www.galiciasuroeste.info

Manuel Gomez Gomez

O Paraguero- Paraugueiro – Afiador- Capador  de Salcidos

Por José A. Uris Guisantes

 

Interesado pola historia deste país noto a falta de información e de recuperación dos antiguos oficios, albardeiros (Pintán), argaceiros/as (Salcidos, A Guarda, Camposancos)  ,barbeiros (todo o Municipio), canteiros (con maioría en Salcidos), carpinteiros-ebanistas (en todo o Municipio), cesteiros (Salcidos), costureiras (en todo o Municipio), confiteiros, fotógrafos e retratistas, ferreiros (A Guarda, Salcidos, A Gándara, Camposancos), mariñeiros de baixura, muiñeiros (Curuto, Salcidos, A Gándara), músicos, oleiros (A Cruzada e Cachadas), panadeiros, serenos, telleiros (con maioría en Salcidos), toneleiros (Curuto), xastres (na maioría do Municipio), xornaleiros (en todo o municipio),  zapateiros (en todo o Municipio) e un longo etc.

Por iso hoxe  vou escribir sobre un pequeño anaco da tamén pequena historia dun oficio dos mais antergos como foi o de afiador

 

Manuel Gomez Gomez en plena faena na Roda ou Tarazana nos anos setenta, preto da Cafetería Oasis. Fotografía cedida por Alicia Alonso Fernández.

-----------------------------

Igrexa parroquial de Santa María de Faramontaos, municipio de Nogueira de Ramuín, provincia de Ourense onde naceu Manuel Gomez Gomez. www.eiradela.wordpress.com

----------------------------------------------

 

A dereita Manuel Gomez Gomez, fillo Manuel Gomez Rodríguez, súa esposa Preciosa Rodríguez Pérez e seus netos María Dolores e Francisco Javier Otero Gómez, fillos de Encarna Gómez Rodríguez. Fotografía cedida por Encarna Gomez Rodríguez.

-----------------------------

José Gómez Gómez nacera en 1916 na parroquia de Santa María de Formentelos (Nogueira de Ramuín - Ourense), fillo de Andrés e Rosa. Foron seus irmáns José, Esperanza e Flora Gomez Gomez.

 

A esquerda un veciño de Salcidos,  Encarnación Rodríguez Pérez, Preciosa Rodríguez Pérez, Manuel Gomez Rodríguez e Manuel Gomez Gomez. Abaixo unha nena veciña, de trenzas a neta María Dolores Otero Gomez, outro rapaz veciño é Francisco Javier Otero Gomez, neto.Fotografía cedida por Encarna Gomez Rodríguez.

---------------------------

Manuel Gomez Gomez en plena faena de afiado. Fotografía cedida por Alicia Alonso Fernández.

-----------------------

O tío Manuel O Callau na rúa José Antonio (hoxe rúa de Galicia). Fotografía cedida por Alicia Alonso Fernández.

------------------------------

 

Manuel Gomez Gomez ca Roda ou Tarazana, na parada semanal preto do Oasis.Fotografía cedida por Alicia Alonso.

------------------------------------

Chegan en plena guerra civil á vila da Guarda exercendo de afiador- paraugueiro- capador, e colocador de arganeis nos porcos por rúas, barrios e aldeas da contorna. Casara en 1938 ca moza Preciosa Rodríguez Pérez, natural de Nogueira de Ramuín (Ourense), nacida  o 10 de xaneiro de 1912, filla de José e de Elvira.

 

Fotografía  de Preciosa para o DNI en 1981 con 69 anos

----------------------

Seu novo domicilio pasou a ser no Curuto nº 22 da parroquia de Salcidos, e froito do matrimonio foron, José, Gregorio (q.e.p.d.), Encarnación e Manuel Gomez Rodríguez (q.e.p.d.).

Como dicía o oficio do tío Manuel foi o de afiador, paraugueiro, capador e colocador de arganeis de arame no fuciño dos porcos, arranxando todo tipo de útiles domésticos, dende tixolas, coitelos, navallas, olas, pratos, tinas, palanganas etc. 

Manuel era coñecido popularmente como O Callau, o parecer debido a que pese a utilizar a pedra de amolar redonda, usaba un xeixo[1]ou callau co fin de que as navallas dos mariñeiros cortasen mais e non tiveran bocas e finalmente a suavizaba na pedra de pizarra. 

Velaí o sobrenome de tío Manuel O Callau. Manuel Gomez Gomez finou o 27 de novembro de 1985 en Salcidos.

 

Na condición de capador do tío Manuel, pasaba uns días despois de darlle o recado,  capaba (estirpaba[2] os testículos) os porcos de entre 1 a 5 semanas de vida con duas finalidades, unha a de que cando se sacrificaban para alimentación a carne non federa fortemente, mellorando a calidade da mesma e a outra para evitar que onde houbese machos se pelexaran entre sí. O porco debía estar en xaxún 24 horas.

Colocaba o arganel[3] a porcos e porcas ca finalidade de que non revolveran as camas de palla ou de toxo, dentro da cuadra onde estaban pechados.  O arganel era un anaco de arame que o tío Manuel colocaba no fuciño dos porcos dando unhas catro voltas e unindo as puntas, cando  o animal quería fozar na cama ou na eira o dor se impedía facelo. Hoxe en día ata as persoas  lles colocan un aro no fuciño.

 

O tío Manuel co seu fillo José abordo do buque que facía a travesía de Londres a Vigo en data na que a familia non lembra, posiblemente a comezos do setenta. Fotografía cedida por Encarna Gómez Rodríguez.

-----------------------------------

José chegou  nese día e seu pai desplazouse para o recibir. As viaxes dos emigrantes galegos para entrar en Inglaterra nos anos sesenta era por mar, dende os portos de Vigo e da Coruña, os buques que mais viaxes facían eran da Compañía Trasatlántica Española co nome de Begoña, Monserrat e Covadonga con base en Southampon. Encarna Gomez Rodríguez non se lembra se este que vemos poidera ser o Begoña.

Outras familias pasaban auténticas aventuras por terra viaxando en tren, atravesando Francia para coller o ferri en Calais (Francia) ata Dover (Inglaterra), continuos cambios de tren e sen saber o idioma foron pedras no camiño ata chegar o destino

-----------------

De cando en vez, Manuel, por meo de súa filla Encarna e esposo, se achegou ca súa esposa a visitar o pobo natal de Faramontaos e o municipio de Nogueira de Ramuín. Cando tiña alguén enfermo en Salcidos ou quería tomarse un descanso o seu irmán José Gomez Gómez achegábase a Salcidos para coller o relevo da Roda de afiar dando os percorridos de Manuel. Por iso me refire Encarna que algunhas das fotografías nas que figura como Manuel non son de seu pai e que poden ser de seu cuñado José.

No luns 19 de outubro (día de temporal na bisbarra) me acerquei a Couselo (O Rosal) onde vive a filla Encarnación Gomez Rodríguez, Encarna. Entrevista fructífera pola cantidade de vivencias, datos familiares e da realidade actual que está vivindo a familia ca enfermidade de seu home e compañeiro Francisco Otero.

Conta que ela e seus irmáns José, Gregorio e Manuel formaban unha familia pobre de Salcidos onde endexamais se pasou fame.

Súa nai Preciosa, traballaba as leiras, ía o xornal para terceiras persoas, criaba galiñas e porco, vendía os froitos do campo e por parte de Manuel sempre viña con algúns cartiños, un queixo, un coto de pan de boroa[4] que cocía unha veciña do barrio ou un pequeño quiñón de peixe con que lle pagaban no barrio mariñeiro.

O percorrido do tío Manuel na semana era en lugares fixos, Salcidos (onde lle levaban a casa os traballos), Curuto, rúa José Antonio (preto do Oasis), praza de San  Caetano, A Roda, Xaquín Alonso, Praza do Reló, Chan do Conde, Praza da Fariña[5], praza da Guía, tenda do Arsenio, praza de San Bernardo ( ou praza dos porcos), O Castro, A Gándara, praza do Rosal, etc. Algunha vez o vin tomar unha taza de viño na parada da tenda da tía Erundina sita na praza de San Bernardo.

Tamén para axudar na casa o fillo José marchou moi novo a traballar nas telleiras e Manuel embarcado en buques de pesca ou de carga.

Fotografía de Encarna Gomez Rodríguez o día da voda (8/11/1959).

---------------------

Miña informadora, Encarna Gómez Rodríguez, sentados nun salon-comedor-cociña ben amplo en presencia de seu neto Rubén me foi desgranando toda unha vida de traballo, de emigrante, de axuda a familiares e agora volcada no coidado de Francisco seu esposo.

Naceu en Salcidos un 4 de decembro de 1939, escola, traballos, e casamento con Francisco Otero Martínez[6] do Rosal na igrexa de Salcidos un 8 de novembro de 1959.

Fruito do matrimonio foron, María Dolores (21/11/1960) e Francisco Javier Otero Gomez (12/05/1964).

Fotografía de Francisco Otero Martínez o día da voda (8/11/1959)

Seu esposo Francisco tiña como profesión a de albanel, traballando na construcción ata 1966, ano no que emigran a Londres para traballar na hostelería, me refire que gracias a Ilda[7] que lles conseguíu por meo dunha axencia de colocación un contrato para poder traballar en Inglaterra. Para entrar deberon asiñar un papel en como non tiñan fillos ou familiares a seu cargo, cuestión esta que solucionaron despois de obter a residencia e poder levar os dous fillos.

Estas axencias de colocación traballaban o marxe do Instituto Español de Emigración (IEE) cobrando 35 libras[8] pola xestión dos papeis. Os datos ingleses sobre o número de emigrantes traballando en Inglaterra no ano 1973 eran de 7.290.

Voltaron definitivamente en 1990, pasando a vivir no domicilio familiar en Couselo (O Rosal), vivenda moderna e ampla con finca traseira onde cultivan toda clase de fruitos, viñas, con unha adega onde puiden ver as cubas de aceiro inoxidable.

Encarna, nos anos oitenta tivo que voltar varias veces para atender a seu pai enfermo, o que falece en 1985. Unha vez de volta da emigración, abriron un pequeño supermercado no Rosal o que mais tarde pecharon para abrir un bar co nome de Bar  A Roda, en memoria da Roda que durante toda unha vida usara seu pai. Uns anos mais tarde traspasaron o bar a outra persoa, hoxe leva o nome de Queimarodas.

Encarna Gomez Rodríguez na actualidade, excelente persoa, grande traballadora, emigrante, solidaria e agora na dedicación a seu esposo ca enfermidade que atinxe a tanta miles de persoas como é o alzheimer. Fotografía de José A. Uris Guisantes.

---------------------------------------

Visita do tío Manuel Gomez Gomez a seu pobo de Faramontaos en Nogueira de Ramuín (Ourense) con seus netos María Dolores e Francisco Javier. Fotografía cedida por súa filla Encarna.

------------------------------

O tío Manuel Gomez Gomez O Callau nunha corredoira de seu pobo Faramontaos. Fotografía cedida por súa filla Encarna.

----------------------------

A derradeira visita a seu pobo de Faramontaos. A dereita o tío Manuel, súa filla Encarna, unha cuñada e seu esposo. Abaixo, María Dolores e Francisco Javier Otero Gomez. Fotografía cedida por Encarna.

----------------------------

O popular tío Manuel O Callau a través da pintora local Alicia Alonso Fernández ten un grande cadro pintado pola mesma nos anos 90 o cal loce na entrada ao Concello da Guarda que contemplan centos de persoas o longo do ano.

Teresa Martínez do Rosal, nai de Francisco Otero Martínez comadre do tío Manuel e   un veciño de Couselo. Era sobre 1983 nun aniversario na casa de súa filla e xenro en Couselo (O Rosal). Fotografía cedida por Encarna Gomez Rodríguez.

--------------------------------------

Manuel Gomez Gomez nos anos sesenta ca Roda ou Tarazana e uns paraguas para arranxar. Fotografía cedida por Alicia Alonso Fernández.

----------------------------

 

Segundo me referiu Encarna este home da fotografía non é seu pai Manuel. Pode ser o irmán de seu pai de nome José Gomez Gomez que algunhas veces tamén facía de afiador, pode ser…

---------------------------------------- 

 

Fotografía dun afiador paraugueiro que non ten nada que ver con tío Manuel (fronte a Cafetería - Panadería de Manuel Vicente Portela, Sandrini, logo Cafetería Oasis). Autor descoñecido para min.

------------------------------

 

Encarna e seu neto Rubén pasaron a mostrarme a Roda do tío Manuel que tiñan na adega en Couselo e da que tirei unhas fotografías.

 

Aspecto actual da Roda do tío Manuel Gomez. Fotografía de José A. Uris.

--------------------------------

O bisneto do tío Manuel,  Rubén Blanco Otero con varias rodas de afiar que usaba seu bisavó  na Roda. Fotografía de José A. Uris.

 

Outro aspecto da Roda ou Tarazana do tío Manuel Gomez O Callau. Fotografía de José A. Uris Guisantes.

-------------------------------

O cacharro onde tiña auga para mollar os coitelos, navallas e tixolas, se pode ler Fabada Asturiana. Fotografía de José A. Uris.

-----------------------------

 

Aspecto dunha das pedras de afiar. Fotografía de José A. Uris.

-------------------------------

 

A correa de coiro para transmisión de movimento e unha pequena bigornia[9]. Fotografía de José A. uris Guisantes.

 

------------------------

 

Fotografía de Manuel Gomez Gomez que da que a pintora  Alicia Alonso compuxo un cadro que se pode contemplar na Casa do Concello da Guarda. Fotografía cedida por Alicia Alonso.

---------------------------------

Finalmente lembrar que paragueros- paraugueiros galegos inmigraron a castela e Andalucía, tamén a Portugal é alén do mar a La Habana; Bos Aires; Venezuela; Río de Xaneiro; Montevideo; Marrocos; Filipinas e ata Nova Iorque…

No século XIX en Cuba a Asociación de Fomento de la Inmigración enviaba a Galicia emigrantes galegos para servir de gancho para reclutar man de obra para traballar nas minas de manganeso en Daiquiri, Firmeza e El Cobre na provincia de Oriente, preto de Santiago de Cuba. As compañias norteamericanas eran, Ponupo Manganese Company e The Spanish Américan Iron Company, tratados como auténticos esclavos.

Os paragueros ou Paraugueiros tiñan un ha xerga entre eles chamada Barallete que explica don Domingo Álvarez Álvarez do Rosal no libro da súa autoría  Jergas de Galicia: tejeros, canteros, albañiles y paragueros. Editado en Tomiño en 1965.

Afiañar= vestir; Agustín= leite; Almirante= nareco; Arreador= Afilador ou amolador;  Barrosante= música; Berbexena= igrexa; Bicudo= porco; Biqueque= portugués; Calmante= martelo ou mazo; Caneante= relo;  Desfoscar= despertar;  Facorria= navalla; Follateiro= Paraguero; Gaita= sopa; Gulmarra= galiña; Chiscar= beber; Jalrador= falador; Labreñar= beber; Macayar= fumar; Tafeno= Portugal; Tiza= comida; Tola= taberna; Virxena= misa;  Xamonda= navalla; Xamondo= coitelo;  Xinado dos foquiños= médico;  Zoina= cura, párroco ou coengo;  Zuros= diñeiro.  

José A. Uris Guisantes, outubro 2013.

___________________
 

[1] Na Guarda lle decían  tamén Callau.

[2] Ou castrar en español.

[3] Recollido por Constantino García Glez (1985) Glosario de voces galegas de hoxe.Universidade de Compostela.Verba. Anexo 27.

[4] Broa  na Guarda.

[5] Praza de Ignacio Sobrino

[6] Fillo de Manuel e Teresa, nacido no Rosal o 1 de outubro de 1936.

[7] Mª Angeles Martínez  Goce a que retornada abriu en 1974  a cafetería SHAIDA na rúa C.D. Fontela.

[8] Preto de 7.000 ptas daquela.

[9] En castelan yunque