www.galiciasuroeste.info

DECEMBRO

 

Xoves, 31 de decembro de 2009    

Hoxe será soterrado o párroco de Guillarei e Ribadelouro

    Onte faleceu o párroco de Guillarei e Ribadelouro, José Carbajal Sobral aos 67 anos de idade.  Hoxe, xoves, ás 9h, terá lugar a condución do cadáver á Igrexa parroquial de Guillarei, onde ás once oficiarase o funeral de corpo presente. Logo será trasladado á Igrexa de Soutomaior para ás cinco oficiarse un novo funeral, acto seguido terá lugar a súa inhumación no cemiterio desa parroquia.

    A velación do cadáver até mañá está na sala número 3 do Tanatario do Baixo Miño.

    Amais o 7 de xaneiro ás 12 está previsto un funeral na Catedral presidido polo bispo da Diócese.

 

Comeza a funcionar o terceiro xulgado de Tui

    Onte, 30 de decembro, era a data prevista para a entrada en funcionamento do terceiro xulgado de Tui. Está emprazado no Paseo da Corredoira, no antigo local de Rogelio que foi cedido polo Concello á Consellería de Xustiza. Este departamento da Xunta investiu 150 mil euros no seu acondicionamento habilitando despachos para o xuíz, o secretario e unha sala de vistas.

    Está previsto, segundo informaba o Conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, que nestes terceiro xulgado tudense traballen un total de oito persoas.

 

Pago da Lotería de Nadal e Cabalgata de Reis en Caldelas

    A Asociación Socio Cultural “A Insua” de Caldelas informa que este sábado, 2 de decembro, e o domingo, día 3, de 11 a 13h e de 16 a 18h van estar no Centro Cultural para pagar as participacións da lotería do Sorteo Extraordinario de Nadal.

    Amais lembran que dispoñen tamén de participacións para o sorteo de Reis, que só se poderán adquirir esta fin de semana no Centro Cultural no horario antes mencionado.

    Por outra parte a Asociación “A Insúa” organiza a tradicional Cabalgata de Reis na parroquia como veñen facendo dende hai vinte anos. Será o próximo martes, 5 de xaneiro, cando ás 16.30h os Reis Magos entrarán no adro da igrexa en maxestuosas carrozas elaboradas polos veciños de Caldelas.  Os Reis farán a súa ofrenda ante o Belén Vivinte no transcurso da misa que comezará ás 17h.  Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán cargados de agasallos e caramelos.

 

Festival de Nadal no Centro Cultural Laxes de Paramos

    O Centro Cultural Laxes de Paramos celebra este domingo o seu Festival de Nadal. Comezarán ás 16.30h co grupo de teatro San Fins que representará “O cego de Fornelos”. Logo actuará a banda de Gaitas de San Xoán de Paramos ofrecendo un concerto de aninovo coa presentación de novos integrantes. Pechará o programa o grupo A Nosa Xente cantándolle ao Nadal

 

Resumo do ano en Tui

    O ano 2009 que hoxe remata foi escribindo a súa historia día a día. De seguida resumimos os principais feitos.

    Plan Estatal de Investimento Local supuxo un gran soplo de aire fresco para as arcas municipais no que a realización de obras se refire. Tui contou con case tres millóns de euros investidos en 12 obras executadas ao longo de todo o municipio. 

    Politicamente este 2009 deixou unha rotura no seo do equipo de goberno a comezos de ano. O alcalde Antonio Fernández Rocha destituía dos seus cargos a José Prada e a María José Rosada por falta de confianza, ante os presuntos movementos que había para retiralo da Alcaldía. Dende entón Fernández Rocha vese na obriga de consensuar os temas que leva a pleno tanto con Tudenses Unidos Independentes coma con Acción Tudese. Afirmou en máis dunha ocasión o rexedor local que está tentando unificar o centrodereita da cidade para que nas eleccións municipais de 2011 haxa unha única candidatura.

    A nivel infraestruturas producíronse dúas importantes adxudicacións. Por unha parte a empresa Díaz&Díaz Arquitectura é responsable de redactar o proxecto básico do centro de saúde de Tui que se coñecerá  o próximo mes de febreiro. Construirase na parte posterior da Área Panorámica.

    Amais a UTE Aqualia-Movexvial foi a adxudicataria da explotación do sistema de saneamento do río Louro e da EDAR de Guillarei que debe entrar en funcionamento en breve.

    Onte mesmo comezaba a funcionar no céntrico paseo da Corredoira, no coñecido coma local de Rogelio, o terceiro Xulgado de Instrución, nun edificio cedido temporalmente polo Concello á Consellería de Xustiza.

    Por contra este ano non houbo avances significativos no PXOM que segue a estar paralizado. A consecución do Plan Xeral de Ordenación Municipal é unha das grandes materias pendentes para 2010. Precisamente o 8 de xaneiro os voceiros políticos reúnense en Santiago co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para tratar o tema.

    Unha das polémicas destacas hai dous meses foi a oposición dos veciños do barrio de Albelos en Guillarei a que o Ministerio de Fomento pechase o mellor acceso ao barrio coa ampliación da mediana da A-55. Finalmente o tema solucionouse coa cesión deste vial ao Concello, que terá que facer o próximo ano unha rotonda que garanta tanto o aceso coma a seguridade deste tramo.

    E pese as reiteradas convocatorias, este ano non se lograron adxudicar as vivendas do antigo cuartel da Garda Civil en Caldelas, xa que os solicitantes ou non cumprían os requisitos ou no lograban o financiamento preciso por parte das entidades bancarias.

    Este ano foi aprobado e entrou en vigor o Plan Reitor do Parque Natural do Monte Aloia que establece un novo modelo de xestión deste espazo natural. A crise deixouse notar este ano e deixou a súa pegada nas festas de San Telmo onde foi suprimida a Feira Agrícola e Industrial do Miño e a Festa do Meixón organizada polo Concello e tamén o Xantar oficial. Mentres nesas datas creouse a Confraría do Bo Xantar, integrada polos restauradores locais, que promoveu unha Semana Gastronómica.

    O pasado mes de maio xurdiu unha iniciativa de cinco cidades fortificadas portuguesas: Valença, Almeida, Elvas, Entremoz e Marvao e outras tres españolas: Tui, Cidade Rodrigo e Badaxoz, de presentar unha candidatura conxunta transfronteiriza a Patrimonio da Humanidade ante a UNESCO.

    No eido cultural a Concellería de Cultura brindounos unha programación estable e de calidade ao longo do ano que mereceu o recoñecemento do público, situando ao Teatro Municipal nos primeiros postos no número de espectadores da Rede Galega de Teatro e Auditorio.  Foron varias as exposicións que nos últimos doce meses houbo na cidade merendo especial destaque a mostra “A Divina Comedia” de Salvador Dalí que se amosou na Sala Municipal.

      Compre salientar tamén un novo éxito do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que amais das proxeccións, concertos e exposicións, este ano converteu a tudenses de distintas idades en protagonistas dun documental.

    Ao longo do ano foron presentados distintos libros tanto de tudense coma sobre Tui. Así Fernando Álvarez presentaba en abril a súa segunda novela “Asesinato de una mariposa”. Mentres en xuño Suso Vila daba a coñecer  o seu libro “A cidade de Tui durante a Baixa Idade Media” co que gañara o segundo premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal.  Xa en xullo a prolífica escritora Conchi Regueiro sacaba á rúa “A herdanza do Marqués” dirixido a un público xuvenil.  En outubro a Fundación Comarcal do Baixo Miño e a Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia presentaban o libro-guía  “Rutas arqueolóxicas no Parque Natural do Monte Aloia” da autoría de Juan José Perles.

    No eido musical o músico porriñés afincado en Tui Pancho Álvarez presentaba “Sólidos Galicianos”.

    En crónica de sociedade Levada Libre promoveu unha iniciativa para lograr a restitución do busto de Sócrates na cidade. E este mes de decembro foron distinguidos coa medalla de ouro da cidade os Irmáns Maristas polos cen anos de presenza na cidade.

    En Deportes merece un oco destacado Manuel Garrido que se proclamou campión do Mundo de Maratón en Piragüismo C1 sub 23, un título que sumou ao de Campión de Europa logrado uns meses antes. Tamén lograron importantes éxitos internacionais os seus compañeiros do Club Kaiak Tudense, Adrián González e Roberto Rodríguez Lechuga  no Campionato de Europa onde lograron dúas medallas de ouro. Amais a remeira Nuria Domínguez Asensio tamén logrou un ouro en remo Skiff feminino nos XVI Xogos do Mediterráneo.

    Outros eventos destacados foron os 25 anos da medalla olímpica en Los Ángeles de Enrique Míguez o 11 de agosto, ou a celebración en Tui da Xuntanza de Peñas do Barça que trouxo até a cidade ao presidente do club blaugrana Joan Laporta.

    No mes de febreiro falecía, aos 65 anos,  a ex ministra, Julia García-Valdecasas, vinculada familiarmente a Tui onde foi pregoeira. E esta mesma semana deixábanos o párroco de Guillarei e Ribadelouro Don Jose Carbajal.

    Este foi o resumo de 2009. Unha actualidade informativa que lles fomos contando ao longo dos últimos 12 meses aquí na Radio Municipal de Tui.

 

Mércores, 30 de decembro de 2009    

Os voceiros municipais reúnense o 8 de xaneiro co Conselleiro de Territorio e Infraestruturas para falar do PXOM

    O xoves, 8 de xaneiro, o alcalde de Tui xunto aos voceiros dos grupos políticos presentes na corporación municipal de Tui reuniranse en Santiago co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. O obxectivo deste encontro é informar aos representantes municipais sobre a situación da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui.

    Así o informou o alcalde, Antonio Fernández Rocha, na quenda de rogos e preguntas do pleno celebrado onte contestando así á pregunta formulada polo voceiro socialista Manuel Freiría.  Amais segundo explicaba a aprobación do PXOM é fundamental para iniciar as negociacións cos terreos da Lagarteira para construír aí un novo colexio para Pazos de Reis.

    Tamén respondendo ao voceiro socialista o mandatario municipal explicou que será no mes de febreiro cando o concello coñeza o proxecto do novo centro de saúde de Tui que se construirá na parte posterior da Área Panorámica. Fernández Rocha agarda tamén que o próximo ano Tui conte con Escola Infantil e que se dean os primeiros pasos para dotar á cidade dun Centro de Día. A este respecto sinalou que os informes dos técnicos da Consellería de Traballo e Benestar son favorables a súa ubicación nos terreos á carón do IES San Paio e do Centro Sociocomunitario na rúa Colón.

 

Catro puntos foron aprobados por unanimidade no pleno de onte

    A corporación municipal de Tui celebrou onte o último pleno do ano durante algo máis de dúas horas e media. Gran parte dos asuntos desta sesión foron aprobados por unanimidade.

    Este foi o caso da moción presentada polo BNG e modificada logo por emendas na que se solicita ao SERGAS que dote ao Centro de Saúde de Tui dun pediatra máis, e se lle insta a que cubra as baixas dos facultativos cnato antes.  Tamén por unanimidade foi aprobada unha moción socialista instando á Xunta a non outorgar ningún aproveitamento hidráulico nos ríos de Galicia, nin autorizar ningún dos que estaban outorgados co obxectivo de protexer os ríos da sobreexplotación que teñen de centrais eléctricas.

    Longamente debatida foi a cesión do local nº16 do Paseo da Corredoira, o coñecido coma antigo local de Rogelio, á Consellería de Xustiza para a posta en marcha do Terceiro Xulgado da Cidade que hoxe ten previsto entrar en funcionamento.

    O acordo da corporación é ceder este local de 140 metros cadrados durante un período de 3 años, prorrogables 2 máis para este cometido. No debate tanto o Partido Socialista coma o BNG criticaron que non se teña solucionado con anterioridade o problema de espazo nos Xulgados tudenses cedendo uns terreos para un novo edificio xudicial, xa que segundo o PSOE é un problema que se remonta a 2005. Mentres o BNG lamentou que nos últimos once anos non houbese un proxecto para dar solución a estes equipamentos criticando a monetarización do 10% dos terreos que lle correspondían ao Concello das Unidades de Execución.

    Dende Acción Tudense explicaron que non están de acordo coa ubicación que propuxeron que o terceiro xulgado fose para as instalacións da policía local, e este servizo para o Paseo da Corredoira, pero ao non ser isto posible dicía que tiñan claro que este servizo non se podía perder.  Lembrou amais o seu voceiro que por falta de cesión de inmobles se teñen perdido para Tui outros servizos importantes coma a Tesourería da Seguridade Social.

    Finalmente a cesión era aprobada por 14 votos a favor e 2 abstencións do BNG.

    Durante máis de media hora prolongouse tamén o debate sobre o punto quinto da orde do día relativo a aprobación da ordenanza municipal reguladora do ficheiro automatizado de datos de carácter persoal relativo ao sistema de control horario para o persoal ao servizo do concello. Aquí o concelleiro de Persoal, Moisés Rodríguez, explicou que se instalarán máquinas de control horario no concello, na nave en Guillarei, no Conservatorio e nas instalacións da Policía Local. O Alcalde engadía que con este sistema búscase mellorar o control da hora de entrada e de saída dos traballadores. As críticas aquí tanto do PSOE coma do BNG centráronse en que non basta só con controlar o inicio e final da xornada laboral senón tamén as entradas e as saídas ao longo da mesma. Dende Acción Tudense amosáronse a favor desta medida, engadindo que cren que é necesaria e que a mesma non lle molestará aos bos traballadores.  O punto foi aprobado finalmente por unanimidade.

    Por unanimidade tamén foi aprobada a modificación da ordenanza da taxa de axuda do fogar contemplando o prezo da hora a 11,56 euros, e recollendo a exención ás persoas cunha capacidade económica igual ou inferior ao IPREM.  Do mesmo xeito foi aprobado por todos os corporativos a delegación no ORAL da xestión, inspección, liquidación e recadación de diversas taxas e impostos municipais.

 

Informe de CCOO sobre a Declaración de Zona de Gran Afluencia Turística para o Concello de Tui

Gabinete Federal de Estudos FECOHT-CCOO

 

Tendo recibido solicitude de realizar un informe sobre a posible declaración de zona de gran afluencia turística para o Concello de Tui, razoamos a nosa valoración e informe para a dita declaración.

As razóns alegadas que fundamentan dita valoración son as seguintes:

Non hai causa nin motivo suficiente para a declaración, en tanto que esta ten unha consecuencia desproporcionada polos seus efectos na modificación no réxime de horarios comerciais e tempo de apertura comercial ao público. Estas modificacións alterarían substancialmente as condicións de vida e traballo do cadro de persoal do sector comercial local.

Aínda sendo o comercio un sector non desprezable no Concello, e debe valorarse positivamente o desenvolvemento turístico, polo seu enclave, historia, patrimonio cultural e artístico, e os seus beneficiosos efectos no comercio, non se comproban nin demostran as condicións para xustificar a declaración de zona de gran afluencia turística.

Para iso deberían constatarse e probarse diversos factores, que non parecen ter apoio:

·        Un peso fundamental e practicamente monocultivo dos sectores de comercio, hostalaría e turismo na economía local que fixesen depender o desenvolvemento endóxeno local da adaptación do réxime comercial aos fluxos de afluencia turística.

·        Unha afluencia turística masiva, polo menos por unha temporada prolongada nun exercicio anual. Habería que contrastar o desfase entre poboación de dereito (16.972, segundo o Padrón Municipal de 2008) e de feito, que sendo a poboación de feito moi superior á de dereito nunha temporada dilatada do ano, aconsellase unha apertura máis flexible do réxime comercial.

·        Un comportamento e hábito de compras do turismo que constate unha preferencia e costume que materialice unha demanda de consumo significativamente alta fóra dos días e horarios habituais de apertura ao público, e que compensase o prexuízo ás condicións de traballo do cadro de persoal do sector comercial.

Mentres que estes últimos aspectos non se demostran nin se apoian, e, segundo as nosas análises, a causa non é suficiente nin proporcionada, consideramos inconveniente, desaconsellable e mal motivada a solicitude de declaración de zona de gran afluencia turística ao Consello de Tui.

        E para que conste a todos os efectos, asino a presente en Vigo, con data vinte e dous de decembro de dos mil nove.

 

Martes, 29 de decembro de 2009    

A Coral da S.I. Catedral de Tui e a Banda de Música Popular de Tui protagonizan o concerto de fin de ano

Tui pecha a súa programación cultural de 2009 con música. Será mañá,  mércores, ás 21h no Teatro Municipal de Tui. A Concellería de Cultura volve confiar a despedida do ano a dúas agrupacións locais coma son a Coral da S.I. Catedral e a Banda de Música Popular de Tui.

As entradas están á venda na web www.culturatui.info ata o mércores ás 17.30 horas, ou o mércores dende ás 19.30 horas no despacho de billetes da Área Panorámica, ao prezo único de 2€.

A Coral da S.I. Catedral de Tui actuará en primeiro lugar acompañada ao órgano por Ángel Viro Caamaño e baixo a dirección de Agustín Sobral, interpretando: Cantet Chorus Angelorum, de Manuel Posse; Oh, Blanca Navidad, de Irving Berlin; AyLascia Ch’io Pianga, de G.H. Händel (aria da ópera Rinaldo); Señor, me cansa la vida, de J.A. Garo. Poema de A. Machado; Preciosa (Boriquen), de Rafael Hernárdez; El Condor Pasa, de Daniel A. Robles, con Armonización de Camilo Paz, e Tui, mira si te querré, de Ricardo Guirao (Adaptación Letra Agustín Sobral)

            A Banda de Música Popular de Tui estará baixo a batuta de Adolfo Besada para interpretar Bellreguart, Sangre Española, Piratas del Caribe, Mallet Percusión, Voces de primavera, Danubio Azul e a Marcha Radesky.

            As dúas formacións rematarán este concerto interpretando conxuntamente Nabucco, de G. Verdi, e Adeste Fidelis con Arr. de Penders.

            Con este concerto a Concellería de Cultura pecha 12 meses de actividades culturais na cidade nos que tiveron cabida o teatro, a danza e a música, entre outras alternativas culturais, con espectáculos infantís pero tamén para todas as idades. Un ano máis o público ten refrendado o labor realizado dende o Departamento de Cultura situando Teatro Municipal nos primeiros postos na lista de espectadores de Galicia. 

Dende a Concellería trabállase xa na programación a realizar en 2010 co obxectivo de manter a liña iniciada dunha programación estable e de calidade, que ten consolidado a Tui coma un punto de referencia cultural non só na cidade senón na comarca do Baixo Miño, no Sur de Pontevedra e tamén para o Norte de Portugal.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, aproveita para facer unha invitación especial ao Concerto de Fin de ano co que se porá o broche dourado a actividade cultural de 2009.

 

O Pleno trata hoxe a cesión do local para o terceiro xulgado

    A corporación municipal de Tui reúnese hoxe martes, ás 12 do mediodía, en pleno ordinario correspondente a este mes de decembro. A orde do día da que será a última sesión do ano, está formada por oito punto.

    Entre os asuntos a tratar neste pleno está a cesión do inmoble municipal sito na rúa Calvo Sotelo 16 á Dirección Xeral de Xustiza para implantar aí o terceiro xulgado.

    A este pleno lévase tamén un ditame da Comisión Informativa de Benestar Social para cubrir vacantes profesionais no Centro de Saúde de Tui. Outro tema a tratar é a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora do ficheiro automatizado de datos de carácter persoal relativo ao sistema de control horario para o persoal ao servizo do Concello.

    A este pleno vai tamén a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar. A corporación pronunciarase tamén sobre a xestión de recursos locais da Deputación Provincial de Pontevedra de xestión, inspección, liquidación e recadación de diversas taxas e impostos municipais.

    Outro dos puntos refírese aos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos de Galicia. A orde do día complétase coa aprobación da acta anterior e o control aos órganos de goberno.

 

Doazón de Sangue en Tui

    Hoxe martes hai unha unidade móbil de doazón de sangue en Tui. Os interesados poderán doar de 10 a 14 e de 16 a 21h na Praza de Galicia.

 

Víctor Aparicio presenta a exposición “Fenómenos en Tui” na Vinoteca de García

    Hoxe ás oito da tarde a Viñoteca de García acolle a presentación da serie “Fenómenos en Tui” obra do tudense Víctor Aparicio. Trátase dunha serie de láminas de obra gráfica por entregas sobre fenómenos ocorridos en Tui durante a segunda metade do século XX e principios do XXI.

    FENÓMENOS EN TUI pode referirse a acontecementos e a persoas. É dicir, a fenómenos atmosféricos, catástrofes, fenómenos sociais ou persoas coa categoría ou o adxectivo de "fenómeno".

    As láminas, todas de Víctor Aparicio, serán editadas e presentadas por entregas. Constarán de 100 exemplares numerados e asinados polo autor. A técnica de reprodución artística será variable: stencil, serigrafía, reprodución dixital etc. Cada unha dedicada a un FENÓMENO EN TUI.

    Algún dos Fenómenos en Tui que serán tema a representar son: A nevada de febreiro do 60, a presenza en Tui do "negro mais alto do mundo" (en palabras dos nenos da época), As crecidas do río, o concerto do primeiro grupo de música moderna de Tui no Teatro Principal etc.

  

Campus de Nadal de Baile en Tui

    O pavillón municipal de Tui acolle dende onte e até mañá mércores un Campus de Nadal da Escola de Baile Pasos. Están a participar preto de 60 persoas tanto galegas coma portuguesas.

    Nesta actividade colabora o Concello de Tui. Miguel Abreu, responsable da Escola de Baile Pasos explicaba que tanto a resposta do Concello coma as excelentes instalacións de Tui lles fixo decantarse pola cidade nesta ocasión.

    Paolo Bosco, triple campión do mundo de standard, Gabriel Gofredo, finalista do Campionato do Mundo de latino, amais de Miguel Abreu, Eva García, Martín Souto e Diego Lago.

    O obxectivo a medio prazo é que Tui poida acoller en 2010 ou 2011 un Campionato de España de Baile Deportivo. Para iso precisasen unhas instalacións, coma o Pavillón que Tui ten, o apoio do Concello, e lograr que a Federación Española conceda o Campionato.

 

Luns, 28 de decembro de 2009    

Curso de Portugués para mozos de entre 18 e 30 anos

            A Casa da xuventude de Tui convoca un Curso de portugés técnico, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos, para a obtención de emprego no turismo, hstalaría e comercio, cunha duración de 100 horas.

            O Curso comezará a impartirse o 19 de xaneiro, os martes e xoves de 16.30 a 10.00 horas,

            Pódese solicitar máis información na Oficina Transfroiteiriza de Información Xuvenil (Casa da Xuventude), ou a través do enderezo ofixuvetrans.tui@gmail .com

   

Curso de formación de formadores en mediación xuvenil para unha conducción responsable

A Casa da Xuventude convoca o curso de formación de formadores en mediación xuvenil para unha conducción responsable, que se desenvolverá o 11, 18 e 25 de xaneiro de 16.30 a 21.30 horas, tendo como obxectivo contribuír á  formación específica de persoas que traballan no ámbito da xuventude co fin de capacitalos para formar a mediadores xuvenís en condución responsable, pero tamén o de capacitar aos participantes no curso para impartir charlas e talleres de sensibilización á xuventude para unha condución responsable sen consumo de alcol ao volante.

Contidos:

            O curso, que ofrece vinte prazas e que se vai desenvolver na Casa da Xuventude de Tui, contempla catorce apartados: 1.- Os accidentes de tráfico: a magnitude do problema; 2.- Dinámica dun impacto e consecuencias para as vítimas; 3.- A condución: unha tarefa de toma de decisións; 4.- Aptitudes e capacidades básicas para unha condución segura; 5.- Os grupos de risco; 6.- Os factores de risco: a velocidade; 7.- Os factores de risco: o alcohol; 8.- Os factores de risco: as drogas; 9.- Os factores de risco: as enfermidades e os fármacos; 10.-Os factores de risco: o soño; 11.-Os factores de risco: a fatiga; 12.-Os factores de risco: o estrés; 13.-Seguridade activa e pasiva; 14.-A condución preventiva; 15.-Actuación en caso de accidente de tráfico; 16.- A importancia do cumprimento das normas de tráfico.

O curso desenvolverase nunha fase teórica de 15 horas presenciais e cunha metodoloxía activa e participativa, sendo os destinatarios preferentemente profesionais que traballan coa xuventude nas casas da xuventude e nos centros de información e orientación  especializado. No caso de haber prazas vacantes poderán acceder todas as persoas interesadas na temática.

As solicitudes presentaranse na Casa da Xuventude ata tres días antes de comezar o curso, e os alumnos que o rematen cun rendemento satisfactorio recibirán un certificado de asistencia da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

 

Xoves, 24 de decembro de 2009    

Citas no Pavillón de Deportes

    O novo pavillón de deportes de Tui vai acoller hoxe de 11 a 12.30h os adestramentos do Vigo Basket que milita na liga Leb Oro. Os adestramentos están abertos ao público. 

    Xa pola tarde ás 16h terá lugar o Trofeo Solidario de Baloncesto no que compiten os equipos inferiores do C.B. Tui. A entrada é un xoguete.

 

O delegado Territorial da Xunta en Pontevedra fixo balance dos primeiros oito meses de lexislatura

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo balance esta mañá dos oito meses de traballo da administración autonómica dende a súa toma de posesión, destacando o aumento nos investimentos nas diversas infraestruturas dependentes das dez xefaturas territoriais que conforman a Delegación.

    Tal e como explicou o delegado territorial de Pontevedra, a Consellería con máis investimento na provincia é, sen dúbida, a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, “con máis de 254 millóns de euros para o desenvolvemento de grandes obras pero tamén de obras máis pequenas pero de gran importancia para moitos veciños e concellos que demandaban melloras importantes tanto no eido do saneamento como no de infraestruturas”.

    O delegado territorial tamén quixo facer unha referencia especial as obras singulares que se están a executar dentro de ámbito de actuación da delegación territorial de Pontevedra “que contan cun orzamento total 185.243.719 millóns de euros”.

    “Estamos a falar do proxecto da variante de alta capacidade entre A Guarda e Tui, incluíndo o enlace coa autovía a Portugal, que en total superan os 98 millóns de euros”, explicou Cores Tourís. Engadía o proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-340 entre Tui e A Ramallosa con un millón e medio de euros.

    Nesta área tamén destacou tamén as obras adxudicadas no eido do saneamento, destacando a depuradora de augas de Guillarei que ten un orzamento de case 4 millóns de euros.

    En relación a Educación, José Manuel Cores Tourís tamén fixo referencia ao aumento nas inversións de mellora e reforma dos centros educativos dos concellos dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra, cunha inversión de 4 millóns de euros en Primaria e case 3 en Secundaria. Engadiu tamén o aumento de comedores escolares xestionados por Anpas ata un total de seis, entre eles un na Guarda.

     “Tamén cabe destacar en materia de Xustiza as obras para acondicionamento de locais para o Xulgado Mixto número 3 de Tui no que se investiron 176.743 euros e destacou que con cargo aos orzamentos do 2010 investiranse 3 millóns de euros no novo edificio xudicial de Tui. “Estas obras estarán condicionadas a que os concellos poñan a disposición da Xunta de Galicia os terreos onde se realicen as obras”.

 

VII Concurso de Corais na Catedral  este domingo

    Este domingo, ás cinco da tarde, celébrase na Catedral  de Tui o VII Concurso de Corais organizado polo Cabildo Catedralicio. Participarán a Coral da Agrupación Musical do Rosal, a Coral Polifónica de San Mamede de Zamáns, a Agrupación Coral Polifónica de San Blas de Budiño, o Coro Apostol Santiago de Vigo,e o Coro Asociación Beiramar de Vigo.

 

Campus de Nadal de Baile en Tui

    O pavillón municipal de Tui vai acoller a próxima semana, o luns, martes e mércores, un Campus de Nadal da Escola de Baile Pasos. Os adestradores serán Miguel Abreu, Eva García, Martín Souto e Diego Lago. O custe de participación por persoa é de 60 euros para adultos, e 40 euros en infantil.

    Os interesados poden acadar máis información na web www.bailegalicia.net, no correo electrónico pasos@bailegalicia.net ou no teléfono 661 68 91 91.

    Nesta actividade colabora o Concello de Tui.

 

Adxudicada a obra de mellora da estrada Cerquido-Ribadelouro

    A Xunta de Goberno da Deputación acordou adxudicarlle á empresa Construcións, Obras e Viais a obra de mellora da zona Magdalena e variante Igrexa, na estrada provincial 2502 Cerquido-Ribadelouro (Tui). Concretamente, esta obra foi adxudicada nun orzamento de 324.807 euros. O prazo de execución ofertado pola empresa é de oito meses. 

 

Mércores, 23 de decembro de 2009    

Papá Noel na corredoira e reparto de caramelos

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, dentro da súa campaña de Nadal e Reis dirixida a nenos e nenas, porá a disposición de todos os miúdos un Papa Noel que recollerá tódalas cartas e repartirá lambetadas entre os máis pequenos.

O Papá Noel estará situado no Paseo da Corredoira na tarde do día 24. Asi mesmo,  o reparto de caramelos e globos continuará ao longo das vacacións escolares pola cidade de Tui.

 

Martes, 22 de decembro de 2009    

Concerto de Nadal no Conservatorio e na Escola de Música

     O Teatro Municipal de Tui acolle hoxe  ás oito da tarde o Concerto de Nadal organizado polo Conservatorio Profesional de Música e a Escola de Música Municipal. No mesmo van actuar os alumnos destes dous centros de ensino musical.

    Débense retirar as entradas de xeito gratuíto dende ás sete da tarde na propia  Área Panorámica.

 

A UTE Aqualia-Movexvial adxudicataria da explotación da EDAR de Guillarei

    A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudica a explotación do sistema de saneamento do río Louro e da estación de augas residuais de Guillarei. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o anuncio de licitación desta actuación, completando os pasos a seguir tal e como avanzou o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, na reunión cos alcaldes pontevedreses de Tui, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas que se celebrou o pasado mes de setembro.

    O anterior responsable da Consellería de Medio Ambiente, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o entón director de Augas de Galicia e os alcaldes beneficiados asinaron un acordo (con data de 14 de xaneiro de 2009) polo que se comprometían nun período de 3 meses a activar un convenio para a posta en marcha das instalacións e a súa explotación, pero dito convenio nunca se chegou a asinar e o Goberno actual atopouse cunhas instalacións na conca do río Louro que non estaban postas en funcionamento.

    Ante esta situación e tras realizar traballos de recompilación de información, estudo de custes para a explotación da Edar de Guillarei, reunións coas partes implicadas e a elaboración do prego de prescricións técnicas, o departamento que dirixe Agustín Hernández abordou esta situación para licitar as obras no menor tempo posible.

Ciudadanos sen servizo

    A EDAR de Guillarei, realizada pola Confederación Hidrográfica do Norte (agora Miño-Sil) rematouse en decembro de 2006 e as obras complementarias en febreiro de 2008, pero a explotación deste sistema de depuración nunca se puxo en funcionamento, polo que os habitantes da zona non se podían conectar ás mesmas.

    Con todo isto, o actual Goberno da Xunta adoptou a iniciativa de licitar a explotación das instalacións durante un período de dous anos, por un importe de case 4 millóns de euros. A empresa adxudicataria foi a UTE-Aqualia Integral del Agua, S.A. & Movex Vial, S.L.

Consorcio

    Debido á magnitude do saneamento da conca do río Louro e da Edar de Guillarei, constituírase un consorcio para a xestión e explotación do saneamento, da que formarán parte a Administración Hidráulica de Galicia e os concellos beneficiarios. A participación da Xunta neste organismo é do 42,81%. Esta entidade encargarase de xestionar o saneamento da conca do río Louro. Para a tramitación deste futuro consorcio será necesario un prazo mínimo de máis de dous anos, polo que a previsión de constitución do mesmo podería ser a finais de 2011.

    O importe total da explotación do sistema ascende a case 2,5 millóns de euros anuais, dos que un 57,19% será aportado polos concellos, é dicir un total de 1,4 millóns de euros, mentres que a Xunta aportará a porcentaxe restante, un 42,81%, que en termos absolutos implica un importe de 1.047.845 euros.

Instalacións

    O sistema de saneamento do Río Louro recolle as augas dos concellos pontevedreses de Tui, Porriño, Salceda de Caselas e Mos a través de infraestruturas que comprenden unha rede de colectores xerais, tanques de tormenta, estacións de bombeo e estación de tratamento de augas residuais. A instalación fórmase de 82 quilómetros de colectores xerais, que permitirán a conexión da rede secundaria dos concellos; 17 tanques de tormenta, que permitirán o almacenamento dun volume de auga suficiente para asegurar que se recolle a escorrentía inicial despois de episodios de precipitacións (adoita a ser unha auga que está máis cargada de sólidos en suspensión e de carga contaminante); e 2 estacións de bombeo de augas residuais.

    A propia Edar de Guillarei está dimensionada para tratar as augas residuais de 132.266 habitantes, contando coa posibilidade de poder asumir nun futuro as augas residuais de 215.000 habitantes. Conta cun tratamento primario, tratamento biolóxico de fangos activos, cunha decantación secundaria e cun tratamento terciario de desinfección por raios UVA.; ademais, dunha liña completa para os fangos e cun sistema de secado térmico para o tratamento dos mesmos.

 

Hoxe represéntase na biblioteca municipal por Títeres Cascacnuces “un conto de sempre”

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle, hoxe, unha nova actividade do seu programa de Nadal, neste caso é a representación da obra “Un conto de sempre” a cargo da compaía “Títeres Cascanueces” que porá en escena esta obra a partir das 17.30 horas. A entrada é de balde.

Títeres Cascanueces caracterízase por ter un formato unipersonal e un amplo repertorio infantil, con obras clásicas do xénero e tamén obras propias con diferentes técnicas de manipulación de monicreques. Nesta historia, de “Un conto de sempre” o protagonista, un neno de 5 anos, fai unha longa viaxe para rescatar un libro de contos onde supostamente estan todas as respostas.

“Títeres Cascanueces” créase en La Habana no ano 1995 por actores profesionais e alumnos do Instituto Superior de Arte (I.S.A) especializándose no formato unipersoal. Todas as montaxes así como a súa distribución están feitas de forma independente e sen axuda institucional. Desde 1997 Títeres Cascanueces ten a súa sede en Santiago de Compostela e está formado por Patricia López Villaverde e Lázaro Duyos Jordán.

Con esta nova actividade de animación á lectura continua avanzando o programa de Nadal da Biblioteca Municipal de Tui que o pasado xoves contou coa presenza de “Tarabelos” representando “Un Nadal cheo de contos” e continuará nos vindeiros días 29 e 30 de decembro e 4 de xaneiro con diversas proxección de animación.

 

Sábado, 19 de decembro de 2009    

Entrega de Premios de Poesía na Escola

    Hoxe ás once da mañá terá lugar no Liceo Casino a entrega de premios do Certame Poesía na Escola que organiza anualmente a Asociación Amigos da Poesía do Baixo Miño. A súa presidenta Emilia Rosende destaca que este ano houbo moitísima participación, engandido que serán entregados entre 60 e 70 premios.

 

Concerto de Panxoliñas en San Francisco

    A Igrexa de San Francisco acolle hoxe ás oito da tarde o tradicional concerto de Panxoliñas da Coral da S.I. Catedral de Tui. Estará dirixida por Agustín Sobral e acompañada ao órgano por Angel Viro Caamaño.

 

Festival do Nadal en Ribadelouro, Tui

    O Centro Cultural de Ribadelouro celebra esta fin de semana o seu Festival de Nadal. Hoxe ás oito da tarde terán a actuación dos grupos de playbacks “Furnosis” de San Fins de Rebordáns, “O Borralliño” de Soutelo e Santa Columna de Ribadelouro.

     Mañá as actuacións comezarán ás cinco da tarde co Grupo de baile rexional Colexiata do Sar de Santiago de Compostela. Logo será a quenda da Banda de Gaitas Os Zoqueiros do Porriño, e do Grupo de baile rexional Santa Columba de Ribadelouro.

    Este festival está organizado pola Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro.

 

Iníciase o Nadal Cultural en Guillarei

    Mañá domingo comeza a programación do Nadal Cultural organizado pola Asociación de Veciños “Virxe das Dores” de Guillarei coa colaboración da Comunidade de Montes de Guillarei e Concello de Tui.

    No Centro Cultural de Guillarei ás catro e media tarde inaugurarán a Exposición do II Certame de debuxo infantil “Debuxa as túas festas navideñas”. Ás 17.15h haberá unha obra de teatro Infantil a cargo do grupo de teatro de Teatro Navia Escola de Vigo que presenta “O zapateiro e os sabios”. A continuación procederán a facer entrega dos premios aos gañadores do certame, e agasallos aos participantes.

  

Certame de Panxoliñas en Pexegueiro

    O Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro acolle mañá domingo ás cinco da tarde un Certame de Panxoliñas dentro da súa programación de Nadal. Actuarán a coral Ponte das Febres de Ribadelouro e a Coral Polifónica da S.I. Catedral de Tui.

  

O 30 de decembro entrará en funcionamento o 3º Xulgados de Tui

    O próximo mércores 30 de decembro entrará en funcionamento o terceiro xulgado de Tui no seu emprazamento provisional no Paseo da Corredoira. Así o afirmaba o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, na súa visita onte a tarde en Tui, onde confirmaba que xa está feita a contratación de persoal para o xulgado, un total de oito persoas,  e resta rematar as obras de acondicionamento do local e a instalación do mobiliario.

    Alfonso Rueda coñeceu xunto ao Alcalde de Tui, o Delegado da Xunta en Pontevedra, e distintos concelleiros, así coma as titulares dos xulgados nº1 e nº2, as instalacións do que será o terceiro xulgado tudense. A súa Conselleira investiu 150 mil euros nestas obras de reforma do que era o antigo comercio de Rogelio nun inmoble de titulariedade municipal.  Precisamente no pleno do día 29 a corporación deberá acordar a cesión deste local durante tres anos á Consellería.

    Alfonso Rueda salientaba que se trata dun emprazamento provisional xa que agarda que en dous anos ou dous anos e medio estea listo o novo edificio dos xulgados tudense que albergará as tres salas e solucionará o problema de espazo do actual edificio xudicial. Xunto o rexedor tudense achegábase até a Avenida da Concordia para coñecer “in situ” a parcela que o Concello cederá para os novos xulgado.

    Trátase da Unidade de Execución nº1 na parcela que ocupaban as oficinas de Cam-fran. Previa a cesión o Concello terá que demoler o actual edificio, uns traballos que poden custar as arcas municipais entre 50 mil e 70 mil euros. Fernández Rocha avanzaba onte que agarda poder levar ao pleno de xaneiro, ou coma moi tarde en febreiro, a cesión desta parcela á Consellería de Presidencia. Precisamente onte o titular deste departamento entregaba ao Alcalde un borrador coas necesidades da parcela, que fóra solicitado polo Concello, e que hoxe remitirá de xeito oficial.

    Alfonso Rueda fixo fincapé na boa disposición do Concello para a cesión dos terreos. Tendo en conta este aspecto, e que o seu departamento ten xa consignados tres millóns de euros  para este novo edificio xudicial o titular de Presidencia confía en que as obras poidan comezar canto antes, e o edificio poida estar rematado en 2012 ou comezos de 2013.

    O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, agradecía ao Conselleiro a boa disposición para a posta en marcha do terceiro xulgado tudense, que dicía é moi necesario.

    Con respecto ao terreo para o novo edificio dos Xulgados dicía que está practicamente pactado entre a meirande parte as forzas políticas da corporación municipal. O Concello porá dispor unha parcela que satisfaga a superficie que precisa a Consellería para o edificio terá entre 1.800 e 2000 metros cadrados útiles.

 

Presentado un proxecto de cooperación transfronteiriza en servizos

    O xoves á tarde foi presentado no Parador de Tui un proxecto transfronteirizo no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (Poctep), que buscar dar un paso na cooperación iniciada entre Galicia e o Norte de Portugal hai 20 anos. Se até o momento a cooperación desenvolveuse sobre todo noutros ámbitos coma o cultura, deportivo, deportivo, de transporte ou das infraestruturas, agora búscase cooperar en servizos. O obxectivo é que os habitantes dunha e doutra beira poidan empregar indistintamente os servizos dos concellos fronteirizos.

    O acto era presidido polo Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, acompañado por Nuno Almeida da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento de Galicia-Norte de Portugal, e por Juvenal Penedo, da Comunidade Intermunicipal Minho-Lima. No mesmo déronse cita representantes dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda, Salvaterra e As Neves, así coma de distintas cámaras municipais de Portugal.

    O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacaba que se “trata de facer cousas concretas que faciliten a vida diaria da cidadanía que viven nos territorios transfronteirizos”, engadiu que tamén se trata de non perder nin un só euro dos que a Unión Europea pon á nosa disposición para a cooperación transfronteiriza

    Fixo especial fincapé no Poctep, o Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza destinado a promover o desenvolvemento das zonas fronteirizas entre España e Portugal, reforzando as relacións económicas e as redes de cooperación

    Nese marco foi seleccionado un proxecto entre Galicia e Portugal, cuxa actividade sobre Servizos institucionais comúns para o medio ambiente e para a ordenación do territorio foi presentada e que ten como misión fundamental o estudio da realidade dos equipamentos sociais, culturais e de ocio nas zonas transfronteirizas, con vistas á busca das similitudes, diferenzas e ás posibles opcións de complementariedade. Dicía eses servizos deben ser agora identificados e valorar cales poden ser empregados de xeito indistinto a ambos lado da fronteira no periodo até 2013, cando se deben estar usando pola poboación das dúas marxes dun xeito intenso reforzando as relacións socioeconómicas e as redes de cooperación.

    “Para este Goberno a cooperación con Portugal é un asunto estratéxico, que nos aporta unha vantaxe competitiva clave para o noso desenvolvemento económico”, concluíu o conselleiro, que tamén destacou a importancia na cooperación transfronteiriza que ofrece a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, que ata agora non era unha realidade e que comezará a funcionar en poucas semanas coa súa sede en Vigo.

    Así, Alfonso Rueda aproveitou para anunciar que dende este mesmo momento, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial está a disposición das entidades locais para colaborar cos concellos e as cámaras municipais no deseño e xestión de actuacións de cooperación en fronteira.

    Nuno Méndes referíase a eurorexión coma un punto de referencia en cooperación transfronteiriza. Enfandio que agora hai que botarlle imanixación e seguir traballando.

    Juvenal Penedo aposta por optimizar os equipamente a un e outro lado da fronteira o que beneficiará á poboación. 

 

Venres, 18 de decembro de 2009    

Corte da Ponte de Magnolia pola choiva

    A coñecida coma Ponte de Magnolia, ao final da Avenida da Concordia, estivo cortada o mércores durante case todo o día debido a intensidade da choiva que provoca que unha gran bolsa de auga se acumule baixo a mesma impedindo a circulación dos vehículos.

    O corte deste vial obriga aos vehículos que se dirixen cara o centro de Tui ou ben dende Tui queren saír cara Rebordáns a buscar vías alternativas polo Anxo en Pazos de Reis ou pola Veiga do Louro.

    Onte técnicos municipais estiveron no lugar tentando atopar a orixe destes embolsamentos de auga, segundo explicaba o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, quen sinala que con anterioridade limpouse xa unha parte da condución, pero agora debe haber outro problema. Esta mañá tentarán limpar de novo a zona para evitar que os embolsamentos de auga se volvan producir.

Obras

    Por outra parte o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, informaba que as obras que se están a realizar na rúa Compostela e Mondoñedo son de mantemento do adoquín da calzada. O rexedor agarda que os traballo poidan rematar ou ben mañá ou o luns se o tempo acompaña.

    Informaba tamén Fernández Rocha de que mañá a Xunta de Goberno Local adxudicará de xeito definitivo as obras de arranxo de beirrarúas en Calvo Sotelo, fronte ao Liceo Casino, e na baixada á Mariña. Teñen un orzamento de 60 mil euros que o concello sufraga de fondos propios.

Corta de árbores

    Con respecto á corta de árbores que se está a realizar na beira do río fronte aos clubs de remo e piragüísmo o alcalde de Tui informa que son uns traballos que está a acometer a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural. Este departamento da Xunta está levando a cabo a limpeza de todo o talude de río dende a Ponte Internacional. Segundo a información que ten o mandatario municipal os técnicos da Dirección Xeral están a cortar as árbores non autóctonas que serán substituídas por exemplares de especies autóctonas. 

 

Hoxe, venres, inaugúrase a exposición “De puertas adentro” da artista tudense Nuria Figueiredo

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, acolle hoxe venres, 18 de decembro, a inauguración da exposición da creadora tudense Nuria Figueiredo que amosa por vez primeira as súas creación neste espazo municipal.

Nuria Figueiredo está rematando aos seus estudios en Belas Artes, iniciados na Facultade de Pontevedra e completados na actualidade na correspondente Facultade da Universidade de Bilbao, e presenta nesta exposición unha mostra da súa produción que recolle o traballo realizado nos últimos tres anos.

 “O proxecto que presento nesta exposición é unha busca e encontro de espazos que xorden a partir da lembranza de espazos reais e espazos inventados, cos que tento construír diferentes atmosferas”, así explica Nuria Figueiredo esta mostra.

Prosegue a autora “interésame o volátil, o cambiante, a inmediatez, as transparencias, o sutil… o resultado é unha abstracción que suxire, mediante formas fundamentalmente orgánicas, paisaxes poéticos que quedan suspendidos dentro dunha atmosfera flotante. Ao principios as pinceladas son azarosas, logo entra en xogo a consciencia do quefacer, pero todo o proceso creativo é un tira e afrouxa entre o azar, o inconsciente, o consciente, a casualidade, os formalismos estéticos, o aprehendido… unha mestura entre facer e deixar que se faga o cadro”.

Na obra que presenta Nuria Figueiredo e que abrangue tamén unha videocreación podemos atopar elementos que nos lembran aos seus artistas de referencia: Helen Frankenthaler, Georgia O’Keffem Gao Xingjian, Zobel, etc.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, con esta exposición que pecha o ano 2009 na Sala Municipal amósase o compromiso que leva adiante este espazo municipal pola promoción dos novos valores artísticos do noso municipio, ofrecendo aos mozos a posibilidade de amosar as súas creacións nun espazo de referencia, como é a Sala Municipal de Exposicións. Un compromiso que manterá esta concellería nas seguintes mostras a realizar.

Rodríguez Pérez expresa a súa satisfacción polo positivo balance deste ano 2009 no que esta Sala Municipal acolleu un total de 19 exposicións de variada temática salientando especialmente a exposición “A Divina Comedia” de Salvador Dalí que foi un importante acontecemento cultural.

Esta exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2010 na Sala Municipal de Exposicións (Edificio Área Panorámica – rúa Colón, 2).

 

María do Ceo ofrece mañá, sábado, un concerto de fados e panxoliñas

O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado ás 20h un concerto da cantante María do Ceo no que ofrecerá un repertorio integrado por fados e panxoliñas.  Este evento ten carácter gratuíto pero débense retirar as entradas, sen numerar, a partir das 18.30h no despacho de billetes, cun máximo de dúas por persoa. O Concerto está organizado pola Deputación de Pontevedra e a Concellería de Cultura de Tui.

Recén chegada de Arxentina e Uruguai onde ofreceu unha xira de seis concertos esta artistas nada en Porto, Portugal, pero afincada dende nena en Galicia fará vibrar ao público coa súa voz. Ela coma ninguén interpreta os fados da súa terra natal, unhas composicións que mesturará nesta ocasión con panxoliñas ante a proximidade do Nadal. No concerto fará un repaso dos principais temas dos oito discos que ten editados interpretando temas coma “Unha casa portuguesa”, “Habemos de ir a Viana”, “María la Portuguesa” ou as panxoliñas “La Navidad” e “O cuco”.

Esta é a penúltima actuación organizada pola Concellería de Cultura neste 2009 no Teatro Municipal de Tui. A programación desenvolvida ao longo do ano pecharase o próximo día 30 co tradicional concerto de Fin de Ano.

 

Feira de Antigüedades organizada por Acitui o sábado e o domingo

Os próximos días 19 e 20 de decembro terá lugar no paseo da Corredoira a V Edición da Feira de Antigüidades que ten lugar o terceiro sábado de cada mes en horario de 10.00 a 20.00 horas.

 Como novidade nesta edición, pola proximidade do Nadal, poderase  degustar chocolate con churros por un euro e  outros productos gastronómicos. Ademais,  contaremos coa presencia de Papá Noel e os seus bufóns que repartirán globos e caramelos entre os máis cativos.

            Esta iniciativa está organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, Acitui, en colaboración co concello de Tui.

 

Rueda anima ás entidades locais de Galicia e o Norte de Portugal a incrementar a cooperación en fronteira para ofrecer os mellores servizos aos cidadáns

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, animou onte ás entidades locais fronteirizas de Galicia e o Norte do Portugal a incrementar o deseño e a xestión de actuacións de cooperación en fronteira, co obxectivo de darlle un mellor servizo aos cidadáns e mellorar a súa calidade de vida.

Na inauguración en Tui da xornada de presentación dun proxecto transfronteirizo no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (Poctep), Alfonso Rueda destacou da modalidade de cooperación en fronteira que está moi apegada ao terreo e se desenvolve en eidos materiais concretos, como o cultural, o educativo, o deportivo, o de transporte ou o do uso conxunto de determinadas infraestructuras públicas.

A chamada cooperación en fronteira se realiza directamente entre a cidadanía portuguesa e a galega, apoiada polas administracións que están máis próximas aos individuos, xa que é levada a cabo institucionalmente polos concellos, as cámaras municipais, as parroquias ou as freguesías.

 “Se trata dunha vía que debe ser, non soamente explorada, senón decididamente impulsada por parte dos poderes públicos”, salientou o conselleiro, que destacou precisamente que a Xunta aposta claramente por esta vía de comunicación, como queda patente con actos como o realizado hoxe.

Unha vía de cooperación que, segundo explicou, “require máis da vontade política e de solucións imaxinativas que de cuantiosos programas de un elevado custe económico”, pese ao cal ofrece froitos facilmente perceptibles polo cidadán, “que de seguido se decata da utilidade que ten para a súa vida práctica”.

 “Trátase de facer cousas concretas que faciliten a vida diaria da cidadanía que viven nos territorios transfronteirizos”, engadiu o titular de Presidencia, que tamén advertiu de que tamén se trata de non perder nin un só euro dos que a Unión Europea pon á nosa disposición para a cooperación transfronteiriza

Poctep

Nese sentido, fixo especial fincapé no Poctep, o Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza destinado a promover o desenvolvemento das zonas fronteirizas entre España e Portugal, reforzando as relacións económicas e as redes de cooperación.

Nese marco foi seleccionado un proxecto entre Galicia e Portugal, cuxa actividade sobre Servizos institucionais comúns para o medio ambiente e para a ordenación do territorio foi presentada hoxe e que ten como misión fundamental o estudio da realidade dos equipamentos sociais, culturais e de ocio nas zonas transfronteirizas, con vistas á busca das similitudes, diferenzas e ás posibles opcións de complementariedade.

Entre os obxectivos do programa están aumentar a atracción da eurorrexión, desenvolver servizos comúns entre ambas rexións, crear instrumentos de xestión da cooperación de segunda xeración e promover o establecemento e consolidación de redes de cooperación intermunicipal nos campos da xestión, ordenamento do territorio, desenvolvemento empresarial e da integración social, entre outros.

 “Para este Goberno a cooperación con Portugal é un asunto estratéxico, que nos aporta unha vantaxe competitiva clave para o noso desenvolvemento económico”, concluíu o conselleiro, que tamén destacou a importancia na cooperación transfronteiriza que ofrece a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, que ata agora non era unha realidade e que comezará a funcionar en poucas semanas coa súa sede en Vigo.

Así, Alfonso Rueda aproveitou para anunciar que dende este mesmo momento, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial está a disposición das entidades locais para colaborar cos concellos e as cámaras municipais no deseño e xestión de actuacións de cooperación en fronteira.

 

Xoves, 17 de decembro de 2009    

Ata o 24 de xaneiro poderase visitar en Trisquel e Medulio  a XIII Mostra Colectiva de Nadal

A Galería Trisquel e Medulio (en Antero Rubín, 45, Tui) mantén aberta, ata o 24 de xaneiro a “XIII Mostra Colectiva de Nadal” que se enriquece cos fondos da galería, na que se ofrece a obra de preto dun centenar de autores, entre outros Laxeiro, Urbano Lugrís, Arturo Souto, Prego de Oliver, Colmeiro, Lodeiro, Sevillano, Abreu Bastos,  Xosé Luís de Dios, Vidal Souto, Lugrís Vadillo, Buciños, Xosé Cid, Xavier Cuíñas, Alfonso Sucasas, Xurxo Martiño, Roberto González, Xulio García Rivas e Silverio Rivas, por citar alguns autores de obra.

            A exposición pode visitarse de luns a venres, de 17 a 21 horas, e os sábados, de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas.

 

A Biblioteca Municipal de Tui promove unha campaña de reciclaxe de móbiles

Os veciños que queiran participar nesta iniciativa poden depositar o seu móbil en desuso (en funcionamento ou non) no punto de recollida habilitado situado na Biblioteca Pública Municipal (Edificio Área Panorámica) Colón, 2. Este punto de recollida estará operativo dende o 16 de decembro ata o vindeiro 15 de xaneiro. O teléfono deberase entregar coa batería pero sen o cargador, a tarxeta SIM ou calquera outro elemento.

Con esta iniciativa da Biblioteca Municipal tudense súmase a campaña “Mobilízate pola selva” e contribúe a promoción de actitudes medioambientais e sostibles entre a poboación. Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez, a participación da Biblioteca nesta campaña forma parte do seu traballo de promocionar a información entre os nosos veciños, promovendo  valores, como neste caso, o respecto ao medio ambiente e a sosteniblidade, baseados na reciclaxe e na reutilización.

As persoas que depositen os seus móbiles no punto de recollida poden cubrir unha etiqueta prefranqueada para participar nun sorteo mensual ou recibir un agasallo directo de apadriñamentos “Chimpamigos”.

Na actualidade, a taxa de reciclaxe de móbiles é inferior ao 5% e, por outra banda, tan só en España existen máis de 52 millóns de liñas telefónicas. A este número hai que engadir todos aqueles aparatos que se cambian e que os cidadáns gardan ou tiran ao lixo. Toda esta cantidade de teléfonos, xunto con outras tecnoloxías como os ordenadores ou as consolas, fabrícanse con coltán. Este é un mineral que se extrae na República Democrática do Congo con man de obra semiescravizada onde, ademais, se destrúen os hábitats de moitas especies africanas tales como os chimpancés e os gorilas.

A reciclaxe de móbiles axuda a reducir a demanda dos seus compoñentes, entre eles o coltán, e a tratar adecuadamente os materiais tóxicos evitando así a degradación do medio ambiente. Fonebank, a entidade que trata a reciclaxe dos móbiles, aportara unha parte do valor dos terminais ao Instituto Jane Goodall; polo que esta iniciativa axuda a recadar fondos para os programas de educación e de conservación no Congo, como o que esta levando a cabo o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga.

A iniciativa do Instituto Jane Goodall (IJG), conta en Galicia coa colaboración do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e a Obra Social Caixa Galicia. Mobilízate pola selva é unha campaña que se está a desenvolver por distintos puntos de toda Galicia (concellos, centros educativos, entidades bancarias,...) e que se puxo en marcha tras a sinatura dun convenio de colaboración entre CEIDA e o Instituto Jane Goodall. O IJG fundouse en 1977 pola afamada primatóloga e naturalista inglesa Jane Goodall, que visitou Galicia o pasado mes de maio. O IJG, implantado en trinta países do mundo, leva a cabo diferentes programas de investigación e conservación en África, destacando o Parque Nacional de Gombe en Tanzania, o Centro de Recuperación e Reserva de Tchimpounga (República do Congo), o santuario de Ngamba Island (Uganda) e outros en Guinea, Senegal, Gabón e Sudáfrica. O IJG implica á poboación local para desenvolver os seus proxectos.

 

Xornadas culturais na Galería “Trisquel e Medulio”

    A Galería de Arte "Trisquel e Medulio" organiza dúas xornadas culturais  no Barrio de San Domingos de Tui, patrocinadas pola Concellería de Cultura de Tui e a Galería de Arte "Trisquel e Medulio".

    Mañá venres ás 20h, na galería "Trisquel e Medulio", terá lugar unha charla sobre cine de animación titulada "O cine de animación con plastilina" . Correrá a cargo dos realizadores Virginia Curiá e Tomás Conde, que proxectarán a curtametraxe realizada por eles "O Soldadiño de Chumbo", premiada en varias mostras de cine de animación e da que son autores. Amais irán debullando polo miúdo os segredos desta tan laboriosa como valorada técnica, coñecida tamén como "Stop-Motion".

    O sábado, ás nove da noite, na Igrexa de San Domingos de Tui, terá lugar un concerto a cargo do Grupo Vocal Santa Eulalia de Mos, que baixo a dirección de Aloia Martínez, presenta un repertorio que é un percorrido coral por diferentes épocas e estilos da música europea, con obras renacentistas, barrocas, populares e contemporáneas.

  

As Amas de Casa de Tui celebran as festas no Parador

    Mañá venres  a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Tui, celebrará a súa tradicional festa de Nadal.

    Nesta ocasión, a Asociación trasladou o evento ao Parador de Turismo de Tui, onde celebrarán unha Merenda de Nadal cunha importante asistencia das súas asociades.
    Esta nova actividade organizada desde a asociación reunirá a máis de 130 persoas e servirá para despedir un ano repleto de cursos, actividades e proxectos. O servizo inclúe unha suculenta merenda elaborada, especialmente para a ocasión, polo equipo de cociña do Parador de Tui.

    Durante o evento, e por cortesía do Parador de Turismo de Tui e doutros establecementos colaboradores da localidade, celebrarase un sorteo de agasallos entre todos os asistentes.

 

Mércores, 16 de decembro de 2009    

A Biblioteca Pública Municipal de Tui presenta o espectáculo “Un Nadal cheo de contos”

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle o espectáculo de contacontos “Un Nadal cheo de contos” da agrupación “Tarabelos”. A representación farase mañá, xoves, ás 17.30 horas para disfrute de tódolos rapaces que queiran acudir. Será nas dependecias da Biblioteca Municipal ubicada no Edicifio Área Panorámica (c/Colón nº2), onde nas últimas semanas as actividades infantís está a acadar unha grande participación, ata encher a Sala Féliz Rodríguez en diversas ocasións.

A compañía Tarabelos, de Marín, mestura diversos elementos para facer unha "narración ilustrada", utilizando títeres, teatro de sombras, escenarios e outras técnicas teatrais para ilustrar a narración do contacontos. Os guións, a escenografia e a creación de títeres e outros corre a cargo de Esteban Acuña.

Os contos que poderán ver e escoitar os cativos de Tui son "Canción de Nadal", de Charles Dickens, (Ilustrado con títeres de luva, pompas de xabón e outros) e "O primeiro día do Nadal", da Biblia, (Ilustrado con disfraces da época e cos propios nenos que fan un Belén vivente). O espectáculo vai dirixido a rapaces a partir de tres anos e ten unha duración aproximada de 50 minutos.

Con esta actividade comeza a programación do “Nadal con libros” da Biblioteca Pública Municipal tudense que abrangue novas actividades nos vindeiros días 22 de decembro, coa representación da obra “Un conto de sempre” por Títeres Cascanueces, e diversas proxeccións de obras de animación para os cativos os días 29 e 30 de decembro e 4 de xaneiro.

 

Una proyección en San Paio recordará el encuentro de Benito P. Coussent con sus alumnos tudenses

    La asociación Levada Libre está realizando una  campaña de sensibilización sobre el  Proyecto de restitución del busto de Sócrates” en la avenida del antiguo instituto, y la labor pedagógica hecha por el  profesor de dibujo y arte que ejerció en el antiguo San Pelayo, en el  período 1934 - 1936, Benito Prieto Coussent. Hoy se proyectará, a las 17.00 horas, en el salón multiusos del Instituto San Paio de Tui, y para los que fueron sus alumnos en los años 1933-1936, un vídeo  sobre la visita  de su profesor Benito Prieto Coussent a esta ciudad y el encuentro que mantuvo con ellos.

 

Inauguración da Exposición de pintura de Nuria Figueiredo

            O venres, día 18, a Sala de Exposición da Área Panorámica de Tui inaugura a exposición de pintura de Nuria Figueiredo “De puertas adentro”. Este acto comezará ás 20.30 horas e a mostra poderá visitarse ata o 8 de xaneiro, inclusive.

 

Martes, 15 de decembro de 2009    

Aviso da ANPA de Rebordáns

    A ANPA de Rebordáns informa que o pasado venres fixeron entrega dos carnés desta asociación que dan dereitos aos descontos de ACITUI. Pero por erro algúns carnés levan coma data de caducidade outubro de 2009. Por este motivo pregan aos pais que revisen os carnés e no caso de que estea mal a data llo entreguen á directiva da ANPA ou no CEIP de Rebordáns para que lles fagan un novo.

 

Actividades de Nadal na Catedral de Tui

    Son varias as actividades que ao longo destas festas están preparadas na Catedral organizadas polo Cabildo Catedralicio coa colaboración da Asociación de Amigos da Catedral de Tui, o Concello e Caixanova.

    Por unha parte convocan o sétimo Concurso de Corais cuxo prazo de inscrición abriuse o pasado sábado, esa xornada completáronse ás seis corais que poden participar.

    Participarán a Agrupación Musical do Rosal, a Coral Polifónica de San Mamede de Zamáns, a Agrupación Coral Polifónica de San Blas de Budiño, o Coro Apostol Santiago de Vigo, o Coro Asociación Beiramar de Vigo.  O primeiro premio é de 700€, o segundo de 500€ e o terceiro de 300€.

    O 4 de xaneiro terá lugar o décimo segundo Concurso de Panxoliñas ás cinco da tarde. E á mesma hora fallarase o décimo segundo Concurso de Beléns.

    No Concurso de Panxoliñas poderán participar todos os nenos e nenas menores de idade. Deberán interpretar 3 panxoliñas. Os premios son de 300€ o primeiro, 200€ o segundo, e 100€ o terceiro.  O prazo de inscrición está aberto até o 22 deste mes.

    Mentres no Concurso de Beléns está aberta a participación de quen o desexe de toda a Diócese, tanto de xeito individual coma colectivo. Débense montar sobre un taboleiro de madeira ou superficie ríxida dun metro de lado, e colocalos na Catedral antes do 22 deste mes. Os premios neste caso son tres de 300, 200 e 100€. Amais o xurado poderá outorgar catro accésit de 25 euros.

    Debido a estas actividades e a exposición de Beléns do Mundo que se instala na Capela das Reliquias, e ao Belén Monumental que se colocou diante do Retablo da Expectación, fan que  se acheguen até o templo numerosas persoas.

 

Un premio de 14 acertos repartido pola Administración de loterías do Centro Comercial Haley de Tui

    A sorte recalou un vez máis en Tui. Nesta ocasión foi unha Quiniela de 14 selada na Administración nº3 situada no Centro Comercial Haley de Tui. O acertante destes catorce resultados, un veciño do Baixo Miño, validou un boleto de dúas apostas manuais, polo que levará case 35 mil euros de premio.
    Este é un novo premio de máxima categoría validado en Tui nas administracións nº2 e nº3 da cidade rexentadas pola familia Sánchez Cardell. Neste caso o noticiable non é tanto a cantidade ou o valor do premio senón o feito de que Tui é probablemente o municipio de España no que máis premios de máxima categoría foron repartidos segundo comenta Juan Antonio Sánchez Cardell, representante destas administracións.

    Ao longo deste ano algún dos grandes premios caídos en Tui foron un Pleno ao 15 de case 900 mil euros fai unhas semanas; en setembro a Quiniela deixou na cidade máis de 200 mil euros; en abril a Bonoloto repartiu 100 mil euros, e en febreiro un Pleno ao 15 deixou un premio superior aos 100 mil euros.

    Desde a administración do Centro Comercial Haley de Tui cren que a sorte continuará na cidade durante estas festas cando se celebrarán os Sorteos Extraordinarios de Nadal e do Neno. Confían así que aos premios da primitiva caídos no municipio se sume tamén un importante premio da Lotería Nacional. “É unha débeda que ten connosco a Lotería Nacional” di Juan Antonio Sánchez quen recorda que tanto a Administración de Loterías nº2 como a nº3 de Tui continúan á venda os últimos décimos para estes sorteos.

 

Cortado o acceso a autovía en Areas por obras

    Onte estivo cortado o acceso á autovía en Areas por obras. Por este motivo o tráfico con dirección á Vigo foi desviado polo centro urbano o que provocou puntualmente ao longo da xornada retencións nalgúns puntos coma o cruzamento entre a rúa Augusto González Besada e Colón. É posible que a situación se repita hoxe.

 

O Comercio Xusto chega a Tui

    Solidariedade Internacional de Galicia comeza este mes de decembro a súa nova campaña educativa Non te Consumas, que terá lugar en varios centros de ensino de toda Galicia.

    Son 1.200 millóns de persoas as que malviven con menos de 77 céntimos de euro ao día e 2.800 millóns subsisten con menos de 1,5 euros ao día. A maioría son mulleres. Persoas que en  moitas ocasións manufacturan os produtos que nos consumismos,  por iso a necesidade  de educar nun consumo responsable.

    Educadoras e educadores de Solidariedade Internacional de Galicia percorreran a nosa comunidade autónoma para traballar nos distintos centros educativos.

    Non te Consumas pretende sensibilizar ao alumnado e o profesorado sobre as consecuencias que ten o noso consumo a nivel social e medioambiental,  mostrando as desigualdades e os desequilibrios que crea un modelo de consumo sen límites e sen prantexamentos éticos e concienciando sobre a importancia que ten o papel do consumo na economía e no noso entorno, a nosa responsabilidade como consumidoras/es e a nosa capacidade  para indicir no mercado  e na sociedade.

    Hoxe martes, 15 de decembro, educadoras de Solidariedade Internacional de Galicia realizaran obradoiros educativos no IES San Paio de Tuí, co alumnado de 2º da ESO dende as  ata 8:45 ata as 14:25.

    Ás 12:25 inaugurarase un posto de Comercio Xusto, que estará xestionado polo propio alumnado do centro educativo como unha alternativa  para un consumo máis responsable, xusto, social e ecolóxico. O Comercio Xusto é  un sistema de comercialización promovido en Galicia por distintas entidades, entre elas, Solidariedade Internacional de Galicia.

    As rapazas e rapaces do IES San Paio de Tuí,  xunto co seu profesorado, traballarán  a través de diferentes dinámicas o concepto de consumo responsable e o de Comercio Xusto. 

 

O BNG presentou no rexistro do concello de Tui interesándose polos verquidos na contornas do campo de Fútbol de Ribadelouro

O BNG de Tui, tendo coñecemento de que existen varios vertedoiros de escombro no entorno do Campo de fútbol de Ribadelouro, e sabendo con certeza que alí se producen vertidos na actualidade, instou ao Goberno do Partido Popular de Tui a que verifique se a actividade de verter toneladas de escombros no lugar é legal ou ilegal.

O BNG de Tui tamén solicitou do Concello que, de ser ilegais estes vertidos, se tomen as medidas oportunas, en primeiro lugar, para que deixen de realizarse e, en segundo termo, para que se limpe a zona de escombros e se devolva ó monte de Ribadelouro a unhas condicións medio ambientais básicas.

 

Sábado, 12 de decembro de 2009  

Rotura na tubaxe de Gas na rúa Rosa Bahamonde

    O xoves ás catro e cuarto da tarde produciuse unha rotura na tubaxe de Gas na rúa Rosa Bahamonde. A mesma tivo lugar coma consecuencia das obras que se están a realizar neste rúa, cando os operarios que manexan un mapa onde non figura a instalación de gas picaron unha tubaxe. De inmediato púxose en marcha un dispositivo de seguridade para tentar evitar calquera dano.

    Segundo explicaba a Policía Local de Tui acordoouse a rúa e deuse aviso aos veciños dos edificios lindeiros que pechasen as ventás. Coma consecuencia desta rotura Gas Natural cortou o subministro a todo Tui para así baleirar esta tubaxe. Até o lugar achegouse unha dotación do Parque de Bombeiros Comarcal que con auga pulverizada evitaron que o gas se expandise. Até o lugar desprazouse tamén Protección Civil de Tui.

    O acceso á rúa Rosa Bahamonde dende Augusto González Besada permaneceu pechado até pasadas ás sete da tarde debido a presenza dos camións dos bombeiros. Onte á tarde quedou restablecido o subministro de gas na zona, e afortunadamente todo quedou nun susto.

 

Tui ilumínase para o Nadal

    Tui loce xa o alumeado de Nadal que foi acendido o pasado martes, 8 de decembro, e que iluminará a cidade nestas datas até o 6 de xaneiro. Un ano máis o alumeado é espectacular e chama a atención tanto dos tudense coma dos visitantes da cidade.

    O concello investiu neste alumeado 48.546 euros considerando que o mesmo repercute favorablemente no comercio local coma explicaba o Concelleiro de Cultura e Facenda, Moisés Rodríguez.

    En total instaláronse 132 arcos ou motivos en case unha trintena de rúas da cidade. Nos mesmo empréganse lámpadas led que consumen un 80% que a bombilla tradicional, co que se baixa significativamente o consumo eléctrico. Compre salientar que este ano incrementáronse o número de rúas iluminadas cara a zona nova da cidade. Estrelas e anxos dominan nos motivos colocados, que se complementan coa iluminación das árbores do Paseo da Corredoira con pequenas bombillas e con outras que semellan estrelas fugaces. Un ano máis chama a atención o Palco da Música, ou o abeto situado na intersección entre o Paseo da Corredoira e a Avenida da Concordia con máis de 200 estrelas de microlámpadas.

    A iluminación navideña vén acompañada amais de ambientación musical nas rúas, o que contribúe a ambientar estas datas.

    Moisés Rodríguez destaca que “o alumeado sorprendeunos a todo” eloxiando a súa vistosidade. Fixo fincapé que pese a situación de crise consideran que o alumeado de Nadal é un investimento que repercute positivamente no comercio local  e no ambiente da cidade afirmando que “eu creo que é necesario”.

 

Tui distingue hoxe aos seus deportistas máis destacados

Hoxe, sábado, terá lugar a entrega das placas e talóns ós deportistas tudenses que meiores resultados obtiveron no ano 2009.

Tal e como recolle o acordo unánime da Corporación Municipal no pleno celebrado o 29 de outubro, os deportistas galardoados son: Manuel Garrido Barbosa, placa e 1000 €; Nuria Domínguez Asensio, placa e 1000 €; Roberto Rodríguez Lechuga, placa e 500 €, e Adrián González Fernández, placa e 500 €.

Os clubes premiados son o Club Remo do Miño, placa; Club Disom-Tui, placa, e

Club Kayak Tudense, placa.

O acto intitucional, levarase a cabo no Salón de Plenos da Casa do Concello, comezando ás 13 horas.

Espero contar ca vosa presenza e que fagades público nos vosos medios ista noticia.

Si tedes algunha dúbida podedes poñeros en contacto con Angel Alonso no tlf. 622 123 660.

 

Curso de formación de formadores en mediación xuvenil para unha conducción responsable

Prevención dos accidentes de tráfico no ámbito xuvenil: Estratexias de intervención

Obxectivos:

O curso DE FORMACIÓN DE FORMADORES EN MEDIACIÓN XUVENIL PARA UNHA CONDUCCIÓN RESPONSABLE.ten como obxectivo o de contribuír á  formación específica de persoas que traballan no ámbito da xuventude co fin de capacitalos para formar a mediadores xuvenís en condución responsable.

Así mesmo capacitar aos participantes no curso para impartir charlas e talleres de sensibilización a xuventude para unha condución responsable sen consumo de alcol ao volante.

Contidos:

1.-  Os accidentes de tráfico: a magnitude do problema

2.-  Dinámica dun impacto e consecuencias para as vítimas.

3.-  A condución: unha tarefa de toma de decisións.

4.-  Aptitudes e capacidades básicas para unha condución segura.

5.-  Os grupos de risco.

6.-  Os factores de risco: a velocidade.

7.-  Os factores de risco: o alcohol

8.-  Os factores de risco: as drogas.

9.-  Os factores de risco: as enfermidades e os fármacos.

10.-Os factores de risco: o soño.

11.-Os factores de risco: a fatiga.

12.-Os factores de risco: o estrés.

13.-Seguridade activa e pasiva.

14.-A condución preventiva

15.-Actuación en caso de accidente de tráfico.

16. A importancia do cumprimento das normas de tráfico.

Metodoloxía:

O curso ten unha fase teórica de 15 horas presenciais e desenvolverase cunha metodoloxía activa e participativa.

Destinatarios:

Preferentemente profesionais que traballan coa xuventude nas casas da xuventude e nos centros de información e orientación  especializado.

No caso de haber prazas vacantes poderán acceder todas as persoas interesadas na temática.

Duración: 20 horas.

Nº de horas presenciais. 15

Nº de Prazas: 20

Lugar  e datas de celebración:

CASA DA XUVENTUDE DE TUI

LUNS 11, 18 E 25 DE XANEIRO DE 16.30 A 21.30 HORAS

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:

As solicitudes presentaranse na Casa da Xuventude.

O prazo rematará tres días antes de comezar o curso.

CERTIFICADO DE ASISTENCIA:

Os alumnos que rematen o curso con rendemento satisfactorio expediráselle un certificado de asistencia da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

 

Venres, 11 de decembro de 2009  

O Concello de Tui solicitará a apertura dominical dos comercios

    O Concello de Tui vai tramitar ante a Consellería de Innovación e Industria a declaración de todo o municipio coma zona de “gran afluencia turística” aos efectos de aplicación do réxime especial de horarios previsto na Lei de horarios Comerciais. O que se pretende con esta declaración é lograr a aplicación da liberdade horaria que permitiría aos establecementos ubicados no termo municipal de Tui abrir durante todo o ano os domingos e festivos de dez da mañá a doce da noite.

    Para presentar esta solicitude ante a Consellería é preciso un acordo plenario neste senso, que debe ser remitido a súa vez á Cámara de Comercio, á Asociación de Comerciantes de Tui, á Asociación de Amas de Casa e Consumidores, ás organizacións sindicais máis representativas e ao Departamento de Secretaría do Concello.

    Para presentar esta solicitude o Concello xustifica que Tui sexa unha zona de “gran afluencia turística” tendo en conta por unha parte que ten unha poboación superior aos 18 mil habitantes, e que é cabeceira da comarca do Baixo Miño exercendo tamén a súa influencia nos municipios do Porriño, Salceda e Salvaterra. A todo isto engaden os recursos patrimoniais do conxunto histórico tudense e os recursos medioambientais do Parque Natural do Monte Aloia e do río Miño, incluído na Rede Natura 2000. Lembran tamén que a Xunta declarou a Tui coma “municipio turístico” e que as festas de San Telmo son “festas de interese turístico”.  A xustificación da declaración de Tui coma zona de gran afluencia turística continúa coa condición fronteiriza da cidade o que se traduce en gran afluencia de visitantes do país veciño ao longo de todo o ano e en especial nas temporadas de Nadal e Pascua.

    Por todo isto o Concello xustifica a gran afluencia á cidade e solicita a liberdade horaria para os establecementos comerciais.

 

Este domingo celébrase a novena edición de “Os nosos Fariñeiros”

    Este domingo parece que por fin terá lugar a novena edición de Os Nosos Fariñeiros Burros e Muíños. Esta actividade tivo que aprazarse repetidamente debido ao mal tempo, pero para este domingo a previsión é boa.

    A cita comeza ás 10.30h coa saída do Parque Infantil de Circos cos fariñeiros e un grupo folclórico até o muíño da ponte.  Ás 11.15h haberá muiñada e degustación de papas de millo no muíño da Devesa de Abaixo, continuarán con xogos populares e degustación gastronómica de produtos típicos. Ás tres e media da tarde farán entrega dos premios aos mellores traxes de muiñeiros, á mellor espiga do país, haberá xogos infantís e queimada.

    Organiza esta actividade a Asociación de Muiñeiros do río Tripes.

(Ver cartel-programa)

 

Xoves, 10 de decembro de 2009  

Yllana cumpriu espectativas e echeu o teatro municipal

Cheo total, o pasado domingo, no Teatro Municipal de Tui coa representación de Brokers por parte da compañía madrileña Yllana, que conseguiu esgotar todas as localidades postas á venda tanto en internet coma no despacho de billetes. Foron dúas horas nas que Fidel Fernández, Antonio Pagudo, Toni de la Fuente e Luís Cao fixeron desternillarse ao público de risa coa súa crítica do mundo das altas finanzas.

Dende o primeiro momento e até o final do espectáculo as gargalladas soaron no Teatro con cada sketch dos Yllana onde repasaron os tics máis habituais dos agresivos homes de negocios cunha hilarante crítica.

Ao remata da representación os membros do Yllana agradeceron ao público a súa magnífica acollida manifestando sentirse “coma na casa” á hora de actuar.

 

Homenaxe aos deportistas con éxitos internacionais este sábado

    Este sábado, 12 de decembro, á unha do mediodía, terá lugar na Casa do Concello de Tui a homenaxe aos deportistas tudenses que na pasada temporada acadaron éxitos internacionais. Deste xeito cúmprese co acordado polo pleno o pasado mes de outubro.

    Os galardoados son:

    Manuel Garrido Barbosa pola medalla de ouro no Campionato do Mundo de Piragüísmo na modalidade de maratón en c1 sub-23. Tamén logrou o Campionato de Europa na mesma modalidade. Recibirá placa conmemorativa e mil euros

    Nuria Domínguez Asensio pola medalla de ouro en remo Skiff feminino nos XVI Xogos do Mediterráneo. Recibirá placa conmemorativa e mil euros.

    Amais outorgaráselle placa conmemorativa e 500 euros a :

    Roberto Rodríguez Lechuga  medalla de ouro en k4 sub-23 no Campionato de Europa de Piragüísmo.

    Adrián González Fernández, medalla de ouro no Campionato de Europa de Maratón de Piragüísmo en c2 junior.

    A corporación acordou tamén facer entrega dunha placa conmemorativa en recoñecemento ao seu traballo ás entidades deportivas Club Remo do Miño, Club Kaiak Tudense e Club Di-Som Tui.

 

O Telecentro de Comunicación de Tui acollerá a presentación dun titorial sobre formación en liña e a distancia

    O Telecentro de comunicación de Tui, ubicado na Área Panorámica, acolle hoxe xoves, 10 de decembro, a presentación dun titorial sobre formación en liña e a distancia co que o Centro Multimedia de Galicia, dentro da campaña Comunícate, pretende dar a coñecer aos usuarios dos distintos telecentros de comunicación os recursos existentes neste eido.

    No titorial, que quedará accesible ao público dende a súa presentación no TC, detállanse os principais conceptos e ofrécese unha explicación detallada das ferramentas de formación en liña e a distancia máis habituais.

    Os titoriais foron creados dentro do programa Comunícate, co obxectivo de facilitar aos usuarios dos telecentros de comunicación (colectivos, asociacións, etc…) determinadas funcionalidades e potencialidades que se poden realizar dende os mesmos.

    A través da campaña Comunícate preténdese dar a coñecer todas as posibilidades que ofrecen os telecentros de comunicación para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.

    O obxectivo de Comunícate é que os telecentros de comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía.
 

Chove sobre mollado na “Ponte de Magnolia”

    Esta fin de semana volveu chover sobre mollado na coñecida en Tui coma “Ponte de Magnolia” ao final da Avenida da Concordia.

    No que levamos de outono-inverno cada vez que chove con certa intensidade este vial córtase ao tráfico ante a acumulación de auga que se produce. O pasado sábado a estrada estivo cortada en repetidas ocasións, e a situación volveuse producir o domingo. O corte deste vial obriga a desviar o tráfico polo Anxo ou pola Veiga do Louro tanto para entrar coma para saír do centro urbano.

 

Sábado, 5 de decembro de 2009  

Actuación do Grupo de Música Popular da Feitosa

            A Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, presenta mañá, entre as 18 e as 20 horas, a actuación do Grupo de Música Popular da Feitosa como un xeito de apoiar ao comercio local na súa apertura dominical.

Todos os tudenses e veciños que se acheguen á cidade cidade monumental de Tui poderán disfrutar do folclore e tradición deste Grupo portugués que amosará a súa arte polas rúas da cidade.

 

Concerto o luns en Paramos

        O grupo “A nosa xente” vai actuar o luns ás 19.30h no Centro Cultural Laxes de Paramos presentado novos temas.

 

I Concurso de Nadal adornos nas fachadas e balcóns en Riomuíños

    A Asociación de Veciños de Riomuíños convoca o I Concurso de Nadal de adornos nas fachadas e balcóns do barrio. O que resulte máis fermoso ou orixinal terá coma premio “Unha cesta de larpeiradas do Nadal”.

 

O BNG cualifica de escándalo conceder 7.200 euros a dous bolseiros do concello

O BNG de Tui  denunciou no derradeiro Pleno da Corporación o que considera despropósito do goberno do PP local, co silencio de Capón e Acción Tudense nun feito que cualifican de gravísimo: a concesión, mediante un Decreto asinado polo alcalde, unha Beca de axuda a 2 alumnos de Tui que están matriculados na Escola Gallaecia de Vila Nova de Cerveira en Portugal, por importe de 7.200 €, é decir, 3600 € por alumno (Decreto 1034). Escola que ademais é privada.  Curiosamente no Decreto 1035, o Alcalde asina as axudas deste exercicio para as becas de estudo para o Conservatorio de Grado Medio e a Escola de Música de Tui, en total 5000 € a repartir entre tódolos alumnos de Tui (varias ducias), o que fai que tendo a matrícula máis cara de Galicia, supoña unha axuda de 50 ou 60 € por alumno. Así, subliñan desde o BNG, se defende o ensino público: Dous alumnos que se levan 7.200 €, e no Conservatorio a velas vir, iso é apoiar aos cidadáns e aos servizos municipais.

 

 

Venres, 4 de decembro de 2009  

Medio Rural invitará a tódolos centros da provincia a coñecer a Aula Forestal do viveiro de Areas en Tui

      A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra invita, a través da xefatura de Medio Rural, a tódolos centros educativos da provincia a que coñezan a Aula Forestal do Viveiro de Areas en Tui.

      O obxectivo destas visitas é dar a coñecer a actividade didáctica e divulgadora que desenvolve esta aula centrada no medio forestal entendido como unha natureza nova e dinámica que ocupa a meirande parte da superficie do noso país, e tamén como unha cultura coa cal se identifica a sociedade actual.

      A Aula Forestal do Viveiro de Areas ofrece atractivos módulos interactivos e xogos dedicados aos sons e sinais dos animais do bosque, efectos erosivos dos lumes forestais, colonización das árbores segundo a altitude do terreo, que engaiolan aos máis cativos. Ademais tamén contén interesantes mostras vexetais e animais.

      As actividades consistirán en visitas guiadas, de entre 60 e 30 alumnos, polos monitores da área nas propias instalacións e pola finca de 12 hectáreas con parcelas de cultivo de especies autóctonas galegas, parcelas de experimentación e outras de tipo ornamental con curiosas árbores centenarias.

      O pasado ano máis de 4.000 rapaces visitaron xa estas instalacións.

 

O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio para o funcionamento do centro neuropsicopedagóxico ‘O Pelouro’, en Tui

O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura do convenio para o funcionamento e reserva de prazas para alumnado no centro neuropsicopedagóxico ‘O Pelouro’, durante o curso 2009/2010. Mediante este acordo subvenciónase a prestación do servizo público da Educación e a reserva de prazas para alumnado con trastornos de personalidade e conduta neste centro de Caldelas, en Tui (Pontevedra).

Serán  549.822 euros os que a Xunta de Galicia achegue para este fin. Así, a Consellería de Educación dá cumprimento ao establecido no Decreto 191/1988, do 21 de xullo, polo que se declara ‘O Pelouro’ como centro singular experimental de innovación psicopedagóxica e integración. Non en balde vén desenvolvendo desde 1973 a coeducación de escolares con necesidades educativas específicas, con e sen minusvalidez, mediante unha educación completa e integral da persoa, baseada na súa diversidade.

Con ensinanzas de Educación Infantil, Educación Especial e Educación Secundaria Obrigatoria, este centro presta ademais o servizo de internado que, grazas ao convenio, resulta totalmente gratuíto para o alumnado. Ademais, as cantidades aboadas pola Administración autonómica cobren gastos de persoal, funcionamento e material para o correcto desenvolvemento das pertinentes actuacións de educación integradora e interactiva.

Os rapaces e rapazas con necesidades de apoio educativo específicas conviven e aprenden en integración co resto do alumnado ordinario de ‘O Pelouro’, co obxecto de acadar o máximo desenvolvemento das súas potencialidades, no marco dunha comunidade educativa equilibrada. Esta atención desenvólvese en réxime de internado de diversos tipos, segundo as circunstancias familiares ou de terapia o aconsellen, procurando o réxime máis axeitado a cada alumno ou alumna e ás dinámicas de grupo adaptadas ás súas características.

 

O BNG en Tui presenta unha moción solicitando cubrir vacantes profesionais no centro de saúde da cidade

      O Centro de saúde de Tui sofre, dende hai xa bastantes anos, unha sobrecarga de traballo que non é satisfactoriamente resolta polas administracións públicas, segundo pensa o BNG, que engade que o hai varios problemas que preocupan especialmente nestes intres a traballadores e usuarios do Centro de Saúde tudense.

      Por unha banda, enumenran, o servizo de pediatría, tal e como manifestan dende o propio centro de saúde, está baixo mínimos “xa que habitualmente as enfermeiras e os pediatras dobran o número de nenos que se atenden noutros centros; sendo 1.400 nenos os atendidos mentres que para a Organización Mundial da Saúde a recomendación é que cada pediatra atenda como máximo a 800.

      Por outra parte, un segundo problema atinxe ao persoal do centro xa que cando algunha persoa deste centro se pon enferma non é substituída por ninguén o que provoca un incremento de traballo moi forte para os compañeiros do centro. Por poñer un exemplo, sinalan, unha médica leva mais de catro meses de baixa sen ter sido substituída por ningunha outra persoa provocando o incremento de pacientes para o resto dos doutores do Centro de Saúde.

      Por estas razóns o BNG de Tui presentou unha moción no Pleno de novembro, que debería ser debatida en decembro, na que insta ao concello de Tui a solicitar á Consellería de Sanidade a contratación dun novo pediatra para o Centro de saúde e a substitución do persoal sanitario cando este está de baixa.

 

Homenaxe aos Irmáns Maristas mañá sábado

    Mañá sábado ás doce do mediodía terá lugar no salón de sesións da Casa do Concello de Tui a entrega da Medalla de Ouro do Concello e diploma acreditativo aos Irmáns Maristas, dando conta así ao acordo plenario de recoñecemento dos 100 anos de presenza Marista na cidade.

    O encargado de recoller a medalla de mans do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, será o Superior Provincial da Provincia Maristas Compostela, que abrangue a zona norte de España, o irmá Primitivo Mendoza González.

    O irma Primitivo explicaba na Radio Municipal que a entrega desta medalla é motivo de ledicia porque deste xeito recoñécese o traballo destes 100 anos e a boa sintonía entre a cidade e os Irmáns Maristas.

    A presenza dos Maristas en Tui iníciase en 1909, logo de culminar unhas xestións iniciadas un ano antes para mercar unha casa cunha finca dunha hectárea para pór un seminario Marista. No mesmo formáronse mozos galegos e de Castela e  futuros Maristas que ían ir a Brasil e outros que ían traballar no Noroeste da Península.

    Logo conseguiron ter unha escola no centro do pobo, e a Casa de Formación transformouse en Noviciado Escolásticado con estudo de formación en Maxisterio, aberta tamén a mozos de Tui e arredores. Posterioremente a Escola de Maxisterio trasladouse a Santiago e logo a Salamanca. Até catro irmáns Maristas deron clase no instituto da cidade, e máis tarde de novo constituíse a escola na que estudaban Maristas e Seminaristas.Tras pecharse o edificio quedou un par de anos só cos irmáns da comunidade até que se abriu o Colexio Maristas Santa María.

  

Hoxe corte de auga

    O Servizo de Augas do Concello informa que hoxe venres vaise realizar un corte de auga dende ás 8 ás 10 da mañá para arranxar unha avaría. O corte afectará a rúa A Barca, Travesía Miño, Bispo Maceira, Praza Manuel Caramés e no Arrabal. Debido a que estas rúas son moi estreita vaise cortar tamén o tráfico polas mesmas.
 

O Centro Cultural San Fins celebra o seu Nadal Cultural

        Hoxe comeza en Rebordáns o Nadal Cultural organizado polo Centro Cultural San Fins. O grupo de Playbacks de maiores San Fins será o encargado de abrir e pechar as actuacións que comezarán ás nove da noite. Amais terán a presenza das canteiras e danza do ventre.

        Mañá sábado a partir das nove actuará o grupo de baile Rexional C.C. San Fins, un Rancho Folclórico de Portugal, o grupo de baile Rexional Muíños de Oliveira e o Grupo folclórico Arco da Vella de Lugo.

        O domingo as actuacións comezan ás cinco da tarde co grupo de teatro do C. C. San Fins. Logo actuarán os Cabaquiños de Vila Nova de Cerveira, a Coral Torneiros e a Rondalla de Pexegueiro.

        O programa continua o luns ás nove da noite co grupo de gaitas, as pandereiteras e o grupo latino San Fins. Ás once da noite actuará o grupo folk Xistra.

        O Nadal Cultural conclúe o martes co día dos nenos. A partir das cinco actuará o grupo de playbacks infantil San Fins e logo terán unha actuación especial para os cativos.

 

Xoves, 3 de decembro de 2009  

O Telecentro de Tui acolle o curso “Edición dixital de audio”

O Telecentro de Tui acolle o mércores, 16 de decembro, de 16.30 a 20.30 horas, o curso titulado “Edición dixital de audio”, cunha duración de catro horas e carácter gratuíto, tendo como obxectivo que os interesados poidan iniciarse na edición dixital de audio co ordenador. Os participantes coñecerán os diferentes formatos de audio dixital, aprendendo a editalos e manexalos, xestión de pistas de audio, sons, efectos e misturas.

Para poder asistir os interesados deben cubrir unha inscrición cos seus datos que poden atopar na Biblioteca Municipal, no propio Telecentro ou ben a través do correo electrónico enviando os datos á dirección biblioteca@concellotui.org.

Iniciación

O curso está destinado a usuarios con coñecementos de uso do ordenador, pero sen ningún coñecemento de ferramentas  de edición de audio. Hoxe en día é posible para calquera usuario realizar tarefas básicas de edición de audio cun acabado semellante ó profesional, coa simple axuda dun ordenador e programas libres e gratuitos.

O curso aborda maioritariamente a edición dixital de son, aínda que tamén abarca aspectos da edición analóxica de audio, precisamente porque existen contidos de ambos tipos de edición que teñen carácter compartido. O curso abarcará tanto explicacións teóricas coma exercicios prácticos. 

 

O concello de Tui entregará o sábado, día 12, os premios e distincións aos deportistas e clubs destacados en 2009

            O sábado, 12 de decembro, terá lugar a entrega das placas e talóns aos deportistas tudenses que conseguiron mellores resultados no ano 2009.

Tal e como recolle o acordo unánime da Corporación Municipal no pleno celebrado o 29 de outubro, os deportistas galardoados son: Manuel Garrido Barbosa, placa e 1.000 €; Nuria Domínguez Asensio, placa e 1.000 €; Roberto Rodríguez Lechuga, placa e 500 €, e Adrián González Fernández, placa e 500 €.

Os clubes premiados son Club Remo do Miño, placa; Club Disom-Tui, placa, e Club Kayak Tudense, placa.

O acto intitucional, levarase a cabo no Salón de Plenos da Casa do Concello comezando ás 13 horas.

 

Derrubo dunha casa en Guillarei

    A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística comezou antonte as tarefas de demolición dunha casa no barrio de Sobredo en Guillarei. Uns traballos que continúan esta mañá.

    Segundo informaba onte o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, á RMT, o inmoble obxecto de derrube foi construído coma reforma dunha vella casa de planta alta que se vira abaixo, pero na quen na obra nova non se respectaron os retranqueos e a mais carecía de licenza municipal. O rexedor tudense engadía que a obra non era en estes momentos legalizable co PXOM paralizado coma está xa que se atopa en zona de expansión.

 

Mércores, 2 de decembro de 2009  

Campaña informativa SIDA en Tui

    O Servizo de Prevención e Reinserción das Drogodependencias do Concello de Tui leva a cabo unha campaña informativa co gallo do Día Mundial da SIDA que se celebrou onte.

    Onte mesmo instalaron mesas informativas nos Institutos de Tui. Amais o Servizo de Prevención e Reinserción das Drogodependencias do Concello de Tui prepara para este fin de semana, en colaboración cos pubs de Tui, o reparto de 2000 preservativos, carteis, folletos, dípticos, postais informativas sobre esta enfermidade, amais de diverso material didáctico.

    Todos aqueles pubs que estean interesados en recibir material para a difusión desta campaña poden chamar o teléfono do Concello, ao 986 60 36 25, ou achegarse as oficinas de Servizos Sociais.

  

Debate sobre a Organización e Planificación Territorial en Galicia no Bar Aloia

    Mañá xoves ás sete da tarde terá lugar no Bar Aloia, no Paseo da Corredoira, un debate sobre “Organización e planificación territorial en Galicia” conducido polo profesor da Universidade Católica de Portugal, Antonio Calleiros.

    Na actualidade Antonio Calleiros dirixe e estuda proxectos de desenvolvemento territorial, e prepara na Universidade de Santiago un doutorado baixo o título de “Organización e planificación territorial en Galicia”. Precisamente o obxecto do debate de mañá xoves é recompilar distintas opinións e puntos de vista dos cidadáns que desexen participar. Os datos recabados serán empregados na teses “Planificación territorial e gobernabilidade no Noroeste peninsular”.

    Colabora na organización deste debate a Asociación de Comerciantes de Tui, ACITUI.

 

Yllana representa Brokers este domingo no Teatro Municipal

    A afamada compañía madrileña Yllana presenta este domingo, 6 de decembro, ás 20h, no Teatro Municipal de Tui o seu espectáculo Brokers. É unha comedia na que retratan o mundo das finanzas, nun universo de luxo e cartos, todo sen dicir nin unha soa palabra.

    Os protagonistas de Brokers son catro agresivos homes de negocios que perseguen o éxito en plena era consumista. Os seus tics culturais son o luxo, a fama, o poder, o narcisismo e o status.  Entran nunha carreira polo triunfo onde descobren os seus medos máis ocultos que provocarán ridículas e desternillantes situacións. Unha peluca loira será o seu elemento identificativo ao longo do espectáculo ao igual que as narices vermellas dos pallasos. Brokers conta cunha coidada banda sonora e unha impecable posta en escena

    Yllana creouse en 1991 coma unha compañía de humor xestual, levando a cabo os seus propios espectáculos, e producindo, distribuíndo e promovendo tamén montaxes doutras compañías.

    Os fundadores de Yllana son Juan Francisco Ramos, Marcos Ottone, David Ottone, Joseph O’Curneen e Fidel Fernández.

    Dende o seu comezo teñen producido quince espectáculos entre os compre destacar “666”, “Star Trip”, “Os mellores Sketches de Monty Python”, ou “Olimplaff”. Estas montaxes foron representadas en 29 países e foron vistas por máis dun millón de espectadores.  Os Yllana teñen no seu haber unha  longa lista de premios acadados tanto en España, Portugal, Alemaña ou Reino Unido.

    As entradas para Brokers están xa á venda na web www.culturatui.info até o domingo ás 16.30h, ou pódense mercar no despacho de billetes da Área Panorámica  o domingo dende ás 18.30h. Teñen un prezo de 7€, 5€ con descontos e para os menores de 12 anos.

 

Martes, 1 de decembro de 2009  

O concello de Tui entregará a súa medalla de ouro aos Maristas o próximo sábado, 5 de decembro

Este sábado, 5 de decembro, ás 12.00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello tudense terá lugar o acto solemne de entrega da medalla de ouro deste Concello a Orde dos Irmás Maristas, dando cumprimento ao acordo do Pleno da Corporación Municipal tudense do pasado mes de xuño.

Esta distinción foi acordada con motivo da celebración no presente ano do primeiro centenario da chegada á cidade deste instituto relixioso que salienta pola súa achega no ámbito educativo. Neste sentido, cómpre salientar que ata 1995 no seu centro da Lagoa estivo situado o centro de noviciado destes Irmáns de María no que recibiron formación milleiros de rapaces de toda España. Tamén neste inmoble entre os anos 1952 a 1963 estivo instalada a Escola de Formación do Profesorado “Luís Vives” e os Maristas mantiveron sempre a súa vocación educativa para a poboación tudense como testemuñan o colexio “San José” fundado no 1912 ou o actual Colexio Santa María en funcionamento dende 1996.

No decurso do acto o alcalde tudense, Antonio F. Fernández Rocha, entregará a medalla e o diploma acreditativo ao Superior Provincial da Provincia Maristas Compostela, que abrangue a zona norte de España, o irmá Primitivo Mendoza González, vinculado durante moitos anos á casa tudense e coñecido por moitos dos nosos veciños. Acompañaran ao provincial outros membros dos Maristas que tiveron especial relación co cidade tudense e que agora noutros destinos volven nesta efeméride a Tui para expresar o seu agradecemento e estima á cidade miñota.

O Concello de Tui convida a todos os veciños a participar neste acto institucional para expresar a gratitude desta cidade á vocación educativos desenvolvida polos Maristas na nosa cidade.

 

O concello de Tui entregará a súa medalla de ouro aos Maristas o próximo sábado, 5 de decembro

    A Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (Acitui), vén de renovar o pasado venres, 27 de novembro, o convenio de colaboración que mantén coas ANPAS “A Porteliña”, do colexio de educación infantil e primaria de Pazos de Reis; “Tide”, do centro rural agrupado; “Maristas”, do colexio maristas, “O Mencer” do colexio público de Rebordáns; “Randufe” do colexio de educación infantil e primaria de Randufe; “San Mamede”, do colexio de Guillarei;  “As Olivas”, do colexio Nº2, “Concordia”, do I.E.S.  Francisco Sánchez, e “Diomedes” do colexio Nº1, todos pertencentes ao concello de Tui.

    Este ano tamén se renovou o convenio con varias asociacions, entre elas Vontade, asociación de discapacitados do Baixo Miño; Asociación de veciños Virxe das Dores e a Asociación de veciños de Malvas.

    Este convenio que abranguerá ata o día 31 de Outubro 2010 consiste nun desconto nos productos e servizos que os comercios asociados a ACITUI que se adheriron a dito convenio, lles farán aos socios das ANPAS, para elo estes últimos tenrán que presentar  no establecemento un carné, que por unha parte aparecerá o seu nome e DNI e pola outra os nomes dos establecementos.

    Este ano renováronse mais de 3.000 carnés.

 

Cata de xenebras no Parador de Tui

    Onte á tarde tivo lugar no Parador de Tui unha Cata da Xenebras organizada por AGASU, a Asociación Galega de Catadoras. Deste xeito AGASU complementa a actividade e a formación dentro do sector a través de iniciativas orixinais e atractivas como esta.

    Neste caso, AGASU contou coa colaboración do Parador de Turismo de Tui, marco ideal para celebrar este tipo de eventos e que ofreceu as súas instalacións para o desenvolvemento da mesma.  Igualmente contou coa contribución de Redoma Calidade, empresa que ofreceu os produtos Premium que se degustaron durante a sesión.

    Participaron o Mestre Coctelero Daniel Fernández, quen descubriu aos participantes diferentes formas de aromatizar estas xenebras e presentou diversas combinacións do gusto dos asistentes.

    Á finalización da Cata, e por cortesía do Parador de Turismo de Tui e de Antonio Marques, de Redoma Calidade,  ofreceuse un Aperitivo maridado cos produtos catados, mostrando unha vez máis as múltiples posibilidades que ofrece o descoñecido mundo das xenebras.

 

O Club Remo do Miño – SETA segundo na Regata Internacional de Valença

    O Club Remo do Miño inicia a temporada cun brillante segundo posto na regata internacional de San Martiño celebrada na fin de semana en Valença de Miño.

    Esta regata, consolidada xa dentro do calendario da Federación Portuguesa de Remo, é a primeira da temporada, polo que, os equipos están aínda en plena preparación.
     O Club Remo do Miño presentou dous equipos: un de oito e un Catro Scull feminino mixto co club de Vilanova de Cerveira.

    O Oito realizo unhas excelentes eliminatorias. Os equipos saían de tres en tres, clasificándose o 1º e o 2º, para a seguinte manga, os remeiros tudense gañaron todas as súas regatas ata que chegaron á final, onde o Sporting club caminhense conseguiu a vitoria por unha estreita marxe. O Club Remo do Miño  presento un bote con algún cadete e xuvenís, xa que había catro remeiros titulares que por un ou outro motivo non puideron participar, Francisco Javier Álvarez, Jesús González, por lesión e enfermidade, André Carballo por estar facendo probas para a Selección portuguesa, polo tanto, de seguro que co equipo titular o resultado sería outro.

    En canto ao Catro Scull, as nosas féminas tudense, xunto ás de Cerveira, tamén fixeron unhas excelentes regatas, xa que gañaron as súas eliminatorias, quedando terceiras na final.

    Os resultados foron os seguintes:

     Oito con temoneiro absoluto.

    1º SPORT CLUB CAMIHENSE

      2º CLUB REMO DO MIÑO DE TUI (AFONSO RIVEIRO, MIGUEL MARTINEZ, DAVID PRADA, ISAAC PRADA, CRISTIAN FERNANDEZ, YAGO ESQUERDO, ANDRE GONZALEZ, JOEL ALVAREZ E COMO TEMONEIRO: DIEGO DÁS DOURES).
        3º SPORT CLUB DO PORTO.

    En canto aos resultados do Catro Scull

      1º CLUB FLUVIAL PORTUENSE

        2º SPORT CLUB CAMIHENSE

        3º CLUB REMO DO MIÑO/CERVEIRA JENIFER DÁS DOURES, THAIS MARTINEZ, ROGELIA MY MARILUZ

 

Andrés Carballo do Remo do Miño SETA seleccionado pola Selección Portuguesa

    Andrés Carballo do Club de Remo do Miño SETA foi seleccionado esta fin de semana pola Selección Portuguesa para integrarse no equipo olímpico portugués.  Andrés Carballo quedou segundo en todos os pesos lixeiros. Este sub 23 leva dous anos adestrando en Tui, e agora coa selección portuguesa terá a oportunidade de participar nos Xogos Olímpicos de Londres 2012. 

 

Samuel Diz logrou tres premios no mes de novembro

    O músico tudense Samuel Diz tivo un destacado mes de novembro ao lograr tres premios en diferentes certames celebrados ao longo da xeografía nacional.

    Así por unha parte no concerto que o pasado 11 de novembro Samuel Diz ofreceu Igrexa do Bo Suceso (Sevilla) para a Asociación Amigos da Guitarra “Juan Antonio Torres” recibiu a Insignia de Ouro do Curso de "Temas Sevillanos", Institución cultural recoñecida e galardoa pola Unesco. O xurado recoñeceu “a novel e exemplar entrega á arte da interpretación da música”.

    O 13 e 14 de novembro o guitarrista Samuel Diz participou no II Certame Internacional de Guitarra “Cidade de Llerena” en Badajoz. Aquí recibiu o terceiro  premio, sendo o primeiro premio para a alemá Linda Eberlein e o segundo premio foi compartido entre o español José Luís Morillas e o finlandés Oscar Somersalo.

    Por último o día 27 Samuel Diz recibiu o Segundo Premio no VIN Certame Internacional de Guitarra "Daniel Fortea" que se desenvolveu en Benlloch (Castelló). O gañador do Certame foi Jonghyeok Yoon, de Corea do Sur.