(ir á páxina
anterior)

San Roque (Salcidos, A Guarda)

Colexiata de Baiona

Igrexa visigótica de Sta. Comba (Bande)

Torre do Reloxo da Catedral de Santiago

Catedral de Mondoñedo (Lugo)

Ramón Salgueiro Espinosa, médico da Ramallosa

Juanito Peláez Díaz "El Perlita"

Avelino Iglesias (da Ramallosa)

Emilio Areal Crespo, secretario que foi do Xulgado da Guarda

'O Ciricho', mariñeiro de Priegue

Veremundo Álvarez Trabazos, polbeiro de Panxón

Antonio Álvarez Calvo, oficial da Admon. de Xustiza

Albino rouco Adán, taxista, reloxeiro e barman da Ramallosa

Juan Prado 'O Bruxo', da Ramallosa

Manuel Copena Araújo, 'Nolete', xogador do R.C. Celta

Feliciano Rodríguez Figueiró, ex-tranviario

Joaquín Quevedo Fernández, axente comercial

Latino Salgueiro Pereira, médico e alcalde de Gondomar

Juan Saavedra Ozores, secretario da Axudantía de Mariña de Baiona

Fernando Montero, enxeñeiro de Nigrán

Modesto Álvarez Chamorro, de Panxón

Vicente Fernández, secretario do Xulgado da Ramallosa

Virxe da Roca

Vivenda castrexa de Santa Trega

Vía Crucis do Monte Santa Trega

Igrexa de Panxón, fragmento do cadro

Centro Cultural da Guarda, fragmento do cadro


 |

Emilio
Alonso Freiría foi un autodidacta tamén na pintura. “Voute explicar a miña
afección pola pintura”, di, e conta que estando na Banda Militar de Ourense
“o platillero que era pintor, tiña o seu estudo na sección de música.
E a min gustábame o que facía, así que merquei uns pinceis e unhas teas e
empecei a embadurnar. Aí están os meus comezos no lenzo”. E noutro momento
manifesta a súa admiración por Dalí, “porque é un xenio como debuxante. A
Picaso e a Miró non os entendo, esa pintura abstracta non podo comprendela”.

Nesa infatigable andaina pola plástica, na obra de Emilio
Alonso Freiría atopa oco tamén o debuxo realizado con plumiña, alá polos
comezos dos noventa. Con esta técnica recolle igrexas e lugares da Guarda,
Panxón e Baiona; copias fotográficas de distintos lugares aos que o
debuxante dá nova dimensión artística con trazos discontinuos para crear
láminas fermosas nas que incluso reelabora un cadro que pintara a acuarela,
e repíteo posteriormente a plumiña.

Estes debuxos son, cada Nadal, empregados polo seu autor
como orixinais tarxetas de felicitación que envía aos amigos e familiares,
engadíndolles un texto, moitas veces poético, que enriquecen a obra de
Alonso Freiría: “A Virxe do Carme / que ten tan boa igrexa en Panxón / cando
pariu en Belén / tan só tivo un cabanón / onde unha mula e un boi / lle
deron quentura ó Neno. / A culpa dela non foi / que alí nacera o pequeno. /
Hoxe en Panxón onde eu nacín, / houbera atopado Deus / un berce menos ruín”.

A producción literaria, foi, quizais, a
que maior proxección cara ao exterior tivo, e xa nos referimos en parte a
ela cando falamos da súa actividade xornalística. Pero tamén espallou os
seus escritos en libros programa de festas. Anécdotas recollidas da vida
real baixo o título “En estrados. Audiencias jocosas” pódense ler no
Libro-programa das Festas do Monte da Guarda e noutros libros de festas como
“O anunciador do Alivio”, de Tomiño; “Virxe da Saúde e San Blas”, de
Tabagón, e “Virxe do Carme”, da Guarda, por citar algúns deles e nos que nos
últimos anos ten recollidos os sentimentos, emocións e suxestións que lle
producen os seus longos paseos polo Baixo Miño. “Eu paseo e observo. Creo
que son un bo observador. Paseo e disfruto do que vexo. Esas cousas que a
ninguén, ou a casi ninguén lles di nada, a min dinme moito. Aquelo que
aparentemente carece de importancia, suxire moitas cousas, cousas que poden
aflorar se ti observas ben”.
|
E mentres fala, Freiría baixa un libro do andel, mecanografado,
ilustrado, encadernado por el mesmo, “made in na casa” que diría
alguén. Neste libro recóllense esas vivencias e observacións que
deixa para “as miñas netas”. Na tapa un suxestivo título identifica
o libro: “En estrados. Audiencias jocosas”, pequenos relatos, algúns
xa publicados como antes diciamos, nos libros de festas, recuperando
anécdotas da súa etapa nos xulgados onde estivo destinado, e que
volve contar mentres ollea o libro. Outro libro, de similares
características físicas que o mencionado, pero co título de
“Cajón de sastre.
Artículos literarios”, sobre o Val Miñor e o Baixo Miño,
e
prologado por Eva Vicente Alonso,
doutora en Matemáticas, e unha das catro netas que ten. |


|
Dentro dos moitos campos nos que experimentou Emilio Alonso Freiría,
figura tamén a fotografía, unha afección que lle chegou por conduto
de Cadilla, que o introduciu na técnica do branco e negro, xunto con
Pou (dos Sarachos) e Daniel (de Imecosa) quen tamén o
encamiñaron no revelado “soportando altas temperaturas nun recuncho
da casa da rúa Concepción Arenal, no que me metía a revelar os
carretes”. Con estes fotógrafos “formábamos unha especie de
asociación ao uso: tiñámonos como un grupo
vinculado pola imaxe, e saiíamos moitas
tardes polos montes da contorna a tirar fotos”. A primeira máquina
de fotografar mercáralla Freiría a Cadilla, ao que tamén lle
adquiriu a reveladora coa que facía curiosas composicións e
fotomontaxes. |
A vida social
Emilio Alonso Freiría estivo moi vinculado coa
vida socio-cultural dos pobos nos que viviu. Foi cofundador do Club Dunas,
ocupando a secretaria na xunta directiva; en Panxón, ademais de impartir
algunha conferencia e ocupar a Secretaría da Confraría de Pescadores, formou
unha rondalla mixta de instrumentos de corda coas que percorrían as rúas nas
troulas que organizaban.
Foi membro da viguesa "El barquito d epapel", peña literaria da que formaban
parte xornalistas, músicos e médicos, entre outras profesións dos seus
membros, e que fora funfada polo portugués Eduardo Cabo Boullosa.
A revista "Miñor", do Círculo Social de Baiona, Gondomar e Nigrán, en Buenos
Aires, concedeulle a 'Medalla de Ouro' e o título de 'Correspondente
Honorario" polo seu destacado labor.

Comisión de festas, algunhas xa desaparecidas,
coma as de San José na que chegaron a organizar unha tómbola nunha casiña
que houbo onde hoxe se atopa o Banco Pastor; festivais artísticos, algúns de
carácter benéfico; secretario cofundador da Asociación de Cabezas de
Familia da Guarda; coordinador de libros-programa de festas,
como os da Festa do Monte, durante varios anos; dirixiu un boletín
conmemorativo co gallo do décimo aniversario dos PP. Somascos na Guarda e
xestionou a concesión da Gran Cruz de Alfonso X el Sabio para o Pai Orestes,
que lle foi concedida; secretario do Club Ciclista do Rosal,
cofundador do Club da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda, e primeiro
presidente, publicando este colectivo pola súa iniciativa un boletín no que
se recollían as novas que se avanzaban proxectos e actividades; directivo do
Recreo Artístico Guardés, recibindo o título de ‘Director de Honor”, durante
cuxa etapa foi cando a hoxe máis que centenaria institución adquiriu o
inmoble da rúa Puerto Rico en propiedade.
En 1960 o doutor en Dereito José Alfredo Caballero publica "Expedientes del
Registro Civil", na Editorial Aranzadi, recolléndose referencias de dous
traballos de Emilio Alonso Freiría como aportación bibliográfica, e algunhas
colaboracións de emilio Alonso foron publicadas no Boletín de Información
del Ministerio de Justicia.
Colaborou cos seus artigos en outras publicación de carácter cultural como a
revista publicada co gallo do X Aniversario do Croro Arpegios, tamén
escritos de Emilio lense no boletín da Agrupación Cultural Guardesa
Desde hai poucos anos o inquedo Emilio Alonso Freiría, que
tamén foi actor, deixou de facer caricaturas, de escribir, de pintar, pero
mantén os seus paseos. “A razón”, explica, “é que non vexo, teño que andar
cunha lupa”, e tamén as mans comezan a desobedecerlle. Pero quédalle intacta
a palabra para seguir coas testemuña das súas inquedanzas artísticas, porque
Emilio aínda pode experimentar, a modo dos xoglares,
a literatura oral, pois a voz tena intacta.

A mi bisnieta Alba en su primer cumpleaños por haber puesto los
amaneceres más hermosos en el ocaso de mi vida
O
15 de maio de 1948, Emilio Alonso Freiría casa con Luciana
Román Iglesias, en Panxón. Deste matrimonio nacerían Milucha e Chus. A
familia Alonso Román, crece coas netas Eva e María Vicente Alonso, fillas de
Milucha, e Sergio e Cristina Zúñiga Alonso, fillos de Chus residentes en New
York.
Os
máis recentes nacementos na familia foron os de Alba, filla de Eva, e
Isabella, filla de Cristina,
bisnetas de Emilio e Luciana.
No ano 1999, a Agrupación Cultural Guardesa, presidida
por Julia Sobrino González, dedica a homenaxe local do Día das Letras
Galegas a Emilio Alonso Freiría, recoñecendo o amplo labor divulgativo e
creador desenvolvido por este nómada da arte. Con tal motivo, ten lugar o 26
de maio, no Centro Cultural un acto no que participa, como conferenciante,
Jorge Lence Adrio, que glosa a vida do homenaxeado. Para
dar realce á homenaxe, participan neste acto o grupo
de guitarras do C.E.I.P. M.R.Sinde e a Agrupación Coral Polifónica da
Guarda. Ao final, os asistentes recibiron unha monografía, escrita por Ángel
Iglesias Bacelos, que recolle a vida de Emilio Alonso Freiría.
Agora, a punto de cumprir
88 anos, Emilio confesa que naceu moi cedo “porque non tiven a oportunidade
que hoxe ten a mocidade, para investigar, para crear arte, para darlle saída
a esa inquedanza creativa que un ten”.
E reséntese. “¿O que lamento? Non ter unha
carreira. Non ter chegado a postos máis altos. Non me gustaba a Xustiza de
andar entre papeis, entre documentos... pero logo convertinme nun
namorado da Xustiza cando vin o que era e as
experiencias que se suceden; cheguei a ser un adito
dela”. Emilio observa un futuro que xa non poderá ser: “Se eu tivese a
carreira de Dereito, podería ser un maxistrado, pero faltáronme as
oportunidades. Eu sempre tiven esa inquietude de querer chegar a máis, e
prepareime para opositar”. Quizais poidese ter
chegado a máis, pero entón, quen o sabe, quizais
entón non fose ese Emilio de pelo prateado que reloce
coas raiolas que buscan camiño entre as árbores de Santa Trega, e que todos
recoñecemos pola rúa.
Gracias Emilio.

Luciana, Emilio, Milucha e a súa sogra, Emilio Vicente, marido de Milucha,
Eva e Maria, e a neta Alba

Jorge e a súa dona, chus (á dereitas); detrás a filla Cristina, e no medio
Isabella a filla de Cristina

O fillo de Chus, Sergio, coa súa sobriña Isabella. Segio herdou a vea
artística do avó, e os seus traballos poden verse en beernutcomics.com
Agradecemento. A Emilio Alonso Freiría, por permitirme indagar na
súa vida e a Emilio Vicente Rey, polo traballo que pasou escaneando as fotos
e a ampla producción literaria, artística e fotográfica de Emilio Alonso
Freiría.
Marzo, 2009 |
|
|
|