www.galiciasuroeste.info

1) Tío Isidoro e tía Erundina                   2) Tío Casimiro                 3) Juan "O Piñeiro"      4) Curmáns de Toniño

Xentes de Ribadavila

Curmáns de Toniño

por Agustín Ferreira Lorenzo

ESTA SECCIÓN VAI DEDICADA

A TÓDAS AQUELAS PERSOAS

QUE RESIDEN OU RESIDIRON

NO BARRIO DE RIBADAVILA

 

Esta é a casa na que viviron os tíos e primos de Toniño “o da tía Amparo”, tal e como está na actualidade. Á dereita está a rúa do Calvario, á esquerda vese o 1º Transversal Solanas. Este edificio é un dos máis antigos que se conservan na rúa Calvario, unha das primeiras rúas guardesas da vila. Pertenceu ao emigrante guardés, José Mª Sobrino

 

Na rúa Calvario, na esquina dereita que vai cara á Laxe Grande (vivenda que fora de José Mª Sobrino e actualmente do “Tetero” e da súa dona Mercedes), viviron Rafael Portela Fajar e a súa dona Mª Rosa Braga. Rafael era irmán da nai de Toniño, polo tanto tío deste. Pero antes de que esta vivenda fose o fogar do matrimonio, xa vivira nela a nai de Mª Rosa, a tía Lucinda. Anos despois vivirían na rúa Antonio Alonso, onde estaba a casa e escola da mestra Dona Aurora e da súa irmá Dona Laura. Aquela antiga casa xa non existe na actualidade, pois foi construído, hai uns anos, nun novo edificio de tres plantas e baixo, e neste último atópase a oficina de “Seguros La Fe” así como o comercio “Muebles Suso”. Naquela casa, María rexentaba unha tafona, vendendo pan que facía Recaredo, pois Rafael, o seu home, era empregado deste empresario, sendo o encargado de repartilo pola vila e arredores, subministrándoo, ademais da tafona da súa muller, entre outros establecementos, ao Colexio dos Xesuítas, na Pasaxe (Camposancos), utilizando como medio de transporte un carro tirado por cabalos. Precisamente, nun deses desprazamentos, Rafael sufriría un grave accidente ao envorcarlle o carro, con tan mala fortuna que o deixou eivado para o resto da súa vida, que foi pouco máis de dous anos. María, por outra banda, ademais de vender pan, aínda tiña tempo de dedicarse ao oficio de costureira, estando asociada con Lucía, a muller de Ligero.

 

José Mª Sobrino, propietario da casa onde viviron os curmáns de Toniño, Antonio e Lucho, e os pais destes

 

Do matrimonio formado por Rafael e María Rosa, naceron dous fillos, Antonio e Lucho. O fillo maior, Antonio, estudou no Seminario de Tui, a onde marchou cando contaba arredor de 9 anos. Hai que sinalar que o Seminario era o último recurso que tiñan os rapaces para poder estudar unha carreira, no que se supón que esta debería de ser a do sacerdocio. Foi ordenado sacerdote no ano 1950, sendo os seus padriños, entre outros, os coñecidos guardeses: D. Saturno Gómez Villa, párroco da localidade, e D. Ramón Sobrino Arias, coñecido médico e gran empresario guardés. Antes de ser destinado a unha parroquia, exerceu como Secretario do Bispo da diocese Tui-Vigo, ata que lle asignaron a parroquia de Budiño, no Porriño, onde viviría varios anos e a onde Toniño acudía para pasar longas tempadas na primeira metade da década dos 50.

 

 

 

Anverso e reverso da “estampa” conmemorativa da ordenación como sacerdote de Antonio, no ano 1950

 

Con Antonio “O Cura”, como familiarmente lle chamaban, vivía tamén seu irmán Lucho, que ademais era afillado de Antonio. Lucho de pequeno era, polo visto, como adoita dicirse dos rapaces un tanto rebeldes, “unha boa prea”, e os pais mandárono estudar a un colexio de beneditinos, en Monforte de Lemos, no que, ao parecer, non debeu de botar moito tempo.

 

Nas festas patronais de Budiño, o cura, ou sexa Antonio, pedía prestado aos seus colegas da Guarda, o párroco desta localidade era D. Saturno, o “expresivo” que era un pequeno órgano portátil que transportaban os seus tíos, Casimiro –pai de Toniño e tío político do cura-, Cándido –irmán do tío Casimiro, e, ás veces, Alfonso “O Canexa”-o varredor-, utilizando para o seu transporte a liña da empresa Saracho que, ao igual que hoxendía, facía o percorrido A Guarda-Vigo, chegando así ata Budiño unha ferramenta indispensable nas procesións que se precen.

 

Toniño “o da tía Amparo”, a finais da década dos setenta ou principios dos oitenta a quen dedicaremos un capítulo en “Xentes de Ribadavila

 

A camaradería que había entre os curas e algunhas persoas alleas ao clero era tal que, nas citadas Festas patronais, xuntábanse os sacerdotes D. Faustino Rey Romero; D. Saturno; Velasco (guardés), Reguera (Vigo), Feijoo de Ribadelouro (Tui), Daniel Vázquez, o citado Antonio, e, xunto a eles, Vicente, home dunha das irmás guardesas coñecidas como “As Menas”, persoa moi apreciada polo clero local porque, ao parecer, cantaba extraordinariamente ben nas misas. Vicente era irmán de Mercedes a muller de Arsenio “O do Carro”. Este home era un bohemio, emigrando aos EEUU.

 

 Don José Ramón Sobrino Arias, fillo do que fora alcalde guardés D. Agustín Sobrino Vicente, foi un coñecido médico e industrial guardés

A amizade que tiña coa familia Portela, motivou que fora padriño de Antonio “O Cura” o día en que este foi ordenado sacerdote

 

Cara ao ano 1954, Antonio “O Cura” sería trasladado a Covelo, onde tiña ao seu cargo tres parroquias: Godones, Foce e Santa María del Campo, ás que posteriormente se lle engadía por veces, bodas, misas especiais…, outra máis, a parroquia de Prado da Bugariña. Aquí estivo tamén o recordado sacerdote de Salcidos, Don “Jesusiño”, alcumado tamén ·Medio metro”, famoso polas veces que tivo que ir ao exame de conducir (iso contan), que falecería nun accidente de circulación. Máis tarde estaría nas parroquias de Graña e en Maceira, tamén en Covelo. Pasou logo a Fornelos de Montes rematando a súa vida eclesiástica na parroquia de San Esteban de Negros, en Redondela. Neste destino coñeceu á que sería a súa muller, bastante máis moza que el, Conchi González. Namoraron, e Antonio deixou o sacerdocio para casar con ela. O matrimonio trasladaríase a Vigo, onde Antonio traballaría no xornal Faro de Vigo. Deste matrimonio naceu un fillo, ao que lle puxeron o mesmo nome que o pai, Antonio.

  

Lucho, primo de “Toniño”, nunha fotografía probablemente sacada en Budiño.

 

Pola súa parte, Lucho traballou de peón nas estradas, facendo morrillo*. Continuou sendo, como de pequeno, “un vaina de carallo”, “un pendejo”, astuto, listo, pero moi boa persoa. De cando en vez collía a moto do seu irmán, sen que este se decatase, para ir de parranda. Estando en Budiño, Lucho compraría a súa propia moto, o que lle permitía vir case que tódalas semanas á Guarda. Morrería nun accidente de circulación en Budiño, sucedeu cando ía cara ao traballo Lucho, saiu despedido e quedou en coma. Uns días despois do accidente, falecería.

 

Nota: A maior parte dos datos que figuran aquí foron facilitados por Antonio Pereira, primo de Antonio e Lucho, a quen lle agradecemos a súa testemuña.

 

_______________________________

*Morrillo: Pedra esmiuzada a base de golpes de marreta (martillón).

 

Agustín FERREIRA

 

NOTA: para envío de información fotografías, etc, pode facerse a

agfelo@terra.es ou directamente na Academia Ferreira