Índice

www.galiciasuroeste.info

 

Felisa Fernández Rodríguez

  

Felisa Fernández e o seu esposo, Manuel Franco

Felisa Fernández Rodríguez, propietaria da mercería “La Esmeralda”, foi recoñecida o pasado mes de xuño de 2013, cun diploma pola súa vida dedicada ó comercio, dentro da Campaña que a Rede de Dinamización Comercial, dependente da Dirección Xeral de Comercio, realizou co gallo de “A semana do teu comercio” nos centros comerciais abertos. Naquel acto estiveron presentes José Manuel Cores Tourís, delegado Territorial da Xunta de Galicia, e Ignacio Rial Santomé, xefe territorial de Pontevedra, ademais dunha representación do concello da Guarda, encabezada polo alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, e a presidenta de ACIGU, Carmen García.

O día que recibiu a distinción pola súa vida dedicada ó comercio

As orixes de La Esmeralda

 

As irmás Felisa, Conchita e Pepita Fernández Rodríguez co seu tío materno Joaquín Rodríguez Melón. No carriño os xemelgos Carlos Javier e Manuel Ángel Álvarez Fernández fillos de Conchita e Aguinaldo Álvarez na porta do comercio. (1/II/1958)

  

            Nas súas orixes, recorda Felisa Fernández, este establecemento que abrira as súas portas na Rúa Joaquín Alonso (Praza Nova), en plena Guerra Civil, alá polo ano 1937, non tiña un nome de seu, sendo coñecido popularmente coma a “tenda de Digna”, por ser Digna Rolán a que o botara andar. Tamén, popularmente, coñecíase como a “Tenda da viudita”. No ano 1957, o pai de Felisa, Manuel Fernández Ananín, adquire a Digna o comercio, que precisa unhas reformas que realizarán os irmáns Rocha, para legalo ás tres fillas, Felisa, de 21 anos, Pepita, de 15 anos, e Conchita, de 19 anos. Esta última, anos despois con varios fillos, que eran cativos, tivo que deixalo para atender á familia, mercando a súa parte, Felisa.

Felisa y Pepita tras el mostrador

 

Uns anos máis tarde, Pepita casa e emigra a Santo Domingo, quedando Felisa, a nome de quen sempre estivera este emblemático comercio local, coma única propietaria. Lembra Felisa que o seu pai pensou que o establecemento debía de ter un nome que o identificase, e deixase, cos novos propietarios de ser a “Tenda da viudita”. O empresario Joaquín Rodríguez Melón, irmá de Agustina, nai de Felisa, Conchita e Pepita, emigrante en México, pero que daquela pasaba uns días na Guarda, propuxo o nome de La Esmeralda “que é o nome da tenda que el tivera en México, e que lle deu os cartos cos que construiría dous hoteis. De modo que nos quedamos co nome da tenda do tío Joaquín”.

Felisa delante del escaparate de La Esmeralda.(1/II/1958)

Felisa, diante de La Esmeralda en 2013

 

De mercería a ofrecer outros artigos

Vista exterior de la tienda un día de nevada (15/I/1987)

 

            Con Digna Rolán, a mercería ofertaba botóns, puntillas e fíos, “unha mercería das de antes”, explica Felisa Fernández, quen, ao facerse cargo do negocio, comeza a ampliar os produtos: complementos de señora, bufandas, luvas, entre outras “novidades”. Ao quedar como única propietaria Felisa, coincidindo cos inicios da confección na Guarda, comercializou abrigos de muller “e o primeiro abrigo de señora que se vendeu na Guarda, vendino eu.. debeu ser polo ano 1958”. Casa en 1960 con Manuel Franco e continúa co negocio ata a súa xubilación.

 

Felisa Fernández na tenda, antes da última reforma do interior (Diciembre de 1988)

 

            Conta que ela deu un pulo ao negocio, quedando “a mercería como algo secundario”, para centrarse noutros produtos, fundamentalmente dirixidos aos rapaces, como traxes de Primeira Comuñón, sendo daquela o único comercio onde se podían mercar na Guarda. Durante uns poucos anos, catro ou cinco, probou cos traxes de noiva, “as rapazas soían casar normalmente vestidas de negro, verde... pero as noivas comezaron a empregar o branco, que mercaban en Vigo, e eu introducín en La Esmeralda unha liña de traxes de noiva, pero eran algo delicado, e as mulleres continuaban indo a mercalos a Vigo, de modo que non os traballei moito, porque non era un negocio moi rentable”. O que nunca deixou de ofrecer foron os traxes e outros complementos de Primeira Comuñón, como os clásicos colgantes e libros de oracións. E lembra “eses traxes tan fermosos de almirantes, de mariñeiros...”. E, como anécdota, recorda que o párroco da Guarda non gustaba ver aos nenos así vestidos, e nunha misa, subido ao púlpito, advertiu “non quero almirantes, non quero xerais... os traxes dos rapaces son mariñeiros, ou pantalón azul e blusa branca... e as persoas que comprasen doutro tipo, que os devolvan ao seu punto de procedencia”. Felisa considerouse aludida, pero seguiu vendendo traxes de mariñeiro xunto cos de almirantes e xerais.

 

Felisa Fernández nunha das diarias visitas a La Esmeralda

 

            Aproximadamente a finais da década dos 90, tivo a exclusiva, na Guarda, de dúas ou tres casas, entre elas a firma “Ninis”, que producía traxes para nenos que só se podían adquirir, ademais de en “La Esmeralda”, tamén no Corte Inglés. Durante uns vinte anos, “La Esmeralda” era o comercio que ofrecía prendas para señora e neno.

 

 

Felisa recollendo o diploma concedido pola Dirección Xeral de Comercio, de mans do delegado territorial da Xunta José Manuel Cores Tourís

 

            Cando “Ninis” quebra, “La Esmeralda” ve reducida a demanda de prendas de nenos, de modo que Felisa vai orientando o establecemento a ofrecer prendas para a muller.

O traxe galego

            Nos últimos vinte anos en que “La Esmeralda” estaba rexida por Felisa, traballouse o traxe galego. Primeiro a pequena escala, recibindo pedidos que procedían, mesmo de Barcelona e Madrid, e por suposto, de distintas zonas de Galicia. Felisa, ademais de encargarse de atender ó público, confeccionaba os traxes, tiña pedidos importantes destinados a grupos de bailes, lembrando que “o pedido máis importante que me fixeron foron catorce traxes de muradana, deses de pesar uns cantos quilos cada un... chorei moito con eses traxes porque non me vía, eran moitos, pesados, traballados... tiven que procurar axuda para facelos, sobre todo para armalos”. Felisa recorda que chegaban pedidos de traxes de Burela, A Coruña, e tamén traballou para o Corte Inglés enviándolle elementos que acompañan e se incorporan ao traxe galego. Clientes de León, Ponferrada, Asturias, entraban pola porta de “La Esmeralda” buscando as aplicacións de Felisa.

            A década dos 80, 90 ata o 2005, foron tempos de bonanza económica.

A xubilación

            Cando chega a xubilación, Felisa pensa en traspasar a tenda, pois ninguén da familia estaba polo labor de continuar con ela. Ata que unha das fillas, Bea Franco, quixo darlle unha alegría a súa nai e acetou quedarse co negocio, continuando con “La Esmeralda” nunha das zonas que chegou a ser o centro comercial da vila, e que agora distintas iniciativas privadas tratan de revitalizar.

Beatriz Franco, en 1969

            Bea Franco, continúa a liña iniciada por Felisa, orientada á confección, e ofrecendo primeiras marcas da moda feminina. A xubilación de Felisa non a afastou da tenda, e cada día  visita o establecemento onde pasou tantos anos da súa vida, porque, ademais, Felisa ten a sorte de estar a poucos metros de “La Esmeralda”; “eu sen entrar na tenda non paso. Teño a sorte de que sexa a miña filla quen a leva. Se fose outra persoa xa non podería ir tan a miúdo”.

Beatriz, Felisa, Manuel y Alejo