Índice

www.galiciasuroeste.info

 

Ermelindo Martínez Martinelli

e familia de Camposancos

Por José A. Uris Guisantes

 

Familia Martínez Martinelli de Camposancos nos anos 20 do século XX. Ermelindo é o rapaz sentado a esquerda.Fotografía cedida por Iris Martínez Carrero.

 

Ermelindo Martínez Martínez, como así figura nos documentos oficiais do exército nacional franquista, de 23 anos,  natural de Camposancos, veciño da rúa Outeiro nº 42, fillo de Benito Martínez Domínguez e Dirse Martinelli Wit de orixe italiano.

 

Seus irmáns foron, Cándida; Cándido; Benito; José; Agustín; María; Filomena; Ermelindo; Manuela, Andrés e Antonio Martínez Martinelli. Como dixen por erro dos funcionarios do rexistro civil da Guarda, Ermelindo figura como Martínez Martínez en lugar de Martínez Martinelli, asunto que foi corrixido fai anos.

 

Cándida Martínez Martinelli e seu esposo Adolfo Morais tío Adolfo, sentados diante de seu domicilio no Couto (Camposancos). Adolfo tamén foi perseguido pola Falanxe guardesa e os militares e policías de guarnición na Guarda. Esta fotografía data de 1965 e me foi cedida polo amigo Arturo Portela Álvarez Minguillo.

 

Os pais dos Martínez Martinelli finaron moi novos, Dirse tiña 32 anos cando faleceu a consecuencia dunha infección estando embarazada, e seu pai Benito Martínez andivo embarcado na Mariña Mercante, coñeceu a súa esposa Dirse nun porto do Brasil, onde  a familia, natural de Italia, emigrara o parecer por motivos políticos. Segundo me relatou a Emilia Carrero Pereira (casada con Juan Martínez Vicente), Dirse e Benito namoraron e acordaron regresar ámbolos dous a Camposancos. O que non saben é como Dirse puido saír do Brasil sendo menor de idade, existindo a posibilidade que embarcase o marxe das autoridades portuarias.

 

Casaron o 20 de outubro de 1901 na parroquia da Visitación de Camposancos Benito Martínez Domínguez, fillo de Juan e Feliciana de Camposancos con Dirse Martinelli Wit, natural de Ferrara, reino de Italia, hija de Antonio Martínez Martinelli y María GINT, diante do párroco Anastasio Martínez Costas, debendo declarar diante “facie Ecclesie” do misioneiro e xuíz apostólico Ignacio Santos S.J. que se atopaba facendo unha Misión en Camposancos. Todo elo debido a que Dirse non tiña papeis de ningunha clase. Na Partida de Matrimonio figura un galimatías cos apelidos de Dirse […] Dirse Martínez (Martinelli) GINT. Pero noutros documentos posteriores e no Rexistro Municipal figura como Dirse Martinelli Wit.

 

Unha vez casado Benito pasou a traballar na fábrica-serradoiro de Domínguez Hno. y Cía popularmente La Camposina dos irmáns Eloy e Manuel Domínguez Veiga, fábrica que en 1930 pasou a formar parte do Consorcio de Serrerías del Miño SA. Dirse, destacaba porque era unha muller instruída e con estudos, sabía coser e bordar, pero debido os costumes das ladeas foi obrigada polo clan familiar a traballar nas leiras e monte, ir o argazo e facer as mesmas faenas domésticas que as demais mulleres, a todo isto sumouse que chegou a parir once fillos, é o que faría o número doce faleceu no ventre con ela antes do parto. Tiña Dirse 32 anos, paralelalmente aos traballos nas leiras e fogar, criar os fillos etc.etc. ía polas casa de Camposancos e A Guarda cunha máquina de coser portátil para sacar unhas perriñas con que contribuír a alimentación dos fillos.

 

Unha vez falecidos seus pais, Cándida, María e Manuela que estaban solteiras deberon ocuparse dos homes da casa. Cándido traballou no colexio dos xesuítas no Pasaxe como albanel. José sería asasinado en Ávila por motivos descoñecidos, cidade onde estaba con súa familia e onde traballaba despois da guerra civil.

 

Homes e mulleres tiveron que traballar arreo para saír adiante, despois de haber falecido seus pais. Nesta fotografía vemos a Manuela Martínez Martinelli de nena cargando unha cesta de cintas en Barbela. Fotografía cedida por Iris Carrero Martínez.

  

Manuela Martínez Martinelli. Fotografía cedida por súa filla Iris Carrero Martínez

 

Manuela Martínez Martinelli, naceu o 2 de agosto de 1916 en Camposancos casou con Agustín Carrero Carrero, nacido o 15 de agosto de 1907 en Camposancos, fillo de Juan Carrero Portela e Fructuosa Carrero Álvarez de Camposancos.

 

A voda de Manuel e Agustín tivo lugar o 7 de agosto de 1940, nacendo Camilo Fernando, finado en Valencia en 1947; María del Carmen nacida o 3 de setembro de 1943 en Camposancos e Iris Fructuosa Carrero Martínez, nacida o 13 de xullo de 1949 en Manises (Valencia) onde seu pai traballaba nas oficinas da empresa do camposino (fabricación de azulexos) don Eloy Domínguez, baixo a denominación de  Eloy Dominguez Veiga Hno y Cía, empresa que fora fundada en 1914, en 1920 sería don Eloy Domínguez o que se quedaría ca totalidade das accións da empresa, chegando a ter ata catro fábricas en Manises na década de 1930. En 1924 construiría outra fábrica de azulexos en Onda.

 

Manuela Martínez Martinelli  e   Agustín Carrero Carrero.

Fotografías cedidas por súa filla Iris Carrero Martínez.

 

 

 

 

 

Agustín Carrero Carrero tamén foi perseguido e investigado por seus antecedentes políticos como se pode ler neste oficio do Xulgado da Guarda, onde o secretario,  Emilio Areal Crespo socilita ao Alcalde informe. Era o 25 de marzo de 1942, cando varios dos que figuran no oficio foran asasinados en 1936.

 

Agustín traballara como oficinista nunha empresa de colocación de travesas de madeira para construción de vías do ferrocarril en Silleda, mais tarde pasaría as oficinas da empresa del Barranquet  unha das mas antigas de Quart de Poblet (Manises).

 

Os homes desta familia eran de ideoloxía republicana polo que foron presos, perseguidos e xulgados como rojos. O mais prexudicado foi Ermelindo Martínez  Martinelli  o marmolista, que figura no Causa 994/1936 exercida contra el por rebelión militar.

 

Preso desde os primeiros días da chegada das tropas a Vila guardesa (27 de xullo de 1936), xunto a outros compañeiros que figuraban nunha lista feita pola Falanxe da Guarda, foron levados de seguido a Prisión Provisional Habilitada no colexio dos xesuítas no Pasaxe de Camposancos.

 

O 27 de xullo de 1936, a Falanxe Local da Guarda dispuña dunha lista de persoas republicanas que debían ser detidas tan pronto entraran as tropas na Vila. Foron levados en quendas separadas por días, para o antigo colexio dos  xesuítas no Pasaxe de Camposancos, que estaba incautado polo Estado republicano dende febreiro de 1932. Entre eles Ermelindo o que días mais tarde sería trasladado a prisión do Partido Xudicial en Tui.

 

Primeiro Bando emitido polo novo Alcalde  do Glorioso Movemento Nacional  27 de xullo de 1936:

Bando

 

D. Francisco Moreno Álvarez, Alcalde Presidente del Ayuntamiento de La Guardia,

 

Hago Saber:

 

Que en el plazo de doce horas serán entregadas en esta Alcaldía las armas de todas clases, municiones y explosivos que se hallen en poder de todos los vecinos del término municipal, en la inteligencia de que aquellas personas que dejen de presentarlas en el indicado plazo y se compruebe que las conservan en su poder serán entregadas inmediatamente a la autoridad militar.

 

La Guardia, julio 27 de 1936.Fdo: El Alcalde.

 

Bando

 

D. Francisco Moreno Álvarez, Alcalde Presidente del Ayuntamiento de La Guardia,

 

Hago Saber:

 

Que las Milicias de Falange Española se consideran desde este momento como fuerza armada, a la que se le guardarán las consideraciones que para aquellas fuerzas otorgan las disposiciones en vigor, castigándose severamente las faltas o atentados contra las mismas.

Dichas milicias ostentan como distintivo un brazalete amarillo.

Lo que pongo en conocimiento del vecindario en general a fin de que no se alegue ignorancia.

La Guardia, julio 27 de 1936. F do: El Alcalde

Bando

 

Ayuntamiento de La Guardia,

 

Hago Saber:

 

Que a fin de normalizar la vida local en este término municipal, he acordado que desde el día de mañana martes,a las horas ordinarias, abrirán las puertas el comercio y las industrias de todas clases, reanudándose asimismo el trabajo en todos los ramos de la construcción.

Espero que el vecindario en general no dará lugar a que se tomen medidas de rigor, y advierto que el que desobedezca esta Orden o ejerza coacción será entregado inmeditamente a la autoridad militar.

Lo que se hace público para general conocimiento.

 

Fdo: El Alcalde.La Guardia, julio 27 de 1936.Fdo: Francisco Moreno Álvarez

 

Obxectivo dos militares sublevados e de membros da Falanxe nas primeiras semanas: Control absoluto do Poder e a instalación do Terror, descabezando aos líderes, alcaldes, deputados, sindicalistas, mestres, médicos, intelectuais, etc, etc, procesos sumarísimos,  fusilamentos e paseos sen proceso...

 

Uns cantos presos republicanos serían levados a prisión de Tui. Outros serían sacados do Pasaxe e logo paseados (asasinados) a centos de metros da prisión. Outros serían fusilados meses mais tarde e outros mais pasarían a sufrir prisión ou irían obrigados ó fronte de guerra:

 

Adelaido Barredo Sueiro  natural do Rosal, garda rural, fusilado na Alameda de Tui.

Antonio Domínguez Pacheco  da Guarda, paseado en Paraños - A Sangriña.

Angel Domínguez Pacheco da Guarda, paseado en Paraños - A Sangriña.

Areses Rodríguez detido e sen mais información.

Avelino Barbosa Pérez  de Salcidos, en prisión, mais tarde ingresou voluntario na Lexión para non ser xulgado, finou no fronte de guerra.

Basilio Carrero Lorenzo de Camposancos, presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, falecido de enfermidade no Penal da illa de San Simón (Redondela).

Brasilino Honorio Álvarez Sobrino  da Cruzada- A Guarda, propietario e Alcade da Guarda, fusilado na Alameda de Tui, séndolle incautados seus bens.

Camilo Carrero Lorenzo  de Camposancos, Tte. Alcalde e dirixente socialista, fusilado na Alameda de Tui, séndolle incautados seus bens.

Celestino Álvarez Vicente   de Salcidos, de profesión carreteiro, xulgado e absolto, en vixilancia domiciliaria.

Eloy González Moure  da Guarda, de profesión xastre, xulgado e condenado a prisión varios anos.

Ermelindo Martínez Martínez (Martinelli) de Camposancos, xulgado e condenado a prisión varios anos.

Francisco Lloret Gándara  da Guarda, garda de arbitrios, fusilado na Alameda de Tui.

Isaac Besa González Moure  da Guarda, chofer, xulgado e condenado a varios anos de prisión, ingresado en Batallóns Disciplinarios varios anos.

Isidro Rodríguez Cividanes. Sen mais información.

Jesús Domínguez Pacheco da Guarda, irmán dos anteriores preso e xulgado e ingresado nun Batallón de Presos Traballadore.

Joaquin Rodríguez Rodríguez Capitanciño, da Guarda, xulgado e condenado a prisión varios anos, sendolle incautado seus bens.

José Alonso Portela da Guarda, chofer, paseado en Paraños - A Sangriña.

José Benito Rodríguez Rodríguez  da Guarda, xulgado e condenado a prisión, anos despois sería degollado en circunstancias non aclaradas polas autoridades franquistas.

José Rodríguez González da Guarda, xulgado e condenado a prisión, indultado.

José Rodríguez Rodríguez  da Guarda, xulgado en condenado a prisión varios anos.

Juan Alfonso González. Sen mais datos.

Julio Saavedra Galiñanes , de Salcidos, paseado en Paraños - A Sangriña.

Juliano Díez Alvarez carteiro na Guarda, fusilado na Alameda de Tui.

Manuel Barbosa Pérez de Salcidos, en prisión , mais tarde ingresaría voluntario na Lexión para non ser xulgado, finou no fronte de guerra.

Manuel Vicente Portela  da Guarda, fusilado na Alameda de Tui. 

Pacífico Fernández Cividanes  da Guarda, enfermeiro e logo xastre, xulgado e condenado a prisión, interno varios anos no Penal da illa de San Simón.

Segundo Fernández Alonso  do Rosal, xulgado e condenado a prisión varios anos.

 

Ermelindo Martínez Martinelli pasou dende a prisión do Pasaxe a prisión do Partido Xudicial en Tui. Xulgado en Vigo por rebelión militar xunto a outros guardeses o 23 de novembro de 1936, foi sentenciado a pena de dezaseis anos de reclusión temporal, ca accesoria de inhabilitación absoluta durante o tempo da condena. Séndolle de abono o total da prisión preventiva. Debeu abonar xunto aos demais sentenciados na Causa 994/36, un millón de pesetas en concepto de responsabilidade civil, mancomunada e solidariamente por todos eles.

 

 

O Tte. Juez Instructor da Causa 994/1936 don Rafael Pineda O´Gaban, contra o alcalde, Brasilino Álvarez, Camilo Carrero e outros republicanos da Guarda ( entre eles tamén Ermelindo Martínez Martinelli) en Oficio do 21 de novembro de 1936, cita a unha serie de veciños como testemuñas no Consello de Guerra que se ía celebrar o día 23 no palacio de xustiza de Vigo, que son estes:

 

Analizando e estudando os antecedentes e historial de cada un, comprobei que eran mais as testemuñas en contra dos acusados de rebelión militar que as  testemuñas a favor... 

 

Presidía o Tribunal Militar o Coronel de Infantería Manuel Canellas Tapias  y el Coronel de Ingenieros Rafael Ribal Neira, Auditor de Brigada Hernán Martín Barbadillo y Paul [que pedía a máxima pena  para os presos,segundo as fontes consultadas[1]], Fiscal Tte. Auditor  Joaquín Otero Goyanes.   

Campo de Concentración de Nanclares de La Oca (Álava). Fonte: La Memoria Viva-Miguel Cifuentes.

 

 Unha vez confirmada a Sentencia Ermelindo ingresou na prisión de Nanclares de La Oca (Álava) un 18 de xuño de 1939, pasando logo a prisión de Vitoria. O 1 de setembro de 1940, saíu en libertad atenuada en su domicilio.  Pero cando sae da prisión de Vitoria estaba enfermo do pulmón polo que ata o día 3 de setembro estivo aloxado na pensión de dona Victoria Barroso.

 

Cando se dispoñía a tomar o tren para Madrid – Galicia - Guillarei foi detido pola Falanxe e volto a prisión de Vitoria. Dende alí escribe a lapis unha solicitude ao Gobernador Civil de Álava explicando o porqué non collera o tren para Madrid no día 1 de setembro como tiña ordenado é unha vez en Madrid coller outro dirección Galicia.

 

 [...] que tuviera que hospedarse por encontrarme enfermo, no pudiendo desplazarme a Madrid y de ahí a la Villa de La Guardia…   a disfrutar de la   libertad definitiva…a que por certo era  liberdade vixiada pola Xunta de Vixilancia Local da Guarda.

 

A dona da pensión foi multada por haber quebrantado las Ordenanzas…

 

O 5 de setembro de 1940 o gobernador civil de Álava oficia a dona Victoria Barroso de Vitoria que,

                               [...] por medio de escrito de la Comisaría de Investigación y Vigilancia el recluso Ermelindo Martínez que había pernoctado en su casa desde la salida de prisión el día primero de septiembre de 1940, había quebrantado las ordenanzas dadas, por lo que Acuerda: imponerle una multa de 30 pesetas[2]que debe hacer efectivas en Papel de Estado en el plazo de cinco días .

 

Os presos galegos que foron trasladados a esta prisión, convertida a partir de 1938 en Campo de Concentración ,

                                            […] los presos de cárceles y campos fueron utilizados en tareas constructivas en los alrededores, como la apertura de una carretera entre Aiegi y el Monasterio de Iratxe, o el trabajo de los prisioneros en la construcción de la cárcel de Nanclares de la Oca, así como en las inmediaciones del de Orduña (Bizkaia), cuyos prisioneros reconstruyeron el monumento a la Virgen de la Antigua...

 

Ermelindo na súa estadía na prisión de Tui, na espera do temido Consejo de Guerra Sumarísimo (Causa 994/1936) coñece e trata ao pintor Benito Prieto Cousent (1907-2001), natural de Ribadeo o que comezaba a pintar a carboncillo a presos que estaban con el, en total uns 24 retratos, entre eles ao albanel Manuel Estevez Gómez e José Jerónimo Rodríguez Rodríguez 

 

Debuxo feito na prisión de Tui por Benito Prieto Coussent a José Jerónimo Rodríguez Rodríguez, foi executado o 28 xaneiro 1937, tiña 29 anos, de profesión empregado, natural de Goián (Tomiño). Xulgado en Vigo por rebelión militar, foi fusilado no Cuartel do Castro (Vigo).  Acusado de haber intentado dinamitar o ponte Tamuxe, cando aínda hoxe non apareceu a dinamita que endexamais os acusados tiveran na man.

               

Debuxo feito na prisión de Tui de Benito Prieto Coussent a Manuel Estevez Gómez (a) Cosme, foi tirado da prisión de Tui e paseado (asasinado) o 5 febreiro 1937. Tiña 34 anos, de profesión albanel, militante socialista, natural de Tui... seu corpo apareceu tirado na vía pública en Vigo.

 

Benito Prieto tamén ensinou a perfeccionar o debuxo a Ermelindo Martínez Martinelli a quen lle explicaba os traballos feitos en Tui, pois  Benito fora profesor no Instituto de Tui nos últimos anos da república, e profesor gratuíto en horas nocturnas, para aqueles obreiros que quixeran aprender a debuxar ou a preparar a pedra como canteiros.

  

Fundou, en colaboración cos alumnos, a revista Tude, levando a cabo varias exposicións. Debido a súa labor docente foi nomeado Director Honorario do Instituto de Tui. No momento en que estalou a rebelión militar contra a república estaba de vacacións no domicilio familiar onde foi detido e enviado a prisión de Tui.

 

Cadro de Manuela Martínez Martinelli  pintado por seu  irmán  Ermelindo Martínez Martinelli na prisión de Tui ca data de 10 de outubro de 1938. Cedido por  Iris Carrero Martínez. 

Parchís construído por Ermelindo Martínez Martinelli na prisión de Tui. Propiedade de súa sobriña Iris Carrero Martínez.

 

Inscrición na marxe dereita do parchís construído por Ermelindo na prisión de Tui,  Cárcel de Tuy 4 de abril de 1937 E.M.M.

 

Me relata Iris que en 1938  súa nai, o  saír da fábrica de madeiras, viu que os presos  botaban polas fiestras do Campo de Concentración de Camposancos  papeliños onde puido ler que ofrecían axuda das súas familias aos presos galegos que estaban en Nanclares de la Oca (Vitoria) se outras familias de Camposancos facían o propio, polo que súa nai comezou a axudar  (lavar a roupa, levarlle cartas, facer recados etc.) a un dos presos, Daniel Arroyave de Vitoria, de profesión barbeiro, polo que súa familia axudou  en Vitoria a seu irmán Ermelindo na prisión de Nanclares. Establecéndose o meso tempo unha grande amizade entre as dúas familias. Daniel Arroyave,  faleceu nun ai moitos en Eibar 

 

Mentres  a familia ía desenrolando o día a día traballando para poder sobrevivir, así Manuela, o igual que outras mulleres camposinas, traballou na fábrica serradoiro do Consorcio de Serrerías del Miño SA no Pasaxe, estibando tablilla ou en todo aquilo que debían facer as mulleres traballadoras.

 

Manuela Martínez Martinelli con outras mulleres traballadoras.Fotografía cedida por Iris Carrero

 

Agustín Carrero Carrero

 

 

 

Súa sobriña Iris Carrero Martínez  estudou debuxo en Manises (Valencia). Este é un debuxo a plumilla da Casa das Torres de Roque Camilo Carrero Lorenzo, fusilado o 9 de decembro de 1936 na Alameda de Tui. Ermelindo foi xulgado, como xa dixen, en Consello de Guerra na mesma Causa que Camilo Carrero (994/1936).

 

Debo subliñar un feito importante que me sucedeu con algunhas familias de represaliados republicanos, cal é o de que nun quixeron dar datos, nun se lembran de nada, militaron e militan en partidos da dereita, alegan que no seo familiar había silencio total sobre a guerra incivil e seus graves sucesos ou simplemente non queren saber de nada.

Familia Carrero Carrero - Manuela Martínez Martinelli

 

.... polo que indagando, indagando atopei ó parente e meu veciño José Benito Martínez que me puxo en contacto con Iris Carrero Martínez a que me facilitou datos que descoñecía con todo interese.

 

Sinalar tamén que a viúva de Ermelindo cobrou no seu día un millón de pesetas do goberno que presidía Felipe González por haber estado mais de tres anos en prisión seu esposo, xestións feitas por min no seu día.

 

 Agustín Carrero Carrero traballou nunha das fábricas de cerámica que tiña don Eloy Cruz Domínguez Veiga en Manises (Valencia) onde estaba ca familia. Seu irmán mais novo Serafín Carrero Carrero perdeu a vida no afundimento dun buque de guerra, a familia di que no Baleares, pero comprobei a lista é non figura.

 

 

Serafín Carrero Carrero, finado na guerra en plena xuventude.. Fotografía cedida por Iris Carrero.

 

Fotografía antigua da familia Martínez de Camposancos. Fotografía cedida por José Benito Martínez

 

Manuela Martínez Martinelli. Fotografía cedida por Iris Carrero Martínez.

 

O 9 de xaneiro de 1939 comezan os trámites oficiais para poder declarar Mutilado de Guerra a Antonio Martínez Martinelli.

 

 

José A. Uris Guisantes

 

 

Fontes:

Arquivo Municipal da Guarda

Arquivo persoal de José A. Uris Guisantes

Copia Causa 994/1936

Conversacións con Manuel Domínguez Pacheco

Conversación con Iris Fructuosa Carrero Martínez en Camposancos

Expediente persoal de Ermelindo Martínez Martinelli

Fotografías cedidas por Iris Carrero Martínez

Información oral de Emilia Carrero

Josep Pérez Camps e Rafael Requena Díez: Taulells de Manises 1900-1936.Ayuntamiento de Manises 1987.

Notas de Marcelino Laruelo Roa

The impact of forced labour on the Basque Country and Navarre Economy (1937-1945)
_____________

[1] Por Decreto nº 2151/1960 o ditador Fco Franco lle concedeu a Gran Cruz de la Orden al Mérito Militar con distintivo blanco.

[2] A dona da pensión dona Victoria Barroso