www.galiciasuroeste.info

Concepción Andrés García “CONCHA”

Pequeno homenaxe a miña nai política

 

 

Concepción Andrés García “Concha” o 20 de novembro de 2010, data de seu CEN cumpreanos. Fotografía de José A. Uris.

--------------------------

 

“El hombre y la mujer no se revelan en su historia, sino a través de su lucha con ella”.

 

Para os republicanos que temos un concepto diferente da actualidade política, a tía Concha marcou un punto e aparte dende que a coñecemos, tratamos e sobre de todo escoitabamos. No meu caso siñificou un concepto novo e diferente sobre o que era a fidelidade nas ideas, o cariño e apego aos seus, o respecto aos demais, a lembranza da historia, e como elemento mais importante a DIGNIDADE.

 

Foi unha auténtica loitadora da vida, “había que tirar para adiante…” decía.

 

Concha explicaba, e relataba, con todas clase de argumentos, todos aqueles acontecementos, situacións e problemas graves polos que pasaron a maioría dos republicanos/as guardeses/as, seu esposo Manolo “Taxota” asentía ca cabeza como se o que contaba Concha estivese nunha acta institucional.

 

Sería aló por 1970, cando na Botica, onde eu traballaba, comezo a escoitar de primeira man o que de verdade acontecera no pobo respecto da guerra incivil do 36 que tantas desgracias, represións e mortes sigificaron para os republicanos. Eu xa tiña sabido, escoitado a outras persoas, e lido a diversos autores. Normalmente o que escoitara estaba bastante descafeinado debido a que os que referían algúns dos sucesos naqueles anos, tiñan moi metido o  medo a ser represaliados – unha vez máis -, por iso ao escoitar a Juan Noya, Manolo Taxota, a tía Avelina do Palomar (Camposancos), a tía Isaura de Figueiró…  e a Concha, resultou a luz da memoria máis exacta que eu podía imaxinar.

 

No “magosto” de outubro de 2004, Concha e Taxota atentos a miñas explicacions, ca complicidade de outra excelente muller que tamén nos deixou “Paca”. Fotografía de  Antón Ferreira Lorenzo

-------------------------

Non vou facer eiquí un relato daqueles acontecementos vividos por Concha e outros guardeses e guardesas, aos que teño plasmados nun traballo no que levo máis dunha ducia de anos traballando e que titularei “A represión franquista no Baixo Miño”, pero si quero dar fe dunha muller republicana ata a médula, dunha muller que sufriu en carne propia a dura represión imposta polos gañadores, polo menos ata eses anos setenta. Pero tanto  ela como seu esposo sempre insistían en que “o pobo da Guarda se portara ben con eles”, foron os militares e falanxistas os que protagonizaron os tristes e luctuosos sucesos do 36 e a conseguinte represión.

 

Seu esposo, ela mesma, e seus sogros, xa maiores, deberon pasar por un verdadeiro calvario de privacións, prisión, vexacións e mortes. Axusticiamento de dous cuñados, Antonio e  Angel Domínguez Pacheco, prisión para o outro irmán, Jesús, seu propio esposo, ela mesma e súa sogra. Falecemento do sogro José Bernardo cando ela e súa sogra María Luz estaban na prisión de Tui sen que as deixasen estar xunto ó enfermo de pena…. antes de falecer… Desterro da Guarda, volta seu home a prisión, a un batallón de presos republicanos en Africa, máis un longo etc, que hoxe non vén o caso relatar.

 

Grazas ao tesón do matrimonio Concha<>Taxota, contando ca axuda de Juan Noya e varios colectivos sociais e políticos, levouse acabo a dignificación da “Fosa Común de Sextás” en agosto de 1986, hoxe lugar de peregrinación  e de respecto de centos e centos de persoas, onde non faltan flores.    

 

Ademais de todo isto, Concha estaba o día de tódolos acontecementos sociais e políticos, non só da Guarda, senón da bisbarra do Baixo Miño. A Concha a entrevistaron, fotografaron e preguntaron ducias de xornalistas, de escritores, de cineastas, de familiares dos fusilados e represaliados etc.etc., sempre atendendo a todos, sempre con excelente humor, coa retranca dunha auténtica galega.

 

Nestes últimos meses xa ía perdendo aquel tesón que a mantivo en pé con plena actividade cerebral, lendo libros e como non, o seu xornal favorito “Faro de Vigo”, e manténdose ao día na saúde dos amigos, da familia e pendente de que algúns de nós fósemos cortar a herba da Fosa Común, pero, como digo, ésa LUZ foise apagando pouco a pouco ata chegar  a tarde do venres, 14 de caneiro de 2011, día no que nos deixou para sempre… 

 

Adeus Concha, quédanos o teu recordo e as leccións maxistrais de loita por un ideal e pola supervivencia da dignidade. Unha forte aperta de teu amigo, a súa familia e do colectivo social que deixasches.

 

Eiquí tes uns versiños de  Tagore:

 

“Esta vida es una travesía que efectuamos por el mar, en un pequeño barquichuelo. Cuando lleguemos a la orilla del morir, cada uno se irá a su mundo diferente”.

 

                                                         José A. Uris Guisantes