PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

 D. GUILLERMO VICENTE SANTIAGO

ALCALDE REPUBLICANO DE TUI EN 1936  

(página 1)   (página 2)

Por José Antonio Uris Guisantes  

Guillermo Vicente Santiago de mozo no Brasil

Fotografía propiedade da familia.

  

Guillermo Vicente Santiago en Tui 1936

Fotografía propiedade da familia

             D. Guillermo nacera en Brasil en 1896, casado con dona María Álvarez Fernández en 1924 en Pintán, mestre sen título, dono e director da imprenta onde- aparte doutros traballos- se editaba o semanario Tribuna [1933-1936], incautada polos falanxista de Tui o 27 de xullo de 1936 [cando entraron os militares sublevados contra a República]. Sabía francés e inglés con tres nacionalidades a española, brasileira e arxentina.

            A imprenta estaba a nome de don Manuel Álvarez Portela.

            Tamén editaba La Integridad [fundada en 1888, aínda que Soto Freire indica que en 1859 xa se editaba na imprenta de don Lorenzo Pérez Hermida de Tui].... [...] ..La Integridad, órgano del partido carlista de Tuy, uno de los más caracterizados de Galicia]..

             Foi colaborador e correspondente dos semanarios Heraldo Guardés [dirixido por don José Darse Sobrino] e Nuevo Heraldo Guardés [dirixido por don Juan Noya Gil]. Antes estivera empregado no Banco Nacional de Arxentina, logo na Guarda estivo empregado na corresponsalía de banca da familia Nandín sita no baixo da Casa de Alonso Martínez e mais tarde trasladouse a Tui para traballar co pai do “Xirelo” de Tui.

             Falece a causa de tuberculose un 1º de maio de 1940, seus restos que estaban soterrados no cabanón foron postos dentro do cadaleito da súa muller María Álvarez [súa saúde viña deteriorándose vertixinosamente, perdendo a memoria dende 1972] cando esta faleceu o 24 de febreiro de 1975 a familia de acordo co abade, descansan seus restos no cemiterio de Salcidos.

              O médico que coidaba  ó Alcalde agochado [dende Tui sen ausculta-lo] era don Darío Álvarez Blázquez [fillo do tamén médico don Darío Álvarez Limeses fusilado en Tui xunto outro médico don Alejo Diz Jurado, alcumados polo pobo “los médicos de los pobres”].  

D. Darío Álvarez Blazquez.Médico de Tui que atendía a don Guillermo Vicente Santiago, fillo do médico don Darío Álvarez Limeses fusilado en Tui en 1936 xunto ao seu amigo, tamén médico, don Alejo Diz Jurado.

            Don Alejo Diz Jurado fora alumno dos P.P. Xesuítas no Colexio Apóstol Santiago de O Pasaxe en 1898 [alumno de IIIº ano] e formou parte da Xestora da Comisión de Antiguos Alumnos en 1920, sendo daquela Alcalde de Tui.

Panorámica do Colexio Apóstol Santiago dos P.P. Xesuítas 1931

             Coincidiron no IIIº ano con don Alejo no Colexio de O Pasaxe:  Angel Donesteve y Pérez de Castro, Fernando Barreras Massó, José Taboada Zúñiga, Julián Pérez Esteve e Vicente Varela Radío.

              O comezo da sublevación militar contra a II República o día 18 de xullo de 1936 o deputado agrarista do Baixo Miño don Antón Hipólito Alonso Ríos [que tamén fora director da escola El Porvenir de Tomiño] recorre o Baixo Miño, chega a Vila de A Guarda e desprázase ata Oia, para ver cómo se podía organiza-la defensa contra os sublevados. Concentran as forzas do Destacamento da Mariña sito no  Pasaxe-Camposancos [o Contramestre sería logo fusilado polos “nacionais”], e unhas cantas parellas de carabineiros [os gardas civís habían acudido a Marín por problemas de orden público], nesas mesmas datas aterra unha avioneta particular no aeródromo de A Canosa (O Rosal) pilotada por don Francisco Bofill [logo aviador republicano que finou en combate o 18 de febreiro de 1937].               

              A Xunta de Defensa de A Guarda presidida polo Alcalde don Brasilino Honorio Álvarez Sobrino confisca a avioneta ordenando botar “panfletos” contra a sublevación militar dende o aire en Vigo.

              Os militares que xa tiñan conquistado Vigo [agás Lavadores que caeu uns días máis tarde], ordenan que hidroavións da Base Naval de Marín [día 20 de xullo/36] se dirixan a A Guarda, onde metrallan a avioneta na Canosa e deixan caer unhas bombas.  

              Felipe Sánchez Rodríguez, comandante militar da praza de Vigo durante a II República, sublevándose contra ela o  20 de xullo de 1936, xunto ao capitán Antonio Carreró Vergés: O cargo de comandante militar foi refrendado polos mandos sublevados, ou “mandos nacionais”. 

              O día 23 de xullo o comandante militar de Vigo Felipe Sánchez Rodríguez [comandante do Rexemento de Infantería Mérida nº 29 a quen o Concello de Vigo aos poucos meses lle concedeu a Medalla de Platino “polos méritos propios”, noméano “Hijo Adoptivo” e acordaron poñer o seu nome a unha rúa] ordena ao capitán de Carabineiros don Marcelino Rodríguez Blanco que declare o Estado de Guerra nesta localidade [TUI] e fusilase a tódolos dirixentes do Frente Popular, negándose este a facelo.

             Igual que na Guarda estaba formada legalmente, dende os primeiros días, a Xunta de Defensa do Fronte Popular, en Tui que estaba presidida polo Alcalde don Guillermo Vicente Santiago [ a súa vez presidente do Partido de Izquerda Republicana(*) de Tui], polo médico don Hermenegildo Losada [ presidente do Fronte Popular],  o deputado Antón Hipólito Alonso Ríos, o farmacéutico don Ulpiano Piña, o comerciante don Manuel Romero, é o panadeiro don Gumersindo Rodríguez como representante sindical da CNT quen sería fusilado nos primeiros días.

Antón Hipólito Alonso Ríos deputado en 1936. Un dos “fuxidos” do Baixo Miño en 1936. “Sr.Afranio de Amaral ou como me rispei das gadoupas da morte” [Serie Alexandre Bóveda-Edicións Castrelos], foi o libro que publicou sobre a represión sanguenta militar<>falanxista no Baixo Miño

Libro de Antón Hipólito Alonso Ríos publicado en 1979 e prologado por don Xosé María Álvarez Blázquez.

              Antón Alonso Ríos nacera na localidade de Cortegada (Silleda) en agosto de 1887, mestre, deputado agrarista e galeguista, o líder politico do Baixo Miño, coverteuse o 26 de xullo de 1936 nun “fuxido” buscado polos militares sublevados, pero sobre de todo polos falanxistas da “Escuadra del Amanecer” para ser “paseado”. Durante tres anos, disfrazado de probe e de criado co nome de Afranio do Amaral consigue non ser detido para mais tarde fuxir para Portugal e embarcar con destiño Arxentina. 

 

Guillermo Vicente Santiago con súa nai [a señora do pao] e tía na Bisorca-Pintán. Fotografía propiedade da familia.

                As primeiras medidas adoptadas polo Comité de Defensa para defende-la República  [diante do cariz que estaban tomando os acontecementos en Vigo, a Coruña, Ourense, Santiago etc.], foron  deter a todos aqueles militares e líderes da dereita local para evitar que seguiran conspirando contra a República.

               Entre eles ao Tenente de Carabineiros D. Salvador Buhigas Novo por “conspiración contra la República y apoyar a los sublevados”.

               D. Guillermo, para evitar desmáns ou vinganzas contra o clero en Tui [que non se fixeron], ordena a retención dos sacerdotes para telos baixo vixilancia, preguntando ao bispo onde quería que os enviase, recibindo máis tarde unha carta persoal do bispo [daquela era don Antonio García García que ocupaba a diócese dende xullo de 1931 e deixouna o 14 de febreiro de 1938 para ir de bispo a Valladolid]  onde lle daba as gracias pola “forma delicada con que el Sr. Alcalde había tratado a los sacerdotes”.  

               Comezan os combates o día 24, seguen o 25, chegando máis tropas de artillería da 6ª Batería do Rexemento Mixto de Artillería Nº 15 de Pontevedra, falanxistas de Vigo e máis tropas de Ourense, e as tres da tarde do 26 de xullo remata a resistencia dos defensores da II República [armados a maioría con escopetas de caza], entrando en Tui as tropas e falanxistas.

              Comeza a persecución polos montes e de seguido aparecen camións con cadáveres de republicanos, entre eles o panadeiro e sindicalista Gumersindo Rodríguez [membro da Xunta de Defensa].

               Un dos primeiros detidos foi seu amigo, o mestre de Forcadela (Tomiño) don Hipólito Gallego Camarero paseado [violentado seu corpo por múltiples feridas] e tirado nunha cuneta de Mondariz, súa muller dona Josefa García Segret foi detida o 15 de agosto comezando un auténtico calvario de prisión en prisión que durou oito anos.

              O 4 de agosto era “paseado” o secretario do Xulgado Municipal de Tomiño don Francisco Rodríguez Otero “Paquiño de Figueiró” [politico agrarista, xogador do Goián e colaborador de Nuevo Heraldo Guardés]

 

Dona Josefa García Segret e don Hipólito Gallego Camarero en 1930

Fotografía extraída do libro de dona Josefa ¡¡ABAJO LAS DICTADURAS!!

Libro esgotado que fora editado por ela mesma en 1982 en “Artes Gráficas Galicia S.A.”  

               Os militares entran a tardiña do 26 en Tui, liberan o Tte. Buhigas [mentres os falanxistas apodéranse da imprenta de don Guillermo], e este ponse ao fronte de militares e falanxistas recorrendo a estrada C-550, pasa por Tomiño, O Rosal e chega á Guarda o 27 de xullo de 1936 e as 14,30, entra na Casa Consistorial, cesa ao Alcalde republicano Brasilino Honorio Álvarez Sobrino, e nomea Alcalde [en nome do Comandante Militar da Columna que opera en Tui] a don Francisco Moreno Álvarez “Paco Moreno”, presidente do Partido Unión Patriótica [creado por don Miguel Primo de Rivera y Orbaneja Marqués de Estella e pai de José Antonio Primo de Rivera fundador da Falanxe] e armador local. 

                As tropas contra as que loitaron os republicanos nos días 24, 25 e 26 de xullo/36 na costa de A Moura  procedían do Rexemento de Artillería nº 15 de Pontevedra [a 6ª Batería permanecería en Tui ao mando do capitán Eduardo Rodríguez], de Ourense e de Vigo, sumándose varias ducias de falanxistas da zona.     

                Pola parte republicana combateron quince carabineiros o mando do capitán don Marcelino Rodríguez Blanco [logo fusilado], o brigada de carabineiros de Ponte Caldelas de Tui Agustin Pérez Rodríguez, o brigada Laureano Doniz Martínez  o sarxento Mayoral, seis números da Garda Civil, mariños tripulantes da canoneira Cabo Fradera as ordenes do Tte de navío don Joaquin Varela de Eguilaz [20 anos de prisión militar, gracias o certificado médico de don Darío Álvarez Blazquez], mariños do Destacamento da Mariña de O Pasaxe o mando do contramestre, membros da CNT, e paisanos do Baixo Miño armados con unhas simples escopetas.

              O 7 de de decembro de 1936 foron fusilados na Corredera de TUI o Alcalde de A Guarda don Brasilino Honorio Álvarez Sobrino, o concelleiro socialista de Camposancos don Camilo Carrero Lorenzo, don José Manuel Vicente de A Guarda, don Francisco Lloret de A Guarda [dono do Hostal-Restaurante “El Argentino” sito no nº 1 da rúa Calvario] e Juliano Diaz carteiro de A Guarda.

             Tamén foron fusilados o 16 de setembro de 1936 o maquinista da Armada don Luís Rey Díaz, o mestre don Eduardo Gallart Ruiz, os brigadas de Carabineiros don Laureano Dóniz Martínez e don Agustín Pérez Rodríguez, o sarxento de Carabineiros don Juan Mayoral Hernández, os carabineiros don José Fernández Novoa, don Benito Tamajón Muñiz, don Enrique Ros Samitier, don Eulogio Moreno Luna, don Andrés Coscollano Fose, don Emilio Osuna Molinas, don Francisco Arenal Martín, don Antonio Medina Salmerón [Faro de Vigo 17 de setembro de 1936, páxina catro] .

Guillermo Vicente Santiago en Brasil. Fotografía propiedade da familia

                   Neses desgraciados días atopábase en TUI [facendo exercicios espirituais] o máis tarde Cardeal don  Vicente Enrique y Tarancón [un dos artífices – despois da morte de Franco – da Transición Española], quedando fortemente impresionado da dura represión practicada polos militares e polos falanxistas, lembranzas estas que logo levouno a escribir un libro de “Memorias”[Editorial Planeta -1982- pax.62] ...

                                    [....] me empezaron a desconcertar las represalias que en Tuy se tomaban contra hombres que habían pertenecido a partidos de izquierda. Me escandalizó el ver que se fusilaba a gente por posturas ideológicas e incluso por rencillas personales. Aquello me impresionó muchísimo....

                       Unha vez rebentadas a canonazos  a defensa dos republicanos na curva da Moura uns entréganse [logo de prometerlles salva-la vida se se rendían, foron metrallados e levados nun camión a Tui], outros tornan aos seus fogares e uns poucos bótanse ao monte, entre eles don Guillermo e don Antón Alonso Ríos que se refuxian na casa de Donata en Torroña (Oia), pero don Guillermo debido a problemas pulmonares non pode seguir no monte con Alonso Ríos e decide irse a agochar no domicilio familiar en Pintán (A Bisorca) a onde o leva Martina.

Guillermo Vicente Santiago con súa filla Mariña Vicente Álvarez en Pintán

Fotografía propiedade da familia

                     Nos días 28 de xullo/36 e seguintes Antón Alonso Ríos e o Alcalde de TUI Guillermo Vicente Santiago [segundo relata Alonso Ríos] auxiliados por compañeiros de Tebra estaban en Cristelos [axudados polos paisanos agraristas] no lugar de As Furnas sendo levados á casa dos Bouzada “un dos bos e xenerosos a quen lles dan un afervoado recordo de gratitude”..., o 30 están en Vilachán do Monte, pola noite chegan a Torroña á casa da nai de Lola e Donata onde estiveron ata o 11 de agosto [Celestino Gradin era quen os axudara xunto a Pepe de Vilachán]. O 12 e 13 están nun alboio esperando aos contrabandistas que “pasaban” a Portugal sen ter resultado algún, voltando ao lugar de orixe, ata o día 19 de agosto onde os dous compañeiros se separan (xusto no lugar do Curro de Torroña) para sempre.....

                  Lola e Donata acompañaron a Guillermo ata Pintán porque estaba xa mal de saúde afectado pola tuberculose, mal alimentado e sobre de todo polas condicións ambentais. Agochado nun “zulo” da bodega da Bisorca en Pintán  en tan malas condicións a enfermidade agrávase –pese as mediciñas receitadas por don Darío mercadas na Farmacia de Sabarís- morre no cabanón da súa casa, xusto aos catro anos de haberse despedido de Antón Alonso Ríos na esplanada do Curro de Torroña......[Historias de fuxidos de don Darío Álvarez Bázquez. VIII: Enterrado na bodega (La Voz de Galicia 26 de xuño de 1977).

                    Relata don  Darío [.....] “Guillermo Vicente Santiago perdeu logo aquela espranza (de sanar) e o pouco que gañara con aquel medicamento, ao ter unha hemoptisis mui grande. Na derradeira carta despedíase de mín, con palabras de fondo agarimo e gratitude. A muller e a súa nai, aquela velliña que tantos viaxes fixera á miña casa caváronlle a fosa na mesma bodega que fora o seu acocho en vida. Morreu o día 1 de maio de 1940. A muller morreu ainda fai solo dous anos o 24 de febreiro do 75, asegún dí Noya no seu libro, onde conta dunha visita que estando il fuxido lle fixo a Guillermo no seu escondite, onde xa o atopou mui enfermo. Dí tamén que, cando a muller [dona María Álvarez] foi enterrada, no seu cadaleito foron os restos de Guillermo para o camposanto....” 

                    Nesta mesma casa da Bisorca foi visitado en 1939 por Juan Noia Xil quen lle aconsella [....] que agardase a ver o que ocorría. 

                    D. Manuel Vicent no xornal El País [15 de xuño 2003] di sobre a II República [...] SUEÑO DE INTELIGENCIA Y LIBERTAD de la IIª República, ahogado en sangre, y que quedó convertido en la flor de verbena de la Residencia de Estudiantes, espacio mental de los poetas de la Generación de 27...

                   A familia de don Guillermo debe facer fronte á vida nos primeiros anos da posguerra, continuas “visitas” dos falanxistas a casa da Bisorca para tratar de atopa-lo [circulaba a versión de que se atopaba escapado xunto a don Antón Alonso Ríos], na escola os fillos Marina, Tito [Laureano] e César, debían de aguantar as acusacións de “rojos” por parte doutros escolares e algunhas vexacións.

                 Tiñan un canciño de nome “León” nesta casa da Bisorca que “avisaba” cando se acercaban os falanxistas para facer o rexistro de “rigor”, e levaba os recados [papeliños escritos dentro da correa] para indicar en que lugar da aldea estaba escondido [Juan Noia Xil en Fuxidos páxina 332 e seguintes edición Venezolana].

                Súa nai percorría as romarías, feiras e mercados da Bisbarra do Baixo Miño e Val Miñor [sobre de toda a zona de Sabarís] para vender rosquillas e outros productos cargando un burriño e aproveitando ir á Farmacia de Sabaríz co obxectivo de merca-las medicinas [antituberculostáticos e preparados a base de codeína para mitiga-la tose, etc] que o médico don Darío Álvarez Blazquez lle receitaba para don Guillermo [sempre de oídas porque non podía visitalo en Pintán nin o enfermo podía trasladarse a Tui].  

Guillermo Vicente de Santiago no monte vendo os cabritiños da familia. Fotografía propiedade da familia.

                      A tía María [como sempre a coñecimos] atravesaba co burriño o monte de Oia ata baixar por Bahiña, inverno e verán, chovera ou ventara.

                    Súa filla Marina casa co mestre carpinteiro don José María Peniza “Junío” nacendo unha filla Carmiña. César traballa o campo [invernadoiros- criadeiro de polos]  dende novo. Casa na Proba nacendo un fillo e unha filla, hoxe está xa retirado e gracias aoo seu tesón logra unha certa estabilidade económica. Laureano “Tito” emigra dende moi novo á República Dominicana instalándose xunto outro socio na cidade de Santiago de los Caballeros onde dirixía un comercio de calzado chamado La Parisién, casado con unha nativa nacen dúas fillas e dous fillos a maioría dos cales viven en Pintán. Hoxe Tito está retirado vivindo na casa paterna da Bisorca.........

                    O médico e escritor que atendeu a don Guillermo Vicente Santiago don Darío Álvarez Blázquez [1910-1979]  era fillo de don Darío Álvarez Limeses, médico e xornalista, defensor das liberdades, “médico dos pobres de Tui” fusilado en Tui o 30 de outubro de 1936, xunto a don Alejo Diz Jurado.

Camilo Carrero Lorenzo grande amigo de don Guillermo Vicente Santiago, fusilado en Tui xunto ó Alcalde de A Guarda don Brasilino Honorio Álvarez Sobrino en 1936.

                  Don Darío nace en Tui un 21 de setembro de 1910, licenciado en medicina e cirurxía por Santiago de Compostela no curso 1931-32, médico especialista do aparato circulatorio e do aparato respiratorio.

                 Presidente do Partido Galeguista de Tui nos anos trinta ata a guerra civil, tisiólogo por oposición do Patronato Nacional Antituberculoso dende 1933 a 1936, nomeado tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural de A Guarda. Médico en Tui 1932-42, asistindo daquela a varias comunidades de pobres e desamparados como as Madres Doroteas, Hermanitas del Asilo  de Ancianos Desamparados, Franciscanas de Clausura etc.         

(Pasa a la siguiente)