PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

Tras os pasos de Decroly…  a escola no medio natural en Galicia a

principios do século XX

Xosé M. Malheiro Gutiérrez

Universidade de Santiago de Compostela

          

            O artigo que se presenta,  publicado no nº 18 de Adaxe. Revista de Estudos e Experiencias Educativas, recolle as prácticas relacionadas coa educación no medio natural que se desenvolveron en catro escolas rurais durante o primeiro tercio do século XX. Ditas experiencias, que se encadran no sul da provincia de Pontevedra ―O Rosal, Tomiño, Nigrán e O Porriño―, foron impulsadas por un grupo de mestres ―José Sánchez García, José Ares Sánchez, Antón Alonso Ríos, Eladio Ferreiro Otero, e Luis Carragal Peón― sensibilizados cara un xeito alternativo de facer escola, e contaron co asesoramento do agrónomo e profesor José López Otero. A proximidade dos espacios xeográficos propiciou tamén o contacto entre eles, e o intercambio das súas respectivas experiencias escolares.

 

Si los móviles de nuestra voluntad que constituyen el desarrollo de la percepción son: el placer, la curiosidad, la utilidad y el deber, ¿dónde el niño puede encontrar mejor medio? En el huerto, donde estudia con cariño a las plantas, las cuida con esmero y las utiliza con fruto. La activa facultad del niño en percibir y su curiosidad son factores que, despiertos por la iniciativa del Maestro, ponen a su alcance muchos conocimientos. Le hará pensar, entender y conocer de las cosas del campo; funciona su atención, tanto como le obligan los cuidados que se impone.

 

José López Otero[1], un polifacético profesor da Escola Normal de Pontevedra ademais de perito agrícola e xornalista, defendía con estas palabras a necesidade de incluír as prácticas agrícolas no currículo das escolas rurais por seren un instrumento eficaz para desenvolver as aptitudes e capacidades do alumnado. Facíao a través dun artigo publicado en El Despertar Gallego[2] en 1927.

 

Pero xa moito antes, desde principios do século XIX, as ensinanzas agrícolas ligadas á escola rural foron obxecto de preocupación entre as instancias educativas. Así, segundo indica Narciso De Gabriel, o Plan general de Instrucción pública de 1836 establecía que “en las escuelas de aldeas y poblaciones rurales se cuidará de instruir a los niños en algún trabajo manual, cultivo de árboles u otras labores del campo, según las producciones de cada país”[3]. E aínda que, polo que consta, esta recomendación a penas tivera resultados prácticos, constituíu un precedente na paulatina incorporación da agricultura á actividade escolar. Será un pouco máis adiante, en 1848 e a través dun Real decreto cando se dean os primeiros pasos efectivos, traducidos na convocatoria dun concurso para redactar un catecismo ou cartilla agrícola, destinada á instrucción primaria. Outras disposicións, dictadas a partir desa data, insistirán no carácter obrigatorio deste tipo de prácticas inscritas no ámbito académico, recomendando ás autoridades facer cumprir a normativa vixente.

 

A Lei Moyano de 1857 representou un novo pulo na xeralización da práctica agrícola, incluíndo no primeiro nivel do ensino[4] “breves nociones de agricultura, industria y comercio” en función do carácter laboral da localidade onde se asentaba a escola, e no segundo nivel “principios de agrimensura”[5]. E uns anos despois, en 1866, aprobábase a Lei de Ensino Agrícola que mantiña o ensino da agricultura nas escolas primarias, por medio da lectura de libros axeitados[6]. Esta lei mantívose vixente ata 1901, cando o Real decreto do 26 de outubro modificou o plan de estudios do ensino primario, facendo desaparecer estes contidos dos programas educativos das escolas rurais. Sen embargo, isto non impedíu que continuaran a redactarse novas normas sobre a práctica agrícola con intención didáctica en anos sucesivos. Como o Real decreto de Romanones de 1905, que establecía a creación de campos de demostración agrícola en cada concello de polo menos 750 habitantes.

 

Pero será en 1921 cando unha Real Orde dicte, de xeito máis explícito, a creación de campos agrícolas anexos ás escolas nacionais nas poboacións rurais[7]. Entre as obrigas do mestre constaba a de levar os nenos ao campo polo menos unha vez á semana

 

para que presencien las labores que en él se ejecuten o vean las operaciones realizadas, y les explicará en qué consisten y en qué principios se fundan las mismas, haciéndoles notar las diferencias y ventajas de los procedimientos empleados con las prácticas comunes de la localidad. Se recomienda que el maestro explique lecciones análogas a los adultos, aprovechando días festivos u otra oportunidad.[8]

 

Había tamén unha intención expresa de ampliar o coñecemento das novas técnicas e adiantos agropecuarios a outras capas da poboación fóra do ámbito escolar. Neste sentido, engade De Gabriel que as prácticas permitían divulgar estes adiantos entre a poboación campesiña. Pretendíase que os resultados obtidos mediante a aplicación das técnicas defendidas polo mestre contrastasen cos métodos tradicionais dos labregos, e agardábase que esta confrontación, presumiblemente favorable ao primeiro, producise unha renovación do medio onde operaba a escola.

 

En efecto, afirma Costa Rico que esta metodoloxía perseguía diversas finalidades, destacando entre elas a formación de campesiños mediante clases nocturnas para adultos; pero tamén a de futuros campesiños, en especial entre a poboación infantil das zonas rurais, pois a súa irregular asistencia á clase, que era un costume xeralizado e permitido, impedía unha formación efectiva. Recórdese que o absentismo escolar foi unha práctica común entre os nenos e nenas do campo galego ata hai ben poucos anos. Era debido á necesidade de axudar ás súas familias nas tarefas agrícolas, segundo as obrigas dunha economía de subsistencia suxeita ás esixencias do calendario agropecuario.

 

José Sánchez García e a escola de Fornelos, no Rosal

Neste marco da promoción agrícola mediante a práctica escolar insírese a experiencia que se levou a cabo a partir de 1922 na escola rural de Fornelos, no concello do Rosal, —“un pueblo tranquilo de morigeradas costumbres, que ha sabido siempre elegir buenos Concejales y celosos Alcaldes, cuyas atenciones del pueblo fueron para ellos su política y noble interés, y no descuidaron la enseñanza primaria”[9]—, baixo a tutela de José Sánchez García[10]. Este mestre castelán fora, desde sempre, un amante da agricultura, inclinación que acrecentou no Rosal entusiasmado polas extraordinarias condicións que ofrecía a combinación de solos e microclima, ás que habería de sumarse a hospitalidade das súas xentes. E este marcado contraste, tanto xeográfico como humano, coas ermas paisaxes castelás das que proviña foi o que propiciou, quizais, o seu definitivo asentamento en terras baixomiñotas.

 

O experimento escolar que José Sánchez realizou en Fornelos foi recollido e relatado por López Otero no seu folleto Los Jardines escolares[11], publicado en 1925. Alí conta que o citado mestre

 

animado de su mismo deseo movió el interés de los niños, de tal manera, que ésta fue labor de poco tiempo. Se desmontó y allanó el terreno, haciendo un plano de todo el campo, con una pequeña inclinación hacia el oeste. Se deslindaron las parcelas; se hizo en ellas un desfonde de 60 centímetros, en cada hueco se echó una carga de estiércol que se cubrió con la tierra, cernida, que salió de los hoyos abiertos; así mullida y limpia de piedras se formó la tierra vegetal de las parcelas. La grava y arena gruesa sirvió de firme a los paseos.[12]

 

Deste xeito, previamente acondicionado o terreo, realizáronse unha serie de plantacións que, malia non seguir un plan abondo programado, serviron para espertar a curiosidade e o interese dos rapaces. Segundo aclara o mesmo López Otero, chegouse a apañar, tras a primeira sementeira, unha xenerosa colleita de pementos, tomates, repolos, coliflores... “que se distribuyeron entre los niños a satisfacción de todos”[13]. Ademais do obxectivo educativo, estas pácticas agrícolas contribuían á mellora do sistema alimenticio dos cativos, introducindo determinados cultivos pouco difundidos no medio rural, en especial os relacionados cos fruticultura e a horticultura.

 

A experiencia inicial, a modo de ensaio de prácticas posteriores máis organizadas, ocupou o curso 1922-1923. E o éxito da empresa animou ao mestre a continuar coas actividades agrícolas no ano seguinte incorporando o cultivo de cereais e leguminosas, a plantación dun pomar e árbores ornamentais. Para realizar este experimento, José Sánchez García alternaba o estudio teórico na aula coa práctica agrícola na horta, onde os seus alumnos e alumnas “daban clases entre los frutales y correteaban por el huerto y por los paseos del jardín, respetando plantas y frutas”[14]. Cada un coidaba a súa propia parcela, acotada por lindes de lousa coidadosamente disposa, e asumíanse responsabilidades individuais, malia facer o reparto dos froitos de forma comunal, combinando coñecementos, procedementos e actitudes. Deste xeito, aprendían nocións relacionadas coa producción agrícola; vivenciaban in situ, experimentando fisicamente a aplicación do aprendido, e interiorizaban o valor das tarefas compartidas traballando en equipo.

 

E fervellaban alí unha morea de nenos, onde dispuñan de plantas, flores e froitos para as diferentes prácticas —“que cuidaban con esmero, no siendo necesarios guardas ni vigilancia alguna”[15]—, complementando as clases teóricas dentro do edificio coas prácticas no recinto exterior, segundo as esixencias e necesidades dunha innovadora formulación que, ademais da súa inmediata utilidade práctica, contribuía “a la educación estética, el desarrollo de los sentidos y hasta la compensación a los trabajos intelectuales de la escuela”[16].

 

Nesa alternancia da teoría e da práctica, tratábanse unha serie de contidos empregando diferentes textos didácticos, como La Viña, ou Economía y arte de abonar los cultivos en Galicia, ambos da autoría do propio López Otero, vindo sumarse aos que tradicionalmente constituían o currículo do ensino primario da época. E os nenos aprendían leccións acerca dos cultivos de horta, e iniciábanse nas técnicas de poda —“La poda en el parral viejo”—; recibían nocións sobre os diferentes tipos de enxertos —“Injertos en espinos y en la viña”, “lección de injerto sobre vid americana”—; ensaiaban as múltiples aplicacións dos fertilizantes fosfatados, das sales de potasa e dos nitratos —“Aplicación de los abonos industriales”—, ou abordaban aspectos relacionados coa alimentación e tratamento do gando.

 

E chegaron a elaborar, entre outras, unha curiosa mostra con diferentes tipos de fertilizantes, que recolleron en frascos para o seu estudio e exposición didáctica. Ou, como lembra Consuelo Sánchez, a filla do mestre, realizaron laboriosos experimentos, como o referido aos vermes de seda: os alumnos criaban as eirugas e plantaban, asemade, as moreiras que lles servirían de alimento, pechando con sentido didáctico o ciclo productivo da Natureza. Ademais, ían asiduamente de excursión ao monte, e alí estudiaban o contorno, e recollían minerais que logo clasificaban na aula. Entre outras actividades consta tamén a celebración anual do Día del Árbol, onde cada rapaz participaba plantando a súa propia árbore.

 

O edificio escolar —actualmente en estado ruinoso— beneficiábase da súa óptima ubicación. Estaba situado na parte alta do lugar, dominando a estrada e os campos cultivados do vizoso val do Rosal. Así, a horta escolar, que recibía a luz do sol durante todo o día, foise cercando, paseniño, de frutais e viña, chegando a formar un estimulante contorno didáctico, resultante do traballo dos propios rapaces. Deste xeito desenvolvíase o ensino, centrado nunha completa e variada programación de actividades elaborada por José Sánchez García, “muchacho fino, que no le desdora coger la azada, y los niños, aún aquellos que presuman de ricos y señoritos, toman por sport esta labor y aprenden agricultura, que mañana puede servirles”[17], comentaba López Otero.

 

Gracias “a sus excelentes condiciones personales de carácter e ilustración, la de buen pedagogo que conoce la psicología del niño y la conduce bien”[18]—, os experimentos agrícolas realizados na escola de Fornelos, concluía López Otero, “muy pronto serán un hecho en todas las escuelas del término”[19]. Ignoramos se a experiencia desenvolvida por este mestre tivo continuidade logo da Guerra Civil, cando ocupou o cargo de alcalde no Rosal e como fundador da empresa “A Rosaleira”. Pero, en efecto, outras experiencias similares leváronse a cabo perto de Fornelos ata eses anos: foi o caso da escola “Aurora del Porvenir”, un centro fundado por emigrantes de Tomiño desde Brasil e Bos Aires en 1923. Alí, seguindo as directrices dos mestres José Ares Sánchez, entre 1927 e 1931, e Antón Alonso Ríos[20], desde 1931 a 1936, as prácticas agrícolas foron un dos piares do seu currículo escolar.

 

José Ares Sánchez, Antón Alonso Ríos e a escola “Aurora del Porvenir” de Tomiño.

A escola “Aurora del Porvenir” foi creada pola sociedade de emigrantes que con esa mesma denominación naceu en Río de Janeiro o 24 de maio de 1912. Sen extendernos aquí na súa traxectoria, cómpre indicar que os emigrantes miñotos puxeron a funcionar o seu proxecto en 1923, nun espacio cedido de xeito provisional pola Sociedad de Obreros y Agricultores de Figueiró y Estás no seu local, hoxe desaparecido. En setembro dese ano inaugurouse o primeiro curso, segundo informaba o xornal vigués Galicia[21]. O material de ensinanza era abundante e de excelentes condicións pedagóxicas, e o persoal estaba formado por un director e os profesores necesarios para graduar o ensino[22]. Participaron personalidades da vida académica, social e política da provincia convidados ao acto. Entre os emotivos discursos, destacaron as palabras de Eladio Ferreiro, director da “Escuela Americana” de Nigrán, financiada pola Unión Hispano Americana Valle Miñor, defendendo a misión redentora do ensino; Enrique Lobit Callejas, que exerceu como director da “Aurora del Porvenir” ata 1926, data en que toma o relevo José Ares Sánchez, resaltou os aspectos pedagóxicos do proxecto miñoto; Paz Andrade, director do xornal vigués Galicia, citaba a Joaquín Costa referíndose “al hambre de pan, hambre de instrucción, y hambre de justicia, los tres coeficientes de la libertad que padece España”. Rematouse o acto cun chamamento á xuventude e ao seu sacrificio a prol da redención da patria, e os flamantes alumnos recén matriculados cantaron o Himno Galego[23].

 

O proxecto escolar comezou a funcionar provisionalmente na parroquia de Estás ata 1931, trasladándose nesa data a un soberbio edificio que a sociedade inaugurou en Tomiño, no lugar denominado Telleira de San Benito. Aurora del Porvenir contou cunha doazón de 35.000 pesetas da época efectuada por Abdón Alonso Alonso[24], un acaudalado indiano residente na cidade de Peirópolis, en Brasil. Isto permitu erguer a nova escola, que gozou dunhas modernas instalacións, con espacios para o estudio, a práctica de deportes e un campo de experimentación agrícola, segundo os criterios pedagóxicos máis avanzados.  Na altura de 1936, cando tivo que clausurar as sua actividade a causa da insurrección militar, a escola da Aurora, como así é coñecida entre os veciños, acollía un plantel que superaba o centenar de rapaces[25]. Alí primaba a calidade educativa, reflectida no seu ideario pedagóxico, a valía profesional e a dignificación docente dos seus profesores[26]. O que adoito non acontecía nas escolas rurais públicas anteriores á Segunda República, sumidas a miúdo na neglixencia profesional e o abandono administrativo.

 

Na Aurora, en cambio, levouse a cabo ata o comezo da Guerra Civil unha interesante e fructífera experiencia. Ás súas aulas asistían nenos e nenas a partir dos 7 anos[27], eran mixtas e organizábanse en graos ―superior, medio, elemental e preparatorio― onde os rapaces experimentaban e construían os coñecementos de forma activa, práctica e demostrativa, como así o dispuña o Regulamento escolar[28]. E neste sentido, os propios alumnos e alumnas plasmaron os seus experimentos en diferentes textos, nos que deixaron constancia do tipo de ensino recibido. José Fernández Pousa, por exemplo, sorprendíase dunha práctica realizada na clase en 1927: “En Ciencias físico-naturais temos estudiado o iodo, que nos foi amosado polo noso Director nun frasquiño. Preséntase en escamiñas de cor violácea, que o noso profesor disolveu en alcohol, e vimos enseguida a tintura de iodo que tanto usamos. Nós non podiamos supoñer que aquelas escamiñas disoltas en alcohol fose esa tintura que nos é tan coñecida”[29].

 

A alumna Paulina Domínguez relataba fascinada o revelado dunha placa fotográfica, da man de José Ares Sánchez: “Vimos na cámara obscura o desenvolvemento dunha imaxe nunha placa de vidro recuberta dunha película de xelatina impregnada de bromuro de prata, substancia sensible á luz, por iso toda a escola estaba a oscuras, alumeados só por unha luz vermella. Cuns reactivos químicos que o noso director puxera previamente nunha cubeta onde sumerxíu a placa que estaba completamente branca, foi aparecendo unha imaxe negra nuns sitios e branca noutros. Cando nos fixamos vimos que o que na realidade era branco aparecía negro na praca, e o negro branco. Por iso, dixo o noso director, esta proba chámase negativa”.[30]

 

Outra alumna, a nena Delmira Fernández explicaba o fomento da sensibilidade artística: “Estou facendo una fermosa lámina de debuxo. Comezamos ás once, unha vez terminadas as outras ensinanzas ou disciplinas como di o noso profesor. A primeira lección fai debuxos moi sinxelos, logo ilumínoos con pinturas de cores. Hai debuxos moi bonitos e fáciles de executar. Facemos os nosos debuxos con carbonciños copiándoos de modelos unhas veces e outras do natural. Logo lles pasamos, despois de repasados polo noso profesor, o lápiz composto, os sombreamos e quedan uns fermosos debuxos”[31].

 

Tamén o neno Darío González relataba con detalle unha excursión ao veciño concello do Rosal pola serra de Argallo, con paradas na fábrica de luz do río Tamuxe ata chegar a Fornelos para recibir explicacións sobre agricultura na horta escolar que o mestre José Sánchez García, xa mencionado, cultivaba xunto cos seus alumnos e alumnas, e na fábrica de cerámica das Cachadas, para observar nos seus fornos a coza de obxectos de arxila a altas temperaturas[32]. Noutras ocasións achegáronse ao estuario do Miño e monte de Santa Tegra[33].

 

Con respecto á realización de excursións e saídas escolares, interésanos salientar tamén a que se organizou a Vigo, a comezos do curso 1924-1925 para visitar a Exposición Colonial Portuguesa e os obradoiros do xornal vigués El Pueblo Gallego, con parada na “Escuela Americana” do Val Miñor. Alí, os alumnos e alumnas recorreron detidamente as instalacións, e observaron o traballo dos diferentes obradoiros, en especial o de imprenta e o campo de experimentación agrícola[34].

 

 Entre as materias que se impartían, segundo o Regulamento escolar figuraban “Gramática, Aritmética, Geografía, Historia, Geometría práctica, Morfología geométrica con abaliación [sic] de áreas y volumes [sic], Historia Natural, y ligeras nociones de Física y Química”[35], poñendo énfase na súa aplicación práctica como estímulo da propia aprendizaxe, tal e como aseguraba unha alumna en 1935:

 

Temos unha escola grande e bonita, máis bonita que tódal-as outras, onde se xoga a reo, onde mestres que non baten e xogan con nós coma se foran nosos irmáns apréndennos a facer un fato de cousas, algunhas bonitas coma o dibuxo e as labores, e outras raras, coma o análisis e os angos, mais que todas chaman o sentido.[36]

 

Aurora del Porvenir materializou un interesante proxecto educativo e solidario, pensando nos rapaces de Tomiño. Os seus promotores tiñan esperanza no futuro; pensaron nunha nova escola, un espacio para a cultura onde formar aos rapaces e rapazas do rural para un tempo novo, capaz de desterrar definitivamente a desigualdade e a falta de oportunidades. Pero todo rematou o 18 de xullo de 1936, cando a escola foi clausurada, acusando a Alonso Ríos de tramar “todas las campañas políticas y antiespañolas que en los últimos tiempos hemos padecido, llegando a ser el verdadero cuartel general de la revolución comunista en el término de Tomiño”[37].

 

Eladio Ferreiro e a “Escuela Americana” da Ramallosa

A “Escuela Americana” [38], tamén coñecida como “Escuela Práctica de Artes y Oficios”, levantada a expensas da sociedade de emigrantes afincados na Arxentina e o Uruguai Unión Hispano-Americana pro Valle Miñor[39], abríu as súas portas na Ramallosa en 1909, cunha matrícula de 180 rapaces atendida en réxime de ensino graduado por un equipo de profesores dirixidos ata 1923 por Eladio Ferreiro Otero[40], quen a partir desa data colaborou na posta en marcha da “Aurora del Porvenir” como asesor pedagóxico, e tamén como inspector técnico ata 1931. En Nigrán implantouse desde o principio unha interesante experiencia de ensino e de organización escolar, da man deste profesor ourensán, que chegara a Gondomar en 1905 como mestre nacional.

 

Ferreiro organizou un plan de ensino graduado e cíclico por encargo dos emigrantes miñoranos residentes en Bos Aires, “de modo que desde el primer grado, el niño comprende el conjunto de las asignaturas, variando en cada grado y sección únicamente la extensión de la asignatura” [41]. Este acollía disciplinas para os graos elemental, medio e superior de ensino primario que se foron implantando paulatinamente; disciplinas de ampliación, como a contabilidade comercial, xeografía e historia arxentina, álxebra e trigonometría, ciencias físico-naturais, historia de España; e clases extraordinarias, como a lingua francesa, a agricultura[42], ademais de debuxo e música. Este programa seguía o modelo curricular arxentino que, segundo Eladio Ferreiro, “revela ser el resultado de una excelente labor pedagógica, satisfaciendo a mi juicio todas las exigencias de la nueva escuela”[43]. Un modelo onde primaba a orientación racional, práctica, harmónica e progresiva das ensinanzas, habituando aos educandos a pensar, discurrir, investigar e traballar por si mesmos; ensinándolles a estudiar “antes de que encomienden lección alguna a la memoria”[44].

 

O director da escola salientaba a importancia desta metodoloxía fronte á rutina que adoito se aplicaba nos centros do ensino tradicional porque “lo que perjudica a los niños es el recargo de lecciones de memoria, con el fin de que aprendan mucho y pronto aunque no entiendan una palabra; y esto está muy lejos de los procedimientos empleados en estas escuelas, en donde la enseñanza es eminentemente práctica e intuitiva”[45].  Por iso, como el mesmo indica, “se da especial preferencia a los ejercicios intuitivos, para lo cual se dispone de abundante y excelente material, a los paseos escolares y lecciones de cosas”[46]. Esta metodoloxía, expresaba Ferreiro, desenvolve a axilidade, a destreza, a propia inciativa e a sociabilidade[47], como parecen reflectir estes parágrafos extraídos da “Crónica escolar” de 1914 publicada no Boletín[48] da institución:

 

Hemos terminado las clases de hoy sin fatiga ni cansancio; con gusto repetiríamos los ejercicios prácticos de todas las lecciones. En las clases de Naturaleza hemos obtenido el hidrógeno, mediante la acción del ácido sulfúrico sobre el cinc. En Física hemos determinado el volumen de varios sólidos de forma irregular, valiéndonos simplemente de un vaso con agua. En Historia natural hicimos el estudio del tallo. Unos hicimos bulbos y rizomas, otros tubérculos; muchos, tallos de monocotiledóneas y dicotiledóneas, etc. En Geografía, hicimos variadísimos ejercicios sobre el mapa de Asia.[49]

 

Ferreiro indicaba tamén que para poder desenvolver esta nova metodoloxía había de contar con persoal preparado e disposto a executala mediante os criterios planteados: “La nueva escuela exige al maestro modelo por todos los conceptos, que haga de sus funciones un sacerdocio, consagrando toda su actividad al desenvolvimiento integral de las potencias físicas, intelectuales y morales del niño”[50]. Cumpría comezar por “una enseñanza elemental para ir luego a una superior, especializando conocimientos para formar hombres preparados y listos para cualquier trabajo”[51], entre os que se atopaban obradoiros de xastrería, carpintería, zapatería ou imprenta “para enseñar un oficio a los jóvenes que lo deseen”[52]. Así mesmo, tratábase de que o alumnado poidese acceder a unha formación útil no seu inmediato futuro; xa fose para emigrar a América nunhas condicións vantaxosas de inserción, ou para lograr un traballo digno na propia terra. Aos que carecían de recursos “la Escuela los provee de calzados, ropas, libros y útiles”[53].

 

O capítulo dedicado ás ensinanzas agropecuarias ocupaba un dos lugares prioritarios dentro do seu programa de estudios. A institución dispuña dun campo de experimentación, creado por Real orde o 31 de xullo de 1913 a instancias do deputado Ángel Urzáiz[54], que estivo desde sempre moi vencellado á institución miñorana. O Estado cedera unha parcela de terreo anexa á escola onde se desenvolvían as prácticas. Estas ensinanzas agrícolas destinadas aos alumnos do centro complementábanse con cursos especiais para adultos[55], así como formación complementaria de libre asistencia, seguindo o modelo arxentino de “Conferencias Agrícolas ambulantes”[56].  A institución contaba cunha completa biblioteca anexa “para uso de alumnos y profesores, como así mismo del vecindario”[57]. Os propios rapaces narraban a súas actividades agrícolas no Boletín da institución en abril de 1913:

 

Clase general de Agricultura. En este mes se siembran las plantas veraniegas, como son: el cáñamo, el maíz, las judías, remolachas, acelgas, rábanos, etc. Se siembran las coles tardías de verano, lechugas, escarolas, melones, sandías, pepinos, calabazas, rábanos, acelgas, y se plantan brotes de alcachofas. Hemos estudiado detenidamente el cultivo y utilidades de la mayor parte de estas plantas.[58]

 

En 1915 inaugúrase un novo edificio emprazado no centro xeográfico da comarca, nun terreo de máis de 10.000 metros cadrados con capacidade para 600 alumnos[59]. “Nada falta en él de cuanto prescriben la higiene y la moderna ciencia pedagógica. Inmejorables son sus condiciones de iluminación y ventilación, espaciosos sus departamentos para cuantas necesidades exige la enseñanza: museo biblioteca, sala de material didáctico, enfermería, gimnasio, salón de fiestas, cocina, comedor, duchas, jardines, piscina de natación, campos de juego, etc.”[60],  onde ademais do currículo escolar xa mencionado creáronse novos obradoiros para aprender infinidade de oficios “desde encuadernadores, impresores, torneros, sombrereros, sastres, carpinteros, etc., hasta escultores y grabadores con los mejores modelos, pudiendo el joven elegir la profesión a su gusto”[61], e se realizaba un variado programa de excursións e saídas escolares. Entre elas, cabe mencionar, en 1925, a visita ao faro de Cabo Silleiro, ao mosteiro de Santa María de Oia, ao Monte Santa Tegra, á escola ‘Aurora del Porvenir’ de Tomiño e ás cidades de Valença e Tui[62].

 

As actividades da “Escuela Americana” remataron ao iniciarse a Guerra Civil, en 1936, data na que foi clausurada. Pero os froitos do seu labor teñen un cálido recoñecemento nas palabras do mencionado agrónomo López Otero, que tras visitar as escolas en maio de 1929, plasmaba no libro do Centro a seguinte adicatoria: “La labor de cultura es la que engrandece la Patria. En Galicia, la labor agrícola enriquece la región. Esto va en loor de las Escuelas del Valle Miñor”[63].  Na actualidade, o edificio da “Escuela Americana” acolle ao IES “Escolas Proval”.

 

Luis Carregal Peón e a “Cooperativa Agrícola Escolar” de Budiño

Outra experiencia interesante, como indican Costa Rico e De Gabriel, foi a que se desenvolveu na Cooperativa Agrícola Escolar de Budiño, no concello de O Porriño, entre os anos 1932 e 1936, dirixida por Luis Carregal Peón.

 

Este mestre, que tiña ao seu cargo a escola nacional de Budiño, inspírase en diferentes autores para poñer en práctica un interesante proxecto pedagóxico. Segundo el mesmo indica, aprendeu de Joaquín Costa a necesidade de fomentar o amor ás árbores: “Leyendo a Costa en su libro El Arbolado y la Patria entró en mí el convencimiento de que para hacer una España grande, rica, culta, amante de la libertad, es necesario que hasta los lindes de los campos no queden sin repoblar. Para conseguir esto, el mismo Costa asegura que es preciso reconciliar al campesino con el arbolado”[64]. O político e profesor da Institución Libre de Enseñanza afirmaba na súa obra Oligarquía y caciquismo que ”del mismo modo que tenemos una agricultura del siglo XV, impotente para servir de base a un Estado de siglo XX, tenemos una escuela del siglo XV, impotente para proveer de sabios, de estadistas, de industriales, de inventores, de marinos, de generales, a una nación del siglo XX”[65]. A parte de Costa, seguíu as indicacións sobre as cooperativas escolares vixentes en Francia[66]. Pero sobre todo serán as publicacións de López Otero, referidas aos xardíns escolares, as que lle sirvan de guía.

 

O campo de experimentación anexo á escola así como a súa organización e xestión por medio dunha cooperativa foi, nas propias palabras do seu promotor, “una labor de ensayo buscando un mayor nombre para el pueblo y una finalidad práctica: dotar y capacitar a mis educandos para la conquista de un mañana mejor”[67].

 

A “Cooperativa Rural Escolar Aneja a la Nacional de Niños” (CREANN) naceu na propia escola, onde os nenos de Budiño acudían a aprender as primeiras letras. Ao mesmo tempo, o mestre íalles ensinando os segredos da poda,  da plantación de hortalizas, “o cómo se admiran ante el portento biológico que se desarrolla en la incubadora, para que sea posible la metamorfosis de un huevo en un pollo”. Os nenos, como segue a dicir o profesor, “van a la escuela no sólo a repetir la lección fría de los textos, sino también a enfrentarse con las lecciones palpitantes de la naturaleza, a emocionarse ante el milagro cósmico de una semilla en cuya entraña diminuta están contenidos en potencia todos los graneros del mundo”[68].

 

Para Carragal Peón, un dos labores fundamentais do mestre rural era inculcar no corazón do futuro campesiño un xerme de respecto á natureza, que fora medrando ao tempo que o facía o cativo. Por outro lado, consideraba que a agricultura galega, na súa tecnoloxía e producción, atopábase estancada porque o campesiño só coñecía algúns procesos rutinarios, transmitidos de xeración en xeración, facendo desta actividade “un mal oficio sin ciencia ni arte”. Era necesario, por tanto, formar agricultores cultos e preparados; cunha mente aberta e sensible ás novas teorías dos técnicos, comparando e establecendo con pleno coñecemento as boas prácticas, para aumentar os rendementos da súa facenda. “Y como no es fácil desterrar de los cerebros adultos costumbres y sistemas que los años fueron cristalizando, sólo queda el recurso de que sean los niños, hombres de mañana, los que asimilen los nuevos métodos capaces de salvar en el futuro la economía rural de nuestra región”[69].

 

A Cooperativa contaba con 87 hectáreas de terreo onde se levaron a cabo diversas experiencias. A meirande parte dos nenos da escola eran cooperativistas, que adquirían a súa condición de socios mercando unha acción de tres pesetas. Isto dáballes dereito a recibir semente seleccionada, prantas e abonos químicos a un prezo especial; a participaren nas ganancias obtidas na venda dos productos, e a acollerse aos descontos que determinados comerciantes facían aos membros da Cooperativa[70]. Entre as múltiples experiencias desenvolvidas pola CREANN aparece a relacionada coa propaganda da soia “o habichuela asiática, que sustituirá ventajosamente al centeno para la confección del pan de maíz”[71]. Mediante esta campaña, aseguraba Carragal Peón, os nenos de Budiño ían ser os primeiros do Estado en experimentar coa mestura do millo e a soia.

 

Ademais dos ensaios agrícolas, abordábanse tamén outros aspectos relacionados co mundo agropecuario, como a cunicultura, para o que en 1934 adquiríuse unha coelleira[72]; a apicultura ―a Cooperativa Escolar de Budiño contaba cun colmear de 25 enxamios, algúns en cortizos e outros en colmeas construídas polos nenos[73]― ou a avicultura. E así conta De Gabriel que, en 1934, o mestre dirixiuse á Asociación General de Avicultores de España solicitando o ingreso da CREANN. Esta petición foi acollida favorablemente e decidíuse crear en Budiño a primeira cooperativa avícola escolar, concedéndolle varios lotes de aves e parte do material necesario para a instalación dun galiñeiro que, como aseguraba o propio Carragal, tiña unha incubadora e unha criadora “que funcionan admirablemente”[74]. Todos os productos obtidos mediante esta experiencia eran vendidos pola propia Cooperativa.

 

Á súa vez, Carragal Peón pretendía que cada neno cooperativista pedira aos seus pais unha parcela de terreo onde plantar sementes e plantóns subministrados pola CREANN co compromiso de satisfacer o seu importe cando o froito fora vendido pola colectividade. Con esta colaboración confiaba o mestre en que “se llegaría al establecimiento de puestos reguladores en los mercados de Vigo y Porriño”[75]. Os beneficios materiais derivados deste comercio eran importantes para a propia subsistencia da Cooperativa pero, a xuízo do mestre, era máis importante sementar nos escolares unha cultura pedagóxica de cooperación e de xestión comunitaria de proxectos; “de solidaridad y de bien colectivo, para que mañana sea posible un mundo más armónico y más justo”[76].

 

A experiencia desenvolvida por Luis Carragal Peón, que rematou ao iniciarse a Guerra Civil, suscitou un notable interese no seu tempo, gozou do recoñecemento de diversas instancias oficiais durante os gobernos da Segunda República, e foi obxecto de numerosas visitas. Desde López Otero, un dos inspiradores da Cooperativa[77], ata o director da Misión Biolóxica de Galicia, Cruz Ángel Gallástegui, ademais dos alumnos das escolas dos arredores, os da Escola Normal de Pontevedra, ou o presidente do Sindicato pontevedrés de Productores de Semillas. Ao mesmo tempo, concedéronselle varios premios. O máis importante, por un importe de dúas mil pesetas, foille outorgado polo Ministerio de Traballo e Previsión Social, e con eses cartos realizáronse algúns investimentos en material. A Cantidade donada, escribía un cronista desde o Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito en Arxentina[78], “tiene la doble virtud de llevar un gran aliento material y espiritual a los niños cooperativistas y un halagador reconocimiento al maestro por la transcendental obra desarrollada”[79].

 

López Otero afirmaba con entusiasmo, como xa se apuntou, que gracias a este tipo de iniciativas, a inclusión de prácticas agrícolas no ensino “muy pronto serán un hecho en todas las escuelas del término”[80], salientando a importancia dos xardíns escolares porque proporcionaban unha educación completa “vista por sus cuatro puntos: física, intelectual, moral y estética”:

 

Física, porque su organismo funciona y se desarrolla sin esfuerzo ni violencia; ejercicios que valen por una sana gimnasia al aire libre. [...] Intelectual, porque cuando el niño entra en contacto con la naturaleza, apreciando la vida de los seres, tierra, plantas... que estudia y estima, despierta su interés, y desarrolla su inteligencia; Moral, porque su espíritu destructor se torna constructor y conservador. Él hace las siembras y las cuida; se siente obligado y satisfecho en esta labor. Y las plantas, las flores y las frutas las viste de respeto y cariño: Estética, porque el sentimiento de lo bello se despierta en el alma ante los encantos de la naturaleza.[81]

 

Sen embargo, non consta que, seguindo as optimistas previsións do profesor e agrónomo pontevedrés, as hortas escolares chegaran a implantarse de forma xeralizada no resto de Galicia[82], tal e como recomendaba no seu artigo. Quizáis a falta de preparación e de dedicación dos propios mestres, a desidia da Administración tocante ao ensino primario e a escasa dotación de medios e recursos que padeceu a escola pública rural durante aqueles anos ―salvo a breve paréntese entre 1931 e 1936― expliquen este abandono. Nesa dirección apunta o seguinte parágrafo de Antonio Farto Bravo, mestre nacional do Porriño, publicado en 1928:

 

Las condiciones de vida de las escuelas nacionales son —digámoslo con franqueza— realmente pésimas, porque condenadas a los recursos que con cuentagotas suministra el Estado, faltas del material más indispensable no rinden lo que de la escuela hay derecho a exigir en consonancia con los tiempos actuales, perdiéndose los esfuerzos del personal docente en una lucha completamente estéril contra la falta de medios de enseñanza más indispensables.[83]

 

Existiron, iso sí, xunto coas mencionadas, outras experiencias illadas ao longo da xeografía galega[84] que, lonxe de constituír a norma foron, máis ben, a excepción.



[1] Entre a súa obra, de carácter divulgativo, atópanse El Periodismo en Pontevedra (Pontevedra, 1899); Pontevedra. Recuerdos, monumentos, música y costumbres (Granada, 1900); De la Viña (Vilagarcía de Arousa, 1923); Los jardines escolares (Vilagarcía de Arousa, 1925); Libro de la Agricultura regional (Vilagarcía de Arousa, 1931) e La Viña (Pontevedra, 1936). Sendo axudante da sección Agronómica de Pontevedra,  foi convidado para asesorar o centro de ensino primario que os residentes de Lalín en Bos Aires acababan de crear no concello dezao. Acudíu a Lalín en 1926 “para estudiar sobre el terreno la implantación de un Jardín Escolar en las escuelas de aquella fundación. Explicó la importancia que tiene esta enseñanza agrícola para los hijos de Galicia, muy particularmente”, en “Lalín”. Correo de Galicia, nº 1086, 21 de novembro de 1926, pp. 10.

[2] López Otero,  J.: “Los jardines escolares en el concepto pedagógico”. El Despertar Gallego, 7/8/27.

[3] De Gabriel, N.: Leer, escribir y contar. Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1990, pp. 367.

[4] A Ley de Instrucción Pública de 1857, promovida polo Ministro Claudio Moyano dividía o ensino primario en dous niveis: elemental e superior.

[5] De Gabriel, N.: Agricultura e Escola. Contra a rutina e o éxodo rural. Santiago de Compostela, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade, 1989, pp. 15.

[6] Costa Rico, A.: Escolas e mestres. Santiago de Compostela, Servicio Central de Publicacións da Consellería de Presidencia e Administración Pública, 1989, pp. 323.

[7] Íbid., pp. 324.

[8] Íbidem.

[9] López Otero, J.: Los Jardines escolares. Vilagarcía de Arousa, Tipografía de “Galicia Nueva”, 1925, pp. 29-32.

[10] Este profesor, natural de Rebollar, unha pequena vila da provincia de Soria onde nacera en 1897, chegou ao Rosal procedente da Escola Normal de Zaragoza. Alí realizou os seus estudios, que tamén o habilitaron como formador de futuros mestres. E mentres esperaba que se producira unha vacante nalgunha escola de Maxisterio onde poder incorporarse, decidiu comezar a súa carreira docente nunha escola rural, por non perder tempo en esperas.

[11] López Otero, J.: Op. Cit, pp. 29-32.

[12] íbidem.

[13] Íbid., pp. 30.

[14] Íbidem.

[15] Ïbid., pp. 31.

[16] Íbid., pp. 5.

[17] López Otero, J.: Op. Cit, pp. 5.

[18] Ibid., pp. 31.

[19] Íbidem.

[20] Alonso Ríos, ademais de director da citada escola que inicialmente comenzou as súas actividades en Estás, intentou poñer en marcha as denominadas Escolas Especiais de Economía Rural no concello de Silleda, coa colaboración das sociedades de emigrados Hijos de Silleda e pro Escuela en Bandeira, a principios dos anos trinta. Tamén participou, xunto con Núñez Búa, García Vidal e Filgueira Valverde, no proxecto Patronato da Escola Rural Galega, patrocinado polo Seminario de Estudos Galegos, aprobado en xaneiro de 1933 (Ver Costa Rico, Op. Cit., pp. 332).

[21] “Tomiño. Nuevo grupo escolar”. Galicia (Vigo), 9/8/1923.

[22] Enrique Lobit Callejas, José Arés Sánchez e Antón Alonso Ríos foron, en etapas sucesivas, os respectivos directores da escola miñota.

[23] “Galicia y América. Inauguración de una escuela de emigrados en Tomiño. Un brillante acto cultural”. Galicia (Vigo), 2/9/1923.

[24] Abdón Alonso Alonso, coñecido polas súas obras filantrópicas en Peirópolis (Brasil) e en Estás a través da Fundação Peirópolis, contribuíu de forma providencial no seu momento para darlle ao proxecto escolar o pulo definitivo. En Estás, a través da mencionada fundación docente mandou construír unha escola de ensino primario que aínda hoxe funciona na etapa de educación infantil, acollendo os nenos e nenas da veciñanza.

[25] Boletín de “Aurora del Porvenir”. A Guarda,  Talleres tipográficos del Nuevo Heraldo, 1935, pp. 12.

[26] A comezos do curso 1926-1927 tiña sido nomeado director da escola “el culto y laborioso maestro D. José Ares Sánchez”. No seu currículum figuraba a experiencia adquirida no Colexio Dequidt da Coruña, superando en Estás unha selección á que concorreran máis de cincuenta candidatos (Vésaxe: El Heraldo Gallego, 25/12/26). Máis tarde sería contratado Antón Alonso Ríos, presentando como aval un expediente brillante, unha amplia experiencia docente en Arxentina, unha demostrada capacidade organizativa e unha extraordinaria calidade humana.

[27] Estatutos y Reglamento [escolar] de la Sociedad. Río de Janeiro, Tip. Casa Vallelle, 1922, pp. 4.

[28] Ibid., pp. 3.

[29] Boletín de la Escuela Práctica bajo los auspicios de la Sociedad Aurora del Porvenir Pro-Instrucción. Tomiño, nº 4-5, agosto-setembro de 1927, pp. 11.

[30] Ibidem.

[31] Ibidem.

[32] “Una Excursión a la villa del Rosal”. Boletín de Aurora del Porvenir. A Guarda, Talleres tipográficos del Nuevo Heraldo, 1935, pp. 8.

[33] “La Guardia. Excursión escolar”. Galicia (Bos Aires), 24/7/1932.

[34] “Escuelas de la U.H.A. Valle Miñor. Gratísima visita”. Boletín da UHAPVM nº 181, outubro de 1924, pp. 14.

[35] Estatutos y Reglamento [escolar] de la Sociedad. Río de Janeiro, Tip. Casa Vallelle, 1922, pp. 4. Nótese, como dato anecdótico, a influencia do idioma portugués do Brasil na redacción e traducción do Regulamento.

[36] “La llegada de don Abdón Alonso Alonso a Tomiño”. Nuevo Heraldo. A Guarda, 25/5/1935, pp. 5.

[37] Informe remitido ao Gobernador Civil de Pontevedra polo alcalde de Tui o 1/9/36. Arquivo Histórico Provincial da Deputación de Pontevedra. Sección Ensino Primario-Beneficencia, c. 19.254.

[38] Sobre a organización escolar desta interesante experiencia pódese consultar a obra de Pereira Domínguez, M. C..: La labor educativa iberoamericana y la creación de las escuelas Pro Valle Miñor a principios del siglo XX (Tese de Doutoramento). Madrid, Universidad Complutense de Madrid, 1988. Ademais de Costa Rico, A.: Op. Cit., pp. 201-214 e Peña Saavedra, V.: Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia. Santiago, Xunta de Galicia, 1991.

[39] Fundada en Bos Aires o día 5 de xaneiro de 1905 pola colonia galega para proporcionar formación aos mozos da comarca miñorana, “en vista de las condiciones precarias en que llega a estas playas la mayoría de la inmigración gallega, sin oficio determinado, desconociendo completamente las condiciones geográficas y económicas de la República Argentina”. Ver: Boletín da UHAPVM, nº 1, 1 de outubro de 1909.

[40] Costa Rico, A.: Op. Cit, pp. 205.

[41] Ferreiro, E.: Boletín da UHAPVM, nº 52, 1/1/1914.

[42] “La cultura de la tierra, sobre todo para aquellos niños que por su posición están exentos en sus casas de esos trabajos. Estos ejercicios tienen además la ventaja de despertar en los niños el amor a la Agricultura, familiarizándolos con los modernos métodos de cultivo”

[43] Costa Rico, A.: Op. Cit, p. 207.

[44] Ferreiro, E.: Boletín da UHAPVM, nº 53, 1/2/1914.

[45] Idem: Boletín da UHAPVM, nº 29, 1/12/1912.

[46] Idem: Boletín da UHAPVM, nº 30, 1/3/1912.

[47] Idem: Boletín da UHAPVM, nº 31, 1/4/1912.

[48] A “Escuela Americana” editaba un boletín mensual coa cabeceira Unión Hispano-Americana Valle Miñor. Publicación mensual. Contou coa colaboración de profesores vinculados á entidade e de reputadas firmas do mundo do ensino, tanto da Península como da Arxentina. Entre eles, Ignacio Ares de Parga, que dirixíu a publicación de 1911 a 1915. O Boletín contaba cunha sección dedicada ás ensinanzas agrícolas.

[49] ”Crónica escolar del mes de febrero de 1914”. Boletín da UHAPVM, nº 58, 1/7/1914.

[50] Boletín da UHAPVM, nº 76, 1/1/1916.

[51] Ferreiro, E.: “La escuela en el futuro”. Boletín da UHAPVM, nº 3, 1/12/1909.

[52] “Lo que cuesta la escuela”. Boletín da UHAPVM, nº 2, 1/11/1909.

[53] Boletín da UHAPVM, nº 19, 1/4/1911.

[54] Boletín da UHAPVM, nº 49, 1/10/1913.

[55] En 1914 funciona unha escola nocturna “durante los meses de noviembre a marzo de 6 a 8 p.m. concurrido por más de cincuenta alumnos, término medio”, en Boletín da UHAPVM, nº 57 1/6/1914.

[56] Ferreiro, E.: “La escuela en el futuro”. Boletín da UHAPVM, nº 3, 1/12/1909

[57] “Biblioteca de la Escuela”. Boletín da UHAPVM, nº 18, 1/3/1911.

[58] “Crónica escolar”. Boletín da UHAPVM, nº 46, 1/7/1913.

[59]. Costa Rico, A.: Op. Cit., pp. 205.

[60] Boletín da UHAPVM, nº 76, 1/1/1916.

[61] “Discurso inaugural del curso escolar de de 1914-1915”. Boletín da UHAPVM, nº 76, 1/1/1916.

[62] “Escuelas H. A. Valle Miñor. Excursiones”. Boletín da UHAPVM nº 195, decembro de 1925, pp. 4.

[63] Asinado por José López Otero, o 14 de abril de 1929. “Algunos pensamientos tomados del Álbum de nuestras Escuelas”. Boletín da UHAPVM nº 236, maio de 1929, pp. 9.

[64] “El pequeño ensayo cooperativista que se realiza en las escuelas Nacionales de Budiño, reviste gran interés para la Comarca”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 57, 10/12/1934.

[65] Costa, J.: Oligarquía y caciquismo. Cicón ediciones, Madrid, 1998, pp. 204.

[66] De Gabriel, N.: Op. Cit. (1989), pp. 69.

[67] “Brindis Agronómico”. Acción Gallega, 31/8/1935.

[68] “Forjando el futuro. Un nombre y un hombre”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito. Xullo-agosto-setembro/1935.

[69] Ibidem.

[70] De Gabriel, N.: Op. Cit. (1989), pp. 71-73.

[71] “El pequeño ensayo cooperativista que se realiza en las escuelas Nacionales de Budiño, reviste gran interés para la Comarca”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 57, 10/12/1934.

[72] Ibídem.

[73] Ibídem.

[74] Ibídem.

[75] “El pequeño ensayo cooperativista que se realiza en las escuelas Nacionales de Budiño, reviste gran interés para la Comarca”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 57, 10-12/1934.

[76] Ibidem.

[77] “Importancia de la CREANN de Porriño”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 57, outubro-novembro-decembro/1934.

[78] En numerosas ocasións, a sociedade de emigrantes Fomento de Porriño y su Distrito enviou partidas de diñeiro para axudar a sufragar os gastos da experiencia escolar. O Boletín da Sociedade publicou algunha das cartas que enviaba o mestre solicitando o apoio dos emigrantes: ”Señor Director, si cuento con el beneplácito de Vd. tengo la seguridad que ningún residente se ha de negar a aportar su concurso para el engrandecimiento de la Patria chica, al mismo tiempo que mis discípulos, en el día de mañana, cuando vayan a luchar por la vida, al verse con las ventajas que reporta un caudal de conocimientos, tendrán un recuerdo de agradecimiento hacia las almas generosas que les dieron las facilidades” (ver: “Colecta Pro-escuela de Budiño”, Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 55, outubro-novembro-decembro /1934).

[79] “La Cooperativa Escolar de Budiño”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 55, abril-maio-xuño/1934.

[80] Ibidem.

[81] López Otero, J.: “Los jardines escolares en el concepto pedagógico”. El Despertar Gallego, nº 104, 1 de agosto de 1920, pp. 6.

[82] Parece que así o confirma o seguinte comentario que, ao mesmo tempo que salienta o labor pedagóxico da CREANN, lamenta “que los restantes maestros que actúan en nuestra comarca no sientan la misma inquietud por el porvenir de la economía agraria y el más elevado nivel técnico del campesino gallego, tan necesitado de que se le oriente y de que se le ayude”. Ver “El pequeño ensayo cooperativista que se realiza en las escuelas Nacionales de Budiño, reviste gran interés para la Comarca”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 57, 10-12/1934.

[83] Farto Bravo, A.: “Al margen de un proyecto”. Boletín da Sociedade Fomento de Porriño y su Distrito, nº 29, novembro/1928.

[84] Costa Rico menciona o centro escolar fundado en Cee (A Coruña) polo filántropo Blanco de Lema, que xa realizaba prácticas agrícolas en 1905; o “Centro Obreiro de Cultura” de Ferrol e a súa escola fundada en 1910; os centros da Sociedade Hijos de Silleda a partir de 1912; a escola racionalista “La Luz” fundada nos arredores da Coruña en 1915; a Escola Agrícola que o indiano Pedro Murias mandou construír en Vilaframil (Ribadeo), inaugurada en 1922; ou a “Escola Hospital Asilo” creada polos emigrantes de Lalín en 1926 (ver Costa Rico, A.: Op. Cit., pp. 333).