www.galiciasuroeste.info

 Pacífico Rodríguez Rodríguez

por Joaquín Miguel Villa Álvarez

 

“Pacífico Rodríguez Rodríguez naceu en 1853 e finou no ano 1934, polo tanto a súa traxectoria vital desenvólvese entre a segunda mitade do século XIX e o primeiro tercio do XX.

            Foi un médico guardés, naquela época de gran renome. Sabemos moi pouco da súa vida, recollida das pequenas biografías que se escribiron na época. Sabemos que foi de neno a un Seminario do que saíu porque o seu irmán, Laureano Rodríguez, pagoulle desde Cuba a carreira de Medicina. E aquí temos unha pista posible do estrato social da familia Rodríguez Rodríguez, unha das poucas familias guardesas que foron a Cuba. Na Guarda había dous tipos de emigración: a emigración de carácter humilde, que tiñan como destino Brasil, e despois estaban as de familias máis pudientes que mandaban aos seus fillos a Puerto Rico, ao mundo do comercio. Cuba é unha gran descoñecida da emigración, para nós. A Cuba foi, entón, Laureano Rodríguez Rodríguez, para traballar no comercio, concretamente na capital, La Habana, chegando a ter unha gran posición social na capital daquela illa. Pensemos que Cuba era a perla das Antillas do imperio español e o nivel comercial que había en Cuba era moi superior ao que existía en Puerto Rico. Laureano chegou a ser, en 1897, cando o goberno de España lle concede a autonomía a Cuba e a Puerto Rico, que non logrou consolidarse porque Estados Unidos entra en guerra con España invadindo as illas, ministro, equivalente a secretario, de Comercio, Industria e Agricultura, sendo polo tanto, un guardés que apareceu nas portadas da prensa da época, coma un dos ministros do Goberno autónomo de Cuba.

Hai outros guardeses que acadaron gran nivel económico e social en Cuba; sobre todo en cidades coma La Habana, Cárdenas e Matanzas, que esperan ser estudados. Algúns deses guardeses regresaron, instaládonse en Vigo, que era una cidade en expansión, e permitía realizar maiores inversións. As súas casas están, nas tres ou catro que temos constatado ata agora, na rúa Príncipe, polo que podemos imaxinar o nível daqueles guardeses de Cuba.

Pois ben, grazas ao seu irmán, Pacífico Rodríguez Rodríguez estuda medicina, e debeu de ser en 1880 cando comeza a exercer, ata un ano antes do seu pasamento, que foi no 1934, polo tanto algo máis de cincuenta anos dedicado a esta profesión, onde foi recoñecido como ‘médico dos pobres”, porque atendía a todas as xentes de calquera posición social, pensemos que viviu nunha época clasista; de modo que, coma médico, granxeouse o cariño de todo o mundo.Pero, ademais, tivo unha activa vida social. Participou no asociacionismo guardés da época, sendo socio e directivo dunha sociedade completamente descoñecida que houbo na Guarda, que se chamou Círculo Guardés, de 1888 a 1918, e el, ao parecer, foi o responsable de ultimar a incrible biblioteca que tiña o Círculo, vendéndoa en poxa pública cando se desfixo a sociedade. Ocupou o cargo de presidente do Recreo Artístico Guardés, en 1893, nunha época difícil, pola escisión interna que pasaba esta institución, da que xurdiu o Círculo de Artesanos, de curta vida. Pero polo que é máis coñecido, no eido cultural Pacífico Rodríguez, é porque foi o secretario da Sociedade Pro Monte Santa Tecla, creada en 1912, que transformou a fisonomía da Guarda. Nesta Sociedade ocupou a Secretaría ata un ano antes do seu pasamento que aconteceu en 1934; polo tanto ata 1933 estivo como secretario, sendo, incluso, nomeado Secretario Perpetuo en épocas difíciles nas que quixo dimitir, pero non o deixaron.

Como xestor, foi un dos piares desta sociedade, xunto co presidente, Manuel Lomba Peña, tendo dúas actuacións moi notables: Unha, na repoboación do monte, xunto co enxeñeiro forestal Rafael Areses, e, sobre todo, creando ou fomentando a celebración de tres festas que a xente maior do pobo recorda, que foron as Festas da Árbore, nas que participaron todos os nenos dos colexios, cos mestres, para a repoboación do monte durante tres anos.

A outra gran aportación foi no mundo da Arqueoloxía, coa recuperación e restauración das pezas procedentes das escavacións, montando, segundo recolle a prensa da época, as peciñas que estaban estragadas, armando ánforas, clasificando moedas, organizando as fíbulas en cartonciños, sendo, finalmente, o creador do Museo do Monte Santa Trega, no ano 1917, xunto con Juan Domínguez Fontela que lle botou una inmensa man.