www.galiciasuroeste.info

  

BARRIO  DA  GUÍA (Ribadavila)

ATA   1965

anterior           seguinte

Por Agustín Ferreira Lorenzo

agfelo@terra.es

 Ademais destes dous centros de carácter oficial, no barrio de Ribadavila houbo outros tres lugares “educativos”: así, sabemos dunha escoliña que rexentaba a tía Pascuala, á que ían a aprender as primeiras letras e números os rapaces do barrio. Esta escoliña estaba a carón da praza da Guía. Tamén houbo unha especie de gardería ou escola infantil para os máis cativos que rexentaba a tía María Piñeira, nun dos transversais da prazoleta da Guía. Finalmente, na rúa Vicenta Cachada, chegou haber unha academia rexentada por un home moi peculiar, Conci, quen, ao parecer, dominaba o inglés. Segundo nos comentaron, Conci viuse obrigado a marchar do centro onde impartía clases polas súas ideas chegando ata A Guarda.  No barrio viviron dous dos mestres que citamos con anterioridade. Así, na rúa Rodríguez Sinde, estableceu a súa residencia  Don Víctor Touriño López, posteriormente, alá polos anos setenta, cambiaría de casa trasladándose a outra, no primeiro Transversal Solanas. A mediados da década dos setenta, D. Víctor abandonaría definitivamente A Guarda para trasladarse a Santiago onde, por esas casualidades da vida, no ano 1977, topámonos con el na denominada Plaza Roja, así soubemos que residía na capital galega, anos atrás, a mediados dos sesenta, chegamos a cartearnos con el. O outro dos mestres, pero este con casa propia no barrio, foi Rodrigo Pantaleón, na rúa da Guía, a carón da fonte dos Campos.

      Na Guarda, e particularmente no barrio, destacou un dos primeiros fotógrafos que houbo nesta localidade e, de momento, o único nado no barrio da Guía: Joaquín García Portela, O Costiña, que vivía no que nós, de cativos, chamabamos “descampado”, a poucos metros da Laxe Grande, na fronteira entre os barrios da Guía e Solanas, hoxe rúa Rosal. Na casa familiar estableceu o seu estudo fotográfico trasladándose despois á rúa Concepción Arenal.

No ano 1965, as antigas escolas graduadas de nenos e nenas foron derrubadas para construír no seu lugar o novo centro escolar denominado D. Manuel Rodríguez Sinde, ademais de vivendas para os mestres. Na fotografía os últimos alumnos (correspondentes ao terceiro grao) que estiveron nas vellas escolas xunto co profesor que substituíu ao falecido D. Nicolás Gutiérrez Campo. Fileira de arriba, de esquerda á dereita: Antonio Portela (Revoltosa); Domingo; Nicolás; Emilio (naquela non era do barrio pero xa leva agora vivindo moitos anos na rúa Calvario, onde ten casa); D. Manuel Longo Rodríguez, mestre natural de Vilagarcía; José Mª; Troski (falecido nun accidente de mar en plena xuventude); Pepe; ?.

Segunda fileira: Antonio Rocha; Agustín Ferreira (dos Arsenios, da Guía, autor deste traballo); Antonio Pérez (da Guía, actualmente en Madrid); Julio O Cachiza (emigrante retornado de Venezuela); Laureano Domínguez (da Guía); Emilio Baz Mauri (naquela non era do barrio pero leva moitos anos vivindo na rúa Calvario onde ten casa); Antonio Ferreira (dos Arsenios, da Guía); Lencho?; José Benito Vicente Parente (está fóra da Guarda, é Garda Civil); José Mª Verde (da Guía, actualmente en Venezuela).

Terceira fila: ?; Tolín; Generoso; José Manuel Coballes (da Guía); Jesús Estévez Estévez (da Guía, xa falecido); Tante; Emilio; Toural; Antonio da Riceira; Javier.

 En primeiro termo, agachados: ?; Suso Alonso; Julio Sobrino (da Guía, reside fóra da Guarda); Joaquín Velasco; Moaña

Costiña, rodeado de aparellos. Ata agora é o único fotógrafo nado en Ribadavila. Na fotografía con dous dos seus netos: á esquerda Enrique (fillo de Consuelo e Pepe) e á dereita Arturo (fillo de Celia e Jesús).(Fotografía cedida por Mila).

 Nesta casa da rúa Rosal, ata mediados dos anos oitenta esta rúa era un estreito camiño, viviu o fotógrafo Joaquín  García Portela, Costiña. Na actualidade a casa é propiedade de Luis o Melé e da súa muller Milagros. Nos anos oitenta, Luis Ferreira, fillo de Arsenio o Municipal e de Fina Taboleta, e irmán de quen esto escribe, montou no baixo unha tenda-tasca que logo trasladaría ao baixo da súa vivenda, no primeiro Transversal Solanas, xa como tenda de ultramarinos.

No ano 1958, tal vez con motivo das Festas do Monte, disputouse un partido de fútbol  de casados contra solteiros no Estadio del Tecla, no que Caelo (2º pola esquerda) actuou de árbitro e o policía D. Severino (1º pola dereita) de linier. (Foto cedida por Jacobo).

        Na prazoleta de San Bernardo, no baixo da vivenda de Emilia Sobrino (a quen adicaremos un dos capítulos de Xentes de Ribadavila), filla do tío Isidoro e da tía Erundina, había unha oficina de policía onde se facían os DNI. Nesta oficina traballou o policía D. Severino Vázquez, que tiña casa na rúa San Bernardo, practicamente fronte á carpintería de Junío. D. Severino, xunto cos demais membros da súa familia, deixaría A Guarda para trasladarse a Madrid. A pesar da distancia, esta familia nunca esqueceu a vila guardesa a onde viñan tódolos veráns, e onde residen actualmente dous dos fillos. Como nas grandes cidades, no barrio da Guía, segundo me contan, tamén houbo unha casa de mulleres (un putiferio), case que no final da rúa Largo. Xastrerías e similares (bordados, costura) atopamos por aquelas datas unhas cantas: Na rúa Vicenta Cachada estaba, por dicilo dalgún xeito, a máis famosa, renombrada e popular de cantas houbo non só no barrio, senón tamén en toda A Guarda, era a de José Mª Rolán Rodríguez, oriundo do barrio mariñeiro. A xastrería estaba fronte ao adro da Igrexa parroquial. Neste local, xuntábase a flor e nata do ámeto social, cultural e político guardés, pois nela, de seguro, debía haber interesantes reunións nas que se arranxaba o pobo, falábase de política, de arte, de literatura..., esta fama, este bulir social, a viveza que debía orixinarse no interior da xastrería, deu motivo a que un dos intelectuais guardeses da época, asiduo da mesma, o poeta, escritor e político Manuel Álvarez Vicente, lle dedicase unha obriña teatral titulada As tertulias de Rolán, escrita en Puerto Rico cara ó ano 1911. Este ilustre guardés, na dedicatoria da mencionada obra sinala: Si yo no le dedicase a usted esta obrita, hija de la tertulia donde tanto se soñó, hace quince años, en el progreso de La Guardia, incurriría en una falta de que nunca me lamentaría bastante, porque usted, alma de aquella reunión inolvidable,  tiene bien ganado el afecto que entrañan estas líneas, a las que no quiero poner punto final sin confesar mi simpatía para los tertulianos vivos, ni sin rendir un devoto recuerdo al contertulio muerto, el cual sigue viviendo, sin embargo, a través de LA TERTULIA DE ROLÁN.

Fotografía de José Mª Rolán, xa cunha idade moi avanzada. Este home, moi vinculado á vida social e cultural guardesa da primeira metade do século XX, morrería cando estaba a piques de cumprir os 102 anos

 

No Calvario, Toniño, fillo do Tío Casimiro e da tía Amparo, logo de deixar a xastrería na que traballara durante moitos anos, a de Eloy, que se atopaba ao lado de onde hoxe está Caixagalicia —practicamente no entronque entre a rúa Galicia (naquela de José Antonio Primo de Rivera), coa de Concepción Arenal—, estableceríase pola súa conta abrindo o seu propio taller, primeiro no andar superior da casa onde vivía cos pais e onde estaba a panadería, e anos máis tarde, trasladándose á que sería a definitiva vivenda e onde segue a residir na actualidade, na mesma rúa Calvario, e a poucos metros da anterior vivenda. Nos anos oitenta, Toniño ampliaría o seu pequeno negocio cun quiosco-librería, no que vendía, ademais dalgún xornal, cadernos, lapis, bolígrafos, etc. Outra das xastrerías do barrio era a de Sira, filla do tío Juan O Pendejo. O taller de Sira foi moi activo, chegando a traballar no mesmo máis dunha ducia de mulleres que recibían o nome xenérico de oficialas. Este taller estaba na rúa Calvario, na primeira planta, enriba do taller de carpintería do seu pai.

Toniño no seu establecemento que era á vez librería (Quisco La Guía) e xastrería, a finais da década dos oitenta. Como noutros establecementos (zapaterías, perruquerías, tendas...), neste xastrería-librería reuníanse moitos amigos e mozos, tanto do barrio como de fóra del, para falar de todo o que viñera á mente. Desgraciadamente, este tipo de “locais sociais” xa é difícil atopalos, perdéndose un dos lugares de reunión popular. (Foto cedida por Antonio Pereira, Toniño. Fotografía de Manuel Álvarez).

Taller de costura de Sira. Este taller tivo unha grande actividade como se pode apreciar polo número de “oficialas” que traballaban nel. O taller ubicábase no andar superior do que hoxe é restaurante "La Casa de la Abuela”.

Lembramos tamén na rúa Puerto Rico, fronte á prazoleta de San Bernardo, outro pequeno taller este de bordado,  rexentábap Mª Luísa Peniza González, muller do municipal Manuel González Otero.

Luísa Peniza, na fotografía no ano 1947, tiña un pequeno taller de bordado nun cuarto no baixo da súa vivenda. Este taller daba á estrada Puerto Rico onde aínda lembramos traballar a Luísa cando tiña a fiestra aberta. (Foto cedida por Manuel González Peniza).

O único almacén que había no barrio era o dos Hermanos Martínez, chamado por aquela almacén de ultramarinos y coloniales, propiedade dos irmáns Víctor e Vicente, que surtía ás tendas da localidade e que se atopaba na rúa José María Andreini, no edificio que fora de Francisco Álvarez Moreno, onde hoxe está a Reloxería Alonso e anteriormente o comercio de electrónica e taller de O Brasileiro, que vén sendo o mesmo edificio no que se atopa a tenda do Galo. No primeiro andar deste edificio, entrada pola citada rúa, estaba a centraliña de telefónica ao fronte da cal se atopaba Nina Martínez Rodríguez, cuñada de Marcial Villa. E nesta rúa de José Mª Andreini, atopamos, finalmente, o único comercio de teas que había no barrio, chamado Los Muchachos, que estaba fronte á tenda de O Galo cuxos propietarios eran os irmáns Agustín e Salvador.

Nina, cuñada de Marcial, foi unha das telefonistas que houbo na Guarda. Nesta fotografía vémola na centraliña telefónica que había no edificio da rúa José Mª Andreini.(Fotografía cedida por Joaquín Aráiz).

Los Muchachos, era un comercio de teas que se atopaba fronte á tenda do Galo, na esquina esquerda entre a rúa Puerto Rico e a de Jose Mª Andreini. A entrada ao comercio estaba por esta última rúa, mentres que o escaparate daba á de Puerto Rico. Na fotografía o escaparate decorado con motivo dun día de San Valentín, alá polos anos sesenta. (Fotografía cedida por Manuel Lorenzo).

anterior           seguinte