Índice

www.galiciasuroeste.info

 

 

Dolores Domínguez Pacheco

Lola

Por José A. Uris Guisantes

 

 

Outro aspecto do salón de actos, onde a partir de 1938 tiñan lugar ata seis Consellos de Guerra Sumarísimos. Fotografía de 2005, cedida por Xosé Mª González Alonso.

 

Agustín Moreira, Blanca Carrero, Juan Noya , Lola Domínguez e outros amigos na Romaría do Trega a comezos dos anos cincuenta.

 

O empresario local, Agustín Moreira Portela, sabendo na precariedade en que se atopaban a familia Noia Domínguez, resolve darlle traballo ó fillo maior Óscar en 1938, pasando a traballar na empresa de construción que montara seis anos antes, e un pequeno almacén de construción. Mais tarde montaría unha prensa para fabricación de terrazos ou baldosas.

 

Agustín tivo problemas seguidos como patrón de Óscar ca Garda Civil, Falanxe, e Policía, por non concibir estes que o fillo dun rojo huído e perseguido puidese atopar traballo na mesma Vila.

 

Entón Agustín, optou por enviar o rapaz a traballar en Tui e logo no almacén de Moreira y Cía. en Vigo. Óscar daquela  tiña 15 anos, xa en  Vigo foi interrogado pola Policía, onde lle dixeron que andase con coidado pois estaba sendo obxecto de vixilancia pola Falanxe.  Mentres súa nai Lola atopa traballo, como xa dixen, como cociñeira no Hotel del Tecla na rúa José Antonio.

 

Como anécdota direi que na visita oficial  do xeneral Severiano Martínez Anido (1938) como Ministro de Orden Público, foi invitado a un banquete no Hotel Pazo, o postre fora elaborado por Lola abaixo no Hotel del Tecla é cando o xeneral pregunta quen foi a pasteleira lle indican que fora  …la mujer de un rojo huído... segundo contaba Taxota, o postre non estaba envelenado porque de seguido volveu a solicitar outra ración. ¡¡cantas veces se lle pasou polo pensamento o ter que cociñar para aqueles monstros perseguidores é asasinos…

 

Se lle impuxeron multas de 25 e 50 ptas., por visitar as cuñadas viúvas de seus irmáns e ademais acusada de recibir axuda do Socorro Rojo Internacional (SRI)… cómo si fora tan fácil que chegasen paquetes ou cartos naquelas tristes datas ¡¡. Nembargante mariñeiros que estiveran relacionados ca familia levaban de cando en vez peixe para que puideran comer todos eles. Os que mais foron Rodrigo Pacheco Lomba O Coxo e seu irmán José Pacheco Lomba.

 

Rodrigo Pacheco Lomba  tiña relación cos Noya porque fora concelleiro municipal en 1934. Nomeado polo Gobernador Civil para cubrir unha vacante deixada por José Benito Sobrino, cando gobernaba don Alejandro Lerroux García en coalición ca CEDA de Gil Robles. Dimitiron:

 

Agustín González Sobrino e  Emilio Goyás Martínez, por falecemento. Juan Noya Gil, Florindo Sobrino Portela, Celso Candeira Pérez e José Benito Sobrino por diversas causas.Substituídas as baixas por: Ricardo Fernández Alonso, Agustín Carrero Carrero[1], Rodrigo Pacheco Lomba, Eduardo Pantaleón Saúl, Marcial Rodríguez Rodríguez e Norberto Gándara Álvarez,

 

Rodolfo Noia Domínguez Fito nunha romaría acompañado de Agustín Moreira e súa esposa Blanca Carrero. A dereita da fotografía cedida por Basilio Moreira Carrero.

 

 

Blanca Carrero Veiga e seu esposo Agustín  Moreira Portela

 

En 1939  Juan Noia foi aconsellado que se entregase en Vigo... co seu home en prisión e co medo de que fora sacado da mesma pola Falanxe e axustizado, Lola non descansaba nin durmía con tantas penalidades.

 

Cando en 1941 Juan Noia sae en liberdade provisional pasa a traballar vendendo seguros en Vigo polo que Lola e fillos pasan a vivir nesa cidade. Nese mesmo ano Lola seguía sufrindo e traballando arreo, nese ano aínda  non puxeran en liberdade a seu outro irmán Manolo Taxota, interno no Campo de Concentración de Camposancos. En 1943 saíu en liberdade definitiva. Seu outro irmán Jesús saíu libre mentres na Guarda se daba autorización para celebración de obras de teatro a  Asociación de Hijas de María...

 

Basilio Moreira Carrero amigo da familia Noya Domínguez dende moi pequeno. Fotografía no interior da casa de O Pasaxe de Camposancos en 2006.

 

O 11 de agosto de 1939, foi rexistrada a casa dos pais de Lola, onde estaba refuxiada (nunca mellor dito) cos fillos na rúa Hernán Cortes (As Laxes), sendo detido seu esposo Juan por un Policía[2] estando presentes, membros da Falanxe Local e varios números da Garda Civil o mando dun brigada coñecido como don Julio.

 

Tiñan tomadas as rúas do Muro, Hernán Cortés, praza de Ignacio Sobrino e Oliva, Foi levado para o Depósito municipal no Concello, onde estivo ata o día 30 de agosto, día no que a Garda Civil o levou para a prisión de Vigo.

 

 

Óscar Noya Domínguez en 1987 en Caracas. Fotografía cedida pola familia

 

En xaneiro de 1941 o fillo maior Óscar, a familia, e seu pai (cando saíu de prisión vixiada), pasan a vivir na Praza de Compostela (Vigo) onde segue na empresa Moreira, mentres Lola monta unha pequena Pensión no piso, para atender a sete empregados da empresa Moreira, mentres Juan Noia traballa de empregado no bufete de seu amigo, compadre e defensor don Ramón Salgado Pérez que levaba o mesmo tempo unha compañía de Seguros.

 

En 1945 inauguran a imprenta, Gráficas Numen, Lola seguía atendendo os sete empregados de Moreira, ademais da súa familia. A todo isto Agustín Moreira recibe o consello de que era perigoso para seus empregados estar pensionados ca familia Noia, pero Agustín, como sempre fixera, nin caso…   

 

En 1950, o fillo maior Óscar, emigra a Caracas (Venezuela) incorporándose en pouco tempo os demais irmáns. O pequeno Luís  Octavio Noia Domínguez (nacido en 1932 e finado en Vigo o 16/08/2006) retornou a Vigo (onde seguían seus pais)  de Caracas, embarcando no porto de La Guaira en xaneiro de 1961 no tras atlántico Santa María da Companhía Colonial de Navegaçao.

 

Como é sabido o Santa María foi secuestrado o 22/01/1961 por un grupo de guerrilleiros do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) o mando do militar portugués Henrique Galväo e dos galegos Xosé Velo Mosquera e Jorge de Sotomayor.

 

 

O trasatlántico portugués Santa María reconvertido durante uns días en “Santa Liberdade”

 

O golpe político - militar estaba dirixido para tratar de desestabilizar as ditaduras de Franco e de Salazar, os que cualificaron o secuestro como golpe terrorista.  O secuestro rematou nunha negociación, atracando o buque que viña sendo escoltado por buques de guerra en Recife (Brasil) o 2 de febreiro. Luís seguiu embarcado ata que desembarcou no porto de Vigo, foi o único pasaxeiro que tirou fotografías dese feito histórico e que logrou escondelas, pese aos rexistros da policía.

 

 

O paquebote Santa María que custara 16.000.000 de dólares, entregado a compañía en 1953.

 

Luís Octavio ó benxamín da familia, sería quen continuase con Gráficas Numen en Vigo ata seu pasamento no 2006.

 

 

Luís Octavio Noya Domínguez en 1961 no Santa María. Fotografía publicada no seu blog por Juan Vicente Méndez de León..

 

 

Por primeira vez Juan viaxa en solitario a Venezuela para visitar os fillos/as un 7 de febreiro de 1952 no trasatlántico Marqués de Comillas con destino a Caracas. A primeira etapa foi en Porto Rico, onde foi recibido polos emigrantes guardeses, entre eles Joaquín Saúl Rodríguez (1876-1960) e Paulino Rodríguez Rolan.

 

 

Acompañamento de guardeses/as e viguesas/es que foron con Juan Noya ata o porto de Vigo o 7 de febreiro de 1952.

 

A segunda etapa foi na R. Dominicana (Santo Domingo), onde foi recibido en primeiro lugar por un antigo redactor do semanario local Nuevo Heraldo, Manuel Resumil Aragúnde.

 

Juan Noya, intelixente e bo estratego, nesta etapa dos anos cincuenta tenta asegurarse non volver a prisión, polo que non ten inconveniente en seguir ca amizade de Francisco A. Moreno Álvarez Paco Moreno na Guarda e outros elementos da dereita e da falanxe local e provincial, e tenta facer o mesmo en América.

 

Este antigo correspondente de Nuevo Heraldo, Manuel Resumil Aragúnde, era un falanxista que nacera en 1905 na parroquia de San Pedro de Cornazo (Vilagarcía de Arousa), fixera a licenciatura en dereito en Santo Domingo. Nomeado o 23/08/1937, Secretario Provincial de Falange Exterior en Ciudad Trujillo  na República Dominicana, sendo seu xefe García Dopico.

 

Resumil, na época do ditador Trujillo fora Presidente da Cámara Oficial de Comercio, Agricultura e Industria do distrito de Ciudad Trujillo (como se chamaba daquela a capital da R. Dominicana, Sto. Domingo de Guzmán),  representante da R. Dominicana en distintos Comités da ONU,  Ministro de Industria, Comercio y Banca  entre 1955/56. En 1938 os falanxistas do exterior en Ciudad Trujillo editaban o semanario Amanecer. Este era o bagaxe de Resumil, antigo correspondente do semanario republicano Nuevo Heraldo

 

Ano de 1953 en Caracas. A dereita Servando Domínguez González, Francisco O Bala, Manuel Domínguez Pacheco Taxota e Oscar Noya Domínguez, os outros tres non sei que nes poidan ser é o último pode ser Rodolfo Noya Domínguez Fito. Fotografía de Manuel Domínguez Carolo.

 

Ano de 1964 en Portugal nunha excursión. Lola a esquerda xunto a Ignacia Troncoso Vicente e seu esposo Alfonso Martínez Peniza.Fotografía cedida por Carlos Martínez Troncoso

 

Noutra estadía en Venezuela (1976), acompañado por Lola, foi cando Juan Noia editou o libro da súa autoría Fuxidos na Editorial Cazaus.

 

Momento da presentación do libro Fuxidos en maio de 1976 na cidade de Caracas. Fotografía cedida pola familia.

 

Regresan a Galiza, a cidade de Vigo nese mesmo ano de 1976, onde Juan montara a imprenta Gráficas Numen en 1950, e Lola a traballar como sempre, sempre, traballo... pero desta vez a saúde vai a peor e falece nese mesmo ano, un 29 de setembro de 1976.  

 

Seu irmán Taxota me repetía, cando falabamos dela, das privacións pasadas, da guerra civil, etc… miña irmán foi unha mártir...

 

Lola e Juan nunha visita a Loureza nos anos cincuenta

 

 

O 29 de xullo de 1972 Lola e Juan celebraran as Vodas de Ouro de seu casamento en 1922, sans e salvos, como el referiu. Toda a familia, con dezaoito netos e unhas ducias de amigos/as, disfrutaron da xornada con xantar no Hotel Pazo Santa Tecla. Aos postres a poetisa Pura Vázquez Iglesias (gran amiga da familia) recitou:

 

Título do poema: As Vodas de Ouro de Xohán e Lola

 

 

Eiquí ó redor voso estamos.

Os canles da sangue vosa

noutras vidas remozadas,

fillos e netos chegados

en sucesión amorosa.

 

E o canle das almas vosas

remansando en amistade.

¡ Testigos das tenras rosas

da vosa felicidade !

 

Que as brisas rebuleiras

de venturoso serán,

abran alas milagreiras

que vos leían, Lola e Xohán.

 

Que o agarimo e a dozura

e as ledas verbas e amores,

e os ronseles lembradores

da vida dos dous, madura,

sexan a mel máis louvada,

sexan a luz máis querida,

a ventura recordada,

e a colleita bendecida.

 

¿Cincuenta anos de casados?

Cincuenta anos de vivir,

de amar, loitar e sufrir.

¡ Cincuenta anos benzoados !

 

¿Qué máis pregado tesouro

vos podemos desexar?

¡ Que poidades acadar

outra vez as Vodas de Ouro !

 

A  eximia mestra e poetisa Pura Vázquez (1918-2006). Fonte: La Voz de Galicia

 

Nota: Carmen Pura Vázquez Iglesias nace en Ourense en 1918, alí estuda Bacharelato Universitario e acada o título de Maestra Nacional. Traballou nos xornais, La Voz de Galicia; La Noche; El Ideal Gallego e en semanarios como La Zarpa e  Galicia en Ourense. Seu primeiro libro de poesía foi Poema de Amor (Larache 1943). Viviu desde 1955 en Caracas (Venezuela) onde traba unha grande amizade ca familia Noya Domínguez.

 

Alí dirixiu un Xardín de Infancia (1955), pioneiro naqueles anos. En 1956 foi encargada de levar a dirección do Arquivo Fotográfico do Instituto Nacional de Cooperación Educativa. Dende 1956 a 1960 pasa a ser Secretaria na Escuela de Periodismo da Universidad Central de Venezuela, e desde 1961/62 na Reaseguradora Nacional de Venezuela onde traballaban os irmáns Óscar e Rodolfo Noya Domínguez. En 1968 volta para sempre a Galicia.

 

No ano 2000 foi agasallada co Premio das Artes e das Letras de Galicia, alí diría, entre outras importamtes cousas, a frase …escrebo para non envellecer de présa…

 

O pobo lle dedicou unha rúa co seu nome e no Parque de Barbaña foi colocada unha pedra monumento na honra e lembranza de Pura e de súa irmán Dora.

 

Falece en Ourense o 25/07/2006, 34 anos despois da dedicación do poema a Lola e Juan no Trega. Foi unha poetisa da emigración é a primeira en publicar poesía en galego fora de Galicia (R. Venezuela e R. Arxentina) na posguerra. Publicou mais de cincuenta libros en galego e castelán.

 

Relata Juan Noya que […] en mais dunha ocasión comentaramos Lola e mais eu sobre os misteriosos designios que ó ser humano depara o destino. E comentabámolo ó comparar os tempos de calma que de novo comezabamos a disfrutar, coa de infortunios en que a miña vida (eu engado é a de Lola e demais familia) estivo nun tris de ser segada…

 

 

Tumba de Dolores Domínguez Pacheco, finada o 29/09/1976 e de  Juan Noya Gil, finado o 18/12/1988, no cemiterio civil da Sangriña. Soterrados  na terra no cemiterio civil e por riba dúas rochas recollidas na costa do mar da Guarda en 1976, días despois do falecemento de Lola.

 

 

O Alcalde José Manuel Domínguez Freitas poñendo dous caraveis na tumba de Lola e Juan en 2007, despois de haber tomado posesión do cargo.

 

Remato esta semblanza dunha muller digna e traballadora con este pensamento prestado,

 

[…] El pensamiento político, resuelto en acción, labra la tierra vegetal, tal vez esquilmada, o tal vez la desfonda y pone a la intemperie lo que antes no recibía ni aire ni sol[3].

 

José A. Uris Guisantes

 


_____________

[1] Agustín Carrero de Camposancos  que sustituiría a Celso Candeira Pérez, estaba casado con Manuela  Martínez Martinelli, irmán do preso Ermelindo Martínez Martinelli O Marmolista.

[2] Noutro traballo falarei do asunto este.

[3] Manuel Azaña.