www.galiciasuroeste.info

TOMIÑO

 

Xoves, 31 de marzo de 2011    

A Deputación aprobou a contratación da reforma e ampliación da Casa de Cultura de Tomiño por 415.000 euros

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na súa habitual xunta de goberno dos mércores, o expedente de contratación da obra de “Execución, rehabilitación e ampliación do edificio da Casa de Cultura de Tomiño” cun tipo de licitación de 415.295 euros.

O traballo está incluido nas obras que o Concello de Tomiño inclueu dentro do Plan de Investimentos da Deputación (PID) a través do cal a institución provincial financia e executa un total de 500 proxectos nos distintos concellos da provincia cun investimento de 70 millóns de euros.

A reforma e ampliación da Casa da Cultura de Tomiño baséase nun proxecto dos arquitectos Enrique Urdiales e Miguel Martín. A ubicación é no lugar de A Rocha, en Tomiño.

O expedente hoxe aprobado prevé un prazo de 280 días e unha clasificación empresarial do grupo C, subgrupo 2, categoría C.

 

Curso de iniciación á informática, organizado pola aula móbil do Concello de Tomiño

            O pasado martes, día 29, comezou en Amorín, na Casa dos Mestres, un curso de iniciación á informática, organizado pola aula móbil do Concello de Tomiño, en colaboración coa Asociación Veciños de Amorín.

              Os temas que se impartirán son Iniciación á informática, Procesador de textos, Manexo de cámara dixital, Gravación de CD e DVD e Elaboración de C.V.

            Todos veciños interesados en facer algún destes cursos, pódense pór en contacto coa Asociación de Veciños ou a OMIX do Concello de Tomiño.

 

Encontro cultural na Casa da Cultura de Tomiño

Esta fin de semana a Casa da Cultura de Tomiño acolle o cuarto Encontro Cultural organizado pola Federación de Asociacións de Tomiño Terramiño. O programa de actos comeza o sábado ás cinco da tarde con actuación dos diferentes grupos musicais de cada asociación.

O domingo dende ás once da mañá poderán visitarse as exposición de manualidades, bolillos, libros, cestería, ferramentas antigas, bolos celtas... e se proxectarán audiovisuais entre eles o do río Furnia.

Pola tarde, ás cinco, actuará un contacontos para nenos.

Colaboran nesta actividades as asociacións o Arbol de Vilachán, as AAVV de Amorín, Barrantes, Carregal, Currás, Pinzás, Sobrada, Taborda, e a Concellería de Cultura de Tomiño.

 

Mércores, 30 de marzo de 2011    

O BNG aclara que “o consenso e o diálogo é a tónica do goberno municipal nesta lexislatura”

O concelleiro do BNG Uxío Benítez aclarou onte, diante das manifestacións realizadas polo presidente de CdeT, Carlos Vila, que “o espíritu de colaboración e o recoñecemento do labor de cada un dos membros do goberno, é a tónica que se vén mantendo durante estes catro anos. Iso permitiu que os problemas do día a día se fosen solucionando, con consenso, sensatez e efectividade”.

Neste sentido, Uxío Benítez, engadiu que “o portavoz do CdeT Jesús Castiñeira xestionou a área deportiva de Sobrada, tendo que afrontar problemas técnicos derivados do proxecto e execución das obras que, en calquera caso, se solventarán baixo o criterio do propio Jesús Castiñeira e coa colaboración dos técnicos municipais e de todo o goberno municipal como vén sendo habitual”.

Finalmente, Uxío Benítez declarou que “o consenso e o diálogo son compromisos exercidos por este goberno durante catro anos, onde Jesús Castiñeira formou parte e no que nos consta que os concelleiros do CdeT están moi cómodos e satisfeitos”.

En relación coa moción de CdeT sobre o saneamento en Tomiño, Uxío Benítez aclarou que “afortunadamente se aprobou por unanimidade unha moción que se centrou en reivindicar a solución deste grave problema dos veciños e veciñas de Tomiño por parte da Corporación municipal”.

 

Martes, 29 de marzo de 2011    

A vindeira fin de semana celebrarase o 4º Encontro Cultural de Tomiño

Os vindeiros días 2 e 3 de abril, terá lugar, na Casa de Cultura de Tomiño,  o 4º Encontro Cultural organizado pola Federación de Asociacións de Tomiño Terramiño, con con actuacións dos representantes dos diferentes colectivos que  forman esta Federación.

Os actos inaugúranse o sábado dia 2, ás 17:00 horas con diferentes grupos musicais.

O día 3, pola mañá, a partires das 11:00 horas, poderán visitarse  as exposicións de manualidades, bolillos, libros, cestería, ferramentas antigas, e bolos celtas, entre outras alternativas, e poderán verse audiovisuais coma o do río Furnia. Este mesmo día, a partires das 17:00 horas, haberá a actuación dun contacontos para os nenos.

Colaboran as Asociación O Árbol de Vilachán, e as asociacións de veciños de Amorín, de Barrantes, de Carregal, de Currás, de Pinzás, de Sobrada, de Taborda e  a Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal do concello de Tomiño.

 

Centristas de Tomiño acusa al BNG  de  intentar forzar su salida del gobierno

Si en el último pleno la Alcaldesa del BNG decidía primero no incluir una moción de CdT en el orden del día (en la que pedía un mayor esfuerzo en saneamiento), y después, tras su presentación por el trámite de urgencia, se negaba a debatirla, ahora los independientes la acusan de paralizar el Área Deportiva de Sobrada, pretendiendo dar una nueva vuelta de tuerca a las relaciones cada vez más delicadas por las que atraviesan ambas formaciones.

Según José Carlos Vila, presidente de CdT, el responsable municipal de urbanismo, Uxío Benítez (BNG), se negó, inicialmente, a que los técnicos municipales fuesen los redactores del proyecto del Área Deportiva de Sobrada, forzando a que el Concejal de Deportes, adscrito a Centristas de Tomiño, tuviese que encargar dicho proyecto a un gabinete de arquitectos externo.

El proyecto fue devuelto hasta en tres ocasiones por el área de Uxío Benítez, encontrando, presuntamente, en cada revisión, deficiencias nuevas, lo que provocó un retraso de más de un año en la tramitación del mismo y generó un evidente malestar en la formación independiente.

Una vez superadas todas las objeciones y cumplimentado el expediente de tramitación, aprobación y adjudicación de la obra  por parte de Centristas, el BNG reclamó la Dirección Técnica del mismo para el área de urbanismo lo que ha llevado a una nueva paralización, ahora, según parece, en base a supuestas deficiencias técnicas y funcionales.

Vila reconoce que la Concejalía de Urbanismo es una de las que más descontento genera a todos los niveles, pero considera que el BNG también está tratando de forzar una ruptura del Pacto de Gobierno, por varios motivos, entre los que cita una mayor radicalización y prepotencia de los nacionalistas y, sobre todo, por la inmediatez de los comicios locales.

El presidente de CdT exige a Sandra González una inmediata rectificación de esta actitud a la que califica de obstruccionista y desleal.

 

Luns, 28 de marzo de 2011    

Un novo depósito subministrará auga aos barrios tomiñeses

Membros das directivas da Comunidade de  Augas de Barro e da Comunidade de Montes de Tomiño acompañados polo concelleiro de medio ambiente, Santiago Vergara, visitaron as obras de construción do novo depósito de auga que estará situado no Alto do Barro, na parroquia de Tomiño.

            A Comunidade da Traída do Barro iniciou a construción deste depósito de auga que contará con dous compartimentos cunha capacidade total de un millón de litros. A súa finalidade é a de mellorar as condicións de subministro nos barrios de Barro, Pedra,  Rexidouro e Pazos así como tamén de abastecer de auga potable ao barrio do Hospital.

            O Concello e a Comunidade de Montes de Tomiño colaboran mediante aportacións económicas e na cesión de terreos, coa posta en marcha deste proxecto por consideralo fundamental para mellorar a distribución de auga nos distintos barrios desta parroquia. O custo total desta obra ascende a case 100.000 euros.

            O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Vergara destacaba  que "a actuación nestes barrios forma parte dun amplo e importante plan que este Goberno Local ven levando a cabo ao longo destes anos co obxectivo de mellorar o abastecemento de auga por todo o noso concello".

            Pola súa banda, Alfredo Magán, presidente da Comunidade de Augas de Barro expresaba o "noso agradecemento ao Concello por cumprir co seu compromiso de colaborar nestas obras que nos permitirán ofrecer un subministro de auga máis eficaz para os veciños desta parroquia".

 

“Os vellos non deben de namorarse” clausurou o mes de teatro no auditorio de Goián

O pasado no Auditorio de Goián representouse a obra “Os vellos non deben namorarse”, de Castelao interpretada pola Compañía Fontevella. Co esta posta en escena rematou o ciclo de teatro desenvolvido ao longo de todo o mes organizado pola Concellalía de Cultura do Concello de Tomiño. Como sucedeu con tódalas representacións, o cheo foi absoluto e o público asistente ovacionou ao final aos actores e actrices, xente non profesional, amadores do teatro que, pertencentes á terceira idade, atoparon nas artes escénicas un motivo máis para encher as súas vidas. O público presente agradeceu o esforzo dos actores e a directora deu as grazas pola calor recibida por parte dos presentes, máxime tendo en conta o que significa para estes actores. Lembrou a directora que o domingo (día 27), se celebraba o Día Mundial do Teatro.

Para o vindeiro mes de abril no auditorio de Goián, ás 21 horas, comezará o ciclo do Mes do humor. A primeira actuación chegará o sábado, día 2, ás 21 horas,cos monólogos de  Cándido Pazó. O sábado, día 16, será o turno de Rober Bodegas, O día 23, tamén sábado, chegará ao auditorio de Goián Carlos Blanco, e do 27 ao 30, terá lugar a V Mostra de Teatro Non Profesional do Miño.

 

Venres, 25 de marzo de 2011    

“Os vellos non deben de namorarse… das mozas novas”, mañá no Auditorio de Goián

Mañá, sábado, ás 21:00 horas, representarase no Auditorio de Goián a obra “Os vellos non deben de namorarse… das mozas novas” da compañía Fontevella.

A compañía  Fontevella nace no mes de febreiro do 95, no Porriño. Os seus componentes xúntanse ante o que para eles era unha novidade. Todo un reto se temos en conta as súas idades, ente os sesenta e cinco e os oitenta e tres anos.

Pouco a pouco foi collendo forma e estructura o que sería a compañía. Moitos días de traballos e sufrimentos, pintando os decorados, cosendo teas, preparando mesas e cadeiras, ensaiando… ata que tiveron no Porriño a súa primeira representación en setembro do mesmo ano, no que viu a luz  o froito de tantos esforzos.

Foi tanto o éxito que obtiveron que repetiron ó día seguinte. Gran parte dos concellos limítrofes foron tamén receptores das súas representacións e da súa mensaxe.

Estas actuacións representaban un dobre éxito para a compañía. Por unha banda o feito de poñer no escenario a obra, por non profesionais en tan curto espazo de tempo é xa de por sí un logro, mais o verdadeiro éxito é o que acadou dentro do peito de cada compoñente.

Ningún deles pensaba xa noutra cousa que non fora a lenta e triste marcha, xa a ninguén se lle ocorría, nin era o momento de poñerse a estudar papeis, memorizar verbas, aprender situacións, etc… iso xa foi noutra altura, cando eran novos, na escola,… e algún non o fixo nin cando foi o seu tempo.

Non recordo quen me dixo que xa tiña pactada a súa visita ó camposanto, que xa non lle quedaba máis que facer nesta parte… Agora ainda está moi atarefado neste lado, e por moito tempo. E ¿quen era aquela que non falaba ben, con algún problema de dislexia (dicía o doctor) e non podía aprender nada de memoria? E ¿aquela que só era tristura e soidade?, que non tiña xa compañeiro, que somentes esperaba xuntarse con él…

Este é verdadeiramente o gran éxito da compañía. Este é o exemplo, tanto para vellos como para novos que lles dan outro valor, e acadan deles un novo punto de vista. Cada nova representación é unha nova proba, un novo exame que todos están dispostos a afrontar.

De todo isto xa pasaron uns anos, e andaduro non só é unha montaxe senón catro, ó mesmo tempo que tiveron a oportunidade co seu traballo de percorrer toda a comunidade.

 “Os vellos non deben de namorarse das mozas novas” é unha farsa en tres lances, na que se demostra que os vellos non deben namorarse.

Trátase dunha síntese artística ou máis ben, artimaña escenográfica onde xogan o amor e a morte de tres vellos imprudentes: o boticario Don Saturio, que non aturou a falcatruada de Lela e mátase con solimán da súa propia botica; o hidalgo Don Ramón,  que por un bico de Micaela morre deitado no esterco; o vinculeiro señor Fuco, que por casar con Pimpinela mórre de felicidade.

Son tres caras diferentes dun mesmo drama, contados á maneira galega e para regalía dos que poidan comprender a nosa linguaxe.

 

O concello de Tomiño rende  homenaxe a Isaura Gómez

Hoxe, venres, ás 20.00 horas no Centro Recreativo de Figueiró, será celebrada unha homenaxe á memoria de Isaura Gómez Pérez, que foi ilustre veciña desta parroquia e é autentico símbolo da loita pola xustiza e polas liberdades.

            Durante este acto, no que participarán veciños de Figueiró así como representantes sociais e veciñais doutras parroquias tomiñesas, será realizada unha ofrenda floral no camposanto, proxectándose un vídeo e farase a presentación dun libro dedicado á figura de Isaura Gómez.

            A edición desta obra e a homenaxe a Isaura Gómez é unha  iniciativa do Concello de Tomiño que a través da súa Oficina de Igualdade vén mostrando o seu interese e compromiso por visualizar e poñer en valor o papel feminino nos máis diferentes ámbitos, recuperando e divulgando a memoria de personaxes destacadas como é o caso de Isaura Gómez.

            O acto contará coas intervencións da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da autora do libro Carmen Bouza Rey. Posteriormente abrirase un turno no que o público asistente poderá realizar as preguntas ou comentarios que desexe.

            Isaura Gómez naceu en Lisboa en 1905 e viviu case toda a súa vida na parroquia tomiñesa de Figueiró, onde faleceu con 93 anos de idade. Foi unha muller culta e moi activa, defensora a ultranza de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. A pesar de sufrir moi de cerca o drama da guerra civil e da represión franquista, Isaura nunca deixou de apoiar e estar ao lado das persoas que máis dificultades e necesidades estaban pasando.

            Sandra González sinalaba que "é un orgullo poder celebrar este recoñecemento público a Isaura Gómez, a quen tiven a fortuna de coñecer e tratar persoalmente". En opinión da rexedora "é necesario rescatar e dar a coñecer a memoria de mulleres como ela que defenderon e acreditaron firmemente nunha sociedade máis igualitaria e se converteron nun referente que as tomiñesas de hoxe e as do futuro nunca debéramos perder de vista"

 

Xoves, 24 de marzo de 2011    

Sine Die leva mañá ao Auditorio de Goián o espectáculo “Shoah”

Mañá, venres, ás 21.00 horas, representarase no Auditorio de Goián a obra “Shoah” da compañía Sine Die, da Escola de Danza de Paula Cobián.

Paula Cobián Escola de Danza, despois de sete anos de andadura, dá un paso máis na formación en danza do seu alumnado creando unha compañía non profesional, Sine Die, da que formarán parte alumnos e alumnas da escola que queren ampliar a súa formación, introducíndose no mundo da danza escénica.

“Shoah” é unha reivindicación das liberdades humanas, a liberdade de ser, pensar e creer, e sobre todo, de respectar o ser, pensar e creer dos outros. Tomando como punto de partida a barbarie do holocausto xudeo, o que pretenden é advertir no espectador o que pode desatar o fanatismo e a intolerancia.

“O que sucedeu é un aviso, esquecelo é un delito”.

 

A alcaldesa de Tomiño entregou os diplomas ás participantes no curso da Aula Móbil de Informática

O pasado martes tivo lugar no Centro Social  de Santa María de Tebra a entrega de diplomas ás alumnas que participaron no "Curso de iniciación á informática e internet” impartido pola Aula Móbil de Informática do concello de Tomiño.  As participantes, oito nais pertencentes á ANPA do colexio de Tebra, recibiron de mans da alcaldesa, Sandra González, un diploma que certifica a participación neste obradoiro.

A alcaldesa intercambiou impresións coas alumnas sobre o aprendido, podendo constatar a utilidade dos coñecementos adquiridos e a inquedanza por seguir profundizando no campo das novas tecnoloxías. Neste senso, a maioría das participantes recoñeceu que non tivera moito contacto cos ordenadores antes do curso, coñecendo agora as ferramentas básicas para seguir aprendendo e avanzando no mundo da informática e internet.

Este foi o primeiro curso impartido pola Aula Móbil de Informática do Concello de Tomiño creada recentemente co obxectivo de impartir diversos cursos relacionados coa informática e internet por todas as parroquias tomiñesas. Desde o Concello entrouse en contacto, vía carta, con asociacións sociais e culturais de todo o municipio para presentarlle este novo servizo e ofrecerlle a posibilidade de anotarse para recibir o curso que desexen.

A Aula Móbil de Informática do Concello de Tomiño, composta por seis ordenadores portátiles e un profesor especializado, xurde coa intención de estender a todas as parroquias de Tomiño as actividades formativas que no ámbito da informática xa se veñen desenvolvendo desde 2008 no Espazo TIC situado no Campo da Feira, no Seixo.

Durante estes anos, o Espazo TIC do Concello de Tomiño leva realizando iniciativas diversas como charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas. Ata o de agora máis de 560 persoas participaron nestas actividades.

Actualmente a Aula Móbil de Informática está impartindo os seus cursos itinerantes no Centro Cultural de Figueiró tendo xa en axenda outros colectivos de distintas parroquias para as próximas semanas.

As persoas ou asociacións que queiran anotarse para recibir os cursos da Aula Móbil ou ben para solicitar máis información, poden pórse en contacto coa persoa responsable do servizo, Daniel Ozores, dirixíndose persoalmente ás instalacións situadas no parque do Campo da Feira, chamar ao teléfono 986623304 ou mandar un correo electrónico ao enderezo espazotic@concellotomino.com.

 

Martes, 22 de marzo de 2011    

Monte Veciñal en Man Común de Sobrada non comparte os criterios da Asociación polo Saneamento de Tomiño

            A Comunidade de Monte Veciñal en Man Común da parroquia de Sobrada manifesta os eu “firme desacordo” coas decisións tomadas pola Asociación polo Saneamento de Tomiño, entendendo que as mesmas non son as máis correctas, xa que a Comunidade de Monte, non están a favor de mostrarse en contra do concello.

            Este colectivo estaría disposto a esixir “á Xunta de Galicia o colector xeral nº 3, como se propuxo nun principio”, que no seu momento foi apoiado pola propia Comunidade, pero “que o proxecto foi modificado sen o noso consentimento”.

 

Luns, 21 de marzo de 2011    

O Partido Popular de Tomiño consegue que o pleno municipal cree unha comisión de seguimento para o saneamento

O Partido do Popular de Tomiño vén de conseguir que o pleno municipal de Tomiño, celebrado o pasado xoves, aprobase por unanimidade a proposta presentada pola portavoz municipal Esperanza Calzado, despois de que o grupo CdeT presentase unha moción de urxencia para fixar un 6% do presuposto anual exclusivamente a saneamento. A urxencia desta moción, explican os populares, foi apoiada polos votos do PP  e CdeT, votando en contra BNG e PSOE, que definiron a moción como totalmente propagandista, sen ningún tipo de fundamento e electoralista por parte de CdeT. Fronte as diferenzas internas que vive o tripartito, o Partido Popular propuxo a creación dunha Comisión de seguimento formada por membros de todas as forzas políticas con representación municipal e membros da Platarforma polo saneamento, co obxectivo de levar cabo unha análise anual dos presupostos do concello, tendo en conta a situación económica de cada momento e as distintas axudas que se poden conseguir doutras administracións.

A portavoz, Esperanza Calzado, calificou de innecesario condicionar ó concello de Tomiño a destinar  dita porcentaxe cando non se clarifica se se refire ó montante do presuposto ou á partida de inversións do mesmo, clarificando que haberá anos de maior inversión; recordando ás obras que se estan levando a cabo en saneamento en Santa Maria de Tebra por un valor de 2 millóns de euros investidos pola actual Xunta de Galicia. Esta postura foi a que fixo posible o acordo por unanimidade de tódolos membros da Corporación.

 

A Asociación polo Saneamento de Tomiño lembra as peticións formuladas ao concello

A Asociación polo Saneamento de Tomiño presentou, o pasado 12 de febreiro, ante o rexistro do Concello de Tomiño, máis de 2.400 sinaturas, para pedir que o Concello asuma o custo de baleirado de fosas sépticas dos veciños desta localidade que non teñen saneamento en Currás, Amorín, Carregal, Sobrada, Tomiño, Pinzás, Barrantes, Taborda e Goián; o investimento do 6% anual do orzamento do Concello, no desenvolvemento en Tomiño, e o desenvolvemento e execución do Saneamento en Taborda e Carregal.

Tamén presentou no Rexistro do Concello, copia dos acordos que ten o Concello de Tomiño coa empresa concesionaria da explotación da depuradora.

            O pasado xoves 17 de marzo, celebrouse un Pleno no Concello de Tomiño no que, din desde a Asociación polo Saneamento do Temiño, os partidos presentes na sesión non foron capaces de aprobar ningún dos puntos que os veciños lles demandan dende hai máis dun ano.

            Aseguran desde este colectivo, que os partidos políticos que están sempre dicindo que o Saneamento en Tomiño é un tema prioritario, cando chega o momento de tomar as decisións, non fan nada.

  

O vindeiro sábado, 26 de marzo, terá lugar unha andaina por Carregal

A Federación de Asociacións de Tomiño, en colaboración coa Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal, continúa o ciclo “Coñece as nosas parroquias”.  O vindeiro sábado, 26 de marzo, terá lugar a andaina correspondente a Carregal.

A saída será as 16.00 horas na Ponte de Carregal (a carón da estrada de Tui-A Guarda), á altura da ponte do Rio Furnia. Farase un percorrido polo paseo fluvial, o embarcadoiro, a Veiga de Abaixo, o Muíño das Regadas e a Ponte da Faia.

O sábado 9 de abril, continúa este ciclo, coa  Andaina  en Amorín. É convinte levar calzado cómodo.

(En caso de choiva, aprazaríase para o 16 de abril)

 

Charla sobre transxénicos na Casa de Cultura de Tomiño

A Federación de Asociacións de Tomiño, Terramiño, coa colaboración da Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal do Concello de Tomiño organiza o vindeiro xoves, 24 de marzo, as 20:00 horas,  unha charla sobre alimentos transxénicos, que será impartida polas asociación ecoloxistas  Infrotrasxénicos Tui e Greenpace.

Este acto terá lugar  na Casa da Cultura de Tomiño.

O Grupo Greenpace, fará ao mesmo tempo,  unha exposición de Transxénicos e se repartirán guías Verdes e Vermellas de transxénicos entre os asistentes.

 

Chocolatada en Amorín

O vindeiro 27 de marzo terá lugar a Segunda Chocolatada de Amorío. organizada por a Asociación Veciños de Amorín, contando coa colaboración da Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal.

A partir das 16 horas, no Torreiro de Festas, empezará a prepararse o chocolate. Os biscoitos serán de balde, feitos por xente de Amorín.

Para os nenos e nenas, haberá hinchables de balde.

 

Sábado, 19 de marzo de 2011    

O PP vota en contra  de construír unha lonxa fluvial en Goián, a pesar do seu  compromiso  coas asociacións de pescadores do río Miño

O portavoz  de pesca do BNG, Bieito Lobeira, defendeu a través dunha proposición non de lei, regular a actividade pesqueira no río Miño coa posta en marcha dun Estatuto para a habilitación  legal do exercicio desta actividade que conlevará ademais do  recoñecemento de dereitos sociolaborais como xubilación, baixas laborais, doenzas profesionais  a instalación dunha lonxa fluvial en Goian para ordenación da primeira venda de capturas.

Lobeira  lembrou que o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez Campana, comprometeuse coas asociacións de pescadores do río Miño a instalar en Goián unha lonxa fluvial pero agora, afirmou o deputado, “négalle esa posibilidade tamén ao concello de Tomiño”.

O deputado nacionalista explicou que tanto a Asociación de Pescadores do Río Miño como a Asociación de Lampreeiros veñen reclamando a regularización das embarcacións e as condicións laborais  dos tripulantes e que mesmo xurdiron conflitos entre os colectivos de pescadores por non estaren regulados os espazos de pesca en función do tramo do río.

O parlamentario do BNG lamentou que o Partido Popular rexeitase a iniciativa do BNG para a construción dunha lonxa fluvial en Goián  e sobre todo que impida ao concello de Tomiño facer realidade esta reclamación, “o Partido Popular incumpre os seus compromisos é esta é unha nova mostra”, dixo Bieito Lobeira.

 

Tomiño transformará la Casa de la Cultura en auditorio, con un proyecto respaldado por la Diputación

La Concejalía de Cultura, Educación y Participación Vecinal de Tomiño promueve la transformación de la Casa de la Cultura  en Auditorio, mediante la realización de las obras que se llevarán a cabo durante el presente ejercicio, estando previsto que se inicien antes de verano.

La Concejalía de Cultura presentó el proyecto de reforma, dirigido por los arquitectos Enrique Urdiales y Miguel Marín, al Plan de Inversiones de la Diputación (PID), que lo ha aprobado, concediendo una subvención de 468.000 euros.

El proyecto contempla la ampliación del actual escenario, la colocación de butacas, el acondicionamiento de cubierta y fachadas, la instalación de una nueva carpintería exterior de aluminio, el recubrimiento interior de madera (para mejorar la acústica), la colocación de falsos techos, la remodelación de baños, la instalación de calefacción y aire acondicionado y la construcción de un nuevo anejo, en la parte posterior del actual edificio que albergará una sala de exposiciones permanente, camerinos y despachos y una zona para almacenamiento.

Los nuevos espacios también permitirán a la Coral Polifónica de Tomiño contar con una sede permanente.

Según Pablo Baquero, se trata de una reforma integral con la intención de dotar a Tomiño-centro de unas instalaciones dignas que permitirán, además de mejorar notablemente los espacios disponibles, ejecutar una programación cultural más acorde con las demandas actuales de los vecinos de Tomiño.

 

Xoves, 17 de marzo de 2011    

“Franstasmas”, o 19 de marzo no Auditorio de Goián

O sábado, 19 de marzo, ás 21:00 horas, representarase no Auditorio de Goián a obra “Frantasmas” de Acontrabutaca producións.

Un antigo caserón de estilo victoriano reproducido a gran formato é a nosa cámara dos horrores particular… unha espectacular escenografía onde as cadeiras se moven soas, as chemineas ocultan escuros pasadizos e os cadros observan aos inquilinos da casa pronosticando terribles asasinatos.

David Ottone, director artístico da compañía madrileña Yllana, apadriña e asesora todo o traballo de dirección … un primeiro espada do humor intelixente, unha primeira figura do humor xestual, co que ten triunfado en multitude de escenarios por todo o mundo … será o encargado de darlle a Frantasmas o seu selo creativo.

 

Campionato de Tiro ao Prato, na modalidade de percorrido de caza,  no campo de tiro das Fronteiriñas

Esta fin de semana vaise celebrar en Figueiró un Campionato de Tiro ao Prato, na modalidade de percorrido de caza,  no campo de tiro das Fronteiriñas.

O sábado día 19, a partir das 11 da mañá, será xornada de entrenamento con premios para os mellores clasificados. O 1º será un carneiro, e segundo un leitón e o terceiro un xamón.

O domingo día 20, a partir das 9 da maña, será a tirada oficial con premios para todos os participantes e trofeo especial para damas.

Os premios son moi variados: cerámica de Sargadelos, artesanía galega, cristal de Bohemia, pequenos electrodomésticos, estuches de viño, plantas, ornamentais, etc. Durante os dous días haberá servicio de cantina onde se poderán degustar bos viños da zona e ricas tapas.

A Comisión de Festas de San Campio de Lonxe-2011, de Figueiró, organizadora deste evento, agradece a colaboración  da Concellaría de Deportes e Lecer do Concello de Tomiño, así como as distintas empresas e casa comerciais da parroquia e da zona que doaron trofeos para este evento.

 

Sábado, 12 de marzo de 2011    

Este domingo as cinco da tarde no campo do Alivio enfróntanse o Tomiño FC Feminino e o Rápido de Pereiro

Informa Rubén Casaleiro Pintos.- O Pasado domingo disputouse a décimo séptima xornada na segunda autonómica grupo 2 entre os equipos do CD Coya e o Tomiño FC femenino.

O partido xogado no Campo da Bouza, en horario de tarde contou con boa afluencia de público, cunha tarde soleada e un campo en optimas condicións para a práctica do fútbol.

O encontro tivo un claro dominio polo conxunto local ante un equipo o das tomiñesas que nunca estiveron no encontro e que apenas inquedaron o marco local.

O partido comezou cas primeiras ocasións das tomiñesas que estiveron a punto de marcar, pero isto foi un espellismo xa que as locales se adiantarían no marcador, cun disparo que pillou adiantada a Carlota (1-0), isto daría alas as locais, que ben colocadas no campo e facendo un fútbol práctico eran superiores as tomiñesas incapaces de dar dous pases seguidos, froito deste dominio chegaría o segundo tanto local nun saque de esquina ben rematado o fondo das redes por unha xogadora do Coya (2-0), asi rematou a primeira metade. Xa na segunda metade, sería un paseo para as do Coya, as tomiñesas que tiñan un día negro incapaces de tirar a porta e de crear perigo, antes do remate chegaría un terceiro tanto para as locales (3-0), para cerrar asi o marcador.

 

Competición galega de augas bravas David Castro en Tomiño

Este domingo dispútase no río da Pedra en Tomiño unha competición galega de augas bravas David Castro. O comezo da proba está previsto ás 11h. Ao remate entorno ás dúas da tarde faráselle unha pequena homenaxe a este padeeiro falecido hai agora un ano.

 

Venres, 11 de marzo de 2011    

Os comuneiros de Sobrada subvencionan ao deportista local Rubén Millán

A Comunidade de Montes de Sobrada acordou subvencionar con 1.200 euros ao deportista desta parroquia, Rubén Millán Rodriguez, padeeiro de elite e posuidor de distintos títulos e medallas tanto a nivel autonómico como de España e mundial o que lle augura un futuro prometedor, e así o esperan os seus veciños de Sobrada, quen din que aínda que rema no Club Piragüismo de Tui, este rapaz non renuncia ás súas orixes de Sobrada.

A Comunidade de Montes de Sobrada maniféstase sentirse orgullosa de Rubén Millán, e valoran nel o esforzo a concentración, o sacrificio e a entrega ao deporte.

 

Xoves, 10 de marzo de 2011    

O concello de Tomiño acomete obras de mellora no entornodas igrexas de Currás, Pinzás e Taborda cun investimento de 60.000 euros

Nestas últimas semanas iniciáronse as obras de acondicionamento no entorno das igrexas parroquiais de Currás, Pinzás e Taborda. Este conxunto de actuacións, que conta cun investimento municipal de máis de 60 mil euros en total, están destinadas á mellora dos firmes, accesos e outros elementos urbanos.

A intervención nestes tres espazos súmase aos diferentes proxectos xa efectuados polo Concello de Tomiño ao longos dos últimos anos en distintas parroquias tomiñesas co fin de reformar e humanizar lugares de uso público como son as prazas da Mina no Seixo e a de Antonio Fernandez en Goián, os torreiros de Estás, Hospital, Barrantes e San Salvador de Tebra así como tamén diversas sendas peatonais.

A rexedora tomiñesa, Sandra González, trala súa visita ás obras, sinalaba que "desde o goberno local somos conscientes da necesidade de investir e poñer en valor os nosos espazos públicos pois é neles onde ten lugar boa parte da vida social de cada parroquia".

Segundo as previsións dos técnicos estas obras estarán rematadas no prazo de un mes.

 

Mércores, 9 de marzo de 2011    

Educación inicia as obras de reparación da rede de saneamento no CEIP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño  

A Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra, a través do seu responsable, César Pérez Ares, anunciou o inicio das obras de reparación da rede de saneamento de augas do CEIP Pedro Caselles Beltrán para evitar as inundacións que estaba a sufrir o terreo onde se atopa o centro.

Deste xeito, a Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación comprobou nunha visita desenvolvida a comezos de marzo a necesidade de executar esta obra que ten un investimento de cerca de 42.000 euros.

Segundo o informe técnico, o sistema de recollida de augas unitarias do centro desaloxa tanto as pluviais como as fecais na mesma fosa séptica, desbordando e anegando o terreo educativo.

Acordo coa dirección do centro e a Anpa

O pasado 11 de febreiro, e de acordo coa dirección do centro, a Anpa e o técnico municipal do concello, cerrouse o centro ao medio día para poder executar diversas probas que determinasen o funcionamento dos distintos rexistros de xeito que se puidesen comprobar os seus defectos e carencias.

Este informe motivou a posta en marcha dos traballos, iniciados nas últimas horas, e que permitirá executar un sistema de recollida de augas separativo, de xeito que se leven as fecais ata o sumidoiro municipal e as pluviais ata un pozo de drenaxe.

Ademais, instalarase unha arqueta separadora de graxas, que recollerá as augas procedentes dos aparellos de cociña e que as canalizará ata a arqueta das fecais procedentes do edificio principal e do administrativo.

Por outra banda, no ximnasio, onde se puido comprobar que non estaba a funcionar o saneamento, realizarase unha nova rede de recollida das augas fecais. Tamén se realizará neste punto unha nova rede de augas pluviais que enlazará coa procedente do edificio.

Aproveitando a escavación perimetral realizada no ximnasio para a instalación do saneamento, tamén se instalará unha drenaxe perimetral para aliviar as repercusións da auga freática que afecta ao solado do pavillón intentando así que non se acuse tanta humidade.

A responsabilidade do concello

Finalmente, o concello será o responsable de instalar a bomba e a canalización dende o pozo de recollida das augas fecais ata a rede municipal de sumidoiros.

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, asegura que con estas obras “volvemos a demostrar a aposta da Consellería pola mellora dos centros educativos e, polo tanto, pola calidade do ensino”.

 

Martes, 8 de marzo de 2011    

Inaugurada, en Tomiño, a exposición colectiva de fotografía Kdd´s Vigo

O tenente-Alcalde, Pablo Baquero Álvarez, foi o encargado de  inaugurar a exposición colectiva de fotografía do grupo KDD´s Vigo, con 32 obras con motivos variados, dende paisaxes a imaxes da vida cotiá, e tanto en cor  como en branco e negro.

Baquero salientou a calidade das obras expostas, manifestando que esta exposición e unha proba clara de que o Sur de Galicia  non somentes destaca pola pintura, a escultura, os tapices…senón tamén pola vocación a fotografía, resaltado a existencia, na actualidade, de importantes profesionais e artistas desta arte.

Referiuse ás paisaxes, as xentes e ao patrimonio de Tomiño como fonte de inspiración, pero tamén como un lugar idóneo para expor as obras por parte daqueles autores que queiran dar a coñecer o seu labor.  

KDD’s Vigo é un grupo creado por iniciativa dun dos seus membros no portal de Internet flickr, fai pouco máis dun ano.

Trátase dun grupo sen ánimo de lucro co único obxectivo de unir a fotógrafos da área para compartir o gusto pola fotografía. Actualmente contan con máis de 500 membros.

Entre as iniciativas do grupo destacan as “kedadas” ou saídas fotográficas, nas cales abarcan distintos campos, dende a fotografía da natureza, paisaxes e urbanas ata a fotografía deportiva, social, festas populares, etc.

A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de marzo.

 

A compañía Fulano, Mengano e Citano levará ao auditorio de Goián a obra “Viva a Crise”

O vindeiro sábado, día 12, ás 21.00 horas, representarase no Auditorio de Goián a obra “Viva a Crise”, da compañía Fulano, Mengano e Citano.

“Viva a crise” é unha serie de historias enlazadas, tratadas con humor ácedo e actual, que se desenvolven arredor desta enrevesada e difícil etapa: A fórmula ideal para aliviar o mal tempo que se aveciña.

 

Xoves, 3 de marzo de 2011    

Se inicia la construcción del área recreativa y deportiva de Sobrada

Comienzan, en Sobrada, las obras de la primera fase de construcción del área deportiva y recreativa, en la que está previsto realizar varias pistas multifuncionales y distintos espacios de esparcimiento, dentro de un proyecto más amplio, que contempla la futura construcción de un centro socio-cultural (en las actuales escuelas unitarias), un parque biosaludable, un jardín botánico, gradas, vestuarios y un paseo peatonal.

Estas actuaciones iniciales ocuparán un espacio de 7.358,92 m2 dentro de una parcela más amplia de 27.184 m2, cedida temporalmente al Concello, por la Comunidad de Montes Vecinales en Mano Común, y que albergaba el antiguo campo de fútbol.

Las viejas instalaciones están siendo derruídas para construir un pequeño aparcamiento, pistas polideportivas, para la práctica de tenis, baloncesto, balonmano y fútbol sala, así como un cuadrilongo o pista de arena que permita la práctica de deportes como el horseball o la hípica.

La empresa adjudicataria y responsable de las obras es Belypa Construcciones S.L., con un presupuesto de 210.000 euros. Estas actuaciones estarán concluídas, según la previsión incial, en un plazo de 6 meses.

Según el Concejal de Deportes, Fernando Álvarez, “se trata de un proyecto ambicioso, generador de actividades al aire libre, con varias zonas de disfrute y aptas para la práctica de distintos deportes que, sin duda, generan sinergias que permitirán dinamizar la vida social, deportiva  y cultural de la  parroquia de Sobrada”.

Por su parte Germán Castro Barbosa, representante vecinal de la Comisión de Seguimiento de las Obras, ha agradecido a la Concejalía de Deportes el esfuerzo realizado con esta inversión que permitirá reducir las carencias que actualmente existen en infraestructuras deportivas.

También ha aprovechado para insistir en la necesidad de ejecutar la segunda fase, especialmente la construcción del Centro Socio-Cultural.

Finalmente, el teniente-Alcalde, Pablo Baquero, quien estuvo acompañado, además, por el gerente de la empresa adjudicataria, se comprometió a realizar las gestiones necesarias para que la ejecución integral del proyecto sea una realidad.

  

O Cineclub Poleiro proxecta hoxe Mulleres de El Cairo

O Cineclub Poleiro proxecta hoxe, xoves, ás 21,30 no auditorio de Goián,  a película Mulleres de El Cairo , un retrato que denuncia o machismo da sociedade exipcia. 

O cineclub viuse na obriga de cambiar a programación deste mes porque a fita foi programada nunha televisión pública e foron moitos os socios que solicitaron unha modificación do ciclo.

Dirixida por Yousy Nasrakkah, Mulleres de El Cairo debuxa a situación da muller en Exipto, dende a de estilo occidentalizado ata as máis tradicionais.  Defínese a través da historia dunha presentadora de televisión que entra en conflicto co seu marido, tamén xornalista, polo traballo de investigación que desenvolve, sobre violencia, enganos e paixóns.  Cruzando varias historias componse un retrato sobre a sociedade de El Cairo e a humillación das mulleres en todolos estratos sociais. Elas son as que traballan pero eles siguen mandando. 

O xoves 7 de abril  proxéctase Despois do casamento, un drama dirixido por Susanne Bier (Dinamarca) .  A directora dí que a fita fala de segredos, de como se pode vivir con alguén, querer a esa persoa, ser parte da familia...e seguir escondendo verdades importantes ás persoas que se ama sen sentir a máis mínima vergoña.

O xoves 5 de maio chega Cidade de vida e morte do chinés Lu Chuan. Concha de Ouro en San Sebastián (2009).  A película está ambientada en 1937, na guerra entre China e Xapón.

 “Escalofriante,. (...) Se o arranque posúe o poder de commoción do mellor cine bélico, o desenvolvimento da traxedia pon os pelos de punta.”  (Carlos Boyero: Xornal El País)

A tempada do cineclub Poleiro péchase o 2 de xuño coa película Deixade de quererme dirixida por Jean Becker. Conta a historia dun home que nunha fin de semana destrúe todo o que construíu durante anos ¿a crise dos corenta? ¿un ataque de loucura?

Os pases poden recollerse no Auditorio de Goián ás 21.30 horas e os vonos para as cinco películas custan cinco euros, puidendo mercarse antes do comenzo da película.  Este prezo é posible porque o Consorcio do audiovisual de Galicia colabora económicamente coa Federación de cineclubes de Galicia á que pertence o cicneclub Poleiro, que conta tamén co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño. 

  

A Deputación destina 468.000 euros do PID á reforma e ampliación da Casa de Cultura de Tomiño

A Xunta de Goberno da Deputación acordou concederlle unha subvención de 468.000 euros do Plan de Investimentos (PID) ao concello de Tomiño con destino á reforma e ampliación da Casa da Cultural municipal, situada no lugar de A Rocha.

A obra suporá unha reforma integral do edificio coa mellora dos elementos estruturais, o acondicionamento da cuberta e das fachadas; a instalación dunha nova carpintería exterior de aluminio e interior de madeira; e falso teito de escaiola; servizos de saneamento e calefacción.

No municipio de Tomiño  o PID prevé a execución de obras por un importe total de 1.541.219 euros no período 2009-2011. Así, ademais da obra mencionada, a entidade provincial executa nesta vila obras como a  pavimentación de diversos camiños; a mellora dos accesos á igrexa de Sobrada, a pavimentación dos camiños de Carregal de Arriba a Taborda, e o acondicionamento da fonte da Salgosa, entre outras.

 

Mércores, 2 de marzo de 2011    

O "Venres de Foliada" reunirá a máis dunha trintena de comparsas con máis de 1600 compoñentes

O próximo venres, día 4 de marzo, terá lugar o tradicional desfile de Entroido de Tomiño “Venres de Foliada”, un dos máis populosos da comarca e no que participarán este ano máis de 1.500 persoas.

A Concellaría de Cultura, Educación e Participación Veciñal, organizadora do evento, confirmou a participación de 31 comparsas con carroza e outras 6 sen carroza, ademais dunha rondalla e as treboadas do municipio, que confiren ao espectáculo gran dinamismo e sabor popular. 

O percorrido terá a súa saída ás 22.00 horas no Colexio Pedro Caselles Beltrán, subirá pola rúa Gondomar, xirará na rúa A Guarda ata a Praza do Seixo e rematará na rúa República Arxentina. 

Entre as numerosas comparsas inscritas no desfile figuran as agrupacións locais “Estrelas da Noite”, “Revolution Show”, “Luces de Tomiño” e “Os Terribles de Tebra”, que irán acompañadas por outras recoñecidas comparsas das comarcas do Baixo Miño, Louriña, Vigo e zona de influenza.

Entroido de Goián

O Entroido de Goián, de gran tradición na zona, comezará o domingo 6 de marzo. Ás doce do mediodía co desfile infantil; ás catro da tarde haberá xogos populares, ás seis da tarde contarase coa 1ª carreira de carretillas, con premios á carretilla mellor tuneada e aos mellores disfrazados, e a partir das nove da noite baile-concurso de disfraces amenizado polas orquestras Anagrama e Nevada.

Organizada pola Asociación Entroido de Goián coa colaboración da Concellería de Cultura, a festa continuará o luns 7 a partir das nove da mañá, cun pasarrúas de Treboadas. Á unha do mediodía será a “Gran Tortillada”, e a partir das nove da noite, baile amenizado polos grupos D’moda e Saudade 73.

O martes 8 á unha da tarde poderase degustar o tradicional cocido, acto seguido, terá lugar o gran desfile a partir das catro da tarde e co remate do desfile, degustación de sopa para tódolos presentes. Ás nove da noite haberá baile amenizado pola orquestra Los estelares e o grupo Azalea. Por último, o mércores 9 a partir das sete da tarde sairá o tradicional Enterro da Taíña pola Avda. Ordóñez ata o río.

 

O Auditorio de Goián estrea o mes do teatro coa representación de “Os Clocló” ou (A arte de vivir pola cara)

O vindeiro sábado 5 de marzo ás 21.00 horas, representarase no Auditorio de Goián a obra “Os Clocló”, a cargo de Lambríaca Produccións. Os mozos, os adultos e o máis vellos, tres xeracións unidas por unha soa idea: Vivir pola cara e sen traballar. Esta comedia convirte a estes personaxes en heroes dentro dun mundo cheo de tabeiróns, que aproveitan a mínima para facernos a vida imposible, é dicir, sen traballo, salarios ridículos e horarios esclavizantes. Eles son o punto desternillante que abre os nosos ollos a unha forma de vivir nada convencional, pero…a eles vailles ben en tódolos sentidos…¿Ou acaso non?... ¿Vivir pola cara é tan doado como semella?

 

Exposición no Auditorio de Goián da mostra de fotografía do grupo KDD’s Vigo

O vindeiro sábado, 5 de marzo, ás 12 horas, a Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal  inaugurará no Auditorio de Goián a mostra de fotografía do grupo KDD’s Vigo, que permanecerá na sala ata o día 31 de marzo.

KDD’s Vigo é un grupo creado por iniciativa dun dos seus membros no portal de Internet flickr, fai pouco máis dun ano. Trátase dun grupo sen ánimo de lucro co único obxectivo de unir a fotógrafos de Vigo e arredores para compartir o gusto pola fotografía. Actualmente contan con máis de 500 membros. Entre as iniciativas do grupo destacan as “kedadas” ou saídas fotográficas, nas cales abarcan distintos campos, dende a fotografía da natureza, paisaxes e urbanas ata a fotografía deportiva, social e festas populares.

A exposición que presentan é unha selección de 32 fotografías a cor e en branco e negro, de 32 autores distintos e de temática variada. 

 

Martes, 1 de marzo de 2011    

Tomiño adica o mes de marzo ao teatro con catro produccións galegas

A Concellaría de Cultura, Educación e Participación Veciñal dedica o mes de marzo ao teatro con catro produccións galegas de renome que se ofrecerán cada sábado do mes. O ciclo abrirase o día 5 coa obra “A Arte de Vivir pola Cara”, a cargo de Os Clocló.

A programación, organizada coa colaboración da Escola Municipal de Teatro e a Federación Terramiño, continúa o día 12 coa compañía Fulano, Mengano e Citano e a súa proposta “Viva a Crise”. O sábado 19 será o grupo  Produccións Contrabutaca, quen suba ao escenario coa obra “Frantasmas”.

Pechará o mes de teatro o día 26, Atrezo Teatro con “Os Vellos non deben Namorarse”.

A Concellería de Cultura salientou unha vez máis a calidade dos actores e das obras que se van a representar durante esta terceira edición do mes do teatro en Tomiño, “todas elas cunha coidada posta en escena que seguro que responderá ao público máis esixente e nos fará pasar a todos uns momentos moi agradables”.

Todas as actuacións terán lugar no Auditorio Municipal de Goián ás nove da noite.

 

O concello de Tomiño iniciou a ultima fase de rehabilitación da Escola Unión del Porvenir

O pasado mércores foron iniciadas as obras da segunda e última fase de rehabilitación da antiga escola indiana Unión del Porvenir situada entre as parroquias tomiñesas de Taborda e Piñeiro.

Esta actuación conta cun orzamento de máis de 200.000 euros financiados integramente con fondos municipais e está destinada ao acondicionamento interior da edificación: instalación eléctrica, fontanería, calefacción, pintura, etc. Ademais, acometeranse obras de urbanización da parcela dotándoa de accesos, zonas axardinadas e área de aparcamento.

Segundo as previsións estes traballos estarán rematados nun prazo de dous meses culminando así o proceso de rehabilitación iniciado na primeira fase mediante un obradoiro de emprego no que participaron 25 persoas e no que foran investidos 650.000 euros.

O edificio rehabilitado ten dúas plantas e unha terraza. A planta baixa alberga unha cafetería, oficina e ascensor. Na planta alta haberá unha sala de usos múltiples, sala de ordenadores e almacén. Pola súa banda, a parte da ampliación construída recentemente está destinada a servizos e varios locais para uso das asociacións veciñais e culturais de ambas parroquias.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o Concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, visitaron este venres a antiga escola e comprobaron o estado das obras. A rexedora manifestou a súa satisfacción pola continuación dos traballos e sinalou que "estamos orgullosos por termos recuperado un dos edificios máis emblemáticos de Tomiño, que ata hai pouco tempo estaba practicamente en ruínas e que moi en breve estará a disposición de todos os veciños e veciñas para usos sociais e culturais."

Pola súa banda Uxío Benitez destacou que "esta proxecto na Unión do Porvenir é un exemplo máis do compromiso e sensibilidade mostrados por este goberno local na recuperación e posta en valor dos nosos espazos públicos e do noso patrimonio histórico".
    A escola Unión del Porvenir, construída no ano 1933, foi un importante centro educativo promovido e financiado por unha sociedade de emigrantes tomiñeses instalados en Nova York.

O seu obxectivo era o de mellorar as condicións educativas dos nenos e nenas destas parroquias poñendo en marcha para iso un sistema de ensino novidoso e unhas instalacións e materiais modernos.