www.galiciasuroeste.info

Juan Acevedo Pacheco, pintor autodidacta

  

por AGUSTÍN FERREIRA LORENZO

Abril-2012

 

Cando Juan Acevedo Pacheco, guardés, armador, se xubilou, decidiu que non podía pasar o seu tempo libre sen facer nada, simplemente vendo pasar os días, sentado no sofá mentres o reloxo facía soar o seu monótono tic-tac. Así que, na súa nova etapa da vida, decidiu iniciar un camiño moi diferente ao que levaba ata aquel momento. Lembra que de pequeno, cando ía á escola, era moi bo debuxante. Gustáballe “as pinturas”, copiando dos tebeos os seus personaxes favoritos. No ano 2003, pois, retomou aquela afección da infancia, pero agora cunha grande diferenza con respecto a hai case que seis décadas. Naquel entón debuxada sobre papel, no caderno. Agora os seus debuxos, as súas pinturas non caben nunha folla, pero tampouco en dúas, nin nun A3. Os seus “cadros” tampouco son transportables polo que, de seguir con esta afección, nunca vai poder colgalos nunha sala.

 

Juan pinta nas paredes da súa vivenda: na subida das escadas, nas paredes do garaxe, nas portas… É un autodidacta. E séntese orgulloso da súa obra. As veces dá a impresión que os seus murais son efímeros. Duran o que a pintura tarda en ir desaparecendo ou deteriorándose por efecto do paso do tempo, agás que decida retocala. Son murais que poden acadar varios metros. Todos moi coloristas. E Juan, ensínanos orgulloso estes murais, dende o primeiro que pintou, hai nove anos, ata os máis recentes. As veces, pola noite, cando xa está o “catre”, non logra conciliar o sono. O seu maxín dálle voltas e máis voltas porque se lle vén á mente un detalle, unha idea, e e tense que erguir para plasmar ese detalle no debuxo que está a facer. A súa muller rifa con el e ata lle adiante que se vai poñer doente, porque mesmo nos invernos co frío que vai, empurra en levantarse se a idea buule no maxín desexosa de sair do caletre.

 

Levados nís tamén pola curiosidade visitamos a casa de Juan o pasado 26 de marzo, e alí nos explicou as súas inquedanzas e, por suposto, nos ensinou as súas obras. Agora está coas novas tecnoloxías, asistindo ás clases que se imparten no Centro Cultural guardés. Está encantado dos descubrimentos que fai na internet. Séntese coma un rapaz con zapatos novos, bueno como un rapaz dos de antes con zapatos novos, porque os mozos de agora usan zapatos, ou máis ben “tenis”, case que cada mes. Ía dicir que de marca, pero antes tamén usabamos zapatos de “marca”. Quen da idade de Juan non lembra os “Gorila” que se mercaban en Vigo e viñan acompañados dunha pelotiña maciza?

 

Juan utiliza unha pintura de “auga”. A temática é moi variada, pero nótase que ten netos, porque os motivos infantís abondan en moitas paredes e portas. Como sucede co mural “Brancaneves e os sete ananiños”, ou os máis modernos, como Homer Simpson. Tamén vemos algún da súa época infantil, como o archifamoso heroe “El Capitán Trueno”. Amósase  moi orgulloso dun dedicado á Guarda, de certo estilo naïff, que representa o barrio mariñeiro e o porto cos barcos fondeados, ocupando toda unha longa da parede do garaxe. De motivos mariñeiros ten uns pouco murais; algúns pintounos porque lle lembran os portos visitados, outros polos barcos. Tamén ten algún de certa relixiosidade. Juan laméntase que os rostros non lle saen ben, para el son os máis difíciles de pintar porque “non acabo de plasmar ben as caras”.

 

Os debuxos de Juan lémbranos a uns debuxos que tamén vimos pintados na nosa época de nenos, e que aínda deben seguir existindo, na que fora a casa do “Pájaro Pinto”, no barrio da Guía, onde tamén no garaxe había varios debuxos de personaxes infantís, creo que un deles era Mikey Mouse.

 

En fin, que traemos aquí unha pequena escolma da obra deste autodidacta que procura pasar o seu tempo libre da forma máis activa que pode, á vez que pon unha nota colorista no interior da súa vivenda. Nosos parabéns por esta exposición permanente que ten montada na súa casa.