www.galiciasuroeste.info

FEBREIRO

 

Sábado, 26 de febreiro de 2011    

O Parador de Tui retoma a tertulia de anécdotas tudenses  este domingo 27 de febreiro con Javier Rodríguez Vázquez

O Parador de Turismo “San Telmo” de Tui da continuidade neste domingo 27 de febreiro, ás 18,00 horas, a unha interesante iniciativa iniciada no pasado mes de marzo que baixo o nome de “Anecdotario tudense” desenvólvese o último domingo de cada mes. Unha tertulia arredor de anecdotas da vida da nosa cidade ao longo do tempo; cada mes unha persoa de Tui abre a tertulia narrando unha destas anecdotas e abrindo así o turno para a intervención dos asistentes.

Neste domingo será o tudense Javier Rodríguez Vázquez quen acometerá unha visión do crego e poeta, especialmente vinculado á nosa cidade, Faustino Rey Romero a quen diversos colectivos solicitan que se lle dedique un “Día das Letras Galegas”.

Este ciclo de “Anecdotario tudense” terá continuidade nos vindeiros meses coa intervención doutros veciños de Tui. Para o director do Parador, David Villar Alonso, esta iniciativa tenta dinamizar a vida e a actividade deste establecemento hosteleiro tudense e recuperar os seus tradicionais lazos de unión coa cidade de Tui e os seus veciños. Trátase dunha tertulia aberta á participación de todos os interesados que queiran achegar as súas anecdotas e curiosidades arredor do tema ao que se dedica a tertulia de cada mes.

David Villar Alonso agradece a todos os participantes a sua xenerosa colaboración así como o apoio do Concello de Tui que anima esta interesante iniciativa.

 

Play-Doc aposta na súa sétima edición polas últimas tendencias do cinema documental

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, acollerá do 30 de marzo ao 3 de abril un total de 29 películas procedentes de todo o mundo nas súas diversas seccións, que achegarán a Galicia as últimas tendencias do cinema documental. O festival contará na súa sección competitiva con dez filmes que reunirán realizadores consagrados, coma o mestre do found footage e do cinema experimental, o austríaco Peter Tscherkassky, así como novas promesas do xénero como Clio Barnard, galardoada en numerosos festivais internacionais como Tribeca ou o London Film Festival e nomeada aos premios BAFTA pola súa película The Arbor. Marcos Nine e o recentemente premiado en Cannes Oliver Laxe serán os representantes galegos dentro desta Sección Oficial a competición.

Na Sección Informativa destaca a presenza de dous prestixiosos realizadores: o director de culto e un dos máximos representantes do cinema underground norteamericano, Lech Kowalski, que entre outras cousas regresa a Play-Doc para estrear a súa última cinta e Marcel Łoziński, un dos cineastas polacos máis aclamados internacionalmente e aínda descoñecido no noso país. Nomeado a un Oscar por 89 mm from Europe e figura clave da súa xeración xunto a Krzystof Kieslowski, Łoziński dará a coñecer algunhas das súas películas máis  destacadas a través dunha retrospectiva.

Entre as actividades paralelas programadas, destacan os concertos de Play-Doc, un clásico dentro do festival, nos que se poderá gozar das actuacións en directo dalgúns dos  protagonistas dos filmes presentados na sección Documentais de Música. Aquí é preciso salientar a estrea dun documental que ten o gran músico galego Carlos Núñez como principal protagonista.

Á súa vez, Play-Doc continúa apostando polo talento a través do obradoiro O Retrato Filmado, que por terceiro ano consecutivo reflexionará sobre diversos aspectos cinematográficos. Este proxecto, así coma o seminario Docs in Progress, celebrado o pasado decembro, mostran o interese do festival por fomentar e promocionar a creatividade dos novos talentos mediante maneiras alternativas de formación e produción que serán presentadas durante a celebración do certame galego.

 

A Festa dos Axóuxeres celebra hoxe en Tui os seus obradoiros para os bebés e as súas familias

O Concello de Tui acollerá este sábado os obradoiros do “Festival dos Axóuxeres”, unha iniciativa da Secretaria Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Concellería de Cultura de Tui dirixida aos bebés tudenses e as súas familias.

Este Festival dos Axóuxeres, que comezou cun festival o domingo 13 de febreiro, complétase cun “Obradoiro dos axóuxeres”, a celebrar mañá sábado 26 de febreiro ás 17,30 e ás 19,00 horas no edificio “Área Panorámica”, cunha duración de 50 minutos. Este obradoiro está integrado por un pequeno curso de técnicas de masaxe infantil, música, cantigas de arrolo tradicionais galegas e xogos de iniciación. Os obradoiros están centrados na transmisión do afecto, tan importante no desenvolvemento dos bebés: as miradas, os aloumiños, a música e a palabra poden ser vías complementarias para afondar na relación entre pais e fillos.

Para participar no Obradoiro dos Axóuxeres compre a reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente nos 630 230 338 ata ás catro desta tarde. A participación é gratuíta.

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende axudar a que os pais e as nais contribúan á cadea de transmisión da lingua e, á vez, obteñan ideas para xogar na casa, prolongando no fogar a propia actividade. Nesta edición, a iniciativa homenaxea os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés.

O Concelleiro de cultura tudense agradece á Secretaria Xeral de Política Lingüística a celebración en Tui destas actividades que contribuirán á promoción da nosa lingua e á difusión da nosa cultura entre as familias tudenses.

 

O Pleno de Tui aprobou por unanimidade a modificación da RPT

Durante algo máis de hora e media a corporación municipal de Tui celebrou o xoves pleno de carácter ordinario. No mesmo aprobouse por unanimidade a modificación da Relación de Postos de Traballo en concreto no complemento específico da Policía Local, e para crear dúas prazas de administrativo en tesourería e secretaría xa que na actualidade son prazas de auxiliar administrativo que están a realizar tarefas de administrativo segundo explicaba o Concelleiro de Persoal, Moisés Rodríguez, quen apuntou que probablemente se cubrirán por promoción interna.

O acordo aínda que foi aprobado por os grupos foi criticado pola súa tardanza no referente ao complemento específico da Policía Local . Dende o Partido Socialista Pablo Alonso lembraba que hai tempo que eles tiñan reclamado esta suba, indicando que os municipais fan un traballo enorme que non era compensando. Apostaban amais por ampliar a plantilla ata chegar a unha ratio dun policía por cada mil habitantes.  Dende o BNG Laureano Alonso sinalaba que a situación da Policía Local lévana denunciando hai tempo porque o número de axentes é insuficiente, teñen condicións precarias, e precisan máis medios.  Miguel Capón de Acción Tudense apuntaba que ían votar a favor pese ao informe desfavorable de intervención. Explicando que o seu apoio a suba do complemento específico débese a que a Policía Local está mal pagada, lembrando que dende a chamada Lei Corcuera teñen máis funcións que a de gardas urbanos que tiñan antigamente. Por último o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, expuña que as retribucións económicas fóronse mellorando pouco a pouco, e sinalaba que o Concello de Tui adaptouse a nova lei deste corpo nun ano cando tiña tres para facelo.  

Na quenda de mocións o Partido Socialista presentou unha sobre o irmanamento coa cidade alemá de Versmold na que viven un importante número de tudenses. O tema quedou sobre a mesa para estudalo en comisión, pero o Alcalde informou que o mandatario alemán xa se puxo en contacto con el e convidouno a vir ás Festas de San Telmo.

A concelleira do Bloque Nacionalista Galego Carme verde presentou dúas mocións que tamén serán levadas a comisión informativa para o seu estudo. Na primeira apóstase por tentar dar marchar atrás na suba de bens de servizos básicos como auga, luz e gas. E na segunda trátase de pronunciarse en contra da privatización ou bancarización de Novacaixagalicia.

Xa na quenda de rogos e preguntas o voceiro socialista, Manuel Freiría, referiuse ao proxecto para estudar a semaforización do cruce das Olivas aprobado no último pleno e amosouse molesto polo semáforo e paso de cebra elevado colocado na Avenida da Concordia sen solucionar o problema deste cruzamento. O Alcalde explicoulle e amosou no pleno un estudio que lle viñan de entregar sobre a semaforización das Olivas cun orzamento de 20 mil euros, e sinalou que o semáforo e paso de peóns instalado esta semana forma parte do proxecto de seguridade viaria do CEIP nº2 feito en colaboración coa ANPA e a dirección deste centro.

Nesta quenda de rogos e preguntas estivo sobre a mesa o problema xurdido coa auga da traída que segundo explicou o Alcalde debido a limpeza do depósitos durante un días non se poderá beber, indicando que hai técnicos de Sanidade comprobando en todo momento a limpeza e o cloro. A oposición criticou a demora con que se avisou do problema.

Respondendo a preguntas de Juan Miguel Diz Guedes de Tui o rexedor explicou que a adxudicación das obras do Centro de Saúde de Tui está pendente de que os 19 concellos onde o SERGAS vai construír novos ambulatorios concedan a licenza, algo que Tui outorgou nunha semana segundo dixo.  Tamén apuntou que o compromiso da Consellería é construír este ano a Escola Infantil e en 2012 o Centro de Día.

Dende o BNG Carmen Verde amosou a súa preocupación polo estado dalgúns inmobles no conxunto histórico con ventás e cristais a punto de caer e con portas rotas cheas lixo, así como polo estado de sucidade das escaleiras que baixan dende a Praza da Estrela ao Paseo Fluvial. Cando preguntaba polo tema da auga o Alcalde retiroulle a palabra e tampouco permitiu despois expor os seus rogos e preguntas ao outro concelleiro nacionalista Laureano Alonso, o que incomodou notablemente aos representantes do BNG que se senten discriminados, ao non deixalos falar.

Miguel Capón Rey preguntou polas xestións ante o túnel que existe entre dous edificios, sobre o que o arquitecto municipal está a redactar un informe segundo o Alcalde, e sobre a Finca Lagarteira, da que Fernández Rocha indicaba que proximamente lles presentarán no Concello unha proposta económica.  Tamén se interesaba o líder de AT polas xestións para a apertura da rúa Ourense, ao que o rexedor lle contestou que había que agardar a ter o PXOM publicado para que entre en vigor, pero que xa se conta coas valoracións das expropiacións feitas por técnicos municipais.

 

O mércores lévanse a pleno as modificacións do PXOM impostas pola Xunta

A próximo mércores, 2 de marzo, ás 20h a corporación municipal de Tui reúnese en pleno de carácter extraordinario cun único punto na orde do día. Trátase dun ditame da Comisión informativa de Urbanismo, Vivenda, Obras e Contratación sobre aprobación do documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal que introduce as correccións precisas para emendar as deficiencias documentais e de clasificación do solo expresadas no apartado II da Orde do 26 de xaneiro deste ano da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre aprobación definitiva do PXOM de Tui.

 

Presentación do traballo “Antergos” de A nosa xente

O venres 11 de marzo ás 20.30h terá lugar no Teatro Municipal de Tui a presentación do traballo discográfico “Antergos” do grupo de música folk “A nosa xente” de Paramos que reúne 14 temas lembranza da cultura tradicional. Están agora en pleno proceso de gravación grazas á colaboración de Fernando Lago.

Fina Fernández é unha das integrantes desta agrupación e autora do libro “A nosa xente emigrante” publicado hai dous anos e arredor do que xurdiu o grupo de música folk, e boa parte do seu repertorio baseado na cultura rural.

O grupo, creado hai un ano,  está formado por 16 persoas con idades entre os 9 e os 70 anos. O seu obxectivo é seguir ofrecendo cultura e espertar interese pola cultura tradicional

 

Venres, 25 de febreiro de 2011    

Hoxe conferencia na Aula da UNED de Tui “Como desenvolver competencias básicas na familia” a cargo de Teresa Domínguez, directora do CRA de Tui e profesora da UNED

Hoxe, venres, ás 19.00 horas terá lugar no salón de actos da Aula da UNED de Tui (antigo convento de San Domingos) a segunda das conferencias do ciclo dedicada nesta oportunidade ao tema “Desarrollo de competencias en la familia” que será pronunciada por Teresa Domínguez Pérez, directora do Colexio Rural Agrupado tudense e profesora na Uned.

No seu relatorio abordará a implicación e compromiso das familias para que a educación dos fillos sexa unha tarefa compartida, pois a nosa sociedade precisa nenos e nenas e adolescentes competentes en materias como a linguaxe oral, a linguaxe escrita, en lingua galega, castelá e mesmo en inglés ou en matemáticas. As competencias definen os novos obxectivos do proceso educativo que tenta dotar de ferramentas aos rapaces para aprender a aprender, para posuír iniciativas, unha autonomía persoal e as competencias necesarias en materia dixital, cultural e artística e social e cidadá e mesmo na súa interacción co mundo físico.

As competencias básicas deben ser un factor de mellora, un núcleo de compromiso entre a escola e familia, as competencias básicas deben enmarcarse no marco dunha educación democrática e o proxectos educativos como exersicio eficaz e responsable da autonomía e principios para un proxecto educativo de centro. por outra parte, tamén se debe crear a necesidade de escolas educativas ou como lle gusta dicir a Darling-Hammond (2001) a necesidade de "buenas escuelas para todos" pois é necesario ampliar e mellorar a función educativa de todos os axentes sociais: familia, concellos, organizacións sociais,...a educación democrática é, por riba de todo, un compromiso de toda a sociedade coa educación, é a busca dunha sociedade educadora interesada en lograr un equilibrio consciente e desexable.

Este ciclo de conferencias tenta abordar aspectos da vida cotiá das persoas nas que todos precisamos adoitar novas ferramentas e novos conceptos para responder as demandas do mundo actual.

O Concello de Tui que colabora activamente coa Aula Universitaria da Uned en Tui no desenvolvemento das súas actividades valora moi positivamente a realización deste ciclo de conferencias aberto ao público en xeral e que amosa o importante compromiso cidadá desta Aula ofertando unha actividade de difusión en materias de interese xeral.

As persoas interesadas en participar neste ciclo de conferencias e logo recibir unha certificación de asistencia poden solicitalo a través do seguinte enderezo de internet: http://www.extensionuned.es, buscando as actividade da Aula da UNED de Tui.

Cada mes haberá unha conferencia neste ciclo de extensión universitaria que oferta a Aula da UNED tudense

Día

Ponente

Conferencia

21 enero

Julia Crespo Comesaña

Estrategias de comunicación en la familia

25 febrero

Teresa Domínguez Pérez

Desarrollo de competencias en la familia

26 marzo

Jesús Martínez Carracedo

Vivir éticamente para morir dignamente

6 mayo

Agueda Gutierrez

La importancia de los hábitos en la práctica de la actividad físico-deportiva para todos

27 mayo

Jorge Soto

¿Qué educación para que sociedad? Las TIC en la sociedad del conocimiento

  

O Concello de Tui desaconsella beber auga da traída durante uns días debido a tarefas de limpeza dos depósitos

O Concello de Tui desaconsella beber auga da traída durante uns días, ata mediados da semana que vén, debido ás tarefas de limpeza dos depósitos da depuradora que se está levando a cabo.

Esta semana, dentro dos labores de mantemento anual na depuradora municipal, persoal do concello procede á limpeza dos catro depósitos existentes. O primeiro no que se acometeron estes labores foi o depósito de auga bruta, no que se almacena a auga que se recolle directamente do río. E desde onte as tarefas de limpeza vanse realizar tamén nos depósitos de auga xa depurada de 4 mil metros cúbicos e 2 mil metros cúbicos, así coma no depósito ubicado en Matelo, en Randufe. Os técnicos agardan ter rematadas estas tarefas o próximo martes, e a partir de aí a auga será xa novamente apta para o consumo.

Dende o Concello de Tui salientan que a auga segue sendo apta para ducharse ou para cociñar, xa que ao ferver elimínase calquera residuo, pero aconséllase non consumila directamente para beber debido as tarefas antes mencionadas.

Dende o Concello Tui piden desculpas aos veciños polas molestias que estes traballos poidan ocasionar, pero salientan que se trata de tarefas de mantemento anual, que son necesarias realizar e que redundarán no bo servizo e calidade da auga da depuradora municipal.

 

Cidades da Muller: Tui-Valença inician o luns os actos do 8 de marzo

O próximo luns, 28 de febreiro, dará comezo o programa conxunto  do Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença, para conmemorar o 8 de Marzo Día Internacional da Muller, que se iniciará cun concerto que ofrecerán alumnas do Conservatorio de ámbalas dúas cidades.

Será, ás  20 horas,  na sala de audicións do Conservatorio Profesional de Grao Medio de Tui.  Ademais das actuacións musicais haberá poesia en portugués e en galego con representación faz dúas cidades, pechando o recital a poetisa Marga Do Val cun poema inédito escrit para esta ocasión. As mulleres que asistan ao acto serán agasalladas cunha flor ao seu remate. O acto dividirá se en tres bloques: concerto, intervencións dos alcaldes de Tui e Valença, e Recitado de poemas.

 

A empresa Utingal logrou a certificación de calidade aeronáutica e ten un contrato con Airbus

A empresa tudense Utingal S.L. situada no Parque Empresarial de Areas vén de recibir a certificación de calidade UNE EM 9100:2003 do sector aeronáutico.  Esta é unha das oito empresas galegas do sector metalúrxico que grazas a ASIME, a asociación que reúne as empresas deste sector, que ante a crise no metal decidiu derivar parte destas empresas ao sector aeronáutico. Aínda que inicialmente eran máis as que apostaron polo cambio finalmente so oito deron os pasos definitivos, e buscaron esta certificación de calidade, o que supuxo un importante desembolso económico e organizativo, para o que a ASIME ao través da Consellería de Economía e Industria logrou unha subvención para este cometido. Así o explicaba na RMT o xerente de Utingal Jesús González Lago, quen sinalaba que a súa empresa tiña certa vantaxe porque xa en 2008 traballaran para Airbus, un encargo polo que a propia compañía aeronáutica os felicitou. Deste xeito puxéronse a traballar para pasar esta auditoría de calidade que testeaba mil puntos, obtendo o aprobado en todos eles.

Deste xeito Utingal, que se dedica principalmente a servizos de enxeñería vinculados ao sector da automoción, dedicarase agora tamén ao sector aeronáutico. Nese campo teñen xa un contrato con Airbus para facer uns equipos de modelaxe dunhas pezas que forman parte do sistema de estabilización do avión nas ás.

Expuña Jesús González que nestes momentos o nicho aeronáutico suporá unha carga de traballo importante este ano. As expectativas son que a raíz deste traballo poidan xurdir tamén outros encargos.

Conseguir tanto a certificación de calidade coma este contrato con Aribus non sería posible sen a implicación da plantilla, tal e coma destacaba o xerente de Utingal.

A empresa Utingal comezou a súa actividade en 1998 con 5 empregados, contando na actualidade con 49, 25 deles na sede de Tui.

 

Patrimonio Cultural restaurará a portada románica da Catedral de Tui

Nas próximas semanas comezarán os traballos de restauración e conservación  da portada románica da Catedral de Tui acometidas pola Subdirección Xeral do Instituto do Patrimonio Cultural de España dependente do Ministerio de Cultura.

Alfonso Múñoz Cosme, subdirector xeral deste Instituto, explicaba na emisora municipal de Tui que esta obra é complementaria doutras obras acometidas con anterioridade, consiste na restauración da portada setentrional da Catedral que anteriormente recibirá xa un tratamento pero outro elementos quedaran pendentes.

O prazo estimado para realizar os traballo é de catro meses, e agárdase que comece nas próximas semanas, unha vez remate o tempo invernal.

Logo desta actuación toda a fachada románica quedaría en perfecto estado, e quedarían pendentes outros traballos pero xa menos importantes logo dos acometidos nos últimos anos.

    

Obradoiro dos Axóuxeres mañá sábado

            A Área Panorámica acolle mañá sábado de 17.30 a 19.30h o “Obradoiro dos axóuxeres” enmarcado dentro do Festival dos Axóuxeres que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística no que colabora a Concellería de Cultura de Tui.

            Este obradoiro consistirá nun pequeno curso de técnicas de masaxe infantil, música, cantigas de arrolo tradicionais galegas, xogos de iniciación... As persoas que desexen participar poden reservar a súa praza gratuíta ata ás catro desta tarde no 630 230 338.

 

Xoves, 24 de febreiro de 2011  

Carlos Vázquez Padín, presentará o seu libro “Galeguismo e Liberdade”

Hoxe, ás oito da tarde,o candidato á alcaldía de Converxencia XXI, Carlos Vázquez Padín, presentará o seu libro “Galeguismo e Liberdade” na sala Félix Rodríguez da Área Panorámica nun acto aberto a todos os interesados. Intervirán durante a presentación, representantes da Editorial 2.0 e Eduardo Giménez, presidente da GALIDEM, think tank integrado no European Liberal Forum

 

A aula CeMIT (antigo telecentro) acolle dous cursos: “Marketing en internet” e “Xestión de contidos (cms)”

A Aula CeMIT de Tui (o ata agora denominado Telecentro) acollerá nos meses de marzo e abril dous cursos de formación en multimedia e audiovisuais que abranguen actividades formativas nas que se combinan as sesións presenciais coa actividade on-line.

Os cursos, de carácter gratuíto,  a impartir son Marketing en Internet (6 horas presenciais e 24 horas on-line), que comezará o 21 de marzo, estando abertas as inscricións ata o 11 do vindeiro mes (podendo realizarse a través da páxina web http://cemit.xunta.es, no correo electrónico formacion-cemit@xunta.es ou no teléfono 902.222.321). Ao longo do curso trataranse temas como: web 2.0, marketing relacional nos espazos sociais on-line, ferramentas de publicación e micropublicación, RSS, marcadores sociais, social media plan marketing, etc.

O segundo curso que se impartirá é Xestión de contidos (CMS): (6 horas presenciais e 24 horas on-line), iniciándose o 4 de abril, abríndose as incricións ata o 25 de marzo (poden realizarse na páxina web http://cemit.xunta.es, no correo electrónico formacion-cemit@xunta.es ou no teléfono 902.222.321). Os temas a desenvolver centraranse en sistemas de xestión de contidos, instalación dun servidor web, joomla nun servidor local e outras ferramentas de xestión.

Para a realización dos cursos deben existir un mínimo de cinco matriculados.

A Rede CeMIT que abrangue nunha única rede aos antigos Telecentros e Centros Dinamizadores configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información en Galicia no marco da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal. Deste xeito, CeMIT coordina as actuacións e actividades formativas nos 94 concellos nos que ten presenza a rede, é dicir, preto de 3.000 horas de formación para achegar as novas tecnoloxías a toda a sociedade galega.

Para o Concello de Tui a posta en marcha desta nova etapa nestas aulas de formación nas novas tecnoloxías da información e a comunicación contribuirá positivamente á formación dos cidadáns tudenses ofrecendo ferramentas de capacitación en material multimedia e audiovisual imprescindibles actualmente para a inserción no mercado laboral. Con estas novas actividades a Aula CeMIT de Tui continúa impulsando actividades de alfabetización e información dixital, unha oferta que agarda ampliarse con novos cursos nun futuro inmediato.

 

Pleno ordinario de corporación hoxe xoves

A corporación municipal de Tui celebra hoxe ás oito da tarde pleno de carácter ordinario con tres puntos na orde do día. Comezarán coa aprobación das actas das sesións anteriores, a extraordinaria do 13 de xaneiro e da ordinaria do 27 de xaneiro.

O punto segundo é a modificación da Relación de Postos de Traballo, e no terceiro de control aos órganos de goberno van as disposicións de interese, decretos da alcaldía, mocións e quenda de rogos e preguntas.

 

Oferta de cinco prazas ao abeiro do Plan de Emprego Municipal de Tui

O Concello de Tui anuncia a convocatoria cinco postos de traballo ao abeiro do Plan de Emprego Municipal. Trátase de tres prazas de oficiais de segunda para limpeza e mellora de vías municipais , e de dous oficiais de segunda. O contrato en todos os casos terá carácter temporal e unha duración máxima de cinco meses.

As persoas interesadas deben presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de cinco días hábiles contados a partir de hoxe. As bases completas destas convocatorias pódense consultar na web www.concellotui.org

 

O director xeral de Voluntariado presidiu o primeiro encontro territorial de informadores xuvenís en Tui

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañadodo concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez, presidiu onte o primeiro encontro territorial de informadores xuvenís, que se celebrou en Tui. Trátase da primeira vez que a xuntanza ten este formato de delimitación territorial, xa que ata o momento eran reunións de carácter provincial.

Rodeiro explicou que este novo modelo de encontros cos técnicos das Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) permite traballar en “grupos pequenos” que favorecen unha “maior participación”, así como promove a posibilidade de debater os problemas máis próximos á realidade dos participantes.

Durante a xuntanza, os responsables da área autonómica de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, deron a coñecer a “Estratexia de Xuventude” de cara a 2013. Trátase dun documento de utilidade, que debe servir como referencia para o traballo diario dos informadores e que define o programa a seguir en materia de mocidade durante os próximos catro anos.

Este proxecto está constituído por máis de 250 medidas transversais, que se establecen ao redor de nove eixos: educación, emprego, creatividade e espírito empresarial, vivenda, saúde e deporte, información e formación, participación e asociacionismo, voluntariado e mobilidade.

Ademais de dar conta deste documento, entre outras novidades, o director xeral resaltou que este ano incluíuse, dentro dos programas de cooperación para a contratación de parados por parte dos concellos, o ámbito da información xuvenil, para que as OMIX poidan contar –cando o así o soliciten as entidades locais- con persoal durante un período de tempo que as axuden no seu traballo.

Rodeiro lembrou tamén que se está a elaborar a Lei de Xuventude, e que a Xunta aposta por aumentar a formación entre os informadores xuvenís, os monitores e a mocidade en xeral.

Por outra banda, e aproveitando a xuntanza cos representantes das OMIX, o representante autonómico defendeu “unir esforzos e evitar duplicidades”. Por iso, fixo fincapé no papel relevante e “protagonista” que deben ter estas oficina nas súas zonas, no que se refire a información, asesoramento e dinamización xuvenil.

Por iso, adiantou que aquelas OMIX que estean interesadas poderán xestionar directamente determinados programas dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En concreto, esta modalidade de xestión xa comezará co programa “Roteiros”, pero se ampliará posteriormente a outros programas. O obxectivo desta colaboración é, fundamentalmente, evitar duplicidades e axilizar a tramitación, insistiu Rodeiro.

Por outra banda, puxo tamén á disposición das OMIX os equipos de dinamización da xuventude, que xuntos cos profesionais dos Quérote máis, apoiarán aos técnicos municipais na difusión da información xuvenil, no apoio ás asociacións do entorno e á súa constitución,e na detección das necesidades e demandas da mocidade da zona.

Por último, lembrou que os profesionais de xuventude dos concellos poden solicitar cursos, xornadas e obradoiros sobre diferentes temáticas á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, de xeito totalmente gratuíto, xa que serán impartidos polos propios técnicos do Quérote máis ou dos equipos dinamizadores.

 

 Os veciños da rúa Palláns fan unha serie de reclamacións ao Concello

Os veciños da rúa Palláns demandan unha serie de actuacións ao Concello nesta rúas e no seu entorno.

Por unha parte solicitan ao Concello de Tui que se pinte de xeito urxente o paso de cebra que existe entre esta rúa e a rúa Calzada. Tamén piden se pinte a sinal de prohibido estacionar nesta rúa co obxectivo de axilizar o tráfico na confluencia entre a rúa Palláns e Calzada. Outra das súas demandas son unha limpeza máis continua e rigorosa da rúa e da canle lateral de recollida de augas pluviais.

Por outra parte os veciños da rúa Palláns pregan ao Concello que ben a Policía Local ou Protección Civil acudan ás entradas e saídas dos escolares dos colexios para dar máis seguridade aos nenos e nenas ante a alta concentración de tráfico rodado que se da nesa hora. Por último demandan que se arranxe o pavimento do calexón situado entre o pavillón municipal de deportes e un edificio de garaxes que conduce ao CEIP nº1, ao tempo que piden ao Concello que inste aos propietarios do edifico ao arranxo das canaletas do tellado que están rotas o que provoca a inundación do calexón cando chove, e que pais e nenos rematen empapados ao pasar por este lugar nestes días. Tamén alertan do perigo duns bloques soltos sobre o tellado.

 

Asemblea da Asociación de Veciños de Randufe

A Asociación de veciños de Randufe celebra este sábado, 26 de febreiro, Asemblea Xeral Ordinaria. Será ás 20.30h en primeira convocatoria e ás 21:00, en segunda no Centro Cultural de Randufe.

A orde do día será a seguinte: 1. Lectura e aprobación da ACTA anterior, se procede; 2. Estado de contas ( Ingresos/Gastos no exercicio 2010); 3. Actualización de Socios (Altas/Baixas); 4. Memoria relativa ao exercicio do ano 2010; 5. Proxecto e presuposto para o ano en curso (2011); 6. Rogos e preguntas.

 

Mércores, 23 de febreiro de 2011  

Acitui entregou os vales de San Valentin

ACITUI fixo entrega na súa sede dos vales da campaña de san Valentín do sorteo feito o día 11 de febreiro na radio municipal de Tui.

Foi un concurso no que as persoas interesadas en gañar os vales, tiñan que chamar á radio para contar como se declararon ou como se lle declararon.

Entre todas as persoas que chamaron saíron os gañadores. O primer premio foi unha noite con almorzo para dúas persoas no Parador de Turismo de Tui. Ademais sorteáronse 4 vales de 50 € para gastar nos comercios asociados a ACITUI durante San Valentín.

 

Sarabela Teatro pon en escena “Konrad ou o neno que saíu dunha lata de conservas”

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres ás 20h a representación de “Konrad, ou o neno que saíu dunha lata de conservas” da man de Sarabela Teatro.

Trátase dunha comedia infantil, con sesenta minutos de duración, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e interpretada por Elena Seijo, Sabela Gago, Fernando Dacosta, Tito R. Asorey e Nate Borrajo.

Na mesma cóntase a historia da señora Bartolotti que un día recibe por correo un fillo de sete anos chamado Konrad, que sae dunha lata de conservas. Nesta obra cóntase con moito humor as emocionantes e divertidas situacións na que se ve envolta a señora Bartolotti pola presenza deste neno e cómo o defende cando se descobre que houbo unha equivocación e o envío non era para ela.

Sarabela Teatro é unha das compañías máis consolidadas en Galicia, levando 29 anos en escena. No seu haber contan cunha importante lista de galardóns os máis recentes son os cinco premios María Casares pola montaxe de “A Esmorga” polo que están nominados amais coma mellor espectáculo revelación ao premios Max. Uns galardóns no que a directora da compañía Ánxeles Cuña Bóveda está tamén nominada coma mellor autora dramática en galego por “Dame Veleno”.

As entradas para esta representación están xa á venda ata o venres ás 13h na web www.culturatui.info ou o venres dende ás 18.30h pódense adquirir no despacho de billetes na Área Panorámica. As entradas teñen un prezo xeral de 3€, e 2€ para os que teñan dereito a algúns dos descontos establecidos como xubilados, estudantes, parados, familia numerosa, discapacitado ou posuidores do carné xove ou do carné máis.

 

Hoxe asínase o convenio para que Tui conte cun Centro de Información á Muller

Ás doce do mediodía de hoxe a Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González, e o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, asinarán na sala de reunións da Casa do Concello de Tui  un convenio que posibilitará que Tui conte cun Centro de Información á Muller grazas ao acordo de cooperación para a posta en marcha do proxecto europeo CEDIM.

O proxecto europeo CEDIM pretende mellorar as condicións de vida das mulleres que residen na zona transfronteiriza entre Galicia e Portugal, dotándoas de información, formación, asesoramento e recursos, baixo a fórmula da utilización compartida de equipamentos e servizos destinados á información da poboación feminina.

O de Tui será un dos catro CIM que se van crear con carácter transfronteirizos. Os outros estarán na Cañiza, Monterrei e en Vila Verde en Portugal.

 

Presentación do libro “Galeguismo e liberdade” de Carlos Vázquez Padín

A Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica acolle este venres ás 20h a presentación do libro “Galeguismo e liberdade” de Carlos Vázquez Padín. Esta será a primeira presentación desta publicación que logo será presentado tamén na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración en Santiago, así como en Vigo e na Coruña.

Este libro é o número 6 da colección de ensaio Supertextos de 2.0 Editora, que aborda temas de actualidade social, política, ou económica. Con esta obra a colección ábrese ás achegas de autores galegos con interesantes reflexións cívicas arredor da sociedade, a Galicia actual ou o sistema político.

 

Martes, 22 de febreiro de 2011  

Tui –Valença  cidades da muller: 8 de marzo Dia Internacional da Muller

Co gallo do 8 de marzo Dia Internacional da Muller, o Concello de Tui e  a Cámara Municipal de Valença poñen en marcha unha serie de actividades e actos de forma conxunta coma xa fixeran o ano pasado. O obxectivo é facer á muller protagonista na semana previa a esta data, facendo visible e conscientemente presente a importancia das mulleres na sociedade, na cultura, na arte, na educación,etc.

Tomando como punto de encontro das dúas cidades o Consevatorio Profesional de Grao medio de Tui e a Piscina Municipal de Valença, ambos lugares de plena convivencia de ambas cidades, poderase disfrutar das seguinte actividades:

Concerto do Día Internacional da Muller, que ofrecerán alumnas de ambas cidades, que incluirá canto e poesía. Luns 28 de febreiro ás  20h  na sala de audicións do Conservatorio.

Exposición de Mulleres Artistas de Tui e Valença na Piscina Municipal de Valença,  que se inaugurará o día 1 de marzo as 20h. Contarase con actuacions musicais de ambas cidades.

Xornada de portas abertas na Piscina Municipal de Valença o 5 de marzo.

Reparto de flores entre as mulleres simultáneamente nas dúas cidades o 7 de marzo

 

Concerto de gaita e piano no Conservatorio de Tui

A sala de audicións do Conservatorio Profesional de Grao Medio de Tui acolle ás nove desta noite un concerto de gaita e piano a cargo de Jose Manuel Caballero, ex alumno do centro, acompañado por actuais alumnos do conservatorio.

 

Cores Tourís recibiu a Antonio Fernández Rocha para falar do trazado da autovía Tui-A Guarda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu onte ao alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, para falar sobre o trazado da autovía que unirá este municipio con A Guarda.

Na reunión estiveron presentes tamén o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como responsables do Servizo de Infraestruturas desta Xefatura Territorial.

Deste xeito, dende a Delegación Territorial recolléronse as demandas do alcalde de Tui en relación ao trazado desta estrada, recordando José Manuel Cores Tourís, que nestes intres estase na fase de atender as peticións e solicitudes dos concellos e veciños afectados. “O obxectivo, sen dúbida”, explicou o delegado territorial, “é conseguir, na medida do posible, que o impacto sobre a zona sexa o menor”.

Ademais, o rexedor tamén aproveitou a súa visita a Pontevedra para trasladarlle a José Manuel Cores Tourís, outra solicitude en relación a esta futura autovía. “Para nós sería moi importante”, engadiu Antonio Fernández Rocha, “que existise un acceso directo ata o polígono empresarial de Tui, xa que permitiría un maior número de visitantes aos negocios situados neste punto, así como facilitar tamén a distribución e loxística desta área”.

O delegado territorial en Pontevedra comprometeuse a trasladar as solicitudes presentadas polo concello de Tui á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

 

Sábado, 19 de febreiro de 2011  

Converxencia XXI de Tui anuncia a incorporación do independiente José Antonio Quiroga na candidatura

José Antonio Quiroga Quiroga ocupará un posto entre os cinco primeiros, en calidade de independente, dentro da lista de Converxencia XXI ás vindeiras eleccións municipais de Tui. O J. Antonio Quiroga Quiroga é tudense de nacemento e residencia, e exerce a sua profesión de arquitecto desde hai moitos anos no seu estudio localizado nesta cidade, e é tamén promotor e Presidente da Fundación Teatro Principal de Tui. 

Desde Converxencia XXI, pensaron en Quiroga como un complemento de veteranía e experiencia dentro da lista ás municipais e se así o deciden os cidadáns, xa que foi concelleiro de urbanismo e obras nos anos oitenta no goberno municipal de Unión Tudense, tamén foi promotor do partido local Acción Tudense, cuxas siglas cedeu ao Miguel Capón nas eleccións municipais de 2003 e de 2007, decindo o pasado ano retirárllelas debido ao apoio que o Capón prestou a Fernández Rocha durante os dous últimos anos do actual mandato.

Dentro do perfil persoal e político de Quiroga, desde Converxencia XXI destacan o seu compromiso como concelleiro e como cidadán de a pé, cando así lle correspondeu, coa cidade, expresando este compromiso entre moitas outras actividades, con frecuentes cartas á prensa local opinando sempre de forma clara e sen cortapisas de cantos temas de actualidade considerou oportuno servindo, engaden desde a formación política, a moitos de exemplo dun comportamento activo de cidadanía que tan necesario é para o progreso da sociedade.

A incorporación de José Antonio Quiroga Quiroga é un paso máis na andaina para ofrecer á cidadanía de Tui unha alternativa o máis sólida e convincente posible para darlle ao concello, insisten, a viraxe que precisa con verdadeira urxencia.

Desde Converxencia queren clarexar que xa teñen confirmadas candidaturas, ademais de en Tui, onde foi fundado o partido en 2009, en Santiago de Compostela e na Coruña, sendo, de momento, un partido pequeno, pero independente.

 

Próxima proxección do Cineforum o 22 de febreiro con “Soño dunha noite de San Xoán”

O próximo 22 de febreiro, último martes de mes, proxectarase no Telecentro da Area Panorámica, no CEIP de Rebordáns, CEIP de Randufe  e nas aulas do CRA Mestra Clara Torres, de forma simúltanea as 18.30 horas, a película de animación: “Soño dunha noite de San Xoan”, unha fermosísima e divertídisma película que ten acadado numerosos premios e recoñocementos.

A Concelleira de Educación, Patricia Ricón, anima aos rapaces a asistir ás proxeccións nos  propios centros escolares ademais do Telecentro, como forma de apertura dos mesmos ás diferentes parroquias, e esperando que alí coincidan cos compañeiros de aula.

Sinopse: Din as lendas que unha noite ao ano, polo San Xoán, os humanos poden acceder ao Mundo Máxico. Helena, inteligente pero pouco soñadora, non cre en contos. Así e todo, cando cae enfermo seu pai, o duque Teseo, ela está disposta a calquera cousa para lle devolver a ilusión. Mesmo ir na procura de Titania, raíña das fadas. Non obstante, o Mundo Máxico xa non é o que era, polo mal xeito de gobernar do rei Oberón, quen comercia cos feitizos axudado polo trasno Perecho.

 

As modificacións do PXOM indicadas pola Xunta irán a pleno nas próximas semanas

A final de febreiro ou comezos de marzo o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, confía en levar a un pleno extraordinario as modificacións indicadas pola Xunta na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, logo de que o equipo redactor teña entregado xa o documento con estes cambios.

A próxima semana o rexedor indicaba que haberá unha reunión co equipo redactor para explicar esta documentación previamente á celebración das Comisión Informativas.  O obxectivo segundo Fernández Rocha, é contar cun texto refundido para aprobar de xeito íntegro todo o planeamento.

O Alcalde confía en que no mes de marzo ou abril se poida publicar xa o Plan Xeral aprobado definitivamente na súa totalidade.

 

Sinatura do convenio para a creación do CIM en Tui

O próximo mércores, 23 de xaneiro, ás 12h terá lugar na Sala de Concelleiros do Concello de Tui a sinatura dun convenio entre a Secretaría Xeral de Igualdade e o Concello de Tui para por en marcha en Tui un Centro de Información á Muller transfronteirizo ao abeiro do proxecto europeo CEDIM.

Asistirán a este acto a Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González e o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha.

 

Venres, 18 de febreiro de 2011  

Ata o 4 de marzo pódense presentar nos Servizos Sociais de Tui as solicitudes para os Campamentos da Lanzada da Deputación

 Ata o 4 de marzo pódese presentar na oficina de Servizos Sociais de Tui toda a documentación para solicitar praza para asistir aos campamentos de verán da Deputación no Centro de Vacacións da Lanzada.

Estes campamentos van dirixidos a rapaces e rapazas nados entre 1998 e 2003. Ofrécense un total de once quendas que van do 23 de xuño ao 1 de setembro.

Para efectuar a reserva de praza os interesados deben presentar a folla de solicitude, ficha de inscrición coa documentación nas oficinas de Servizos Sociais, antes do día 4 de marzo.

A finais do mes de marzo a Deputación Provincial de Pontevedra remitirá ao Concello de Tui a lista dos nenos e das nenas admitidos/as, indicando a quenda que lle foi asignada por sorteo. Unha vez recibida esta lista de admisións, para poder asistir ao campamento, efectuarase o pagamento da taxa (68 €).

 

Tui contará cun Centro de Información á Muller

Tui será un dos tres municipios onde se vai abrir un Centro de Información á Muller grazas ao acordo de cooperación para a posta en marcha do proxecto europeo CEDIM asinado pola secretaria xeral da Igualdade, Marta González,  a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mª del Mar Pereira, e a presidenta da Comissâo para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal, Teresa Fragoso.

O proxecto europeo CEDIM pretende mellorar as condicións de vida das mulleres que residen na zona transfronteiriza entre Galicia e Portugal, dotándoas de información, formación, asesoramento e recursos, baixo a fórmula da utilización compartida de equipamentos e servizos destinados á información da poboación feminina.

Entre esas infraestruturas está a creación de catro novos Centros de Información ás Mulleres (CIM), tres en Galicia e un en Portugal, que realizarán actividades de información, formación e orientación as mulleres. De feito, nesta reunión decidiuse que os novos CIM estarán ubicados nos concellos fronteirizos pontevedreses de Tui e A Cañiza e no ourensano de Monterrey, tamén fronteirizo; no caso de Portugal estará localizado no concello de Vila Verde.

Ademais, establecerase unha rede de centros compartidos, crearase a figura de “dinamizadora de centros compartidos” e organizaranse seminarios de formación e intercambio de experiencias dirixidos a usuarias do proxecto e a profesionais que traballen nos CIM.

Realizarase previamente un estudo para coñecer as necesidades técnicas e persoais dos servizos existentes, e para mellorar as sinerxías da cooperación e da xestión conxunta para a integración socioeconómica e institucional.

O proxecto tamén realizará a identificación e difusión do mapa de recursos transfronteirizos para a promoción da igualdade, e creará unha plataforma web para a rede de centros de información ás mulleres, uns setenta e oito na actualidade, na que se promoverá a incorporación laboral das mulleres a través de mecanismos que faciliten o teletraballo e a optimización das oportunidades existentes no mercado laboral transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal.

A idea deste proxecto xurdiu da necesidade de dotar á área de intervención do proxecto de mellores recursos en materia de igualdade, e facelo de forma coordinada entre Galicia e o norte de Portugal para utilizar recursos conxuntos que podan mellorar a situación das mulleres, especialmente no que se refire á súa formación e ao emprego.

Entre os obxectivos do proxecto CEDIM está o fomento da utilización compartida de equipamentos e servizos entre os colectivos raianos, superando a fractura da fronteira galaico-portuguesa; así como a promoción e a mellora da eficacia das redes estables de cooperación transfronteiriza de eido municipal.

 

Xoves, 17 de febreiro de 2011  

O Centro Dramático Galego presenta en Tui “Salomé”

No mítico país de Galilega transcorre a acción de “Salomé” a obra que este venres representa o Centro Dramático Galego no Teatro Municipal de Tui a partir das 21.30h. No mesmo ofrécese unha lectura satírica do texto homónimo de Óscar Wilde mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas.

O espectáculo foi presentado onte pola directora do CDG, Blanca Cendán, pola actriz María Salgueiro xunto ao Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e polo Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, expuña nesta presentación que a relación de Tui co CDG é de “amizade, complicidade e de defensa do teatro”. Engadía que para “un concello pequeno pero con aspiracións culturais moi importantes é unha honra que o Centro Dramático Galego veña a Tui” apuntando que “todas a producións que fixo estiveron en Tui, e esperamos que sexan moitas más as veces nas que o CDG conte con Tui, unha cidade cunha media de espectadores tremenda en relación ao número de habitantes”

Blanca Cendán, a directora do CDG manifestaba que é “unha honra coma directora poder levar a cabo estas producións” explicando que a montaxe de Salomé “foi unha especie de anceio persoal porque fora unha obra representada hai vinte anos no CDG”. Explicaba que “Salomé” está no segundo mes de xira na que o público está a acudir ao teatro pese a ser unha época de crise”

A actriz María Salgueiro,  que interpreta o papel de Herodías a muller de Herodes, destacaba que o texto é moi interesante e apuntaba a boa afluencia de público que están a ter pese á crise.

Por último o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, sinalaba que é un pracer presentar un novo espectáculo do CDG porque “en Tui as experiencias vividas son exitosas” engadindo que “o público responde porque se fai unha labor ben feita tanto por parte da Concellería de Cultura coma do CDG”.

En “Salomé” Carlos Santiago dirixe a un elenco formado por María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos que dan vida aos 15 personaxes da historia.

A través dunha posta en escena arriscada neste espectáculo o CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do texto de Wilde. A traxedia segue acontecendo en Galilea pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico.  A acción transcorre nun acto único onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Mentres no exterior o profeta Lokanaán, que denuncia a corrupción e inmoralidade do goberno de Herodes, é encerrado no cortello dos porcos.  Salomé a fillastra de Herodes encapríchase do profeta e desencadea unha sanguenta traxedia.

As entradas para esta representación están xa á venda ata o venres ás 13h na web www.culturatui.info ou o venres dende ás 20h pódense adquirir no despacho de billetes na Área Panorámica. As entradas teñen un prezo xeral de 8€, e 5€ para os que teñan dereito a algúns dos descontos establecidos como xubilados, estudantes, parados, familia numerosa, discapacitado ou posuidores do carné xove ou do carné máis.

 

Tui e Valença celebrarán de xeito conxunto o Día da Muller

O Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença van celebrar de xeito conxunto o Día da Muller que ten lugar o 8 de marzo tal e coma xa fixeron o ano pasado. Baixo o lema “Cidades da muller” teñen elaborado un programa que comeza o 28 de febreiro e remata o 7 de marzo segundo avanza a Concelleira de Muller Patricia Ricón.

O primeiro dos actos previstos, o luns 28 ás 20h, é un concerto no Conservatorio de Tui a cargo de alumnas de Tui e de Valença do Minho e no que amais se darán lectura a poemas entre eles un de Marga do Val que ela mesma lerá.

Xa o 1 de marzo ás 20h inaugurarase unha exposición de pintura na piscina municipal de Valença onde o 5 de marzo celebrarase unha xornada de portas abertas. Por último 7 de marzo realizarase unha entrega de flores as mulleres de Tui e de Valença do Minho  xunto cun poema en galego escrito por Marga do Val e outro en portugués.

 

Concerto na Viñoteca de García

A Viñoteca de García acolle hoxe ás 10.30 da noite un concerto do grupo Malaherba. Está formado por Cayetano Amenabar á zanfona, Sergio Cobos ao acordeón e Xacobe Lamas ao violín.

 

Mércores, 16 de febreiro de 2011  

Dende hoxe e ata o venres está aberto o prazo de inscrición para o Desfile-Concurso de Entroido a celebrar o 8 de marzo en Tui

Dende hoxe, mércores, e ata este venres, 18 de febreiro, estará aberto o prazo de inscrición para participar no Desfile de Entroido de Tui que se celebrará o martes 8 de marzo.

As bases pódense consultar premendo AQUÍ e, así como no taboleiro de información do Concello e no Departamento de Cultura.

Establécense dúas modalidades de participación: comparsas, que deben estar formadas coma mínimo por 25 persoas, e grupos que deber ter un mínimo de 12 integrantes e un máximo de 20.

A inscrición debe facerse no Departamento de Cultura no impreso normalizado para este fin ata o venres de 10 a 14 horas.  Establécense un máximo de 14 comparsas participantes e 7 grupos, coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra de concurso.

No desfile-concurso serán repartidos máis de 6 mil euros en  premios, unha contía á que hai que sumar a do importes fixos por participar que vai dos 50 euros para grupos foráneos sen carroza aos 500 de comparsas tudenses con carroza.

En premios establécese unha categoría Xeral na que o xurado valorará a orixinalidade, vestiario, reacción do público, acompañamento musical en vivo, parodia e carroza,con premios por importe de 1.000€, 800€, 600€, 400€, 200€ e 100€. Amais establécense seis premios e trofeos para as carrozas, valorados entre 600 e 50 euros. En acompañamento musical haberá tres premios de 300, 200 e 100€, e como novidade establécense tres premios á Fantasía  de 300, 200 e 100€, nos que se valorará o vestiario e a coreografía. 

O Desfile-Concurso celebrarase o martes 8 de marzo, festivo local en Tui, a partir das 17.30 horas nun circuíto pechado polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.  A orde de saída dos participantes establecerase mediante sorteo o 1 de marzo ás 20 horas no Salón de Sesións da Casa do Concello de Tui. A orde de saída, segundo o recollido nas bases, será en primeiro lugar os grupos de fantasía, despois os grupos de parodia, as comparsas de fantasía e por último os grupos de parodia.

Os grupos e comparsas participantes deben asistir na súa totalidade ao Enterro do Bacallau que se celebrará o domingo, 13 de marzo, ás 19.30 horas dende a Praza de San Fernando até o Aparcamento Municipal.

 

Laureano Alonso, Candidato á Alcaldía do Concello de Tui polo BNG

O actual voceiro do grupo municipal do BNG, Laureano Alonso, será o candidato á Alcaldía do Concello de Tui polo BNG nos próximos comicios municipais. Así o decidiu a Asemblea local do BNG, sendo ratificada esta decisión polo Consello Comarcal e o Consello Nacional.

Laureano Alonso, de 42 anos de idade, natural de Paramos, é Licenciado en Filoloxía clásica e traballa coma profesor de latín e grego no ensino secundario. Realizou un Máster en Dirección e Administración de Empresas pola Universidade Politécnica de Madrid. Na vida social está moi ligado ao Tyde desde hai anos, formando parte da súa xunta directiva. E directivo da Peña Celtista Tudense. É sobradamente coñecida a súa experiencia política como concelleiro en Tui dende o ano 2003 e como portavoz do BNG na Corporación dende o 2007.

A Asemblea local do BNG tamén ratificou o 1º tramo da lista electoral.

O nº 2 da lista será Carme Verde Diego, actual concelleira do BNG na Corporación. Nacida na Guarda (1965) viviu ate os 18 anos en Tui, cando marchou a estudar a Santiago de Compostela, para regresar definitivamente á cidade tudense hai case 10 anos onde reside no Casco histórico. Fixo dúas carreiras sendo Doutora en Filosofía Política e en Ética e Diplomada en Traballo Social. Exerce como Profesora na Universidade de Vigo e na UNED e imparte Conferencias e cursos especializados en Másters. Forma parte do Consejo General del Trabajo social, importante entidade de carácter estatal que se ocupa dos intereses dos Traballadores sociais e dos Servicios sociais. Ten longa experiencia política no BNG sendo membro das Comisións Nacionais de Servizos sociais, de Migracións e de Muller.

Xosé Martínez Tato, nacido en Tui hai 57 anos, e residente en Randufe, irá en 3º lugar na lista electoral. É traballador en activo no sector no metal é unha persoa amplamente coñecida en Tui pola súa implicación social. Coñéceselle polo seu traballo a favor do Atletismo onde dirixiu durante anos o Club de atletismo de Tui e organizou, entre outros actos, diferentes Maratóns. Así mesmo é salientable o seu compromiso coas persoas con discapacidade o que se concreta na súa vinculación como membro directivo do San Xerome Emiliani e de ASIMAGA (Asociación Española de Afectados polo Síndrome do Maullido do Gato). Foi ademais membro da Plataforma Aire Limpo, e a día de hoxe ostenta, entre outros cargos, o de Secretario da Comunidade de Montes de Randufe.

O nº 4 da lista electoral será Marga Romero Lorenzo. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portugués e Profesora no Instituto San Paio de Tui de Lingua e Literatura Galegas. Exerceu a docencia como Lectora de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Tréveris (1995-2000) e impartiu aulas na Universidade de Colonia (Alemania). Imparte conferencias e participa en moitos actos en prol da cultura e da lingua do país. É unha recoñecida escritora (Marga do Val é o seu nome artístico) ademais de crítica literaria e articulista e como tal colabora en diferentes medios de comunicación. Tamén participou como actriz en diferentes obras. A súa implicación no mundo artístico e intelectual e o seu compromiso político son sobradamente coñecidos: é militante do BNG dende hai 25 anos onde exerceu diferentes responsabilidades como pertencer as Comisións Nacionais de Migración, de Muller, ou ser Responsable de prensa nacional do BNG. É a primeira vez que Marga Romero participa dunha lista municipal polo BNG aínda que xa foi candidata noutras ocasións, por exemplo, nas Listas electorais ás Eleccións europeas.

Xan Nogueira Pérez será o nº 5 da lista electoral do BNG. Nacido en Tui e residente en Areas, está pre-xubilado no sector do metal. Recoñecido sindicalista a súa vida foi sempre un exercicio de  compromiso social. Xan Nogueira é unha persoa moi coñecida na súa parroquia onde participa do movemento asociativo e veciñal. Formou parte da Plataforma Aire Limpo, é membro da Asociación de Veciños de Areas, participa activamente no Centro social e está integrado na Plataforma de afectados pola VAC.

O BNG completará a súa lista electoral durante o mes de febreiro incorporando persoas relevantes e significativas pertencentes a cada una das diferentes parroquias de Tui para que todas estean representadas nas próximas eleccións municipais. Será unha lista que manterá os valores das antigas eleccións municipais pero incorporando tamén novos nomes para tentar facer da súa lista o mellor aval para presentarse as eleccións presentando alternativas reais ao goberno actual de Tui.

 

César Pérez Ares explica que o material enviado en castelán ao CEIP de Randufe foi solicitado polos pais dos escolares

A Xefatura Territorial de Educación, a través do seu responsable, César Pérez Ares, confirmou onte que o material facilitado ao CEIP de Randufe para os nenos de novo ingreso en Educación Infantil é o que solicitou “expresamente” o colectivo de pais do centro.

Deste xeito, o centro solicitou o material educativo en castelán “tras realizar unha enquisa entre os pais dos nenos que ingresaron este ano por primeira vez no colexio, é dicir, os nenos de tres anos”, explicou César Pérez. Isto débese, tal e como argumentou o xefe territorial, ao feito de que xa contan no centro con suficiente material en galego, solicitando agora tamén os libros noutro idioma.

O xefe territorial de Educación insiste en que a decisión foi tomada en común acordo polos pais e apoiada a través dunha acta pola dirección do centro. “Polo tanto, é vontade dos propios pais dos nenos que os libros aportados estivesen escritos en castelán, decisión na que non pode intervir a Inspección educativa e, por tanto, tampouco esta Xefatura Territorial”, rematou Pérez Ares.

O material está composto por unha colección de seis contos sen texto e unha colección de contos con letra redondilla, así como un autoditado e un alfabeto de madeira.

  

Concerto na Viñoteca de García

A Viñoteca de García acolle mañá xoves ás 10.30 da noite un concerto do grupo Malaherba. Está formado por Cayetano Amenabar á zanfona, Sergio Cobos ao acordeón e Xacobe Lamas ao violín.

 

Martes, 15 de febreiro de 2011  

Nueva edición de la Feria de Antigüedades de Tui

La Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, en colaboración con el  Ayuntamiento, organiza el próximo  sábado , día 19, en el Paseo de la  Corredera, el “XVII Mercadiño de Antiguidades” a partir  de las 10.00 horas y hasta las 21.00 horas.

Los objetos antiguos siguen cobrarando protagonismo en este mercadillo, donde además de estar expuestos se podrán comprar gran variedad de antigüedades traídas de distintos puntos de toda Europa en más de 15 puestos.

Acitui anima a todos a que el próximo fin de semana se acerquen a Tui y curioseen por el mercadillo y disfruten de la ciudad.

 

Concentración da Selección Galega de Remo en Tui

Esta fin de semana concentrouse en Tui a Selección Galega de Remo integrada por 51 remeiros dos que 17 son do Club Remo do Miño de Tui, sendo este o club que máis deportistas aporta ao combinado galego.

O Centro Interfederado de Remo é o sitio escollido pola Federación Galega para facer a preparación dos equipos que competirán en Castrelo do Miño a mediados do mes de Marzo, onde se realizarán as competicións da Copa de SM o Rei, Campionato de España por Autonomías na categoría Xuvenil e Sénior, e a regata C.T.D na categoría Cadete.

Na tarde do sábado, baixo as ordes de Luciano Moldovan, realizáronse as series para a formación das tripulacións, onde os seleccionados competiron entre si e cambiando de embarcación, remando todos con todos, e a ritmo de competición, para que o adestrador teña referencias para a formación dos equipos.

Na mañá do domingo, cos equipos xa perfilados, sairán a rodar e a axustarse os remeiros, para o que terán que rodar uns 25 quilómetros. Cara aos próximos fins de semana, a Federación Galega de Remo ten prevista concentracións outra vez en Tui para seguir co axuste e adestramento dos equipos até dous fins de semana anteriores á competición que o farán en Castrelo para adaptarse á pista onde competirán.

   

Cursos de formación no Concello de Tui

O Centro de Formación do Concello de Tui informa da programación do cursos para este ano.

Os cursos ofertados son:

Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas con 3 meses de duración

Operacións de fontanería e calefacción climatización doméstica de 6 meses

Venda de produtos e servizos turísticos , para o que se require ter nivel 3 ou Celga 4, e terá 8 meses de duración

Electricista de edificios con 9 meses de duracion

Fontaneiros de 9 meses

Informática de usuario para o que é preciso ter o Graduado ou a ESO, e durará 2,5 meses

Iniciación á rede internet para o que se require o graduado e durará un mes

Aplicacións informáticas de xestión sendo o requisito ter FPII Administativo, terá 3,5 meses de duración

Auxiliar de montaxes electrónicos con 2 meses de duración

Axente de desenvolvemento turístico para o que se require Bacharelato, COU ou FP II. Durará 6 meses

Azafata auxiliar de congresos sendo o requisito ter Bacharelato, COU ou FP I e durará 4 meses.

Os interesados poden acadar máis información no propio Centro de formación en Guillarei, no teléfono 986 60 39 49 ou no correo cfo@concellotui.org.

 

O domingo celébrase a segunda edición de “Muiñadas no río Tripes”

Este domingo, 20 de febreiro, terá lugar a segunda edición de “Muiñadas no río Tripes” organizada pola Asociación Cultural Muiñeiros do Tripes.

Dende ás dez da mañá e ata ás seis da tarde estarán funcionando cinco muíños no sendeiro do río Tripes facendo fariña de millo.

 

O Kaiak Tudense impúxose no Control de Inverno

O Club Kaiak Tudense arrancou esta fin de semana oficialmente a nova temporada de piragüismo participando no Control de Inverno celebrado o sábado na pista de Verducido. O Kaiak Tudense foi o triunfador da regata ao imporse por clubs con 2.814 puntos seguido do Piragüismo As Torres Romería Vikinga con 2.641 puntos e do Club Breogán do Grove con 1302 puntos.

A nivel individual o seu dominio foi absoluto en K1 senior onde os seus padeiros ocuparon as cinco primeiras posicións. O gañador foi Iván Alonso, seguido de Diego Piña que foi segundo e de Jaime Manuel Sobrada no terceiro lugar, mentres que Roberto Rodríguez Lechuga foi cuarto e Víctor Rodríguez quinto.

Subiron tamén ao podio a cadete Andrea Fátima Porteiro en K1 que gañou a súa regata e Manuel Garrido foi segundo en C1 senior. Nesta categoría o Kaiak situou a seis dos seus homes nos dez primeiros postos, xa que amais do segundo posto de Manuel Garrido hai que salientar o quinto de Oscar Graña, nova fichaxe do Kaiak, o sexto de Daniel Costa Bouzada, o oitavo de Adrián González, o noveno de David Costa Bouzada e o décimo de Ramón Ferro, nova incorporación tamén ao club de Tui.

Deste arranque da temporada falaba o pasado venres no programa Escoita Deporte da RMT o seu adestrador e presidente Esteban Alonso.  Explicaba en primeiro lugar que tras catro meses e medio de adestramentos xa tiñan gañas de competición.

Este ano a priori expuña que non parte coma club favorito xa que lles falta xente na categoría junior e cadete, aínda que en infantsí si teñen un bo número de padeeiros, en senior están consolidados. Tras 16 anos mantendo o listo moi alto recoñecía que isto non é doado.

Os homes e mulleres do Kaiak Tudense son en xeral deportista xa consolidados, con más gañas e ilusión. Algúns deles buscarán nesta temporada unha praza para os Xogos Olímpicos de Londres 2012.

Tamén en Escoita Deporte falaban con José Luís Bouza que a semana pasada volvía aos adestramentos trala recuperación da operación de ombreiro á que se someteu en setembro. Tras os primeiros días de novo sobre a canoa dicía que ten moi boas sensacións.

A recuperación ten que ser rápida tendo en conta que o seu obxectivo é buscar unha praza para os Xogos Olímpicos de Londres. O seu principal rival nesa carreira será David Cal.

Por último salientaba que este é un ano moi importante para buscar esa clasifiación para as olimpiadas.

 

Presentación do espectáculo “Salomé” do CDG

Este mércores,  16 de febreiro, ás 11.30h na sala de concelleiros do Concello de Tui terá a presentación do espectáculo “Salomé” que o Centro Dramático Galego vai representar este venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui.

Comparecerán ante os medios de comunicación Blanca Cendán, directora do CDG e a actriz María Salgueiro xunto ao Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha,  e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

Sábado, 12 de febreiro de 2011  

Espectáculo para nenos de 0 a 3 anos no Teatro o domingo

            O Teatro Municipal de Tui acolle mañá domingo a primeira parte do Festival dos Axóuxeres que está a percorrer Galicia, e que recala en Tui este domingo e o sábado 26 deste mes.

O deste domingo é un espectáculo dunha hora de duración para nenos e nenas de 0 a 3 anos  e as súas familias con música, cantigas, teatro e xogos en galego. A protagonista é Eli e o seu avó interpretado polo afamado actor galego Xosé Manuel Olveira Pico, e tamén aparece Totó un boneco de cor azul.  Xuntos buscarán un caderno con debuxos, cantigas, xogos a adiviñas, e irán cantando temas tradicionais coma “A vaca marela” ou “A saia da Carolina”.

As persoas interesadas en acudir a este espectáculo deben inscribirse no 686 160 879.

O espectáculo do domingo comezará ás 12h.

Xa para o sábado 26 de 17.30 a 19.30h está previsto un obradoiro integrado por un pequeno curso de técnicas de masaxe infantil, música, cantigas de arrolo tradicionais galegas, xogos de iniciación... Para inscribirse hai que chamar ao 630 230 338.

O festival dos Axóuxeres está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e neste caso conta coa colaboración da Concellería de Cultura de Tui.

 

Óscar Graña e Ramón Ferro, campións do mundo de maratón en C2, fichan polo club Kaiak Tudense

O seis veces medallistas en mundiais de maratón, e actuais campións mundiais desta distancia na modalidade de C2 Óscar Graña e Ramón Ferro fichan polo club de Tui.

Ambos os padeeiros até a data competían co club Illa de Arousa, onde Óscar, recalara fai cinco anos procedente do Piraguismo Cidade de Pontevedra, mentres que Ramón Ferro, ten toda a súa actividade deportiva mantida ao club arousán.

O paso de cambiar de club é formar un grupo de adestramento conxuntamente cos padeeiros de Tui que se dedican a esta especialidade de maratón como é o caso do tamén campión mundial Sub23 en C1, o tudense Manuel Garrido, ou o kayakista Iván Alonso.

O debút de Graña e Ferro, como son coñecidos no mundo do piraguismo, producirase este sábado en Verducido coa disputa do Control de Auga, e onde tanto Graña como Ferro, competirán na modalidade de c1.

O obxectivo principal para Graña e Ferro será reeditar o titulo mundial conseguido este ano en Banyoles, e que este ano se disputará a comezos de outubro a Singapore.

 

Concentración de remeiros da FGR en Tui

Este fin de semana concentraranse en Tui, no Centro Interfederado, un grupo de 53 remeiros de categorías cadete, xuvenil e senior, para a preparación das regatas que se van a celebrar en Castrelo do Miño, os días 12 e 13 de marzo, Campionato de España por autonomías, a Copa de SM o Rei e a Regata CTDs por autonomías.

            A concentración empezará o sábado ás 10.00 finalizando o domingo despois de comer.

Polo Club de Remo do Miño foron convocados, en categoría cadete: Diego Dás Doures, Eduardo Ferreira, Alejandro Hernández e Xian Siaba Búa; en categoría xuvenil feminino: Jennifer Dás Doures; xuvenil masculino: André Diz González, Iván Xoel Agrafojo e Iván Madarnas; en senior feminino: Marta Cochón; e en categoría senior masculino: Jorge André Carballo, Iago Izquierdo, Francisco Álvarez Paz, David Prada, Isaac Prada, Cristian Fernández Pumar e Alfonso Riveiro.

 

Do 15 ao 28 de febreiro ponse en marcha o proxecto “Cine nas aulas: ollar o noso”

Mil alumnos de todos os centros escolares de Tui e dos institutos asistirán do 15 ao 28 deste mes a proxección de “Mulleres da raia” e de “Coser e cantar”. Estas dúas películas integran o proxecto “Cine nas aulas: Ollar o noso” que vén de pór en marcha a Concellería de Educación do Concello de Tui baseado nunha idea da realizadora tudense Diana Gonçalves.

 “Cine nas aulas” foi presentado onte polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, a Concelleira de Educación Patricia Ricón, e a realizadora Diana Gonçalves.

A concelleira Patricia Ricón explicou que o obxectivo do proxecto é a promoción do audiovisual galego na totalidade dos centros educativos tudenses de Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato. Tratase, segundo explicaba, de formar aos alumnos na cultura do audiovisual.

A Concelleira de Educación, Patricia Ricón, agradeceu a total colaboración e o máximo interese amosado polos centros educativos do Concello.

Diana Gonçalves pola súa parte explicou que este é o primeiro achegamento aos máis novos do cinema galego que dicía “fala de nós e do noso, na nosa lingua”.  Engadía que con este proxecto busca tamén achegar a súa experiencia á mozos e  mozas do rural para que poidan ver que no audiovisual hai unha alternativa para un proxecto de vida ou de entretemento.

Nese senso explicaba que “vivir no rural pon as cousas máis difíciles o que require un maior esforzo para acceder aos obxectivos” polo que dicía que “si se supera esta barreira se está preparado para esta profesión que moitas veces non é remunerada”

Apuntaba amais que “este pequeno proxecto é un primeiro paso para algo máis” xa que “pretende formar novos público cunha capacidade crÍtica, disfrutar do cinema en comunidade, estimular a creatividade e espertar o interese polo noso entorno”.

Por último o Alcalde felicitou ás protomotoras do proxecto por esta iniciativa, e amosou a súa satisfacción pola promoción do audiovisual que se vai facer ao través do mesmo.

Os centros educativos que participar en “Cine nas aulas” son os CEIP’s Nº1, Nº2, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, Guillarei, Caldelas, e o Colexio dos Irmáns Maristas xunto aos IES San Paio, Francisco Sánchez e Irmans Maristas. O alumnado destes centros asistirá en horario lectivo á proxección do documental “Mulleres da raia” de Diana Gonçalves e da curtametraxe de ficción “Coser e cantar” do galego Rubén Ríos.  Ao remate de cada proxección haberá unha charla a cargo de Diana GonÇalves, coa finalidade de achegar o audiovisual aos mais novos.  Días antes das proxeccións os centros traballarán na aulas a temática das proxeccións.

Este proxecto está relacionado co Cineforum “O Cine que nos mira” que esta semana se puxo en marcha. En ambos casos o obxectivo é a promoción do audiovisual galego e a creación dunha cultura do Audiovisual en Tui.

 

Comezo oficial da temporada para o Kaiak Tudense

Hoxe comeza oficialmente a nova temporada de piragüismo co Control Galego de Inverno, puntuable para a liga Galega. Esta primeira regata disputarase no encoro de Verducido sobre a distancia de 5000 metros en embarcacións individuais.

O club Kaiak Tudense, acudirá a esta competición cun total de 35 padeeiros. Haberá dúas baixas destacadas por unha parte a de Jose Luís Bouza, que regresou esta semana aos adestramentos trala súa operación no ombreiro pero que aínda non está listo para competir, e a de Jovino González que deixa o piragüismo tras dúas décadas neste deporte e cun haber de dous diplomas olímpicos.

Dos 35 padeeiros que si estarán neste Control Galego compre destacar dos 12 que forman un forte o equipo senior entre os que teñen serias opcións de podio Diego Piña, Roberto Rodríguez, Víctor Rodríguez, Jaime Sobrado, e Iván Alonso, dominador desta distancia nos últimos anos, e 10º no pasado mundial nesta distancia, pero un problema familiar neste caso pode relegalo a postos máis baixos.

En senior feminino parten con moitas opcións de podio Ana Varela, Carla Pérez e Leti Piña.

En canoa senior Manuel Garrido e Daniel Costa estarán entre os primeiros. E nesta categoría debutarán trala súa fichaxe polo kaiak tudense os canoístas Óscar Graña e Ramón Ferro.

En junior Marcos González, Roi Rodríguez e Monica Araujo soan forte para o podio ao igual que as cadetes Andrea Porteiro, Carla Cerqueira, Rubén Méndez e André Dos Santos.

Por clubs o Kaiak fíxase coma obxectivo estar entre os tres primeiros clasificados.

 

Últimos días de inscrición para os cursos da UNED Senior que organiza a Aula da UNED de Tui

O próximo martes comezan os cursos da UNED Senior que vai impartir a Aula da UNED en Tui. Por este motivo o prazo de matrícula está a piques de rematar.

Lembramos que a oferta vai dirixida a persoas maiores de 45 anos que se poden matricular  no curso de inglés básico ou no de aproximación á historia da artes ao través do patrimonio de Tui e Valença do Minho. Para o primeiro as clases serán os martes de 17 a 19h e para o segundo os xoves no mesmo horario, prolongándose até maio.

Cada curso ten 30 horas de duración e un custo de 50€.

A matrícula pódese realizar on-line a través do enlace á Uned-senior: http://www.quned.es/mvg/senior/2322, onde poden consultar tamén o calendario dos cursos e outros datos de interese.

As persoas interesadas poden tamén recoller información na Aula UNED de Tui (rúa Antero Rubín, antigo convento de San Domingos) os  mércores e xoves pola tarde. Tamén na Biblioteca Municipal de Tui pódense recoller as fichas de matrícula.

 

Venres, 11 de febreiro de 2011  

Presentación do proxecto “Cine nas aulas: ollar o noso”

Hoxe, venres, ás 11 horas terá lugar no salón de plenos do Concello de Tui a presentación do proxecto “Cine nas aulas: ollar o noso”. Trátase dunha quincena de proxeccións nas aulas tudenses en horario lectivo, para a promoción do audiovisual galego. O proxecto ideado por Diana Gonçalves está subvencionado pola Concellería de Educación do Concello de Tui.

Na presentación comparecerán o alcalde, Antonio Fernández Rocha, a Concelleira de Educación, Patricia Ricón, e a realizadora Diana Gonçalves.

 

Ismael Montes galardoado co Premio á Mellor promesa de 2010 pola Federación Española de Remo

O remeiro Ismael Montes Caamaño, do Club Remo do Miño foi galardoado pola Federación Española de Remo co “Premio á Mellor promesa do ano 2010” por formar parte da tripulación Catro xuvenil masculino que logrou a medalla de bronce no Campeonato do Mundo Junior, xunto a Pau Franquet Montfort, Manuel Emilio Fernández López e Javier García Ordoñez

O galardón entregarase nun acto público que se realizará coincidindo coa celebración da Asamblea Xeral Ordinaria da Federación, nun lugar aínda por determinar en datas próximas.

 

Editáronse 40 mil exemplares do novo rueiro de Tui presentado onte

            O Concello de Tui presentou onte un novo rueiro da cidade do que se veñen de editar 40 mil exemplares a toda cor, co que se reforza o material turístico con que conta a cidade. O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, deron conta dos pormenores deste novo material turístico.

Moisés Rodríguez abría a súa intervención destacando a importancia que o turismo ten xa que dicía “pode ser o motor que reactive a economía de Tui e da comarca do Baixo Miño”. Nese senso apostaba por un traballo mancomunado ou internacional en coordinación cos municipios portugueses limítrofes. Apuntaba o edil que o rueiro é froito dun traballo meticuloso e gráfico realizado polos técnicos municipais, no que se incorporaron novos edificios e servizos con que conta a cidade como a Aula da UNED, o novo xulgado, o Conservatorio...

Pola súa parte o Alcalde redundou na aposta de traballo conxunto en materia turística con outros concellos, e nese senso adiantaba que están elaborando, xunto a Valença, Monçao e Salvaterra de Miño, un proxecto ambicioso para atraer máis turismo á zona. Nese senso engadía que “a nosa preocupación é traer á xente a Tui, que coñezan a xoia que temos, non só o valor patrimonial, senón tamén o pulmón medioambiental que temos que é o Parque Natural do Monte Aloia e o propio río Miño”.

O novo rueiro a dobre páxina presenta na súa portada un mosaico de distintas fotos dos principais enclaves turísticos, e un plano no que se poden observar as principais vías de comunicación que dan acceso ao casco urbano coma a N-550, a A-55 ou a AP-9.  No mesmo aparece tamén o trazado co Camiño de Santiago, os accesos ao Parque Natural do Monte Aloia, ao Parque Empresarial de Areas e a Valença do Miño. Tamén se atopa un relatorio dos principais puntos de interese turístico.

Na outra páxina reflíctese o trazado e nome das distintas rúas do casco urbano de forma clara así coma a disposición dos principais monumentos e servizos.  Con respecto ao rueiro que se viña empregando ata o momento este novo deseño amplía o seu ámbito recollendo o extrarradio do casco urbano, e tamén de xeito máis específico un rueiro do conxunto histórico.

Coa edición deste novo rueiro de Tui, deseñado polo equipo técnico do Concello, perséguese ofrecer unha mellor e máis ampla información sobre a cidade tanto para turistas, visitantes, comerciantes, coma para o público en xeral. Algo que os responsables municipais agardan redunde nun mellor coñecemento do municipio. A edición deste novo material vense a sumar a do novo Folleto Turístico que foi presentado o pasado mes de setembro, do que se editaron 40 exemplares en castelán, galego, inglés e portugués.

O novo rueiro está a dispor dos interesados na Casa do Concello de Tui e na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia na Área Panorámica. Nos próximos meses tamén será distribuído, xunto ao novo folleto turístico na Oficina Municipal de Turismo, en canto esta volva abrir ao público. O investimento en material turístico para este ano 2011 supera os 20 mil euros.

           Na presentación desta mañá lembráronse os datos recollidos pola Oficina Municipal de Turismo ao longo de 2010. Nese ano, permaneceu aberta de abril a decembro recibindo máis de 39 mil consultas tanto de turistas coma de peregrinos.

 

Xoves, 10 de febreiro de 2011  

“Mulleres da Raia” e “Coser e Cantar” proxeccións na iniciativa de cine escolar do concello de Tui

Co lema Ollar o noso, dará comezo na totalidade dos centros educativos tudenses, e en horario lectivo, a quincena de promoción do audiovisual galego, que se desenvolverá do 15 ao 28 de febreiro. Este proxecto, ideado e dirixido por Diana Gonçalves, encargada tamén de levalo a práctica, está orientado aos alumnos de Primaria, Secundaria e Bacharelato, e nel participarán o CEIP N1, CEIP N2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Randufe, CEIP de Rebordáns, CEIP de Guillarei, CEIP de Caldelas. CEIP Irmans Maristas, IES San Paio, IES Francisco Sánchez e IES Irmáns Maristas. Dias antes das proxeccións os centros traballarán na aulas a temática das proxeccións.

As aulas acollerán a proxección do documental de Diana Gonçalves “Mulleres da Raia” e a curtometraxe de ficción: “Coser e Cantar”, do galego Rubén Ríos. Ao rematar os pases haberá unha charla acargo de Diana GonÇalves coa finalidade de achegar o audiovisual aos máis novos. Este proxecto está relacionado co Cineforum, iniciativa que busca a promoción do audiovisual galego e a creación dunha cultura do Audiovisual en Tui.

A Concellería de Educación do Concello de Tui, subvenciona este proxecto, e agradece a total colaboración e o máximo interese mostrado, polos centros educativos do municipio.

 

Presentación do novo rueiro da cidade

Hoxe, xoves, ás 11.30 horas terá lugar na sala de concelleiros do Concello de Tui a presentación do novo rueiro da cidade. Comparecerán o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

O venres preséntase o proxecto “Cine na Aulas. Ollar o noso”

O próximo venres, ás 11 horas, no Salón de Plenos do concello de Tui, terá lugar a presentación do proxecto “Cine na Aulas. Ollar o noso”, que consiste nunha quincena de proxeccións nas aulas tudenses en horario lectivo, para a promoción do audiovisual galego. O proxecto foi ideado por Diana Gonçalves e subvencionado pola Concellería de Educación do Concello de Tui. Na presentación estarán  Diana Gonçalves, quen explicará o proxecto, a Concelleira de Educación, Patricia Ricón, e o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha

 

Ghazafelhos presenta “Frankenstein”, unha comedia infantil que chega ao Teatro Municipal

O público familiar, a partir de 5 anos, é o destinatario da comedia infantil “Frankenstein”, escrita e dirixida por Pepablo Patinho, e que vai ser representadas pola compañía Ghazafelhos ás 20 horas do venres no Teatro Municipal de Tui.

 “Frankenstein” é unha obra con grandes escenografías ambientada nos filmes antigos.  Achéganos ata un castelo escuro perdido no medio das montañas. Ata alí chegan a doutora Mon Champignom e o doutor Pe Arrepío que se verán inmersos nunha nova aventura aterradora.  Nesta obra Ghazafelhos parte dun clásico para profundar nas diferenzas que as veces nos fan sentir mal. A obra está protagonizada por Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas.

Ghazafelhos  formouse en 2005 da man de Montse Piñón e Pepablo Patinho. Logo de intepretar obras de monicreques e contacontos decidiron fusionar as dúas experiencias, tamén fixeron pasarrúas, obras de formato medieval. Esta será a primeira vez que actúen no Teatro Municipal de Tui.

As entradas para esta representación están xa á venda ata mañá venres ás 13 horas na web www.culturatui.info ou maña venres dende ás 20h pódense adquirir no despacho de billetes na Área Panorámica. As entradas teñen un prezo xeral de 3€, e 2€ para os que teñan dereito a algúns dos descontos establecidos como xubilados, estudantes, parados, familia numerosa, discapacitado ou posuidores do carné xove ou do carné máis.

       

Hoxe preséntase o novo rueiro

Hoxe xoves ás 11.30h na sala de concelleiros do Concello de Tui terá a presentación do novo rueiro da cidade. Comparecerán ante os medios de comunicación o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

Mércores, 9 de febreiro de 2011  

Acto público sobre o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Tui

O PSdeG-PSOE de Tui, celebrará mañá, xoves,ás 20 horas, na Sala Felix Rodríguez (parte traseira da Area Panorámica) un acto público sobre o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Tui, aprobado parcialmente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.

No acto intervirán Manuel Freiría Pérez, concelleiro do PSdeG-PSOE de Tui; Enrique Cabaleiro, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Tui, e María José Caride Estévez, Ex- Conselleira de Política Territorial e Viceportavoz e responsable da area de economía do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia.

 

CEIP nº1 recibiu un premio á innovación educativa

O CEIP nº1 de Tui recolleu onte da man do Conselleiro de Educación un premio á innovación educativa polo proxecto “Coñecemos o río Miño” levado a cabo co alumnado de educación infantil.

Ao acto oficial de recollida do premio acudiu o director do centro e tres das catro profesoras de infantil que participaron no proxecto.

María Luisa López Ramírez, a coordinadora  deste proxecto, explicaba na RMT que o ano pasado comezaron a traballar por proxectos e para iso buscaron algo cercano aos nenos coma é o río Miño. De aí o traballo que agora vén de ser premiado.

Para levar a cabo este traballo partiron do que os nenos sabían sobre o río e do que querían saber, e a partir de aí elaboraron o proxecto durante un trimestre no que tiveron tamén a participación das familias.

Explicaba María Luisa López que lles sorprendeu o moito que os nenos sabían do río pero tamén o moito que aprenderon deste xeito, polo que a valoración que fan é moi positiva.

O premio que onte recolleron en Santiago é á innovación educativa por integrar as competencias básicas coas novas tecnoloxías.

Na liña deste proxecto galardoado están este trimestre desenvolvendo un novo traballo neste caso sobre os castelos, e o próximo trimestre seguindo a mesma estrutura abordarán o Parque Natural do Monte Aloia.

 

Aínda quedan prazas para os cursos de malabares e emancipación xuvenil na Casa da Xuventude

Aínda quenda prazas vacantes para o curso de Curso de Malabares que este venres comeza na Casa da Xuventude de Tui. Terá lugar ao longo de tres días en horario de 18 a 20h.

Por outra parte este venres remata o prazo de inscrición para o curso de Emancipación Xuvenil. Hai xa 20 persoas anotadas. Comezará o 18 deste mes.

 

Jose Luís Bouza volve aos adestramentos co Kaiak Tudense

O padeeiro do club Kaiak Tudense Jose Luís Bouza regresou esta semana aos adestramentos ao finalizar o período de rehabilitación trala operación á que foi sometido a finais de setembro para solucionar os problemas que tiñan no ombreiro esquerdo.

Tras catro meses de baixa Bouza incorporouse xa con normalidade aos adestramentos co resto dos seus compañeiros de club.

O obxectivo marcado agora é ir recuperando de xeito paulatino a forma física, e lograr unha praza para o Mundial que se disputará en Szeged, en Hungría, a finais de agosto, e que será clasificatorio para os Xogos Olímpicos de Londres 2012.

Pero este comezo tardío da temporada impediralle case con toda seguridade defender o título de Campión de España conquistado o ano pasado en Sevilla, xa que esta proba terá lugar nun mes, a mediados de marzo.

 

Excursión da Asociación de Amas de Casa de Tui

A Asociación de Amas de Casa de Tui informa que van realizar unha excursión para visitar algunha das zonas máis importantes da provincia de Pontevedra dentro do programa “Coñece a túa provincia” da Deputación de Pontevedra.

As persoas interesada poden anotarse na Casa da Xuventude os venres de 18 a 20h ou no teléfono 679 436 930. A data límite é o venres 18 de febreiro.

 

Martes, 8 de febreiro de 2011  

A Festa dos Axóuxeres chega a Tui con xogos, música, teatro e cantigas para os bebés e as súas familias

O Concello de Tui acollerá nos próximos días o “Festival dos Axóuxeres”, unha iniciativa da Secretaria Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Concellería de Cultura de Tui dirixida aos bebés tudenses e as súas familias,  que abrangue un Encontros dos Axóuxeres o domingo 13 de febreiro ás 12.00 horas no Teatro Municipal de Tui e posteriormente o sábado 26 un obradoiro.

O Encontro dos Axóuxeres é un espectáculo participativo dunha hora de duración que conxuga a música, as cantigas, o teatro e os xogos en galego. Os bebés de 0 a 3 anos e as familias que participen nos Encontros terán ocasión de axudar o avó de Eli a atopar o caderno onde garda os debuxos, as cantigas, os xogos e as adiviñas de cando el era neno. Eli e o seu avó, papel que interpreta o actor Xosé Manuel Olveira Pico, realizarán unha divertida viaxe para recuperar o caderno acompañados de Totó, un boneco de cor azul que está a aprender as súas primeiras palabras. Mentres buscan o caderno, o avó, Eli e Totó cantarán cos nenos e nenas e as súas familias cantigas tradicionais como “A vaca Marela” ou “A saia da Carolina” e gozarán aprendéndolles aos máis pequenos divertidos xogos populares cós que terán ocasión de entreterse despois nas súas casas.

Este Festival dos Axóuxeres complétase cun “Obradoiro dos axóxeres”, a celebrar o sábado 26 de febreiro de 17,30 a 19,30 horas no edificio “Área Panorámica”. Este obradoiro está integrado por un pequeno curso de técnicas de masaxe infantil, música, cantigas de arrolo tradicionais galegas e xogos de iniciación. Os obradoiros están centrados na transmisión do afecto, tan importante no desenvolvemento dos bebés: as miradas, os aloumiños, a música e a palabra poden ser vías complementarias para afondar na relación entre pais e fillos.

A entrada para os Encontros e para os Obradoiros dos Axóuxeres é de balde, con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente nos seguintes teléfonos, en horario de luns a venres de 9 a 16 horas:

Reservas para os Encontros no 686 160 879.

Reservas para os Obradoiros no 630 230 338.

Durante os pasados meses de setembro e de outubro, Os Axóuxeres 2010-2011 percorreron  as cidades galegas con xogos, música, teatro e cantigas tradicionais para facer gozar os máis pequeniños coa lingua galega. A través das Festas dos Axóuxeres e mais dos Obradoiros dos Axóuxeres, Este programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística acadou un importante éxito, chegando a máis de 2.000 persoas en 2010. Agora, no inicio de 2011, Os Axóuxeres retoman con forza a súa programación para bebés e familias noutras 12 localidades das catro provincias galegas desde o 30 de xaneiro ata o 20 de marzo.

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral pretende axudar a que os pais e as nais contribúan á cadea de transmisión da lingua e, á vez, obteñan ideas para xogar na casa, prolongando no fogar a propia actividade. Nesta edición, a iniciativa homenaxea os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés.

O Concelleiro de Cultura tudense agradece á Secretaría Xeral de Política Lingüística a celebración en Tui deste festival que contribuirá á promoción da nosa lingua e á difusión da nosa cultura entre as familias tudenses.

 

O Club Remo do Miño arrasa na regata clasificatoria para a formación dos equipos da selección galega

            O domingo tivo lugar no embalse de Castrelo do Miño a regata para seleccionar aos remeiros que representaran a Galicia no Campionato de España por Autonomías, regata CTD, e Copa da súa Maxestade o Rei, que se celebrarán no mesmo encoro a mediados de Marzo.

            Debido á intensa neboeira o comezo das probas tivo que posporse ata á unha do mediodía.

            O Club Remo do Miño impúxose en case toda sas probas nas que participou sendo o club que máis deportistas aportará á Selección Galega.

            Cado o Director Técnico da Federación Galega, Luciano Moldovan, dea a coñecer a lista de convocados estes concentraránse en Tui e Castrelo do Miño.

            Os resultados desta proba para os membros do Club Remo do Miño foron os seguintes:

            En Skiff Cadete masculino Diego das Dores foi primeiro e Eduardo Ferreira segundo. En Skiff xuvenil Masculino. A vitoria foi para André González, seguido de Iván Xovel. En Skiff Senior Feminino Marta Cochón logrou un segundo posto. Mentres en Skiff Senior Masculino o Remo do Miño conquistou o primeiro e o terceiro posto da man de Andrés Carbalho e Yago Izquierdo respectivamente. Por último en Dous Sin Senior Masculino os de Tui copaban o primeiro e o segundo posto. Forons primeiros os irmáns Isaac e David Prada, e segundos Cristián Fernández e Alfonso Riveiro.

    

A tudense Leticia Fernández sumou novos títulos como Campiona Galega  junior en 1.500 e 3.000 metros

        A atleta tudense Leticia Fernández, do Ourense AT – Academia Postal, fixo doblete esta fin de semana no Campionato Galego de Atletismo ao lograr o primeiro posto nas carreiras de 1.500 e 3000 na categoría junior, alzándose así con dúas medallas de ouro. Estes títulos súmaos aos de Campiona Galega en pista cuberta sobre as distancias de 1.500 na categoría absoluta e foi segunda en 800 metros logrados hai quince días, e o Campionato Galego de Cross da semana pasada.

        Previa á celebración das probas da fin de semana Leticia Fernández estaba o pasado venres no programa Escoita Deporte, da Radio Municipal de Tui, onde explicaba está correndo agora tamén os 3 mil metros, e non só os 1.500 que é a súa distancia xa que está preparando o Campionato do Mundo de cross.  Iso sí en pista sigue pensando no medio fondo.

        Este ano conta cunha beca no Centro de Tecnificación de Pontevedra, onde pode adestrar en mellores condicións do que facía aquí en Tui, onde era frecuente vela adestrar na Veiga do Louro.

        Esta fin de semana acudirá coma convidada da Selección Española no Campionato de España de Cross que se disputará en Punta Umbría.

        Os próximos obxectivos que se marca son pode acudir ao Campionato de España absoluto de pista cuberta, o Campionato de España de pista Junior, e buscar un posto no Campionato do Mundo de Cross, e de cara ao verán buscar praza no Europeo.

  

Este mércores comeza o Cineforum coa proxección de “Retornos”

        O Teatro Municipal de Tui acolle este mércores, ás oito da tarde, a primeira proxección do Cineforum “O cine que nos mira”. Trátase de “Retornos”  de Luís Avilés. Este director estará no teatro xunto ao guionista Daniel Domínguez. Ao remate da película haberá un debate entre o público asistente.

        A  “Retornos” será proxectada de xeito simultáneo nas nove aulas do CRA e no CEIP de Rebordáns.

 

O día 15 comezan os cursos da Aula da UNED en Tui para maiores de 45 anos

        O próximo martes, 15 de febreiro, comezan os cursos da UNED Senior organizados pola Aula da UNED en Tui. Son dous os que se ofertan: un de nivel básico de inglés e outro de aproximación á historia da arte ao través do patrimonio de Tui e Valença do Minho.

        A coordinadora da Aula da UNED en Tui, Margarita Pino, explicaba na Radio Municipa de Tui que os cursos van dirixidos a persoas maiores de 45 anos, reduncindo a idade habitual dos 55 ante a actual situación. Cada Aula organiza os cursos nos que considere hai máis demanda.

        As clases de inglés serán os martes de 17 a 19h, e as de historia da arte terán lugar os xoves de 17 a 19h. Cada un ten unha duración de 30 horas polo que se prolongarán ata maio. O custo é de 50€ por curso. Os interesados pode buscar en google Aula UNED Senior Tui, e aí poden facer xa a súa matrícula on line. Senón poden recoller a información na Biblioteca Municipal, ou os mércores e xoves pola tarde na Aula da UNED no antigo convento de Santo Domingo.

        Margarita Pino agarda en outubro comezar un novo ciclo de cursos da UNED Senior con novos niveles de inglés e historia da arte, e barállase impartir outro sobre fiscalidade.

        A coordinadora da Aula da UNED de Tui valoraba moi positivamente a marcha desta aula que ten xa 81 persoas matriculadas, e hai xa moito interese de cara ao próximo curso.

        Falaba tamén dos novos proxectos que teñen en carteira como unhas xornadas sobre o 125 aniversario da vella Ponte Internacional.

 

Luns, 7 de febreiro de 2011  

O concellos de Tui e a mara de Valença convocan un concurso de fotografia sobre a ponte internacional

O Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença do Minho convocan un concurso de fotografía sobre a ponte internacional que une ambas cidades aberto á participación dos afeccionados á fotografía. Este concurso, ao igual que o xa finalizado de elección do cartel, forman parte do programa de actividades conmemorativas do 125 aniversario da inauguración desta ponte que tivo lugar o 25 de marzo de 1886.

Con este concurso preténdese resaltar a ponte internacional sobre o río Miño, que será a protagonista das fotografías participantes. Cada concursante pode participar ata con tres fotografías (independentes ou conformando unha serie). O tamaño ou mancha da imaxe será, como mínimo, de 24 cm no seu lado menor, tendo que ser presentadas montadas sobre soporte ríxido de 40 x 50 cm.

Establécense os seguintes premios: un primeiro premio de 700 euros e un segundo premio de 300 euros (suxeitos á lexislación fiscal española). O prazo de presentación do traballos remata o 1 de marzo e os interesados poden presentalos tanto na Cámara Municipal de Valença  como na Biblioteca Municipal de Tui. Coas obras presentadas se realizaran senllas exposicións nos municipios de Tui e Valença do Minho.

O xurado do concurso atenderá aos seguintes criterios á hora de emitir o seu fallo:

- A creatividade, a orixinalidade e o interese do traballo.

- A adecuación da/s fotografía/s á temática do concurso

- O concepto ou idea que pretende transmitir e o seu impacto visual

Con esta nova iniciativa ambos municipios continúan traballando conxuntamente na organización das actividades arredor deste acontecemento que simboliza a unión entre as terras de Galicia e Portugal.

 

Sábado, 5 de febreiro de 2011  

O Cineforum “O cine que nos mira” busca que o público sexa parte activa

Onte ao mediodía foi presentado na Casa do Concello o cineforum “O cine que nos mira” promovido pola Concellería de Educación do Concello de Tui dando forma a una idea proposta polo Colexio Rural Agrupado. Así o explicaba a Concelleira Patricia Ricón na presentación, indicando que perseguen que o público non sexa só un espectador senón tamén parte activa desta iniciativa.

Teresa Domínguez, Directora do CRA, explicaba que a idea xurdiu ante a necesidade a abrir as accións formativas do centro á cidadanía. Nese senso explicaba que o cineforum é o mellor instrumento para dinamizar tanto a poboación do rural coma do centro urbano.

O Cineforum está constituído por un comité cidadá multidisciplinar. No nome do mesmo tomaba a palabra Jose Font, Director da RMT, para salientar que este é un proxecto moi interesante, e que o que agora vemos o inicio que non sabemos como vai continuar, indicando que pode converterse nun cineforum moi activo ou mesmo nun cineclub.

Pola súa parte o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, amosou a súa ledicia pola posta en marcha deste proxecto. E destacaba que en educación nos últimos tempos estanse dando pasos importantes coma o Conservatorio de Grao Medio, a Escola Oficial de Idiomas, a Aula da UNED, ou agora este cineforum. Nese senso salientaba que dende que Patricia Ricón se fixo cargo do departamento de educación neste ámbito produciuse un salto importante.

A primeira proxección terá lugar o próximo mércores, día 9, ás oito da tarde no Teatro Municipal. Será coa proxección de “Retornos” de Luís Avilés. Unha película que de forma simultánea amais de no Teatro tamén se poderá ver nas nove aulas do CRA Mestra Clara Torres e no CEIP de Rebordáns. Amais tentarase habilitar xa para esta primeira cita unha web onde se poida abrir un debate ao remate das proxección. 

 

Venres, 4 de febreiro de 2011  

Teatro do Atlántico abre a programación do 1º semestre de 2011 no Teatro Municipal

Teatro do Atlántico é a compañía encargada de abrir a programación correspondente ao primeiro semestre do ano 2011 no Teatro Municipal de Tui. Hoxe, venres, ás 21.30h, representarán “Memoria de Helena e María”, un drama protagonizado por Lucía Regueiro e María Barcala.

Cunha duración de 60 minutos esta obra, dirixida por Xúlio Lago, conta a historia de Helena e María, nai e filla ao longo das súas vidas. Comeza meses antes da Guerra Civil cando Helena namorase de Manuel, que falece despois no fronte republicano. A protagonista queda soa na vila coa súa filla, pero tamén con outra herdanza que terá dramáticas consecuencias.

Teatro do Atlántico fálanos nesta obra de memoria histórica, amores, soños, conventos, hospicios e emigración, nunha representación apaixonante. Esta montaxe é unha firme candidata aos premios María Casares deste ano.

Con este espectáculo Teatro do Atlántico está a celebrar os seus 25 anos sobre a escena galega, sendo unha das compañía con máis longa traxectoria do panorama teatral en Galicia.

As entradas para esta representación están xa á venda ata ás 13 horas de hoxe na web www.culturatui.info ou dende ás 20h pódense adquirir no despacho de billetes na Área Panorámica. As entradas teñen un prezo xeral de 5€, e 3€ para os que teñan dereito a algúns dos descontos establecidos como xubilados, estudantes, parados, familia numerosa, discapacitado ou posuidores do carné xove ou do carné máis.

 

A instancias do  BNG, Industria investigará as verteduras de entullos procedentes das canteiras en Tui

A  deputada do BNG, Carme Adán formulou onte, na Comisión de Ordenación do Territorio, Obras Públicas e Medio Ambiente, unha pregunta ao goberno galego sobre os vertidos procedentes das canteiras na parroquia de Ribadelouro en Tui.

Adán tamén preguntou polas autorizacións necesarias e licenza municipal correspondente ás canteiras e de carecer destes requisitos para desenvolver a súa actividade, que medidas realizará o Goberno galego para facer cumprir a lei vixente.

Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces afirmou que trala iniciativa do BNG, varios técnicos da Consellaría de Industria e medioambientais desprazáronse á zona para realizar un estudo sobre as características das verteduras e posibles consecuencias de afección  na zona e comprometeuse a entregarllo ao BNG tan pronto conclúa.

 

Manuel Freiría do PSdG di que “a aprobación do PXOM aínda non a temos” xa que considera que aínda teñen que ser aprobadas as modificacións impostas pola Xunta

Manuel Freiría, voceiro do PSdG-PSOE valorou na sintonía da RMT a aprobación do PXOM, dentro da rolda de conversas que abriron o pasado luns cos grupos políticos.

Manuel Freiría manifestaba que hai que partir base de que a aprobación aínda non a temos, pese ao que se vendeu o pasado venres. Dicía que mentres non se incorporen as modificacións impostas pola Xunta e estas sexan aprobadas polo pleno e logo pola Xunta non hai Plan Xeral no seu parecer.

Apuntaba que nas ordes que o equipo de goberno vai dar ao equipo redactor os grupos da oposición non van ter nada que ver, polo que non van coñecer cómo se van aplicar esas correccións, ata que se lles presente o documento feito.

Sobre esas modificacións que hai que executar dicía que se basean na orde da Xunta de 2007 na que se mandaba corrixir unha serie de cuestión ante o incremento de vivendas contemplado que era de máis de 18 mil, por iso a Xunta, apuntaba, hai que reducir a edificabilidade.  Expuña que a esa edificabilidade se mantivo nos terreos relacionados co Alcalde con 5 alturas en detrimento doutras zonas que son as realmente damnificadas segundo Manuel Freiría coma a prolongación da rúa Maristas e a rúa Colón entre a ponte do tren e a autovía á esquerda porque pasan a ser zonas non urbanizables.

Explicaba que pese a todo este plan había que aprobalo. Engadía que este é un plan que aprobou un goberno que elixiu o pobo de Tui. Criticaba as rúas estreitas que se planifican, o que no seu parecer non se entende.

Engadía que este PXOM é unha continuidade do Plan do 94, sen miras de futuro, sen espazos verdes, e con moitas limitacións dende o punto de vista dos socialistas. Dicía que vai desbloquear a construción en Tui, aínda que non sexa do xeito ideal, apuntaba.

Preguntábase amais Manuel Freiría sobre as outras zonas onde se impón a modificación cómo van quedar ou que tipificación do solo se lles vai dar.

 

Xoves, 3 de febreiro de 2011  

La Cámara de Comercio de Tui y Portos de Galicia firmarán un convenio de colaboración

Portos de Galicia y la Cámara de Comercio Industria y Navegación de Tui firmarán en las próximas semanas un convenio marco de colaboración para trabajar de manera coordinada en el impulso a la movilidad fluviolitoral en el río Miño. Así lo acordaron el presidente del organismo portuario, José Manuel Álvarez-Campana y el presidente de la Cámara, Gumersindo Alonso. El convenio marco tendrá como principal objetivo fomentar el tránsito fluvial de pasajeros, a través de la mejora de las infraestructuras, a la que se comprometió Portos de Galicia, y los acuerdos de prestación de servicios, que firmará la Cámara con las empresas operadoras. Tras la primera toma de contacto entre ambos organismos, se definieron también las primeras acciones a concretar. Así, el primer proyecto que se llevará a cabo consistirá en la instalación, por parte del ente público, de pantalanes de transporte de pasajeros en los puertos de Camposancos, Goián y Tui, contribuyendo, de este modo, no sólo al incremento de la movilidad pretendido desde Portos, sino también al impulso del turismo en el entorno del Miño, por el que apuesta la Cámara de Comercio. Tanto la administración portuaria como los representantes de la Cámara de Tui mostraron su satisfacción por este acercamiento entre dos entes con espacios, materias y objetivos coincidentes. No en vano, Portos de Galicia es el titular de los puertos de Santa María de Oia, A Guarda, A Pasaxe-Camposancos, Goián y Tui, enmarcados todos ellos en el ámbito geográfico de la demarcación de la Cámara de Comercio, Industria y Navegación de Tui. Sobre esta base, se buscará la convergencia de proyectos y la creación de sinergias para facilitar la puesta en valor de los recursos existentes y la creación de las infraestructuras necesarias para potenciar el turismo fluvial en el río Miño.

 

ACITUI presenta a campaña de San Valentín

A Asociación de Comerciantes e Insdustriais de Tui (ACITUI) na súa campaña de San Valentín, anima este ano a todos aqueles que estén namorados a chamar a radio municipal de Tui para que conten como se declararon á súa parella, a súa historia  de amor ou incluso como se coñeceron, entrando todas as chamadas realizadas  nun sorteo dunha noite para dúa persoas no Hotel do Parador de Turismo de Tui en réxime de aloxamento máis almorzó e catro vales de 50 € cada un para empregar en calquera dos establecementos asociados a ACITUI.

O sorteo será o día 11 de febreiro na Radio Municipal de Tui as 11.00 horas, e as persoas agraciadas pasarán polas oficinas de ACITUI, sitas no Paseo da Corredoira nº 21, para recoller os vales premiados e disfrutar dun San Valentín diferente.

 

A programación do primeiro semestre de 2011 ten un orzamento de 100 mil euros

Mañá, venres, arranca a programación correspondente ao primeiro semestre do ano no Teatro Municipal de Tui. Un total de dez espectáculos, de calidade, de variedade de xénero e dirixidos a todas as idades, serán os que poidan disfrutar ata finais de maio. Estes eventos xunto a outras actividades que conforman o groso da programación organizada pola Concellería de Cultura é a que se recolle nun novo número da Axenda Cultural “Corredoira”.  O orzamento total deste eventos ascende a 100 mil euros aportados polo Concello de Tui.

A presentación destas actividades e da Axenda “Corredoira” tivo lugar onte, na Casa do Concello, a cargo do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

Nesa presentación o Concelleiro de Cultura destacaba a súa satisfacción porque Tui “siga sendo un referente cultural” a engadía que “a cultura é investimento rendible”.  Por outra referíase a traxectoria marcada polo Teatro Municipal dende que entrou en funcionamento hai oito anos, cunha clara aposta pola calidade, estabilidade e a continuidade, a na que se logrou a fidelidade do público, xa que dicía é unha programación que se fai “por e para o público”. Do mesmo xeito puña de relevo que o ano pasado o 45% das entradas para os espectáculos foron vendidos por internet dende a web www.culturatui.info.

Pola súa parte o Alcalde de Tui felicitou ao departamento de Cultura por lograr unha programación que nada ten que envexar á do ano pasado pese a ter reducido en 20 mil a súa partida orzamentaria. Nese senso dicía que a experiencia adquirida axuda para manter unha programación de calidade.  E nese senso apuntaba que dende hai moitos anos “a programación cultural do Concello sufriu un cambio que notamos os tudense e os de fóra” sen que teñamos que “envexar nada a ninguén”. Lembraba nese senso que o Teatro Municipal é o segundo no número de espectadores da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

No que se refire á programación do Teatro Municipal son un total de dez os espectáculos previstos entre febreiro e maio mantendo a aposta pola estabilidade e continuidade nestas actividades. O orzamento destes actos ascende a 42 mil euros dos que o Concello de Tui aportará o 35% (15 mil €).

Cómpre destacar nos espectáculos programados a presenza unha vez máis do Centro Dramático Galego que volve apostar por Tui para representar a súa última montaxe “Salomé”. Amais Teatro do Atlántico celebra os seus 25 anos na escena galega cunha emocionante representación que este venres abre a programación.  Pero compre salientar tamén a estrea de novas compañías no Teatro Municipal coma é o caso de Producións Teatrais Excéntricas, Elefante Elegante ou Abrapalabra Creacións Escénicas con Cándido Pazó. Esta última coincidindo cos 50 anos da impresión de “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas achega un espectáculo baseado neste texto.

Os cativos teñen tamén un importe oco da man de Ghazafelhos, Sarabela Teatro,  O retrete de Dorian Gray e Arteestudio  que conxungan unha oferta interesante a altura do público máis esixente.

Amais a música terá un oco destacado co Festival de Bandas de Música  da zona Sur que chega  a Tui baixo a organización da Deputación  de Pontevedra, que volve apostar pola cidade para este gran evento.

A Axenda Cultural Corredoira tamén recolle outros eventos como o Entroido, os actos conmemorativos do 125 aniversario da vella Ponte Internacional, as actividades organizadas polo Concello dentro das Festas de San Telmo, e as tradicionais feiras de Artesanía e do Libro.  Igualmente ofrece información sobre a actividade programada na Sala de Exposición e no seu anexo así como na Biblioteca Municipal.

Toda esta programación difúndese e promocionase a través da Axenda Cultural Corredoira da que se editan  15 mil exemplares dos que 11 mil son distribuídos en fogares de Tui e Valença do Miño e os 4 mil restantes en espazos públicos.  A esta difusión contribúe tamén os carteis e folletos que se distribuirán de cada espectáculo, con proxeccións audiovisuais na billeteira, e no Servizo de Información ao público no correo electrónico, así coma na web www.culturatui.info, con cuñas radiofónicas e cun valo mensual.

Compre destacar tamén que nesta edición apostouse por innovar no formato da Axenda Cultural Corredoira de tal xeito que despregada en vertical ten forma de cartel, e na que as cores vivas son sinónimo de vitalidade e vivacidade, ao igual que a programación prevista.

Dende o Concello de Tui quérese agradecer a colaboración do AGADIC-CDG, do Xacobeo e da Deputación de Pontevedra na organización desta programación, así como dos medios de comunicación na súa difusión.

 

O Remo do Miño logrou dúas medallas de ouro, unha de prata e un bronce no Campionato de España

O Club Remo do Miño logrou dúas medallas de ouro, unha de prata e outra de bronce no Campionato de España de longa distancia celebrada na localidade asturiana de Vegadeo, celebrado a pasada fin de semana.

O sábado disputouse o Campionato de España de Remoergómetro onde Nuria Domínguez non seu opcións aos seus rivais e venceu con rotundidade na categoría absoluta. Mentres a súa compañeira de club Marta Cochón en sub-23 tamén se impuxo as súas rivais.

Compre destacar tamén o cuarto posto de Diego das Dores na categoría cadete masculino.

Xa o domingo tivo lugar o Campionato de España de Fondo nunha xornada fría, chuviosa e con moita ondaxe o que dificultou moito a competición. Isto fixo que os remeiros e remeiras tiveran que achicar os barcos e logo a moitos non os deixaron participar por non estar listos para a saída a tempo. Ese foi o caso de Marta Cochón e Nuría Domínguez.  Tiveron tamén problema aínda que si puideron participar Diego das Dores, Alejandro Hernández, Xian Xiaba e Eduardo Ferreira que finalmente lograron a medalla de prata. Xa o Catro Scull do equipo xuvenil tivo que retirarse da regata por afundimento.

Por último o Catro Scull Absoluto de Jeús González, Iago Izquierdo, David Prada e Alfonso Riveiro, actuais campións de España, pese a que para os asistentess foron os primeiros en cruzar a liña de meta a organización nun penoso control de tempo, segundo o Remo do Miño, relegounos a un terceiro lugar.

O outro Catro Scullo tudense formado por Cristian Fernández, Francisco J. Álvarez, Isaac Prada e Andrés Carvalho logrou un sexto posto.

 

A polifacética figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez destacada no último boletín da RAG

Máis de oitenta persoas asistiron á presentación do Boletín da Real Academia Galego dedicado á figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica.

No acto, que contou coa presenza do Alcalde de Tui, o Presidente da RAG, o escritor e fillo do homenaxeado Xosé Mª Álvarez Caccamo, e do bibliotecario de Tui, volveu ensalzar a figura do Xosé Mª Álvarez Blázquez unha figura poliédrica que destacou en moi diversos campos dende a literatura, a investigación ou o coleccionismo tal e coma se expuxo.

Abriu a quenda de intervencións o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, sinalando que “a Real Academia Galega tivo o acerto de dedicar o 17 de maio ao tudense Xosé Mª Álvarez Blázquez coma xa o fixera con anterioridade, no ano 1972, ao bispo Manuel Lago González”. Engadía que este feito permitiu recuperar para os tudenses a singular figura deste polifacético home, engadido que “con actos coma o que hoxe celebramos serven para que a familia Álvarez Blázquez recupere o lugar que lle corresponde na sociedade tudense”.

Aproveitou amais o rexedor tudense para avanzar que o 24 de xuño celebrarase o 120 aniversario da celebración na cidade dos primeiros Xogos Florais de Galicia, uns actos nos que confía contar de novo coa colaboración da Real Academia Galega.

A continuación tomou a palabra Rafael Sánchez Bargiela quen destacaba que as actividades desenvolvidas en 2008 “contribuíron a recuperar a figura para Tui de Xosé Mª Álvarez Blázquez e de toda a súa familia”. Facendo a continuación un amplo relatorio da historia familia.

Xosé Mª Álvarez Cáccamo, escritor e fillo do homenaxeado agradeceu “en nome propio  e da familia Álvarez á Real Academia e ao Concello por propiciar este acto e os que se celebraron en 2008 entorno a figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez”.

Lembrou como os actos entorno á figura do seu pai comezaron en xaneiro de 2008 en Vigo coa lectura do discurso que Álvarez Blázquez pronunciara no seu ingreso da Academia Galega, e dicía que “o círculo complétase hoxe coa presentación destas actas” . Fixo a continuación un amplo balanzo das obras do seu pai publicadas en 2008 co gallo de ser o homenaxeado nas Letras Galegas, e tamén de cantas publicacións foron editadas sobre a súa figura, sinalando que “serviron para coñecer a súa capacidade para abranguer campos tan diferentes do saber”.  Remataba a súa intervención manifestando que “a síntese de toda esa enorme actividade, desa enerxía colectiva, que nós polo menos dende a familia viamos como unha enerxía singular, non sei si é por amor ao pai, ou ao parente, que pensamos que aquel ano o despregue de forzas culturais foi superior a outros anos, e digo que a síntese desa enerxía colectiva está aquí precisamente nestas actas, onde de novo as diversas facetas son abordadas por diversos especialistas que se deron cita aquí en decembro do ano 2008”.

            Pechou o acto o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen manifestou sentirse moi emocionado por volver ao mesmo lugar onde se celebrou o Congreso entorno a figura de Álvarez Blázquez.  Sobre o Boletín da RAG expuxo que é un espello da historia de Galicia e da conciencia nacional galega ao longo de 100 anos, aínda que puntualizaba que a súa publicación se viu interrompida por feitos coma a Guerra Civil.

Con respecto ao nº 369 que se presentaba apuntou que case na súa totalidade está dedicado ao Congreso celebrado sobre Xosé Mª Álvarez Blázquez recollendo a totalidade de publicacións e discursos que se pronunciaron. E engadía, tomando as palabras de Darío Xohan Cabana que o homenaxeado foi foi un gran académico.  Dese congreso dicía que foi de “recapitulación e de innovación”. Posteriormente salientaba dende o século XIX “é espectacular  e prodixioso o número de Álvarez que existen en Galicia e todos os campos do saber e da cultura”, aspecto do que dixo tamén se fixo cargo o Congreso. Un encontro que por último apuntaba serviu para destituír totalmente un mito e un tópico. Explicaba nese senso que “despois do franquismo en 1950 a editorial Galaxia recupera a edición e a cultura galega, aquí despois deste congreso xa nunca máis se poderá dicir iso, posto que antes da editorial Galaxia estivo Benito Souto e estivo Álvarez Blázquez con edicións Monterrei”.

 

Juan Miguel Diz Guedez de Tui di que os veciños que vexan frustradas as súas aspiracións urbanísticas respecto ao plan do 94 poden recorrer á vía contenciosa

A Radio Municipal de Tui Continuando coa rolda de conversas para coñecer a valoración que da aprobación do PXOM fan os distintos grupos políticos presentes na corporación onte correspondeulle intervir ao voceiro de Tudenses Unidos Independentes, Juan Miguel Diz Guedes.

O voceiro de TUI valoraba positivamente esta aprobación,  pero puntualizaba, facendo un repaso o longo proceso de tramitación, que trala resolución da pasada semana da Xunta onde se impoñen unha serie de modificación sinalaba que é preferible ter un plan xeral aínda que non recolla todas os anhelos antes que quedarse de novo sen plan e ir a un pleito.

Quería deixar claro que moitos veciños verán frustradas as súas expectativas porque o novo plan suprimiu aspiracións urbanísticas que sí recollía o plan do 94 e o de 2006. Nese caso dicía poden recorrer á vía contenciosa para defender os seus dereitos, sinalaba que hai argumentos xurídicos que fan entender que hai posibilidades de éxito nun recurso contencioso administrativo.

Xa noutra orde de cousas apuntaba que a corporación se viu limitada en moitos dos seus obxectivos porque non se podían levar adiante se non había plan. Agora tras a aprobación dicía que o Plan abre a porta para que o Concello poida desenvolver proxectos importante de desenvolvemento do municipio dende o punto de vista do interese xeral coma un plan de obras e servizos que considera fundamental. Isto dicía, é para el o aspecto máis importante de ter un Plan. A todo iso sumaba que aproba a clasificación urbanística de boa parte do termo municipal, con ámbito para equipamento, industrial, deportivo, de servizos...e de construcións privadas ou colectivas.

Apuntaba por último Juan Miguel Diz Guedes que cambia a fórmula urbanística de PERI a solo urbanizable, pero que o rural queda como estaba en agosto de 2008.

Aproveitando a presenza de Juan Miguel Diz Guedes na RMT lle preguntaban tamén polas declaracións do Alcalde de Tui  feitas públicas por un medio de comunicación de que tentaría negociar con TUI. A este respecto Diz Guedes expuña que polo momento non se produciu esta chamada, e se son chamados acudirán por respecto e rigor.

Por outra parte aínda non está tomada a decisión de si se presentará de novo como TUI ás municipais. Sinalaba que en breve se reunirán para valorar estes catro anos de mandato municipal e toma unha decisión dende o punto de vista do grupo e do interese xeral do concello de cara aos próximos comicios.

 

Mércores, 2 de febreiro de 2011  

Miguel Amenedo gañou o concurso do cartel anunciador do 125 aniversario da Ponte Internacional

O creativo galego Miguel Amenedo foi o gañador do Concurso de Carteis “125 anos da Ponte Internacional” promovido pola Cámara de Valença e o Concello de Tui. O seu traballo foi elixido entre os dez presentados de creados galegos e portugueses.

O novo logo ten un gran impacto e visibilidade e representa a ponte internacional metálica, o río Miño e a unión dos pobos valenciano e tudense, portugués e galego.

Nun trazo simple Manuel Amenedo presenta un símbolo que representa a unión de dúas culturas e en que “as cores transmiten paz, tranquilidade, confianza, confidencia, seguridade, esperanza, dedicación, sinceridade, intuición e amor  pola creación, dignidade, prestixio, invencibilidade, técnico e formal”, segundo o creativo.

Manuel Amenedo é un reputado creativo galego, radicado na Guarda, formado en Deseño pola Universidade da Florida (Estados Unidos), con varios traballos realizados en España, Estados Unidos, Rusia e outros países.

A creación dunha imaxe gráfica foi a primeira iniciativa de todo un conxunto de actividades que marcaran 2011 nas cidades de Valença e Tui e de nas que destacan exposicións temáticas, xornadas históricas, concurso de fotografía, actividades deportivas recreativas. O punto alto das conmemoracións está marcado para 25 de Marzo, con os actos institucionais e protocolarios conmemorativos do 125 aniversario da inauguración da Ponte Internacional.

 

Presentación da programación cultural do primeiro semestre

Hoxe, mércores, ás 11.30h na sala de concelleiros do Concello de Tui terá lugar a presentación da programación cultural correspondente ao primeiro semestre de 2011, que vén recollida nun novo número da Axenda Cultural “Corredoira”.

Comparecerán ante os medios o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

O BNG votarán en contra das modificacións impostas pola Xunta ao considerar que se defenden uns intereses que non son os da maioría

Continuando coa rolda de conversas para valorar a aprobación do PXOM na Radio Municipal de Tui onte correspondeulle a quenda a Laureano Alonso do BNG.

O voceiro nacionalista explicaba que tras esta aprobación parcial teñen “certa satisfacción porque se avanza algo” pero engadía que están “decepcionados e preocupados porque o resultado é moi negativo” en referencia á diminución da edificabilidade no rural.  Sinalaba Laureano Alonso que o acto do pasado venres onde estivo o Conselleiro de Medio Ambiente presentando a aprobación do Plan foi propagandístico, e non cree que tal e coma dixo o Alcalde as modificacións impostas pola Xunta estean listas en 15 días.  Sinalaba amais que o problema que hai é que hai intereses particulares que priman sobre os intereses xerais.

O BNG sempre dixo que este non era un plan defendible para eles porque no mesmo había un volume de edificabilidade moi alto que non era xustificable ao contemplar un elevado crecemento poboacional.

Criticaba Laureano Alonso que no acto do pasado venres,que cualificou de publicitario, non lles permitiron preguntar nada ao Conselleiro. E non compartía as declaracións do Alcalde onde dicía que se aprobaba con nota, xa que no seu parecer suspéndese.

Unha das modificacións que recolle este plan é que nas unidade de execución de Camfran que no plan do 94 estaban con baixo e tres alturas agora contemplan baixo e cinco altura, segundo se recolle na ordenanza aclaratoria, algo no que os anteriores Conselleiros de Política Territorial non estiveron de acordo, pero si o aproba, dicía o actual Conselleiro en detrimento da edificación no  rural.

Por último Laureano Alonso adiantaba que cando as modificacións vaian a pleno van votar en contra porque consideran que se defenden uns intereses que non son os da maioría da cidadanía en referencia ao recorte edificatorio no rural, mentres se mantén no casco urbano.

 

Curso de Emancipación Xuvenil na Casa da Xuventude de Tui

O próximo venres 11 de febreiro remata o prazo de inscrición no curso de Emancipación Xuvenil que se vai realizar na Casa da Xuventude de Tui.  Vai dirixido á mocidade de entre 18 e 30 anos preferentemente. O curso ten unha duración de 50 horas en modalidade “a distancia”.

Os contidos son os seguintes mocidade e emprego, mocidade e vivenda, socioloxía da familia, itinerarios profesionais e carreiras profesionais. O curso comezará o 18 de febreiro e rematará o 18 de marzo.

 

Martes, 1 de febreiro de 2011  

O 9 de febreiro comeza o Cineforum en Tui, cine gratuito,  co obxectivo de dar a coñecer o audiovisual galego

Co lema “O Cine que nos mira”, dará comezo o próximo 9 de febreiro. ás 20.00 horas no Teatro Municipal de Tui o Cineforum. Trala inauguración desta alternativa de lecer,  será,  proxectada a  película  “Retornos”  (de Luis Avilés), simultaneamente nas nove aulas do Cra Mestra Clara Torres e no Ceip de Rebordáns.

Os obxectivos desta iniciativa son a promoción do audiovisual galego e  en especial no rural, e a introducción da  poboación en xeral na Cultural do Audiovisual.

Nesta ocasión o Cinefórum contará coa presenza do director da película, Luis Avilés, e o guionista tudense Daniel Domínguez. Ao finalizar haberá un debate entre o público asistente a proxección  no Teatro.

A partir desta proxección todos os segundos mércores de cada mes haberá unha sesión de Cineforum  para adultos, e os os últimos martes de mes unha película de animación para o público infantil que se proxectará no Telecentro do Edificio da Area Panorámica e simultaneamente nas aulas do Cra Mestra Clara Torres, no Ceip de Rebordáns e centros culturais interesados das parroquias tudenses, as 18.30 hs da tarde.

A concelleira de Educación, Patricia Ricón anima a toda a poboación a asistir,  pois a entrada e libre e gratuita ata completar aforo.

 

A Biblioteca Municipal de Tui continuou incrementando os seus usuarios e prestamos ao longo de 2010

A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de presentar a súa memoria de actividades do pasado ano 2010 na que se testemuña a consolidación deste servizo bibliotecario como un dos referentes culturais do Concello tudense. Como principais acontecementos da Biblioteca tudense ao longo do pasado ano cómpre salientar os seguintes:

a)     A concesión por quinto ano consecutivo dun dos Premios “María Moliner” convocados polo Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación “Coca-Cola” España no apartado de “labor bibliotecaria”.

b)     A consolidación das actividades de extensión bibliotecaria, como a celebración no 23 de abril, día do libro, da actividade “Os libros na Praza de San Fernando” en colaboración coas bibliotecas escolares do concello ou as 23 actividades desenvolvidas ao longo do ano.

c)      A mellora do fondo bibliográfico, contando cunha permanente escolma das novidades literarias que son incorporadas á colección da Biblioteca nun prazo breve de tempo e que ten contribuído ao incremento dos préstamos a domicilio.

Datos estatísticos

A Biblioteca tudense ten acadado no pasado ano un total de 38.285 usuarios (o que supón unha media de 123 persoas que acceden diariamente a este servizo cultural) incrementándose en case sete mil o número de usuarios con respecto ao ano anterior, en que foran 31.512. Similar incremento experiméntase no número de libros retirados en préstamo domiciliario polos socios da Biblioteca que chegaron a 6.246 libros (3.381 da sección adultos e 2.865 da sección infantil) aumentando tamén arredor dun 20% en relación aos 5.374 libros emprestados ao longo de 2009.  No pasado ano incrementáronse en 251 os socios da Biblioteca.

Para os responsables da Biblioteca tudense estes datos son especialmente satisfactorios, especialmente no incremento dos libros emprestados xa que supoñen un aval á liña de traballo desenvolvida neste centro bibliotecario nos últimos tempos. Así o aumento de 1.210 novos títulos da colección bibliográfica, (877 en adultos e 333 en infantil) e que alcanza os 29.762 volumes, incorporando as novidades editorias logran fidelizar aos nosos usuarios e incrementar significativamente o movemento dos fondos bibliográficos. Este incremento de fondos supón un importante esforzo económico que financia en grande medida o Concello de Tui coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Outro dato son as 7.934 visitas que tivo no pasado ano a páxina web da nosa bibliotecas accesible en www.bibliotecaspublicas.es/tui  e os 29.449 accesos á consulta dos nosos catálogos dende a páxina web da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Actividades

Ao longo do ano 2010 a Biblioteca Municipal de Tui desenvolveu diversas actividades de promoción da lectura. Por unha banda actividades de carácter permanente e estable como son:

-          Clube de Lectura, integrado na actualidade por 12 persoas que se reúnen quincenalmente na Biblioteca para comentar os libros que previamente teñen escollido e lido.

-          Visitas escolares, que no pasado ano 2010 supuxeron a visita ao centro bibliotecario de 315 alumnos de diversos centros educativos de primaria e secundaria do concello tudense.

-          Bibliopiscina, como un servizo complementario nos meses estivais que este ano contou, de novo, cun amplo lote bibliográfico, que foi renovado completamente a metade da tempada de uso.

-          “Lendo espero” ou programa promovido pola Consellería de Cultura e Turismo que ofrece un espazo de lectura na sala de espera de pediatría no Centro de Saúde de Tui, en cuxa xestión participa a Biblioteca Municipal de Tui.

En canto a actividade de carácter periódico ao longo do ano 2009 foron realizadas un total de 24 actividades de animación á lectura (contacontos, proxeccións, obradoiros, etc.) dirixidos especialmente aos nenos e nenas, pero por vez primeira neste pasado ano se organizaron tamén para outros segmentos de idade. Así houbo actividades para adultos como contacontos ( o celebrado o 21 de outubro co grupo “A Loco-Motora”)  ou o recital poético de Xosé Carlos Caneiro (a finais de maio), así mesmo unha sesión de formación (obradoiro de escritura creativa con Santiago Jaureguizar) e tamén obradoiros de banda deseñada (co obradoiro “Crear o noso propio libro”) e un total de oito sesións de contacontos e monicreques para os máis cativos. Boa parte destas actividades foron realizadas ao abeiro do programa “Letras Vivas” que promove a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia

Entre as actividades promovidas para os rapaces e que se centraron nas campañas: “Mes dos libros” (abril/maio), “Día da Biblioteca” (outubro), “Outono na Biblioteca” (novembro) e “Nadal con libros”, cómpre salientar como actividades que suscitaron maior interese e participación a celebración do “Día do Libro” coa actividade “Os libros na praza” en colaboración coas bibliotecas dos centros escolares do noso municipio, cunha participación de alumnos de todos os centros públicos tudenses que superou os 1.500 alumnos que ateigaron á Praza de San Fernando con máis de 5.000 libros vellos e usados que aportaron cada familia e os diversos centros bibliotecarios participantes neste acontecemento. Cómpre sinalar como todos os centros escolares acompañaron o depósito dos libros con diversas actuacións musicais, teatrais ou de lectura de textos ou recitado de poemas.

Outra importante actividade promovida pola Biblioteca Municipal foi a conmemoración o 24 de xuño do CXVIII aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia que contou coa participación de Darío Xohan Cabana e María Xosé Queizán, xunto a Marga do val. Celebrado na igrexa de San Domingos este recital reuniu a máis de 100 persoas. Nesta conmemoración, por ves primeira, recuperouse o banquete galeguista que se celebrara naquel evento, agora no Parador de Turismo “San Telmo” de Tui o sábado 26 de xuño.

Por ultimo, reseñar que a Biblioteca acolleu outras actividades como a presentación do libro de poemas de Marga do Val “A cidade sen roupa ao sol”, etc.

Para o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, os datos desta Memoria acreditan o importante esforzo que o Concello de Tui está a desenvolver na promoción da lectura pública desde o convencemento que é unha ferramenta imprescindible para a formación no só dos rapaces senón de toda a sociedade e, ao tempo, unha alternativa de lecer de grande interese.

 

Presentación do nº 369 do Boletín da Real Academia Galega dedicado a Xosé Mª Álvarez Blázquez

Hoxe martes ás oito da tarde a Sala “Félix Rodríguez” da  Área Panorámica acolle a presentación do Boletín da Real Academia Galega, número 369, dedicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2008 o tudense Xosé María Álvarez Blázquez.

Intervirán neste acto, aberto ao público, o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo –fillo do autor homenaxeado-, o bibliotecario tudense, Rafael Sánchez Bargiela, e o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Este número do Boletín da Academia Galega recolle os relatorios presentados ao Congreso que arredor da figura de Xosé María Álvarez Blázquez celebrou a Real Academia Galega na cidade de Tui no mes de novembro de 2008 como clausura das actividades desenvolvidas arredor do egrexio escritor e investigador tudense naquel ano.

O Concello de Tui, a través do seu concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, agradece á Real Academia Galega a deferencia que, nunha nova oportunidade realizar cara á nosa cidade ao querer presentar aquí esta publicación e que consolida a colaboración que nos últimos anos desenvolvese entre ambas institucións.

 

Corte de Auga nas rúas Pracer e Ouro

O Servizo de Augas do Concello de Tui informa que hoxe martes dende ás 9 da mañá e durante tres horas aproximadamente vaise realizar un corte no subministro de auga que afectará á rúa Pracer, Ouro e a canella do Ouro.  O corte débese a necesidade de reparar unha avaría.

 

Inauguración dunha exposición de Caíno en Trisquel e Medulio

Este sábado ás oito e media da tarde será inauguración unha exposición de pinturas de Caíno na Galería Trisquel e Medulio na rúa Antero Rubín. Coincidindo coa inauguración haberá un concerto a cargo do grupo La Timba Mullallo.

A mostra permanecerá aberta ata o 12 de mazo de luns a venres de 17 a 21h e o sábados de 11 a 14h.

 

Capón Rey de AT di que as reducións de edificabilidade condicionan o crecemento futuro do casco urbano

A Radio Municipal de Tui abriu onte unha rolda de entrevistas para valorar a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui realizada o pasado venres pola Xunta.

Abriu esta quenda o voceiro de Acción Tudense, Miguel Capón Rey, quen considera que as zonas onde se reduce a edificabilidade – que son as modificación que impón a Xunta a realizar – son as zonas da posible expansión da cidade polo que se pregunta cara onde vai crecer Tui.  Denuncia Capón Rey que este foi un tema que o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, negociou de costas á corporación tal e coma segundo el se desprende das palabras do rexedor o pasado venres.

No parecer do voceiro de Acción Tudense esas reducións de edificabiidade poderían terse feito noutros ámbitos como no casco urbano. E nese senso salienta que a diferenza do Plan 94 agora nalgúns lugares permítense 5 alturas cando antes só se podían facer 3.

Desta medida no parecer de Miguel Capón so se benefician os que teñen solo dentro da cidade e poden modificar as alturas, caso, dicía, dalgunhas empresas relacionadas con Fernández Rocha.

Por outra parte salientaba que o seu grupo agardaba que a Xunta non aceptase a ampliación do solo industrial de Ribadelouro. 

Capón Rey sinalaba amais que cando as modificación imposta pola Xunta sexan levadas a pleno a nivel persoal el votaría que non, pero a decisión corresponde segundo dicía ao seu grupo.

Insistía o voceiro de Acción Tudense, tal e coma fixo en debates anteriores sobre o Plan, que no seu parecer o que se tiña que ter feito é adaptar o Plan do 94 á lei do solo e non a redacción dun novo planeamento.

Capón Rey referíase o acto do pasado venres co Conselleiro cualificándoo de vergoñento porque dicía que nun acto institucional coma foi estaba o comité local do PP en pleno e persoas directamente beneficiadas da aprobación do Plan pola ampliación da zona industrial de Ribadelouro e pola zona deportiva da Veiga do Louro.

 

O Kaiak Tudense quedou terceiro na regata de Pas de Calais en Francia coa que abriu a nova temporada

O Club Kaiak Tudense finaliza en terceiro lugar na xeral de clubs da XVI Caneo Internacional du Pas de Calais, regata que foi gañada polo club local de Saint Laurent Blangy, e en segunda posición foi para o club romanés do Orsava.

O equipo de Tui que nesta ocasión tan só desprazou a quince deportistas tivo que sobreporse a unhas temperaturas xélidas, de-3º , temperaturas en que os piraguistas tudenses están moi pouco afeitos a palear.

A pesar destas condicións climatolóxicas adversas, o club Tudense adaptouse con suma facilidade ao novo formato desta regata, onde tras unha contrarreloxo de 2 km, os 6 primeiros de cada categoría pasaban á disputa da final A, mentres que do 7º ao 12º pasaban a disputar a final B, sendo estas finais disputadas sobre a distancia de 200 metros.

Así, os padeeiros de Tui estiveron presentes en 4 finais A, e en 5 finais B, destacando a actuación do Kaiak Senior, onde sobre a distancia de 2000 metros Roberto Rodríguez finalizaba en segundo lugar, tan só superado polo padeeiro francés e campión do Mundo Ciryll Carre, nesta mesma categoría Víctor Rodríguez ocupaba o 5º lugar, ambos os clasificados para a final en 200 metros, aquí Víctor superaba a Roberto, conseguindo o primeiro o terceiro lugar, mentres que Roberto tívose que conformar co cuarto lugar, nunha regata onde ambos foron superados polos padeeiros franceses,  Maxime Beaumunt e Ciryl Carre.

Outra gran actuación foi para a cadete Andrea Porteiro, que finalizou en segundo lugar tanto na contrarreloxo de 2 km, como logo na final de 200 metros.

O outro gran resultado para o club de Tui, veu por parte de Marcos González que finalizou en cuarto lugar na contrarreloxo sobre 2 km e en 5º lugar na distancia curta do 200.

A seguinte cita para o club Kaiak Tudense, será a disputa do Control Galego de Inverno, previo ao Campionato Galego e Campionato de España que se celebrará a mediados de marzo en Sevilla, e que será sen dúbida un do obxectivo importantes da tempada.

 

O Concello de Tui convoca quince prazas en diversos servizos municipais

O Concello de Tui vén de convocar a contratación laboral temporal das seguintes prazas cuxas bases de convocatoria poden consultarse nos enlaces que acompañas ás respectivas prazas.

Prazas convocadas

Un auxiliar administrativo para servizos sociais (Bases); un auxiliar administrativo para oficina de rehabilitación (Bases); un operario para punto limpo (Bases); dous auxiliares administrativos para secretaria e intervención (Ampliar); un traballador social (Bases); un operario de limpeza para o servizo de recollida de lixo (Bases); un operario de mantemento electricista (Bases); un oficial de segunda - conductor (Bases), e cinco peóns (Bases).

            A presentación de solicitudes é de cinco hábiles, que rematan o catro de febreiro de 2011.