos, adicados á emigración e ó mundo mariñeiro.

Na antedita xuntanza, Louzán e Diéguez Reboredo acordaron sunscribir un convenio para restaurar templos e capelas da diócese de Tui-Vigo para o que cada institución aportará o 50% da contía final.

Nos tres últimos anos, o devandito convenio tivo unha contía de 180.000 euros -90.000 cada institución- e, entre outras actuacións, posibilitou diversas reformas na igrexa parroquial de Soutomaior, do século XVIII; na igrexa de Vilariño-Nigrán, antigo convento dos Franciscanos; no presbiterio e a sacristía da igrexa parroquial de Zamáns, en Vigo; o retablo lateral da igrexa de Fornelos da Ribeira, en Salvaterra de Miño; e as reparacións do tellado das igrexas de Santa Baia, en As Neves, e A Cañiza-Petán.

 

Mércores, 26 de decembro de 2007

 

Os nacionalistas revelan que case o 50% do orzamento da Deputación de Pontevedra vai destinado a competencias alleas ao organismo provincial

 

O BNG pide que a Deputación adique todo o seu orzamento a apoiar aos concellos

    O BNG do Baixo Miño está a presentar en todos os concellos da comarca unha iniciativa para o seu debate nos plenos na que se solicita que a Deputación centre os seus esforzos económicos no apoio aos concellos. Os nacionalistas, a través do seu responsábel comarcal, Alberte Alonso Pereira, suliñaron que “nos orzamentos do ano 2008 a Deputación Provincial de Pontevedra, dirixida polo Partido Popular, adica dun total de 145 millóns de euros case 60 a gastos alleos ás competencias propias da Deputación, mentres que para cooperación cos concellos a cifra queda reducida a pouco máis de 32 millóns.

    Para o BNG “este orzamento demostra como o Partido Popular e Rafael Louzán utilizan a Deputación non para atender as súas competencias propias, fundamentalmente apoiar aos concellos e especialmente a aqueles máis pequenos e rurais e con máis dificultades técnicas e económicas, senón que prefiren utilizar a Deputación como instrumento de competencia e confrontación coa Xunta de Galiza promovendo e gastando cartos en actuacións e políticas propias da Xunta como crear solo industrial, servizos sociais, actividades agrogandeiras, vivenda de promoción pública, etc…”.

    Neste sentido o BNG destaca que “o funcionamento da Deputación de Pontevedra, dirixida polo Partido Popular, non ten garantido nestas décadas a prestación deses servizos mínimos por parte dos concellos pois siguen existindo graves carencias na asistencia xurídica (Secretaría, Intervención, Urbanismo, Asesoría xurídica, etc.), estradas provinciais nun desastroso estado, e hai cidadáns/ás que carecen de abastecemento domiciliario público de auga potábel e de saneamento, de cobertura de bombeiros,  praias abandonadas e descoidadas, etc.”

    Segundo Alonso Pereira,  cun novo reparto do orzamento, que elimine os gastos en competencias alleas á Deputación, os concellos poderían recibir deste organismo o dobre de investimento, pasando dos algo máis de 30 millóns a preto de 60 millóns de euros”.

    Os nacionalistas propoñen aos Plenos solicitar da Deputación un novo reparto do gasto nos orzamentos no que se eliminen as partidas para políticas que non son competencia da Deputación, incrementando a cooperación cos concellos. Tamén solicitan que a Deputación preste directamente ou a través de mancomunidades servizos municipais non obrigatorios en función dos tramos de poboación: protección civil, limpeza de praias, etc. Por último o BNG pretende que os concellos soliciten da Deputación o inicio de negociacións para transferir a outras administracións servizos alleos.

 

Mércores, 19 de decembro de 2007

Incidencias na comarca

    Intenso frío onte a mañá na comarca do Baixo Miño con temperaturas a primeira hora por baixo de cero que oscilaban entre os -3 o e os -1,5º.

    Na comarca a penas houbo outras incidencias agás estas baixas temperaturas, e un roubo nun establecemento comercial da Guarda, concretamente na tenda de informática situada entre a rúa Galicia e a rúa Ramón Sobrino.

 

Venres, 13 de decembro de 2007   

Segundo o PP, a Xunta confirma que non concederá axudas aos productores de kiwi do Baixo Miño afectados polas xeadas de novembro

     A Xunta de Galicia non ten previsto conceder axudas directas aos produtores de kiwi do Baixo Miño –fundamentalmente dos concellos de Tomiño e O Rosal-, que perderon a maior parte da produción deste ano como consecuencia das intensas xeadas rexistradas na comarca a mediados de novembro. Confirmouno o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, onte a tarde no Parlamento ao responder a unha pregunta formulada polo deputado popular César Pérez Ares.

     O deputado popular anunciou que, para superar esta situación, o PPdeG rexistrará no Parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a poñer en marcha un conxunto de medidas de apoio aos produtores de kiwi da comarca, unha froita da que destacou as súas excelentes cualidades nutricionais  e á que considerou como un claro exemplo de alimento funcional.

     Na batería de propostas que Pérez Ares trasladará ao Parlamento en breve destacan as seguintes: Axudas para a instalación de sistemas de rego aéreo; Axudas para a instalación de cortaventos que protexan as producións; Axudas para a contratación de seguros agrarios; Posta en marcha dunha campaña de promoción do consumo do kiwi galego, para dar a coñecer as súas vantaxes nutricionais (elevado aporte de vitaminas C, E, alto contido en fibra e baixa en colesterol) e as  propiedades antioxidantes, antiinflamatorias e favorecedoras do sistema inmunolóxico que o converten nun alimento funcional, e Iniciar os trámites para incluír o kiwi galego entre os produtos con distintivo galego de calidade.

 

Martes, 11 de decembro de 2007   

Preguntas orais e proposicións non de Lei no Parlamente sobre o Baixo Miño

    Ao longo desta semana vanse reunir distintas comisións do Parlamento de Galicia  presentándose nalgunhas delas preguntas para a súa resposta oral e proposicións non de Lei.

    Onte á  tarde reuniuse dende ás 16.30h a Comisión 1ª na que o Grupo Popular presenta unha Proposición non Lei sobre a adopción de medidas necesarias para solucionar as supostas carencias existente no sistema xudicial de Tui.

    Mañá mércores ás 16.30h reúnese a Comisión 2º na que o PP preguntará sobre as previsións da Consellería de Política Territorial sobre a execución das reparacións solicitadas polo Alcalde de Oia relacionadas cos danos causados polas inundacións de Outubro de 2006, así coma polos investimentos levados a cabo nese concello durante as riadas.

    O xoves reunirase a comisión 7º onte o PP preguntará sobre a avaliación dos danos ocasionados pola xeadas no Baixo Miño, e as axudas previstas para paliar os seus efectos nos cultivos de kiwi. Así coma pola solicitude de axudas ao Goberno central para estes fins.

 

Xoves, 5 de decembro de 2007   

Rota do Contrabando

(Raia Seca) Bragança 2007

 

Organización: Direcção Regional do Norte do Instituto Português da Juventude

 

Data de Realización: días 17,18,19 e 20 Decembro/07

 

Localidades: Bragança / Miranda do Douro / Vinhais.

 

Aloxamento /Alimentación – Hotel S. Lazaro

 

Participantes: 50 Mozos Galegos / 50 Mozos da Rexión Norte

Idade - 18 aos 30 anos

 

Obxectivos

Promover o encontro e intercambio de experiencias entre a mocidade galega e portiguesa. Reforzar os lazos entre Galiza e o Norte de Portugal, procurando incrementar entre as rexións o sentimento de identidade Europea;

Descubrir Valores culturais e históricos, así como o respecto ambiental polo patrimonio natural da euro-rexión.

 

Programa

 

Día 17 Bragança

Benvida. Roteiro Pedestre polos Monumentos Históricos da Cidade.

Noite. Visionamento da película “Terra Fria Transmontana”.

 

Día 18 Miranda do Douro

Cruceiro ambiental polo rio Douro

Paseo en burro (aldea de Atenor)

Proxección da película “o burro Mirandês” (raza em extinción)

Actuación dos Pauliteiros de Miranda.

 

Día 19 Vinhais. Aldea de Moimenta

Matanza tradicional do porco;

Roteiro do contrabando – Moimenta e Aldeas Galegas;

Actuación dos gaiteiros da aldea;

Regreso a Bragança polo Parque Natural de Montezinho

Noite Musica ao vivo.

 

Día 20Bragança

Percorrido pedestre da Rota do Contrabando;

Actuación dos caretos de Varge;

Xantar cominitarop - Aldea de Rio de Onor;

Festa dos Rapaces.

Noite Concerto ao vivo.

 

Dia 21 Despedida

 

Na inscrición que deverá ser feita no e-mail: pilar.deloro.saez@xunta.es deverán ser incluidos os seguintes datos:

 

- Nome e apelidos

- Nº de DNI

- Idade

-Telefono de Contacto

-Enderezo electrónico

 

Mércores, 5 de decembro de 2007   

Xornada de Deportes Alternativos organizada pola Agrupación Deportiva Baixo Miño

A Agrupación Deportiva Baixo Miño vai levar a cabo unha segunda Xornada de Deportes Alternativos (Kimball, Béisbol, Fútbol-flag).

Dada a gran acollida que tivo a xornada de Deportes Alternativos levada a cabo en Tui o pasado 19 de Outubro e a súa positiva repercusión, a Agrupación Deportiva Baixo Míño vén de organizar unha 2ª Xornada de Deportes Alternativos que se trasladará ata a zona do Condado-Paradanta.

Nesta xornada os participantes serán os/as alumnos/as de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros participantes na Competición escolar de deporte na escola da Zona de Arbo-Valeixe, Crecente e As Neves. Dita xornata terá lugar mañá, mércores, 5 de decembro, nas instalacións do C.E.I.P. Antonio Carpintero de Arbo en horario de 10.00h a13.30h.

            Nesta xornada os participantes serán os 100 alumnos/as de 5º e 6º de primaria dos seguintes centros educativos: CEIP Marquesa do Pazo das Neves, CEIP Antonio Carpintero de Arbo, CEIP Valeixe e CEIP de Crecente.

            Nesta xornada os/as participantes tomarán contacto con deportes totalmente novos e descoñecidos para eles como poden ser: Kimball, Béisbol, e Fútbol-Flag. A organización conta para a ocasión con persoas especializadas nestes deportes.

            Esta xornada organizada pola Agrupación Deportiva Baixo Miño será posible grazas a colaboración da Dirección Xeral para o Deporte, a Fundación Deporte  Galego,  Antonio Piñeiro (Mestre do I.E.S da Guía e colaboradores), así como dos centros educativos participantes.

 

Martes, 4 de decembro de 2007   

Detidos os presuntos autores de roubos en igrexas do Baixo Miño

    Os roubos en igrexas do Baixo Miño foron presuntamente perpetrados por dous mozos de 21 e 27 anos veciños de Pexegueiro. A Garda Civil detívoos xunto coa súa nai a pasada semana e púxoos a disposición do Xulgado de Instrución nº2 de Tui, tralo que quedaron en liberdade con cargos.

    Efectivos da Policía Xudicial detiña aos dous mozos coma presuntos autores dos roubos, e a súa nai por “receptación dos obxectos roubados que gardaba no seu domicilio”.

    A xuíz de instrución nº2 de Tui impútalles os roubos das igrexas parroquiais de Figueiró, Oia e da capela de Santa Trega na Guarda.

    Precisamente parte do botín roubado en Figueiró era recuperado a semana pasada nunha casa de compra-venda en Vigo, mentres que o copón e o cáliz que tamén foran roubado estaban na casa da muller detida.

 

O SLG acada que se adapten á realidade galega as condicións dos seguros agrarios para kiwi

A pesares e que a normativa europea prohibe dar axudas directas aos produtores e de kiwi afectados polas xeadas, no encontro mantido entre responsábeis de Medio Rural, persoas afectadas e o Sindicato Labrego, acordáronse medidas para potenciar ao sector

 

O 16 e 17 de novembro, unhas temperaturas insólitas de -8º na bisbarra do Baixo Miño arruinaron colleitas enteiras de kiwi. Onte, 3 de decembro, o Sindicato Labrego Galego, produtores afectados, e representantes da Asociación Galega do Kiwi reuníronse con responsábeis de Medio Rural para tratar a situación crítica pola que están a atravesar moitas explotacións, algunhas delas ao borde do peche. Por parte do SLG acudiron ao encontro a responsábel da Dirección Nacional de Horta e Froita, Pura Seoane, e o coordinador da organización agraria no Baixo Miño, Salvador Martínez; mentres que, en representación da Consellaría, estiveron o xefe de gabinete, Xosé Manuel Puga, e o delegado provincial en Pontevedra, Gonzalo Constenla.

Un dos obxectivos do encontro era tentar que se considerase ao Baixo Miño como zona catastrófica, xa que nunca houbera unha xeada destas características, xusto na época de maduración do froito, e que causase tanto dano. De feito, lémbrase hai vinte anos unha xeada semellante, pero acontecera en maio, na época de floración. En canto aos danos, as estimacións apuntan a unhas perdas entre 300 e 350 toneladas de kiwi, cun valor de 250.000 euros, que afectaron a 45 produtores. Neste senso, e a pesares das cifras e da excepcionalidade do problema, a proposta de considerar esta bisbarra como zona catastrófica non prosperou, do mesmo xeito que se lles explicou aos presentes a imposibilidade de dar axudas directas ás explotacións afectadas ao estar prohibido pola normativa comunitaria.

A pesares destes impedimentos, falouse da posibilidade de conceder axudas ao sector do kiwi a través de convenios de cara a mellorar a produtividade e a calidade, a formación profesional, e de cara a potenciar económica e comercialmente este tipo de produción.

Outro dos problemas tratados foi o dos seguros agrarios que, no caso do kiwi, non están adaptados á realidade do noso país. De feito, o seguro do kiwi só cubre entre o 15 de marzo e o 15 de novembro, polo que os danos destas xeadas, que aconteceron o 16 e 17 de novembro, non están a cuberto. En Galicia, polo clima que temos, é necesario apañar o froito máis tarde do 15 de novembro, para que os fríos do outono melloren a calidade e sabor do kiwi. Por iso, no noso país, o seguro para o kiwi debería cubrir ata o 30 de novembro. Neste senso, os representantes de Medio Rural afirmaron que xa teñen unha resposta positiva de Agroseguro para introducir esta modificación nas cláusulas do seguro para kiwis.

A pesares dos resultados positivos deste encontro, o Sindicato Labrego lamenta que as normativas europeas impidan que as explotacións afectadas, varias en creba técnica e con peche inminente, non poidan recibir axudas directas para paliar a súa situación.

 

Luns, 3 de decembro de 2007   

A Deputación de Pontevedra implanta 49 escolas deportivas no sur da provincia

A Deputación de Pontevedra, coa colaboración das respectivas federacións, ven de implantar diferentes Escolas Deportivas —un total de 69 en toda a provincia de Pontevedra— de Balonmán, Fútbol, Patinaxe e Judo.

Destas sesenta e nove escolas, o sur da provincia acollerá un total de corenta e nove, estarán repartidas entre Pontevedra, Vigo, Baiona, Tui, Ponteareas, Redondela e Soutomaior. Pontevedra acollerá unha escola de patinaxe e unha de balonmán. Vigo, unha de judo e dúas de balonmán. Baiona, dúas de balonmán (Tomiño e Oia), unha de judo e catro de fútbol (Oia, Nigrán, Tomiño e Gondomar). Tui, unha de patinaxe e tres de fútbol (Virxe dos Remedios, O Rosal e A Guarda). Ponteareas, seis de balonmán, seis de fútbol e unha de judo. Redondela, nove de balonmán. E Soutomaior, oito de fútbol.

As Escolas Deportivas Provinciais son a resposta ao reto marcado polo Servizo de Deportes da Deputación Provincial de Pontevedra para promocionar os valores físicos e saudables do deporte na idade escolar e preparar así as demandas futuras do deporte na provincia.

A través de convenios con diferentes federacións deportivas, as EDP nacen con catro deportes — Balonmán, Fútbol, Patinaxe e Judo —, que irán aumentando. A Deputación pretende aportar, deste xeito, aprendizaxe e calidade na práctica deportiva a través dos mellores profesionais co obxectivo de espertar o interese polo deporte e a actividade física entre os máis novos.

A Deputación de Pontevedra soporta todos os gastos relacionados coas Escolas (monitores, pavillóns, organización) polo que todas as Escolas Deportivas Provinciais son gratuítas para os participantes.

 

Venres, 3O de novembro de 2007   

En 2008 comezarán as obras do treitos I e III da VAC Tui-A Guarda

    Esta semana aprobaranse os proxectos de trazado dos treitos I e III da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda, unha vez que se reformulou o proxecto para que teña características de corredor en todo o seu trazado, o que permitirá converter esta vía en autovía no momento en que a intensidade do tráfico que rexistre así o esixa.

    Así o explicaba antonte no Parlamento de Galicia a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, que avanzaba que en 2008 iniciaranse as expropiacións necesarias e comezaranse as obras no treito I, entre o enlace en Tui coa A-55 e o enlace coa PO-350, e o Treito III, entre o enlace de Goián e A Guarda.

    Amais María José Caride explicou que o próximo ano someteranse a información pública os novos treitos: II que comprende o término municipal de Tomiño,  e o IV que será a circunvalación da Guarda, e se aprobará a súa declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos, paso necesario para iniciar as expropiacións.

    María José Caride lembrou durante a súa intervención que a CPTOPT incorporou unha serie de melloras con respecto ás actuacións previstas para este trazado polo anterior goberno da Xunta. Esta nova planificación suporá que a nova vía de comunicación do Baixo Miño non será unha vía rápida, senón que se configurará coma un corredor en todo o seu percorrido, o que implica garantir non só a súa construción inicial senón tamén o seu desdobramento. Deste xeito, no novo proxecto quedarán deseñados como definitivos os enlaces, as estruturas de paso superior e algunhas de paso inferior, os desmontes e algúns terrapléns e falsos túneles que se manterán cando se acometa o desdobramento.

    Por outra banda, a nova planificación terá en conta os asentamentos urbanos existentes e as súas conexións con outros núcleos, a topografía dos terreos e o respecto medioambiental. Por iso, se está a estudar a modificación do trazado do treito II, que discorre polo termo municipal de Tomiño entre o enlace coa PO-350 e o enlace de Goián, para evitar que forme unha barreira artificial.

    Ademais, a nova planificación da CPTOPT inclúe a construción da Variante da Guarda, que tampouco estaba contemplada no anterior proxecto. Dende a CPTOPT, considérase fundamental acometer esta Variante, que permitirá retirar da travesía urbana o tráfico de longo percorrido. O proxecto previsto anteriormente desembocaba en San Roque, polo que, dada a intensidade de tráfico prevista nesta estrada, suporía no futuro a conxestión do propio núcleo guardés. A Variante da Guarda e de acceso á Costa Atlántica retirará do casco urbano o tráfico de longo percorrido, o que redundará nunha mellora da calidade urbana deste concello.

    A futura vía de nova construción Tui-A Guarda mellorará a mobilidade e seguridade viaria do Baixo Miño, facilitando as conexións dos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño con Tui e, dende aquí, a través da A-55, con Vigo e o resto da rede viaria galega. Este corredor suporá un importante avance nos tempos de conexión e na seguridade fronte á vella estrada PO-552, que ten que atravesar numerosas travesías urbanas.

 

PP denuncia o retraso na VAC

    O deputado popular César Pérez Ares denunciou antonte no Parlamento que o colapso da estrada PO-550 obrigará aos habitantes da comarca do Baixo Miño a utilizar a autovía portuguesa que se atopa en fase de execución para enlazar Camiña con Valença e Vilanova da Cerveira.

    Pérez Ares  formulou, na sesión de control ao Goberno do Pleno do Parlamento, unha pregunta dirixida á conselleira de Política Territorial para coñecer as razóns do retraso da Xunta para materializar o proxecto dunha vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda.

    O deputado popular acusou a María José Caride de ter enganado aos alcaldes e veciños desta comarca cando, hai un ano, anunciou na Guarda que a Xunta ía licitar en 2007 as obras de construción do Baixo Miño. A conselleira volveu efectuar o mesmo anuncio na súa comparecencia de hoxe, pero aprazando o inicio das obras a finais de 2008, cun ano de retraso.

    Insistiu Pérez Ares en que o proxecto que deixara ultimado o anterior Goberno do PPdeG xa contemplaba o futuro desdobramento da vía, coa previsión de convertela en autovía a medida que o esixiran as necesidades de tráfico.

 

Xoves, 29 de novembro de 2007   

O próximo luns presentación do Banco de Terras no Baixo Miño 

    O próximo luns os concellos do Baixo Miño van acoller unha serie de charlas sobre o BANTEGAL, o Banco de Terras de Galicia. Explicábao na RMT Antón Vázquez, coordinador das oficinas comarcais de extensión agraria.

    A comarca é unha zona de especial interese agrario polo que a aplicación do BANTEGAL é de aprobación preferente, unha das dúas que existen en Pontevedra xunto á do Deza.

    Unha das razóns polas que se incluíu o Baixo Miño no Banco de Terras foi pola demanda que existe por parte do sector viveirista.

    Antón Vázquez explicaba que é o Banco de Terras e coma funciona facendo de punto de encontro entre os propietarios da terra e os demandantes para pola en produción. Todo coa garantía que aporta a administración.

    O BANTEGAL está xa en marcha cun número significativo de fincas a dispor dos interesados. Pero aínda hai certo descoñecemento de aí as charlas que se van realizar o luns no Baixo Miño.

 

Tui, O Rosal e A Guarda reciben axudas da Deputación para as súas escolas de música e os conservatorios

    Tui, O Rosal e A Guarda reciben axudas da Deputación para as súas escolas de música e os conservatorios. Os centros destes tres concellos están entre os 43 da provincial aos que a Deputación concede axudas cun importe total de 352.177 euros.

    Tui recibirá 15.285 euros para o seu conservatorio de grao medio que conta con 90 alumnos e 13 profesores, e 9.237 euros para a escola na que están matriculados 228 alumnos e imparten estudos 17 profesores.

    A Guarda recibirá 16.260 euros para o Conservatorio no que estudan 62 alumnos e dan clases 6 profesores.

    E no Rosal a Agrupación Musical do Rosal recibirá 5.816 euros para a súa escola de música que conta con 228 alumnos e 10 profesores.

    En total a comarca recibirá 46.598 euros para estes centros de estudos musicais.

 

O delegado de Medio Rural en Pontevedra entrevístase o luns co SLG e os produtores de Kiwi

O Sindicato Labrego Galego manterá o vindeiro luns, 3 de decembro, un encontro co delegado provincial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, de cara a tratar a problemática derivada dos danos sufridos na produción de kiwi tralas xeadas do 16 e do 17 de novembro na comarca do Baixo Miño. A esta xuntanza asistirán representantes da Asociación de Produtores de Kiwi de Galicia acompañados pola responsable do sector da Horta e Froita do Sindicato Labrego, Pura Seoane; e polo coordinador da organización agraria na comarca do Baixo Miño, Salvador Martínez.

Neste encontro, daránselle a coñecer a Constenla o alcance real das perdas producidas por esta incidencia climática e, ao mesmo tempo, trasladaráselle unha táboa reivindicativa elaborada na xuntanza cos produtores e produtoras de kiwi celebrada o pasado 23 de novembro en Tui, na que se inclúen varias medidas con vistas a paliar a grave situación pola que atravesan as explotacións do sector:

1. Solicitude de axudas á renda para paliar as perdas económicas, ben sexan directas ou a través de créditos.

2. Intentar adaptar as condicións dos seguros de danos excepcionais no kiwi á realidade das explotacións de Galiza.

3. Establecemento de mecanismos interprofesionais para establecer prezos mínimos de referencia no sector como contratos homologados.

4. Realización dunha campaña publicitaria para promover o consumo de kiwi galego e de calidade.

 

Sábado, 24 de novembro de 2007   

O Sindicato Labrego reuniuse cos produtores de kiwi afectados polas xeadas

 

A asemblea de produtores realizada hoxe decidiu trasladar a Consellería do Medio Rural na maior brevidade posible unha táboa reivindicativa co fin de solventar as perdas de produción ocasionadas por estas condicións climáticas.

 

    O Sindicato Labrego Galego realizou onte, 23 de novembro, no Centro Sociocultural de Areas, Tui, unha asemblea con produtores e produtoras de kiwi afectados polas últimas xeadas acaecidas entre o 16 e 17 de novembro na comarca do Baixo Miño, a cal asistiron un grupo importante de produtores e produtoras afectados. O obxectivo deste encontro era o de analizar e cuantificar o alcance real das perdas producidas por esta incidencia climática, chegándose a unha estimación de perda total en produción de 300-350 toneladas de kiwi e unha totalidade de 45 produtores e produtoras afectados, deles entorno a un 15 % perderon a totalidade da produción esperada, o que valorado en termos económicos, estímase que os produtores van deixar de percibir uns 250.000 euros.

    Ao mesmo tempo, decidiuse elaborar unha táboa reivindicativa con diferentes medidas que se acordaron reclamar a Consellería do Medio Rural co fin de afrontar esta grave situación. Son as seguintes:

  1.     Solicitude de axudas á renda para solventar esta situación, ben sexan directas ou a través de créditos.

  2.     Intentar adaptar as condicións dos seguros de danos excepcionais no kiwi á realidade das explotacións de Galicia.

  3.     Establecemento de mecanismos interprofesionais para establecer prezos mínimos de referencia no sector como contratos homologados.

  4.     Establecimento dunha campaña publicitaria para promover o consumo de kiwi galego e de calidade.

    Co fin de que estas demandas se fagan realidade, o Sindicato Labrego Galego intentará manter na maior brevidade posible un encontro coa Consellería do Medio Rural. A esta xuntanza asistirán produtores e produtoras de kiwi xunto con representantes do Sindicato Labrego Galego. 

 

Mércores, 21 de novembro de 2007   

Ponte...nas Ondas pide cun acto simbólico nas Pontes Internacionais que se inclúa na lista indicativa da UNESCO a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués

    Este venres as pontes internacionais que unen Galicia e Portugal van ser escenario dunha iniciativa da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO coa que buscan demandar dos gobernos portugués e español a solicitude de presentación novamente da Candidatura.

    Hai dous anos que a Candidatura competiu en París, non pudendo daquela lograr o recoñecemento. Agora tras coñecer que a UNESCO abriu de novo o prazo para a presentación de propostas por parte dos Estados  de candidaturas de patrimonio inmaterial que serán inscritas na Lista Indicativa que se fará pública no ano 2009, buscan de novo que o Patrimonio Inmaterial Galego Portugués estea nesa lista.

    Por iso este venres máis de dous mil alumnos tomarán ás pontes entre Galicia e Portugal baixo o lema “Un patrimonio para o futuro”. O alumnado das dúas beiras fará unha cadea humana e volverán cantar “Máis Perto” do cd Meniños Cantores, ao tempo que se fará unha solta de globos.

    A iniciativa comezará ás 11.30 da mañá na Ponte que une Goián e Cerveira, ás 12 terá lugar na ponte Tui-Valença, ás 12.30h na de Salvaterra-Monçao e á unha na de Arbo Melgaço.

    Do mesmo xeito, os centros educativos da Eurorrexión están convocados  a realizar accións simbólicas ese mesmo día e coas imaxes recibidas realizarase unha galería de Imaxes.

 

Venres, 16 de novembro de 2007    

O Grupo Parlamentario Popular denuncia a escaseza das inversións da Xunta respecto á comarca do Baixo Miño no vindeiro ano 2008

O deputado do Partido Popular, César A. Pérez Ares, denuncia a escaseza inversora, un ano máis,  do goberno da actual Xunta (PSOE-BNG), na comarca do Baixo Miño, segundo se contempla nos orzamentos previstos para o vindeiro ano 2008 e que vai supoñer unha auténtica paralización no eido de infraestruturas, saneamento, sanidade e parques empresariais.

O exemplo máis salientable  é o esquecemento do vial de alta capacidade (VAC), agora denominado corredor  entre  Tui e A Guarda xa que se contempla unha dotación totalmente insuficiente consignando 2,5 millóns de euros para obras e  expropiacións cando debería contar con  preto de 70 millóns de euros para iniciar unha obra de tal envergadura, xa que o presuposto total orzamentario segundo a conselleira é de 140 millóns e ademáis, a día de hoxe, está sen definir o trazado do treito 2 (PO 350- enlace de Goián) que afecta ao concello de Tomiño, xa que o pasado 25 de outubro saíu publicada a asistencia técnica para o estudo informativo e impacto ambiental do devandito treito, non estando contemplada a circunvalación  deste municipio aínda que si a circunvalación de A Guarda (treito 4). Unha situación que vai provocar, en opinión de César Pérez Ares, unha  demora como mínimo ata 2012 –acumulando xa un retraso de tres anos- dunha infraestrutura tan prioritaria para o desenvolvemento  económico e para a mobilidade e a seguridade viaria da comarca do Baixo Miño.

Parques Empresariais

Asemade, o actual orzamento “ignora” os Parques Empresariais da Guarda – O Rosal e Tomiño tan necesarios para o desenvolvemento económico destes concellos  e que vai a derivar nunha escasa oferta de solo traendo  como consecuencia que moitas empresas dirixan os seus investimentos ao pais veciño (Parque empresarial de Vilanova de Cerveira, Valença do Minho). Unha actuación que evidencia a falta de sensibilidade nun tema tan trascendental e a carencia de interese do bipartito  por facilitar e fomentar iniciativas empresariais e por ende a creación de postos de traballo na comarca miñota.

Centros de Saúde

Por outra banda, tampouco se contemplan dotacións orzamentarias para os Centros de Saúde de Tui e Oia, tan necesarias para aumentar a calidade asistencial e que vai impedir satisfacer unha  petición tan demandada polos usuarios e veciños destes concellos. Ao mesmo tempo, Pérez Ares solicitará o incremento de plantilla tanto no Centro de Saúde de Tui como no de Tomiño, para evitar as situacións de colapso que  con moita frecuencia se producen nestes Centros.

No ámbito xudicial figura unha dotación de 90.000 euros para os xulgados de Tui, cantidade totalmente insuficiente para subsanar as numerosas deficiencias - no seu día constatadas polo Conselleiro de Administracións Públicas- que afectan a estas dependencias. Unha inversión que por escasa vai impedir facer fronte ás necesarias reformas  mentres non se leva a cabo a construcción dun novo edificio.

Por outra parte, o deputado popular presentará varias enmendas aos orzamentos para conseguir incrementar as inversións previstas na comarca do Baixo Miño.

 

Mércores, 14 de novembro de 2007    

Obradoiros de Regueifas en Tui, A Guarda, O Rosal e Salceda

    O IES de San Paio e Francisco Sánchez en Tui, o centro A Sangriña da Guarda, o CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, e o IES de Salceda de Caselas, son algúns dos centros que ata finais de mes van participar nos obradoiros de regueifas que se están a impartir.

    Estes obradoiros están organizados pola Consellaría de Cultura e Deporte co obxectivo de potenciar o estudo e coñecemento da literatura de tradición oral.

    Dar a coñecer a poesía oral improvisada, empregar esta forma de expresión como elemento didáctico de estudo, desenvolver actitudes para a improvisación, potenciar a memoria ou implicar ao alumno no patrimonio cultural son algunhas das pretensións que por segundo ano consecutivo persegue a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a través destas actividades. Os obradoiros de regueifas están dirixidos a escolares de 2º e 3º de ESO e son impartidos polos regueifeiros Luís 'Caruncho’, intérprete, mestre gaiteiro e zanfonista, e Pinto d’Herbón, músico que se deu a coñecer nos anos 80 con textos asociados ao movemento bravú.

 

Mércores, 7 de novembro de 2007  

Ordenadores para o portal Eido Local para Tui, O Rosal e Salceda

    A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza entregará a 134 entidades locais galegas, entre elas Tui e O Rosal,  un total de 305 equipos informáticos destinados a facilitar a implementación do portal dos concellos Eido Local. Segundo recolleu o Diario Oficial de Galicia na súa edición de onte, estes equipamentos consisten en ordenadores Inves Sierra MT 4300.

    En  Pontevedra son 21 os municipios s que obteñen ordenadores, entre eles Tui, O Rosal, e Salceda de Caselas.

    O obxectivo destas axudas é facilitar a implementación e o desenvolvemento de Eido Local. Neste sentido, cómpre subliñar que a Xunta vén desenvolvendo dende hai anos unha serie de servizos informáticos e de telecomunicacións para un proceso de modernización da Administración, así como a intensificación da cooperación coa Administración Local. Este proxecto partiu do denominado Portelo Único e posteriormente consolidouse coa implantación do devandito Eido Local, que supón a implantación da Administración electrónica nas relacións entre as entidades locais e a Xunta de Galicia.

 

Até o 24 deste mes Gran Quincena do Comercio Galego

    A Federación Galego de Comercio ten en marcha ata o 24 deste mes a “VI Gran Quincena do Comercio Galego”. É unha campaña cuxo obxectivo consiste en incrementar as vendas do pequeno comercio incentivando as compras nos distintos establecementos con atractivos premios.

    Co gallo desta campaña tanto FEBAM coma ACIGU están a repartir entre os establecementos comerciais de Tui e A Guarda as circulares desta "Gran Quincena do Comercio Galego”.

 

Martes, 6 de novembro de 2007  

A Directora Xeral de Administración Local visita Tui e Tomiño

    A Directora Xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, vai realizar ás dez desta mañá unha visita institucional ao Concello de Tui. No transcurso deste encontro vaise reunir co alcalde, Antonio Fernández Rocha.

    De Tui desprazarase a Tomiño onde ten previsto unha xuntanza coa alcaldesa, Sandra González, ás 11.30h da mañá.  Irá posteriormente até Salceda de Caselas, onde ás 13h se reunirá co alcalde, Marcos Besada.

    Pola tarde, ás cinco, visitará a Entidade Local Menor de Pazos de Reis, en Tui.

 

Luns, 5 de novembro de 2007  

Tres concellos da comarca elixen o 5 de febreiro, Martes de Entroido, como festivo local en 2008

            No Baixo Miño, tres dos cinco concellos optaron por declarar como primeiro festivo local, para o vindeiro ano, o Martes de Entroido, 5 de febreiro. Foron O Rosal, Tomiño e Tui.

            Na Guarda o primeiro dos festivos locais voltará a ser o 16 de xullo, festividade da Virxe do Carme, de gran tradición local, agás cando este día cadra en sábado ou domingo. En Oia o primeiro festivo será o 12 de maio, festividade da Virxe do Mar, tamén de moita devoción neste concello atlántico.

            O segundo dos festivos locais serán, na Guarda, o 23 de setembro, Santa Tegra; en Oia, o 7 de agosto, San Mamede; no Rosal, o 18 de xullo, Santa Mariña do Rosal; en Tomiño o 15 de setembro, Virxe do Alivio, e en Tui o 31 de marzo, Luns de San Telmo.

 

Mércores, 27 de outubro de 2007  

Pintado de estradas da Provincia

    O Ministerio de Fomento adxudicou, á empresa Imesapi, as obras de repintado de marcas viais en varios puntos quilométricos das estradas da provincia de Pontevedra, cun orzamento de adxudicación que ascende a 1.847.918,46 euros.

    Os tramos afectados no entorno da comarca do Baixo Miño son os seguintes

• A-55. Varios tramos: Del p.k. 0+000 ao p.k. 15+000. Tramo: Vigo – Porriño, e do p.k. 15+000 ao p.k. 32+800. Tramo: Porriño – Tui. Ramal de enlace de AP-9 con A-55.

• VG-20. Tramo: Circunvalación de Vigo.

• N-120. Do p.k. 609+900 ao p.k. 655+000. Tramo: L.P. Ourense – Porriño.

• N-550. Do p.k. 83+700 ao p.k. 156+200. Tramo: L.P. A Coruña – Porriño.

• N-551. Do p.k. 0+000 ao p.k. 2+000. Tramo: Tui – Autovía.

• N-552. Do p.k. 0+000 ao p.k. 10+000. Tramo: Redondela – Vigo.

    Para determinar os distintos tipos de pintura a empregar nas marcas viais reflexivas tívose en conta o factor de desgaste, a compatibilidade entre a pintura e o material base do firme e no caso do repintado, a compatibilidade entre a pintura nova e a existente.

    Os tipos de pintura a empregar para o repintado das marcas viais dos tramos indicados son pintura termoplástica de aplicación en quente para as marcas viais lonxitudinales en separación de carrís e bordes de calzada de 10, 15, 20, 30 e 40 cm de ancho. Empregaranse resaltes en bandas laterais de 20 cm das autovías, a dereita discontinua e a esquerda continua, formados por fieiras de botóns semiesféricos ou tacos.  Tamén se usará pintura plástica de dous compoñentes en frío en pasos de peóns, recheo de isletas, cebreados e símbolos.

 

A campaña para difundir a imaxe da FEGAMP chegará aos cinco concellos da comarca do Baixo Miño.

    A campaña para difundir a imaxe e o traballo da Federación Galega de Municipios e Provincias chegará aos cinco concellos da comarca do Baixo Miño.

    Facer ver ao cidadán de a pé o que é realmente a Federación é o obxectivo primordial da campaña institucional que a Fegamp porá en marcha este xoves, 1 de novembro, e que se desenvolverá ata o día 30 dese mes, coincidindo coas datas previas á celebración da VII Asemblea Xeral.

    Así o puxeron de manifesto onte o presidente e os voceiros da Fegamp, Xosé Crespo, Manuel Lagares e Francisco García na presentación pública da campaña que a Federación levará a cabo grazas á colaboración de Telefónica.

    A devandita acción comunicativa, que permitirá achegar aínda máis a imaxe da Federación ao conxunto do público, levarase a cabo a través da instalación de carteis explicativos en 804 cabinas telefónicas elixidas estratexicamente nos 315 concellos.

    A distribución na comarca será a seguinte:

    En Tui no  Bº de San Bartolomé, fronte a Estación, na Aduana, na estrada de Gondomar, na zona do Balneario en Caldelas, e na estrada Porriño-Tui en Guillarei.

    En Tomiño estará na praza Pintor Antonio Fernández 1 de Goián.

    Na Guarda na rúa Galicia esquina coa rúa Vicente Sobrino, na Avenida de Portugal á carón do Centro de Saúde, na rúa Rosalía de Castro, e na rúa Concepción Arenal.

    No Rosal estará na praza do Generalísimo e no cruce de Pías, e en Oia nas Mariñas en Mougás, e na estra Xeral xunto ao concello.

    Cada un dos carteis anunciadores da campaña utilizarán a imaxe institucional da Fegamp ideada para a súa Asemblea Xeral. Deste xeito preténdese conseguir a través desta coincidencia de imaxe un maior nivel de difusión e coñecemento da Federación entre os cidadáns, aproveitando o período anterior á celebración do relevo dos seus cargos directivos.

    Os devanditos carteis compóñense, ademais da imaxe corporativa da VII Asemblea Xeral e do lema: “Voz única do Poder Local”, dun pequeno texto no que se explica o que é a Federación e as súas liñas básicas de funcionamento.

 

Venres, 26 de outubro de 2007  

A COTOP adxudica o estudo informativo da variante da VAC e dun itinerario ciclista entre Baiona e A Guarda

    A empresa G.O.C. S.A. fará o estudo informativo e de impacto ambiental da VAC Tui- A Guarda no treito 2 do corredor da PO-350 no enlace de Goián, e no treito 4 da variante da Guarda.  Con este traballo, a CPTOPT busca redefinir un trazado máis axeitado para o treito que discorre polo termo municipal de Tomiño e, ademais, incorpora a variante da Guarda.

    A asistencia técnicas foille adxudicada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes por importe de 256.800€.

    Por outra parte a COTOP adxudicou a empresa Ingeniería del Noroeste S.L. a asistencia técnica para o proxecto de construción da obra de itinerario ciclista na estrada PO-552 entre Baiona e A Guarda por importe de 128.108,02 euros. O proxecto deberá definir as características de actuación nesta estrada nos preto de 30 quilómetros que separan Baiona da Guarda, que son moi empregados polos ciclistas.

   

A comarca do Baixo Miño adquire a condición de zona de especial interese agrario como paso previo para a súa inclusión no Banco de Terras

    O Consello da Xunta, a proposta da Consellería do Medio Rural, declarou zona de especial interese agrario do solo rústico de protección agropecuaria a comarca do Baixo Miño, como paso previo para a súa inclusión no Banco de Terras de Galicia. Xunto ás comarcas de Ordes, Terra Chá, Limia e Deza, a do Baixo Miño será das primeiras terras que se mobilicen para poñer en marcha o Banco de Terras, un instrumento para impulsar o medio rural, favorecendo a mobilidade das terras que se atopan improdutivas, evitando o seu abandono e a perda de superficie agraria útil.

    A declaración do solo rústico como zona de interese agrario especial é un requisito incluído na Lei de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

    A ampliación da base territorial das explotacións permitirá unha menor dependencia de pastos e forraxes externos, así como a posible diversificación de cultivos, ao aumentar a capacidade produtiva das explotacións e a posibilidade de apertura a novos mercados para a comercialización dos produtos agrarios. Para acadar este obxectivo, a Xunta de Galicia procede á declaración destas zonas de especial interese agrario, ata acadar de xeito progresivo a práctica totalidade da superficie agraria do territorio galego.

    Logo dunha primeira análise do territorio, determináronse unhas zonas caracterizadas pola súa alta produtividade agrícola e gandeira posta de manifesto pola existencia de explotacións que o avalan ou polas propias características e potencialidade dos terreos ou zonas nas cales se enclavan.

    Así, declárase de especial interese agrario o solo rústico de protección agropecuaria situado dentro do ámbito territorial dos concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.

 

Xoves, 25 de outubro de 2007  

Tres concellos do Baixo Miño recibiron camellias e fentos arborescentes doados pola Estación do Areeiro 

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro entregou onte 276 exemplares de camelias e fentos a 46 concellos da provincia recibindo cada concello un total de seis árbores (dous exemplares de Camellia sasanqua, dous de Camellia japónica,  e dous  fentos arborescente do xénero Cyathea cooperi) co obxecto de instalalos nun lugar representantivo de cada municipio.

A Camellia sasanqua, produce flores olorosas no período outonal e a  Camellia japonica produce unha moi longa floración dende o outono ata ben entrada a primavera. Segundo o informe do Areeiro, outra das especies exóticas que o sector viveirístico exterior demanda da nosa produción é unha especie de fento arborescente de crecemento rápido e de orixe australiana, a Cyathea cooperi, que se aclimatou perfectamente en zonas mornas de Galicia. Esta especie foi multiplicada en condicións controladas nos laboratorios de Areeiro e a súa tecnoloxía foi transferida con éxito ao sector empresarial de modo que na actualidade é unha das especies ofertadas polo sector viveirístico de Pontevedra para todo o mercado nacional e internacional. Por todo isto, a Deputación preparou para cada concello da provincia dous exemplares de este fento arborescente Cyathea cooperi, de porte elegante e esvelto, que poderá ser colocado nun lugar emblemático da cidade.

O acto de entrega estivo presidido polo titular do organismo provincial, Rafael Louzán acompañado pola vicepresidenta, Teresa Pedrosa e polos responsables de Areeiro, Pedro Mansilla e Carmen Salinero.

Na comarca do Baixo Miño recibiron estas especies ornamentais os concellos da Guarda, Oia e O Rosal

 

O PP denuncia o incrumprimento dos prazos da VAC Tui- A Guarda

    O deputado popular César Pérez Ares, vén denunciar que a  Xunta de Galicia volveu incumprir os prazos anunciados para a licitación das obras da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda.  Explica que a conselleira de Política Territorial, María José Caride, anunciara, en decembro do ano pasado, que os tramos Tui-Areas e O Rosal-A Guarda serían licitados, como moi tarde, en outubro deste ano, sen que ata o de agora se teña producido.

    Isto é para o Grupo Popular de Galicia a constatación dun novo retraso, polo que rexistraron no Parlamento unha pregunta oral en pleno e unha proposición non de lei na que reclama o apoio de PSOE e BNG para demandar que a Xunta licite os tramos 1 e 3 da VAC Tui-A Guarda antes de finalizar o presente ano e que, antes do 31 de decembro, se publique o estudo informativo correspondente ao  tramo 2 –entre Areas e O Rosal, no concello de Tomiño-, dado o anuncio do bipartito de modificar o trazado inicial.      

    Para o deputado popular César Pérez Ares, os sucesivos retrasos na programación e execución da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda evidencian que esta infraestrutura non entrará en servizo, no mellor dos casos, ata despois do ano 2010, convertendo á actual lexislatura  nun “cuadrienio perdido para a principal infraestrutura que precisa a comarca do Baixo Miño”.

    Pérez Ares lembra que o elevado tránsito que rexistra a actual estrada que descorre pola marxe dereita do Miño entre Tui e A Guarda ten unha  intensidade media diaria de 11.000 vehículos, sendo o 10% tráfico pesado, o que segundo el “minimiza todas as capacidades de desenvolvemento da comarca”.

 

Xoves, 18 de outubro de 2007  

Concellos do Baixo Miño entre os 53 de Pontevedra que se beneficiarán das axudas da Dirección Xeral de Administración Local

Un total de 53 concellos, catro mancomunidades e catro federacións de asociacións de veciños sairán beneficiados dalgunha das subvencións concedidas na provincia de Pontevedra en 2007 pola Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, informou onte da concesión destas axudas a concellos da provincia de Pontevedra, nun acto no que estivo tamén presente a delegada provincial da Consellería, María del Carmen Larriba García.

As subvencións outorgadas pola Dirección Xeral de Administración Local no ano 2007 foron destinadas a casas consistoriais; vehículos policiais; obras e equipamentos das entidades locais; auxiliares de policía; normalización lingüística; equipos informáticos; confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños; mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios; e cursos de linguaxe administrativa galega.

Entre os concellos de que recibiron para casas consistoriais están A Guarda, Tomiño e Tui.

Outras subvencións

        Recibiron achegas económicas para vehículos de policí –turismos, motos e todoterreos- todos os concellos de Pontevedra que o solicitaron, entre eles A Guarda, O Rosal e Tomiño. Ademais, déronselle subvencións por valor de 90.300 euros para a contratación de auxiliares de policía a todos os municipios que o pediron. No Baixo Miño: A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.

Para normalización lingüística o único concello do Baixo Miño que o solicitou e se lle concedeu unha subvención de 152.000 euros, foi Tomiño.

E, para equipos informáticos foron entregadas axudas aos concellos do Rosal e Tui.

Federacións veciñais e mancomunidades

En concepto de confederacións, federacións coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños de Galicia, na provincia de Pontevedra rexistráronse catro solicitudes de subvencións e entregáronselle axudas a todas elas cun importe total de 22.500 euros: no Baixo Miño a Terra Miño-Tomiño.

As axudas por mancomunidades de municipios recaeron, entre outras, na  Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño.

 

Sábado, 29 de setembro  de 2007  

A Guarda e Tomiño entre os concellos beneficiarios de axudas para Protección Civil

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concede axudas por valor de 951.722 euros a 75 concellos e mancomunidades de Galicia. Desta cantidade, 594.991 euros serán para o financiamento dos investimentos derivados da creación, posta en funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de protección civil, incluíndo a adquisición de equipamentos necesarios e material inventariable para a atención de emerxencias ou medios e instalacións asignados a misións relacionados coas campañas estacionais de prevención de riscos.

O resto, 356.730 euros, destinaranse a gastos derivados do funcionamento destes servizos en materia de xestión de riscos e xestión de emerxencias: custos dos medios materiais e dos equipos de intervención de protección civil, custos nos que incorra a entidade local debido ás labores de protección civil ou custos dos medios asignados a misións de protección civil relacionadas coas campañas estacionais de prevención de riscos ou de operativos relacionados coa xestión de emerxencias ou coa prevención de riscos.

            Entre as 62 entidades locais beneficiarias da segunda das partidas, figura no Baixo Miño, o concello de Tomiño que recibirá 38.817 euros destas achegas.

Material de emerxencia e salvamento

Ademais, a Consellería de Presidencia cederá material de emerxencia e salvamento a 71 entidades locais, concretamente destinará 43 motobombas e 50 xeradores. Deste xeito, a Consellería colabora cos concellos galegos na mellora da eficacia das súas actuacións en materia de protección civil e emerxencias e aposta por equipar cos medios necesarios a protección civil dos concellos e mancomunidades.

Entre os concellos que recibirán as motobombas están os da Guarda e Tomiño, nesta comarca miñota. Recibindo tamén o concello tomiñés un dos cincuenta xeradores.

 

Venres, 28 de setembro  de 2007  

O BNG valora positivamente que Medio Rural elexira ao Baixo Miño como Zona de Especial Interese Agrario

    O Bloque Nacionalista Galego valora positivamente o feito de que a Consellaría de Medio Rural veña de anunciar a súa intención de integrar á comarca do Baixo Miño como zona piloto dentro das Zonas de Especial Interese Agrario, onde a consellaría realizará un especial esforzo na posta en marcha do Banco de Terras.

    Para o  BNG é unha boa noticia, pois na comarca do Baixo Miño hai sectores ligados ás explotacións agrícolas, horta, viveiristas de planta hornamental…. moi dinámicos que carecen de terras para expandir as súas explotación, e  que con esta medida de Medio Rural, os nacionalistas esperan que se lle de un pulo ao sector agrarío na comarca.

    Está medida que se porá en marcha a partir do próximo mes de novembro, segundo anunciou o Conselleiro de Medio Rural, suporá unha actividade máis intensa en labores formativas, informativas e de promoción do Banco de Terras (BANTEGAL) que permitirá, segundo indica o BNG en nota de prensa, por unha banda, dinamizar o sector agrícola, cos conseguintes beneficios tanto en termos económicos como de xeración de emprego, e por outra, posibilitará que os propietarios de terreos improductivos, poidan inscribir as súas fincas no Banco de Terras a cambio dunha compensación económica que será fixada anualmente por unha Comisión Técnica de Prezos e Valores.

 

Industria subvenciona actuacións en Tui, Tomiño e o Porriño

    A Consellaría de Innovación e Industria subvencionará varias actuacións de modernización en equipamentos e zonas comerciais municipais dos concellos de Tui, Tomiño e o Porriño. O titular de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou onte  cadanseu convenio de colaboración cos alcaldes destes tres termos municipais. En total, Innovación e Industria destinará 146.172 euros a estas actuacións, cos que se sufragará o 70% do orzamento das obras previstas.

    No caso do concello de Tui, a Consellaría destinará 94.808 euros para a realización e financiamento do proxecto de ampliación, humanización e mellora da accesibilidade ao centro comercial aberto da cidade.

    O Concello de Tomiño ten previsto executar a reparación dos aseos públicos do mercado municipal, obra que a Consellaría apoia con 5.697 euros.

    Por último, o municipio do Porriño proxecta a mellora da cuberta do mercado municipal, así como a realización dun plan de mellora comercial, actuacións ambas que subvencionará Innovación e Industria con 45.667 euros.

    Estas actuacións encádranse no Plano de Renovación e Mellora do Comercio Galego da Consellaría de Innovación e Industria, que contempla medidas para a mellora competitiva do comercio polo miúdo, co fin de incluír a actividade comercial como un elemento máis dentro do concepto global de planificación que os concellos deben desenvolver para definir o seu modelo urbanístico. Da mesma maneira, os convenios asinados responden ao obxectivo do citado Plan de Renovación e Mellora do Comercio de posibilitar medidas e actuacións naquelas partes neurálxicas e de atracción ao redor das cales xira o tráfico mercantil máis representativo do centro ou de certas partes dos núcleos urbanos.

 

Mércores, 29 de agosto  de 2007  

Accidentes de tráfico en Tui e Tomiño

    Pouco antes das oito menos dez minutos da mañá de onte martes rexistrouse un accidente de tráfico na estrada que une Tui e Caldelas, a altura da parroquia de Baldráns. Unha moto viuse implicada neste accidente de tráfico segundo informa a Central de Coordinación de chamadas 061. No sinistro foi atendida unha muller, menor de idade, con queimaduras por abrasión, que logo dunha primeira valoración foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

    Por outra parte o 061 informa tamén doutro sinistro de tráfico que tivo lugar ás 5.25 da madrugada do luns ao martes na estrada Tui- A Guarda, a altura de Goián. No accidente viuse implicado un turismo que envorcou, e foi atendido un home de 34 anos, R.A.B, con policontusión, que tras unha primeira valoración, foi trasladado a un centro privado de Vigo.

    Por outra parte o luns á unha menos dez da tarde o 061 desprazou a dúas ambulancias e a un médico do centro de saúde á Goián, a unha empresa de madeiras, tras recibir un aviso por accidente laboral. No sinistro foi atendido un home de 33 anos que caíra de catro metros de altura e que presentaba traumatismo severo, e estado crítico sendo trasladado ao Complexo Hospitalario de Vigo.

 

Martes, 28 de agosto  de 2007  

Voluntarios para a Bienal de Arte

    Os mozos galegos que o desexen poderán colaborar coma voluntarios na Bienal de Arte de Cerveira, durante un tempo mínimo dunha semana. Dende a Bienal ofréceselles aloxamento gratuíto na Pousada da Xuventude de Cerveira, e alimentación, así coma 50€ para os gastos de transporte.

    Os mozos que queiran colaborar deben enviar un correo electrónico co seu nome, enderezo, idade e fotocopia do DNI a voluntariado@bienaldecerveira.org, e se son menores de 18 anos deben axuntar tamén  unha autorización dos pais.

  

Certame de fotografía convocado polas OMIX e a Casa da Xuventude de Tui

    Ate o 16 de outubro está aberto o prazo para enviar os traballos fotográficos que desexen participar no concurso convocado baixo o lema “Viaxando”. A convocatoria parte das Oficinas Municipais de Información Xuvenil da Guarda, o Rosal, Tomiño, o Porriño, Salceda, Gondomar e Baiona, xunto a Casa da Xuventude de Tui. O concurso vai dirixido a  mozos de 12 a 30 anos.

    Cada participante poderá presentar unha única fotografía orixinal e inédita, sen montar en ningún soporte, cun tamaño non superior a 30x40cm, e pode ser tanto en branco e negro coma en cor.

    Os traballos deben enviarse a calquera das entidades organizadoras en sobre pechado coa indicación “Viaxando” e co pseudónimo e título no dorso, amais en sobre pechado incluiranse os datos do autor.

    Con todas as fotografías farase unha exposición itinerante que visitará en primeiro lugar a Casa da Xuventude de Tui dende o 9 de novembro e que logo percorrerá os outros concellos participantes.

    Establécese un único premio consistente nunha cámara dixital, e o fallo do xurado farase público o 8 de novembro, e a fotografía premiada quedará en propiedade da organización.

 

Venres, 17 de agosto de 2007

O progresivo deterioro da atención primaria e pediátrica na Comarca do Baixo Miño trasladado ao Parlamento por César Pérez Ares

O deputado autonómico do Partido Popular César Pérez Ares, rexistra unha iniciativa na Cámara autonómica, ante o progresivo deterioro que está a sufrir a atención primaria e pediátrica principalmente na Comarca do Baixo Miño e en toda a zona sur da provincia de Pontevedra (Tomiño, O Rosal, A Guarda, Baiona, Mondariz, As Neves) así como noutros concellos como Cambados.

O Partido Popular de Galicia pedirá explicacións á Conselleira de Sanidade no Parlamento para que informe por qué numerosos concellos vense privados do servizo de atención primaria e de pediatría, por non ser cubertas estas previsibles ausencias por profesionais substitutos.

A xuízo de Pérez Ares, non é de recibo que a Conselleira de Sanidade non sexa capaz de adoptar decisións que eviten estas ausencias que provocan unha sobresaturación dos servizos de urxencia e un incremento constante das listas de espera, ás que a Administración autonómica tampouco é capaz de ofrecer solucións.

Considera que neste escenario córrese o risco de que se poidan producir erros médicos, motivados polo escaso tempo que os facultativos lle poden dedicar ós pacientes, ou que nalgúns casos, cando estes poidan ser atendidos xa sexa demasiado tarde.

Efectos negativos dos que considera responsable á Conselleira de Sanidade, ó non ser capaz de frear a marcha de substitutos ó pais veciño, a pesar de recoñecer que “son moi necesarios” e que era un tema prioritario.

Cando a realidade evidencia a falta de medios, especialmente de facultativos, para atender a demanda da sanidade pública, a Consellería de Sanidade destinará millóns de euros a algo tan “fundamental” para a calidade do sistema sanitario como é a modificación da identidade corporativa de Sergas que agora pasará a chamarse Servizo Galego de Saúde.

 

Xoves, 2 de agosto de 2007

O persoal dos cinco concellos da comarca poderán participar nos cursos do Plan Agrupado de Formación Continua da Deputación

    O persoal dos cinco concellos da comarca poderán participar nos cursos do Plan Agrupado de Formación Continua que vén de aprobar a Deputación para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2007. A institución provincial financia esta iniciativa cunha achega de 252.831,21 euros.

    As actividades formativas programadas para os últimos meses do ano distribuiranse en tres grupos en función da modalidade e do lugar de realización, concretamente, accións formativas On Line; accións formativas zona Pontevedra-Sur; e accións formativas zona Salnés e semipresenciais. As persoas que desexen participar disporán dun prazo para presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral da Deputación ata o 14 de setembro de 2007.