PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

A rúa Malteses e o Ministerio de Obras Públicas en 1969

por José A. Uris Guisantes

Poida que sexa unha das rúas da GUARDA máis antigas, integrada no barrio da MARINA, habitada durante moitos anos por familias de pescadores, formando unha zona típica que comeza no Baradeiro, segue pola praza de José María Lomba (ou Terrado ou praza do Almirante Topete) ata A Fontiña.

A rúa Malteses con a penas dous metros de ancho estaba conformada de pequenas casiñas cun patín cara ao mar co obxectivo de ir directamente as gamelas ou barcos, tamén para saír coas redes para poñelas a secar, para controlar os secadoiros de congro, pescada ou xurelos postos nas pedras do Cangrexal, Rejiño etc, etc. Tamén había pías para petar a “casca” co fin de tinguir as redes.

Rúa Malteses (Fotografía de José Suárez)

      Casiñas con 40 ou 50 m/2 onde convivían familias numerosas, cunha  adega para gardar os aparellos (remos, casca, as redes dentro dun arcón de madeira, cordas, boias, paus, poutadas e un longo etc.), unha sala, unha pequena cociña e algunhas cunha pequena habitación para o matrimonio.

Contábame o finado de Manuel Domínguez Pacheco que na súa familia eran sete irmáns e que era case que materialmente imposible que poidesen convivir todos nunha casa tan pequena....      

Era esta rúa, digamos, como o centro neurálxico do barrio mariñeiro. Lembrar que ata no Baradeiro se poxaban  toda clase de peixes pois ao non haber Lonxa a vida mercantil desenrolábase alí, mesmo cando era a época da recolección do argazo (no século XIX era chamado “estiércol del mar”), que era amontoado na rúa do Porto para ser levado en carros e cabalerías para as leiras da Vila e do Rosal.

¿Porqué leva o nome de rúa Malteses?. É dificil saber con exactitude as orixes do seu nome o non haber documentación que o confirme.

Existe un pequeno folleto publicado pola Imprenta de Juan Antonio Pacheco en 1873 titulado “La Guardia. Un recuerdo de Galicia” no que se di que [....] los primeros pobladores del barrio de la Rivera, que empezaron a explotar la pesca y la salazón, dando salida para otros pueblos a los productos de esta nueva y más importante industria, FUERON LOS TRIPULANTES DE UN BARCO MALTÉS, que corriendo una tempestad entró en la pequeña bahía totalmente desarbolado... Pero insisto non hai documentación que o demostre.

En canto o barco desarborado que figura no escudo de A Guarda, en nada ten que ver con ese barco maltés. O barco sen velame no escudo foi unha concesión do rei Fernando III en premio aos heroes guardeses que combateron contra os mulsumáns na conquista de Sevilla en 1248. Mandaba a escuadra o galego Payo Gómez Charino, dous barcos tripulados por mariñeiros guardeses, portugueses, de Baiona e de Pontevedra romperon as defensas no barrio de Triana e comezou a victoria...

Nembargantes dende o século XIX ata moi entrado o XX, as autoridades municipais en lugar de poñer no escudo o barco sen velas puxeron outro co velame “a todo trapo”, posiblemente, digo posiblemente, porque quedaba máis bonito.

O historiador local  don Juan Domínguez  Fontela explicou mellor o nome da rúa Malteses [...] en la ciudad de Lisboa y en otros muchos puertos portugueses, se daban antiguamente el nombre de MALTESES a los marineros, mercenarios o jornaleros, es decir, a aquellos que no estaban enrolados al servicio fijo de una embarcación determinada, están en sus casas esperando al mar, ya para cubrir plazas vacantes...

Como la influencia de los usos y costumbres de Portugal ha sido siempre muy grandes en los pueblos fronterizos gallegos y especialmente en los pueblos del mar próximos a la boca del río Miño, muchos marineros en aquellas condiciones, se haya dado vulgarmente este nombre a la calle...

Pero o que eu trato hoxe de explicar son as reinvidicacións do Ministerio de Obras Públicas – Dirección Xeral de Portos e Señais Marítimas en 1969 sobre edificios e patíns da rúa Malteses.

ACCIÓNS REINVIDICATORIAS NA ZONA DA RÚA DE MALTESES, NESTA VILA, EXERCITADAS POR MEDIO DA AVOGACÍA DO ESTADO DE PONTEVEDRA, EN NOME DO MINISTERIO DE OBRAS PÚBLICAS (DIRECCIÓN XERAL DE PORTOS E SINAIS MARÍTIMAS).

ANTECEDENTES: O orixe da Vila da Guarda remóntase, aproximadamente ao século XV-XVI, época en que se asentaron os primeiros poboadores dedicados a tarefas da pesca, precisamente na zona inmediata a unha cala, chamada na actualidade da Marina na que está situada a rúa MALTESES.

Este primitivo grupo de poboadores fixeron da zona o seu territorio vital, e de pais a fillos os inmobles (casiñas, patíns) foron transmitidos de boa fe, e coa súa actividade da pesca deron o grande paso para que A Guarda se convertera nunha localidade de importancia.

Pasaron os anos e a zona de Malteses foi crecendo día a día debido ao constante esforzo destas xentes modestas e traballadoras, o que produciu un interese nas Autoridades Municipais daquela época, quen decidiron ordenar cos medios que tiñan ao seu alcance a actual rúa Malteses, que discorre paralela á Zona Marítimo Terrestre da cala natural (que hoxe chamamos Porto).

No ano 1880 o Goberno aprobou a Lei de Portos do Estado, que regulaba a institución de deslinde das Zonas Marítimo Terrestres e clarexaba dita Norma legal a procedencia de separar e clarexar situacións dominicais (de propiedade), tanto públicas como privadas.

Nesa Lei o Ministerio de Fomento naquela época podía proceder plenamente ao deslinde da Zona Marítimo Terrestre de Malteses sen que o fixera ata a actualidade (1969).

PROBLEMA XURDIDO: Por Orden do Ministerio de Obras Públicas de 27 de abril de 1967, apróbase o deslinde das inmediacións do Porto da Guarda ou zona de Malteses, no que se fixou unha liña da delimitación actual da Zona Marítimo Terrestre e a anterior ata onde entendeu a Administración que chegaban as maiores ondas nos temporais (ou galernas) antes das obras de construcción do Dique de Abrigo do Porto, executadas no ano 1898, acordando dito Ministerio a reinvidicación dos terreos de edificacións comprendidas entre ambas líneas nas que se atopa a mitade occidental da rúa Malteses.

Na conducta seguida pola Administración, fíxose “caso omiso” á circunstancia de que os inmobles (casas e patíns) que se pretenden reivindicar son de dominio privado desde fai séculos e polo tanto con anterioridade a definición e creación dos deslindes regulados polas Leis de Portos de 1880 e a máis recente de 1928, así como a Lei de Augas; que as edificacións da parte occidental da rúa Malteses, lindante co mar, son anteriores á construcción do Dique de abrigo do Porto, en 1898 e incluso á primitiva “escollera” sobre a que se levantou o Porto máis tarde; e que a rúa Malteses, tantas veces referida, e da propiedade do Concello de A Guarda, que pavimentou dita vía pública, nos referidos anos, e a dotou dos servicios regulados pola Lei (electricidade, rede de sumidoiros, pavimento etc.).

A maior abondamento facer constar que a substitución e melloramento das vivendas e inmobles afectados polo deslinde, e na citada zona, sempre foron coñecidos polo Ministerio de Obras Públicas, toda vez que para mellorar tales inmobles e preceptivo que o grupo de Portos da Provincia – organismo dependente daquel, autorice tales reformas, que vén sendo o que sucede nos momentos actuais.

SITUACIÓN PRESENTE (1969): O Ministerio de Obras Públicas por medio da Dirección Xeral de Portos e Sinales Marítimas, encargou ao avogado do estado de Pontevedra que exercitase as pertinentes accións reivindicatorias contra varios veciños e propietarios da zona de MALTESES a fin de que a porción de terreno comprendida no deslinde (patíns) pasase a pleno dominio do estado, procedementos que no día da de hoxe (1969) se están ventilando en periodo avanzado diante da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Nin que dicir da grande alarma e sentimento de indignación e protesta da poboación mariñeira desta Vila, e en especial dos particulares afectados por tales medidas de reivindicacións, habendo interesado da Alcaldía e da Confraría de Pescadores para que se faga ver ás Autoridades que proceda o desaforo que se pretende cometer contra uns modestos pescadores, pois de prevalecer as pretensións da Administración o Concello e os propietarios dos edificios situados na parte occidental da rúa Malteses, veranse  despoxados de súas propiedades e vivendas construídas coa expresa autorización dos Servicios do Ministerio de Obras  Públicas.

PRETENSIÓN DO CONCELLO DE A GUARDA: A Corporación Municipal comparte plenamente da aptitude adoitada polos propietarios afectados por tal deslinde os que na actualidade están demandados.

Non se concibe como despois de 80 anos a Administración pública non exerceu as funcións que lle concedía a Lei de Portos de 1880, como a de 1928, e que por unha inxustificada pasividade se queira despoxar hoxe, a numerosos propietarios de bens provenientes de seus tataravós e que na actualidade son donos dos mesmos, atentando contra o seu humilde patrimonio familiar sostido e adquirido con tanto esforzo.

Dende o punto de vista municipal, o Concello da Guarda emprega os mesmos argumentos respecto a usurpación da rúa Malteses,  de sempre propiedade desta Entidade Local, pois, como xa queda explicado, sempre atendeu como unha vía pública mais da Vila, implantándolle os servicios mais fundamentais.

Como resumen do explicado é de necesaria urxencia que, en colaboración coa Confraría Sindical de Pescadores desta localidade, se adopten as medidas oportunas diante das Autoridades e Organismos pertinentes ó obxecto de que tales accións reivindicativas se paralicen, e que as propiedades particulares e a deste Concello se respecten integramente, por ser de xustiza.

PROBAS DA PRETENSIÓN MUNICIPAL: Existen documentos  no Arquivo desta Corporación que demostran a propiedade particular na zona deslindada, entre os que se contan: o  Libro de Llevadores de Fincas Rústicas y Urbanas de La Guardia de 1847. Expediente de Expropiación Forzosa de la Finca denominada Campo del Molino de 1889, etc.., así como inscricións dos particulares no Rexistro da Propiedade.

Tamén fotografías do Porto de A Guarda a finais do século, onde se pode apreciar a existencia de vivendas na parte que o Ministerio de Obras Públicas pretende reivindicar, e antes da construcción do Porto que data de 1898 e do estado actual da devandita parte.

En defensa da rúa Malteses, este Concello aporta fotografías onde, claramente se observa, que tal rúa pública  e desde fai moitísimos anos  de seu dominio e que sobre ela exerceu a súa tutela.

E canto ten que informar esta Alcaldía diante de quen proceda sobre o asunto referido.

A Guarda 8 de marzo de 1969.

O Alcalde. José Luís García Pérez.

Fontes: Arquivo Municipal de A Guarda

La Guardia, el Rosal y Oya de Angel Luís Troncoso 1979.