www.galiciasuroeste.info

  

BARRIO  DA  GUÍA (Ribadavila)

ATA   1965

anterior           seguinte

Por Agustín Ferreira Lorenzo

agfelo@terra.es

Dende hai un par de anos, o estanco pasou á Praza do Reló.

Continuando na rúa Calvario, facendo esquina coa rúa Vicenta Cachada estaba a tenda de Gloria, que se trasladaría nos últimos anos uns metros máis adiante, a continuaciòn da prazoleta de Santo Tomás; máis adiante, a tenda de Pepe o Cerepe que logo pasaría a ser de Arsenio, O Municipal ; a escasos metros da Fonte dos Campos, tamén tivo tenda o tío Juan O Pendejo. Cambiando de rúa, na de Méndez Núñez, moi próxima a tenda-estanco de Sara, estaba a do tío Ramón O Alto, parente de Arsenio, chamada La Fortuna e na rúa Vicenta Cachada, fronte ao adro da Igrexa,  a de Emilio O Taboleta, que era tenda-cafetería onde se reunían os xogadores do Deportivo. Máis tarde, Emilio mudaría a tenda transformándoa nun establecemento fotográfico e finalmente nun salón de vodas. Precisamente, salón de vodas había, ademais deste, outro no baixo da casa de Fernando Pérez Palomo, o Andaluz, situado fronte á Fonte dos Campos. E na rúa Puerto Rico, atopariamos o único bar-cafetería do barrio: o Miramar, ao lado do antigo Colexio das HH. Carmelitas.

 

 

O Tío Isidoro e a tía Erundina tiveron tenda de ultramarinos e tasca na prazoleta de San Bernardo. Mesmo daban comidas, sobre todo cando había feira (venta de porcos) nesta pequena praza

 A tenda da tía Leonor estaba no que hoxe é rúa da Guía, a poucos metros da Fonte dos Campos, da casa das Saúlas e do edificio de Fernando Pérez Palomo O Andaluz

Tenda Elías nos anos sesenta. Ao fondo Elías. Á esquerda, en primeiro lugar, o tío Juan O Pendejo. Detrás de Juan atópase O Peseto. Na dereita, de espaldas,  a muller de Elías na cociña; de fronte, dous dos fillos. (Fotografía cedida por Manolo Domínguez).

OUTROS NEGOCIOS, LOCAIS E PROFESIÓNS:

      Pero non só de tendas vivía o barrio, atopabamos tamén outros negocios como a Panadería do tío Casimiro, na rúa Calvario, con aquel cheiriño que recendía pola rúa; Juan O Pendejo deixaría a tenda para transformar o local en carpintería onde traballaba tamén o seu fillo Jaime, artista ebanista, de tal xeito que a carpintería convertíase en taller de obras de arte –lembramos aquí algunha Última Cena que lle vimos facer— e o tío Ricardo, tamén se facían portas, ventás, e por suposto carpintería de ribeira. Lembramos aquel agradable cheiro a alcatrán cando se quentaba nos potes, na beira da rúa, ao lado da carpintería, que se utilizaba para pintar as gamelas. Entrada xa a década dos sesenta, houbo outra carpintería na mesma rúa Calvario,  a de Silvio, no baixo da casa da súa irmá Delia; Sindo, o fillo da tía Erundina e do tío Isidoro, tiña tamén carpintería na prazoleta de San Bernardo, mentres que na rúa deste mesmo nome, por detrás dos garaxes Lomba, estaba a de Junío. As zapaterías, que eran ademais lugar de xuntanza e tertulia de mozos, atopamos catro: na rúa Vicenta Cachada traballaba Manolo o Taboleta, coñecido tamén polo alcume de O Patrón; na rúa San Bernardo a de Germán Lorenzo, o Bijotes e na rúa Puerto Rico a de Serafín “O Coxo”, mentres que no adro da Igrexa estaba a zapatería de Manolo Lombita. No barrio vivían tamén outros dous zapateiros:  Domingo Vieira Carballo "Coira".e Esteban Doiro, pero as zapaterías onde traballaban non eran de  Ribadavila.

O tío Casimiro (Casimiro Pereira), tivo a única panadería que houbo no barrio. Natural de San Xulián de Freixo, Ponte de Lima, casou con Amparo, do barrio da Guía. Ó ano de casar viñeron vivir á Guarda onde permanecería definitivamente toda a súa vida aínda que sen renunciar a súa nacionalidade portuguesa (Foto cedida por Antonio Pereira)

Nesta fotografía vemos a Serafín O Coxo, na súa primeira zapatería que estaba ao lado da que actualmente é Cafetería Oasis. Logo a zapatería pasaría ao baixo onde residía, na rúa Puerto Rico, fronte á rampla e a casa das Saúlas (Fotografía cedida por Manolo Lomba)

Jaime Baz, foi un destacado ebanista, un artista da madeira, que facía verdadeiras obras de arte. Traballou co seu pai na carpintería que este tiña no baixo da súa vivenda, próxima á fonte dos Campos  (Fotografía cedida por Carmiña Martín Baz)

Sindo, fillo da tía Erundina e do tío Isidoro, continuou co negocio iniciado polos seus pais, pero ademais tiña carpintería. (Fotografía cedida por Juan Sobrino)

Manolo, familiarmente coñecido como  O Patrón, da familia dos Taboletas, tivo a zapatería na rúa Vicenta Cachada. Alí xuntabamonos a rapazada do barrio e mesmo de fóra deste. (Fotografía cedida por Manolo Lorenzo. Autor da fotografía Manuel Álvarez)

Na rúa Puerto Rico, fronte ao Colexio  San José das HH. Carmelitas, había un pequeno e estreito comercio que rexentaba Eladia, onde os rapaces e rapazas iamos mercar as pizarras, pizarríns, lapis, gomas, etc, mesmo pións  (peonzas) e bólas para xogar o guá ou ao currillo. Tamén era, se mal non lembro, mercería. Perruquerías recordamos dúas: a de Lombita, no adro da Igrexa, ao lado da zapatería do seu irmá. A outra perruquería, estaba na prazoleta de Igenacio Sobrino, fronte á tenda de Elías. Esta perruquería era, orixinariamente de Leoncio Lomba Feijoo quen, tendo previsto marcharse para Arxentina, traspasouna a Claudio Pazos Otero. Cando Claudio ingresou no corpo da Garda Civil, a perruquería pasou ao seu pai, Claudio Pazos López deixando este a perruquería que tiña fronte ao convento de San Benito. Outro perruqueiro do barrio era Santiago, aínda que o seu lugar de traballo estaba na rúa do Medio, na perruquería do Barbeiro de Sevilla.

    No Calvario, fronte á tenda do Arsenio, tiña consulta o médico Don Pepe Sobrino; outro médico, Don Hermelindo Portela, exercía a consulta  na rúa San Bernardo, máis tarde pasaría a tela na súa casa, practicamente no remate da rúa Puerto Rico co inicio da que hoxe é Donantes de Sangue, casa situada  fronte o fielato. Precisamente, fronte a casa de D. Hermelindo, construiría a súa vivenda, nos anos sesenta, outro médico, Reboreda.

Fermosa talla do ebanista Jaime Baz. A arte relixiosa estaba moi presente na obra deste artista do barrio da Guía, fillo de Juan e da tía Rosenda. Obra propiedade da familia exposta no ano 2007 na 3ª exposición de Xentes do barrio, organizada con motivo das Festas da Guía polo autor desta publicación

Na rúa Puerto Rico, á altura da coñecida como rampla, na actualidade fronte á Ford, había unha ferrería e as vivendas que se citan: 1: Casa de Rafael O Totó; 2: fragua de Jesús O Ferreiro; 3: Casa do Pájaro Pinto; 4: Casa de Serafín O Coxo, no baixo tiña a zapatería;  5: Casa de Jesús O Ferreiro

Santiago foi un dos perruqueiros do barrio. Traballaba na rúa do Medio pero nos últimos anos, cando pechou aquela perruquería, estableceuse por conta de seu na prazoleta de Santo Tomás que mantivo aberta ata que unha grave doenza o apartou do traballo

 D. Pepe Sobrino, tal vez foi o primeiro médico natural do barrio da Guía. Gran empresario deixou unha fonda pegada na vida empresarial guardesa. A súa consulta estaba na rúa Calvario, na casa que hoxe é propiedade de Carmen A Mica e Antonio o Maquilei

D. Hermelindo Portela é un dos médicos guardeses máis recordados e dende logo tamén máis queridos. Exerceu a súa actividade non só na Guarda senón tamén nos concellos veciños

Na rúa Puerto Rico, a man dereita en dirección á Alameda, xustamente antes das escolas graduadas, estaban os garaxes e oficina de Transportes Lomba, propiedade de Raimundo, que chegou a ser alcalde da Guarda. Destes garaxes e oficinas, hoxe non queda nada, pois no ano 2006 serían derrubados co fin de construír un edificio. Dous centros de ensino había por entón no barrio: o máis antigo eran as escolas públicas (escolas graduadas), onde impartiron clases mestres tan carismáticos como D. Manuel Rodríguez Sinde; D. Nicolás Gutiérrez Campo; D. Víctor Touriño López e Don José Álvarez López, entre outros, isto polo que se refire aos mestres dos rapaces, en canto  ás mestras que impartían ensinanza ás nenas, lembramos a Dona Elvira, Dona Marina, Dona Teresa, Dona Rocío... Estas escolas serían derrubadas no ano 1965  para construír, naquela, un moderno centro escolar que levaría o nome do mestre don Manuel Rodríguez Sinde. Este centro escolar a penas tivo 30 anos de vida como tal xa que, nos primeiros anos da década dos noventa, foi construído un novo centro, xa fóra do barrio, que o substituiría. O outro centro de ensino que por entón había era o Colexio San José, das HH. Carmelitas. O colexio deixaría estas instalacións para trasladarse a un novo recinto, situado en Netos. O ensino naquel centro estaba destinado principalmente ás nenas, no obstante, os rapaces, dende os tres ata os oito anos, podían acudir tamén ao Colexio San José. Para estes había un aula ao fronte da cal estaba unha das monxas, no meu caso a Hermana María Isabel. Lembramos tamén a Hermana Sabina, que era a que se encargaba dos máis cativos, nun pequeno cuarto que había anexo á aula masxunina. A Hermana Sabina foi a que nos ensinou as primeiras letras e os primeiros números. Tamén lembramos á porteira do centro, a Hermana Mª José.

Fotografía na que se pode ver a diferentes persoas do bario ou relacionadas co barrio da Guía: 1: D. José Álvarez López, mestre dos nenos máis pequenos, a partir dos seis anos, nas antigas escolas graduadas; 2: Joaquín Estévez, o Electricista, viviu no primeiro Transversal Solanas, nunha das casas propiedade da familia de D. José Mª Sobrino, posteriormente pasaría a vivir xunto cos demais membros da familia á rúa Concepción Arenal, nun dos pisos de Ligero;  3: ?; 4: Hermelindo Leza; 5: Carmen Gómez, muller de Ramón Vicente Caelo; 6: Doña Teresa Basanta Llenderrozos, mestra nas antigas escolas graduadas de nenas, muller de D. José; 7: Ramón Vicente, Caelo, un dos personaxes populares da vida guardesa; 8: Isolina Estévez, muller de Joaquín o Electricista; 9: Olga gonzález, do Gran Sol.

Na segunda quincena de agosto do ano 2006, os garaxes Lomba eran derrubados para construír no seu lugar un edificio con fachada ás rúas Puerto Rico e San Bernardo

Antigo colexio San José, das HH. Carmelitas.  Na actualidade este edificio está practicamente abandoado se ben as antigas aulas e a capela son utilziados para gardar mobles dun establecemento comercial guardés

Na fachada central do Colexio das HH. Carmelitas, na parte superior da mesma, aínda podemos ler o antigo nome do centro de ensinanza.

 

Algunhas das lembranzas foron recollidas nas conversas mantidas con varias persoas ou a través dos escritos recibidos. Se alguén quere facernos chegar información, fotografías, vivencias, etc, relacionadas co barrio da Guía (Ribadavila) poden facelo ao correo electrónico que figura máis arriba.

      O meu agradecemento a: Antonio Pereira (Toniño, fillo da tía Amparo e do tío Casimiro); José Antonio Uris; Susy (da familia do Cerepe); meu irmán, Manuel Luis Ferreira Lorenzo; meu primo, Félix Pérez Lorenzo, e outros que de seguro irei engadindo.

anterior           seguinte