www.galiciasuroeste.info

  

BARRIO  DA  GUÍA (Ribadavila)

ATA   1965

anterior            seguinte

  

Por Agustín Ferreira Lorenzo

agfelo@terra.es

 

ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS E EMPRESAS

      Ata mediados da década dos sesenta, o barrio contaba con varios negocios e establecementos dos que apenas quedan na actualidade dous ou tres. A actividade comercial deste barrio pódese dicir que, hoxe, é practicamente nula. Os negocios que había entón, na súa maioría tiñan carácter familiar. As tendas eran as máis numerosas podendo ser estas de dúas clases: tendas de ultramarinos, onde se vendían alimentos a granel, entón non había nada envasado, como azucre; fariña; café; garavanzos; fabas..; viño, que era de barril (viña en pipas que subministraban os almacéns guardeses como os Hermanos Martínez, que tiñan o negocio na rúa José Mª Andreini, onde hoxe está a reloxería Alonso; Español y Pérez, preto da Alameda guardesa, ou mesmo procedía directamente de Ourense, da zona da Rúa, vendéndose para as casas nas botellas que traían as clientas (case sempre eran mulleres, non porque elas foran as que o bebían, senón porque eran as que realizaban a compra) e pedían “meo cuartillo”; “un litro con ghasiosa”...

Plaza de Ignacio Sobrino, á esquerda estaba a tenda do Leza que logo foi adquirida por Elías. A casa de enfronte era onde estaba a tenda da tía Refugio, da familia Martín Rey. (Fotografía do ano 1966 facilitada por Joaquín  Fernández Gómez, fillo de Sara).

 

Na Praza de Ignacio Sobrino, inicio do barrio da Guía, estaba a veterana tenda-tasca-restaurante e pensión Elías, que foi mercada por Elías Domínguez, naquela veciño de Tebra, ao tío Leza. Na actualidade ese establecemento é un supermercado rexentado por Manolo, fillo de Elías. (Fotografía facilitada por Manolo Domínguez).

Rúa Vicente R. Cachada nos anos sesenta. No remate desta rúa, fronte ao adro da igrexa, atopábase a xastrería de Rolán, un pouco máis abaixo o salón de vodas de Emilio O Taboleta e a súa dona Jelucha e, case que na metade da rúa, tamén á esquerda, a zapatería de Manolo O Taboleta coñecido tamén como o Patrón. No comezo da rúa do Calvario, á man esquerda, estaba a tenda de Gloria.  (Fotografía facilitada por Chelo Barbosa).

 ... O que máis se vendía era o viño branco, que podía ser do bó, chamado tamén “do país” -procedente da Rúa—, ou “de baixa”, máis forte e menos delicado que o anterior; en menor cantidade levábase viño tinto para as casas. Por suposto que a auga nin se vendía nin ninguén estaba disposto a pagar por algo que se podía traer das fontes. Ademais destes produtos relacionados coa alimentación tamén tiñan cabida outros como os da limpeza: escobas, xabróns (como o famoso xabón Lagarto ou o seu competidor Teide, éste de forma cadrada fronte o anterior que era rectangular), deterxentes (lembramos dúas das marcas máis comerciais, unha chamada Omo, e outra Ese, que lavaba blanco, blanquísimo, limpio, limpísimo—,  lixivias, -falábase de lejía esbruja para referirse a esa lixivia forte que ó botala facía chorar os ollos); produtos de droguería como botes de ZZ; produtos de zapatería coma zapatillas de tea, alpargatas, cordóns de zapatos, betúns; produtos de farmacia como aspirinas "Calmante vitaminado" e optalidón (este sería retirado da venda anos máis tarde) e un longo etc.  Outra clase de establecementos eran os de tipo mixto, tendas de ultramarinos e tascas á vez, onde os homes ían botar a partida ás cartas (principalmente rento, subasta, tute, brisca e escoba) e tomar os “chatos”, “as chiquitas” e “os medios” -que algúns chimpaban de golpe, ou máis modernamente, de penalti-. Había mesmo algunhas tendas-tasca-restaurante, onde se daban comidas (caseiras por suposto) para obreiros, camioneiros, etc, como a Casa Elías e mesmo a tenda de Arsenio.

O comercio de Los Muchachos, tiña a entrada pola rúa José Mª Andreini, rúa que podemos establecer como un dos límites do barrio da Guía. Ata aquí chegan as bandeirolas da festa do barrio, a festa da Virxe da Guía. Fronte a este establecemento a tenda-tasca do Galo (Ghalo), que aínda hoxe segue cumprindo a súa misión. Esta zona era coñecida como O Punto, por se a parada dos taxis e dos coches de liña de Saracho, Fronte ao Ghalo, na outra beira da estrada, o Colexio San José, das HH. Carmelitas, facendo esquina coa Rúa República Domincana. (Fotografía facilita por Manuel Lorenzo, antigo dependente de Los Muchachos).

 Escaparate  do comercio de Los Muchachos, nun Nadal dos anos sesenta. Este comercio adicábase á venda de telas. (Fotografía cedida por Manuel Lorenzo)

Tenda de Arsenio o Municipal coas pipas de viño e os barcais onde se puñan os funís, as medidas  (recipentes de cuartillo e medio litro). De esquerda á dereita: Arsenio, un dos xemelgos, Fina a Taboleta (muller de Arsenio), detrás, Rafael O Totó. A fotografía é de mediados dos anos cincuenta.

Rúa Calvario no ano 2004. Nº 1: vivenda e tenda de Arsenio, que ata os anos corenta, foi tamén tenda e vivenda da familia Cerepe. Nº 2: Casa e consulta médica de Don Pepe Sobrino.  Nº 3: Carpintería de Silvio, que ata os anos cincuenta foi a casa do Capitanciño, logo, ata principios dos sesenta, de Rafael Salcidos, que chegou ser alcalde da Guarda.

AS TENDAS E TENDAS-TASCA

     Nos anos sesenta e anteriores, na Guarda non se coñecían os supermercados  e cada barrio, case que cada rúa, dispuña da súa tenda onde os veciños ían mercar os produtos, sempre básicos e en pouca cantidade, que se vendían a granel. O que se mercaba cabía perfectamente na bolsa da compra. Non había bolsas plásticas, e cando estas empezaron a chegar, xa ben metidos nos sesenta, gardábanse para múltiples usos, reutilizándoas unha e outra vez (lembro na miña casa as bolsas colgadas dun cordel cun prendedor na porta da cociña). O azucre, a fariña, as alubias, os garavanzos, etc, servíanse en cartuchos ou, cando a cantidade non chegaba ao quilo ou medio quilo, facíanse co papel estraza uns envoltorios característicos. Cada veciño acudía, polo xeral, á tenda do seu barrio, case sempre á que estaba máis preto da casa, sendo moi fieis ao establecemento en cuestión. As mulleres eran as encargadas de facer a compra, que  acontecía sobre a todo a partir de media mañá e logo, no que poderiamos chamar un segundo turno, a partir da  tardiña, aínda que xa para cousas máis puntuais e con menos frecuencia. O trato entre o/a tendeiro/a e a clientela era moi familiar. Nas tendas-tasca os homes ían a partir tamén de media mañá, e cando os nosos barcos comezaron a ir aos caladoiros do norte de África, achegábanse, sobre todo, en datas sinaladas como a Virxe do Carme, as Festas do Monte e tamén no Nadal. A súa presenza era, maiormente, durante a tardiña. No inverno a partir das seis-sete da tarde e no verán sete-oito.

Nas tabletas de chocolate, nos paquetes de café Sical, ou nos paquetes de deterxente, podían vir cromos como os que amosamos. Estes viñan nos paquetes de deterxente ESE. (cromo nunha páxina en interne)

Nada que ver o papel hixiénico de agora (suave, perfumado) cos  famosos rollos Elefante fabricados por Papelera Española. De cor castaña, presentaban por unha das súas caras un tacto esvaraízo, moi liso que máis que limpar  untaba o traseiro. Pola outra cara era todo o contrario, áspero, que ben podía considerarse como papel lixa que nos deixaba o cu... Máis tarde, da mesma papeleira, apareceu xa outro papel máis “adaptado”, máis suave, de cor azul, amarelo..., pero este tamén era máis caro así que na maior parte das casas que mercaban papel hixiénico (porque noutras utilizábase calquera outro que había a man, mesmo o de estraza ou follas dos xonrais) seguían utilizando o clásico Elefante (Foto en interne)

Un anuncio de “época”, saía en revistas ou periódicos no ano 1963, do deterxente OMO, un dos máis utilizados, xunto co ESE, na década dos sesenta.

A presenza dos mariñeiros en terra notábase no bulicio das tabernas e o tendeiro no caixón dos cartos. Ao longo do día a clientela acudía a “pingueiras”. Agás algunha excepción, as tendas permanecían abertas todo o día, dende as sete da mañá, hora que chegaban as panadeiras con grandes cestos na cabeza contendo un bó número de barras, como o “pan gramado”, “cornuchos”, “camíóns” que eran barras de quilo; etc. Gamén a esa hora servíanse os primeiros “tentempiés”, como os chatos de xerez ou as copas de augardente, que permitían, sobre todo no inverno, aguantar á intemperie a aqueles que tiñan que madrugar e andar polas rúas. A hora de peche estaba entre as dez e as once da noite, dependendo de si era época invernal ou estival.A tenda permanecía todo o día aberta e non se pechaba nin sequera para xantar. Para gran parte dos tendeiros e tendeiras, sobre todo se eran tendas-tasca, non había días de descanso, traballando os seus donos (habitualmente o home e a muller) os 365 días do ano. A que máis traballaba era a muller, porque, ademais de atender á tenda, tiña que facer de xantar, a limpeza da casa, mesmo ir a leira e a procurar auga á fonte. O tendeiro podía permitirse o luxo de botar algunha partida de cartas cos clientes.

 

 

Rúa Calvario nos anos sesenta. 1: Casa e carpintería do tío Juan O Pendejo e a tía Rosenda. Nesta casa, ademais de ser a vivenda do tío Juan, tamén foi tenda e logo carpintería. No piso superior Sira, filla do tío Juan, tivo un taller de costura. 2: Casa do Capitanciño (a quen temos previsto adicarlle un artigo), logo vivenda de Rafael Salcidos e máis tarde de Antonio o de Américo e Delia. No seu baixo, Silvio, irmá de Delia, tivo carpintería. 3: Casa da tía Rosalía. 4: Casa do Farruco e hoxe dun herdeiro, Tito. 5: Casa da tía Margarita a Zampana. 6: Casa de Lola a de Andrés; 7: Casa de D. Pepe Sobrino. 8: Callejón que conduce ao Lugar Vello. 9: Casa e tenda de Arsenio o municipal, anteriormente fora a vivenda e tenda de Pepe O Cerepe. (Foto de Antón Ferreira, principios dos anos setenta).

 

 Tío Juan O Pendejo, xa con idade avanzada, pasando o tempo na construción dunha réplica de gamela na súa casa do Calvario. (Foto de Joaquín Fernández Gómez)

 

 

 Copa que se utilizaba en moitas tendas-tasca do barrio, como na de Arsenio. Eran empregadas para servir a augardente branca, de herbas, o coñac, o ponche... Enchíanse ata o borde.

Das tendas que lembramos, ou temos referencias, que había no barrio, están as seguintes: na rúa Puerto Rico, atopamos a tenda do Galo, que era, e segue a ser, tenda-tasca (decíase entón tenda de ultramarinos), que adquiriu Florindo ao seu antiguo propietario, que tiña de alcume o Ghalo, quedándolle este nome, esta tenda  está hoxe rexentada polas fillas de Florindo, continuando co mesmo labor que xa desempeñaba nos anos sesenta, isto é, tasca (botar a partida, tomar uns viños, venda de comestibles (ultramarinos), selado de quinielas, o único que cambiou é que na actualidade non se pode fumar, de acordo coa vixente Lei. A tenda do Galo segue a manter a mesma disposición que tiña anos atrás, conservando ese aspecto que nos traslada a outro tempo, xa difícil de atopar noutros establecementos, algo que é digno de loubar. Na rúa San Bernardo, a poucos metros da Igrexa parroquial, estaba a pequena tenda de Ángela,  cun par de mesiñas para tomar o viño; máis adiante, na Prazoleta de San Bernardo, tiñamos a tenda-tasca da tía Erundina e do tío Isidoro 2, continuaría co negocio o seu fillo Sindo. Na rúa da Guía a da tía Leonor, continuando logo co negocio a súa filla Quina.

Casa de Fernando Pérez Palomo, o Andaluz.  Ata os anos sesenta era un dos poucos edificios do barrio que tiña dous pisos. No baixo celebrábanse banquetes de vodas. A casa foi construída por Gregorio Portela Vicente, casado cunha das Menas, estas eran dúas irmás que vivían na casa onde hoxe se atopa o Recreo Artístico Guardés, fronte as antigas escolas públicas.

 Tenda do Galo na actualidade. Este establecemento segue conservando o interior case que como estaba nos anos sesenta

As bodegas Sotelo Naval, da Rúa Petín (Ourense), surtían de viño do país, viño “do bo”, a dúas tendas da Guarda: a do Arsenio o Municipal e O Batquiño, de “Ligero”.Lapis de propaganda das mencionadas bodegas

Nesta casa estivo primeiramente a tenda da tía Cotonesa e logo a do Leza. Nº 2: Rúa do Medio que daba acceso á Ribeira, tamén era un dos mellores accesos á o barrio de Mazaracos. 3: Tenda da Reinita. (Fotografía de Joaquín Fernández Gómez)

Fotografía do ano 2007 no mesmo lugar que a anterior. Números 1, 2 e 3, véxase a fotografía anterior. Nº 4: tenda-estanco de Sara

Pouco máis adiante, na mesma rúa, aínda que nos anos sesenta era tamén a rúa Calvario, pasando a Fonte dos Campos, atopábase a tenda de Vitorino “o Enterrador”.  Na Prazoleta de Ignacio Sobrino, a tenda do Leza que logo pasou a ser de Elías, que continúa na actualidade pero transformada en supermercado; en fronte a do Elías estaba a do Mau-mau, de aquí xurdiría unha das bandas emblemáticas da Festa do Monte que leva o mesmo nome que a tenda; e moitos anos atrás, a tenda da tía Refugio e do tío Marbella, no frontal da citada prazoleta; na casa (que aínda hoxe existe) que fae esquina entre a rúa Calvario e a rúa do Medio, a man esquerda, estaba a tenda da  tía Cotonesa que logo pasaría a ser do Leza, xa citado anteriormente; na outra esquina tiña tenda a Reinita; na mesma rúa Calvario, esquina coa rúa Méndez Núñez atopamos a tenda-estanco de Sara A Ganchella, este establecemento estaba na casa propiedade de D. Manuel Otero e de Dona Joaquina Sobrino. Os titulares do estanco foron, primeiro, María Gómez “A Ganchella” , posteriormente pasaría a súa filla, Sara, casada co telegrafista David Fernández.

Rúa Méndez Núñez nos anos 50. Esta rúa baixa perpendicular á do Calvario. As lousas que tiña a rúa eran de pedra do país. (Fotografía de Joaquín Fernández Gómez)

1: Estanco de Sindo, fillo da tía Erundina e do tío Isidoro, na Praza de San Bernardo.  Antes tamén era tenda-tasca, continuando deste xeito co negocio que principiarian os seus pais. Fotografía do ano 2005.

anterior            seguinte