Benito Prieto Coussent

 

Pola Comisión Cidadá para a reposición do monumento a

Sócrates, por subscripción popular (Tui)

 

No ano 1933, con tan só 25 anos,  chegou a Tui o artista Benito Prieto Coussent (Ribadeo 1907- Granada 2001) en calidade de mestre de Debuxo e Modelado do Instituto de Secundaria, despois de formarse na Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid) e aprobar unhas oposicións convocadas pola II República. Coussent, que puido elixir como destino Barcelona ou Madrid, optou pola cidade tudense pola súa gran beleza e porque se puña en funcionamento un instituto de nova creación (o que hoxe é o Museo de Santo Domingos) inspirado nas novas propostas educativas da II República, o que lle ofrecía o mestre a posibilidade de dar renda solta ás súas aptitudes pedagóxicas centradas, entre outros valores, no método Socrático.

 

Aquel mozo que chegou a Tui era un mestre entusiasta de forza infinita, de forte personalidade e espírito inquedo, que proxectaba a súa forza e paixón na ensinanza os seus alumnos. Benito Prieto pretendía que estes desenvolveran toda a súa capacidade e creatividade, polo que era habitual ollar ó mestre cos seus pupilos percorrer as angostas e empedradas rúas de Tui co fin de que inmortalizar a fermosa paisaxe que lles brindaba a vila. No seu método dáballe prioridade á creación sobre a corrección, polo que deixaba actuar a liberdade e a espontaneidade sobre as mentes dos seus discípulos cando traballaban sobre o papel ou sobre a pedra. Ademais, este home de vívido espírito, non canso de impartir clase ós cativos, polas noites formaba ós obreiros   e   artesáns   da   bisbarra, conseguindo el mesmo o material de traballo para ese fin.

 

Tal era a frenética actividade de Coussent no Instituto de Tui que en moitas ocasións os xornais galegos da época (Faro de Vigo, El pueblo Gallego) recollían entre os seus artigos as numerosas actividades e distincións que recoñecían o novo Coussent como un mestre excepcional. Así, entre outros acontecementos destacaron a exposición organizada ó final do curso 34-35 cos traballos do curso de Debuxo e Modelado en Vigo que deu lugar a unha exposición permanente en Tui visitada por personalidades tan recoñecidas da época como Pedrayo, Risco ou Xaquín Lourenzo; ou os monumentos a Valle-Ínclán e o seu venerable Sócrates.

 

Benito Prieto sentía unha verdadeira devoción polo filósofo grego. Admiraba que Sócrates, o filósofo máis influinte do pensamento europeo, fora un incansable procurador da verdade e criticara toda clase de inxustiza e abuso de poder. Abralláballe como o grego indagara nas cousas o carón dos seus discípulos polas rúas de Atenas predicando a súa máxima de que o único que sabía era que non sabía nada; e parecíalle unha aberración que aquel sabio de intelixencia sen igual fora condenado a morte por  introducir novos douses e levar a xuventude por camiños errados. A Coussent  fascináballe  a coraxe persoal do filósofo e,  quizais por iso, decidiu renderlle tributo xunto cos seus futuros bachareis (en especial Álvaro Álvarez-Blázquez e Emilio Diz)  facéndolle un busto de granito dunha soa peza o cal foi situado nos xardíns de Santo Domingo de Tui o 3 de maio de 1936, e en cuxo pedestal rezaban tres pensamentos do enigmático filósofo:

 

 "Dios me puso sobre el pueblo como tábano sobre caballo, para picarlo y te­nerlo despierto. Mírate en tu interior, mírate bien. ¡Que gran pozo eres de vicios, maldades y verguenzas!. La mejor manera de vivir es practicar la justicia y la vir­tud".

 

Pero o pensamento socrático de xustiza e virtude tivo un período de vida moi curto e un final dramático na cidade de Tui. Así, tres meses despois da inauguración do busto, cando as tropas franquistas entraron en Tui, Benito Prieto foi acusado de anarquista e amigo dos obreiros, polo que foi suspendido de emprego e soldo e recluído na cadea de Tui. Pero non contentos os sublevados con esta acción silenciadora da cultura, arremeteron ademais contra o busto de Sócrates, que por non poder matalo, xa que outros no seu tempo encargáranse delo,  derrubárono e tirárono ás profundidades do río  Miño onde ata os nosos días fica alí afundido e desposuído do arrecendo dos xardíns tudenses.