PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

REIVINDICACIÓN DE FRANCISCO SÁNCHEZ (*)

 

 

Resulta sorprendente o esquecemento que padece o tudense que acadou meirande sona e significación, do tudense máis europeo. Francisco Sánchez, médico e filósofo, lembrado en Braga ou en Toulouse, namentras que en Tui fica ainda no descoñemento, rememorado únicamente polo Instituto de Ensino Secundario que, por fortuna, leva o seu nome.

Permitáseme pois reivindicar a difusión deste tudense que na Europa do Renacemento deu algunhas das liñas mestras do pensamento moderno. Os nosos benqueridos irmáns portugueses ben que souberon da súa importancia e insistiron dabondo na súa condición de bracarense, baseandose na información proporcionada por un dos seus discípulos. Pero a finais do século XIX foi localizada a súa inscripción na Universidade de Toulouse, onde do seu puño e letra, Francisco Sánchez, declarábase “hispanus, natus in civitate Tudensi” desmentindo deste xeito inequívoco o seu berce bracarenese. Un natalicio acaecido no ano 1550 ou 1551.

Agora ben, escaso tempo estivo en Tui pois ao pouco é bautizado en Braga, concretamente na igrexa de San Xoán de Braga, ou, segundo outros autores, na diocese bracarense, o 25 de xuño do mesmo ano. De todos os xeitos a polémica historiográfica continúa e recentemente o investigador Carlos Mellizo sinala que o seu bautismo foi na diocese de Braga e defende a tese de que recebeu as augas de cristianar na inmedita vila de Valença do Minho.

O seu pai Antonio Sánchez, tudense como demostrou Iglesias Almeida, era xudeu ou, cando menos, descendente de xudeus conversos. É curioso lembrar que un cuñado de Antonio Sánchez, chamado Antonio López, foi a súa vez cuñado do pai de Michael de Montaigne, o que permite considerar como parentes a dous dos principias filósofos europeos do século XVI. A nai de Francisco Sánchez era portuguesa.

De seguro que a presión antihebrea existente nos reinos peninsulares levou a esta familia a establecerse na localidade francesa de Burdeos, que daquela era unha cidade de acollida para moitos xudeus e perseguidos, en torno aos anos 1560 ou 1565. Tras a morte do seu pai e do seu tío trasládase a Roma, en 1571, onde tiña parentes e na Universidade de La Sapienza acada o título de doutor en filosofía e inicia os seus estudios de medicina. Algún autor conta que na súa estadía romana coincidiu con outro tudense, Diego de Castro, que tiña participado na Batalla de Lepanto e a quen lle adica dúas das súas principias obras.

En 1573 retorna a Francia, concretamente a Montpellier matriculándose na súa facultade de Medicina, acadando o título de doutor no ano seguinte, ainda que axiña tivo de marchar desta cidade controlada polos hugonotes e que amosaban especial hostilidade cara os católicos. Cómpre non esquecer que Francisco Sánchez mantívose toda a súa vida na fe católica e que mesmo dous dos seus fillos foron presbíteros.

Trasládase depois, e xa será con carácter definitivo, á cidade de Toulouse onde desenvolve a súa actividade exercendo a medicina; nesta cidade escrebe boa parte da súa obra filosófica. En xaneiro de 1581, ano da edición de Quod nihil scitur, que tiña escrito sete anos antes, comeza a traballar no hospital de Santiago. Será no ano 1585 cando acada o seu nomeamento como profesor de filosofía na Facultade de Artes da Universidade de Toulouse. Pero será en 1610 cando acceda á condición de profesor de medicina na devandita Universidade, na mesma que estudiara Miguel Servet ou na que fora catedrático Giordano Bruno. Se manterá como docente ata a súa morte o 15 de novembro de 1623.

A súa principal obra filosófica foi De multum nobile et prima universali scientia. Quod nihil scitur (Do máis nobre e universal saber. Que nada se sabe) que saiu do prelo en Lyon no ano 1581, ainda que o seu limiar o tiña escrito anos antes. Para Francisco Sánchez a única realidade coñecible é o mundo externo, así pois o coñecemento humano soio é de apariencias, de fenómenos, está é a clave do escepticismo que caracteriza “o tudense”, chamado tamén a cotío “O escéptico”. Amósase así como un claro precursor de René Descartes, ata o punto que varios autores acusan de plaxio ao autor francés; ben certo é que as primeiras páxinas do libro cartesanio lembran, e moito, ao prólogo de Francisco Sánchez.

Amáis da devandita obra, Francisco Sánchez é autor de “Carmen de Cometa” (1578), adicada a combatir e descalificar as prediccións astrolóxicas. Os seus fillos e os seus discípulos editaron no ano 1636 dúas das súas obras “Opera médica” e “Tractatus philosophici”, nesta se reúnen os seus escritos antiaristotélicos antes publicados illadamente: “De divinationem per somnum”, “ad Aristotelem” e “In librum Aristotelis Physiognomicom commentarius”. Escrebeu tamén “De longitudine et brevitate vitae liber” ou un “Tractatus de anima” ainda que por mágoa non se conservan máis que as referencias. Finalmente no ano 1940 foi atopada a carta de Sánchez ao xeometra do Vaticano, Clavio: “Ad Clavium Epistola”.

Estamos diante dun importante erudito e filósofo do renacemento europeo cunha importante achega á historia do pensamento. Esta dimensión europea da súa figura, a súa dobre condición de tudense e bracarense, a súa dialéctica entre fe e razón, o interese que na actualidade suscita a súa obra filosófica... fan de Francisco Sánchez un tudense de excepción, que é preciso incorporar con relevancia á nosa memoria colectiva.

Francisco Sánchez animaba, e séguenos animando, en Quod nihil scitur á procura da verdade aos seus lectores: “Ti mesmo a perseguirás, unha vez que sexa, dalgún xeito, descuberta e sacada do seu acubillo, máis non agardes atrapala nunca nin poseela a sabiendas, abóndete o mesmo que a min: acosala”.

 

 

Rafael Sánchez Bargiela

 

(*) Texto dun artigo publicado no Faro de Vigo, de 13 de maio de 2006