Sábado, 31 de outubro de 2009 La Marcha Mundial por la Paz y la No Violencia llega a Tui el 3 de noviembre El pasado 2 de octubre, miles de personas y organizaciones celebraron en todo el mundo el comienzo de La Marcha Mundial por la Paz y la No Violencia que durante tres meses recorrerá más de 100 países de los 5 continentes pidiendo el desarme nuclear, el cese de las guerras y la desaparición de toda forma de violencia. La “Marcha” llegará a Tui-Valença el 3 de noviembre, una oportunidad, dicen desde la organización de la comarca, que quieren aprovechar para seguir el hermanamiento con sus vecinos de Portugal, siendo los niños la mejor posibilidad para el encuentro, por lo que trabajan con los centros escolares de las dos márgenes del río Miño para conseguir reunir a los escolares en un acto simbólico en el Puente Internacional. El martes, día 3, a las 11.00h, llegará el equipo base del trayecto Galego-Portugués de la Marcha Mundial por la Paz y la No-Violencia que se dirige a Portugal y a las 11.30 en la Antigua Aduana de Valença tendrá lugar un acto con la participación de los colegios y autoridades locales de ambas ciudades mientras suena la “Gaita Peregrina”, símbolo de la esperanza y la lucha del pueblo gallego, que llegará hasta el final de esta Marcha en Argentina, y se hará sentir allí por donde pase esta iniciativa.
Segundo Serán en Rebordáns O Centro Cultural San Fins de Rebordáns celebra hoxe sábado o seu segundo Serán con música tradicional galega. Terán chourizos e viño gratis. Comezará ás 21.30h.
A Consellería contestará antes de finais de ano sobre o fondo do PXOM de Tui A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprometeuse a antes de finais de ano dar unha resposta en canto ao fondo do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui. Así o afirmou na quenda de rogos e preguntas do Pleno o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha. Nesa sesión, a preguntas dos grupos da oposición o rexedor tudense informou que este martes recibiron no Concello o Informe favorable da Dirección Xeral de Estradas. Engadía que foron quen de que esta Dirección Xeral entrase a valorar e razonar o PXOM de Tui nos núcleos consolidados nun 50%, un tema que afectaba a parroquias coma Guillarei, Randufe ou Caldelas. Precisamente Fernández Rocha indicaba que a próxima semana tentará reunirse coa Directora Xeral de Urbanismo, Encarna Rivas, para estudar a tramitación do PXOM, ao que agora lle resta só por contar co informe favorable de Patrimonio. Neste senso indicaba o mandatario municipal que hai tres semanas reuniuse cos Conselleiros de Urbanismo, Cultura e Presidencia pola alegación que dende o Concello se presentou ao novo informe feito por Cultura, no que se incluían novas zonas de protección coma ao Camiño de Santiago. No parecer do rexedor tudense este departamento da Xunta tería que limitarse a contestar sobre a zona verde de protección do entorno dunha mámoa. Nesa mesma quenda de rogos e preguntas onde PSOE e TUI interpelaron en primeiro lugar ao Alcalde sobre o PXOM, dende Acción Tudense o seu voceiro, Miguel Capón opinaba que á reunión coa Directora Xeral de Urbanismo o mandatario Municipal debía ir acompañado dun representante de cada grupo político. Explicaba esta petición indicando que “é o momento en que se Xunta sinta a presión de toda a corporación” engadindo que “todos os grupos municipais queremos que contesten dunha vez ao Plan e o aproben total ou parcialmente”. Precisamente do PXOM, segundo explicaba Fernández Rocha, dependen dúas grandes obras pendentes en Tui coma é o aparcamento soterrado ou a apertura da rúa Ourense. O Alcalde informou tamén, respostando ao Partido Socialistas, que se está a redactar nestes momentos por unha empresa da Coruña o proxecto do novo Centro de Saúde que suporá un investimento de 3 millóns de euros, e cuxas obras deben comezar en 2010. Tamén indicou que o ano que vén haberá unha partida orzamentaria para construír o Centro de Día en Tui, agardando tamén poder iniciar as obras dunha escola infantil. Outro tema que saíu a colación na quenda de rogos e preguntas foron as obras de humanización na rúa Lugo que comezaron hai uns días. Dende o PSOE, Manuel Freiría, sinalaba que están “decepcionados e cabreados e que non lles parece propio da época na que estamos o mal gasto que se está a facer nesta rúa” explicando que fóra asfaltada hai menos de dous anos. Nese senso Fernández Rocha explicou que o asfaltado deste rúa non foi unha petición do Concello senón que a fixo o Parque Móbil da Deputación, engadindo que para a mesma hai concedida unha subvención polo que a Consellería de Industria financia o 70% da súa humanización.
Mocións do BNGno Pleno de onte Na orde do día da sesión plenaria figura unha moción do BNG sobre o bono social da tarifa eléctrica. Tras prosperar a urxencia e logo do debate foi aprobado por unanimidade instar ao Ministerio de Industria a garantir a extensión a todos os beneficiarios do bono social. Así como solicitar da Consellería de Industria plans de comunicación e información sobre as novidades da tarifa eléctrica e o bono social, e que o Concello facilite a tramitación para pedir a subvención, neste caso referida a aportar o certificado de convivencia ou o de empadroamento. Tamén dende Acción Tudense se propuxo facer un programa na Radio Municipal, en colaboración coa Oficina de Consumo da Xunta, onde se informe das novidades da tarificación eléctrica e do requisitos e procesos para solicitar o bono social.
No Pleno de onte foron presentadas catro mocións por parte do Bloque
Nacionalista Galego. A primeira delas da que prosperou a urxencia, e foi
aprobada por unanimidade a corporación insta á Xunta a desenvolver a Lei
contra a Violencia de Xénero que quedou parada. Nas outras mocións que
irán a comisión para o seu estudo propóñense unha serie de medidas para
mellorar o financiamento dos concellos, os criterios a ter en conta para
distribuír os cartos do novo Plan E, e outra sobre o novo hospital de
Vigo. A corporación de Tui recoñece aos deportistas tudenses con éxitos internacionais na última temporada A corporación municipal de Tui acordou por unanimidade recoñecer a aqueles deportistas tudenses que na pasada temporada teñen logrado un título a nivel internacional. Nun acto, nunha data a determinar, seralles entregada unha medalla conmemorativas xunto a unha dotación económica. Os galardoados son: Manuel Garrido Barbosa pola medalla de ouro no Campionato do Mundo de Piragüismo na modalidade de maratón en c1 sub-23. Tamén logrou o Campionato de Europa na mesma modalidade. Recibirá placa conmemorativa e mil euros Nuria Domínguez Asensio pola medalla de ouro en remo Skiff feminino nos XVI Xogos do Mediterráneo. Recibirá placa conmemorativa e mil euros.
Amais outorgaráselle placa conmemorativa e 500 euros a : Roberto Rodríguez Lechuga medalla de ouro en k4 sub-23 no Campionato de Europa de Piragüismo Adrián González Fernández, medalla de ouro no Campionato de Europa de Maratón de Piragüismo en c2 junior.
A corporación acordou tamén facer entrega dunha placa conmemorativa en
recoñecemento ao seu traballo ás entidades deportivas Club Remo do Miño,
Club Kaiak Tudense e Club Di-Som Tui. Modificada a ordenanza do ICIO para que as bonificación da ARI poidan ser presentadas sen límite de prazo A corporación municipal de Tui acordou por unanimidade modificar o artigo 7.3 da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras, ICIO, para que a solicitude de bonificación non teña que facerse no intre de solicitar a licenza. Isto provocaba até o de agora que se a persoa que presentaba a licenza non coñecía que podía optar á bonificación do 50% do ICIO no momento de rexistrala no Concello, non podía presentar a solicitude de bonificación máis tarde. Deste xeito coa modificación aprobada no momento de conceder a licenza de obra por parte do Concello informaráselles a aquelas persoas con obras no Conxunto Histórico que poden obter o 50% de bonificación no ICIO, pudendo solicitalo. Precisamente en relación con este asunto o pleno aprobou onte a bonificación do imposto en catro obras que se están a executar no Conxunto Histórico.
Retirada do voceiro do BNG Ao comezo do pleno o voceiro do BNG, Laureano Alonso, solicitou do Alcalde que pedira desculpas polo acontecido ao remate do último pleno ordinario porque de non ser así dixo “non poderei sentar aquí”. Fernández Rocha respondeulle que “sei o que teño que facer” e non pediu desculpas, polo que o voceiro do BNG se retirou da sesión.
Venres, 30 de outubro de 2009 Sanidade arranxará os canalóns e o tellado do Centro de Saúde de Tui A dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde destinará algo máis de 70 mil euros no que resta deste ano á Xerencia de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo para acometer melloras nos centros de saúde desta área. Serán obxecto desta actuación un total de 17 ambulatorios entre eles o de Tui. Na cidade vanse arranxar os canalóns e o tellado do Centro de Saúde, segundo teñen confirmado dende Sanidade.
O profesor Alonso Montero presenta o seu libro “Cartas de republicanos galegos condenados a mortes” nas xornadas organizadas por Levada Libre Ás sete e media desta tarde continúan no Museo Municipal en Santo Domingo as xornadas sobre a Recuperación da Memoria Histórica organizadas por Levada Libre. Intervirá en primeiro lugar o profesor Xesús Alonso Montero presentado o seu libro “Cartas de republicanos galegos condenados a morte”. No mesmo recolle as cartas de 120 presos republicanos condenado a morte entre 1936 e 1940. Ás 20.30h haberá un recital a cargo da trobadora Laura, para render despois homenaxe a Adelina Fernández Rodríguez quen prestou axuda a un preso do Campo de Concentración de Camposacos, Luís Terri, con que se reencontrou 50 anos despois.
A historia de Adelina Fernández e o preso Luís Terri Adelina Fernández era unha moza o 5 de xaneiro de 1939. Aquela data subiu a Tui a buscar carne. Achegouse até a praza, onde daquela había que coller número e lle deron un moi alto polo que se decidiu a dar unha volta até a parada de autobús, xunto coa súa amiga Oliva. Alí atopáronse cun grupo de presos cheos de frío, e Adelina que aquel día ía moi abrigada decidiu darlle o seu xersei, aínda que fose pequeno a un deles. O preso chamábase Luís Terri e lle pediu a Adelina o seu enderezo para poder escribirlle. Unhas cartas que comezaría a redactar o día seguinte xa dende a prisión de Deusto en Bilbao. Durante oito anos, ata 1947 as misivas foron nun e noutro sentido mantendo en contacto a estas dous persoas que se atoparon unha fría mañá de xaneiro. A familia de Adelina incluso elaboraba un pequeno paquete con comida que lle enviaba ao preso, aínda que nunca chegara as súas mans. Logo de Bilbao Luís Terri pasou á Cárcere Modelo de Barcelona, e estivo tamén no campo de Marrocos facendo traballos forzosos. Aí pérdese o contacto entre os dous en 1947 cunha última carta onde o preso explica que esta enfermo. Aínda que Adelina respondeu as súas cartas viñan sempre de volta polo que tanto ela coma a súa familia pensaban o peor. Cincuenta anos máis tarde de ter perdido todo o contacto, Adelina regresou unha tarde á casa e atopouse na rúa cun señor acompañado dunha muller ben vestida buscando alguén. Cal sería a súa sorpresa, xa que aquel era Luis Terri. Logo dese encontro mantiveron o contacto e Luis Terri envioulle un cadro e un colgante coma agasallo a Adelina. Esta tamén o visitou en Barcelona.
Xoves, 29 de outubro de 2009
Hoxe comezan as Xornadas sobre a Recuperación da Memoria Histórica en Tui O Museo Municipal de Tui, no antigo Convento de Santo Domingo, vai acoller hoxe, o xoves, e mañá, venres, ás Xornadas sobre a Recuperación da Memoria Histórica organizadas polo colectivo Levada Libre. Este ano estas xornadas céntranse na recuperación do busto de Sócrates que había na cidade, e unha homenaxe ao profesor Benito Prieto Coussent, que foi precisamente o autor desta escultura. Os actos comezarán 19.30h coa presentación das xornadas e do proxecto de restitución do busto de Sócrates, que exporá Manuel Vázquez de la Cruz. Trátase de recuperar esta escultura obra de Prieto Coussent inaugurada en abril de 1936, pero tras ser enchida primeiro de alcatrán foi logo tirada ao río. O busto estaba nos xardíns tudenses na coñecida daquela coma Avenida do Instituto simbolizando “Paz, pensamento, solidariedade e liberdade”. O obxectivo é volver colocalo no seu primitivo emprazamento. Logo desta presentación Alicia Carballal falará de “O encontro de Sócrates e Benito Prieto Coussent”. Ás 20 horas proxectarase un documental sobre a visita do profesor e artista a Tui en 1997 onde se reencontrou con algúns antigos alumnos. Posteriormente Manuel Martínez, galerista tudense, abordará a relación de “Tui e Benito Prieto Coussent”. Na presentación destas xornadas, Manuel Martínez avanzaba que pese a súa relevancia este artista é hoxe un descoñecido en Galicia. Natural de Ribadeo chegou a Tui a dar clases no instituto en tempo da República, e rematou despois os seus días en Granada. O venres ás 19.30h abrirá o programa previsto o profesor Xesús Alonso Montero presentado o seu libro “Cartas de republicanos galegos condenados a morte”. No mesmo recolle as cartas de 120 presos republicanos condenado a morte entre 1936 e 1940. Esta intervención dedicaralla a Manuel Estévez Gómez, un dos presos, neste caso tudense, de quen recolle a carta. Acto seguido haberá un coloquio. Ás 20.30 horas haberá un recital a cargo da trobadora Laura, para render despois homenaxe a Adelina Fernández Rodríguez quen prestou axuda a un preso do Campo de Concentración de Camposancos, Luís Terri, con que se reencontrou 50 anos despois. Será presentado por Alberto Estévez Piña. Ás 21h terá lugar a clausura das xornadas e a Ofrenda floral e lectura de poemas no monumento aos Represaliados do 36 na Alameda.
Unha emenda dos deputados socialistas Piña e Estrada dota de 500 mil euros a senda fluvial Camposancos-Tui-SalvaterraUna emenda presentada polos deputados socialistas pontevedreses Luís Gómez Piña e Marta Estrada dotará de 500.000 euros á Senda Fluvial Camposancos-Tui-Salvaterra nos Orzamentos Xerais do Estado de 2010. Piña e Estrada destacan que “esta emenda permitirá dar continuidade á construción desta senda que discorrerá polas ribeiras do río Miño ao seu paso polos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda e Salvaterra”. Precisamente recordan que esta actuación arrincou no pasado exercicio orzamentario grazas tamén á emenda de 150.000 euros que os deputados socialistas pontevedreses presentaron aos Orzamentos Xerais do Estado 2009. Aquela emenda -sinalan- permitiu a definición do estudo informativo e a redacción do proxecto construtivo desta actuación que consiste na construción dunha senda peonil e un carril específico para bicicletas. “Agora -inciden- a nova emenda socialista permitirá impulsar a construción desta senda que dá continuidade á actuación que se realiza no bordo litoral do Monte Trega na Guarda”. Piña e Estrada afirman que “esta actuación significa unha importante achega como elemento de dinamización turística do Baixo Miño, dado que contribúe a pór en valor o rico patrimonio natural e paisaxístico desta zona”. Ademais, consideran que “esta senda contribuirá a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns aos que lles procurará a posibilidade dun maior goce do río e da contorna”.
Aprazadas as obras de ampliación da mediana da A-55 trala oposición veciñal As obras de ampliación da mediana da A-55 que deixarían pechado o principal acceso ao barrio de Albelos en Guillarei non comezarán polo momento. Así foi comunicado esta mañá aos veciños dando conta de que os traballo quedan paralizados en tanto se crea e se reúne unha mesa de traballo que buscará unha solución axeitada coas menores afeccións posibles. Así o explicaba o Presidente da Asociación de Veciños de Guillarei, José Ferreira, na Radio Municipal de Tui. Dende o colectivo veciñal valoraban positivamente esta noticia, xa que temían que a presenza de novo da empresa entre hoxe e mañá puidese provocar un novo enfrontamento coma o do pasado xoves. Precisamente tralos feitos do xoves pasado, cando os veciños impediron ás once da noite o comezo das obras, a empresa adxudicataria parece que presentou unha denuncia contra os veciños a nome do Vicepresidente da Asociación de Veciños. De todos os xeitos non están demasiado preocupados por esta cuestión, porque o que reclaman opinan que non ten moito sentido, sobre todo na reclamación de danos no material de obra, ao que non tocaron. A partir de agora terán unha reunión a tres bandas entre a Alcaldía, o Xefe Provincial de Estradas, e a Asociación de Veciños para buscar un consenso para que a saída quede definida tanto para os vehículos que empregan a A-55 coma para os veciños. A solución máis viable sería que a saída e a estrada da acceso ao barrio pase a ser de titularidade municipal, co que será entón cando se determine as actuacións a realizar. Apostan polo proxecto inicial que contemplaba tres isletas que regularía o tráfico tanto cara a autovía coma cara ao barrio, con prioridade nos acceso para os veciños, tamén se podería solucionar cunha rotonda. Os veciños agardan que o compromiso do Xefe Provincial de buscar unha saída consensuada se leve a cabo.
Concerto na Viñoteca de García A Viñoteca de García ofrece hoxe un novo concerto. Comezará ás 21.30h. Correrá a cargo do Cuarteto formado por Max Gómez, batería, Juansi Santomé, contrabaixo, Virxilio da Silva, Guitarra, e Rosolino Marinello, saxo.
O Grupo de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade Intermunicipal de Vigo e Baixo Miño socio dun importante proxecto de cooperación europeo de retorno dos xóvenes ao rural Hoxe ás 12h terá lugar no Concello de Barbadás (Ourense) a firma do protocolo de adhesión da Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural 18-da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e Baixo Miño (AGDR18) ao Proxecto de Cooperación Interterritorial “Retorno Rural”(RETRU), financiado con fondos do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino e da Unión Europea. Neste proxecto participan grupos de desenvolvemento rural de Galicia, Asturias, Albacete, e Cáceres. Esta importante iniciativa pretende fomentar o retorno da poboación xoven aos seus lugares de orixe, ó rural, facilitándolles formación especializada e acceso ao emprego a través de novas formas de explotación, xeradoras de riqueza para as zonas afectadas.. Os medios a empregar para acadar estes obxectivos pasarán pola creación de bancos de traballo colaborativos e de emprego, a formación “in company” en zonas de éxito, na creación dun curriculum vitae de competencias rurais e de BOLRURAL, una bolsa de traballo con curriculums especializados, a convocatoria de foros de reunión e divulgación e a creación dunha rede social que fomente a relación entre os GDR e á que se vai dotar de multitude de recursos propios a disposición de todos os usuarios. A dotación presupostaria para este ano é de 270.000 euros que se distribuirán entre a investigación de novas explotacións, posibilidades de negocio e de futuro nas zonas rurais e experiencias in-company e na creación dunha páxina web onde se recolla a evolución do proxecto e os resultados acadados. Para este estudo previo contamos coa colaboración da Universidade de Vigo.
Mércores, 28 de outubro de 2009 Xornadas sobre a recuperación da memoria histórica No Museo Municipal en Santo Domingo Xoves 29 Ás 19.30h Presentación das xornadas e do proxecto “Restitución do busto de Sócrates” por Manuel Vázquez de la Cruz “O encontro de Sócrates e Benito Prieto Coussent” por Alicia Carballal Fernández ÁS 20h Proxección de documentais sobre a vistia de Coussent a Tui en 1997. Encontro cos seus antigos alumnos Ás 20.30h Conferencia coloquio a cargo do galerista tudense Manuel Martínez “Tui e Benito Prieto Coussent” Ás 21h Coloquio Venres 30 ÁS 19.30h Conferencia de Xesús Alonso Montero sobre o seu libro “Cartas de republicanos galegos condenados a morte”. Presenta Alicia Carballal Ás 20.15h Coloquio Ás 20.30h Recital a cargo da trovadora de Levada Libre Laura Ás 20.45h Homenaxe a Adelina Fernández Rodríguez madriña do prisoneiro do campo de concentración de Camposancos Luis Terri. Entrega dun agarimo. Presenta Alberto Estévez Piña Ás 21h Clausura das xornadas Ofrenda floral e lectura de poemas no monumento aos Represaliados do 36 na Alameda Organiza: Levada Libre
Os veciños de Albelos opóñense a ampliación da mediana da A-55 que pecharía o mellor acceso ao barrio O Ministerio de Fomento ten proxectado ampliar a mediana na A-55 en Guillarei no barrio de Albelos. A execución desta obra privará a este barrio do seu principal acceso obrigando aos veciños a ter que facer un percorrido superior aos dous quilómetros. O proxecto inicial, que foi examinado no seu día tanto polos veciños coma no concello, non contemplaba este corte de comunicación, pero o mesmo foi cambiando sen previo aviso. O pasado xoves ás once da noite, persoal da empresa construtora achegouse até o lugar para comezar as obras, pero os veciños impedíronllo, considerando que non eran horas para proceder e amosando o seu malestar coa incomunicación do barrio. Os veciños o pasado xoves á noite acudiron até lugar para coñecer o obxectivo da empresa que traballa para Fomento para pechar a entrada. Até o lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil e os veciños tentaron dialogar co empresa, xa que o peche facíase de xeito inmediato. Até o lugar, por requirimento dos veciños, achegouse tamén o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e lograron que a empresa pospuxera o comezo das obras. O luns os veciños reuníronse co alcalde no Concello, e remitiron un escrito ao responsable provincial de Estradas solicitando que non autorizase o inicio da obra, ao non deixar aos veciños coñecer o proxecto de execución que non coincide co presentado ao público inicialmente. Opinan que hai solucións máis viables que a que se pretende executar. Os veciños non están dispostos a transixir co proxecto, e de ser preciso paralizarán de novo as obras, demandando que se constrúa o proxecto tal e coma figuraba no proxecto inicial, que consideran é a máis idónea. De pecharse este acceso as entradas que quedarían sería un camiño estreito con acceso dende os semáforos en dirección ao campo de fútbol, e outro onde a dobre circulación é tamén dificultosa.
Actividades na Casa da Xuventude de Tui A Casa da Xuventude continúa a desenvolver a súa programación de outono. No marco da mesma este venres terá lugar un Obradoiro de Foamy pola tarde. Está xa confirmado un mínimo de dez participantes, pero aínda quedan prazas vacantes. Por outra parte en novembro, durante os catro venres de mes terá lugar un curso de risoterapia. Será de 18.30h a 20h. Está aberto o prazo de inscrición. Tamén quedan prazas vacantes no curso de hip-hop para nenos de 12 a 16 anos que comezará o próximo mércores 4 de novembro. Todas estas actividades son gratuítas pero é preciso inscribirse previamente na propia Casa da Xuventude.
Medio Ambiente licita a execución do colector xeral de San Simón, en Tui, achegando un importe de preto de 1 millón de euros O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a licitación da execución do colector xeral de San Simón, no concello de Tui, proxecto xa aprobado no Consello da Xunta do pasado 1 de outubro. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da colaboración técnico-financeira co concello de Tui, achega o 100% do custo das obras, supoñendo un total de 994.733 euros. Cofinanciado tamén nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Cómpre sinalar que as obras serán executadas nun período de 8 meses, beneficiando a unha poboación de máis de 1.500 habitantes, que tamén serán usuarios da Edar de Guillarei. Actuacións O colector de San Simón recollerá as augas residuais do río Louro que serán conducidas para ser tratadas, posteriormente, na Edar de Guillarei. Así, traballarase nos treitos precisos para a conexión do saneamento da parroquia de Ribadelouro co colector xeral do Louro, completando tamén a conexión das redes de saneamento coa Edar de Guillarei. Ditas actuacións contemplan a execución de 2.002 metros de colector e tres bombeos, situados en Porto de Bouzas, Cotarel e San Simón. A construcción dos colectores obriga a atravesar a estrada PO-342 e o emprego de tubaxes baixo os ríos Louro e San Simón. O último cruza un sendeiro que parte do Camiño Portugués, no treito Tui- Redondela; outro tramo transcorre por unha vía de servizo da AP-9. Os servizos e pavimentos afectados polas obras serán repostos. O Concello de Tui terá que ceder os terreos e auga precisos para a realización do proxecto. Ademais, achegará as autorizacións administrativas necesarias, asumindo tamén a explotación, mantemento e conservación das obras.
Tui acolle hoxe, mércores, unha conferencia informativa sobre esta variedade do virus da gripe na Sala “Félix Rodríguez” A Sala Félix Rodríguez, ubicada no Edificio Área Panorámica, acollerá hoxe unha conferencia informativa sobre a Gripe A, organizada pola Concellería de Servizos Sociais do concello de Tui en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra e a Consellería de Sanidade. A conferencia comezará ás 19.00 horas e será impartida pola doutora Hatda Bello Rodríguez. O obxectivo é dar resposta a aquelas dúbidas que os cidadáns puidesen ter en relación co tema da Gripe A, que está a preocupar á poboación, maiormente coa chegada das baixas temperaturas. O contido do relatorio, dunha hora de duración aproximadamente, versará sobre que é a gripe A, como se contaxia o virus, cales son os síntomas, en que período se pode contaxiar o virus, e cales son os denominados grupos de risco e demais cuestións relacionadas coa doenza.
Martes, 27 de outubro de 2009 PHANTOM convoca un concurso de fotografía co gallo da gravación do seu segundo disco O grupo Phantom Club convoca un concurso de fotografía. A obra gañadora pasará a formar parte do artwork do libreto do novo disco que será gravado o 20 de novembro no Teatro Municipal da Área Panorámica. Este será o segundo disco deste grupo titulado “Muchas noches, buenas gracias”. Na gravación contarán con artistas convidados coma Nillo Nández, de Pacífico, ou os rapeiros Licor Kafé, así coma un músico de nivel internacional que se desvelará poucos días antes do concerto. No concurso poderán participar fotógrafos tanto profesionais coma afeccionados que se deberán inscribir antes do 13 de novembro en contacto@phantomclub.es . O día do Concerto en grupo de catro terán a posibilidade fotografíar dous temas e logo terán de prazo até o día 27 para enviar un máximo de tres fotografías en formato libre e remitidas ao mesmo enderezo de correo electrónico.
Pleno ordinario este xoves ás 20h A corporación municipal de Tui celebra este xoves, ás 20 horas, pleno ordinario correspondente ao presente mes de outubro. No punto segundo abordarase o recoñecemento a deportistas tudenses. A esta sesión vai tamén a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras, e a concesión de bonificacións neste imposto. Outro dos asuntos é unha moción do BNG sobre o Bono Social da Tarifa Eléctrica. Ao ser un pleno ordinario na orde do día figura tamén a aprobación da sesión anterior e o control aos órganos de goberno.
Sábado, 24 de outubro de 2009 O PSOE cualifica ao “PP, alcalde de Tui e o seu equipo de goberno mestres do malgasto de diñeiro publico” O partido socialista manifesta sentirse escandalizado coa que cualifican de neglixencia do alcalde de Tui por aprobar un gasto de 132.504,34 € no acondicionamento da Rúa Lugo cando leva menos dun ano que se asfaltou. Estas obras, engaden desde o PSOE local, realízanse nun momento de máximo encordio para os establecementos comerciais da zona pola proximidade da Campaña do Nadal, que non só afectan ás obras en si, senón que con elas se reduce tanto o aparcamento como os acesos xa limitados a esta parte da cidade. Para os socialistas non deixa de ser un máis dos golpes baixos que reciben os pequenos comerciantes de Tui por parte do concello nun tempo no que a crise lles está a facer pasar un mal momento. Mentres non se resolve o aparcadoiro, limítanse as prazas existentes nas únicas rúas con amplitude que hai no centro da cidade. Con estas obras, engaden desde o PSOE, ponse de manifesto que o goberno municipal non ten interese en sacar adiante o aparcadoiro subterráneo, sendo o seu espazo natural dende a Praza de Galicia ata a traseira da Area Panorámica, que de facerse obrigaría a lenvantarse de novo esta rúa. Está claro, conclúen desde o PSOE, que o goberno de Fernández Rocha non ten unha visión do que se quere para Tui, dando bandazos continuos, facendo e desfacendo o que xa está feito para volvelo a facer de novo. Todo isto, rematan, co diñeiro que procede dos impostos que pagan todos os cidadáns.
Festival de Playbacks infantil en Rebordáns, Tui O Centro Cultural “San Fins” de Rebordáns organiza este domingo un Festival de Playbacks infantil. Comezará ás cinco da tarde e actuarán os grupos dos centros culturais de Rebordáns, Caldelas, A Forna de Budiño, Guizán de Mos, Soutelo, Pontellas, Ribadelouro e Randufe.
Festas na honra á Virxe do Rosario en Areas, Tui A parroquia tudense de Areas celebra este domingo Festas na honra á Virxe do Rosario. Comezarán ás 11 horas coa entrada e pasarrúas no recinto de festas da Banda de Música Popular de Tui. Ás 12 celebrase misa solemne con procesión, e dende as 18.30h actuarán as orquestras Sintonía e Gran Parada. O recinto estará cuberto por unha carpa.
A exposición “A Divina Comedia” de Salvador Dalí pecha o domingo 25 de outubro A exposición “A Divina Comedia” de Salvador Dalí, integrada por 100 xilografías do artista catalán baseada no texto clásico de Dante que datan de 1960-1964 e que pode ser visitada na cidade grazas á colaboración do concello de Tui e Caixanova, na Sala Municipal de Exposicións da Área Panorámica, pechará o 25 de outubro. Ata agora son máis de 1.300 persoas as que teñen visitado esta exposición, entre elas cómpre salientar especialmente os máis de 350 escolares, cos seus profesores, que ao longo desta semana se achegaron á contemplar a obra de Salvador Dalí. Foron alumnos dos centros educativos nº 2 de Tui, de Pazos de Reis e do Colexio Santa María. Aquelas persoas que desexen gozar desta mostra poderán facelo en horario de apertura da Sala Municipal de Exposicións entre as 09.00 e as 14.00 horas e pola tarde de 16.30 a 20.30 horas, mentres que os domingos o horario vai das 17.00 ás 20:30 horas. A Concellería de Cultura de Tui alédase de poder mostrar a creación duns dos artistas españois máis destacados das vangardas do século XX e en palabras do concelleiro Moisés Rodríguez, “é un honor para a cidade de Tui poder expoñer unha colección dun dos personaxes máis recoñecidos da pintura surrealista e das vangardas internacionais do século XX como é Salvador Dalí”. O concelleiro mostra tamén a súa satisfacción polo número de visitantes que converten a esta mostra nunha das exposicións máis visitadas no presente ano confirmando o interese dos tudenses por estas manifestacións culturais. “A Divina Comedia” de Dalí hai que situala no contexto da evolución do pintor que desde os anos corenta estaba xa totalmente apartado do grupo surrealista, e tras a súa marcha a Estados Unidos, comeza unha época marcada polo misticismo que vai mostrar no Cristo de Port Lligat (1949), no Cristo de San Juan da Cruz (1951) e nas ilustracións da Divina Comedia, algunhas das súas creacións máis relevantes.
Venres, 23 de outubro de 2009 “O patrimonio maritimo de Galicia” nova exposición no anexo da Sala Municipal ata o 5 de novembro Ata o vindeiro 5 de novembro no zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (edificio Área Panorámica – rúa Colón, 2) pódese visitar a exposición titulada “O patrimonio marítimo de Galicia”, producida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial coa colaboración do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) para a súa itinerancia por Galicia adiante, e que chega a Tui coa colaboración da Concellería de Cultura tudense. Ao longo dos tempos, en todo o litoral de Galicia téñense desenvolvido actividades, oficios e modos de vida vinculados ao mar. Para pescar, transportar e, logo conservar, foi preciso construír barcos e despois portos para protexelos, así como edificios axeitados para transformar o peixe. Tamén, houbo que concibir aparellos, útiles de traballo e técnicas singulares, axeitados a cada costa e ás tradicións da zona en cuestión. Así mesmo, a casa mariñeira estivo condicionada polo xeito de vida dos moradores, así como polas peculiaridades xeográficas e climatolóxicas da súa localización. Pero o mar é algo máis que reserva de peixe ou vía de comunicación. Así, por exemplo, para proveito dalgúns muiñeiros, a auga déixase canalizar ata os rodicios dos muíños de maré. Lugar de tráfico, de intercambio, de comercio, o mar é tamén un espazo susceptible de balizar, de vixiar, de protexer. Daquela, foron levantadas fortalezas para defender a beiramar para eventuais agresores; fachos, luces e faros alumearon para clarear as singraduras dos navíos. Existe, xa que logo, as que se deron en chamar "xentes do mar", que abranguen todas as angueiras relacionadas co medio mariño. E dentro da súa diversidade, teñen regras e leis propias; as súas tradicións e o seu "saber-facer". Ao cabo dos séculos, esta sorte de confraría teceu o seu universo deixando acá e acolá pegadas, discretas ou rechamantes, do seu devir: arquitecturas con ou sen arquitectos (quer dicir, edificios de orixe civil, militar ou popular); as cousas; utensilios; barcos; imaxes; técnicas; toponimias; fala;... Este conxunto, que ben puideramos rotular como "Patrimonio Marítimo", compón un verdadeiro tesouro con múltiples alfaias, case todas ameazadas ao día de hoxe. Con esta mostra trátase de valorizar estes elementos patrimoniais e de espertar o interese sobre a cultura e a tradición marítima, tan presente na nosa terra. Para o responsable da concellería de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición enmarcase na programación de actividades desta Sala Municipal que procura ofrecer unha escolma diversificada de exposicións ao longo do ano que resulte de interese para os veciños e veciñas de Tui e a súa bisbarra.
O domingo celébrase a novena edición de “Os nosos Fariñeiros” Este domingo celébrase a novena edición de “Os nosos fariñeiros: burros e muíños”. Trátase dunha iniciativa da Asociación de Muiñeiros do río Tripes que busca recuperar e pór en valor estes elementos da nosa cultura tradicional. Dende que comezou a celebrarse esta festa as cousas teñen cambiado para ben xa que creceu o interese polos muíños e hoxe son xa catro os que están perfectamente restaurados e moen o gran. Mentres outros agardan a posta en marcha dun proxecto presentado polo concello á Consellería de Medio Ambiente para a restauración doutros 11 dos 23 muíños do río Tripes e a habilitación dunha senda neste entorno cun orzamento superior aos 200 mil euros. A cita será o domingo ás 10.30 horas no parque infantil de Circos, en Pazos de Reis, para logo ir até os muíños onde varios estarán moendo, e promocionarán a vestimenta tradicional e a espiga do país. Non faltará tampouco a faceta gastronómica con papas de millo ou castañas asadas. Os asistentes a esta festa soen repetir dunha edición para outra, pero tamén hai xente nova cada ano, algúns veñen doutros concellos. A cita será este domingo dende ás 10.30h. En caso de choiva aprazaríase até 8 de novembro.
Até o 30 de outubro está aberto o prazo para participar no Premio Xoven Empresario convocado por AJE Unha empresa cun proxecto innovador e consolidado, con sede na provincia de Pontevedra, e co 25% dos socios menores de 40 anos son os requisitos que hai que cumprir para poder presentarse ao Premio Xoven Empresario do Ano convocado pola Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra. Este Premio, na súa décimo cuarta edición, foi presentado na Cámara de Comercio de Tui polos responsables da Asociación. O obxectivo desta convocatoria e fomentar o espírito emprendedor do xoves empresarios. Ao tempo queren contribuír a formar empresarios con valor que nestes momentos aceptan o desafío de desenvolver novas ideas, quen de mellorar as cualidades persoais e as súas habilidades, e asumir o risco inherente dunha actividade complicada neste momento. Por iso queren recoñecer a labor dos crearon unha empresa que xera riqueza polo que queren recompensar o espíruto de loita destes empresarios. Ao tempo AJE quere contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da provincia a apoiar iniciativas do xoves. O Premio concederase o próximo 6 de novembro en Pontevedra durante unha cea. Mantendo a dotación económica do premio en 6 mil euros, e haberá dous accésit e unha mención especial. Na edición de 2008 concorreron ao premio 34 empresas, 8 delas de Tui. Os interesados en presentarse a esta edición teñen de prazo até o 30 deste mes ás dúas da tarde para cubrir o formulario que poden atopar na páxina web de AJE en www.premioaje.com
Hoxe monicreques no Teatro Municipal de Tui Ás oito desta tarde haberá un espectáculo de monicreques no Teatro Municipal de Tui. Trátase de “Violeta Coletas contra as salchichas ¡glup!” que será representada por Títeres Trompicallo. As entradas están xa á venda en www.culturatui.info ou dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica. As localidades teñen un prezo xeral de 3€, 2€ con desconto e tamén para os menores de 12 anos.
O BNG valora os orzamentos da Xunta para 2010 O Bloque Nacionalista Galego vai comparecer ás seis desta tarde en rolda de prensa, no Hotel Colón, para facer unha valoración dos orzamentos da Xunta para 2010. Intervirán Xosé Manuel Méndez, responsable comarcal do BNG, e Carme Adán, deputada no Parlamento Galego.
Até o 5 de novembro pode visitar no anexo da Sala municipal a mostra “O Patrimonio Marítimo de Galicia” Até o 5 de novembro a zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición “O patrimonio marítimo de Galicia”, producida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial coa colaboración do CEIDA. Unha mostra que chega a Tui coa colaboración da Concellería de Cultura de Tui. Con esta mostra trátase de valorizar os elementos patrimoniais relacionados co mar e de espertar o interese sobre a cultura e a tradición marítima. Así poden verse aparellos, útiles de traballo e técnicas singulares, axeitados a cada costa e ás tradicións da zona en cuestión. Tamén se recollen as peculiaridades da casa mariñeira. Os muíños de maré, os fachos, luces e faros, utensilios; barcos; imaxes; técnicas; toponimias; fala e outros moitos valores son parte do "Patrimonio Marítimo", que amosa esta exposición. Para o responsable da concellería de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición enmarcase na programación de actividades desta Sala Municipal que procura ofrecer unha escolma diversificada de exposicións ao longo do ano que resulte de interese para os veciños e veciñas de Tui e a súa bisbarra.
O BNG esixe a retirada dun bloque de pedra caído na estrada Paramos-Caldelas O BNG de Tui vén de esixir a inmediata retirada dun bloque de pedra que hai máis dun mes caeu do remolque dun camión nunha curva da estrada Paramos-Salceda. Consideran os nacionalista que isto supón un perigo inminente para peóns e veciños. Explican os nacionalistas que cando caeu o bloque afortunadamente só se produciron danos materiais, pero o acontecido sinalan que é “un indicativo dos perigos que se están a padecer nas estradas do concello”. Engaden que os veciños levan anos demandando medidas de seguridade e de protección nas estradas tanto nas municipais, coma nas de titulariedade autonómica ou provincial. Neste caso aínda que a estrada é da Xunta consideran dende o BNG que o Alcalde debe instar á Consellería a buscar unha solución definitiva para os perigos na circulación deste vial. E rematan sinalando que o rexedor tudense non se pode inhibir ante este perigo.
O PSOE en desacordo en ubicar o 3º xulgado no antigo comercio de Rogelio O Partido Socialista de Tui non está de acordo en ubicar o terceiro xulgado de instrución concedido á cidade no local do antigo comercio de Rogelio no Paseo da Corredoira. Consideran que este non é un lugar axeitado e propoñen trasladar á policía local do seu actual emprazamento e que os baixos do Pazo de Xustiza, onde teñen agora as súas oficinas os municipais, sexan ocupados polo terceiro xulgado. Así o sinala o grupo municipal socialista lembrando que en 2006 a delegada de Presidencia e o director Xeral de Xustiza xa puxeran en coñecemento do alcalde a necesidade dun novo xulgado interesándose pola posibilidade de contar con terreos para un novo edificio. Na súa proposta de trasladar as oficinas da Policía Local sinalan que este corpo precisa dunhas instalacións “dignas, con espazo suficiente para instalar vestiarios e baños tanto para homes coma para mulleres, oficinas de mando, oficinas de atención ao público, almacén, aparcamento para os coches patrulla, etc.”. Por iso apuntan que o ideal sería unha edificación nova para prever un servizo máis amplo de acordo co crecemento da cidade. No tocante ao antigo comercio de Rogelio os socialistas insisten na proposta feita polo seu grupo en 2004 de destinar este inmoble a Oficina Municipal de Turismo.
Recuperar o busto de Sócrates obxectivo este ano das Xornadas sobre a Recuperación da Memoria Histórica O Museo Municipal de Tui, no antigo Convento de Santo Domingo, vai acoller a próxima semana, o xoves 29 e o venres 30 de outubro, ás Xornadas sobre a Recuperación da Memoria Histórica organizadas por Levada Libre. Este ano céntranse en dúas cuestións: a recuperación do busto de Sócrates que había na cidade, e unha homenaxe ao profesor Benito Prieto Coussent, que foi precisamente o autor desta escultura. As xornadas foron presentadas na tarde de onte por Manuel Vicente Fernández, Julián Bravo Jaso, Manuel Vázquez de la Cruz, Manuel Martínez e Xesús Alonso Montero. Os actos comezarán o xoves ás 19.30h coa presentación das xornadas e do proxecto de restitución do busto de Sócrates, que exporá Manuel Vázquez de la Cruz. Trátase de recuperar esta escultura obra de Prieto Coussent inaugurada en abril de 1936, pero tras ser enchida primeiro de alcatrán foi logo tirada ao río. O busto estaba nos xardíns tudenses na coñecida daquela coma Avenida do Instituto simbolizando “Paz, pensamento, solidariedade e liberdade”. O obxectivo é volver colocalo no seu primitivo emprazamento. Logo desta presentación Alicia Carballal falará de “O encontro de Sócrates e Benito Prieto Coussent”. Ás 20 horas proxectarase un documental sobre a visita do profesor e artista a Tui en 1997 onde se reencontrou con algúns antigos alumnos. Posteriormente Manuel Martínez, galerista tudense, abordará a relación de “Tui e Benito Prieto Coussent”. Na presentación avanzaba Manuel Martínez que pese a súa relevancia este artista é hoxe un descoñecido en Galicia. Natural de Ribadeo chegou a Tui a dar clases no instituto en tempo da República, e rematou despois os seus días en Granada. O venres ás 19.30h abrirá o programa previsto o profesor Xesús Alonso Montero presentado o seu libro “Cartas de republicanos galegos condenados a morte”. No mesmo recolle as cartas de 120 presos republicanos condenado a morte entre 1936 e 1940. Esta intervención dedicaralla a Manuel Estévez Gómez, un dos presos, neste caso tudense, de quen recolle a carta. Xesús Alonso Montero declarouse un admirador de Prieto Coussent, lembrando que retratara a 24 presos, propondo poder recuperar eses cadros e facer unha exposición con eles. Tamén loubou a intención de Levada Libre de recuperar o busto de Sócrates. O venres ás 20.30h haberá un recital a cargo da trobadora Laura, para render despois homenaxe a Adelina Fernández Rodríguez quen prestou axuda a un preso do Campo de Concentración de Camposacos, Luís Terri, con que se reencontrou 50 anos despois.
Un obradoiro de banda deseñada con Jacobo Fernandez Serrano nova actividade na Biblioteca Municipal A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa levando adiante o seu programa de actividades arredor da celebración do “Dia da Biblioteca” e logo das xornadas do mércores e xoves, cun contacontos para adultos e cine de animación para os rapaces, hoxe venres, 23 de outubro , desenvolvérase un obradoiro de banda deseñada a cargo do ilustrador Jacobo Fernández Serrano, un dos principais representantes da nova ilustración galega. Este obradoiro dará comezo ás 17.30 horas e durará ata ás 19.00 horas e está dirixido especialmente a rapaces e mozos a partir dos 10 anos de idade. Jacobo Fernández Serrano é o recente gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009, ben coñecido polo seu traballo como ilustrador e autor de cómic (gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada en 2007 con Aventuras de Cacauequi e este ano estivo nomeado ao mellor autor revelación no Saló del Còmic de Barcelona), mais xa publicara dous libros infantís escritos e ilustrados por el: A Gardería de Dona Bixelmina (Edicións Xerais, 2005) e A pedra e as formigas (Edicións Xerais, 2006). Ten publicados ademais os álbums de BD Os amigos de Archimboldo Roque (Faktoría K, 2007) e El origen de Marcopola (Bang Ediciones, 2009). Esta actividade da Biblioteca Municipal de Tui forma parte do programa Letras Vivas que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.
Xoves, 22 de outubro de 2009 A Deputación aproba a contratación da obra de mellora da zona da Magdalena e variante Igrexa na E.P 2502 Cerquido A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra resolveu onte favorablemente a aprobación do proxecto para a realización das obras de mellora na zona Magdalena e variante igrexa na estrada provincial 2502 Cerquido-Ribadelouro, en Tui. Aprobouse, así mesmo, nesta sesión o inicio do expediente para a contratación das referidas obras. As obras teñen por obxecto a urbanización deste tramo da estrada, na parroquia de Ribadelouro, mediante a dotación de beirarrúas e servizos. Concretamente, as melloras proxectadas inclúen unha rede de pluviais con colectores de P.V.C, beirarrúas, rede de abastecemento de augas, alumeado público, redes de media e baixa tensión, rede de comunicacións así como sinalizacións e balizamento. Ademais, co fin de darlle unhas directrices básicas á empresa adxudicataria das obras, contémplase no proxecto un Estudo de Seguridade e Saúde, en cumprimento das obrigas no campo de prevención de riscos profesionais. O importe total da obra ascende a 405.451,30 euros. Esta será financiada polo Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra, en virtude dun convenio de colaboración asinado por ambas partes. De acordo con este convenio o Concello achegará un total de 121.635,40 euros e a Deputación un total de 283.815,90 euros. Estas cantidades repartiranse en entregas anuais sucesivas dende 2009 ata o 2011, de maneira que o concello achegará os dous primeiros anos 40.545,14 euros e o último ano os 40.545,12 euros restantes, mentres que a Deputación achegará 123.398,24 euros en 2009, 86.378,74 euros en 2010 e 74.038,92 euros en 2011. O prazo de execución da obra establécese en 14 meses e comezará a contar dende o día seguinte á firma da acta de comprobación do repranteo.
Presentación do XIV Premio xoven empresario do ano na Cámara de Comercio A Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra convoca o XIV Premio Xoven Empresario do Ano. Por este motivo hoxe ás doce do mediodía vai ser presentada esta iniciativa na Cámara de Comercio de Tui. O obxectivo desta convocatoria é fomentar a vocación empresarial e o achegamento dos mozos ao mundo laboral. Por iso preténdese recompensar ese espírito de loita que move a estes mozos a superar obstáculos na súa andaina empresarial.
Curso de flores naturais e adornos naturais da Amas de Casa A Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Tui informa que vai impartir un curso de “Flores naturais e adornos navideños”. Terá lugar os días 5, 12. 19, e 26 de novembro e os 3 e 10 de decembro nos baixos do Liceo Casino. As persoas interesadas deben anotarse antes do venres 30 de outubro no teléfono da Asociación 679 436 930 ou na Casa da Xuventude os venres de 18 a 20h.
Unha película de animación nova actividade do programa do “Día da Biblioteca” A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa desenvolvendo o seu programa de actividades arredor do Día da Biblioteca, cunha oferta dirixida aos diversos sectores de idade que son usuarios deste centro bibliotecario. Logo do contacontos para adultos celebrado o mércores, 21 de outubro, mañá xoves, 22 de outubro, ás 17.30 horas, os mais pequenos teñen unha cita na propia Biblioteca para asistir á proxección dunha película de animación dirixida á súa idade e intereses. A celebración do “Día da Biblioteca” foi unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil comezada en 1997 e que nos últimos anos ten experimentado unha grande difusión. O seu obxectivo é fomentar o uso da biblioteca como un servizo indispensable para o desenvolvemento dunha sociedade democrática, na que o dereito de acceso libre á información e á cultura estea garantido para todos os cidadáns por parte das institucións públicas. A programación continuará o venres cun obradoiro de banda deseñada e o sábado cunha sesión de contacontos para familias na data en que se celebra propiamente o “Día da Biblioteca”.
Mércores, 21 de outubro de 2009 Tui acollerá o I Trofeo Interuniversitario de Remo en maio de 2010 Tui acollerá no mes de maio de 2010 o I Trofeo Interuniversitario de Remo organizado por seis universidades galegas e portuguesas xunto á Fundación do Centro de Estudos Eurorexionais Galicia-Norte de Portugal, FCEER. Nunha reunión celebrada onte no Concello de Tui avanzouse na organización desta actividade que non quere ser só unha cita deportiva senón tamén un evento lúdico e festivo que reúna a toda a comunidade universitaria coma despedida do curso. O obxectivo é que esta sexa unha primeira edición e que a cita se consolide logo no calendario anual. Os representantes das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, xunto as portuguesas de Porto, Alto Minho e Tras os Montes reuníronse onte co Director do FCEER, Carlos Ferrás, a asesora da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Carmen Atero, e o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha. Este I Trofeo Interuniversitario de Remo é un paso máis na colaboración que as seis universidades implicadas veñen mantendo dende o ano 2000, e segundo explicaban con este traballo conxunto tratan de establecer ponte humanas e de experiencias compartidas entre Galicia e o Norte de Portugal. O Trofeo terá lugar a finais de maio de 2010 coa participación dunha embarcación de oito con timonel de cada universidade formada por tripulación mixta. Haberá dúas regatas unha sobre a distancia de 500 metros e outra sobre 1000 metros. Pero máis aló da competición queren organizar outras actividades coma exhibicións de teatro, danza, exposicións,... que convertan esta cita en toda unha festa e un punto de reunión dos universitarios dun e doutro lado do Miño. Logo da reunión de onte, onde quedou establecido o compromiso de realizar o Trofeo de Remo, os técnicos de deportes das universidade da Coruña, Santiago, Vigo, Porto, Alto Minho e Tras os Montes, levarán a cabo unha serie de reunións xunto a técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte e do Concello de Tui para ir perfilando todos os detalles, de forma que este compromiso firme se concrete de aquí a finais de ano. Convidarán tamén a participar á Secretaría Xeral de Deportes do Goberno Portugés e poranse en contacto coas Federacións de Remo de Galicia, España e Portugal para fixar a data de xeito que non coincida con outra proba desta disciplina. Así o explicaba o Director do FCEER, Carlos Ferrás. A asesora da Secretaría Xeral para o Deportes Carmen Atero, destacou que esta é unha iniciativa estupenda dentro do deporte coma saúde. Indicou que estarán implicadas no evento as universidades das dúas beiras do Miño, sinalando que para lograr a implicación da comunidade universitaria este ten que ser un evento lúdico, festivo e participativo. Mentres o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, congratulouse de que Tui vaia acoller un evento desta relevancia, brindando a colaboración do Concello no mesmo, pondo a dispor as instalacións que existen no municipio para o mesmo. Ás seis universidades implicadas neste proxecto reúnen na actualidade a 140 mil alumnos e a 12 mil profesores e investigadores. Con este I Trofeo Interuniversitario emularán a tradicional regata de remo entre as universidades de Oxford e Cambridge pero neste caso con deportistas de seis universidades de dous países.
Títeres Trompicallo con “Violeta Coletas...” O público familiar é o destinatario da obra de monicreques programada para o venres, 23 de outubro, no Teatro Municipal de Tui. Chegará da man da compañía Títeres Trompicallo que porá en escena a obra “Violeta Coletas contra as salchichas ¡glup!”. Violeta, a protagonista, é unha nena que quere crecer porque non lle gusta que lle digan o que ten que facer, quere escoller que ninguén lle dea ordes. Ela prefire comer salchichas a acelgas, e dende logo non cambia a tele por ter que ir estudar. Pero de repente algo acontece e todo cambiará. Esta obra foi escrita por Luís González e Marián González, asumindo tamén esta última a dirección do espectáculo. Mentres Luís González e Sabela Amado son os titiriteiros que dan vida aos distintos personaxes da historia, e Ignacio Sanz é o responsable da música orixinal. Nesta ocasión a compañía conta coa colaboración do artista plástico Quique Bordell. A obra foi estreada o pasado mes de xuño, está indicada para público familiar e nenos maiores de 6 anos e ten unha duración de 50 minutos. A cita é este venres, ás 20h, no Teatro Municipal de Tui. As entradas están xa á venda en www.culturatui.info ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica. As localidades teñen un prezo xeral de 3€, 2€ con desconto e tamén para os menores de 12 anos. Títeres Trompicallo creouse en 1997 da man de Marián González, Eva Sanz e Luís González. Dende entón teñen producido varios espectáculos coma “Manoladas”, “Drácula”, “Jiñol”, “Manolito Camaleón” e “Nadarín”. Trompicallo é unha das compañías máis exitosas dentro do panorama do teatro galego de monicreques.
Nava Castro e Moisés Rodríguez analizaron as demandas da cidade en materia de comercio, artesanía e consumo A Directora Xeral de Comercio, Nava Castro, visitou o luns á tarde Tui acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro. No Concello foron recibidas polo Primeiro Tenente de Alcalde, Moisés Rodríguez Pérez, quen lles expuxo diversos proxectos e iniciativas relacionadas coa súa Dirección Xeral. Nese ámbito acordaron desenvolver en Tui nos próximos meses exposición e obradoiros relacionados coa artesanía. No encontro estudaron tamén a posibilidade de que a Dirección Xeral contribúa con algunha axuda á realización da Feira de Artesanía que cada primeiro fin de semana de maio se celebra na cidade. Concello e Dirección Xeral coincidiron en promover unha iniciativa cuxo obxectivo final é a implantación de novos establecementos comerciais no casco histórico, que se poderían acoller as liñas de axudas para a adecuación de novos locais comerciais ao abeiro do plan de renovación e mellora do comercio galego. No transcurso da reunión tamén trataron o funcionamento da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, e avaliaron a posibilidade de que o Concello de Tui poida solicitar unha excepcionalidade na aplicación da lexislación en materia de horarios comerciais. Moisés Rodríguez manifestou que a visita resultou moi satisfactoria, destacando a acollida da Directora Xeral as demandas presentadas. Agradeceu amais a deferencia de Nava Castro ao desprazarse ata Tui para coñecer directamente as demandas deste Concello e os seus equipamentos, coma a Área Panorámica que visitaron o remate do encontro.
Comezan as actividades do Día da Biblioteca Hoxe ás oito e media da tarde haberá unha actividade de contacontos para adultos na Biblioteca Municipal de Tui. Trátase da primeira actividade enmarcada na programación organizada para celebrar o Día da Biblioteca. Os contacontos desta tarde correrán a cargo da compañía “Muñeco de Trapo”. Baixo o título xenérico de “A hora azul” presentarán catro contos de Marrocos, de Alxeria, de Galicia…contos de mulleres que non se renden, da emigración, do deserto, do realismo máxico da Galicia máis surrealista. Historias ao son de distintos instrumentos. A cita lembramos é hoxe ás 20.30h.
Martes, 20 de outubro de 2009 Gran éxito de Carlos Blanco o pasado venres O Teatro Municipal de Tui estivo ateigado o pasado venres co espectáculo “Só” de Carlos Blanco. Vendeuse a totalidade do aforo, co que se rexistrou un cheo absoluto. Cómpre salientar que máis de 350 entradas foron vendidas por internet ao través da páxina web www.culturatui.info. O público disfrutou e riu coas peripecias, anécdotas e humor de Carlos Blanco ao través do Camiño.
Curso sobre creatividade e intelixencia emocional no Telecentro de Tui O Telecentro de Comunicación de Tui, dependente da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, acollerá a partir do 4 de novembro un curso sobre creatividade e intelixencia emocional que organiza o Consello de Xuventude de Galicia. A actividade está dirixida a persoas interesadas na creatividade e no traballo da intelixencia emocional como vehículo para a mellora persoal, laboral e social. Os interesados poden inscribirse gratuitamente no 902 922 270 ou través da web do Centro Multimedia de Galicia: http://reservas.centromultimedia.net/public/reservas.php . As clases desenvolvéranse diariamente, de luns a xoves, de 09.00 a 14.00 horas no Telecentro tudense con 120 horas de duración entre o 4 de novembro e o 17 de decembro. A creatividade como método, as diferentes fases do proceso creativo ou a creatividade grupal serán algúns dos temas a desenvolver neste curso. A Secretaría Xeral de Medios pretende dar a coñecer as posibilidades dos TC da Rede de Telecentros de Comunicación co obxectivo de convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.
A través da campaña
Comunícate, a Secretaría pretende que os Telecentros de Comunicación se
incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da
cidadanía facilitando o acceso público a Internet como medio de
comunicación. Comezo das obras de humanización na rúa Lugo Dende onte non se pode estacionar na rúa Lugo de Tui ante o comezo das obras de humanización neste vial que se prolongarán durante un mes. Os traballos consistirán na pavimentación das beirarrúas e na colocación de adoquín na Calzada. Mentres se realicen estes traballo os postos do mercadillo dos xoves que se instalan nesta rúa trasladaranse á rúa Compostela.
Tamén onte comezaron
as obras de cambio de pavimento nunhas beirarrúas na rúa Colón. Pleno extraordinario en Tui para a aprobar o Consorcio da EDAR A corporación municipal de Tui reúnese o xoves en pleno de carácter extraordinario ás oito da tarde cun único asunto na orde do día.
Trátase da aprobación inicial da
constitución do Consorcio para a xestión e explotación do saneamento da
conca do río Louro e a explotación da EDAR de Guillarei.
Reunión da Xunta Local de Seguridade en Tui Onte á mañá durante case hora e media reuniuse en Tui a Xunta Local de Seguridade copresidida polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández. e polo alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha. Centrouse principalmente en tres cuestións: a análise da evolución da delincuencia, a protección ás vítimas de violencia de xénero e a seguridade viaria. O Subdelegado do Goberno, explicaba en declaracións á Radio Municipal de Tui que en anteriores encontros puxérase en marcha un Plan Conxunto de Seguridade e a Mesa de Seguridade Policial, analizando nesta ocasión otras cuestións. Así explicaba que en Seguridade Cidadá Tui segue mantendo parámetros de seguridade aceptable cunha taxa de criminalidade por baixo da media provincial, galega, nacional e europea. Engadía que cando algún feito como os roubos en domicilio e locais rexistrados en 2008 se producen, o traballo da Garda Civil permitiu controlar estes episodios. No tocante á protección das vítimas de violencia de xénero indicaba que descenderon as ordes de protección. Nese senso propuxeron ao Concello crear unha mesa de traballo onde estean presentes todas as instancias que traballan na protección da muller. Por último en seguridade vial Delfín Fernández propuxo ao alcalde de Tui que o municipio se sume á aplicación da Lei do Permiso por puntos, de tal xeito que as infracción cometidas en Tui tamén resten puntos.
Sábado, 17 de outubro de 2009 Despedida ao párroco en Malvas Os veciños de Malvas van despedir a D. Manuel de Santiago que foi até o de agora o seu cura párroco. Para iso organizan un acto, que terá lugar o domingo 25, ás seis da tarde, enriba das escolas da parroquial. Consistirá nuns pinchos e farán entrega a Don Manuel de Santiago dun agasallo. Tamén contarán coa presenza do novo párroco Don Juan José. O prezo por persoa é de 10€ e os interesados en acudir a este acto poden anotarse até o martes día 20 no Bar de Sinda ou no teléfono 606 606 727.
Feira de Antigüidades hoxe sábado en Tui A Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, en colaboración co concello, organiza hoxe, sábado, no Paseo da Corredera, en Tui, o “MERCADIÑO DE ANTIGUIDADES”. Permanecerá aberto das 10:00 até as 21:00 horas.
Os obxectos antigos cobran protagonismo neste mercadillo, onde ademais de
estar expostos poderanse comprar gran variedade de antigüidades chegadas
de distintos puntos de toda Europa. Presentadas as actividades do Día da Biblioteca en Tui e a web deste servizo Onte ao mediodía foi presentado no Telecentro de Tui o programa de actividades que se van desenvolver na cidade co gallo do Día da Biblioteca que se celebra o 24 deste mes. Tamén foi presentada a páxina web da Biblioteca Pública Municipal de Tui. Compareceron ante os medios de comunicación o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, o Director da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, e a técnica deste servizo Cristina Sanjurjo. Moisés Rodríguez explicou na súa intervención que o Día da Biblioteca é unha brillante iniciativa que contribúe a difusión dos libros e da lectura. Quixo amais deixar constancia do seu recoñecemento ao traballo que desenvolven na biblioteca tudense. Engadía sobre a nova web deste servizo que é “un paso máis que biblioteca da para achegarse aos usuarios”. A programación do Día da Biblioteca desenvolverase do mércores 21 ao sábado 24 co obxectivo de ofrecer actividades tanto para cativos coma para outros segmentos de idade segundo explicaba o seu director Rafael Sánchez Bargiela. A primeira cita será o mércores 21 ás 20.30h na propia biblioteca co contacontos para adultos “Tropa de Trapo” que achega o espectáculo “A hora azul”. O xoves 22 ás 17.30h no Telecentro terá lugar a proxección de cine de animación para todos os públicos. O venres 23 a cita será tamén ás 17.30h cun Obradoiro de Banda Deseñada a cargo de Jacobo Fernández Serrano, un dos máis importantes deseñadores galegos, gañador do Premio Merlin 2009. Esta actividade vai dirixida a nenos e nenas dende os 10 anos. E pecha o programa a contacontos Mabel Pérez o sábado 24 ás 12h . É unha sesión para público familiar patrocinada pola Editorial Galaxia. Xa no tocante á páxina web esta pode consultarse no enderezo www.bibliotecaspublicas.es/tui/index.jsp. Foi realizada co software posto a disposición polo Ministerio de Cultura para estes servizos. Trátase dunha páxina de acceso doado e práctico onde se pode obter toda a información sobre a biblioteca municipal tudense dende o emprazamento, horarios, catálogo, actividades. Ten amais espazos interactivos nos que o usuario pode por exemplo reservar as instalacións, solicitar expor na Sala Municipal, ou horario para realizar unha visita as exposicións que se exhiben no caso de grupo. Tamén conta cunha axenda onde se poden consultar as actividades a realizar. Outros apartados son Tui na prensa con enlaces aos medios que cobren información da cidade, e tamén aos principais de distintos países.
Venres, 16 de outubro de 2009 Case 150 entradas vendidas por internet para o espectáculo de Carlos Blanco Case 150 entradas lévan vendidas ao través da internet na web www.culturatui.info para o espectáculo “So” que Carlos Blanco porá hoxe venres en escena no Teatro Municipal de Tui. No día de onte pola mañá vendéronse arredor de 60 entradas ao través da web do departamento de cultura. Poderanse adquirir por este medio até hoxe ás sete da tarde, e dende ás oito poderanse mercar no despacho de billetes da Área Panorámica. As entradas teñen un custe de 5€, 3€ para aqueles que teñan o carné xove, carné máis, estudantes, desempregados, discapacitados, familias numerosas e xubilados. Os menores de 12 anos aboarán tamén 3€. “So” é un novo espectáculo de humor no que Carlos Blanco percorre tanto camiños reais coma imaxinarios. A cita lembramos será mañá venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui.
Mañá proxéctase “O Retrato Filmado” no Teatro Municipal ás 20.00 horas O Teatro Municipal de Tui acolle mañá, ás oito da tarde, a proxección de “Retrato Filmado” unha peza documental realizada o pasado mes de marzo na quinta edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais. A entrada será gratuíta e a apertura de portas farase ás 19.30h. O “Retrato Filmado” é un proxecto novidoso no que dez realizadores de Cuba, Perú, Portugal, Barcelona, Córdoba e Galicia conviviron durante unha semana cun veciño ou veciña de Tui de quen realizaron un retrato documental. Os personaxes que estiveron fronte á cámara foron un neno de catro anos, unha muller de 106, unha empresaria da restauración, unha enfermeira, un profesor, unha parella que ten un grupo de rock.... As pezas realizadas uníronse nun único proxecto que xa foi proxectado durante o festival e que agora teremos unha nova oportunidade de ollar. Ao fronte deste taller estivo Marta Andreu, profesora da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, que neste sábado regresará a Tui para asistir a esta nova proxección de “Retrato filmado”. Play-Doc está xa a traballar na sexta edición do Festival que se vai celebrar en marzo de 2010. Até o próximo 15 de novembro está aberto o prazo para a recepción dos documentais que desexen participar. As bases completas e toda a información pódese atopar na web www.play-doc.com.
“Mercadiño de Antigüidades” mañana en Tui La Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, en colaboración con el ayuntamiento de Tui, organiza mañana sábado, en el Paseo de la Corredera, el “Mercadiño de Antigüidades” a partir de las 10.00 hasta las 21.00 horas. Los objetos antiguos cobrarán protagonismo en este mercadillo, donde además de estar expuestos se podrán comprar gran variedad de antigüedades traídas de distintos puntos de toda Europa. Acitui anima a todos a que este fin de semana se acerquen a Tui y curioseen por el mercadiño, y disfruten de la ciudad.
Xoves, 15 de outubro de 2009 O polifacético Carlos Blanco presenta “Só”, que se escenifica mañá, venres, no Teatro Municipal O polifacético actor, monologuista, e director teatral, Carlos Blanco achega este venres ao Teatro Municipal de Tui o seu último espectáculo “Só”, no que reflexiona sobre o camiño, o de sempre, e os imaxinarios. Só é a nova aventura humorística de Carlos Blanco: un novo camiño para o humor galego. Só, para non perder a fe, na diversión. A cita será será ás 21.30h no Teatro Municipal e as entradas están á venda na web www.culturatui.info ou o venres dende ás 20.00 horas despacho de billetes. As localidades teñen un prezo de 5€, e 3€ con desconto e para os menores de 12 anos. Ao longo dunha hora e quince minutos o público poderá gozar dun espectáculo único cheo de humor e gargalladas, no que Carlos Blanco demostrará unha vez máis o seu talento. Carlos Blanco ten ás súas costas máis de vinte e cinco anos de experiencia profesional en teatro, cine, televisión e radio. Nos últimos cinco anos vén desenvolvendo unha actividade continuada como Narrador Oral, tanto en Galicia como no resto de España, así como en Polonia, Holanda, Alemaña ou Portugal. No seu haber figuran varios premios entre os que destaca o María Casares á mellor adaptación teatral polo espectáculo “Nano” de Teatro de Adro.
Presentación do libro-guía Rutas Arqueolóxicas no Parque Natural do Monte Aloia A Fundación Comarcal O Baixo Miño e a Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia presentan o vindeiro venres, 16 de outubro, ás 20.00 horas, no Museo Municipal de Tui, sito no antigo convento de Santo Domingo, rúa Antero Rubín 30, Tui, o libro-guía “Rutas Arqueolóxicas no Parque Natural do Monte Aloia”. A presentación será realizada polo autor do devandito libro, Juan José Perles Fontao. Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Socio fundador e administrador da empresa Anta de Moura S.L., dirixida á xestión do patrimonio cultural. Aínda que o seu labor abrangue todos os ámbitos deste sector -traballos de escavación, estudos de impacto, documentación, asesoramento, musealizacións e postas en valor- dedicou unha boa parte da súa actividade profesional a estudos de carácter territorial, destacando as prospeccións e catálogo de xacementos arqueolóxicos, así como a súa adaptación ás diversas normativas de carácter municipal. Nestes últimos anos centrou a súa ocupación na coordinación de proxectos, abordando con profundidade a investigación das fortificacións involucradas na guerra de independencia portuguesa, tanto de Galicia como de Portugal. O acto contará coa presenza do alcalde do Concello de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha; o director do Parque Natural do Monte Aloia, Gonzalo Puerto Arribas, e a xerente da Fundación Comarcal O Baixo Miño, Carmen Somoza Torres. A edición do Libro-Guía foi posible grazas ao financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Delegación provincial de Pontevedra, na que se integra o Parque Natural do Monte Aloia, e da Consellería de Medio Rural, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, da que forma parte a Fundación Comarcal O Baixo Miño. Rutas Arqueolóxicas no Parque Natural do Monte Aloia ten un marcado carácter pedagóxico e divulgativo. O libro estruturase en catro grandes apartados: Introdución; Dividindo a Historia, Rutas Arqueolóxicas, e Descrición pormenorizada das tres rutas propostas, Ruta 1: A Macoca-Alto dos Cubos; Ruta 2: Chan Longa-Recinto Fortificado, e Ruta 3: Pedra do Acordo- Campo Grande. A publicación consta de 94 páxinas, con mapas, fotografías, debuxos e pictogramas. Editáronse 1.800 libros, 900 en galego e 900 en castelán, coa finalidade de poñer en valor o rico patrimonio cultural do parque e en definitiva da comarca. Os asistentes ao acto recibirán un exemplar da publicación.
Sábado, 10 de outubro de 2009 Homenaxe en Riomuíños a Manuel Garrido e José Ignacio Bugarín A Asociación de Veciños de Riomuíños rende hoxe sábado, ás seis da tarde, homenaxe a dous deportistas do barrios polos grandes éxitos conseguidos nas súas disciplinas. Por unha parte homenaxearán ao remeiro José Ignacio Bugarín polo seu esforzo e traxectoria deportiva na que destacan varios campionatos de España e un Subcampionato do Mundo. Tamén será recoñecido o labor do piragüísta Manuel Garrido, que este ano se proclamou Campión de Europa en Polonia, e que recentemente se fixo tamén co título de Campión do Mundo en C1 na modalidade de maratón.
Encontro folclórico en Pexegueiro O Centro Cultural de Pexegueiro acolle hoxe sábado, ás dez da noite, un encontro folclórico. Van participar o grupo etnográfico Vergel de Murcia e o grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro. Organiza a Asociación Socio-Cultural e Xuvenil O Mosteiro.
Festas na honra á Virxe do Rosario en Malvas A parroquia tudense de Malvas celebra hoxe sábado festas na honra á Virxe do Rosario. Ás 11 entrará no recinto de festas e fará un pasarrúas a Banda de Música Popular de Tui. Ás 12 celebrarase misa solemne con procesión e pola noite a verbena será amenizada por Magos e Nueva Generación. O recinto estará cuberto por unha carpa.
Fútbol Tyde – Guillarei o domigno ás 16.30h Mañá domingo, ás 16.30 horas, enfróntanse no Campo de fútbol Álvarez Durán o Tyde e Guillarei. Mentres hoxe, sábado, haberá tamén partido, neste caso dos infantís do Tyde que ás 16.30 horas xogan co Ribera.
Onte ás 13h foi inaugurada na planta baixa da Área Panorámica a exposición filatélica EXFITUI 2009 dedicada ao V Centenario do Mosteiro das Irmáns Clarisas en Tui. A inauguración estivo presidida polo Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, xunto a outras autoridades. O Presidente do Grupo Filatélico e Numismático de Tui, Jose Manuel Troncoso, explicou que as Monxas Clarisas son un referente na cidade, de aí que lle dediquen esta exposición. As coleccións que están presentes, dicía, pasaron un rigoroso control para estar as mellores dado as limitacións de espazo. E aludiu ao fermoso mataselo concedido pola Dirección Xeral de Correos. Pola súa parte o Subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, deixou constancia da súa felicitación ao Grupo Filatélico e Numismático de Tui por esta iniciativa. Engadiu que “as Monxas Clarisas son para Tui unha especie de alma” para concluír indicando que tamén fan a súa aportación ao turismo cos peixiños de améndoa. Por último o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, lembrou que a corporación municipal concedeu ás Clarisas á medalla de ouro da cidade de xeito moi merecido. Amais animou ao grupo filatélico a seguir traballando porque dicía, son un referente na cultura de Tui. Xa en declaracións á Radio Municipal o Comisario da Exposición, Juan David Martínez Fernández explicaba que EXFITUI consta de 23 coleccións, xa que debido ao reducido do espazo tívose que limitar o número de participantes. Complétase a mostra con outras pezas interesantes coma unha colección de campanillas, rosarios ou escapularios, así coma pezas e bordados de conventos de Clarisas, sendo a peza máis importante a custodia das Clarisas de Tui, ou o proxecto das murallas de Tui do século XVIII que non se chegou a executar. A EXFITUI está englobada nas actividades do oitavo centenario da orde Franciscana.
Venres, 9 de outubro de 2009 Obradoiro de foamy proposta da Casa da Xuventude A Casa da Xuventude informa de la una nueva actividad que se promoverá desde esta institución. Se trata de trabajar el foamy, un material de textura suave, impermeable, recortable y flexible que permite pintar e imprimir sobre el o que posibilita su uso para la realización de múltiples objetos. A actividade está dirixida a mozos a partir de 14 anos e persoas interesadas en adquirir coñecementos que lles permitan traballar co material: monitores de tempo libre, profesores, animadores, etc. Terá lugar o venres, 30 de outubro de 16.30 a 20.30, pudiéndose obtener más información el “la Casa”.
O Grupo Filatélico de Tui organiza “Exfitui 2009” dedicada ao quinto centenario das Clarisas tudenses A exposición filatélica “ExfituiI 2009” será inaugurada hoxe ás 13.00 horas no edificio Área Panorámica de Tui. Esta mostra, organizada anualmente polo Grupo Filatélico e Numismático Tudense, está dedicada neste ano á conmemoración do quinto centenario do Mosteiro das Monxas Clarisas de Tui, cuxa fundación data de 1508 e establecidas dende aquela na cidade no mosteiro encravado na beira do xenuíno “Camiño portugués” de peregrinación a Santiago. Amais das coleccións filatélicas os visitantes poderán contemplar diversos e valiosos obxectos procedentes de coleccións privadas: rosarios, escapularios, obxectos litúrxicos, bordados, campañas e esmoleiros, que complementan o contido da exposición. Como é habitual nestes certames o Grupo Filatélico Tudense promove un mataselos especial alusivo ao evento, a utilizar conxuntamente en Tui e Madrid, un sobre conmemorativo, cun texto do cronista oficial de Tui, Ernesto Iglesias Almeida, e un debuxo de María del Pilar Saracho. Igualmente edítase un libro recordo desta exposición con diversas colaboración vinculadas a este evento. En “Exfitui 2009” participan un total de 23 coleccións de diversa temática, aínda que con especial presenza dos motivos relixiosos, procedentes da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Vigo, A Guarda, O Rosal e a cidade de Tui e o seu Concello. Está exposición estará aberta do 9 ao 12 de outubro en horario de mañá e tarde ao longo dos catro días. O Grupo Filatélico e Numismático Tudense foi fundado en 1962, sendo na actualidade a asociación cultural máis veterana da cidade de Tui, animado polo coleccionista tudense, José González García, posuidor dunha das mellores coleccións de selos de Portugal coa que acadou numerosos premios internacionais. Dende entón este Grupo ten celebrado case medio centenar de exposicións, editando outros tantos mataselos conmemorativos, que teñen levado o nome de Tui aos máis de 50.000 aboados de Correos que reciben estas marcas postais. O Concello de Tui colabora amplamente con este Grupo Filatélico na realización deste tipo de actividades que contribúen notablemente á dinamización cultural da nosa cidade e á difusión dos seus valores históricos e patrimoniais. Vinculada a estes actos haberá o luns, 12 de outubro, ás 18.00 h. unha Eucaristía solemne, na Igrexa do convento de Clarisas, presidida polo Ministro Xeral da Orde Franciscana, Fr. José Rodríguez Carballo, acompañada por presbíteros e frades e que será a clausura dos actos celebrados ao longo deste último ano co gallo do quinto centenario das “Encerradas” tudenses e o oitavo centenario da Orde franciscana.
As intensas choivas provocaron numerosas incidencias en Tui As intensas choivas caídas o mércores entorno ás tres da tarde volveron causar numerosos problemas en Tui. Tanto ao 112 coma a Policía Local chegaron numerosas chamadas de alerta que desbordaron os dispositivos de resposta. O suceso máis grave rexistrouse na Avenida da Concordia, baixo a Ponte do tren, onde un coche, VW Polo, quedou atrapado co seu conductor no embolsamento de auga que alí se produciu que chegou ao 1,20 metros. Segundo relato da Policía Local de Tui os propios veciños interviron no lugar para sacar a flote o coche que logo foi xa remolcado até saír completamente do lugar. Este lugar estivo cortado ao tráfico até pasadas as 17.30h. Tamén tivo que ser cortada ao tráfico a Travesía do Pilar ao estar inundada. Mentres na rúa Martínez Padín levantouse o asfalto no carril descendente a altura da intersección co rúa Coruña. Todo parece indicar que foi debido a que as tubaxes soterradas non soportaron a presión da auga. Hoxe terán que intervir neste lugar os técnicos municipais. As intensas choivas provocaron tamén novos embolsamentos de auga en Areas na ponte da autovía onde quedaron atrapados dous vehículos. A todo isto hai que engadir a inundación de numerosas vivendas, baixos e establecementos comerciais. As numerosas incidencias tiveron en xaque tanto á Policía Local coma os membros de Protección Civil.
Nova inauguración da Galería de Arte “Trisquel e Medulio” A Galería de Arte “Trisquel e Medulio” reabre mañá sábado as súas portas nunha nova ubicación, na rúa Antero Rubín, moi preto do Museo Municipal e da Alameda de Santo Domingo. O seu propietario, Manuel Martínez, así o explicaba no programa “Día a Día” da Radio Municipal de Tui. Amais dun cambio de emprazamento prodúcese tamén un relevo xeracional ao fronte da Galería xa que serán Rosalía e Aloia Martínez, fillas do propietarios quen estean ao fronte. “Trisquel e Medulio” abriu as súas portas hai case catorce anos coma un proxecto persoal, que ten sobre todo unha clientela a meirande parte de fóra do municipio. Precisamente a clientela potencial chega dos arredores cunha poboación potencial de 300 mil habitantes. Esta reinauguración da galería faise da man dun artista monfortino, Roberto González Fernández. Este sábado ás 20.30h inaugurase a súa exposición “Self Portrait” onde emprega as tecnoloxías para aportar a súa creativa sobre fotografías manipuladas. Ten exposto por toda España, Edimburgo, China, Italia e Xapón. O horario de apertura é de luns a venres de 17 a 21h e os sábados de 11 a 14h. Este sábado coincidindo coa inauguración haberá un miniconcerto de música tradicional a cargo de María Xosé López.
O Grupo Socialista denuncia a falta dun plan de dinamización turística O grupo socialista de Tui denuncia en nota de prensa a fala dun plan de Dinamización Turística. Sinalan os socialistas que o concello de Tui contratou un titulado superior e catro administrativos cunha subvención da Consellería de Traballo para elaborar un “Plan de Dinamización e Desenvolvemento Turístico, Patrimonial e Cultural”, e este persoal é destinado a tarefas de biblioteca e outros traballos de xestión ordinaria. O partido socialista manifesta que ten claro que Tui é unha cidade con vocación turística e considera que é necesario levar a diante un bo Plan de Dinamización e Desenvolvemento Turístico, Patrimonial e Cultural. Un plan que, sinalan, debe por valor aos recursos de que dispomos e conseguir que esta actividade xere o movemento económico propio dunha cidade que aspira a ser Patrimonio da Humanidade. Por outra banda o PSdG denuncia o mal uso feito, no seu parecer, polo alcalde de Tui dos fondos públicos, xa que consideran que mentres dende outras administracións se apoia o desenvolvemento turístico no Baixo Miño, aquí desvíanse os fondos a outros traballos e deste xeito condénase á cidade ao estancamento. Isto ocorre tamén co persoal contratado da mesma maneira para o “establecemento de cauces de participación cidadá a nivel local” tratándose de catro administrativos que non teñen unha función especifica no concello e axudan en tarefas de xestión común. Os socialistas sinalan que é triste que o próximo ano as accións para o desenvolvemento turístico só serán a instalación dunha caseta de madeira na Corredoira. Con todo isto no parecer do PSdG-PSOE de Tui ponse de manifesto que o equipo de goberno está esgotado, e que a falta de ideas e o atrincheramento de Fernández Rocha no seu posto de alcalde, só é propio, segundo opinan, do fin dun proxecto político que fracasou pola mala xestión. Por último indican que isto deixa claro que Fernández Rocha só está aguantando ata o fin do seu mandato, pois como el dixo en varias ocasións, non se volvería a presentar.
O BNG de Tui denuncia a falta de profesorado no Conservatorio de Grado Medio Municipal O Conservatorio Municipal de Tui ten a matrícula mais cara de tódolos Conservatorios de Galicia, o seu prezo medio por alumno é de 800 €, así o manifesta o portavoz do BNG no Baixo Miño, Lano Alonso, quen engade que este prezo. que podería ter sido rebaixado cas subvencións da Xunta de Galicia, mantense tan alto entre outras razóns pola desidia do alcalde, Fernández rocha, e o seu equipo de goberno do PP que perdeu as axudas correspondentes por telas presentado fóra de prazo. Sendo isto xa grave, o peor, continúa a manifesta Alonso, o inadmisible é que ó inicio de curso. e aínda a día de hoxe. falte profesorado para impartir as aulas, en concreto, un profesor de piano aínda non ten a praza cuberta, polo tanto os cidadáns pagan por un servizo que non teñen. O BNG de Tui leva tempo denunciando o abandono que durante estes derradeiros anos leva padecendo a Escola de Música e o Conservatorio Municipal, obtendo por única resposta que xera moitos gastos. Isto choca ca visión do BNG acerca da educación, hai que apostar por unha educación de calidade, subvencionada e cercana, así os nosos xoves poderán estar mellor formados no futuro.
Xoves, 8 de outubro de 2009 A Concelleria de Servizos Sociais convoca o II Concurso Fotográfico “Relacion home muller 100% positivo” A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui convoca o II Concurso fotográfico conmemorativo do Día Internacional contra a violencia de xénero mantendo, como na anterior edición, como temática deste certame a “relación home muller 100% positivo”. Para a concelleira Patricia Ricón este tema “Relación home/muller 100% positivo”, quere facer fincapé na relación entre a muller e o home, resaltando dunha forma positiva a relación de parella, amizade e convivencia no traballo; é dicir, en todos os ámbitos da vida. Con este concurso, engade, quérese resaltar que aínda que, desgraciadamente, existan vítimas de violencia de xénero, afortunadamente a maioría de relacións entre homes e mulleres son relacións non violentas. Con esta campaña preténdese fomentar este tipo de relacións e que acabemos entre todos coa violencia machista. Logo da positiva acollida desta iniciativa o pasado ano, convócase esta nova edición con dúas categorías, para menores de 16 anos e maiores desa idade, que poderán presentar ata 3 fotografías antes do 14 de novembro,nas dependencias do Concello. Coas obras presentadas organizarase unha exposición pública. O premio é de 350 euros para o gañador da categoría de maiores e haberá un premio especial para os menores de 16 anos de idade consistente nun agasallo por valor de 100 euros.
A Biblioteca Municipal renova o fondo de “Lendo espero” a disposición dos usuarios de pediatría no Centro de Saúde A Biblioteca Municipal coa colaboración da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Consellería de Cultura e Turismo vén de renovar o fondo do programa “Lendo Espero” existente na sala de espera de pediatría no centro de saúde de Tui. “Lendo espero” é unha iniciativa que consiste en achegar os libros á sala de pediatría dos centros de saúde, onde cada día se dan cita moitos nenos para facer esperas, ás veces prolongadas. A Consellería de Cultura e Turismo e a Biblioteca Municipal consideran que estes momentos de agarda son oportunidades ideais para achegarse á lectura e aproveitan para ampliar os espazos dedicados á lectura no Concello. Son vinte novas obras que axudarán aos cativos a entreterse agardando polo pediatra. Así, nas salas de espera dos servizos de pediatría existe un punto de lectura con libros e información sobre as condicións de uso. Os usuarios poden coller os libros libremente que estarán dirixidos, principalmente, a idades novas e conterán imaxes e colores, ademais dunha carta de presentación que serve de enlace entre a Biblioteca Municipal e os lectores máis novos. “Lendo espero” é un proxecto da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura para achegar os libros aos máis pequenos. O programa desenvólvese en colaboración coa Rede de bibliotecas públicas e cos centros de saúde, e consta dun punto de lectura, un panel informativo e un tríptico que inclúe datos das bibliotecas máis próximas. Este programa “Lendo espero” leva funcionando xa tres anos no Centro de Saúde tudense e deste xeito a Biblioteca ten unha pequena parte de si no Ambulatorio para achegarse aos usurarios. A mesma filosofía move o programa “Bibliopiscina” que, como o seu propio nome indica, consiste en achegar os libros á piscina na época de verán, para que os usuarios poidan disfrutar de ambos servizos municipais a un tempo. Éstas son as novas obras que pais e rapaces poderán atopar no ambulatorio: “Es ti o meu amigo” de Magda Soldado, “As minas do rei Chang Py Ñong” de Miquel Desclot, “O zoo de Xoquín” de Pablo Bernascoti, “Sara fai preguntas” de Pasqual Alapont, “O segredo do Rei Curro”, de Patacrúa, “Furia”, “Arroz e tinta” e “Unha estatua e dous artistas” de Patxi Zubizarreta, “René no conoce Galicia” de Pepe Carreiro, “Outro nome para Daniel” de Ramiro L. Álvarez, “A Saga de San Ferreol” de Ramón Loureiro, “Sopa de soño” de Riki Blanco, “A casiña azul” de Sandra Comino, “A bañarse” de Taro Gomi, “Xogo e aprendo” de Teresa Soler, “Os animais da cidade” e “Nenos e nenas de todo o mundo” de Vicente Muñoz Puelles, “A princesa que venceu a sombra” de Xoán Babarro, “Farrapos de Nube” de Xoán Neira e “A mulemba” de Xosé Lois García.
O PP preguntará no Parlamento pola situación da EDAR de Guillarei O Partido Popular de Galicia, a través do seu Grupo Parlamentario, formulará unha pregunta en Pleno á Xunta sobre a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, en Tui, trala paralización da súa posta en marcha por parte do anterior Goberno autonómico. A deputada Marta Valcárcel presentou esta iniciativa para coñecer as medidas que se están a levar a cabo para axilizar a entrada en funcionamento desta instalación, que beneficiará aos veciños de Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Tui. A EDAR de Guillarei foi inaugurada en xullo de 2006 co obxectivo de tratar os vertidos urbanos e industriais da cunca dos ríos Louro, Caselas e Miño e a súa posta en marcha foi urxida pola propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil dada a grave situación medioambiental especialmente do río Louro. Sen embargo, para a posta en marcha da EDAR obrigábase aos concellos afectados a financiar e manter a instalación, o que economicamente resultaba inviable. Ante esta situación, o Partido Popular pediu no Parlamento ao anterior Goberno da Xunta que se crease un consorcio cos concellos para xestionar a depuradora, iniciativa que “foi rexeitada sen ter en conta o gran custo medioambiental que iso significaba”, apunta Marta Valcárcel, quen considera ese rexeitamento “outro exemplo claro da preocupación do anterior conselleiro de Medio Ambiente e do Goberno bipartito polo medio ambiente”. Valcárcel lembra que, despois de incumprirse o anuncio do anterior conselleiro de Medio Ambiente de que a Estación Depuradora entraría en funcionamento en xaneiro de 2009, a Xunta bipartita e maila Confederación Hidrográfica do Miño-Sil acordaron activar un convenio para a súa posta en marcha que nunca se chegou a asinar.
Prazas vacantes nos cursos Actívate Os Servizos Sociais do Concello de Tui informan que quedan prazas vacantes nos dous cursos que se van impartir en Tui ao abeiro do plan Actívate. Van dirixidos a persoas entre 16 e 35 anos preferentemente en situación de desemprego. Trátase dun curso de “Auxiliar de Gardería” que se impartirá do 21 de outubro ao 13 de novembro, con 30 horas lectivas. As clases serán de luns a venres de 16 a 20h no Centro de Formación en Guillarei. Amais vaise impartir tamén un curso de Cociña e Repostería cuxas datas e lugar de celebración aínda non están confirmados. Os interesados deben anotarse no Departamento de Servizos Sociais presentando o DNI e a tarxeta de desempregado se a teñen.
Mércores, 7 de outubro de 2009 Ghazafhellos presenta “Contos Mariñeiros” este venres ás 20h no Teatro Municipal de Tui Este venres, día 9, ás 20h, o Teatro Municipal de Tui acolle unha representación de teatro infantil da man da compañía Ghazafhellos da Coruña. A obra que van levar a escena titúlase “Contos Mariñeiros” escrita e dirixida por Pepablo Patinho. As entradas, cun custe de 3€ para adultos, e 2€ con descontos para os menores de 12 anos, poranse á venda ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica. En “Contos Mariñeiros”, ao longo de 70 minutos, coñeceremos a historia dunha nena que sae na busca do seu pai logo de que o seu barco, o “Bestazurra”, naufragase. A nena na súa viaxe irá percorrendo distintos faros da costa galega onde coñecerá a estraños personaxes que a guiarán ata a Arriola Verde. Nesta montaxe Ghazafhellos trata o tema dos naufraxios presentando a historia dun xeito divertido e natural, procurando unha mensaxe positiva á hora de enfocar a situación familiar, ao tempo que se repasa a cultura mariñeira. “Contos Mariñeiros” é unha obra para todos os públicos recomendada especialmente para o público infantil que se estreou en abril deste ano en Narón. Ghazafelhos Ghazafelhos é unha compañía de teatro creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho no ano 2006 en Narón. Centrándose no traballo de títeres, animación e teatro, especializáronse na realización de obras tetarais para público familiar. Na súa andaina como compañía, realizan contacontos, títeres, mímica e obradoiros de teatro para nenos e adultos.
La firma Darlim colaborará con ACITUI en materia de prevención contra la gripe H1N1 La firma de distribución y venta de productos de limpieza e higiene industrial Darlim y la Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui colaborarán en materia de prevención contra la Gripe H1N. Ambas instituciones firmaron un convenio de colaboración mediante el cual la firma porriñesa, líder en su sector en Galicia y una de las cinco firmas más importantes de España en este campo, asesorará a las empresas integradas en la Asociación en materia de establecimiento de los planes de higiene más adecuados para cada negocio. Así, desde Darlim se asesorará a las empresas integradas en la Asociación en cuanto a los productos más adecuados para desinfectar y proteger sus establecimientos contra el virus de la gripe H1N1, pero también en materia de implantación de planes de higiene. Además, mediante el acuerdo alcanzado, desde Darlim también se formará a los trabajadores sobre las medidas de protección que deben adoptar para protegerse, así como sobre las precauciones a adoptar en el trato con los clientes de los distintos establecimientos. En resumen se trata de que, ante la llegada del virus de la gripe H1N1, las empresas integradas en la Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui tengan a su disposición la información, productos y medidas de prevención más adecuadas para minimizar los posibles efectos que pueda ocasionar el virus. Recomendaciones Como norma general, Darlim apunta una serie de recomendaciones a todos los centros de trabajo, entre las que incluyen la limpieza y desinfección diaria de todas las instalaciones, así como de todas las superficies que reciban contacto continuo con las manos; el uso de técnicas de “doble cubo”; o el lavado diario de material como ropa, balletas, mopas, fregonas o toallas. Además, desde Darlim se apuntan también una serie de recomendaciones para evitar el contagio del virus entre los trabajadores de un mismo centro laboral, entre las que destacan el lavado de manos minucioso y frecuente, tanto con gel hidroalcoholico desinfectante de rápida acción que no necesita agua, como con agua y jabón desinfectante; toser o estornudar en el brazo (codo interno) o en un papel de un solo uso; o limpiar con frecuencia con un desinfectante superficies de uso frecuente como mesa de trabajo, picaportes, interruptores, teléfonos.
Xornadas Micolóxicas en Tui A Casa da Xuventude informa das Xornadas Micolóxicas que se impartirán proximamente por Helios (Educación e interpretación ambiental) en colaboración co Parador de Tui. As Xornadas micolóxicas terán lugar o venres, 23 de outubro, de 19.00 a 20.30 horas, cunha charla que leva por título “Aprende a identificar cogomelos”. Ao día seguinte, sábado, haberá unha saída de 10.30 a 15.00 horas, para recoller, clasificar e degustar setas. Poderán participar tódolos interesados a partir de 12 anos, tendo prioridade os mozos de ata 35 anos. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
Inundacións en Tui A principal incidencia das choivas o luns en Tui debeuse ao afundimento da N-550 a altura do quilómetro 168.300, onde unha zanxa de obras cedeu e afundiu a estrada casi dun lado a outro uns 80 cms. Un coche que pasaba no momento quedou atrapado sen rexistrarse danos persoais. O tráfico tivo que ser desviado en ambos sentidos segundo explicaba a Policía Local de Tui. A policía Local informa tamén de dous embolsamentos de auga a altura do Haley e na Ponte de Magnolia con sendos coches atrapados, así coma inundacións na Ponte do Louro. Mentres Protección Civil de Tui sumou un total de quince intervencións. Amais das apuntadas pola Policía Local, tamén se desprazaron a numerosos baixos comerciais anegados pola auga.
Martes, 6 de outubro de 2009 Máis de 200 participantes nas actividades das “Xornadas Europeas de Patrimonio” de Tui Máis de 200 participantes asistiron ás diversas actividades programadas nesta pasada fin de semana en Tui ao abeiro das “Xornadas Europeas de Patrimonio” celebradas por terceiro ano consecutivo na cidade, sumándose á iniciativa europea que se celebra anualmente, dende 1991, nos 49 estados asinantes do Convenio Cultural Europeo promovido polo Consello de Europa. Así o sábado día 3 de Outubro, ás 11.00 horas, desenvolveuse a visita guiada ao Viveiro e Aula forestal de Areas. A visita estivo guiada por Manuel Pérez Pintos e un técnico daquelas instalacións, e os participantes puideron achegarse ao coñecemento da historia daquel viveiro, que ven de cumprir cen anos de existencia e aos importantes recursos tanto naturais, ambientais e mesmo culturais que fornece. Pola tarde unha indisposición da profesora Marta Cendón Fernández, obrigou a unha modificación do programa previsto. Deste xeito en lugar da visita ao conxunto catedralicio que tiña preparada a profesora Cendón, unha das máximas especialistas neste templo, os máis de 50 participantes nesta visita puideron achegarse á tribuna e tellados da Catedral tudense guiados polo historiador Suso Vila. Foi unha interesante visita ás cubertas pétreas da Catedral onde os visitantes puideron disfrutar tanto destes elementos arquitectónicos coma da magnifica paisaxe que dende aquela altura se contempla. O domingo 4 de outubro, ás 12.00 comezou a terceira das visitas programadas, neste caso ao sistema amurallado tudense baixo a dirección do arqueólogo Juan José Perles Fontao. A visita percorreu á porta da Pía, a Praza do Concello, o Colexio da Milagrosa –contemplando o treito mellor conservado das murallas medievais” e logo fíxose un percorrido por diversos lugares da cidade onde se recoñecen outros elementos defensivos: a falsa braga do século XV e o sistema de murallas dos séculos XVII e XVII. Un grupo de máis de medio centenar de persoas participaron nesta visita. Finalmente, na tarde de onte e coa ameaza da chuvia, aproximadamente vinte participantes visitaron diversos monumentos contemporáneos da cidade, guiados polo historiados Rafael Sánchez Bargiela achegáronse ao “Monumento a Tui” de Magín Picallo na Praza de Galicia e o monumentos “Os cabalos” de Juan Oliveira na Glorieta de Vigo. Finalmente na Alameda tudense foi o escultor Silverio Rivas quen explicou aos participantes a súa obra en homenaxe ao represaliados da Guerra Civil. Esta última visita estaba relacionada co lema escollido neste ano 2009 polo Ministerio de Cultura para a celebración destas Xornadas en España: “Patrimonio e creación contemporánea”. O Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, congratúlase polo éxito destas Xornadas do Patrimonio Europeo, que neste ano de novo suscitaron o interese nos tudenses que puideron achegarse ao coñecemento de novos elementos ou de novos aspectos do conxunto monumental da cidade. Cómpre salientar que esta iniciativa de celebrar as Xornadas Europeas de Patrimonio por parte do Concello de Tui evidencia o traballo que desenvolvese a prol da conservación e posta en valor do patrimonio cultural. O Concello de Tui, engade Rodríguez Pérez, é, xunto ao Museo do Pobo Galego, a única institución de Galicia que se suma a esta iniciativa europea, moi consolidada noutros países. Unha iniciativa que terá continuidade no noso concello no vindeiro ano. Finalmente a Concellería de Cultura agradece ás institucións e persoas que teñen participado na realización destas Xornadas Europeas de Patrimonio a súa colaboración, que testemuña o seu interese e traballo en favor do patrimonio cultural tudense.
Foi presentado o titorial “Servizos Sociais na Rede” no Telecentro de Tui O Telecentro de Comunicación de Tui na Área Panorámica acolleu o pasado venres a presentación do titorial “Servizos Sociais na Rede” a cargo do subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicacións, Radio, Televisión e Multimedia, Ignacio Otero López, e o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Dirección Xeral da Dependencia, Modesto Rouco Vilar, co obxectivo de amosar a todos os usuarios da Rede de Telecentros de Comunicación as facilidades que a rede lles pode ofrecer na súa vida diaria. O titorial desenvolvido pola Secretaría Xeral de Medios foi presentado no Centro Multimedia de Galicia de Santiago de Compostela e puido seguirse a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación da Cañiza, Tui, Ourense, Lugo, Betanzos e Oroso. O subdirector xeral Enxeñaría e Planificación de Telecomunicacións, Radio, Televisión e Multimedia, Ignacio Otero López, lembrou que “este titorial xurde no marco do proxecto multimedia de formación da campaña “Comunícate” que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para dar a coñecer a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia”. Segundo Ignacio Otero, “os titoriais naceron co obxectivo de facilitar aos usuarios dos Telecentros de Comunicación determinadas funcionalidades e potencialidades que se poden realizar dende os mesmos”. Pola súa banda, o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Dirección Xeral da Dependencia, Modesto Rouco Vilar, fixo mención na súa intervención á crecente importancia dos servizos sociais, “que se teñen convertido no cuarto piar dos sistemas de benestar da sociedade” destacando a importancia do titorial que se concibe coma unha especie de guía para axudar aos cidadáns a coñecer os recursos que lles ofrece Internet na obtención de información sobre as áreas que abranguen os servizos sociais, como a atención á discapacidade e á dependencia, a inclusión social ou as políticas destinadas á mocidade, así como para explicarlles como empregar a rede para realizar algúns dos trámites dispoñibles.
Sábado, 3 de outubro de 2009 Actividades do grupo Scouts Alhoia O grupo Scouts Alhoia de Tui retoma hoxe sábado a súa actividade tralo paréntese do verán. Ás 16.30h levarán a cabo unha “Busca do Tesouro” dende a Praza de San Fernando para nenos e nenas de 8 a 14 anos. Por outra parte para os maiores de 14 anos farán un xogo de rol que partirá ás 20.30h da antiga alfándega de Valença.
O padeiro do Kaiak Tudense Rubén Millán bolsado pola RFEP A canteira do Club Kaiak Tudense segue dando os seus froitos, e consecuencia diso é que o padeeiro júnior, Rubén Millán, foi bolseiro por parte da RFEP para incorporarse á Residencia Joaquín Blume de Madrid onde compaxinará os seus estudos cos adestramentos. O piragüista tomiñes do Kaiak Tudense, que leva tan só catro anos na práctica deste deporte, demostrou un gran potencial que lle levou a estar entre os mellores padeeiros nacionais da súa idade, tendo como premio á súa gran tempada, a participación no mundial júnior de Maratón que se disputou en Crestuma, onde alcanzou o décimo terceiro lugar en k2 co seu compañeiro de club Óscar Carreira. Curiosamente as carreiras deportivas de Rubén e Óscar teñen un gran paralelismo, xa que ambos en catro anos de práctica deste deporte, e a pesar de non estar nunca en ningún programa de detección de talentos da federación nacional, nin de pasar polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva, chegan ao equipo nacional junior, esperando por parte do equipo de Tui, que a estancia de Rubén en Madrid ás ordes do técnico galego Manuel Valladares, sexa tan frutífera como o foi para Óscar Carreira, que nesta tempada alcanzo dúas medallas de prata no Europeo de Poznan en k2 1000 e 500 metros, sendo 4º e6º do mundo no mundial de Moscova, tamén en k2 1000 e 500 metros respectivamente. Nestes momentos Rubén xa iniciado os seus estudos en Madrid, e esta gozando das súas últimas xornadas de descanso deportivas, xa que o mundial de Maratón finalizou fai tan só quince días, e isto fai que Rubén retome os adestramentos unhas xornadas mais tarde que os seus compañeiros de concentración.
Venres, 2 de outubro de 2009 O Telecentro de Tui acolle hoxe a presentación do titorial “Servizos Sociais na Rede” No marco do proxecto multimedia de formación da campaña Comunícate que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para dar a coñecer a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC), preséntase hoxe no Telecentro de Tui, ás 12.30 horas, o titorial interactivo. “Servizos Sociais na Rede” co que se trata de ofrecer aos usuarios o coñecemento e uso das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación. “Servizos Sociais na Rede” pretende servir de guía para axudar aos cidadáns a coñecer os recursos que lles ofrece Internet na obtención de información sobre as áreas que abranguen os servizos sociais, como a atención á discapacidade e á dependencia, a inclusión social ou as políticas destinadas á mocidade, así como explicar a maneira de empregar a rede para realizar algúns dos trámites dispoñibles. As persoas interesadas en coñecer o funcionamento desta ferramenta informática poden achegarse e participar neste acto aberto a todos. Os titoriais, desenvolvidos en Flash, están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratan sobre distintos temas relacionados co mundo das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación e cos distintos servizos e oportunidades que a rede ofrece na actividade diaria: a formación on-line, as redes sociais, a protección da identidade na rede, etc… A xornada poderase seguir a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación da Cañiza, Oroso, Ourense, Betanzos, Tui e Lugo, onde os interesados poderán traballar co titorial, que queda desde hoxe accesible nos distintos TC da Rede de Comunicación. No acto de presentación participará Alfonso Cabaleiro, secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Modesto Rouco Vilal, subdirector Xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Dirección Xeral de Dependencia, quen realizará unha breve exposición sobre as posibilidades que ofrece á rede de Internet para acceder ao recursos dos servizos sociais. As súas intervencións podereán seguirse dende o Telecentro de Tui a través de videoconferencia. O Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, convida a todos os veciños a participar nesta actividade que se realiza no Telecentro tudense ubicado no primeiro andar do edificio “Área Panorámica”.
Tui celebra por terceiro ano as “Xornadas Europeas do Patrimonio” Tui volve acoller as Xornadas Europeas de Patrimonio esta fin de semana, baixo o lema de “Patrimonio e Creación Contemporánea”. Trátase dunha iniciativa europea que se celebra anualmente, dende 1991, nos 49 estados asinantes do Convenio Cultural Europeo. Dende hai xa anos estas xornadas son a escusa para celebrar a diversidade cultural europea representada no seu Patrimonio Cultural e aproveitar para destacar a necesidade da súa posta en valor. O obxectivo das Xornadas europeas de patrimonio é múltiple. Trátase de sensibilizar ós cidadáns europeos sobre a riqueza e a diversidade cultural de Europa, así como fomentar a valoración do rico mosaico que compoñen as culturas europeas e o diálogo intercultural. Esta festa é tamén un xeito de combater o racismo e a xenofobia e favorecer unha maior tolerancia entre pobos. O concello de Tui, segundo informou o seu concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, foi a primeira institución de Galicia en sumarse a esta iniciativa das Xornadas Europeas de Patrimonio, testemuñando o seu compromiso pola posta en valor do seu conxunto patrimonial. Estas actividades pretenden a posta en valor e a difusión dos elementos da súa riqueza cultural. Visitas guiadas As actividades principais destas xornadas son as visitas guiadas por diversos expertos que se realizarán en distintos puntos da cidade e do concello. O sábado, día 3, visitarase o Viveiro e Aula forestal de Areas. A visita estará guiada por Manuel Pérez Pintos e a rota comezará ás 11.00 horas no propio Viveiro. Este enclave que vén de cumprir o seu centenario é un lugar dotado dun importante patrimonio natural promovido, no seu día, polo enxeñeiro tudense Rafael Areses. Na tarde do sábado, ás 17.30 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández, guiará a visita que se realizará á Catedral de Tui, o principal emblema do patrimonio tudense. Marta Cendón é profesora titular de Historia da Arte e, na actualidade, unha das máximas especialistas no templo tudense. O domingo, a partir das 12.00 horas, realizarase un percorrido polas murallas tudenses. Partirase do Monumento ao Bispo Lago, na rúa Ordoñez e a visita estará guiada polo arqueólogo Juan José Perles Fontao, visitando diversos elementos do entramado amurallado tanto de época medieval como moderna. Pola tarde a visita será aos conxuntos escultóricos contemporáneos da cidade de Tui: “Monumento a Tui” de Picallo; “Os Cabalos”, de J.J. Oliveira, e “Monumento aos represaliados”, de Silverio Rivas. O percorrido iniciarase na Praza de Galicia ás 17.30 horas. Deste xeito as Xornadas Europeas do Patrimonio de Tui recollen tamén a temática coas que se celebra no resto de España neste ano 2009: “Patrimonio e creación contemporánea”, poñendo en valor estes tres conxuntos escultóricos de artistas contemporáneos existentes na nosa localidade. Nas anteriores Xornadas dos anos 2007 e 2008 a resposta dos tudenses e visitantes a estes roteiros patrimoniais ten sido altamente positiva cunha elevada participación de público.
A Agrupación Musical do Rosal actúa mañá no Teatro Municipal O Teatro Municipal de Tui acolle mañá, sábado, ás 20.30h, un concerto da Agrupación Musical do Rosal. A entrada é gratuíta e a apertura de portas terá lugar ás 20h. A Banda de Música rosaleira ofrecerá neste concerto, entre outras composicións, as dúas pezas que vai interpretar o domingo, 4 de outubro no IX Certame Provincial de Bandas de Música en Pontevedra, onde competirá na sección especial. Trátase da peza obrigatoria “Esbozos “Meigas”, de Juan-Gonzalo Gómez Deval e “Pinos de Roma”, de Ottorino Respighi, transcr. Yoshihiro Kimura coma obra libre. Esta agrupación estará dirixida por Diego Javier Lorente López.
Son de Seu abre, ás 21.30 horas, a programación de outono no Teatro Municipal O Teatro Municipal de Tui inaugura hoxe, venres, a programación cultural de outono cun concerto da orquestra folk “Son de Seu” única das súas características en Galicia. A cita será ás 21.30h. As entradas son gratuítas até completar o aforamento, debendo retirarse dende ás 20h no despacho de billetes, cun máximo de dúas localidades por persoa. “Son de seu” creouse no ano 2000 no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Rodrigo Romaní dirixe aos 40 compoñentes desta agrupación que recrean o repertorio tradicional e de nova creación. O concerto é todo un espectáculo tanto pola interpretación coma pola coidada posta en escena. Nos seus concertos empregan instrumentos construídos na súa maioría no propio país por artesáns mesmo pertencentes á propia orquestra e arranxos contemporáneos na liña do xa clásico folk galego producidos en exclusiva para a formación polos profesores das aulas do conservatorio, todos eles con longa traxectoria no estilo Son de Seu é a primeira agrupación destas características en España e unha das primeiras en Europa. Arestora forman parte dunha organización europea entre cuxos obxectivos está formar outras orquestras similares noutros países da UE. No concerto que van ofrecer no Teatro Municipal de Tui os membros de Son de Seu van dalo todo no escenario, sen estar constriñidos pola pauta dun director xa que os propios músico plantean a dinámica en escena. O son que se poderá escoitar é o máis puro posible, xa que empregarán a máis mínima expresión de amplificación. Buscarán meter ao espectador no ambiente musical da orquestra. A cita será ás 21.30h.
Éxitos do Club Balonmán Tui O pasado sábado día 26 de setembro de 2009, o Club Balonmán Tui acadou un novo éxito como culminación a unha excelente temporada 2008/2009 Esta fin de semana o equipo Infantil Masculino do Club Balonmán Tui desprazouse ó Pavillón “Oscar Pereiro” de Mos, para xogar o partido de volta da fase de ascenso á categoría de División de Honra para enfrontarse o Club Balonmán Porriño. No global da eliminatoria os rapaces de Tui foron superiores acadando ó ascenso á máxima categoría de Galicia. A este ascenso hai que engadirlle o logrado tamén esta pasada temporada polo equipo Cadete Masculino que tamén acadou o pase para xogar na temporada 2009/2010 na División de Honra. Os demais equipos do Club Balonmán Tui tamén tiveron destacadas actuacións, tales coma a do equipo Infantil Feminino que quedou terceiro absoluto de Galicia, quedando a un posto de xogar o Sector do Campionato de España Infantil; salientando tamén a clasificación do equipo Xuvenil Masculino para a fase de ascenso.
O Club Balonmán Tui tentará esta
vindeira temporada 09/10 igualar ou mellorar os resultados do pasado ano
e continuar apoiando e promocionando o deporte base no Concello de Tui e
limítrofes, contando este ano con 9 equipos federados de tódalas
categorías e idades e cunha forte presenza nos Colexios contando con un
grande número de nenos/as practicando o deporte do balonmán nas escolas. Reunión clases de patinaxe Hoxe venres ás seis da tarde terá lugar no Pavillón do IES San Paio unha reunión para todos os que se inscribiron nas clases de patinaxe que se van impartir.
Festas na honra a San Miguel en Pexegueiro Hoxe comezan en Pexegueiro as Festas na honra a San Miguel con verbena a cargo de Solamérica e Acirema. Mañá sábado ás 12h haberá misa solemne con sermón e procesión acompañada pola charanga “Los Quíntela”. Á noite a verbena será amenizada por Ciudad de Vigo e Niebla.
O Consello da Xunta aproba a colaboración co concello de Tui para executar o colector do río San Simón O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dun acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Tui, que ten como principal obxectivo a execución das obras do colector xeral de San Simón, ás cales se destinarán case un millón de euros, dividido en dúas anualidades. O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará o 100% do custo das obras, que se executarán nun período de oito meses e que ao seu remate darán servizo a máis de 1.500 habitantes, que tamén se beneficiarán da EDAR de Guillarei. Cómpre destacar que o colector de San Simón recollerá as augas residuais do río Louro que serán conducidas para, posteriormente, seren tratadas pola EDAR de Guillarei. Este tipo de obras responden á colaboración que establece a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas coas entidades locais para o desenvolvemento de infraestruturas, debido a que os concellos teñen un orzamento insuficiente para poder financialas. Obras que se van realizar As actuacións previstas neste convenio inclúen os treitos necesarios para conectar o saneamento existente na parroquia de Ribadelouro co colector xeral do Louro, para poder completar a conexión das redes de saneamento coa EDAR de Guillarei. Comprende a execución de 2.002 metros de colector na súa maioría de 315 milímetros e tres bombeos, situados en Porto de Bouzas, Cotarel e San Simón. Para levar a cabo os colectores, terase que atravesar a estrada PO-342, e tamén existirán tubaxes baixo os ríos Louro e San Simón, mentres que o último cruza perpendicularmente un sendeiro que parte do Camiño de Portugués, no treito Tui-Redondela; outro tramo transcorre por unha vía de servizo da autoestrada AP-9 e unha afección ás estradas EP-2502 e PO-342. Neste proxecto tamén se inclúe a reposición dos servizos e pavimentos afectados por estas obras. O Concello de Tui comprometeuse á entrega dos terreos e auga necesarios para a execución das obras, así como todas as autorizacións administrativas necesarias para a realización destas. Por outra banda, mantén o compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras e de levar a cabo os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución. Todas estas actuacións forman parte do compromiso da Xunta de Galicia de levar a cabo a mellora dos saneamentos da comunidade autónoma galega. Edar de Guillarei A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitou no mes de setembro a xestión do sistema de saneamento do río Louro e da estación de augas residuais de Guillarei, por un importe de case 4 millóns de euros. O sistema de saneamento do Río Louro recolle as augas procedentes dos concellos de Tui, O Porriño, Salceda de Caselas e Mos a través dunha serie de infraestruturas que comprenden unha rede de colectores xerais, tanques de tormenta, estacións de bombeo e estación de tratamento de augas residuais. As obras autorizadas hoxe polo Consello da Xunta terán continuidade con outras actuacións nos municipios citados. Debido á magnitude do saneamento da bacía do río Louro e da Edar de Guillarei, Xunta e concellos apostaron por constituír un consorcio para a xestión e explotación do saneamento, da que formarán parte a Administración hidráulica de Galicia e os municipios beneficiarios. A participación da Xunta neste organismo será do 42,81%. Esta entidade será a encargada de xestionar o saneamento da bacía do río Louro.
Xoves, 1 de outubro de 2009 Presentación das Xornadas Europeas que se van celebrar en Tui Hoxe, xoves, 1 de outubro, ás 11.00 horas vai ter lugar no Edificio "Área Panorámica" (primeiro andar) a presentación do programa das Xornadas Europeas de Patrimonio a celebrar nesta cidade na fin de semana, sábado, día 3, e domingo, día 4. A presentación correrá a cargo do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez.
A Deputación aproba o proxecto de mellora dun tramo da estrada provincial Cerquido-Ribadelouro, en Tui A Deputación de Pontevedra, reunida este mércores en Xunta de Goberno, resolveu favorablemente a aprobación do proxecto para a realización das obras de mellora na zona Magdalena e variante igrexa na estrada provincial 2502 Cerquido-Ribadelouro, en Tui. Aprobouse, así mesmo, nesta sesión o inicio do expediente para a contratación das referidas obras. As obras teñen por obxecto a urbanización deste tramo da estrada, na parroquia de Ribadelouro, mediante a dotación de beirarrúas e servizos. Concretamente, as melloras proxectadas inclúen unha rede de pluviais con colectores de P.V.C, beirarrúas, rede de abastecemento de augas, alumeado público, redes de media e baixa tensión, rede de comunicacións así como sinalizacións e balizamento. Ademais, co fin de darlle unhas directrices básicas á empresa adxudicataria das obras, contémplase no proxecto un Estudo de Seguridade e Saúde, en cumprimento das obrigas no campo de prevención de riscos profesionais. O importe total da obra ascende a 405.451,30 euros. Esta será financiada polo Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra, en virtude dun convenio de colaboración asinado por ambas partes. De acordo con este convenio o Concello achegará un total de 121.635,40 euros e a Deputación un total de 283.815,90 euros. Estas cantidades repartiranse en entregas anuais sucesivas dende 2009 ata o 2011, de maneira que o concello achegará os dous primeiros anos 40.545,14 euros e o último ano os 40.545,12 euros restantes, mentres que a Deputación achegará 123.398,24 euros en 2009, 86.378,74 euros en 2010 e 74.038,92 euros en 2011. O prazo de execución da obra establécese en 14 meses e comezará a contar dende o día seguinte á firma da acta de comprobación do repranteo. |
|
|