PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

O FOTÓGRAFO JOSÉ SUÁREZ

E A SÚA RELACIÓN COA GUARDA

 

por Xurxo González Rodríguez>

 

Dentro dos fotógrafos máis senlleiros da Galiza foi José Suárez, un home que estableceu unha particular relación coa vila da Guarda. Este home naceu en Allariz, en 1902. Estudiou bacharelato en Ourense, alí comezou a aficionarse á fotografía. Estudiou Dereito en Salamanca, chegando a ser moi amigo de Miguel de Unamuno. Fixo reportaxes fotográficas sobre as xentes de Galiza durante os anos da República, traballo que chegou a expor en Madrid e en París e chegou a facer un filme documental titulado Mariñeiros rodado polas Rías Baixas. Esta película é un dos misterios máis grandes do audiovisual galego porque actualmente está desaparecida mais temos constancia documental da súa existencia e hai suposicións (ver fotos da serie “Mariñeiros”) que nos indican que debeu ser un filme de grande calidade estética. Unha copia estrenouse na España franquista a outra levouna a Arxentina onde marchou exiliado. Durante os anos corenta traballou como director de fotografía en varias produccións daquel país. En 1948 múdase ao veciño Uruguay e, en Punta del Este, funda unha librería e un pequeno estudio fotográfico. A mediados dos cincuenta viaxa a Xapón e alí queda engaiolado coa cultura dese país, facendo reportaxes sobre as costumes e as xentes, chegando a ser amigo do afamado director de cine Akira Kurosawa. Con estas fotos fai exposicións a nivel mundial e nutren importantes revistas, como as americanas Life e U.S. Camara. Durante estes anos tratou con xente importante representantes do exilio galego e español; como José Bergamín, Luis Seoane ou Rafael Alberti. Nos sesenta volve a Galiza, a sacar fotos á xente galega da terra e do mar, recoñecendo o que era a realidade deses anos, ficando moi desencantado co desmesurado atraso da sociedade que atopou. Nese periplo recala na Guarda (desta época son as fotos que acompañan este texto). Durante esta década tamén realiza encargos para revista británicas sobre La Mancha e sobre as corridas de touros. Por fin, en 1971 expón na súa terra, no Museo Provincial de Ourense, mais está moi lonxe do recoñecemento dos seus paisanos. En Galiza atópase só, sen amigos, e entra nunha profunda crise psicolóxica que o leva a pensar máis na morte e na idea do suicidio. No nadal de 1973 volve para A Guarda e se instala na habitación dun hotel. Decide volver xunto á xente que lle causou admiración, esa xente auténtica, humilde e traballadora, eses colosos do mar que sobrevivían na costa preto de onde fina o Miño. Mais eses días foron especialmente grises, segundo a prensa deses días, unha cadea de frontes de fondas borrascas barren Galiza. José Suárez fica na habitación dándolle voltas a súa situación polo que decide pór fin dramaticamente a súa vida (pénsase que se pegou un tiro), o 5 de xaneiro de 1974, 38 anos despois que morrera o seu admirado Miguel de Unamuno.

FOTOGRAFÍAS DA SERIE “MARIÑEIROS”:

 Mariñeiros na praia cargando con pezas do xeito

FOTOS FEITAS NA GUARDA:

 

Foto na actual Avenida do Porto

.

Foto nunha casa da Rúa dos Malteses

.

Foto na rúa que baixa da Rúa do Medio a Malteses?

.

Resulta moi triste que o Concello da Guarda aínda non sentise a sensibilidade suficiente para facer un recoñecemento póstumo a este artista tan senlleiro do que significou a cultura desenvolvida no século XX en Galiza. Sería interesante que os encargados da cultura deste pobo se deixasen de tanta exaltación da mediocridade e que buscasen o xeito de organizar unha exposición con parte do traballo fotográfico de José Suárez que dedicou aos homes do mar, poñendo como exemplos paradigmáticos, aos mariñeiros da Guarda. Unhas imaxes que constitúen unha verdadeira homenaxe aos nosos antergos e onde se retratan a dureza do que foi o seu oficio e das difíciles condicións de vida que se sufrían non fai máis de cincoenta anos.

.

Importante:

Prégase colaboración para as seguintes cuestións sobre as estancias deste célebre fotógrafo na nosa localidade:

1. Alguén, sobre todo persoas maiores, coñeceu a este famoso fotógrafo?

2. Alguén sabe en que hotel se hospedou?

3. Alguén sabe cantos hoteis ou pensións existían na Guarda a comezos do ano 1974?

4. Alguén coñece as persoas que saen nestas fotos ou os propietarios das casas?

5. Alguén coñece algún garda civil daquela época que aínda estea vivo e que poda informar se sobre o levantamento do cadáver?

6. Alguén lembra un suicidio dalgún estranxeiro cerca do día de Reis?

Se alguén ten algunha información útil dalgún destes aspectos non dubide en pórse en contacto comigo:

Xurxo González Rodríguez, ( ghrelo@yahoo.es )