www.galiciasuroeste.info

José Luís González Melón, "Santeiro"

In Memoriam

 

Por José A. Uris Guisantes

 

Vén de falecer no Hospital Juan Canalejo de A Coruña o amigo, José Luís González Melón, aos 67 anos, despois de levar un padecemento coronario durante moitos anos que soportaba estoicamente.

 

José Luís naceu un 10 de xuño de 1944, frpito do matrimonio entre José Marino González de la Concepción “Santeiro” e Adelaida Melón Fernández. Os demais irmáns son Antonio (casado con Rosa González Arzúa), Mª Teresa (casada con Ermelindo Martínez Baz), Sergio (casado con Carmen Mª Martínez Rodríguez), Delfín (casado con Mª Emilia González Lomba), Carmen (casada con Joaquín Rodríguez Martínez) e Miguel González Melón (casado con Filomena Gabriela Caetano das Neves).

 

José Luís casa con, Antonia Cordero González (que estivera de emigrante na R. Arxentina) un 31 de outubro de 1970, e froito do matrimonio foron súas fillas Mª José, Sofía e Sandra González Cordero.

 

Comezou a súa andaina na música estudando na “Academia de Música Santeiro” (1949-1953) na rúa Antonio Alonso nº 2 (antiga “Pensión La Orensana” de seus avós maternos).

 

José Marino, co obxectivo de que seus fillos (José Luís e Antonio) non fosen á “telleira” acorda con eles formar un conxunto musical co nome de “Los Témpores” (1966) formado por “Santeiro” (acordeón), José Luís (guitarra e voz) e Antonio (batería), anos máis tarde sumouse Manuel (irmán de Pepe Santeiro) que tocaba o contrabaixo, máis Pío Souto (saxo), rematando a vida musical en 1976.

 

José Luís foi durante varios anos compoñente da Coral Polifónica da Guarda e presidente en 1991, ano no que seu pai cumplía 67 anos e deixaba a dirección da Coral Polifónica, recibindo un grande homenaxe (23/11/1991).

 

Amante da música, José Luís non deixou de interpretar coa guitarra. Lembro velo acompañado de  seu pai “Pepe Santeiro” e de Enrique SiIva Peniza (armónica) na TVG (29 de outubro de 1993), logo no “Teatro Cine Avenida” en 1994 formando parte do “Trío Marino”. Que máis tarde serían catro músicos, José Luís con José Luís Cabanelas Mariscal, Enrique Silva PenizaQuique” (armónica) e Manuel Angel Lomba VicenteLombita”, todos eles xa finados.

 

 

O “Grupo Marino” nunha actuación no Clube de Xubilados da Guarda o 16 de decembro de 2005. Jesús Alonso LombaBambino” (guitarra e voz); José Luís González Melón (guitarra e voz); José Marino González “Pepe Santeiro”; Antonio González Melón (batería) e Manuel A. Lomba VicenteLombita” que non se ve na fotografía de Antón Ferreira Lorenzo.

----------------------------------------

 

Como dicía José Luís sobre seu pai “por necesidad, por cercanía, por simbiosis, me convertí, casi sin quererlo, sin percatarme, en su primer alumno, en su ayudante, lazarillo y secretario particular…”

 

Despois de facer os estudos primarios debe contribuír a soster a unha familia numerosa, onde  a música nos anos corenta apenas daba para ir tirando. Debe ir uns anos a traballar de moi novo en telleiras e logo entre as actuacións en vodas e algún evento cultural deixa de ir ás telleiras para máis tarde pasar a ser cobrador da compañía de decesos “La Fe” que levaba o dono de “La Imperial” . Manuel Baldonedo Castro.

 

Seu pai era grande amigo do político local, Manuel Díaz González “Ligero” (e este asimesmo de Raimundo Lomba “das Cachadas” que era o alcalde). Ligero anima a José Luís a presentarse a unhas probas para motorista municipal en 1977.

 

E na sesión plenaria celebrada o 30 de xuño de 1977, presidida polo Alcalde Andrés Raimundo Lomba González, foi aprobado, entre outros asuntos,

 

“Punto 2º.- Nombramiento de José Luís González Melón como Guardia Municipal Motorizado. El pasado 22 de junio se celebraron los exámenes para la provisión de la plaza de Policía Municipal Motorizado, siendo aprobado el único opositor presentado”.

 

E así foi traballando como Policía motorizado ata que anos máis tarde outra Corporación nomeouno “Cabo da Policía Local de A Guarda”, cargo no que se xubilou fai poucos anos, pese a levar con el unha grave enfermidade coronaria.

 

Personalmente tratei a José Luís dende pequeno, cando nos anos 1959/60 pasou a vivir coa familia nunha vivenda social do Barrio de Santa Trega. Unha vez casou, pasou a ter o domicilio nunha casa da esposa do médico don Indalecio Carrera (baixada á Praia da Area Grande, parte traseira de meu domicilio) e o tiven de cliente na Botica Vázquez moitos anos, entablando unha amizade que seguirei mantendo con súa esposa e fillas. Podería describir multitude de anécdotas ao longo destes anos, nos que José Luís padeceu varios tipos de enfermidades, pero non é o día.

 

O Grupo Marino no Recreo Artístico Guardés (Foto Antón Ferreira)

 

Ultimamente seguía mantendo contacto  e ensaios con Jesús Alonso Lomba “Bambino” polo seu amor a todo o que fose música e interpretación.

 

Personalmente para min José Luís era unha persoa amable, a veces con excesiva amabilidade para quen o mellor non o merecía, recto en todo o que fora disciplina, introvertido, sentimental, tranquilo (obrigado pola enfermidade), educado, sabía escoitar nun mundo de presas, e sobre de todo era amigo de seus amigos “dos de sempre”, en fin, que se foi outro amigo e veciño máis…

 

E na derradeira vez que falei con el me decía “me siento feliz pese a mis graves achaques…”

 

Efectivamente a felicidade creo que vén sendo un estado no que cada cal se atopa, pese o que se padeza. “La felicidad no tiene nada que ver con estar despierto, enfermo, estar alegre o reir. Es un estado de necesidad interna que se identifica con haber encontrado el sentido a la vida”. (Cita de Carlos Luís Zafón).

 

 

José Antonio Uris Guisantes

A Guarda, 19 de setembro de 2011