PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CASINO DE CAMPOSANCOS

DCONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

*

 

DOS NAUFRAXIOS RELACIONADOS CA VILA GUARDESA.

Por José A. Uris Guisantes

 

O 14 de novembro de 1905 naufragou á altura da costa do mar da Guarda, xusto fronte a LAXE DO CAN, lugar preto da cetaria dos irmáns Troncoso González, un Buque  Mercante (dicían vapor Mercante porque as máquinas eran movidas a vapor).

Esta cetaria foi moitos anos máis tarde propiedade de don José Sobrino Arias “don Pepe o médico”. Hoxe podemos ver o edificio de pedra bastante ben conservado e dúas cetarias, unha a man esquerda da Laxe do can e outra mais baixa ó norte do edificio.

O buque levaba o nome de PORT – DARWIN matriculado en Londres con 21 tripulantes ao mando do capitán Míster JONNES TOB.

Despois do naufraxio en plena noite lograron salvarse nun pequeno bote que levaban a bordo, despois de grandes penalidades debido ao mal tempo, deron  chegado por seus propios medios ao Porto Guardés sobre as dúas da mañanciña, feridos, moi cansos e case que totalmente espidos.

Tan pronto o barrio da Marina tivo coñecemento do triste e lamentable suceso, familias enteiras fixéronse cargo dos náufragos abrigándoos con mantas, roupas, alimentos quentes, fregas de augardente, etc. Os nosos mariñeiros daquel ano 1905 consideraron – é aínda hoxe consideran – non soamente un deber, baixo o punto de vista legal de auxiliar a náufragos, senón  como sentimento colectivo de axuda, caridade e solidariedade durante os días nos que tardaron en ser enviados aos seus pobos.

Engadir que familias “da Vila” sumáronse  para axudar ao barrio da Marina.

Informado o Alcalde Presidente don Agustin Sobrino Vicente  na mañá do día 15, ordena que se poñan a disposición dos náufragos todo aquilo que fixera mester, entrando en contacto co Consulado Inglés en Vigo.

Inmediatamente na Sesión Supletoria da Corporación Municipal o Alcalde dá conta de todo acontecido ata aquel mesmo momento, e a Corporación por unanimidade  aproba e aplaude a actividade e comportamento do Sr. Alcalde e autoriza para que dende o Concello se siga axudando “de la manera más absoluta, prestando auxilio a tanto infortunio, mientras permanezcan en esta población” 

Na sesión Ordinaria do 20 de novembro deuse conta dos gastos tidos con motivo das axudas aos náufragos do buque Port – Darwin que ascendían a 1.563,40 pesetas.

Gastos que serían “sufragados” polo representante do Cónsul Inglés en Vigo. Nos anos setenta investigadores de “pecios” tentaron baixar para comproba-la carga que en 1905 transportaba o buque inglés pero non sabemos cales foron os resultados.... 

A Corporación Municipal nesas datas a formaba:

Alcalde: D. Agustín Sobrino Vicente

1º Tte. Alcalde: Manuel Álvarez Morales

2º Tte. Alcalde: Juan Vicente

Rexedores - Concelleiros:

Juan Domínguez Troncoso; Francisco Rodríguez; Francisco Álvarez Vicente; José Manuel Portela Portela; Vicente Troncoso; Severiano Martínez Núñez (nestas datas era o presidente da Banda de Música Popular de A Guarda); e Ricardo González Cividanes.

Fontes: Arquivo Municipal de A Guarda.

OUTRO NAUFRAXIO NO FATÍDICO ANO DE 1905 NA VILA DA GUARDA

por José A. Uris Guisantes

Digo Fatídico porque cando os mariñeiros guardeses comezaban a facer boas mareas no Cantil ou Beiril coas volantas, chegan os BOUS e PARELLAS francesas e inglesas arrasando as redes dos guardeses con enormes perdas para as economías daquela época.

Fatídico porque viña de naufragar nas pedras de Laxe de Can (ou Laxe do Can) o buque mercante inglés PORT DARWIN, salvándose os 21 tripulantes.

Este suceso como xa explicamos en galiciasuroeste.info tivo lugar o día 14 daquel mes de novembro, continuando as desgracias catro días mais tarde (18-11-1905) cando tivo lugar outro naufraxio con víctimas guardesas...

O naufraxio do barco de pesca SANTA MARÍA tivo lugar na costa portuguesa no sábado 18 de novembro, falecendo os cinco tripulantes do pesqueiro, nin que dicir ten que o suceso causou enorme tristeza e profunda dor no barrio da Marina e en toda a vila guardesa, veciños e veciñas –como sempre o demostraron ó longo dos anos– foron solidarios coas familias que perderan seus achegados como veremos.

Os tripulantes eran:

Manuel Gómez, deixaba viúva e SETE fillos menores de idade.

Paulino Pena, que deixaba viúva e DOUS fillos.

Antonio Martínez que deixaba viúva sen fillos.

Angel Velasco, que deixaba viúva sen fillos.

José Manuel González, que deixaba nai maior e irmán solteira.

Non logramos atopar por ningures o segundo apelido destes mariñeiros guardeses afogados.

A comezo do século XX as comunicacións entre os distintos pobos galegos eran moi precarias, apenas comezaba o telégrafo nalgunhas cidades: as estradas eran pésimas e non digamos as comunicacións con Portugal. Lembremos que na Guarda a penas dispoñían de luz eléctrica a meirande parte dos fogares, pese a que fora inaugurada en 1900.

Pois ben o suceso por vía de noticia oficial do Goberno Portugués chegou á Vila de A Guarda  bastantes días despois, celebrándose o día 27 de novembro/05 unha Sesión Plenaria da Corporación Municipal presidida por don Agustín Sobrino Vicente. 

O Alcalde dá conta á Corporación de “un nuevo suceso tristísimo del que tienen ya conocimiento sus dignos compañeros, que produjo general consternación en esta Villa y especialmente en el infortunado barrio de La Marina, sobre cuyos habitantes viene cebándose implacable hace tiempo el destino fatal de la adversidad...”

A Corporación aproba unha subvención de 500 pesetas, provinte dos fondos municipais, para que, “sirva de lenitivo a tantos seres infortunados. Si no quedan fondos suficientes en los Capítulos 2º,5º y 11º del Presupuesto Municipal que se solicite del Excmo Sr. Gobernador Civil una transferencia en el Presupuesto que rige, por la urgencia del caso y que ordenase a los Regidores don Juan Domínguez Troncoso y don Vicente Troncoso González visitar en Comisión a las familias acomodadas de la localidad, implorando un óbolo a favor de las viúdas e hijos de los mencionados naúfragos”.

A Comisión Municipal creada para a atención das familias dos náufragos dá conta das xestións a Corporación na Sesión do 4 decembro 1905:

NÁUFRAGOS - SUBSCRICIÓN.-

Los Sres. Regidores don Juan Domínguez y don Vicente Troncoso González y don Juan Domínguez Troncoso en Comisión solicitaron el auxilio del Sr. Abad don Francisco Javier Pimentel Chapela, el cual con una expontaneidad digna de los mayores elogios, tuvo la bondad de acompañarles, habiéndose recaudado con el valioso concurso de tan digno párroco la suma de 710,50 pesetas que se distribuyeron inmediatamente.

El reparto de las 500 pesetas municipales fue:

A la viúda y los 7 hijos del difunto Manuel Gómez 195 pesetas.

A la viúda y 2 hijos de Paulino Pena 130 pesetas.

A la viúda sin hijos de Angel Velasco 75 pesetas.

A la viúda sin hijos de Antonio Martínez 50 pesetas.

A la madre y hermana soltera de José Manuel González 50 pesetas.

Non atopei nada máis sobre este suceso, tampouco sabemos se todo quedou así coas 500 pesetas como axuda, ou  máis tarde as familias dos naúfragos recibiron, pero atendendo as noticias que temos daquela, parécenos que como se di na Marina “tiveron que safarse como poideron...” .

Funeral polo naufraxio  da gamela “Claro de Luna” ano de 1947

A Confraría de Pescadores SANTA TECLA de A Guarda o 16 de xaneiro de 1947 invitaba ás autoridades locais á asistir ao funeral que se celebraría no día 18 (a las 11 horas) na igrexa parroquial “por el eterno descanso de los pescadores víctimas en el naufragio de la embarcación gamela CLARO DE LUNA de este puerto”.

Eran os mariñeiros os irmáns:

JOAQUIN MARTÍNEZ LOMBA e  JOSÉ MARTÍNEZ LOMBA

“Para tan religioso acto se reunirán a las 10.30 de la mañana las demás Autoridades en la Ayudantía Militar de Marina de este Puerto, Plaza de España”.

“A la salida del funeral, tendrá lugar en el local de la Escuela Elemental de Pesca de este Puerto, Avda. Calvo Sotelo (hoxe Rúa do Porto), la entrega de una gratificación graciable a los ancianos padres de estos pescadores fallecidos que el Instituto Social de la Marina y por conducto de la delegación Local de Accidentes de Mar y Trabajo les ha concedido”.

El Patrón Mayor: Francisco Moreno.

Este Francisco Moreno Álvarez, popularmente “Paco Moreno” era  armador, presidente do Club Deportivo Guardés e durante vinte días foi Alcalde de A Guarda na guerra civil. Foi dirixente da Unión Patriótica Local, unha agrupación de dereitas creada durante a dictadura do xeneral don Miguel Primo de Rivera y Orbaneja, marqués de Estella, da que formou arte o Alcalde (seu tío) don Manuel Álvarez Vicente. Esta Unión Patriótica reuníase durante a IIª República no castelo de Santa Cruz. Paco Moreno chegou a ser tamén – entre outros cargos – vice cónsul de Portugal na Guarda.

 

José a. Uris Guisantes