www.galiciasuroeste.info

Emilia Álvarez Sobrino

   

Por Agustín Ferreira Lorenzo

agfelo@terra.es

  

anterior        portada

 

Alá polo ano 1951, Mila, con 22 anos, empezou a traballar no Centro Sanitario ao ser chamada por D. Ermelindo Portela, o médico, que a coñecía ben porque eran veciños. Un día, D. Ermelindo díxolle que necesitaban unha persoa para a Gota de leche (2), no Centro de Alimentación Infantil, ofrecéndolle ese posto a Mila. Lembra con agarimo que “aquilo foi unha experiencia moi bonita para min, porque cando tes poucos anos, tes moitas ilusións e a min o que me encantaba era iso. Logo non pensaba en min, senón nos demais e aí atopei un campo no que podía dedicarme de verdade. Cando mandaban un tratamento de inxeccións ían alí, ao Centro Sanitario, antes non había practicantes nin nada, sabiamos facer catro cousas e alá íamos. Traballábamos pola mañá. Para Mila aquela foi unha das súas mellores etapas, entón pensaba que aquilo fora o mellor que fixera na vida.

 

O meu era de asistencia infantil, era dos muciños, pesalos. Un día fun pesar un muciño e, ao sacarlle a mantiña, cáelle unha cabeza de allos, a muller quedou... Cando viñeron os americanos, colaboraron moito, trouxeron medicamentos, chegaron cunhas bufanddas que eran dos soldados, beis, ou caqui, cosiámolas para facer de dúas unha para envolver aos muciños e se alguén necesitaba unha mantiña dábamoslla.

 

Dr. Emilio Rolán Mosquera, excelente médico que tiña consulta en Vigo. Durante un tempo estivo tamén desenvolvendo o seu labor de pediatra no Centro Sanitario da Guarda. (Foto Antón Ferreira)

 

Atopar un emprego naqueles anos non era cousa doada, polo que, diante de tan grande oportunidade, aceptou. Deste xeito, traballou no Centro Sanitario ata o ano 1958, na Gota de Leche, promovida pola Falange, sendo o director Xeral, que estaba en Pontevedra, o doutor Huesa. Don Ermelindo, era o director do Centro, ademais de médico de infancia. Houbo unha tempada que estivo tamén, como puericultor, o Dr. Emilio Rolán Mosquera, fillo de Margarita Mosquera. Entre o persoal que había estaba a señorita Rosario, irmá de D. Agustín Nandín, que era a encargada do almacén. Había un almacén de alimentos e un almacén de medicamentos, todo iso a cargo da Falange. A chamada Gota de leche consistía na subministración diaria de leite destinado aos nenos e nenas de menos de dous anos. O Centro dispuña dun autoclave. O leite embotellábase e, de seguido, colocábanse unhas chapas nas botellas para pechalas. A continuación se esterilizaban. O leite procedía das vacas que había na vila e arredores. Moitas nais enviaban aos seus fillos maiores ao Centro sanitario a buscar tan prezado líquido. A fame era tan grande que moitos destes nenos sucumbían á tentación, sacaban a chapa como podían e bebían un pouco da botella.

 

======================

 

Centro Sanitario nunha postal de finais da década dos corenta do século pasado. Aquí exerceo Mila como axudante de enfermería. Ao fronte do persoal sanitario achábase D. Ermelindo Portela

 

Para preparar o leite que se ía dispensar, estaban tres persoas: Lola a Cipilleira, Margarita (casada cun de Camposancos) e Fina a Chispa. Mª Luz, a muller de D. Ermelindo, era a enfermeira titular que había no Centro. Mila foi nomeada enfermeira visitadora interina, porque non era enfermeira titulada. Recibía un bo soldo naquela: 200 pesetas ao mes, asinando a correspondente nómina. Nese traballo todos os compoñentes formaban un grande equipo, onde había moita unión e colaboración. A xornada comezaba ás dez da mañá e remataba á unha da tarde. Ademais da Gota de leche, unha vez ao mes, dábaselles o racionamento consistente en galletas, fariña, arroz e algunha que outra cousiña máis, todo de primeira necesidade, sempre comestibles e moitas fariñas especiais para as papillas dos cativos. A maior parte destes produtos estaban destinados á xente da Mariña, pois naquela había moita fame entre as persoas deste barrio. Lembra Mila “que non había Seguridade Social”. Na mesma consulta do médico se lle daban as medicinas para os muciños (neniños). A finais da década dos cincuenta, a Gota de leche empezou a ir a menos. A decadencia trouxo unha redución do persoal para encher o leite, en vez de tres persoas deixaron unha. Logo tocoulle a Mila. Así que desempeñou o posto de visitadora enfermeira por espazo de seis anos, ata 1958. Lembra Mila que, tras este cese, o porteiro que era listo como unha ardilla, díxome: “señorita, no tenga pena que tiene seis años cotizados y esto le sirve para una jubilación“, porque entón era necesario ter cinco anos cotizados para ter dereito á xubilación. Pero Mila non marchou do Centro Sanitario, porque alí seguían necesitando dos seus servizos. Unicamente cambiou a súa situación, sacárona de persoal, pero ela, como estaba contenta naquel traballo, aceptou continuar alí. Seguía cobrando o soldo aínda que agora lle sacaban un tanto para o seguro. Pero non só se dedicaba á Gota de leche, senón que tamén se ocupaba dos tuberculosos, “sen medo ningún a contaxios, nin nada”. Os tuberculosos estaban no mesmo centro, pero noutra zona. Era consulta de Tisioloxía sendo o xefe da mesma D. Ermelindo. A Mila gustáballe estar cos enfermos, “nacín para iso”. Sentíase feliz vendo como eses enfermos cambiaban de aspecto cando recibían ánimos, deixando a tristura de lado. Lembra un caso curioso: “un home deume tanta pena que tratei de darlle ánimos, conseguindo que viñera a poñer as correspondentes inxeccións. Decateime que sempre andaba detrás de min, e un día dinme conta e pensei, este xa non ven polo pinchazo, este busca outra cousa. O porteiro, que era como unha chispa dixo, “yo no sé lo que va a pasar aquí“, e dígolle eu: non, non, non pasa nada. Así que, con moito disimulo, tiven que ir deixándoo de lado”.

 

D. Ermelindo Portela, un dos médicos máis apreciados da Guarda, desenvolveu parte do seu labor no Centro Sanitario guardés. (Foto Antón Ferreira Lorenzo)

 

=====================

 

1/ Juan; 2/ Serafín; 3/ Milagros (muller de Silverio); 4/ Silverio; 5/ Sindo; 6/ Chita (muller de Sindo); 7/ Concha; 8/ O home de Cocha; 10/ Mila; 11/ Doro; 12/ Tío Isidoro; 13/ Tía Erundina; 14/ Emilia, os demais son netos

 

Anos despois, cando deixou o Centro Sanitario, comprou unha máquina de texer e pasou a traballar na casa uns poucos de anos. Enfermou de cancro e tivo que deixar o traballo. Pero non podía cobrar a xubilación anticipada, xa que non tiña os anos suficientes cotizados. Así que, a pesares da súa pouca saúde, tivo que buscar traballo colocándose na Confitería Estévez, que levaban os seus irmáns Silverio e Juan, onde estaba como autónoma. Pero por este réxime non conseguiu a tan necesaria xubilación anticipada senón que a conseguiu polo seu traballo no Centro Sanitario. Conseguir a tan ansiada xubilación tivo o seu aquel porque houbo que revolver nos arquivos que había en Pontevedra. Un arquivo que estaba esnaquizado e no que se dicía que xa non había absolutamente nada. Case por casualidade, no que quedaba daquela Falanxe, unha sobriña atopou os papeis que necesitaba. Mila lembra: “A xubilación anticipada conseguina así, porque cada ano de antes dos sesenta equivalían a dous, así que eu tiña doce anos cotizados”.

 

Despois da última longa conversa, díxenlle que lle ía sacar unhas fotos, “pero mira, así, sen peinarme, nin nada? Así, non se preocupe, está perfecta. E, tralas fotos, demos por rematada a sesión.

 

 

 (2) A gota de leche era un servicio de beneficencia social que tiña como obxectivo combater a elevada mortalidade dos lactantes. A orixe hai que buscala en Francia. Nalgunhas cidades a gota de leche tivo seu inicio a principios do século XX. Nas pequenas vilas a súa chegada foi algo máis tardía. Posiblemente algunhas décadas máis tarde. A gota de leche, tamén provía de medicamentos e alimentos aos nenos máis necesitados (pobres e/ou enfermos). O leite de vaca desnatábase e esterilizábase.

 

anterior        portada

Agustín Ferreira Lorenzo