www.galiciasuroeste.info

Mª Asunción Espinosa Ferrándiz - Señorita Paloma

Por José A. Uris Guisantes

 

seguinte

 

Mª Asunción Espinosa Ferrándiz. Fotografía cedida por Lara Castellanos Garcés

---------------------

 

María Asunción Espinosa Ferrándiz, nada en Madrid en 1909 e falecida o 5 de xullo de 1999, popularmente era chamada señorita Paloma, unha moza  que remataba de graduarse de enfermeira cando a destinaron  ao Centro de Higiene Rural, popularmente Centro Sanitario.

Era 1931 cando Paloma se separa, por primeira vez da familia en Madrid, cunha irmá tamén en Ferrol e outra máis que casaría en Vigo anos máis tarde. Despois de varios anos de profesión na Guarda, xorde a sublevación militar contra a IIª República e a señorita Paloma pasa algún tempo fóra, volvendo de novo pero con seus pais, irmáns e sobriños. Xa acobilla no seu corazón a Vila da Guarda e sobre de todo as súas xentes. Unha vinculación e un compromiso que duraría toda a súa vida e que segue na memoria de moitos guardeses e guardesas que a coñeceron e trataron.

 

A tarefa como enfermeira comezou xunto a outra enfermeira, Araceli Lóriga Taboada (irmá do famoso aviador, naturais de San Martiño de Prado-Lalín) no Centro de Higiene Rural de La Guardia. Estaban ademais: como médico tisiólogo don Darío Álvarez Blázquez dende 1933 a 1936; don Emilio Rolán Vicente, venéreas e hixiene; don Tomás Angulo, odontólogo; Dr. Seoane otorrinolaringólogo. O bedel, Pacífico Fernández Cividades (dende 1936 preso no penal da illa de San Simón). Administrador, Eduardo Pantaleón Saúl (preso en San Simón dende 1936). Director, o médico don Julio Casal Castro[1]; segundo Director Dr. Lozano é don Manuel Viana como médico xinecólogo.

 

Abril de 1971, Paloma con familiares, amigos ou coñecidos (ignoro quen poidan ser). Fotografía cedida por Lara Castellanos Garcés

-------------------------

Máis tarde chegarían os médicos locais, don José Ramón Sobrino Arias, don José Álvarez Novoa, don Jesús Paz Ameijeiras, don Urbano Martínez Rodríguez e don Ermelindo Portela Gómez.

 

Daquela o Centro de Higiene Rural de La Guardia ou Centro Sanitario dependía do Patronato Provincial Antituberculoso. Os recursos sanitarios eran moi escasos e algunha das veces imposibles de conseguir, como a penicilina, que debía de procurarse en Portugal. A enfermeira Paloma desenvolveu unha tarefa fundamental, superando as carencias con imaxinación, con esforzo e entrega absolutas, inventando medios e vencendo as dificultades. Como é sabido a idea dos emigrantes galegos en Puerto Rico era a de constituír un Hospital Casa Asilo de La Guardia, pero a falta de recursos (dólares) obligou aos iniciadores a poñer o edificio a disposición da Delegación Provincial de Sanidade.

 

O Fiat 500 Topolino da señorita Paloma Espinosa, fabricado de 1936 a 1948. Fotografía cedida por Lara Castellanos Garcés

------------------------

O día 5 de setembro de 1938, por Oficio do Goberno Civil de Pontevedra dáse traslado el fallecimiento de su esposo a doña Mª Soledad Espinosa Ferrándiz residente en La Guardia, viúda del Tte. de Navío don Mario Garcés López, …desaparecido en acción de guerra en el crucero Baleares, se le agradecen los servicios prestados a la Patria...

José Garcés López ( 1907-1936), tte de navío no destructor Churruca foi xulgado en Consejo de Guerra, acusado de sublevarse contra a República, foi xulgado o 18/08/1936, condenado a pena de morte e fusilado en Málaga o 21 de agosto de 1936.

A poboación necesitaba de todo, a fame, a tuberculose, facían verdadeiros estragos a partir do remate da guerra, tendo que desprazarse a localidades fóra do casco urbano, cando os medios técnicos eran inexistentes e as distancias a percorrer debían facerse a cabalo ou a pé. Ca axuda dos emigrantes galegos en América (Puerto Rico sobre de todo) comezou a recibirse axuda económica, creándose unha Junta de Socorro a Pobres y Necesitados que canalizaba a axuda económica para a Gota de Leche, Auxilio Social e  Plato Único, medicamentos (penicilina e estreptomicina sobre de todo), roupa e alimentos. Ata enviaron nos anos cincoenta tres incubadoras das máis modernas que se enferruxaron no desván do Centro Sanitario.

 

O leite destinado a Gota de Leche recollíase ás leiteiras escollidas e logo esterelizábase no autoclave da fábrica La Rosaleira (O Rosal), propiedade de José Sánchez. Máis tarde xa conseguiron un autoclave para o Centro Sanitario. A señorita Paloma compartía o transporte do leite dende O Rosal ata A Guarda que ía distribuíndo por barrios, aldeas e domicilios.

 

Tamén neses barrios e aldeas comezou a facer as primeiras vacinacións, prestando auxilio a toda crase de cidadáns de dentro e fóra dos límites administrativos que lle correspondían, sen facer caso de horarios laborais. Tanto ía a poñer unha inxección como acudía a un parto domiciliario con don José Ramón Sobrino Arias.

 

Trasladada a Madrid en 1939, a señorita Paloma xa nun podía desprenderse da Guarda ao igual que todos os familiares. Volveu, volveron todos, puntualmente, o igual que as aves migratorias cando chegaba o verán. Ademais foron chegando cada ano, máis e máis amigos, sabendo chegar a eses amigos a suave e doce picadura do amor a esta terra e aos que nela moran.

 

Carné de enfermeira dado pola Agrupación Sindical Nacional de Enfermeras en 1955. Cedido por Lara Castellanos

----------------------------------

O 17 de abril de 1954 a señorita Paloma (permañeceu solteira) era secretaria do Consejo Nacional de Auxiliares Sanitarios-Sección de Enfermeras . En 1960 obtén unha vivienda social no barrio de Santa Trega (Fedorento) que foran construídas en 1958.

Vivenda social do barrio de Santa Trega onde vivía a Sta Paloma. No verán é algunhas veces en calquera época do ano. Nos anos setenta conducía un Seat 600, tendo que facer malabarismos para entrar e salir pois era moi alta. Hoxe siguen vindo familiares cada verán

---------------

 

Non sei se realmente poderemos dicir que a señorita Paloma Espinosa Ferrándiz foi a mellor e a máis activa promotora do turismo na Guarda e bisbarra, a menos interesada en recibir parabéns por elo, xa que para ela era e sería sempre  un deber personal y familiar. Os vínculos que toda a familia e todos os seus amigos crearon entre o Trega e  Torroso, entre o mar e o río, foron demasiado profundos para ese nome da Guarda.

Tapa do carné de enfermeira da  Agrupación Sindical de Enfermeras y Ayudantes Técnicos Sanitarios Femeninos (1955). Cedido por Lara Castellanos Garcés

-------------------------------

En 1955 era Instructora de P.N.A. (Patronato Nacional Antituberculoso) e Visitadora del S.O.E. e I.N.P. (Servicio Obligatorio de Enfermedad y del Instituto Nacional de Previsión)

--------------------------

 

Lembro ao tío Simón de Ribadavila levar o parasol de tea branca para a praia da Area Grande durante todo o verán para que as madrileñas invitadas e a familia máis nova das Palomas o sol  e bañarse con bañadores modernos (dicían bikinis), os mozos das familias ben da Guarda mergullarse con aletas de goma e escafandro, algo fóra de serie nos anos sesenta. Alí na Area Grande unha sobriña de Paloma (non lembro o nome) moi roiba namorouse do guardés Manuel Alonso López[2], por certo que eran moi guapas, todos os rapaces de 14 a 15 anos estabamos embebidos con aquelas madrileñas tan distintas ás do pobo, con traxes de baño modernos, que montaban a cabalo e practicaban deportes que endexamais víramos.

 

Mª Asunción Espinosa Ferrándiz  con outras enfermeiras no XI Congreso Cuatrienal del Consejo Internacional de Enfermeras. Roma, del 27 de mayo al 1 de junio de 1957. Fotografía cedida por Lara Castellanos Garcés

----------------------

 

Pozo chamado das Palomas construído en terreo de dominio público en 1972, sendo alcalde Raimundo Lomba González (véase aclaración posterior)

María del Camino Espinosa Ferrándiz era irmá de Paloma, dona e directora do Colegio Sta María del Camino en Madrid

----------------------

 

Á esquerda, entre os pinos unha das dúas casiñas-chalé das Palomas ou exactamente de Mª del Camino Espinosa Ferrándiz Maruja

---------------------------------------

O 12 de agosto de 1988 a Corporación Municipal da Guarda levou a cabo unha homenaxe a señorita Mª Asunción Espinosa Ferrándiz, aprobado por unanimidade de todolos grupos políticos na sesión plenaria celebrada o 23 de xullo de 1988 sendo alcalde, Manuel Díaz González Ligero. Unha das sobriñas, Mª del Carmen Garcés Espinosa  (que segue vindo tódolos anos a nosa Vila e a dar baños na Area Grande), dime que sería un excelente acordo da Corporación Municipal que se dedicara unha praca co nome de Paloma Espinosa Ferrándiz a subida da Area Grande ata as Loucenzas, por ser unha das máis grandes embaixadoras turísticas da Guarda.

 

Paloma con enfermeiras de varios países en Roma no ano 1957. Fotografía cedida por Lara Castellanos Garcés

------------------------------

 

A señorita Paloma na homenaxe do 12 de agosto de 1988 dixo: […] Llegué a La Guardia después de hacer oposiciones de ingreso en Sanidad, me enviaban a Ribadavia pero preferí La Guardia porque sabía que estaba en el Centro Sanitario mi amiga Araceli Lóriga y que dejaba el puesto...      

 

Todos eles, grandes e pequenos, mulleres e homes, eran para o pobo, a familia das Palomas de Madrid. Paloma era a embaixadora guardesa en Madrid xunto a súa querida irmá Maruja, fundadora e directora do Colegio de Santa María del Camino en Madrid, creando ela mesma en 1980 a Fundación Colegio Santa María del Camino.

 

Maruja… Mª del Camino Espinosa Ferrándiz, foi a fundadora do Colexio Santa Mª del Camino o que en 1980 pasaría a ser un Colexio-Fundación na rúa/ Peregrinos nº 13 de Madrid. Os fins: …Creación y concesión de Becas totales o parciales para alumnos que acreditasen carecer de recursos económicos suficientes para atender los gastos de escolarización en el Colegio...

 

En 1977 a dona e directora dona Mª del Camino, acorda con profesores e pais/nais de alumnas facer unhas Jornadas de Convivencia en Galicia. Naturalmente escolleu A Guarda e a residencia na Torre de Tebra (Tomiño) como albergue das vinte alumnas, profesoras, monitoras etc. A estas xornadas acudiron as infantas Elena e Cristina Borbón Grecia, as que estiveron sempre acompañadas polas tres fillas do industrial don Basilio Moreira Carrero, Blanca, Mª Luísa e Marieta Carrero Graciá, que estaban estudando no Colegio Sta Mª del Camino.

 

Castelo e Torre de Tebra (Tomiño) actualmente. A construcción data de 1535/36, propiedade do señor feudal don Alvaro Suárez de Deza, Señor do Val de Tebra e Coto de Moles, Merino do Val de Tebra. Fundador do Mayorazgo de Tebra, casado primeiro con dona Leonor Novoa, e o falecer esta con Juana de Sousa, non tivo fillos lexítimos, polo que pasa  a propiedade a seu sobriño don Gregorio Suárez de Deza Novoa.  Hoxe é unha propiedade particular.

 

9 de agosto de 1977, dona Sofía de Grecia saudando a Mª  del Camino Espinosa Ferrándiz  Maruja en Tebra. Fotografía de Basilio Moreira Carrero

------------------------------

 

Casiña-chalé de Teresa San Román Kuski na Guarda. Fonte: Asociación de Enseñantes con Gitanos.

-------------------------------------

Neste ano de 1968 estaban rematando o chaleciño de dona Mª del Camino  Espinosa Ferrándiz Maruja, que recibira licencia de construcción o 15 de abril de  1967, no quilómetro 84 hect. 4 da estrada da Guarda a Baiona.

 

Hoxe este chalé e outro máis pequeno son coñecidos como das Palomas que segue disfrutando a súa filla Teresa San Román Espìnosa Kuski. Maruja finou un mércores 24 de agosto de 1988, sendo soterrados os seus restos no cemiterio de La Cabrera (Guadalajara).

 

O irmán  Alfonso Espinosa Ferrándiz[3], de 21 anos, solteiro, Tte de complemento no Regimiento de Artillería Vicálvaro (Madrid), fora detido no momento da sublevación militar contra a República, e preso no Cárcel Modelo de Madrid, foi asasinado por milicianos dentro do Cárcel Modelo  en agosto de 1936.

 

Outra irmá, Mª Soledad Espinosa Ferrándiz, chegou a descansar un 5 de setembro de 1938, despois de perder ao seu esposo Mario Garcés López, tte de navío, no cruceiro Baleares  …fallecido en acción de guerra... Mª Soledad finou o 14 de maio de 1996.

 

Juan Garcés Espinosa

-------------

 

O seu fillo, Juan Garcés Espinosa, naceu en 1935, casou o 12 de xaneiro de 1966 con Ana Mª Usano Arcas. A súa filla, Mª del Carmen Garcés Usano, casou o 5 de maio de 1962 na capela do Colexio de Santa Mª del Camino (Madrid) con Rodolfo Castellano Pérez. A súa filla Lara  Castellano Garcés foi quen me facilitou as fotografías.  A don Juan Garcés Espinosa aínda o lembramos na Guarda, pese aos anos transcurridos.

 

O cuñado de Mª Soledad, Tte de Navío, José Garcés López, oficial no destructor Churruca, foi fusilado o 21 de agosto de 1936 en Málaga por sublevarse contra a República. O Consello de Guerra tivo lugar o 18 de agosto de 1936.

 

 

Mª Asunción Espinosa Ferrándiz Paloma na porta do chalé das Loucenzas nos  anos setenta. Fotografía cedida por Lara Castellanos Garcés

------------------------

seguinte

 ______________________

 

[1] En marzo de 1936 aprobou as oposicións para Director Médico de Sanidad Exterior en Vilagarcía.

[2] Fillo de Manuel Alonso Sobrino dos Follatos e de Marcolina López Cabezudo doña Marcola, natural de Puerto Rico

[3] Fillo de José Espìnosa León e de María Ferrándiz