www.galiciasuroeste.info

OS IRMÁNS FLORES COSTAS

 seguinte

Por José Antonio Uris Guisantes

 

 

Irmans Flores Costas, José e Emilio na homenaxe popular feita polo pobo do Rosal un 30 /11/1991, día de Santa Cecilia patrona dos músicos. Homenaxe xordido no seo da Agrupación Musical do Rosal, sendo presidente Antonio Granja Pereira, persoa a que O Rosal lle debe outra grande homenaxe popular

 

Estes dous irmáns Flores  formaron unha parella de gaiteiros (aos que se incorporaron outros músicos) que foi emblemática no Baixo Miño e noutras localidades de Galicia e Norte de Portugal. Fillos de José e Rosa da Xuradía ou Feligresía de Novás.

 

Por desgrcia hoxe soamente podemos contar con un dos lendarios gaiteiros, co meu amigo e gran persoa Emilio,  o haber falecido Pepe, músico, gaiteiro, letrista, profesor e augardenteiro, gran conversador según din os que máis o trataron naquelas potadas nos meses de invernía.

 

O primeiro Grupo de Gaiteiros que formaron levou o nome de “OS ALBARIÑOS” de Novás[1] ( O Rosal), pero antes xa organizaran outros. Os guardeses tivemos a sorte é acerto de contar con eles nas Festas do Monte de Santa Trega aló polo 1945, ano no que a organización das festas pasa da dirección da Sociedade Pro Monte Santa Tecla a unha Comisión Cidadá, e así os delegados da programación dos festexos D. Santos Pantaleón Saúl e D. Mariano Martínez Portela contratan á Banda de Música de Tabagón, máis […] “al grupo de Gaitas de D. José Flores Costas de El Rosal…”

 

Na reunión do 1º de abril de 1945 a Comisión de Festas que logo presidiría o industrial D. Florindo Rodríguez Álvarez, xuntou no Cine Avenida unha serie de comerciantes e industriales que acordaron, entre outros asuntos, [...] contratar al Grupo de Gaitas de D. José Flores, de El Rosal para los días 18 y 19 de agosto...”   

 

Dende ese ano os irmáns Flores Costas serían os case que “eternos gaiteiros” nas Festas do Monte da Guarda. Salientar que formaron varios Grupos de Gaitas ó longo dos anos, colaborando ou formando parte de outros grupos cando algún compoñente faltaba.

 

Nos anos corenta fundaron o grupo de gaitas “Los Cinco Pibes”, nome que lles puxo o tío Joaquin “O Labrador” da Cumieira, daquela tocaban “de oído”, sendo compañeiros dos irmáns Emilio e Pepe Flores Costas, “Paquín, do Calvario” que tocaba a caixa, Juan “do Pozo” co bombo, máis os irmáns Indalecio e Benedicto Portela Acevedo.

 

Tamén tocaron nos Albariños, Indalecio González Fernández (gaita), Maximino González (bombo) e Manuel Fernández (caixa), logo fundaron o Grupo de “Os Parradeiros” de Refoxos (Oia). Outros que formaron parte dos Albariños de Novás foron: Pepe “das Eiras” (O Rosal) e Pepe “O Cacharrón”.

 

Outro dos nomes do grupo con que actuaron Pepe e Emilio nas Festas do Monte foi “Los de Novás”.

 

A primeira gaita mercada por Emilio Flores fora construída polo profesor de música e solfexo D. Alfonso Ulloa, valeu 60 pesetas e seu irmán Pepe estreou outra gaita que lle doara o entón Secretario do Concello de O Rosal D. Eliseo Sastre. Pepe aprendeu solfexo e tocou nas Bandas de Música de Tabagón e de Mougás, así como ensinou a ducias de rapaces solfexo e música.

   

Tocaban en todas as festas da contorna, sobre de todo cando chegaban os telleiros de Castela, de Ourense ou da Coruña, daquela non había megafonía nin nada polo estilo, entón o “latoeiro do Curuto” (A Guarda) engarillou unha especie de “megáfono de latón” para que puideran anunciar con son máis potente as pezas que ían interpretar e ademais para que o animador ou vocalista  do grupo puiderse vocalizar ben alto as cancións, era este o mozo Indalecio Portela Acevedo de Loureza.

 

Cobraban por actuación tres duros cada un, moitos anos mais tarde Pepe (que sabía solfexo) e Emilio, despois dos traballos cotiás, daban clases de gaita a quen quixese, facendo unha labor de ensino importante, no manexo e interpretación de pezas nas ANPAS, grupos folclóricos, terceira idade, particulares, etc.etc.        

 

O documento  que eiquí expoño, demostra que ós irmáns Flores tiveron a honra de ser o primeiro Grupo de Gaitas, que actuou no primeiro ano en que a Comisión das Festas do Monte pasou a ser organizada e integrada por unha Comisión Cidadá. Cobraron por actuar dous días 200 pesetas e os gastos foron por conta dos propios gaiteiros.    

 

  

O 14 de agosto de 1949 a “Gaita de Pedornes”  integrada e dirixida por os irmáns Flores Costas, cobra da Comisión de Festas do Monte 325 pesetas por “tocar”  os días 13 e 14, está asinada por Emilio Flores que era o que levaba “as contas”.

 

 

Neste 1949 compartiron actuacións cos Grupos “Airiños da Nosa Terra” de Tomiño, Banda de Música de Cuntis co seu Grupo de Gaitas, e a Treboada “La Bravesca” de Estás (Tomiño). Primeiro foron contratados por 300 pesetas e logo cobraron 325.

Santos Pantaleón Saúl, comerciante e presidente da Comisión de Festas do Monte varios anos, creador da primeira “Tómbola Popular” do Baixo Miño, co fin de recadar cartos para as festas, contrata en xuño de 1949 con Emilio Flores para actuar nos días 13 e 14 de agosto, cas condicións que se poden ler:  

 

En 1956 Emilio Flores  “Director de la Gaita de Novás” cobrou 450 pesetas.

En maio de 1959,  Emilio Flores, contrata co presidente da Comisión de Festas do Monte actuacións nos días 15 e 16 de agosto.

Podemos ler as “bases”, “horarios”, etc. Asiña o contrato Emilio porque Pepe posiblemente estaba dedicado ás múltiples tarefas que tiña, entre elas – na súa tempada – a de destilar augardente no seu pote a ducias de veciños da  bisbarra, ou porque quen levaba esas contas era Emilio.

 

Relación dos Grupos de Gaitas que foron actuando dende 1945 ata o ano 2002 nas  Festas do Monte como curiosidade para os amantes da música popular galega:

A Bouzó (A Guarda en 1913); Airiños da Nosa Terra de Tomiño; Airiños de Mondariz; Airiños do Lérez (Pontevedra); Airiños de Tebra; Airiños do Trega; Airiños do Monte (Sampaio-Lavadores); Airiños da Ría (Vilagarcía); Airiños do Tamuxe (O Rosal); Ancoradoiro (A Guarda); A Boalleira (A Gándara-A Guarda); A Fiada (Viladesuso-Oia); As Pombiñas ( Vigo); Abrente (Mos); Anduriñas (Mos); Argallos do Trega (A Guarda); Agrupación Cultural de Atios (O Porriño); Atalaya (A Guarda); Anduriñas Dornelas (Mos); A Sangriña (A Guarda); Aires Novos (Goián-Tomiño); Banda de Gaitas, Cornetas e Tambores da S.C.D.D. de Campañó (Pontevedra); Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra; Barbela (A Guarda); Brisas do Mar (Moaña 1956); Brisas de Tomiño; Citania (A Guarda); Carabelos (Lugo); Cultural de Dornelas (Mos); Coros e Danzas de Caldas de Reis; Coros e Danzas de España (1963); Do Lusco o Fusco (A Guarda); Follas Novas ( Ribadeo-Lugo); Frol Nova (Mos); Follas Novas (Mos); Froles Mareliñas (Chapela-Vigo); Froito Novo (Melide-A Coruña); Grupo Infantil de Gaitas, Cornetas e Tambores da Academia Municipal de Música de Vilagarcía; Muiños de Vento (Catoira); Novos Ventos de Beluso; Los Chavales de Redondela; Los de Novás (O Rosal);Lembranzas Galegas;Grupo de Danzas de Redondela; Grupo de Danzas de Pontevedra; Grupo de Chavalas de Vilagarcía; Coros e Danzas Doito (Vigo); Nova Xuntanza (Caldas de Reis); Cultural de Ruada; O Lancha (A Guarda); Orballo (A Guarda); Os Airiños de Castrelos (Vigo); Os Albariños de Novás (O Rosal); Os Alegres de Cabral; Os Amigos de San Xoan do Monte; Os Amigos de Cabral (Vigo); Os Amigos de Caride; Os Areeiras (Catoira); Os Breogáns (A Guarda); Os Carballeiras de Cambados; Os Castrobe de Poio (Pontevedra); Os Celtas (Vilagarcía); Os de Barrantes (Tomiño); Os Doneses (Vilagarcía); Os Gatiños de Portonovo; Os de Marin; Os do Valle (Gondomar); Os Famosos Miñotos (Vigo); Os Gaiteiros de Pedornes (Oia); Os Ismaeles de Redondela; Os Montes de Lugo; Os Parrandeiros de Refoxos (Oia); Os Parrulos de Cabral (Vigo); Os Penediños de Atios; Os Pelouros (A Guarda);Os Petóns de A Guarda Os Rosales de Rianxo (A Coruña); Os Sobreiros de Salceda; Os Tarecos de Poio; Os Tranquilos de San Xoan do Monte; Os Vieiras de Portonovo; Os Tremendos Vicas de Lavadores (Vigo); Plantel de Vigo; Pombal de Vigo; Raigallos do Tegra (A Guarda); San Francisco; San Xerome Emiliani (A Guarda); Sant Yago de Baldranes (Tui);Saudade de Ribadeo (Lugo); Semente Nova (A Guarda); Terceira Idade da Guarda; Trullada (A Guarda); Verde Arboreda (Acevedo - O Rosal); Virxen do Alivio de Tomiño; Xalundes (A Guarda); Xamaraima de A Guarda.

José Flores Costa naceu un 13 de outubro de 1926 na xuradía de Novás, parroquia de Santa Mariña. Fai os primeiros estudos e debía ter bó oído porque aos oito anos, marcaba notas cun punteiro de gaita baixo a dirección do mestre Ulloa.

O Secretario do Concello do Rosal D. Eliseo Sastre queda prendado do rapaz, facendo as xestions para que o concello lle faga doazón dunha gaita, aboando as clases de interpretación de música e  solfexo.

Forma parte de varios grupos de gaitas co seu irmán Emilio e outros, tocado tamén con José Vicente Neira “Muchi, da Guarda, nunha pequena orquestra, máis tarde esa incipiente orquestra remataría coa fundación de “Orquesta La Palomita”, pero Pepe Flores non formaba parte dela. Tocou nas orquestras Tropical de Tomiño, Platino, Escarcha e “Orquesta Flores”.

Or irmáns Emilio e Pepe flores nunha homenaxe en 1991

Foi músico nas Bandas de Tabagón e Unión de Mougás, profesor de solfexo, ensinando, entre outros, a Eduardo MartínezO Paxoro”, ao actual Director da Agrupación Musical de A Guarda, Victor Luís Alonso Treinta, un dos alumnos que chegou mais lonxe, pois a meirande parte do alumnos de Pepe deixaban a música por non albiscar horizonte para vivir dela. Chegou a ter preto de trinta alumnos, atraverso dos cales comezaron a mentalizarse, profesor, alumnos e pais, para co esforzo de todos conseguir formar unha Banda de Música, como así foi.

Recibiu varias homenaxes ao longo da súa vida, entre elas a que lle fixo a Agrupación Musical de O Rosal no día 30 de novembro de 1991, día de Santa Cecilia, sendo presidente Antonio Granja Pereira. Nesas datas a Agrupación Musical estaba dirixida por José Vicente Simeó Máñez, sendo Pepe Flores un dos profesores, o igoal que o seu antigo alumno Víctor Alonso quen ademais tocaba a trompeta na banda de música.

Tivo a alegría neste ano de 1991, como profesor de que a Agrupación Musical de O Rosal acadara o Segundo Premio na categoría “A” no Certame de Bandas Galegas de Música en Lalín.

  

Os Parrandeiros de Refoxos–Oia. Emilio Flores Costas; Pepe das Eiras de pé; Manuel FernándezO Caixeiro” e PepeO Cacharrón”, nunha Festa da Saúde en San Xoán de Tabagón. Indalecio González Fernández outro dos “Parrandeiros” xunto con seu fillo dicíame que coa aparición das Bandas Mariñeiras rematou o paseo por medio das familias que estaban xantando na Romaría Enxebre do Trega. As mellores propinas dábanas á chegada ao Parque do Cancelón das familias que cantaban, bailaban e saltaban coas banastrillas e cestas na cabeza, facendo verdadeiros malabares, os máis pequenos a “caballito” para que non se perdesen entre a xente.  

O amigo Maximino González (q.e.p.d.) tocando o bombo, o cal con quince anos, xunto a Indalecio, viñan tocar a Romaría do Trega, contábame ... ”os mariñeiros sonche boa xente, moi xenerosos cos gaiteiros que estabamos a traballar...”...”ofrecían o mellor que tiñan para comer eles, fose marisco, peixe ou calquera outra vianda...”

 

Outra das facetas de Pepe Flores foi a de augardenteiro, e mentres o pote funcionaba aproveitaban profesor e alumnos xa maiores para ensaiar e repasar as pezas que aprenderan de nenos con el. Lembro cando chegada a tempada das “potadas” que viña a Farmacia de D. Antonio Vázquez Palacios a mercar os ingredientes para a elaboración da augardente de herbas  de Especiera del Norte, Arabesca ou Zirall de Allariz.

 

Casara un 18 de decembro de 1954 con Carmen Costa Pereira, nacendo cinco fillas, e contando con doce netos. Pepe finou un 11 de maio de 2005 aos 78 anos, despois de pasar por unha longa enfermidade, rodeado dos seus e de centos de veciños, amigos e compañeiros que  acompañaron o cadaleito nun derradeiro adeus...

_______________________

[1] Nome dado polo taxista e membro da Comisión de Festas do Monte Andrelino Lomba Rodríguez.

  

seguinte