www.galiciasuroeste.info

  

BARRIO  DA  GUÍA (Ribadavila)

ATA   1965

seguinte

  

Por Agustín Ferreira Lorenzo

agfelo@terra.es

 

A MODO DE INTRODUCCIÓN

         Nos últimos 40 anos, o barrio da Guía mudou dabondo e daquelas rúas empedradas, daquelas calellas (“callejóns”), ou daquelas fincas, hoxe pouco queda. Algunhas das vivendas unifamiliares que entón había, por mor da asoballante especulación e da voraz depredación inmobiliaria, foron e seguen a se transformar en edificios de tres e catro alturas, cando non máis, que converten as rúas en estreitos pasadizos limitados por muros de ladrillo e formigón, onde a luz do Sol a penas dá pasado e onde os veciños perderon esa familiaridade que antes había e, ata as veces, a penas se coñecen, nin se miran nin se falan. Nestes últimos anos foron aparecendo novas rúas, outras cambiaron o seu enlousado pétreo polo antiestético asfalto (obra do popular alcalde Ligero) converténdose, deste xeito, nunha especie de estrada-camiño. As fontes, do barrio, a dos “Campos”, a das prazas de Santo Tomás e San Bernardo,  que eran un dos lugares “sociais”, de reunión e xuntanza, sobre todo de mulleres e, en menor cantidade, nenos/as, perderon a vida que tiñan, o bulicio. Nestas fontes, sobre todo no verán, mentres se enchían os baldes, tinas e caldeiros (“cubos”) tamén se cocían líos, se arranxaba a vida doutros veciños ou, os cativos, asistiamos a unha morea de insultos, gritos, rifas, e ata de cando en vez a algunha pelexa, protagonizada por mulleres ás que a paciencia esgotábaselles por mor das que levaban máis recipientes dos que podían carrexar ou non agardar o preceptivo turno, cando a auga que manaba das billas era un fío que eternizaba a espera das longas colas que se formaban. Era habitual ver polas rúas dúas ou tres veciñas camiño da tenda conversando de calquera tema dos que había entón. Agora, nestas rúas xa non hai conversas, porque tampouco hai tendas; e as conversas non son máis que simples saúdos de rigor e pouco máis, ás veces nin iso.

       O cambio faise patente non só no aspecto físico do barrio, senón que, por imperiosa lei de vida, tamén nas súas xentes: unhas xa se foron definitivamente; outras mudaron (mudamos) de lugar de residencia; moitas que non eran do barrio, viñeron a formar parte del e algunhas das de entón, poucas, aínda continúan residindo en Ribadavila. Este relatorio, non ten outro obxecto máis que o de rememorar, pasear mentalmente por este barrio, lembrando aspectos e persoas do mesmo. Para iso teremos que trasladarnos, nunha imaxinaria viaxe no tempo, ao pasado, a case que 45 anos atrás.  Por aquela, no barrio todos nos coñeciamos. E as reunións obrigadas, as xuntanzas, as conversas, os cabreos, a familiaridade, non só era nas fontes, como deixamos dito máis arriba, senón tamén nas portas e portais das casas; ou mentres esperaban que Manuel O Paragüero arranxase un paraugas ou os pratos que se romperan en dous anacos, aos que lles puña un arame que os suxeitaba e os mantiña unidos podendo, deste xeito, ser reutilizados novamente; había conversas entre as veciñas que falaban de balcón a balcón (hoxe xa apenas hai balcóns); as tendas convertíanse noutro dos lugares “sociais” cotiáns. Si, todo isto mudou. Mudou porque xa non hai tendas. Mudou porque xa non hai que ir á fonte (estas tampouco botan auga): Mudou porque as xentes cambiamos. Mudou porque a sociedade é diferente. E mudou porque o barrio tamén mudou.

Carrexando auga dende a Fonte dos Campos (Foto facilitada por  Menchu).

 

Foto aérea de Celso  Candeira, obtida no ano 1932. O barrio da Guía localízase onde está o círculo.  As frechas corresponden ás rúas denominadas actualmente: 1: Brasilino Álvarez; 2: Rúa Galicia; 3:Concepción Arenal e 4:República Dominicana.

 O BARRIO

1) Rúa Calvario; 2) Casa do tío manuel "O Calló"; 3) Casa do "Andaluz";  4) Casa do "tío Uxa", esta xa bastante modificada; 5) Casa do mestre Rodrigo Pantaleón  (Foto: Agustín Ferreira)

  

            Podemos tomar como sinónimos do barrio, os nomes de A Guía e Ribadavila (Sobrelavilla, que decían os castelán falantes, sobre todo forasteiros ou xentes da Guarda que tiveron que marchar fóra. O nome de Sobrelavilla, aínda que equivocadamente,  parecía imprimir un certo carácter señorial, de zona residencial). Hoxe, o segundo nome, Ribadavila, empeza estar en desuso, permanecendo con máis intensidade o da Guía.

 

1) Rúa Méndez Núñez; 2) Tenda-estanco de Sara "A Ganchella".  (Foto: Agustín Ferreira)

   

            A arteria principal do barrio foi, e segue a ser, a rúa Calvario, que comeza onde tiña o estanco Sara “a Ganchella”, xustamente despois da Praza de Ignacio Sobrino, rematando na entrada á prazoleta da Guía, logo de xirar á esquerda na Fonte dos Campos. Hoxe, esta rúa cambiou o seu sentido na citada Fonte dos Campos, de tal xeito que agora segue dereita (polo camiño que hai entre a casa do Andaluz e onde estaba a casa e finca das Saúlas –hoxe a Ford, continuando pola casa que foi do tío Manuel o Calló) ata rematar noutra, a de Donantes de Sangue, no lugar no que aínda moitos coñecemos como O Fielato. Pero, amais do Calvario, o barrio tiña, e segue a ter, outras rúas e prazas: San Bernardo; Méndez Núñez; Vicenta R. Cachada; Largo; Callejón de Piñeiro (hoxe rúa Manuel Rodríguez Sinde, aínda que moita xente, sobre todo de certa idade, segue coñecéndoa polo antigo nome). Pertence tamén a este barrio parte da estrada Puerto Rico (dende o antigo colexio das HH. Carmelitas ata onde se emprazaba a caseta do fielato, citada anteriormente). Aparte desas rúas, estaban as calellas, como o “Callejón do Marabillas” un estreito camiño, de terra e pedras soltas, que, perdoando a expresión, cheiraba sempre a merda, impracticable no inverno, que comunicaba a rúa Calvario co barrio de Mazaracos, quedando o Callejón de Marabillas en desuso cando se abriu a Rúa Rosal. Outros “callejóns” partían da praza da Guía cara ao Muño de Arriba (muño da Guía) e á zona de Solanas, que entón non era un barrio, senón un conxunto de leiras.

 

        Había catro plazoletas: A Guía, San Bernardo; Santo Tomás e Ignacio Sobrino. Tamén estaba a Laxe Grande, aínda que  esta non se podía tomar como prazoleta pois, ademais de ser impracticable, tiña  unha pendente relativamente pronunciada con laxes, terra e herba, ademais dun rego ou canle que atravesaba a mesma, dende a zona superior ata a inferior, por onde discorría a auga da chuvia que baicaba polo Calvario e que se nutría do desaugadoiro do Castelo próximo a rampla de San Bernardo. A prazoleta da Guía e a de San Bernardo eran as zonas onde os rapaces practicaban o fútbol, para suplicio dos veciños desas prazas.

 

Unha das calellas (callejóns) que partían da praza da Guía, hoxe 4º Transversal Solanas  (Foto: Agustín Ferreira)

 

 

Fonte dos Campos nunha fotografía do ano 1980  (Foto: Agustín Ferreira)

No segundo semestre do ano 1924 deberon dar comezo ás obras de construcción dun palco na prazoleta da Guía. Este croquis foi presentado ao concello da Guarda polo contratista Vicente Vicente Rolán. (Copia facilitada por J.A. Uris)

Na Praza da Guía, cando aínda o chan era de terra e non de asfalto como na actualidade (outra metedura de pata do alcalde Ligero), chegou haber un palco (quiosco) feito polo contratista Vicente Vicente Rolán, sufragado por Agustín Alonso Sobrino, o “dos Follatos”, irmán da muller de Manuel “O Calloo, Manuel Alonso Sobrino. Pouco tempo estivo o palco operativo, apenas uns 25 anos, porque, desgraciadamente, foi derruído alá polos anos cincuenta. Nun escrito que podemos atopar no Arquivo Municipal da Guarda1, lese o seguinte texto dirixido ao Alcalde da Guarda, que naquela era D. Manuel Álvarez Vicente:

Fotografía na que se pode ver parte do palco, situado fronte á capela da Guía.(Fotografía facilitada por J.A. Uris)

     Con data 23 de junio de 1924 D. Agustín Alonso Sobrino, mayor de edad, soltero, propietario, natural y vecino de esta Villa, a Vd atentamente recurre y dice:  

Que a sus expensas tiene proyectado la construcción de un Kiosco fijo en la Plazuela de La Guía, con arreglo al adjunto plano, obra que al parecer del que suscribe, hermoseará aquel lugar, y al efecto.

      Suplica á la digna autoridad de Vd tenga á bien concederle su superior autorización y que por la Comisión correspondiente se señale sitio para la construcción de que se trata.

es gracia que espero alcanzar de la bondad de Vd.

La Guardia Junio 23/924.

Fdo. Agustín Alonso Sobrino. El Contrartista Vicente Vicente Rolán

 

 

A mediados da década dos setenta, comezaba a crecer urbanísticamente o barrio de Solanas. Na parte superior vénse algunhas das casas do barrio da Guía. Cara á esquerda, no alto o muño de Arriba ou da Guía. A fotografía foi tomada dende o muño de Abaixo –muño de Solanas- no mes de febreiro do ano 1982 (Foto: Agustín Ferreira)

A partir de finais da década dos sesenta e principios dos setenta, na Guarda viviuse un incipiente boom económico, que permitiu, sobre todo á xente do mar, mellorar o seu secular estado de pobreza e falta de medios. Esta melloría notouse, entre outras facetas da vida guardesa, na construción, creándose, a partir de mediados dos setenta, novos barrios como o de Solanas, lindante co barrio da Guía polo oeste. A partir dos anos oitenta, tamén comezou a xurdir outro barrio, neste caso ao norte do da Guía: o dos Casás.

Os Casás no ano 1982. Nesta década comezaría a formación deste novo barrio guardés, veciño do barrio da Guía. Nº 1: A fonte dos Casás co seu depósito. Nº 1 (amarelo), pista de acceso a Sete Camiños e ao barrio de Funchidos. (Foto: Afustín Ferreira)

Depósito de auga da Fonte dos Casás no ano 1980. O depósito subministraba auga á Fonte dos Campos. Tiña, ademais de fonte, lavadeiro onde as mulleres lavaban a roupa axeonllándose unha banqueta. Na período de seca, os municipais eran os encargados de ir pechar o subministro de auga dende a Fonte dos Casás ao dos Campos, cousa que aínda me lembro porque en varias ocasións acompañaba ao meu pai, Arsenio Ferreira -o da tenda-, garda municipal, ata aquela fonte. A fonte, o depósito e o lavadeiro desaparecían na década dos oitenta coa ampliación da estrada. (Foto: Agustín Ferreira)

1Datos facilitados por J.A. Uris.

          

seguinte