|























(pasar á seguinte páxina)
|

Familia Alonso
Freiría
Emilio Alonso Freiría, naceu en Panxón, Nigrán, o 20
de abril de 1921. Asistiu á escola, a única que había no pobo, con horario
limitado: o matinal, reservado aos escolares máis
aventaxados intelectualmente, entre os que se atopaba Emilio. O
horario das tardes reservábase aos
alumnos que tiñan maiores dificultades para avanzar.
Desde moi
novo, as aspiracións de Emilio Alonso Freiría ían encamiñadas a “ser algo na
vida”, de modo que a pouca escola recibida non foi un obstáculo que impedise
a súa formación, porque levado polo seu tesón e desexo de cultivarse,
matriculouse nun curso ‘a distancia’ que lle abriría as portas para
progresar laboralmente. Foi, como más adiante o sería no mundo artístico, un
autodidacta e un espíritu inquedo, pero tamén un explorador das súas propias
posibilidades e un nómada artístico.
“Eu ía de
mañá á escola”, recorda hoxe Emilio dando un salto hacia atrás no tempo, “e
o mestre, ao menos eu tiña esa sensación, dedicábame unha maior atención,
separándome dos outros, incluso mandábame
tomarlle a lección aos máis atrasados, e así o facía” .
“A miña
formación é primaria”, recoñece Freiría, “e non fixen máis que a escola,
aínda que me preparei por libre para o primeiro ano de Bacharelato, no 36,
pero estalou a guerra. Na casa éramos dous irmáns, o maior e máis eu,
e logo había mulleres. Eu tiña daquela 15 anos. O meu irmán
tivo que marchar á ‘Frente’, e non puiden seguir
estudando xa que meu pai, que era carpinteiro, enfermara téndome que facer
entón eu cargo do taller, sen saber nin papa; pero coa axuda dos operarios
que tiñamos, fun facendo cousiñas”.
Para
colaborar coa economía familiar, Emilio Alonso atopa traballo como
agricultor e viñateiro. E cando o proxenitor recupera a saúde, Emilio
procurará un oficio máis estimulante presentándose, grazas a unha oferta de
traballo publicada no Faro de Vigo, a unha praza de administrativo nunha
fábrica de conserva de peixes. Tiña a experiencia de ter colaborado con
Jesús Espinosa Rodríguez, promotor do Tempo Votivo de Panxón, redactando e
escribindo cartas ao estranxeiro solicitando donativos para esta obra. E
foi, durante este cometido, cando comezou a escribir a máquina.
Con esa
experiencia como aval, os responsables da fábrica de peixe, ubicada en
Canido, contratan a un inquedo Emilio para desenvolver tarefas
administrativas, pero o seu desexo de progresar non o acomodan nos saberes
adquiridos e busca unha maior formación para desempeñar mellor o seu
traballo, decidindo matricularse en Contabilidade por correspondencia co fin
de desenvolver da mellor maneira posible aquel cometido.
Compaxina o
traballo e o estudo por correspondencia coa
aspiración de ascender a Contable, coa música, outra das afeccións do noso
biografado. Dispón na casa familiar dun violín e un clarinete, que
pertenceran a un irmán finado aos 16 anos, que fora membro dunha banda de
música.

Na fábrica de Canido traballa ata o ano 1942, cando é
chamado a ‘quintas”. No cuartel interesáronse por coñecer se había algún
músico entre os recén chegados, “e presenteime como que eu sabía música”.
Na sección de música pasou unhas probas de Cultura Musical,
que aprobou e recibiu unha orde “vaite para casa e trae o clarinete e o
violín”. Así ingresou na Banda de Müsica como clarinetista, pero tamén como
músico do grupo orquestral, tocando o violín. Lembra Emilio esta etapa con
satisfacción pois, fronte ao que poden contar outros, “eu paseino de
marabilla, gañando cartos, divertíndome e sen facer gardas; e dedicado só á
música ata que me licenciei logo de tres anos e medio”.
|
 |
Aquel Reximento disolveuse e Emilio foi destinado a
Figueirido coa sorte de estar nunha oficina militar ao cargo de 13
compañías, onde realizou un traballo burocrático, e onde tamén, como no
cuartel de Ourense, “paseino moi ben, porque seguín sen facer gardas e
comendo ben”.
Licénciase
en 1945. Regresa ao fogar, en Panxón, e sen ter claro a qué dedicarse, aínda
que si sabía ao que non quería volver. “A fábrica non me resultaba
gratificante. Ser administrativo nunha fábrica de conservas non era o meu
obxectivo final; eu aspiraba a mellorar laboralmente”. E mentres non
xurdían outras alternativas, exerceu como secretario da Confraría de
Pescadores de Panxón, ata que comeza a preparar oposicións, por libre, para
a Administración de Xustiza.

Merca os libros de texto e preséntase
ás primeiras oposicións para Axente Xudicial, que se celebran na Coruña, e
que aproba, obtendo como destino o Xulgado de Paz de Mos, e máis tarde o
Comarcal da Ramallosa, cerca da casa. “Pero a min non me atraía andar entre
papeis e documentos. Era un pouco reacio a entrar na Xustiza, aínda que era
unha saída á vida laboral”. E decídese, fóra do tempo
laboral, a preparar oposicións para Oficial da Administración de Xustiza,
que se celebrarán nunha sala do Tribunal Supremo, en Madrid, no ano 1956,
e que supera por mor dese esforzo que poñia en canto se lle antoxaba.
Chegado o momento de pedir destino presenta varias opcións:
Madrid, no Tribunal Supremo; Arganda, San Vicente de la Barquera e A Guarda,
que sitúa en primeiro lugar porque nesta localidade había unha vacante,
o que lle posibilitaba estar máis preto da casa. E ao
Xulgado Comarcal da Guarda, máis tarde Xulgado de Distrito, é destinado en
1957 permanecendo no mesmo ata o 1987 “en que me xubilei, con trinta anos na
Guarda e máis de corenta de servizos”.
As aspiracións de Emilio Alonso ían
máis alá de Oficial, e márcase un novo obxectivo: acudir
ás oposición de Secretario Xudicial, ás que non poderá presentarse porque o
Regulamento Orgánico refórmase
esixíndose. a partir de entón, ser licenciado en
Dereito, título do que carecía.

A vea artística de
Emilio Alonso Freiría
Ocupando
a praza de Axente Xudicial na Ramallosa, Emilio Alonso Freiría disfruta de
amizades como a do correspondente de Faro de Vigo nesta localidade, que lle
ofreceu a posibilidade de ocupar a corresponsalía de Panxón, onde o xornal
do sur de Galicia non tiñan daquela a ninguén que escribise as novas
do lugar “e así comecei as miñas colaboracións co Faro,
escribindo non só novas senón, tamén, acompañándoas de caricaturas que lles
facía aos veciños do lugar; tipos curiosos, populares
ou de sona entre a veciñanza”. O primeiro artigo que publica no ‘Faro’, un 2
de setembro de 1960, foi “Valle Miñor: Loa y homenaje”, e a primeira
caricatura que ve a luz no mesmo xornal foi a do Patrón Maior da Confraría
de Pescadores de Panxón, Ángel Costas Guisande.
|
 |
Emilio
Alonso baixa unha caixa do andel na que conserva esas
caricaturas que foi facendo, onde tamén se ordenan os
escritos que vai producindo nunha dilatada vida de artista casi anónimo. Alí
ten as caricaturas de Domingo Salgueiro Bravo, Fernández López, Juanito
Peláez Díaz “El Perlita”, novilleiro ourensán; un xuiz que
pasou pola Guarda; os alcaldes guardeses Raiumundo Lomba, Manuel Díaz
González ‘Ligero’ e Raúl González Puebla; o que fora xogador do Celta,
Nolete... Facer caricaturas, explica, é esaxerar determinados rasgos físcos
da persoa, de aí que algúns personaxes se presten mellor ca
outros ao trazo. “A caricatura e ver, observar e deformar un pouco”, explica
este debuxante.
No Faro de
Vigo, no ano 1963, Emilio ten unha sección fixa que titula “Cosas de nuestro
observador”, e que asina co seudónimo de Mariñeiriño da Centoleira,
tomando prestado o topónimo Centoleira dunha parte do mar de Panxón.
Trátase de comentarios críticos nos que o autor expón os abandonos,
problemas, desidias e necesidades, a veces esquecidas, que ten o seu pobo,
facendo tamén suxestións para atopar solucións a aquelo que é obxecto de
crítica. Outra sección leva por título "Tipos populares del Miñor",
que asina con nome e apelidos, e nos que loa a eses personaxes populares e
ven coñecidos da veciñanza.
As
colaboracións periodísticas de Emilio Alonso Freiría pasaban tamén por
outros xornais, como El Pueblo Gallego, La Noche, Atlántico Diario, e
publicacións como Pueblos y Caminos e Nigrán, Perla del Atlántico.

Ao longo da súa vida de artista
autodidacta, Alonso Freiría foi mergullándose en diversas facetas da arte.
“Son unha persoa inquieta”, confesa, e engade, “non me gusta estar estancado
nunha cousa, gústame picar en todo”. E o seguinte chanzo foi a pintura, óleo
maiormente, e algo de acuarela tamén, onde plasmou o seu gusto pola
figuración. En 1962 fixo a primeira
Exposición,
compartindo sala con Cadilla, ao que recorda como home moi afeccioado tamén
á pintura.

Emilio Alonso prefire a figura humana, e mostra dous
retratos, que forman parte dos últimos óleos realizados. Nun, está a súa
dona, o outro é un autorretrato e os dous dan fe do uso e manexo que o
pintor ten dos pinceis. Ámbolos cadros presiden hoxe o salón principal da
casa, onde tamén se colga un óleo da igrexa votiva de Panxón. “Non sei se
están ben conseguidos”, di con modestia.
Freiría,
que podía facelo, nunca quixo traballar por encargo nin se dedicou á pintura
cun obxectivo mercantil, aínda así algúns lenzos xa non está no seu poder e
atópanse esparexidos en casas alleas.
En 1994, volve a expoñer, e a última exposición, lembra, foi no Centro
Cultural, en 1994, aínda que participaría nunha mostra colectiva en 1998.
Con ela, Emilio Alonso Freiría, que era daquela presidente do Club da
Terceira Idade e Pensionistas da Guarda, quería demostrar á xente de idade o
que pode facer un xubilado, e que o producido daba satisfaccións persoais ao
seu autor. Podían facelo mellor ou menos mellor, pero algo que un fai, di
convencido, aínda que non lle guste aos demais, gustándolle a un mesmo,
disfruta delo. Un varrendeiro que varre ben unha rúa,
disfruta co seu traballo, e un enxeñeiro que elabora un bo proxecto, un
extraordinario proxecto, tamén disfruta co seu traballo. Esta é a filosofía
de Emilio Alonso: explorar as capacidades que un posúe e sacalas ao
exterior. |
|
|
|